12.7 C
Pontevedra
Xoves, 2 de Maio de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoFesta literaria en Tomiño cunha nova edición do seu ‘Outono de libros’

    Festa literaria en Tomiño cunha nova edición do seu ‘Outono de libros’

    Tomiño prepárase para vivir en outubro unha gran festa literaria. O Concello pon en marcha este mes a segunda edición do programa ‘Outono de libros’, unha iniciativa a través da que durante as vindeiras semanas se programarán catro presentacións de títulos literarios da man dos seus autores, todos escritores da comarca e con obras ambientadas no territorio.

    “Tras a grande acollida do ano pasado, apostamos de novo por un formato que nos permite achegar a literatura ao público xeral e dar visibilidade ás talentosas autoras e autores que temos na nosa contorna. Este ciclo é unha oportunidade para fomentar a lectura, o intercambio de ideas e o recoñecemento ás voces literarias que florecen na nosa comarca”, destacou a alcaldesa, Sandra González.

    As presentacións arrancarán este venres 6 de outubro e prolongaranse durante todos os venres do mes de outubro. Todos os encontros estarán dirixidos a todos os públicos, serán de balde e celebraranse a partir das 20.00 horas no Mercado Municipal de Tomiño.

    O cangués Dani Blanco será o encargado de estrear esta nova edición do ‘Outono de libros’. Será o día 6 de outubro coa presentación do seu libro ‘Murmuraban as miñas veciñas’, a recompilación de relatos de mulleres que existiron, como a súa propia avoa, con outras ficticias ideados para ser contadas a viva voz. O autor presenta as historias como unha instantánea coa humilde intención de que non caian no esquecemento, contos de mulleres do Morrazo mais que podían ser de calquera vila, porque mulleres bravas hainas en todas partes.

    O venres 13 de outubro será a quenda de Alfonso Ferreira Ramilo, que chega a Tomiño coa súa última creación, ‘Ruliña no Camiño’. O escritor porriñés propón ao público unha historia chea de aventuras con Ruliña como protagonista e o Camiño de Santiago dende Tui como escenario.

    A profesora do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño Puri Ameixide chegará ao mercado municipal de Tomiño o venres 20 de outubro con ‘Claro de lúa’, unha homenaxe ás grandes novelas decimonónicas. Escrita cunha boa dose de amor e humor, o libro trasládanos a comezos do século XIX na Guarda, a onde chega un forasteiro que se namorará da terra ao mesmo tempo que se vive a invasión napoleónica, os levantamentos de maio de 1808 ou a chegada das tropas imperiais a Galicia e o seu paso polo Baixo Miño.

    O peche da segunda edición deste ciclo literario será o venres 27 de outubro da man de Miriam C. Leirós, mestra no CEIP Mallón de Nigrán, educadora ambiental e experta en xestión social do hábitat e deseño participativo e coordinadora do colectivo Teachers For Future Spain que traballa dende os centros educativos para a acción e educación fronte á emerxencia climática. A escritora achegará ao público o seu libro ‘Los secretos de los cuentos clásicos (Archivos desclasificados)’, unha obra na que contos de toda a vida poden ser vistos doutro xeito, dende unha perspectiva ecolóxica e actual e deixando falar “aos malos” ou aos que non tiveron voz nas distintas historias.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.