Sábado, 25 Xaneiro de 2025

Comezan as visitas teatralizadas de Samaín ao Castelo de Soutomaior

Todo listo no Castelo de Soutomaior para as novas visitas teatralizadas de Samaín que comezan, este venres, coas 720 prazas esgotadas. Deste xeito, entre o 6 e o 28 de outubro terán lugar 24 pases dos cales 17 diríxense a familias e 8 a persoas adultas. A primeira xornada das visitas teatralizadas estará dirixida ao público adulto e terá lugar o venres ás 20.00 horas. Pola súa banda, a primeira visita familiar será o sábado, 7 de outubro, ás 11:30 horas.

Tanto as visitas nocturnas, para público adulto, como as familiares, dirixidas aos máis pequenos da casa, estarán a cargo da compañía Troula Animación e baséanse na idea de que os asistentes o pasen ben pasándoo mal. As visitas destinadas ao público adulto terán lugar os venres e os sábados (os días 6, 7, 13, 14, 20, 21, 27 e 28 de outubro) en horario de 20:00 horas, e nelas os participantes (idade recomendada a partir dos 16 anos) porán a proba a súa valentía nunha visita guiada onde nada é o que parece. Pola súa banda as dirixidas ao público infantil celebraranse todos os sábados e domingos do mes (os días 7, 8, 14, 15, 21, 22, 28 e 29 de outubro) en dobre sesión, ás 11:30 e ás 16:30 horas, e nelas o público gozará dunha historia terrorificamente divertida.  En cada sesión participarán 30 persoas.

As restantes propostas no Castelo de Soutomaior neste outono tamén están a obter un grande acollemento. Deste xeito, están esgotadas as prazas do obradoiro que o 28 de outubro amosará ás familias participantes o máxico mundo do Samaín e as árbores e froitas típicos desta tradición, así como as do magosto previsto para o 4 de novembro, con saída polo bosque para recoller castañas e a posterior degustación.