Sábado, 26 Xullo de 2025

Redondela celebra o Día Mundial da Saúde Mental cunha mesa redonda

0

Co gallo do Día Mundial da Saúde Mental o Concello de Redondela organiza o vindeiro martes día 10 de outubro, unha mesa redonda no multiusos da Xunqueira, ás 19:30 h, que versará sobre o traballo que se está a facer na prevención do suicidio infanto-xuvenil.

Según declaracións da concelleira de infancia e saude Pilar Martínez “a enfermidade mental  é unha das patoloxías máis incomprendidas e que máis dor produce a quen a padece, é moi difícil entender o sufrimento que xenera. Por outra banda o suicidio, é unha  decisión que implica unha situación persoal tan extrema que para o/a paciente é a única saída que visualiza”.

Para o Concello de Redondela, a prevención é fundamental; traballando de xeito integral, familia, persoal médico, psicologos, profesorado, compañeiras e compañeros, servicios sociais, etc, para dar resposta e axudar a atopar recursos que eviten una decisión tan dramática.

“É necesario  ter dispositivos de atención e  procedementos áxiles que detecten e traten síntomas e situacións que poidan conducir a conductas autodestructivas”, sinala a concelleira, Pilar Martínez.

Covelo participou na Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

0

O Concello de Covelo participou na Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade do que é membro dende o ano 2006. A concelleira delegada para representar ao Concello, Lourdes Enes, destaca que “pertencer ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade permítenos aprender doutras culturas e experiencias pero tamén achegar o noso gran de area para construir un mundo máis xusto porque o global é local e é responsabilidade de todas e de todos”.

Representantes duns corenta concellos participaron na Asemblea Xeral celebrada na capital de Galicia, que se abriu cun balance do período 2019-2023 por parte do seu presidente. Juan González expresou como “o Fondo Galego permite que calquera municipio achegue o seu gran de area á construción dun mundo mellor, pois aportando moi pouquiño temos a posibilidade e o orgullo de facer cooperación internacional”. O rexedor situou entre os logros do mandato a adopción dun sistema de cotas máis proporcional, o relanzamento da cooperación técnica realizada por persoal municipal, o impulso á implementación da Axenda 2030 no eido local ou a creación da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS.

O equipo técnico da entidade repasou a continuación as accións que se están a promover no ano en curso, comezando polos proxectos de cooperación ao desenvolvemento nos países do Sur Global. Nestes intres, estanse a apoiar sete actuacións directas ou a través de ONGD galegas no Sáhara, Mozambique, Guinea-Bissau, Guatemala, Nicaragua e El Salvador. Ademais, nas vindeiras semanas persoal dos concellos de Boiro, Lousame e Pontedeume compartirá os seus coñecementos cos parceiros en terreo a través do programa Especialistas en Cooperar. Tamén proximamente se celebrará na Illa do Príncipe o IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía e organizarase ademais unha misión aos campamentos de persoas refuxiadas saharauís na que políticas e políticos das deputacións e concellos están chamados a participar.

Na Asemblea Xeral presentouse tamén en primicia a campaña ‘313 Olladas Solidarias’ que o Fondo Galego desenvolverá neste último trimestre por toda Galicia co fin de ampliar o número de administracións locais socias. En canto ás accións desenvolvidas no presente exercicio en relación coa sensibilización e o fortalecemento institucional, destacan o II Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional, organizado en Lugo coa participación de máis de 200 asistentes, ou as recentes visitas de delegacións chegadas Brasil, Italia, Príncipe e da República Árabe Democrática Saharauí para intercambiar experiencias.

Volve “Parte de ti”, campaña de apoio ao rural

Ante o éxito da campaña Parte de ti, que se lanzou fai catro anos, Eurural decide ampliala un ano máis para seguir dando a coñecer as grandes historias que hai detrás dos produtos e servizos da nosa contorna.

A presentación tivo lugar onte ás 12:00 horas no Pazo da Escola, en Gondomar, e contou coas intervencións de Paco Ferreira, alcalde da vila; Sandra González, alcaldesa de Tomiño e presidenta do Grupo de Desenvolvemento Eurural; Carmen Barbosa Pacheco, presidenta da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalia e Sara González Pacheco, integrante desta mesma asociación.

Parte de ti nace co obxectivo de dirixir o apoio ás persoas produtoras, transformadoras e comercializadoras do rural. Trátase, por tanto, dunha campaña enfocada a sensibilizar, concienciar e informar baseándose nas historias dos profesionais que ofrecen os seus produtos e servizos no rural. Cada unha destas historias cóntase en forma de vídeo para achegar a realidade do rural ao espectador.

Durante a rolda proxectouse o vídeo de presentación da campaña e unha das historias, a de Marina Álvarez, unha redeira da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia (https://partedeti.eurural.org/historias/marina-alvarez/), desde a cal conseguiron ao longo dos seus anos de traballo dignificar a profesión, mellorar as súas condicións de traballo e ademais comezar un par de proxectos paralelos, coma unha colaboración con Artesanía de Galicia, con quen fan obxectos de artesanía e un proxecto que teñen con Amalia Puga, con quen agora mesmo están elaborando unhas lámpadas con redes recicladas.

“Moitas mulleres da miña familia son redeiras, desde nena vin como loitaron para estar onde estamos. O importante agora e que se incentive o relevo xeracional porque este é un traballo moi importante que non poden facer as máquinas. O futuro do mar, depende das redes”, Sara Gónzalez Pacheco, redeira máis nova da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia.

“Sentímonos moi orgullosas do noso traballo. Que o traballo é duro, hai que traballar coas mans molladas, pero o salitre está no noso corpo”, Carmen Barbosa Pacheco, redeira máis nova da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia.

Ademais da historia da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia (A Guarda), presentaranse ao longo da campaña outros proxectos coma Aitor (Tomiño), Lagar das Eiras (O Rosal), Lucky´s Bakes (Baiona), Viravolta (Tui) , El Ultramarino (O Porriño), O Muiño da Espelta (Mos), Carnicería Gandería Grego (Fornelos de Montes), Ara Restauración e Conservación (Nigrán) e Casa Rural Budiño de Serraseca (Oia).

Becas de estudo para os veciños de Arbo

0

O Concello de Arbo, en colaboración coa Fundación “Segundo Gil Davila”, convoca unha liña de becas de estudo, que ascenden a unha contía de 500,00 € cada unha.

Poderán solicitar esta axuda aqueles mozos que realicen estudos universitarios no presente curso 2023/2024 e que cumpran os seguintes requisitos:

  1. Estar empadroado no Concello cun ano de anterioridade ao momento en que se solicita a beca.
  2. Non estar en posesión ou non reunir os requisitos legais para a obtención dun título do mesmo ou superior nivel ao correspondente ao dos estudos para os que se solicita a beca. A estes efectos, non poderán ser beneficiarios de beca aqueles estudantes aos que unicamente lles reste, para a obtención do título, a acreditación dun determinado nivel de coñecemento dun idioma estranxeiro.
  3. Estar matriculado nalgunha das ensinanzas universitarias do sistema educativo español para obter un título universitario oficial.
  4. No caso do Master, só se terán en conta aqueles que habilitan para o exercicio profesional.
  5. Non atoparse incurso nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.

A Instancia de solicitude dirixirase ao Sr. Alcalde do Concello de Arbo, acompañada da documentación establecida nas Bases da convocatoria (a disposición dos solicitantes nas Oficinas Municipais e na páxina Web).

O prazo de presentación estará aberto dende o día 9 de outubro ata ó 9 de novembro de 2023.

Éxito de participación na actividade organizada polo Día Mundial da Saúde Mental en Baiona

0

Este 10 de outubro é o Día Mundial da Saúde Mental, o Concello de Baiona, a través da Concellería de Política Social, organiza unha xornada que celebrase co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre esta realidade e eliminar o estigma social que sofren as persoas afectadas.

Para o Concello de Baiona, a saúde mental é unha prioridade á cal se pretende dar un impulso cunha estratexia que permite facer fronte ao reto que supón a mellora no ámbito da saúde mental da poboación da man doutras institucións e das entidades da localidade. Neste marco, o Concello colabora coa asociación “Avelaíña, Saúde Mental”.

Este xoves, 5 de outubro ambas as entidades colaboraron na organización dunha actividade na que participaron veciños e veciñas do municipio nun paseo pola Península de Santa Marta acompañados por un guía que explicará “Cando Sir Drake quixo invadir Baiona”. Baixo o lema: Saúde Mental, Saúde Mundial: Un Dereito Universal desde a Concellería de Política Social e a asociación se trataron tips sobre saúde mental. A misión foi a de promover a saúde mental e previr e atender os trastornos mentais a fin de mellorar o benestar psicolóxico e a calidade de vida de toda a poboación. O punto de partida do paseo foi na caseta dos socorristas da Praia de Santa Marta. A Concelleira de Turismo, Sheila González Martins, guía oficial turística da Xunta de Galicia, exerceu como tal na actividade na que participaron activamente os usuario da Asociación de Avelaíña dando a coñecer entre os participantes tips sobre saúde mental.

Baiona pode presumir de ser a primeira localidade que impediu un ataque do pirata Drake. O vindeiro domingo, día 8, cúmprense precisamente 438 anos desta xesta. O día en que os baioneses frustraron o asalto do temido corsario inglés á fortaleza de Monterreal. Desde o Concello pensouse ligar este feito cos tips de Saúde Mental e organizar esta actividade.

Esta actividade forma parte do proxecto de Deporturismo Social que recentemente se puxo en marcha desde o Concello de Baiona e que ao longo destes meses irá realizando máis accións deste tipo coa cidadanía.

A través da contorna envexable queren contribuír ao coñecemento da historia da vila, a realizar actividade física sociabilizar e dar pautas para a saúde en xeral, facendo fincapé na mental. A importancia de coidar de nós mesmos.

O 40 % das persoas que realizaron o Camiño Portugués en setembro saíron dende Tui

0

Un total de 5.322 persoas saíron dende Tui no pasado mes de setembro para realizar o Camiño  Portugués de Santiago. Representan o 40 % dos 13.300 peregrinos e peregrinas que en setembro percorreron esta vía xacobea. Estes datos da Oficina do Peregrino da Catedral e Santiago, e os aportados pola Oficina Municipal de Turismo de Tui, en setembro  confirman a desestacionalización da presenza de visitantes e peregrinos na cidade.

Tui consolídase así coma o segundo lugar de inicio do Camiño de Santiago tras Sarria, en todas as rutas xacobeas, segundo as estatísticas da Oficina do Peregrino da Catedral e Santiago, unha posición mantida ao longo dos meses. Cómpre salientar que de Valença saíron en setembro 1.912 persoas cara Compostela.

Así unha media de 443 peregrinos e peregrinas percorren diariamente a cidade, segundo se desprende destes datos. Boa parte dos mesmos fan noite en Tui nos establecementos de hostalería tudense e moitos aproveitan tamén para coñecer a cidade.

Das 13.300 persoas que en setembro realizaron esta ruta xacobea 65,62% eran estranxeiras e o 33,56% eran españolas segundo os datos da Oficina do Peregrino da Catedral e Santiago.

Dos peregrinos e peregrinas internacionais o 10,24 % portugueses, o 8,22 % estadounidenses, case o 8% alemáns, e o 4,63 % italianos. Pero tamén se rexistraron cidadáns de Brasil, Reino Unido, Canadá, Australia, Holanda, República Checa, ou México.  Mentres nos peregrinos nacionais o 32 % foron andaluces, o 14 % madrileños, o 12 % valencianos, e case un 8 % canarios.

A concelleira de Turismo do Concello de Tui, Ana Núñez Álvarez, sinala que estes datos confirman “a consolidación dos procesos de desestacionalización na afluencia de peregrinos e peregrinas especialmente de procedencia internacional que garanten que a peregrinación actúe como un motor do sector turístico tudense practicamente ao longo de todo o ano”. Engade que “estas son unhas cifras que reclaman de todos os axentes implicados unha aposta pola calidade da acollida e a hospitalidade na nosa cidade para consolidar esta tendencia”.

O VIII Programa Integrado de Emprego de Mos celebra a Mesa Sectorial Kit ao Emprego

0

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou en Mos na Mesa Sectorial Kit ao Emprego, -enmarcada no VIII Programa Integrado de Emprego que a Xunta subvenciona na localidade mosense-, acompañada pola alcaldesa, Nidia Arévalo, e a concelleira de Formación e Emprego, Julia Loureiro.

Este encontro celebrouse da man do tecido empresarial de Mos no espazo colaborador ZEN SUITE GARDEN, sito na parroquia de Torroso.

Entre o empresariado participante contouse coa participación de Ramón Alonso, Director Xeral de DALOT; Verónica Allegue, HR Manager de PLASTIC OMNIUM; Angeles Leirós, Xerente de ACCESCA  e Tania Herbojo, técnica de selección de  Vegalsa Eroski. 

Á xornada asistiron 50 persoas, entre usuarios do propio Programa Integrado de Emprego e outro público interesado.

Para clausurar o acto a rexedora mosense, Nidia Arévalo, salientou que “aínda que non é unha competencia municipal, unha das miñas máximas prioridades e preocupacións na xestión como alcaldesa é a inserción laboral da veciñanza en situación de desemprego, por iso quero agradecer a man tendida da Xunta de Galicia polo seu apoio incondicional a programas coma este no Concello de Mos, ás empresas pola súa colaboración e participación neles; e, aos usuarios e usuarias, animalos a seguir esforzándose e continuar formándose e realizando unha busca proactiva que, de seguro, dará os seus froitos”.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, sinalou que  estamos ante outra “excelente actividade” para comprobar a “boa xestión” dos fondos públicos en Mos. “Hai iniciativas como os Programas Integrados de Emprego que dan sentido ao traballo das administracións e resulta unha marabilla comprobar que o diñeiro está moi ben investido e que se incrementan os índices de inserción laboral”, sinalou tras agradecer tamén a implicación das empresas privadas.

Durante todo o evento as/os profesionais compartiron as chaves dos seus procesos de selección, dos diferentes perfís profesionais que buscan e dos requisitos e das actitudes valoradas dende a perspectiva dos propios técnicos e técnicas de selección para, deste xeito,  poder acadar con éxito a inserción laboral. Así mesmo as persoas asistentes tiveron a oportunidade de compartir os seus intereses e motivacións profesionais co persoal integrante da mesa sectorial.

Datos do VIII Programa Integrado

O Programa Integrado de Emprego 2023 Concello de Mos iniciouse con 100 persoas usuarias do mesmo, das cales 60 xa se atopan traballando.

Esta VIII edición do Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos comezou en novembro do ano pasado e conta con subvención auntonómica da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, que aporta 250.000 euros do total de 314.465,41 euros que custa o proxecto. O importe restante é cofinanciado pola administración local mosense.

A porcentaxe de inserción acadada elévase xa ao 60 % e desde o programa continuarase asesorando e orientado a aquelas persoas demandantes na procura activa de emprego, nos procesos de selección ou noutros perfís profesionais dende a perspectiva do actual mercado laboral, para poder acadar a máxima porcentaxe posible de inserción laboral das persoas participantes antes da súa finalización o vindeiro 16 de novembro.

Con esta porcentaxe actual de inserción do 60 % xa se superou o obxectivo final do programa, pois se establecía a inserción dun mínimo dun 45 % das persoas participantes.

Outros dos obxectivos do Programa Integrado son: a mellora da empregabilidade das persoas participantes. Ser un instrumento útil para as empresas, traducido na adecuación dos perfís profesionáis para unha posible incorporación ás suas empresas. E ofrecer medidas de apoio ao participante tales como a axuda de 7 €/día por participar nas acciós que se establezan nos seus itinerarios de inserción e medidas de conciliación, se as necesitan. Todas as persoas interesadas en participar no novo Programa Integrado de Emprego, na súa vindeira 9ª edición 2023-24, que solicitou o Concello, poden achegarse á Axencia de Colocación, chamar ao 986487786 ou ben solicitalo no correo [email protected].

Cruz Vermella organiza unha actividade en Ponteareas con motivo do Día Internacional das Persoas de Idade

O 1 de outubro celebrouse o Día Internacional das Persoas de Idade. Para conmemorar ese día, Cruz Vermella Española en Ponteareas realizará o sábado 7 na Praza Maior, unha actividade de sensibilización en horario de 10.30 a 13.30 horas.

Cruz Vermella leva máis de trinta anos desenvolvendo programas destinados a este sector da poboación co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas maiores no seu proceso de envellecemento, reducindo as desigualdades de xénero identificadas e en novas áreas que ata o de agora non eran tan evidentes como a soidade, falta de autonomía persoal, deterioración cognitiva, abuso ou neglixencia, a pobreza etc. E tamén nas circunstancias que lles rodean (contexto social e familiar, conxuntura socioeconómica…etc).

Na comarca de Condado hai máis de 30 persoas que realizan a súa actividade voluntaria con persoas maiores. No ano 2022, Cruz Vermella Española atendeu a máis de 300 persoas maiores nos diferentes programas que ten en marcha, como son: axuda a domicilio complementaria, Rede social para persoas maiores (Enred@te), Promoción do envellecemento saudable e Atención a persoas con funcións cognitivas deterioradas

A intervención actual de Cruz Vermella con persoas maiores está dirixida a: aumentar a capacidade da súa autonomía persoal, manter e mellorar as súas funcións cognitivas, reducir a soidade e o illamento social involuntario, incorporar e mellorar hábitos saudables, impulsar o envellecemento activo, mellorar a súa protección e a súa capacidade para afrontar posibles situacións de malos tratos, así como coidar e apoiar a quen coida de persoas maiores. Cruz Vermella traballa coas persoas maiores para mellorar o seu benestar emocional e restaurar as súas conexións sociais.

Encontro cos veciños da rúa Malteses da Guarda o luns 9 de outubro

0

O vindeiro luns día 9 de outubro ás 19:30h o Salón de Plenos acolle un encontro cos veciños da rúa Malteses para expor o Proxecto Inicial de Rehabilitación desta rúa.

A Exposición desta reunión irá guiada pola arquitecta María Fandiño e na mesma darase oportunidade aos veciños de expor o seu parecer e a portar ideas de cara á redacción do proxecto definitivo.

A obra ‘Un vals para Cincinnati’ chega este sábado ao auditorio de Nigrán

0

O Concello de Nigrán continúa co seu clásico ‘Outono de teatro’ este sábado ás 20:00 horas no Auditorio Municipal coa obra ‘Un vals para Cincinnati’, da compañía de Nigrán Teatro do Ar, responsable ademáis de impartir esta actividade municipal. A función, con entrada de balde ata completarse o aforo, encádrase no convenio entre o Concello e a Federación Galega de Teatro Afeccionado.

Esta peza resultou mención destacada nos Premios Buero Vallejo de Teatro Joven e está escrita polo seu director, Pedro Rodríguez. Ana leva pechada na súa habitación desde que se foi Jack hai 1 ano e 27 días. Deixouna pola guerra, e ela viuno marchar apoiada na xanela. Con el ían os seus soños de escapar ao idílico Cincinnati e casar o día de entroido. Farta de agardar, Ana decide suicidarse xusto o día no que Jack volve.

O ciclo de teatro continúa o sábado 14 de Outubro cun microteatro con tres pezas. A primeira delas ‘A Capoeira’, de Teatro Escoitade; a segunda de Teatro de Cámara Ditea, ‘Tránsito’; e a derradeira, de Farándula Velutina Teatro, ‘Punta tacón’.

O sábado 21 a compañía viguesa Porta Aberta presenta a comedia ‘Munuwa’. Un profesor de mediana idade, Darío, canso da vida rutinaria que levaba mantendo á súa ex-muller (Lola), aturando os caprichos do seu fillo adolescente e as bulras do seu mellor amigo (Guzmán), toma a decisión de mudar radicalemente de vida e irse ao outro lado do mundo. Para prepararse introduce nos seus hábitos costumes oceánicas munúwas, que comparte cos seus. Esta é unha obra tremendamente representativa do hastío no que viven determinadas persoas. Nunca quixestes dar un xiro radical ás vosas vidas? Pois mirade o que lle sucede a Darío cando quere dar o paso.

O ciclo teatral de Outubro remata o sábado 28 con ‘Nadal na casa dos Lamelo’ a cargo da compañía luguesa Achádego Teatro. Trátase dunha farsa en tres actos que afonda nas relacións humanas e xoga cos típicos conflitos familiares. É unha comedia case dramática. Unha reflexión divertida e profunda sobre a importancia da familia, en calquera das súas formas.

Comezan as visitas teatralizadas de Samaín ao Castelo de Soutomaior

Todo listo no Castelo de Soutomaior para as novas visitas teatralizadas de Samaín que comezan, este venres, coas 720 prazas esgotadas. Deste xeito, entre o 6 e o 28 de outubro terán lugar 24 pases dos cales 17 diríxense a familias e 8 a persoas adultas. A primeira xornada das visitas teatralizadas estará dirixida ao público adulto e terá lugar o venres ás 20.00 horas. Pola súa banda, a primeira visita familiar será o sábado, 7 de outubro, ás 11:30 horas.

Tanto as visitas nocturnas, para público adulto, como as familiares, dirixidas aos máis pequenos da casa, estarán a cargo da compañía Troula Animación e baséanse na idea de que os asistentes o pasen ben pasándoo mal. As visitas destinadas ao público adulto terán lugar os venres e os sábados (os días 6, 7, 13, 14, 20, 21, 27 e 28 de outubro) en horario de 20:00 horas, e nelas os participantes (idade recomendada a partir dos 16 anos) porán a proba a súa valentía nunha visita guiada onde nada é o que parece. Pola súa banda as dirixidas ao público infantil celebraranse todos os sábados e domingos do mes (os días 7, 8, 14, 15, 21, 22, 28 e 29 de outubro) en dobre sesión, ás 11:30 e ás 16:30 horas, e nelas o público gozará dunha historia terrorificamente divertida.  En cada sesión participarán 30 persoas.

As restantes propostas no Castelo de Soutomaior neste outono tamén están a obter un grande acollemento. Deste xeito, están esgotadas as prazas do obradoiro que o 28 de outubro amosará ás familias participantes o máxico mundo do Samaín e as árbores e froitas típicos desta tradición, así como as do magosto previsto para o 4 de novembro, con saída polo bosque para recoller castañas e a posterior degustación.

Nova exposición de Ángel Barros en Redondela

0

O artista local, Ángel Barros, retorna este venres á sala de exposicións do multiusos da Xunqueira. Desta volta cunha exposición titulada “A memoria facémola nós inmortal”. Nela vólvenos poñer diante dunha mirada crítica do presente como son a guerra e as súas consecuencias, ademais da protección da memoria histórica e do patrimonio cultural de REdondela. A partir  de obras coma Velázquez, Rubens ou Goya, o artista convida ao público a comprender a arte máis alá da simple vista: quere que participe co compromiso e tome conciencia sobre aspectos que considera cruciais, como son a memoria histórica, a riqueza de Redondela ou a paz.

Esta exposición inaugurarase este venres ás 19h no Multiúsos da Xunqueira. Estará aberta durante os meses de outubro e de novembro.

Dende o Concello de Redondela expresamos o noso profundo agradecemento a Ángel Barros tanto pola obra como pola implicación social que mantén. A alcaldesa Digna Rivas destacou que “Barros é un artista de primeira categoría só superable pola súa humanidade e persoa. Un home xeneroso e comprometido con causas xustas. Para Redondela é un orgullo de veciño. Convidamos a todo o pobo de Redondela a visitar esta exposición. Ademais queremos que os centros educativos participen co alumnado e que o propio Ángel poida facer visitas guiadas”.

“Galegas Dixitais” forma a 26 mulleres de Baiona

0

Un total de 26 baionesas participan no programa de formación gratuíta “Galegas Dixitais”, que ten por obxectivo a dixitalización das mulleres na procura de emprego e que este mércores arrincou co acto de presentación no auditorio de centro multiusos Ángel Bedriñana.

Do 4 de outubro ao 15 de novembro, en horaraio de 9 a 14 horas, as alumnas rexistradas participarán nunha formación de 120 horas sobre competencias dixitais básicas, avanzadas e para o emprendemento con sesións impartidas por Beproject Consultores e Ara Formación neste espazo do Concello de Baiona.

O programa, é totalmente gratuíto promovido pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e financiado a través dos fondos Next Generation EU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea.

Con clausura do curso, as mulleres participantes recibirán un diploma acreditativo de todo o aprendido durante a formación e un computador portátil.

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e a concelleira de Igualdade, Sheila González Martins, acudiron ao acto de presentación e inicio do curso para dar a benvida ás participantes á primeira hora desta mañá.

Mos manifesta o seu apoio aos traballadores de Faurecia

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse no salón de sesións do Concello co Comité de Empresa de Madera Fiber Technologies (ex Faurecia Interior Systems), a solicitude dos traballadores e co obxectivo de manifestarlles o apoio da administración local mosense na problemática laboral que comezou no 2021 e vénse agravando desde principios do presente ano 2023.

Así mesmo a rexedora municipal adquiriu o compromiso de intermediar ante as administracións supramunicipais para tentar por solución a unha situación que pon en perigo centos de empregos na comarca e, entre eles, moitos traballadores e traballadoras veciños do Concello de Mos.

En xullo do ano 2021 o Grupo Faurecia comunica ao Comité de Empresa a venta da unidade produtiva ao grupo Callista Private Equity, venta que culminou coa toma do control da fábrica de Faurecia Porriño por parte dos novos propietarios o 1 de xaneiro de 2022. Os representantes do Comité de Empresa declaran a este respecto que “a realidade que puidemos comprobar foi que nunca tiveron un plan industrial nin investiron nada para telo, senón todo o contrario, adicáronse a descapitalizar a planta, chegando incluso a vender os terreos”.

En febreiro de 2023 Callista Private Equity abandona a antiga planta de Faurecia Porriño cedendo os activos a unha empresa Rumana xestionada polo Sr. Rüdiger Wisser, que deixa claro dende o primeiro momento que non vai investir nin ten interese en xestionar a actividade, -segundo explican os traballadores- e o pasado xoves día 14 de setembro se anuncia aos traballadores por parte dos seus avogados, que se acababa de presentar un concurso de acredores.

Así, o Comité de Empresa lamenta que “nesta trama non podemos perder de vista que o principal cliente foi e segue a ser Faurecia, precisamente o que iniciou este proceso que vai deixar a máis de 100 familias sen emprego. Trátase dunha manobra na que unha multinacional pode pechar un centro de traballo dunha forma sinxela, para evadir desprestixio e responsabilidades económicas, e se o fai FAURECIA – FORVIA o poderá facer calquera auxiliar da automoción que pertenza a unha gran multinacional”.

O Comité de Empresa de Faurecia xa mantivo no pasado reunións co IGAPE e coa Inspección de Traballo para alertar da situación que se estaba a producir.

Agora atópase realizando reunións cos alcaldes da zona e así o fixeron esta mañá xoa rexedora mosense Nidia Arévalo. Quen, pola súa banda, comprometeuse a intermediar e buscar apoios nas administracións supramunicipais para poñer en marcha todos os instrumentos posibles que teña a administración para buscar uns inversores serios, e poder manter os postos de traballo. Mediación neste conflito laboral, imprescindible para poder atopar unha solución para manter eses 103 postos de traballo que están en xogo e en risco.

Cerveira e Tomiño presentan a súa estratexia para os vindeiros 10 anos

Coincidindo coa celebración do quinto aniversario da súa constitución este mércores 4 de outubro, a Eurocidade Cerveira-Tomiño presentou a Axenda Urbana 2030, un valor engadido para a afirmación sostible e adaptada aos desafíos do século XXI. Cumprindo cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030 e cos desafíos ambientais, integración social, mobilidade e conectividade priorizados á escala europea para 2021-2027, este plan de acción incorpora 14 proxectos, divididos en catro eixos estratéxicos: economía circular e relacións urbano-rurais, desenvolvemento territorial e dinamización de recursos endóxenos, mobilidade e transición dixital e, tamén, cidadanía e igualdade.

O acto, que tivo lugar na Biblioteca Municipal de Cerveira, contou coa presenza da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e do presidente de Cerveira, Rui Teixeira; de dous elementos do equipo redactor da Axenda Urbana 2030, Inês Gusman, da Universidade de Santiago de Compostela, e Álvaro Campelo, da Universidade Fernando Pessoa; e do Secretario-Xeral da Asociación Rexións Fronteirizas Europeas, Martín Guillermo, que, ante un amplo público presente, compartiron perspectivas europeas transfronteirizas, incidindo na singularidade e potencialidade da cooperación entre Cerveira e Tomiño.

Durante a sesión de apertura, o presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira enalteceu “un traballo esgotador e minucioso, froito dun proceso participativo moi importante, coa escoita e a recollida de contribucións de preto de 50 entidades e asociacións de ambos os concellos”. Rui Teixeira subliñou tamén “a singularidade deste territorio común, caracterizado por unha forza e dinámica que nos coloca en primeira liña”.

Pola súa parte, a alcaldesa de Tomiño lembrou unha cooperación transfronteiriza secular, nun territorio “irmán e amigo con moita historia e que trazou todo un gran camiño que nos coloca aquí hoxe a proxectar o futuro. Que sorte que temos en vivir nun territorio cunha fronteira de paz”. Sandra González definiu a Axenda Urbana 2030 como “un menú de traballo para os próximos 10 anos, que compila o que se quere da Eurocidade para o futuro, con respostas das poboacións e institucións, e que pode ser presentado para captar importantes fondos europeos”.

Inês Gusman, do Grupo de Investigación de Análise Territorial da Universidade Santiago de Compostela, destacou o interese e a execución da Eurocidade Cerveira-Tomiño en “redactar un documento que aliñe as características, potencialidades e necesidades deste territorio cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”. Pola súa banda, o profesor Álvaro Campelo, da Universidade Fernando Pessoa, considerou “a experiencia de convivencia de Cerveira e Tomiño como rara en Europa”. “Podemos ter moito patrimonio, pero se non temos unha boa gobernanza, non imos a ningún lado. O feito de que Cerveira e Tomiño se xunten para definiren as liñas de futuro é sinal dunha boa gobernanza, de vontade de participación”, engadiu.

Abordando diversas relacións de fronteira existentes en toda Europa, o Secretario-Xeral da Asociación Rexións Fronteirizas Europeas clasificou “esta fronteira como un exemplo, pois non hai unha relación calculada de intereses”. Transmitindo os parabéns polo aniversario da Eurocidade, Martín Guillermo afirmou que estamos ante “unha cooperación de escala, un espazo transfronteirizo funcional que mellora a realidade das poboacións (…) e que é reveladora de que non son necesarias estruturas de goberno homólogas para traballar en conxunto”.

Cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do INTERREG V-A POCTEP, a Axenda Urbana Eurocidade Cerveira-Tomiño 2030 lanza as bases para que a toma de decisións nas diferentes áreas de actuación dos dous municipios e as accións e expectativas dos distintos axentes territoriais sexan coherentes, sistemáticas e integradas, asentadas na coordinación e na cooperación. Cunha longa traxectoria de cooperación, a Axenda Urbana reflicte a historia de colaboración e o compromiso mutuo de traballar en conxunto para abordar as problemáticas ambientais, sociais e económicas que afectan directamente este territorio, así como promover aquelas que son as principais potencialidades comúns.

Partindo dunha abordaxe holística, abrangente e participativa, este documento estratéxico procura fortalecer a Eurocidade Cerveira-Tomiño como un modelo de referencia para o desenvolvemento sostible e inclusivo estruturado nas complementariedades e na cooperación transfronteiriza. O desenvolvemento desta Axenda Urbana e das accións que a estruturan será pautado, por tanto, por un constante diálogo coa poboación, axentes territoriais e entidades políticas e institucionais que actúan neste territorio, sen esquecer nunca a preocupación de adaptar a presente estratexia ás necesidades e ambicións dos territorios en cada momento.

Este plan de acción ten 14 proxectos: promover a economía circular; incentivar as prácticas biolóxicas na agricultura; fomentar as actividades económicas no ámbito rural e a produción local; dinamizar a cooperación institucional transfronteiriza para mellorar a resiliencia do territorio ás alteracións climáticas; promover o desenvolvemento a través do patrimonio cultural; Patrimonio Vivo: fortalecer a identidade e a resiliencia da Eurocidade; Preservación Natural: integrar ecosistemas para un desenvolvemento sostible; promover unha Eurocidade de proximidade; promover a mobilidade transfronteiriza sostible; fomentar a dixitalización dos servizos públicos; democratizar a utilización de tecnoloxías dixitais; consolidación estratéxica da cooperación transfronteiriza; promoción transfronteiriza da igualdade, conciliación da vida laboral, familiar e persoal; achegar a poboación moza á Eurocidade.

O Concello de Ponteareas asina o inicio de obra da nave de Aceros del Tea

O proxecto de remodelación da nave de Aceros del Tea e a súa adecuación para uso municipal está máis preto logo da sinaturada da acta de inicio da obra entre o Concello de Ponteareas e a empresa adxudicataria PRACE Servicio y Obras SL. Dáse así un paso máis na execución dos traballos logo de dous intentos errados de adxudicación do anterior goberno municipal, e de conseguir a titularidade municipal da nave, todo en menos de catro meses dese a chegada ao goberno.

Segundo consta na acta, que recolle as motivacións do propio concello, a “finalidade (desta actuación é) protexer e poñer en valor un elemento arquitectónico catalogado como patrimonio industrial, en desuso e en estado de degradación, e contribuír á rehabilitación e transformación do casco urbano da vila, así como ao incremento do turismo como consecuencia do atractivo resultante da intervención”. Con este obxectivo, iníciase a transformación da antiga nave sita no número 26 da Avenida de Galicia, en equipamento público, mantendo o seu aspecto exterior.

A empresa adxudicataria PRACE Servicios y Obras SA, iniciará á maior brevidade os traballos topográficos e de acondicionamento interior da nave, redactará o proxecto de rehabilitación e de execución, a propia rehabilitación así como actuacións específicas para promocionar a intervención grazas á aportación dos fondos comunitarios FEDER e contando coa participación activa da cidadanía. A inversión total para estes traballos ascende a 720.000 € e forma parta de EDUSI do Concello, que se financia con fondos FEDER no marco do programa Operativo Plurirrexional de España.

Charla divulgativa sobre a relación entre garranos e aves o 7 de outubro na Casa Forestal de Oia

0

A Casa Forestal de Santa María de Oia acollerá o sábado 7 de outubro unha charla divulgativa titulada “Relacións entre garranos e aves. Interaccións e outros beneficios ecosistémicos”, que correrá a cargo de Xilberte Manso de la Torre, vicedirector do IEM e membro fundador de SOS Groba.

Esta charla, aberta para todos os públicos, englóbase dentro do ciclo “Arredor do curro” que a comunidade de montes de Santa María de Oia leva desenvolvendo desde hai varios meses e que inclúe diversas actividades divulgativas arredor desta ancestral tradición e dos garranos da Groba. A programación incluíu unha exposición, visitas guiadas coincidindo coa tempada de curros e pecharase o día 7 coa antedita charla.

A conferencia celebrarase ás 19.30 horas na casa forestal de Valdarca (Santa María de Oia) e terá entrada libre. Ao remate haberá unha pequena degustación de produto de tempada co obxectivo de xerar un pequeno espazo distendido no que o público asistente poida realizar as súas propostas e achegas sobre próximas actividades a desenvolver desde a forestal. Deste xeito e, na medida do posible, poderase ir avanzando na elaboración dunha nova programación que resulte acaída aos intereses das persoas usuarias.

Ciclo Arredor do Curro

O ciclo “Arredor do Curro” foi posto en marcha pola comunidade de montes de Oia e conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a través das axudas para actividades de carácter turístico do ano 2023. A programación incluíu unha serie de actividades divulgativas como unha pequena exposición de fotografías antigas, imaxes de hemeroteca e obxectos vinculados con esta tradición. A mostra permanece exposta na casa forestal desde o mes de maio e poderá visitarse o día 7 ao remate da conferencia.

Xunto coa mostra e a conferencia, o ciclo tamén integrou a celebración de varios paseos guiados interpretativos pola contorna dos curros da Valga, Torroña e Mougás. As saídas desenvolvéronse nos meses de maio, xuño e agosto e nelas participaron veciños e veciñas de Oia e municipios dos arredores, así como visitantes chegados desde diversos lugares.

A Mostra de Produtos de Covelo chega á vila como cada primeiro sábado de mes

0

Como cada primeiro sábado de mes, o Concello de Covelo celebra este sábado, día 7 de outubro, a súa Mostra de Produtos na praza Mestre Cerviño do centro urbano. De 10 a 14 horas haberá unha cita cos postos de cosmética natural, xoiaría, maquetería, textil, moda, cestaría, panadaría, horta eco, caracois de terra, cerámica polimérica, artesanía, madeira, tambores chamánicos, queixos, caracois de mar, xoias con cortiza e aceiro, tattoos de henna ou prantas, entre moitos produtos de proximidade, artesanía e segunda man.

A partir das 12 do mediodía toca gozar da gastronomía nos locais de hostalaría e no posto de polbo á feira para acompañar a sesión vermú que virá acompañada de música en directo con Los Lunes al Sol.

COGAMI asume a xestión do Servizo de Atención Temperá de Mos

0

O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, visitou as instalacións do Sevizo Municipal de Atención Temperá en Mos, sitas na parroquia de Louredo, acompañado pola alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, e a Traballadora Social Municipal supervisora do Servizo, Loli Rodríguez.

A visita prodúcese tras de que fose aprobada, o pasado 15 de setembro en Xunta de Goberno Local, a adxudicación a COGAMI como empresa concesionaria do novo contrato do servizo de Atención Temperá.

Ademais coincide coa incorporación ao servizo, durante este pasado verán, dunha logopeda máis. Con esta nova traballadora o programa suma 4 profesionais que prestan axuda a máis de 100 familias mosenses e da contorna.

O Servizo de Atención Temperá desenvólvese nas instalacións da ludoteca de Louredo (antigas Ecolas Unitarias), e conta cunha nova logopeda na súa plantilla, sumando un total de 4 traballadoras: 1 psicóloga, 2 logopedas e 1 fisioterapeuta.

O devandito servizo municipal conta con subvención autonómica anual que financia o 90 % do custe do servizo, o que supón unha aportación económica da Xunta de Galicia a través da consellería de Política Social de máis de 100.000 euros, aportando o Concello de Mos con fondos propios o 10% restante do orzamento anual total. Esta axuda enmárcase nas subvencións ás entidades locais para a prestación de servizos no marco da Rede Galega da Atención Temperá cofinanciadas pola Unión Europea.

O Servizo de Atención Temperá en Mos resulta moi importante e leva tido unha moi boa acollida desde a súa posta en marcha. Xa é o 5º ano de prestación de servizo desde que se creou.

O novo contrato da empresa concesionaria do servizo asúmeo COGAMI. O importe anual do contrato ascende a 147.110,31 euros.

En Mos benefícianse deste servizo nenos e nenas de 102 familias mosenses e da contorna. O obxectivo deste programa municipal de Atención Temperá é promover a igualdade, a saúde e a inclusión social mediante un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos, a súa familia e contorno, co fin de facilitar a súa autonomía persoal e a dita inclusión.

Na unidade de Atención Temperá do Concello de Mos, desenvólvese unha destacable e importante labor por parte dos profesionais que alí traballan, para axudar ás familias do municipio de Mos e da súa contorna. Existe un importante vínculo de traballo entre o Servizo de Atención Temperá, o Centro de Saúde, as Escolas Infantís e os centros educativos mosenses.

Os nenos que acoden a este centro melloran a súa autonomía e calidade de vida grazas a un asesoramento individualizado e adaptado ás súas necesidades.

O Rosal afonda na modernización do seu mercado cunha sesión formativa para praceiros

0

O Concello do Rosal está comprometido coa modernización da praza de abastos, incorporando actuacións de innovación e de dinamización da actividade comercial co obxectivo de obter o selo de Mercado Excelente da Xunta de Galicia. Neste camiño, os praceiros rosaleiros asistiron a pasada semana a unha sesión de mentoring coa que impulsar esa modernización e mellorar a imaxe da actividade comercial no mercado municipal.

Durante a sesión, todas e todos os participantes puideron compartir as súas ideas e recibir asesoramento da man de persoal profesional. “Cremos que intervencións como esta son moi necesarias para complementar a formación dos nosos praceiros e praceiras, así como para escoitar as súas achegas, as necesidades que teñan detectadas e as inquedanzas que poidan ter”, explica o concelleiro de Comercio, Alejandro González.

O edil recalcou que “ter un equipo de profesionais apoiando estes encontros sempre dá un valor engadido a este tipo de reunións, favorecendo a comunicación entre todos e todas e achegando coñecemento ás persoas que asisten”.

O Concello do Rosal busca así dar resposta aos retos de modernización e innovación aos que se enfrontan as prazas de abastos sen perder a súa autenticidade e tradición, mantendo a súa proximidade e o trato personalizado que os caracteriza.

Pola súa banda, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, subliñou a importancia deste proxecto para a economía local e a promoción dos produtos de proximidade. “Queremos que o noso mercado sexa exemplo de dinamismo social, que nos permita activar e reforzar a nosa economía ao tempo que poñemos en valor o produto fresco da nosa praza de abastos e dos produtores e produtoras locais. Seguimos así a liña dos Mercados de Excelencia e creamos espazos adaptados aos novos hábitos das persoas consumidoras”, asegurou.

O Concello levou a cabo este mentoring comercial financiado ao abeiro da subvención para o impulso da rede de Mercados Excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia.

A Cañiza comeza o seu ciclo de teatro de outono

0

O Concello da Cañiza comeza coa súa programación de outono co “teatro familiar” e inaugura o ciclo este sábado, 7 de outubro, coa representación da obra de teatro “Maxia, Mago Teto”. Terá lugar ás 20.30 h, no auditorio da Casa de Cultura, con entrada gratuíta.

O Concello organiza este novo ciclo con 6 obras de teatro que se representarán nos meses de outubro, novembro e primeiro domingo de decembro, no Auditorio Municipal da Cañiza e de balde para todos.

As obras están enmarcadas e subvencionadas polos programas «Ler conta moito» da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, «Tornar as Taboas» da Deputación de Pontevedra, «FalaRedes» de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia.

Ademais, contan coa participación dos alumnos da Escola Municipal de Teatro da Cañiza, grupo de adultos, que pecharán este ciclo o 3 de decembro coa representación da obra «VIÚVAS», ás 18 h no auditorio.

Festa literaria en Tomiño cunha nova edición do seu ‘Outono de libros’

0

Tomiño prepárase para vivir en outubro unha gran festa literaria. O Concello pon en marcha este mes a segunda edición do programa ‘Outono de libros’, unha iniciativa a través da que durante as vindeiras semanas se programarán catro presentacións de títulos literarios da man dos seus autores, todos escritores da comarca e con obras ambientadas no territorio.

“Tras a grande acollida do ano pasado, apostamos de novo por un formato que nos permite achegar a literatura ao público xeral e dar visibilidade ás talentosas autoras e autores que temos na nosa contorna. Este ciclo é unha oportunidade para fomentar a lectura, o intercambio de ideas e o recoñecemento ás voces literarias que florecen na nosa comarca”, destacou a alcaldesa, Sandra González.

As presentacións arrancarán este venres 6 de outubro e prolongaranse durante todos os venres do mes de outubro. Todos os encontros estarán dirixidos a todos os públicos, serán de balde e celebraranse a partir das 20.00 horas no Mercado Municipal de Tomiño.

O cangués Dani Blanco será o encargado de estrear esta nova edición do ‘Outono de libros’. Será o día 6 de outubro coa presentación do seu libro ‘Murmuraban as miñas veciñas’, a recompilación de relatos de mulleres que existiron, como a súa propia avoa, con outras ficticias ideados para ser contadas a viva voz. O autor presenta as historias como unha instantánea coa humilde intención de que non caian no esquecemento, contos de mulleres do Morrazo mais que podían ser de calquera vila, porque mulleres bravas hainas en todas partes.

O venres 13 de outubro será a quenda de Alfonso Ferreira Ramilo, que chega a Tomiño coa súa última creación, ‘Ruliña no Camiño’. O escritor porriñés propón ao público unha historia chea de aventuras con Ruliña como protagonista e o Camiño de Santiago dende Tui como escenario.

A profesora do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño Puri Ameixide chegará ao mercado municipal de Tomiño o venres 20 de outubro con ‘Claro de lúa’, unha homenaxe ás grandes novelas decimonónicas. Escrita cunha boa dose de amor e humor, o libro trasládanos a comezos do século XIX na Guarda, a onde chega un forasteiro que se namorará da terra ao mesmo tempo que se vive a invasión napoleónica, os levantamentos de maio de 1808 ou a chegada das tropas imperiais a Galicia e o seu paso polo Baixo Miño.

O peche da segunda edición deste ciclo literario será o venres 27 de outubro da man de Miriam C. Leirós, mestra no CEIP Mallón de Nigrán, educadora ambiental e experta en xestión social do hábitat e deseño participativo e coordinadora do colectivo Teachers For Future Spain que traballa dende os centros educativos para a acción e educación fronte á emerxencia climática. A escritora achegará ao público o seu libro ‘Los secretos de los cuentos clásicos (Archivos desclasificados)’, unha obra na que contos de toda a vida poden ser vistos doutro xeito, dende unha perspectiva ecolóxica e actual e deixando falar “aos malos” ou aos que non tiveron voz nas distintas historias.

Outubro abre a programación cultural na Guarda da man de dos grandes filmes galegos “Valentina” e “O Corpo Aberto”

0

No mes de outubro continúa o Ciclo de cinema galego Mestre Mateo, que a instancias  da Academia Galega do Audiovisual e da Deputación de Pontevedra dera comezo o pasado mes de xuño para achegar ata as vilas galegas unha mostra representativa do cinema que se está a facer en Galicia.

A programación prevista para este mes, inclúe a película infantil “Valentina”, gañadora do Goya 2022 á mellor película de animación que se proxectará o sábado 7 de outubro ás 18:00 h; o thriller “O Corpo Aberto” protagonizada por Tamar Novás, que se proxectará o mércores 11 as 21:00 h e o documental “A Foreign song”, finalista da XXI EDICIÓN DOS PREMIOS MESTRE MATEO como mellor documental, mellor dirección de fotografía e mellor dirección de produción, que se proxectará o xoves 26 de outubro ás 20:30 h.

Todas elas serán proxectadas no Centro Cultural e a entrada será de balde.

“VALENTINA”, cinema familiar para o sábado 7 de outubro

A película Valentina, cóntanos a historia dunha nena que soña con ser trapecista, pero cre que non o poderá conseguir por ter síndrome de Down. A súa avoa anímaa a perseverar, xa que se os vermes conseguen converterse en bolboretas, nada é imposible.  Nunca debemos perder a ilusión nin as gañas de aprender.

Sen dúbida unha película cargada de significado e positivismo, sendo un plan perfecto para gozar en familia o próximo fin de semana.

O filme foi finalista dos XXI Premios Mestre Mateo, así como do Premio Goya 2022, ambos na candidatura de mellor longametraxe de animación. E conta cunha páxina web propia na que coñecer aos personaxes e a súa banda sonora, composta entre outros por Emilio Aragón: https://valentinafilm.es/.

O Corpo Aberto, a gran gañadora dos XXI Premios Mestre Mateo

O mércores 11 de outubro, ás 21:00 h, será o momento de poder gozar coa gran revelación do cinema galego do pasado inverno: “O Corpo Aberto”, que estivo nomeada ata en 19 categorías diferentes nos 37 Edición dos Premios Goya e que se fixo con ata 12 galardóns na edición 2023 dos premios Mestre Mateo. Esta película cóntanos a historia de Miguel, un profesor novo destinado a unha pequena aldea con tradicións ancestrais na fronteira de España e Portugal: Lobosandus. Nun lugar dominado pola superstición, a estraña morte dun veciño e os sucesos que o rodean levarán a cuestionarse a Miguel os límites entre o mundo dos vivos e os mortos.

O ciclo continuará a partir do 26 de outubro coa proxección de tres documentais e unha película de animación para adultos. Na web ciclomestremateo.gal pódese consultar toda a información do ciclo, así como as fichas das películas e a axenda de proxeccións, que reproducimos a continuación:

  • 7 outubro, VALENTINA ás 18:00 horas
  • 11 outubro, O CORPO ABERTO ás 21:00 horas
  • 26 outubro, A FOREIGN SON ás 20:30 horas
  • 10 novembro, UNICORN WARS ás 20:30 horas
  • 16 novembro, ONDE MAIS DOE ás 20:30 horas
  • 30 novembro, MARÍA CASARES A MULLER QUE VIVIU MIL VIDAS, ás 20:30 horas

O alcalde de Baiona asiste á tradicional comida anual do Clube de Bolos Belesar Urgal

0

O domingo, o alcalde de Baiona, Jesús  Vázquez Almuiña, tivo o pracer de asistir á tradicional comida anual do Clube de Bolos Belesar Urgal.

No evento compartiu conversa coas persoas que acudiron a desfrutar desta xornada no clube social da entidade na nosa parroquia baionesa de Belesar.

A práctica do bolo celta vai a máis, polo que o rexedor quere “dar as grazas aos clubes de Baiona, entre os que se atopa o C.B.B. URGAL, que traballan para manter esta tradición. Noraboa!”.

Pablo Dapena súmase á I Carreira de Empresas de Galicia

O Campión do Mundo de Triatlón Larga Distancia, Pablo Dapena, será un dos participantes da primeira edición da Carreira de Empresas de Galicia que se disputará este domingo 8 de outubro no Porriño.

O triatleta pontevedrés levará o Dorsal 1 da proba 10K en recoñecemento á súa traxectoria deportiva e como agradecemento á súa disposición a colaborar neste evento, que non só se presenta cun alto nivel deportivo senón tamén solidario. E é que a  proba, organizada polo Interrunning Club, en colaboración co Concello do Porriño e LaserGalicia, ten como obxectivo recadar fondos para Bicos de Papel, destinando o 100 % da inscrición a esta asociación de axuda aos nenos e nenas de oncoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro.

A participación superou todas as expectativas e, a tres días de pechar prazo, alcanza os 1500 participantes nas súas probas. O alto índice de inscricións, levou á organización a lanzar unha edición especial de 100 dorsais máis para as probas de 5K e 10K que sairán á venta mañá e poderán adquirirse ata agotar existencias.

Neste peculiar evento poderán participar traballadores por conta allea (sempre que se inscriban como equipo de ata 4 compoñentes todos da mesma empresa ou ben sexan socios acreditados da mesma), profesionais autónomos ou parados de maneira individual ou atletas ou deportistas individuais. É dicir, non é necesario participar como traballador en equipo, calquera pode facelo!

Serán un total de 3 carreiras: unha andaina de 6 km, unha carreira de 5 ou 10 km e unha carreira de 100 metros para os Pitufos. A idade mínima para participar é de 16 anos, excepto na proba dos Pitufos (nados a partir do 1 de xaneiro do 2019). A andaina e a proba de Pitufos son probas non competitivas pero as carreiras 5K e 10K si o son. A inscrición pode formalizarse en https://ccnorte.com.

Tarde de teatro, o domingo, en Covelo

0

O Concello de Covelo convida a toda a cidadanía a gozar do teatro no auditorio municipal este domingo, día 8 de outubro ás 19 horas, da man de Ártika Cía.

No marco do programa “Tornar as táboas” da Deputación de Pontevedra o Concello de Covelo organiza esta actividade da man de Culturactiva, unha obra para todas as familias que sube ao escenario baixo o título A Illa da Deslembranza.

Esta actividade súmase á oferta cultural e de lecer estable que o Concello de Covelo oferta, totalmente de balde, ao longo de todo o ano.

Sinopse

Onde rematan os recordos que non están ben amarrados?

Quen se encarga de levar da nosa mente todas esas historias vividas e que non nos lembramos delas?

Os recordos da avoa de Uxía van e veñen como as ondas do mar e o seu ollar mesmo parece perderse nun océano profundo. Que lle está a pasar?

Como Uxía, unha nena de dez anos, pode axudar a recuperar eses recordos ou, tal vez, acabarán todos na illa da deslembranza?

Nigrán creará unha praza pública entre a ponte románica na Ramallosa e a Avenida de Portugal

0

O Concello de Nigrán creará unha praza pública de 371 m2 para a convivencia e a relaxación no espazo actual entre o remate da Ponte Románica da Ramallosa e a Avenida de Portugal (PO- 340), aos pés do Río Miñor. O obxectivo é dar un xiro radical nesta contorna de gran valor patrimonial, natural e etnolóxica para que pase a ser unha zona senlleira de pausa e descanso no Camiño. Con este fin, o Concello ven de sacar a licitación o proxecto de Ángel Santorio Arquitectos cun orzamento de 114.726 € e cuxa financiación correrá a cargo do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra. As empresas dispoñen ata o 19 de Outubro para presentar as súas ofertas.

“Pese a tratarse dun enclave estratéxico con altísimo valor patrimonial, cultural e ambiental, é actualmente un espazo residual e cunha imaxe moi descoidada porque aparcan vehículos e transitan peóns sen orde algún. A tramitación deste proxecto foi especialmente costosa porque estaba moi afectada por Patrimonio e foi preciso agardar por todas as autorizacións”, explica o alcalde, Juan González, quen busca “devolver ao lugar a entidade que merece” ao situarse aos pés da Foz do Miñor (red Natura 2000, catalogado LIC), da ponte medieval, e no propio Camiño Portugués pola Costa. Así, actualmente os pavimentos están moi deteriorados e sen regularidade, xerándose charcos e problemas de salubridade; a mestura indiscriminada de peóns e vehículos supón un risco de seguridade viaria; a iluminación resulta deficiente e, como suma de todo elo, o espazo non traslada sensibilidade algunha pola traza do Camiño.

Deste xeito, o proxecto contempla devolverlle a calidade ambiental recuperándoo como lugar para o paseo, a estancia e a relaxación de veciños e peregrinos, tendo en conta ademais que se atopa nunha cota inferior (de embarque) que a afasta do gran tráfico urbano da contorna. Así, a actuación mellorará o pavimento térreo existente e creará unha zona empedrada únicamente para o acceso dos vehículos aos garaxes actuais. O resto do lugar destinarase únicamente para os peóns, que contarán tamén cun itineario de adoquinado en granito moreno acompañado de mobiliario urbano de deseño sinxelo que se integrará na praza de xeito amable (banco, papeleira e maceteiro realizados en pedra ou madeira). A meta é crear un espazo diáfano e despexado cuxo uso resulte o máis flexible posible. Ademais, plantaranse bosquetes estratéxicos con especies autóctonas de árbores que propicien puntos de sombra. Finalmente, unificarase a sinaléctica existente e dotarase á zona dunha nova iluminación.

“Son unha serie de actuacións sutís, que non implican un gran investimento, pero que suporán un cambio radical nesta contorna pasando de ser unha zona de tránsito a un lugar privilexiado de desconexión e senlleiro no Camiño Portugués pola Costa”, resume o rexedor. 

Cortes de tráfico o xoves en ramais do enlace da autovía Tui-A Guarda coa A-55

0

O avance nas obras de conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55 fará necesario o corte de tráfico en ramais do enlace con esta última estrada a partir deste xoves.

Para executar o enlace do punto quilométrico 30 na autovía A-55 e conectar coa vía de altas prestacións Tui-A Guarda, cómpre construír un novo ramal de incorporación á autovía en sentido Portugal desde a glorieta elevada, na calzada dereita.

Co obxectivo de continuar avanzando na execución das obras, garantindo a seguridade dos traballadores e dos usuarios da autovía, procederase ao corte total dos ramais de entrada e saída da calzada dereita da A-55, entre os puntos quilométricos 30+100 e 30+600.

Os traballos desenvolveranse desde este xoves ata o vindeiro 25 de outubro.

Para isto, esta semana cortarase o ramal de incorporación sentido Portugal e a próxima semana pecharase o ramal de entrada ao enlace, sentido Tui-Polígono de Areas.

De xeito máis concreto, para circular sentido Tui-Portugal, en calzada crecente, haberá acceso desde o polígono ao tronco da autovía Tui-A Guarda, logo á A-55, sentido decrecente e na saída 29B, cambio de sentido para incorporarse novamente á autovía, sentido crecente.

No caso do sentido Portugal-Tui, en calzada decrecente, desde o punto 30+100 da A-55, continuarase e na saída 29B farase un cambio de sentido para incorporarse de novo á autovía e saír no ramal de nova construción, logo á autovía Tui-A Guarda, ao tramo en servizo, accedendo a Tui polo polígono de Areas.

A circulación cara ao ramal de entrada da calzada dereita sentido crecente non terá afeccións, pois estará operativa a través do ramal de nova construción do punto quilométrico 30+000.

O tronco da autovía e os ramais do enlace xa se atopan sinalizados, co cambio de sentido da saída 29B indicativo para incorporarse á estrada sentido Tui-Portugal.

O Goberno galego segue avanzando nesta infraestrutura viaria, cun grao de execución que supera o 82%. Esta intervención supón un investimento autonómico de 30 M€ e é estratéxica para reforzar a seguridade viaria e aumentar a competitividade nesta contorna.

Skate e BMX no festival urbano Demostra, en Mos

0

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira mosense de Participación Cidadá e Mocidade, Julia Loureiro, o edil da parroquia de Pereiras, Leo Costas, e representantes da organización do evento, participou na presentación do festival de cultura urbana Demostra, que terá lugar este víndeiro sábado, día 7 de outubro, en Mos. Esta iniciativa reunirá a amantes de diferentes disciplinas da cultura urbana no Skatepark de San Rafael en Pereiras.

Cristina Pichel puxo en valor a posta en marcha de iniciativas que atendan ás preferencias e intereses da xuventude. Ao longo de todo o sábado, realizaranse exhibicións de grafitti, skate, BMX ou scooter, entre outras actividades que detallamos a continuación:

  • 10 h – 22 h: exhibición grafitti
  • 11 h – 12 h: skate Amateur
  • 12 h – 13 h: skate Avanzado
  • 12 h – 13 h: primeira ronda de obradoiros
  • 16 h – 17 h: BMX Amateur
  • 17 h – 18 h: segunda ronda de obradoiros
  • 17 h – 18 h: BMX Avanzado
  • 18 h – 19 h: scooter Amateur
  • 19 h – 20 h: terceira ronda de obradoiros
  • 19 h – 20 h: scooter Avanzado
  • 20 h – 21 h: entrega de premios e sorteos
  • 22 h – 04 h: afterparty con DJ’s

Tui reparará os danos do temporal do pasado inverno grazas á Deputación

0

O Concello de Tui vai recibir 139.488 € da Deputación de Pontevedra ao abeiro da liña de subvencións da entidade provincial para reparar os danos causados polas inundacións rexistradas entre o 24 de decembro de 2022 e o 1 de xaneiro de 2023.  

Con esta subvención provincial o Concello de Tui fara fronte a parte do investimento necesario para ao arranxo dos desperfectos rexistrados no pantalán na praia de Areeiros en Guillarei. Tamén para o arranxo dos danos en infraestruturas municipais en concreto nos camiños municipais sobre a Regueira do Cotarel en Randufe, e na Regueira da Fonte Febreiro en Baldráns. Tamén se reparará o pavimento no Centro Interfederado de Remo e Piragüismo no que se rexistraron afundimentos.

Prado da Canda, en Covelo, volveu lucir coas súas tradicionais danzas brancas

0

A parroquia de Prado da Canda, en Covelo, celebrou as súas festas na honra da Virxe María do Rosario agasallando á veciñanza música, bailes tradicionais e distintos actos litúrxicos e lúdicos.

As tradicionais danzas brancas volveron atraer a ducias de visitantes que non quixeron perder a ocasión única de coñecer o folclore popular que, cada ano, recupera a veciñanza de Prado da Canda.

A organización das festas agradeceu a colaboración do Concello de Covelo e da Deputación de Pontevedra e informou que o sábado 7 de outubro ás 12:30 horas haberá misa solemne e o sábado 28 de outubro a peregrinación do Rosario irá dende A Lamosa ata a Franqueira.

O Circuito de Teatro Amador chega a Baiona esta fin de semana

0

Baiona poderá gozar durante esta fin de semana de varias funcións teatrais da man do Circuito Gallego de Teatro Amador. Esta actividade está enmarcada dentro da programación de outono realizada pola Concellería de Cultura.

A primeira das actividades terá lugar o venres, 6 de outubro, no auditorio municipal V Centenario ás 20:00 h. Trátase dun espectáculo que contará coa interpretación de Andaravía Teatro que ten por título “Camiños e carreiro”. Esta peza teatral trátase  dunha comedia escrita e dirixida por Clara Gayo parte do “camiño de Santiago como espazo de encontro”: encontro entre culturas, intereses e inquedanzas. Dous veciños de Vedra unen as súas forzas para poder sacar uns cartos extras beneficiándose da proximidade do Camiño de Santiago. Estarán preparados para atender e comprender as novas demandas do camiño do século XXI?

O sábado 7 de outubro o mesmo escenario acollerá ás 20:00 horas “Salón Alfonsina” de Vicus Teatro. Nesta ocasión, o público poderá disfrutar da obra da  poetisa arxentina Alfonsina Storni apóiase nos seus poemas e artigos periodísticos para falarnos sobre a súa infancia, maternidade e a súa morte acompañada por un músico do Café Tortoni. Unha adiantada para o seu tempo, nesta peza, inspirada nas longas noites de lectura e conversa no famoso Café, o espectador poderá rir e reflexionar con esta singular personaxe.

O domingo, 8 de outubro, ás 12:00 horas o Auditorio volverá acoller una nova función baixo o título “Perdidos no mapa” do Teatro Antas de Ulla (grupo xuvenil): unha vila, que xa nin aparece no mapa, recibe por sorpresa a visita dunhas forasteiras que veñen da cidade. Os poucos habitantes deste municipio ven a oportunidade de facer algo para recuperar a fama da súa vila e deciden inventar un evento para atraer a turistas e curiosos.

E pola tarde ás 20:00 horas Lohengrín Teatro interpretará “Terra”: Unha contada de lendas galega de tradición oral, percorrido distintas localizacións castresas (Vigo, Redondela, Sobroso, Bobeda, A Ulloa,  e un pequeno relato da localización onde se realiza). Comparándoas con outras lendas do pirineo aragonés.

Onde a tradición ,a historia ,o folclore e a vida das mulleres mestúrase un espectáculo máxico, co influxo das Mouras, Meigas e Nubeiros . Onde o publico e e motor das historias, sin un tempo estimado fixo , posto que é o publico o que marca o ritmo das contadas.

O Circuíto Galego de Teatro Amador da FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado) consiste nunha programación de catro funcións teatrais por sede. Este catro espectáculos son repartidos por toda Galicia. Desta forma, preténdese que as compañías actúen fora do seu círculo xeográfico. Ademais, esta iniciativa promove a mobilidade xeográfica dos grupos de teatro.

O outono chega con máis dunha ducia de actividades no Rosal

0

O outono chega ao Rosal cargado de lecer. O Concello puxo en marcha unha ampla axenda cultural para os meses de outubro e novembro, unha ampla programación nas que as actividades infantís e a música compartirán escenario coa igualdade, o patrimonio, o teatro ou as exposicións fotográficas.

“Temos por diante dous meses cunha morea de propostas para todos os públicos e todos os gustos nos que as novidades camiñarán da man con eventos moi arraigados no noso municipio como a Festa do Outono do Pilar ou as Xornadas do Patrimonio”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A programación de outono arrancou este mesmo martes 3 cunha actividade do CRA María Zambrano, unha xornada coa que coñecer a contorna que comezou na biblioteca municipal co espectáculo ‘E a ti… que che contaban?’, de Vero Rilo, ao abeiro do programa Ler conta moito. Tras o contacontos, a cativada puido desfrutar dunha actividade de balonmán co Valinox Novás e dunha visita guiada polo Museo do Cabaqueiro. 

O mércores 4 haberá unha nova actividade encadrada no programa Ler conta moito. Ás 10.00 horas Brais das Hortas visitará a Escola Infantil Galiña Azul co seu espectáculo ‘Contos para caghar patatillas’.

Festa do Outono do Pilar e moito máis

Un dos pratos fortes da axenda cultural de outono será a tradicional Festa de Outono do Pilar, que se celebrará os días 11 e 12 de outubro na Praza do Calvario. A seguinte parada no calendario de actividades será o 20 de outubro, no que O Rosal acollerá a terceira edición do Foro da Muller Rural Galega de Eu Rural, no que se porán en valor iniciativas que apostan polo rural capitaneadas por mulleres.

O domingo 22 de outubro o Coro Mistura Vocal estará en concerto no auditorio municipal (19.00 horas) mentres que o sábado 28 celebrarase o Concerto de Outono e 19º aniversario da Coral da Agrupación Musical do Rosal. Será ás 20.00 horas no auditorio. O mes rematará con Fulano, Mengano e Citano sobre o escenario representando a súa ‘Louca historia de Galicia’ (domingo 29 ás 19.00 horas).

Novembro comezará cunha demostración dos traballos dos cabaqueiros o domingo 5 na Praza do Calvario, xornada que deixará paso ao concerto do Coro Cantares de Brueiro o domingo 19. O 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, ademais dunha concentración inaugurarase a exposición de fotografía coas imaxes escollidas do concurso de fotografía ‘Mulleres que inspiran’ e poderase desfrutar dun concerto da Banda da Agrupación Musical do Rosal. Ese mesmo día, xa pola tarde, o auditorio municipal acollerá o Concerto de Santa Icía organizado cada ano pola Agrupación Musical do Rosal.

A programación de outono complétase ademais botando unha ollada ao pasado coas III Xornadas do Patrimonio, unha serie de actividades para todos os públicos nas que se porá en valor o patrimonio material e inmaterial rosaleiro. As sesións serán o 21 e 28 de outubro e o 4 e 5 de novembro no Centro Social Polivalente.

Por outra banda, do 21 de outubro ao 26 de novembro, o gastrobar Daordaria acollerá a exposición do fotógrafo rosaleiro Alberte Alonso Pereira.

Ponteareas sufrirá cortes de tráfico na contorna da depuradora

Mañá mércores día 4 comezan está previsto o inicio das obras de ampliación da depuradora, que comezarán cos traballos de tala de árbores polo que se prevén posibles cortes e restricións de tráfico puntuais en determinadas rúas.

Os cortes puntuais, debido ao paso dos camións, afectará principalmente ás rúas de acceso á Moscadeira:

  • Rúa Amieiros
  • Rúa Lavandeiras
  • Rúa Mimosas

Prégase aos veciños limitar o tránsito nestas rúas na medida do posible e a súa colaboración e paciencia debido aos traballos de ampliación dunha infraestrutura de vital importancia para a vila.

Ponteareas valora positivamente o éxito das festas de setembro e anuncia continuidade

O sábado fin ao mes de festas en Ponteareas co concerto de Roi Casal como remate. Os eventos das festas de Setembro deron inicio o pasado día 1 do mes aínda que os actos máis multitudinarios e festivos comezaron o día 8 coa lectura do pregón por parte de Xosé Antonio Touriñán, Touri, e celebración da XV edición da Feira Tradicional dos Remedios.

A organización das festas supuxo un reto para o equipo de goberno, o Concelleiro de Cultura, Ricardo González, quixo destacar a ampla variedade de eventos pensados para todos os públicos, “foron unhas festas extraordinarias, dadas as circunstancias de falta de previsión do anterior goberno por non ter nada programado nin reservado. Aínda así, organizamos dignamente estas importantes festas patronais con actividades para todos os públicos”, destacou.

Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro mostrouse agradecida, “ademais de ter que preparalas dende cero, non tiñamos con que facer fronte aos custes polo que agradezo moito o traballo de todos os concelleiros, así como da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, e sobre todo, das forzas vivas de Ponteareas, todas as asociacións e clubes que se prestaron a organizar diversos actos”.

O resultado, asegura, “foi un equilibrio de música e deporte locais e eventos para todos os públicos, cos que puidemos celebrar as festas que, a tenor da cantidade de xente nas rúas, foi unha das edicións con mellor acollida polos veciños e veciñas, e pola xente que nos visita, dos últimos anos”. De feito, Castro confirmou que debido ao “éxito do ciclo O Son do Tea – As Nosas Bandas, e coa axuda da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, o ciclo prorrogarase durante todo o mes de outubro”, sinalou.

Entre os diferentes eventos destacaron os orientados aos máis pequenos con Uxía Lambona ou O león azul e varios obradoiros, á música tradicional co LV Concurso de Gaita, a gala Lírica Soutullo na Ialma, co barítono Luís Cansino, a soprano Teresa Novoa e o tenor Juanjo Cura, ou o musical Camiñantes e Cantantes, sen esquecer a Roi Méndez, Roi Casal, Familia Caamagno ou o festival Urbano O Son do Tea e diversas orquestras.

O concelleiro de Deportes, Francisco Represas, mostrouse satisfeito coa implicación do pobo en todos os torneos, probas e exhibicións que se levaron a cabo neste mes “de tenis a xadrez, pasando por hockey, atletismo, fútbol ou ciclismo, así como a etapa final do circuíto galego Arzúa-Ulloa de Augas Abertas ou a carreira pedestre Ribeira do Tea, todos confirman a boa saúde do deporte de base e senior, en Ponteareas” asegurou.

Sela celebra a XLIX Festa da Colleita

0

Un ano máis a Asociación Virxe do Carme de Sela organiza a tradicional Festa da Colleita na Feira en Sela, no municipio de Arbo os días 11 e 12 de outubro.

A xornada Festiva arranca o mercores día 11 de outubro a partir das ás 20:00 horas na Praza da Feira  coa actuación dos trios 3.COM e AZAR,  mentras podes degustar chourizos asados de maneira tradicional.

O mércores 12, o día grande deste evento ás 11:00 horas misa solemne na honra a Santa Isabel e San Martiño e ofrecemento dos froitos da colleita. A partir das 12:00 horas sesión vermuth con pulpo, degustación de viño novo amenizado pola Charanga OT

Ás 17:00 horas tradicional Desfile de Tractores adornados con froitos e motivos da colleita e agricultura, percorreran as rúas da parroquia é as 18:00 horas o VIII Concurso de Postres Caseiros.

O fin da xornada a Asociación ofrecerá chocolate gratis para todos os asistentes.

Antigüidade, arraigo e tradición

A Festa da Colleita é una vella tradición que se remonta á década dos anos 70 do pasado seculo. Segundo os máis vellos da parroquia comezou no ano 1972 coa finalidade de ofrecer como agradecemento a Santa Isabel e San Martín os productos da colleita do outono.

Os participantes son veciños e veciñas da parroquia de Sela, que pouco a pouco, e co transcurso dos anos, foron sumando participantes de toda a vila de Arbo, doutros concellos limítrofes e do país veciño, Portugal.

A celebración xira en torno aos froitos propios da terra cultivados polos campesiños. Durante o oficio relixioso e a procesión, ocupan un lugar destacado as medas de palla, as espigas de millo e as cabazas colocadas nas paiozas, a augardente e outros licores propios, en clara alusión ao ambiente rural e tradicional que se pretende evocar.

Durante toda a xornada un augardenteiro destila bagazo que ofrece aos visitantes, xunto con postres caseiros e viño novo, mentres desfrutamos do desfile de tractores, que substitúen aos carros de bois dos primeiros anos, adornados polos lugareños para facer un percorrido pola parroquia e dar así a benvida ao outono.

“A colleita” é un evento onde a veciñanza participa unida para amosar que Sela é unha parroquia singular, ao igual que a súa Festa, única en toda a comarca do Condado-Paradanta.

Tomiño pechou as súas actividades de verán con máis de 520 horas de lecer

0

O Concello de Tomiño pechou a programación deportiva e infantil de verán con 520 horas ofertadas nun total de 12 actividades, nas que investiu case 39.000 euros. Máis de 500 nenos de entre 3 e 17 anos inscribíronse nos oito campus deportivos postos en marcha dentre o 3 de xullo ata o 1 de setembro, no que practicaron tenis, baloncesto, pádel, skate, fútbol mixto, bádminton, ioga da risa e atletismo.

A infancia gozou ademais de dous campamentos, o Campamento Urbano no mes de xullo, desenvolto nas instalacións do CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán, e o Campamento Musical no mes agosto, celebrado no Auditorio Municipal de Goián. O Concello ofreceu tamén cursos de piragüismo e paddle surf para persoas adultas.

A programación de verán, unha das ferramentas das que dispoñen as familias tomiñesas para lograr a conciliación laboral durante as vacacións escolares, incluía a posibilidade de beneficiarse dunha serie de bonificacións: un desconto para os irmáns empadroados en Tomiño, unha redución do 50% para persoas voluntarias do Concello de Tomiño e unha cobertura parcial ou integral para usuarios de Servizos Sociais. En total, 142 persoas participantes foron beneficiarias das bonificacións ofertadas, entre eles 28 cativos e cativas apoiadas polos Servizos Sociais.

Por outra banda, as actividades potenciaron durante a época estival a dinamización dos espazos dos que dispón o municipio, coma a Área Deportiva do Mosteiro ou a Fortaleza de San Lorenzo de Goián. As características destes espazos permitiron achegar a práctica deportiva ao aire libre e o contacto coa natureza á rapazada, posibilitando o mantemento dunha rutina e continuando o seu desenvolvemento integral nos meses de vacacións.

A Alameda de Redondela acolle unha exposición sobre a lingua galega

0

A Alameda de Castelao acollerá, ata o vindeiro 8 de outubro, unha exposición dedicada ao galego. Co título de “Orgullo da nosa lingua: o galego é un tesouro para compartir” ofrecerase un pequeno percorrido polas pecularidades e trazos de identidade do idioma e da súa evolución. A mosatra ten como obxectivo a promoción do galego entre todos os sectores da poboación poñendo en valor as moitas razóns que temos para sentir fachenda do noso idioma único. 

A mostra consta de cinco grandes paneis nos cales se tratan cuestións como a riqueza toponímica de Galicia, a viveza do refraneiro popular ou as numerosas formas que temos para referirnos á choiva.

Ademais, a exposición contará coa presenza dunha persoa que guiará ao público detallando e explicando máis curiosidades do galego mediante xogos e dinámicas de participación. O público, por outra parte, poderá optar a premios escaneando o código QR que hai nos paneis.

Esta actividade forma parte do programa FalaRedes da Xunta de Galicia e no cal participa o Concello de Redondela dense o seu inicio.

O Concello de Baiona súmase ao Día Nacional contra a Artrite

0

Con motivo do Día Nacional contra a Artrite, o Concello de Baiona quixo sumarse a esta celebración cun aceso de luces de cor verde no edificio da Casa do concello e o Cruceiro da “Santísima Trindade” a pasada noite. Unha iniciativa á que querido adherirse co obxectivo de sensibilizar ao resto da poboación sobre as persoas que padecen artrite reumatoide, artrite psoriásica, artrite idiopática xuvenil e espondiloartritis, que en España suman máis dun millón de persoas afectadas.

No acto do aceso estivo o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, acompañado por varios concelleiros do equipo de goberno que quixeron mostrar o seu apoio aos membros de familias baionesas que teñen familiares que padecen esta enfermidade, que tamén participaron na actividade.

Durante o mes de outubro a Coordinadora Nacional de Artrite realiza a campaña “Outubro, mes da artrite e espondiloartritis” con diferentes actividades para sensibilizar, informar e dar visibilidade a estas enfermidades, as cales non sempre son recoñecidas a primeira ollada e que cursan con períodos de máis ou menos actividade e con dor moi intensa incapacitando moitas veces para accións tan sinxelas como abotoar unha camisa ou atar un zapato, estas enfermidades non só preséntase en persoas maiores, senón tamén en mozas e poboación infantil.

Unha desas actividades dentro da campaña é, “Loce pola artrite” e iniciouse onte, o día 1 de outubro, Día Nacional da Artrite, esta actividade vén realizando desde o ano 2015 en distintas cidades a nivel nacional coa iluminación en cor verde de edificios emblemático.

A Xunta concede un novo obradoiro de emprego a Mos

0

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, clausurou este luns a segunda edición do obradoiro Queda en Mos que permitiu formar durante o último ano a 20 persoas desempregadas. A representante autonómica confirmou a reedición do curso o vindeiro ano cun investimento de 531.000 euros por parte da Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade.

Ortiz, que estivo acompañada pola alcaldesa, Nidia Arévalo, animou aos participantes a aproveitar a oferta formativa e laboral para incrementar as posibilidades de atopar un traballo. “A formación que recibides durante o último ano é unha ventá ao mercado de traballo e tanto Mos como o resto de Galicia, a sociedade e as empresas, necesitan xente formada, aí é onde tedes a vosa oportunidade”, destacou.

Ademais do obradoiro adicado a Mos, a delegada indicou que xa existe unha nova achega de 531.046,20 euros para o curso Vigo Capacita IX, concedidos a través do Concello de Vigo, e outros 265.523,10 euros para o III Obradoiro Forestal Montes de Vigo, a través da Mancomunidade de Montes.

Pola súa banda, Gondomar promoverá xunto a Baiona e Nigrán a iniciativa Coidando Miñor III; Salceda de Caselas contará co curso Reformas e Melloras de Centros Formativos e Cívicos 2023; Salvaterra de Miño terá o Salvaterra Emprega III; Cangas porá en marcha Granxa da Rúa XII; Redondela a cuarta edición do Redondela Máis que Bela IV; O Porriño desenvolverá o obradoiro Porremprego Cualifica II, e Moaña terá o taller Labora VII.

Carpintería e márketing dixital

A delegada salientou a implicación da administración autonómica coa promoción do emprego na área de Vigo e salientou os estudos impartidos en Mos para carpintería e márketing dixital. A representante autonómica destacou o compromiso do Executivo galego por incrementar as oportunidades e a estabilidade laboral dos galegos e galegas, cunha formación adaptada ás demandas reais do mercado e en colaboración cos concellos.

A delegada fixo así especial fincapé na ampla dimensión destes programas, por canto melloran a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade, con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo.