Mércores, 19 Marzo de 2025

Volve “Parte de ti”, campaña de apoio ao rural

Ante o éxito da campaña Parte de ti, que se lanzou fai catro anos, Eurural decide ampliala un ano máis para seguir dando a coñecer as grandes historias que hai detrás dos produtos e servizos da nosa contorna.

A presentación tivo lugar onte ás 12:00 horas no Pazo da Escola, en Gondomar, e contou coas intervencións de Paco Ferreira, alcalde da vila; Sandra González, alcaldesa de Tomiño e presidenta do Grupo de Desenvolvemento Eurural; Carmen Barbosa Pacheco, presidenta da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalia e Sara González Pacheco, integrante desta mesma asociación.

Parte de ti nace co obxectivo de dirixir o apoio ás persoas produtoras, transformadoras e comercializadoras do rural. Trátase, por tanto, dunha campaña enfocada a sensibilizar, concienciar e informar baseándose nas historias dos profesionais que ofrecen os seus produtos e servizos no rural. Cada unha destas historias cóntase en forma de vídeo para achegar a realidade do rural ao espectador.

Durante a rolda proxectouse o vídeo de presentación da campaña e unha das historias, a de Marina Álvarez, unha redeira da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia (https://partedeti.eurural.org/historias/marina-alvarez/), desde a cal conseguiron ao longo dos seus anos de traballo dignificar a profesión, mellorar as súas condicións de traballo e ademais comezar un par de proxectos paralelos, coma unha colaboración con Artesanía de Galicia, con quen fan obxectos de artesanía e un proxecto que teñen con Amalia Puga, con quen agora mesmo están elaborando unhas lámpadas con redes recicladas.

“Moitas mulleres da miña familia son redeiras, desde nena vin como loitaron para estar onde estamos. O importante agora e que se incentive o relevo xeracional porque este é un traballo moi importante que non poden facer as máquinas. O futuro do mar, depende das redes”, Sara Gónzalez Pacheco, redeira máis nova da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia.

“Sentímonos moi orgullosas do noso traballo. Que o traballo é duro, hai que traballar coas mans molladas, pero o salitre está no noso corpo”, Carmen Barbosa Pacheco, redeira máis nova da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia.

Ademais da historia da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia (A Guarda), presentaranse ao longo da campaña outros proxectos coma Aitor (Tomiño), Lagar das Eiras (O Rosal), Lucky´s Bakes (Baiona), Viravolta (Tui) , El Ultramarino (O Porriño), O Muiño da Espelta (Mos), Carnicería Gandería Grego (Fornelos de Montes), Ara Restauración e Conservación (Nigrán) e Casa Rural Budiño de Serraseca (Oia).