Un total de 94 persoas finalizan catro cursos formativos do programa da Deputación de Pontevedra “Tecendo Lazos 2019”, cuxo principal obxectivo é crear espazos onde as persoas dunha mesma familia e doutras poidan xuntarse e intercambiar experiencias arredor das temáticas de cada obradoiro. Desta forma, entre o xoves 28 e o venres 30 de novembro clausuraranse os cursos en Barro, Forcarei, Cuntis e Gondomar.
O venres clausuraranse dous cursos. O primeiro deles levou a 29 habitantes de Cuntis a coñecer máis de preto a “Cestería tradicional con reciclaxe de xornais e cartóns”. Pola súa banda, o segundo, reuniu a 17 veciñas e veciños de Gondomar en torno ás “Manualidades de moldeado e pintado con obxectos reciclados”.
Máis polo miúdo, 22 habitantes de Barro adquiriron coñecementos sobre “Reciclaxe téxtil” nun obradoiro que finalizará o xoves 28 de novembro. A deputada provincial Noemí Outeda acudirá o último día do curso á Biblioteca Municipal do concello para facerlle entrega aos participantes de diplomas acreditativos.
O mesmo día 26 veciñas e veciños de Forcarei concluirán un curso de “Bailes e cancións de agora e de sempre”. Neste caso será o deputado provincial Carlos López Font quen acuda ao Centro Social de Forcarei para entregarlles os diplomas aos participantes.
“Tecendo Lazos” oferta este ano accións formativas en 35 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. O principal obxectivo do programa é crear lazos afectivos interxeneracionais, de xeito que os cativos e cativas adquiran habilidades novas e empatía cara outras xeracións, mentres que as persoas de idade avanzada avellenten de xeito activo e optimicen así as súas oportunidades de xerar e transmitir coñecemento.