O conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, e a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, veñen de asinar un convenio para a promoción turística do municipio a través da instalación e posta en servicio de pantallas e monitores en distintos puntos do casco urbano, de forma que os visitantes teñan acceso directo á información.
Válcarcel sinalou que “estamos na era das telecomunicacións e temos que adaptarnos ao seu uso”. A alcaldesa no dubida ao sinalar que tenta converter tamén ao concello de Salvaterra de Miño “nun referente en canto ao xeito de compartir información cos veciños e visitantes da zona”.
A día de hoxe –explica a rexedora local– “o noso municipio é unha das zonas máis visitadas do sur da provincia de Pontevedra xa que son centos de persoas as que se desprazan a nosa Vila para desfrutar dunha das zonas verdes máis importantes de Galicia, o Parque Público A Canuda; que veñen a camiñar polos máis de 30 km de sendas verdes polas beira dos nosos ríos ou que ven a empaparse da nosa historia visitando o noso Recinto Amurallado ou o Museo da Ciencia do Viño ou que buscan bañarse no nosos Espazo Termal Lúdico…”.
Con esta acción o Concello de Salvaterra de Miño busca derivar a todos eses visitantes que se achegan ao municipio durante todo o ano “aos diferentes puntos de interese nas parroquias, xa que Salvaterra de Miño conta cunha gran riqueza patrimonial, cultural e histórica ao longo das súas 17 parroquias, a través da instalación de tres tipos de pantallas publicitarias en tres puntos estratéxicos”, explica Marta Valcárcel.
A obra consiste na instalación dun monitor de alta luminosidade táctil na Rúa Miño, no cruce de entrada cara o Parque A Canuda, onde todos os visitantes terán un acceso directo e fácil a toda a información turística do municipio.
Doutra banda instalarase unha pantalla na glorieta existente no cruce de Rúa Rosalía de Castro coa Rúa Miño e outra no parque A Canuda, a través das cales ademais de proxectar as imaxes do Concello axudará a publicitar os eventos deportivos e culturais do municipio e toda a información de interese para veciños e visitantes.