O Concello de Nigrán creará unha praza pública de 371 m2 para a convivencia e a relaxación no espazo actual entre o remate da Ponte Románica da Ramallosa e a Avenida de Portugal (PO- 340), aos pés do Río Miñor. O obxectivo é dar un xiro radical nesta contorna de gran valor patrimonial, natural e etnolóxica para que pase a ser unha zona senlleira de pausa e descanso no Camiño. Con este fin, o Concello ven de sacar a licitación o proxecto de Ángel Santorio Arquitectos cun orzamento de 114.726 € e cuxa financiación correrá a cargo do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra. As empresas dispoñen ata o 19 de Outubro para presentar as súas ofertas.
“Pese a tratarse dun enclave estratéxico con altísimo valor patrimonial, cultural e ambiental, é actualmente un espazo residual e cunha imaxe moi descoidada porque aparcan vehículos e transitan peóns sen orde algún. A tramitación deste proxecto foi especialmente costosa porque estaba moi afectada por Patrimonio e foi preciso agardar por todas as autorizacións”, explica o alcalde, Juan González, quen busca “devolver ao lugar a entidade que merece” ao situarse aos pés da Foz do Miñor (red Natura 2000, catalogado LIC), da ponte medieval, e no propio Camiño Portugués pola Costa. Así, actualmente os pavimentos están moi deteriorados e sen regularidade, xerándose charcos e problemas de salubridade; a mestura indiscriminada de peóns e vehículos supón un risco de seguridade viaria; a iluminación resulta deficiente e, como suma de todo elo, o espazo non traslada sensibilidade algunha pola traza do Camiño.
Deste xeito, o proxecto contempla devolverlle a calidade ambiental recuperándoo como lugar para o paseo, a estancia e a relaxación de veciños e peregrinos, tendo en conta ademais que se atopa nunha cota inferior (de embarque) que a afasta do gran tráfico urbano da contorna. Así, a actuación mellorará o pavimento térreo existente e creará unha zona empedrada únicamente para o acceso dos vehículos aos garaxes actuais. O resto do lugar destinarase únicamente para os peóns, que contarán tamén cun itineario de adoquinado en granito moreno acompañado de mobiliario urbano de deseño sinxelo que se integrará na praza de xeito amable (banco, papeleira e maceteiro realizados en pedra ou madeira). A meta é crear un espazo diáfano e despexado cuxo uso resulte o máis flexible posible. Ademais, plantaranse bosquetes estratéxicos con especies autóctonas de árbores que propicien puntos de sombra. Finalmente, unificarase a sinaléctica existente e dotarase á zona dunha nova iluminación.
“Son unha serie de actuacións sutís, que non implican un gran investimento, pero que suporán un cambio radical nesta contorna pasando de ser unha zona de tránsito a un lugar privilexiado de desconexión e senlleiro no Camiño Portugués pola Costa”, resume o rexedor.