8.3 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaCarmela Silva amosa a súa "indignación e enfado cos negacionistas da violencia...

    Carmela Silva amosa a súa “indignación e enfado cos negacionistas da violencia de xénero”

    “Asasínanos polo mero feito de ser mulleres. Así que si, hai violencia de xénero sobre nós, as mulleres. ¿Como alguén se atreve a dicir que non hai violencia machista?”, pregunta a presidenta

    A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, expresou hoxe a súa “indignación e enorme enfado cos negacionistas da violencia de xénero” no acto de arranque da quinta edición do programa ‘Mulleres en acción. Violencia Zero’, ao fío do ’25N, Día Internacional contra as Violencias Machistas’. Ante numeroso público e coa asistencia da concelleira de Igualdade de Pontevedra e deputadas e deputados do goberno provincial, o Pazo acolleu a representación da performance ‘Pan duro I’, das castro artistas Ana Gesto, María Marticorena, Isabel León e Ana Mateo, que por primeira vez accionaron xuntas e coa que reivindicaron a necesidade de rachar co sistema machista e patriarcal que mata ás mulleres polo mero feito de selo.

    “Estou moi indignada, enfadada, estou farta –asegurou Silva–. Esta mañá temos sabido que outra muller foi asasinada en Tenerife. Chamábase Sara e foi apuñalada polo mero feito de ser muller. Asasínanos polo mero feito de ser mulleres. Así que si, hai violencia de xénero, sobre nós, sobre as mulleres”.

    A presidenta da Deputación recordou que no que levamos de ano xa son 52 as asasinadas, dúas mais que en todo o ano pasado, e, 1028 dende que hai rexistros. “¿Como alguén se atreve a dicir que non hai violencia de xénero?, ¿que sociedade democrática somos se non sentimos unha tremenda dor por unha muller asasinada polo mero feito de selo?”.

    Silva afirmou que “hoxe moitas e moitos poñerán pancartas, participarán en manifestacións e farán declaracións nos medios de comunicación dicindo que están en contra da violencia de xénero pero non é verdade. Hai partidos políticos que din que cando se asasina unha muller se asasinan a todos os galegos e non é verdade: cando se asasina a unha muller se nos asasina a todas as mulleres, exclusivamente a nós, por un sistema que nos discrimina, por un modelo social que cree que as mulleres non temos os mesmos dereitos que os homes. Non temos que poñernos en contra soamente dos maltratadores, que tamén, senón en contra de todo o sistema machista”.

    A presidenta provincial asegurou que “hoxe é un día de reivindicar que queremos normas que permitan que haxa recursos para que as mulleres teñamos todos os instrumentos para loitar contra todas as discriminacións que padecemos. Hoxe é un día de denuncia, clara e contundente e sen complexos, con indignación. Hoxe é un día para recordar que a ONU ten dito que Vox e os fascistas son un perigo para a igualdade das mulleres, pero tamén os cómplices que os acompañan e compran o seu discurso. Hoxe é un día para dicir que estamos fartas, que loitaremos ata que haxa violencia cero, ata que teñamos os mesmos dereitos”, asegurou. Carmela Silva aproveitou a ocasión para facer un chamamento á sociedade: “querémola con nós, coas mulleres que levantaron a voz dende o feminismo. E queremos tamén aos homes ao noso lado, pero querémolos do noso lado, non negando o que nos acontece por ser mulleres.

    Pola súa banda a concelleira de Igualdade de Pontevedra, Paloma Castro, reafirmou o seu compromiso “na loita contra as violencias machistas, a máis brutal mostra de desigualdade entre mulleres e homes”. A comisaria de “Mulleres en acción. Violencia Zero”, Paula Cabaleiro, amosou a súa preocupación porque “cinco edicións despois, temos cifras de violencia moi alarmantes”. Neste eido destacou a importancia do programa centrado na cultura para “xerar axentes de cambio e que a xente se implique dende a súa reflexión persoal”.

    A performance das catro artistas consistiu nunha acción que comezou sendo individual e despois de xeito simultáneo uníronse dende diferentes lugares do Pazo. Todas elas vestidas de negro e con “moletes de pan duro”, adheridos ao corpo, pintados de negro e dourado, simbolizando a desigualdade histórica que arrastran as mulleres, rematando cunha sorte de “acción sonora” conxunta, na que ían despoxándose do corpo con coitelos os “moletes”, símbolos do patriarcado e as súas violencias implícitas. “Pan duro ” completarase este martes no Museo Marco de Vigo coa segunda parte desta acción artística.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.