11.6 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaNenos e nenas de «DepoEmprende na Escola» apostan pola sustentabilidade, a reciclaxe...

    Nenos e nenas de «DepoEmprende na Escola» apostan pola sustentabilidade, a reciclaxe e o medio ambiente

    Máis de 300 nenas e nenos de 9 centros de educación primaria e especial da provincia tomaron o Salón de Plenos da Deputación na presentación dos seus proxectos

    Máis de 300 rapazas e rapaces de entre 10 e 11 anos dos 9 centros da provincia participantes en “DepoEmprende na Escola” tomaron esta mañá o Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra na presentación das 14 cooperativas que van desenvolver ao longo do curso escolar.

    O alumnado máis novo, dos cursos de educación primaria e especial, amosou o seu compromiso co coidado do medio ambiente ao centrar os seus proxectos na sustentabilidade, na reciclaxe e na ecoloxía. Amais, en canto aos beneficios, as nenas e nenos fixeron gala da súa solidariedade ao explicar que parte das súas ganancias irán destinadas a diferentes ONGs ou asociacións, entre as que destacaron diversas protectoras de animais.

    Neste eido, o deputado provincial Carlos Font salientou os grandes valores que teñen estas novas xeracións, “utilizades linguaxe inclusiva a prol da igualdade; acordádesvos das persoas máis necesitadas e de causas como a protección dos animais e, tamén, estades concienciadas e concienciados co cambio climático e coa protección do planeta; uns dos eixos fundamentais da Deputación de Pontevedra”.

    Na súa intervención, Font fixo fincapé na importancia de impulsar a cultura emprendedora e na calidade dos proxectos presentados, “despois deste acto, todas e todos nós podemos quedar tranquilos porque o futuro que vén é espléndido”. Para finalizar, o deputado provincial tamén fixo un recoñecemento público ao profesorado e a todo o persoal que fai posible que este programa poida levarse a cabo.

    O acto comezou co saúdo en vídeo da presidenta da Deputación, Carmela Silva, ao alumnado participante no que animou ás nenas e nenos a que seguiran formándose na cultura emprendedora e a “desenvolver a súa creatividade de cara a creación de empresas”. A continuación, o alumnado dos centros participantes de educación primaria e especial, dividido en dúas quendas, presentou as súas cooperativas e, posteriormente, foron entregados os NIF. A xornada rematou coa actuación de “A Saco Circo”, co que todas as rapazas e rapaces desfrutaron e participaron nun espectáculo cheo de humor, xogos, maxia e malabares.

    Máis polo miúdo, na primeira quenda, o CEE Pontevedra presentou a cooperativa “3E”; o CEIP Plurilingüe Enrique Barreiro Piñeiro de Cambados explicou a súa cooperativa “Vilariño’s Company”; o CEIP Antonio Palacios do Porriño presentou “Naturoides”; O CEIP Santo André de Xeve de Pontevedra presentou tres cooperativas, “Redex”, “Xeveshop” e “Cooperativa Escolar Xeve” (C.E.X); e o alumnado do CEE Vilagarcía de Arousa leva a cabo “Specialmans”. No que respecta á segunda quenda, o CEIP nº1 de Tui foi o primeiro en presentar a súa cooperativa “MC’Pache”; o seguinte centro en expoñer foi o CEIP A Xunqueira I de Pontevedra, que conta con catro cooperativas, “Multishop”, “Ecoxunqueira”, “Lado Bio” e “Xunqueir@s”; o alumnado do colexio público Covaterrreña de Baiona explicou o seu proxecto “Aloumiños de Papel”; e, finalmente, o colexio público Serra Vincios de Gondomar pechou a xornada coa presentación da cooperativa “Coopevincios”.

    O proceso para o desenvolvemento das cooperativas comeza coa constitución da mesma e continúa coa a imaxe corporativa e logotipo, estudo de mercado, prototipo de produto, recollida dos NIF, procura de financiación, produción e fabricación do produto, prezo e etiquetado, preparación da venda para o mercado final da Deputación e, por último, o balance dos resultados.

    Dende que se puxo en marcha “DepoEmprende”, no 2016, máis de 2.200 alumnas e alumnos de 41 centros educativos de 21 concellos da provincia participaron nas tres modalidades do programa. Neste eido, esta iniciativa está dividida en “Depoemprende na Escola”, proxecto dirixido ao alumnado de educación primaria (5º e 6º curso) e de educación especial,”DepoEmprende na ESO” para mozas e mozos de 4º da ESO, e “DepoEmprende na FP” dirixido a centros que imparten Formación Profesional de Grado Medio ou Superior.

    O obxectivo destes tres proxectos é fomentar o emprendemento como un dos factores clave nunha economía do coñecemento eliminando as barreiras que dificultan a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos, promover a cultura emprendedora no marco do sistema educativo e impulsar que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo desde a práctica. Ao mesmo tempo, tamén favorece o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise do entorno físico, á creación, á convivencia, ás expresións culturais, ás matemáticas e ciencias e á alfabetización dixital.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.