Xoves, 13 Novembro de 2025

Aberta a inscrición para as actividades na biblioteca Xela Arias de Chapela

0

Os vindeiros días procederase á realización de dúas actividades na biblioteca de Xela Arias en Chapela, Redondela. O primeiro obradoiro está dirixido a nenos e nenas de entre 8 e 12 anos de idade e o segundo é un espectáculo familiar para nenos/as de entre 5 e 10 anos.

Ambas actividades desenvolveranse con todas as medidas de seguridade e hixiene frente ao Covid-19, e terán lugar dentro do programa “Ler conta moito” da Consellería de Cultura e Turismo para a Rede de Bibliotecas de Galicia.

Martes 22 de setembro, de 18:00 a 19:30 h.: Obradoiro de robótica, coa escola Átomos

Robótica na biblioteca é unha actividade que procura a achega dos máis novos e novas ás tecnoloxías do futuro desde o centro cultural que é a biblioteca. Ademáis de aprender fundamentos básicos e coñecer o fondo científico-técnico dispoñible, os e as participantes poderán levar o seu propio robot para a casa.   Dirixido a nenos e nenas de 8 a 12 anos. Entradas limitadas. Inscrición na biblioteca Xela Arias

+ INFO: https://bibliotecasredondela.blogspot.com/2020/09/obradoiro-de-robotica-para-nenos-e.html

Xoves 1 de Outubro, de 18:30 a 19:30 h.: Conto-concerto “Como montar a túa banda”, con Xoán Curiel.

Na biblioteca Xela Arias festexamos o noso 15 aniversario co artista Xoán Curiel, e farémolo no exterior da mesma, no parque do Piñeiral do Crego.

Xoán Curiel ofreceranos un espectáculo participativo onde se mesturan música de diversos estilos (funk, rock, pop, reagge) con elementos teatrais ou “clown”, conducido a través da narración dunha historia moi divertida que orixina o nacemento dunha banda musical.

Espectáculo infantil e familiar, recomendado para nenos/as entre 5 e 10 anos.
É preciso inscribirse na biblioteca.

A Policía Local e Protección Civil de Tomiño reciben formación especializada en violencia de xénero

0

Os integrantes da Policía Local e protección Civil de Tomiño asistiron durante dous días a un obradoiro de formación contra a violencia de xénero, organizado pola Oficina Municipal de Igualdade, co fin de proporcionar aos axentes destes colectivos as ferramentas teórico-prácticas para enfrontarse aos casos de violencia doméstica ou familiar que se produzan no municipio.

Deste xeito, o Concello continúa traballando contra esta lacra da sociedade que cada día se cobra novas vítimas. O taller tivo lugar os días 15 e 16 deste mes, no salón de plenos do Concello.A actividade estivo financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdad, Secretaría de Estado de Igualdad y contra la Violencia de Género.

Por outra banda, Tomiño acollerá a inauguración das primeiras Xornadas de formación en LGTBIfobia nos corpos e forzas de seguridade, actividade que foi presentada o pasado venres no Salón de Plenos de Tomiño coa presenza de Xermán Cordero Verde, coordinador da Asociación Trans Miño-LGTBIQ+, organizadora destas xornadas (coa colaboración dos concellos de Tomiño, O Rosal e A Guarda); a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o concelleiro de da Área de Seguridade, Ismael Troncoso.

Segundo expuxo o coordinador da asociación, con sede na Guarda,o obxectivo principal é “o achegamento entre as persoas vítimas dunha agresión por LGTBIfobia e os corpos de seguridade, así coma a formación para recoller os datos necesarios para que a fiscalía poida actuar (FCS). Outros dos fins dos organizadores é “romper cos estereotipos e medos das persoas que sofren este tipo de agresións, por exemplo, á hora de ir a unha comisaría.

As xornadas terán lugar os vindeiros días 22,23 e 24 de setembro nos concellos de Tomiño, O Rosal e A Guarda. O día martes 22, ás 10:30 h será a inauguración no Auditorio de Goián, seguida da primeira sesión formativa. O día 23, ás 11 da mañá impartirase a 2º sesión, no Centro Polivalente de O Rosal, e xa o 24, ás 10:30 h comezará a última xornada formativa, seguida (ás 18.30 h) dunha xornada de portas abertas, e da entrega de diplomas e peche.

O temario das xornadas versará sobre delitos de odio e discriminación, policía e diversidade; método de traballo e boas prácticas policiais, e suposto práctico sobre Análise de custoria. As persoas que desexen apuntarse poden enviar un correo electrónico a [email protected], ou chamar ao 626.420.874.

O Concello do Porriño manifesta o seu orgullo de que unha empresa local sexa a primeira de España en producir unha vacina contra a Covid-19

O Concello do Porriño manifesta “o seu orgullo de que unha empresa asentada neste termo municipal” sexa a primeira de España en producir unha vacina contra a Covid-19. Trátase de “Biofabri”, filial do grupo “Zendal” que foi elixida pola compañía norteamericana “Novavax” para realizar a produción da vacina para a Unión Europea, segundo o acordo anunciado.

“Para Porriño constitúe un motivo de ledicia e satisfacción que unha fábrica asentada en Torneiros reciba esta encarga o que acredita o alto grao de especialización e recoñecemento a nivel mundial que ten a nosa industria”, valorou Eva García, alcaldesa de O Porriño.

Hai que lembrar que no pasado mes de xullo, o ministro de Ciencia, Pedro Duque visitou as instalacións de “Biofabri” en Torneiros, despois da concesión de preto dun millón de euros en subvencións do Goberno de España para continuar esta investigación en vacinas.

A alcaldesa subliñou que a actual fábrica de “Biofabri” e o grupo empresarial “Zendal” ao que pertence “ten as súas raíces nos proxectos de familias como os Fernández López que crearon o grupo Zeltia hai máis de 80 anos”.

Eva García ofreceu a “Biofabri” “toda a colaboración que sexa posible dende o Concello do Porriño”.

A Biblioteca de Nigrán ofrece, dende este venres e ata o 8 de outubro, catro sesións de contacontos infantís no auditorio municipal

0

A Bilioteca Municipal de Nigrán ofrece desde este venres e ata o 8 de outubro catro sesións de contacontos infantís a través do programa de dinamización á lectura ‘Ler conta Moito’. Por cuestións de seguridade sanitaria este ano terán lugar todos no Auditorio Municipal e será imprescindible a incrición previa na propia biblioteca, no correo [email protected] ou no 986 383 979.

O ciclo comezará este venres 18 ás 18:00 horas (todos serán a esa mesma hora) a cargo de ‘Donde viven los cuentos’ coa sesión ‘Daniela Pirata e as mozas pirata’, dirixido a crianzas de 4 a 8 anos. Trátase dun contacontos interactivo baseado no conto ‘Daniela y las chicas pirata’ de Susana Isern, segunda de parte de ‘Daniela Pirata’. A nosa pirata preferida, Daniela, vivirá unha nova aventura co Caimán Negro. Nesta ocasión, coñeceremos ás Pirañas Intrépidas, un equipo de piratas mulleres que conseguirán cumprir as misión de Daniela con máis rapidez e eficacia. Daniela tratará de competir con elas para darse conta ó final de que xuntas son mellores. Unha aventura de cooperación trepidante. Na actividade os nenos acompañarán a Daniela na súa viaxe e experimentarán todas as dificultades que deberá superar.Para iso, xogarán, bailarán e se emocionarán nunha nova aventura pirata con valores moi actuais.

O venres 25 continúa con ‘Unha viaxe para cantar e contar’ tamén a cargo de ‘Donde Viven los cuentos’ e para idades de 0 a 5 anos. Este contacontos é unha viaxe polos sentidos. A través de diferentes contos e xogos con teas, obxectos, luces, sons e música, os máis cativos irán recorrendo na súa barquiña unha chea de illas nas que viviremos aventuras trepidantes o mesmo tempo que aprenderemos conceptos como: as cores, os números, as formas, as partes do corpo.

A terceira sesión será o xoves 1 de outubro con ‘Cinema Marabillas. Ver para ler’, a cargo de Raquel Queizás e para crianzas a partir de 5 anos. Descubriremos a amizade entre o cine e a literatura infantil e xuvenil. Gozaremos coa proxección de fragmentos das primeiras adaptacións cinematográficas inspiradas nos contos marabillosos e nos libros clásicos da literatura. O obxectivo e facerlles ver que esas historias que coñecen poden contarse de diferentes maneiras. Non faltará aventura, misterio, tenrura, maxia, fantasía e sobre todo moita imaxinación.

Finalmente, Raquel Queizás remata o ciclo con ‘Travesías. Aventuras de libro’ para crianzas a partir de 3 anos. Agardan por nós viaxes cheas de aventuras nas que coñeceremos a nenas e mulleres bravas que loitaron contra os prexuízos para conseguir os seus soños. Ata fai moi pouco tempo os contos infantís reflectían un mundo onde os mozos eran sempre os heroes que salvaban a unha débil princesa. E case nunca aparecían mozas decididas e resoltas. Pero agora podemos contar con contos que transmiten valores de igualdade, de respecto e convivencia entre nenas e nenos e entre mulleres e homes.

Abertas as inscricións para o ‘Trail do Trega’ 2020

0

O  Trail  do Trega, que se celebrará na Guarda o día 11 de outubro, nunha das probas máis importantes polo desafío que afrontarán os participantes nos 14 quilómetros de percorrido. As inscricións xa están abertas na web  traildotrega.com a partir de hoxe e tamén para o roteiro de sendeirismo.

Os organizadores adoptaron todas as medidas de seguridade para os deportistas. Así, estableceuse que as inscricións non poden superar as 300 persoas. As saídas serán graduadas e por quendas. Ademais, a cada participante tomaráselle a temperatura.

Serán 14 quilómetros de percorrido, cun desnivel de 800 metros. Esas son as dificultades que se deben superar. Cada un ao seu ritmo. O aspecto deportivo é importante, pero tamén o turístico. O roteiro na que se desenvolve este acontecemento deportivo é espectacular, unha das mellores vistas que se poden ofrecer en Galicia e tamén no resto de España.

Ademais da proba atlética, tamén se desenvolverá un roteiro de sendeirismo de 10 quilómetros de longo. Unha actividade menos esixente para aqueles que queiran gozar a un ritmo máis lento da aventura.

As inscricións para ambas as actividades pódense realizar xa na web traildotrega.com.

O Concello das Neves cumpre co seu compromiso de asumir as limpezas adicionais e desinfeccións dos centros de ensino

0

O Goberno Local, vai custear os gastos derivados das limpezas e desinfeccións necesarias para cumprir coas necesidades de seguridade actuais. O embolso, por un total de 3.970 € mensuais de gasto adicional ao que xa se vén facendo, inclúe actuacións no colexio, nas escolas unitarias, no Pavillón Municipal, e no Centro de Día.

Faranse 25 horas semanais adicionais de limpeza de reforzo con produtos desinfectantes, no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, e nas Escolas de Educación Infantil de Taboexa e Rubiós. Ademais, quincenalmente levarase a cabo un tratamento desinfección e posterior limpeza á nebulización nestes centros de ensino e no Pavillón Municipal.

Igualmente, tamén se actuará no Centro de Día, onde se realizará un tratamento desinfección e posterior limpeza á nebulización cada quince días.

Pilar González Casas, Concelleira de Ensino e Servizos Sociais, lembra o firme compromiso do goberno en materias clave como Ensino e Sanidade, e que, “a pesar de ser competencias da Xunta de Galicia, non se recibiu ata o momento ningún tipo de apoio económico ou de persoal para poñer en marcha os traballos de limpeza e desinfección necesarios actualmente”.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda segue denunciando o deterioro “dun servizo público esencial para a cidadanía”

0

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda vén de chamar a atención, unha vez máis, polas deficiencias que, dende hai meses padece o Centro de Saúde da Guarda que, dun cadro de persoal de 8 médicos e médicas, na actualidade “dispón soamente de catro e ás veces menos”. A situación que asegura a plataforma, “nunca pode ser aceptable” transfórmase neste momento de pandemia do coronavirus “nunha auténtica irresponsabilidade por parte das autoridades sanitarias da Xunta de Galicia”.

A falta de persoal sanitario –denuncia a Plataforma– “está xerando unha sobrecarga de traballo aos profesionais do centro de saúde que provoca unha atención aos pacientes deficitaria con moitos días de espera para poder ter unha consulta” e aseguran que a veciñanza está a asistir a un “deterioro moi grave dun servizo público esencial para a poboación como é a sanidade”.

“Compartimos o enfado da sociedade guardesa diante desta situación e pedímoslle que dirixa as críticas contra o verdadeiro responsábel, a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia” porque, engaden, “sería absolutamente erroneo orientar a nosa indignación contra os traballadores e traballadoras da sanidade” que son, en todo caso, “víctimas igual que os usuarios, dun proceso de recortes na sanidade pública galega”. Nese sentido, lembra a Plataforma, as e os traballadores da sanidade “deben ser os nosos aliados na defensa e na reivindicación dunha sanidade pública galega de calidade”.

Doutra banda, a plataforma quere anunciar a desconvocatoria da concentración que se tiña pensado celebrar mañá xoves, 17 de setembro, “por mor do estado epidemeolóxico da Guarda” se ben adiantan que, en canto a situación o permite “temos previsto realizar unha grande mobilización para denunciar a situación que vivimos e para esixir da Xunta de Galiza o persoal necesario para que o centro de saúde funcione dentro duns parámetros de calidade aceptabeis”.

Esgotadas as prazas para a actividade deste domingo en Monçao, dentro do programa de ecoturismo “Vive o Río Minho”

Continúa a grande acollida das actividades ecoturísticas do programa ‘Vive o Rio Minho’ organizadas pola Deputación de Pontevedra para as fins de semana deste mes nos concellos galegos e portugueses da ‘raia’. Segundo explica o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, as 50 prazas para a actividade deste domingo día 20 esgotáronse en apenas 30 minutos desde que se habilitou a inscrición e, no caso das do sábado, xa está practicamente cuberto o cupo, con apenas as últimas vacantes.

 ‘Vive o Rio Minho’, desenvolvido dentro do proxecto ‘Visit Rio Minho’ financiado con fondos europeos do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’’, pretende ser unha 

alternativa turística que permite coñecer o territorio transfronteirizo do Miño dun xeito tranquilo, seguro –seguindo protocolos sanitarios pola COVID-19-  buscando a natureza, a cultura e toda a riqueza que ofrece a contorna.

Na pasada fin de semana, acompañadas polo bo tempo, as actividades tamén resultaron moi aplaudidas polas persoas participantes. O sábado realizouse unha visita a Melgaço e unha ruta polo río Deva ata a Cova da Moura e o domingo fíxose balsismo polo Miño e unha visita a Arbo.

A xornada deste próximo domingo –xa completa- consistirá nunha visita guiada á zona histórica de Monção e ao Museo do Viño, así como ao Palácio da Brejoeira. As persoas participantes encontraranse na praia fluvial de Pinheiros para realizar en primeiro lugar unha ruta circular de sendeirismo de 15 km e dificultade media-alta. Ao finalizar o día, e se o tempo o permite, quen o desexe poderase dar un baño na área termal xunto ao Miño

A actividade do sábado, para a que quedan dispoñibles as últimas prazas, consiste nunha ruta circular de 17 quilómetros de dificultade media e apta para nenas e nenos a partir de 12 anos acostumados a camiñar. Percorrerase un tramo do río Miño, o rego de Lobeira e o río Tea, e logo farase unha visita conxunto histórico de Salvaterra e ao  Museo do Viño. Está previsto formar un grupo de máximo 40 persoas

Como medidas anti-COVID-19, a organización vixiará que as persoas participantes e guías manteñan a distancia de seguridade durante a actividade, sendo obrigado o uso de máscara. No caso das entradas en lugares pechados, faranse subgrupos para poder manter a distancia interpersoal.

A seguinte xornada, do 26 de setembro, inclúe un percorrido en bici pola ecovía do Miño entre Valença e Vila Nova de Cerveira, e unha visita guiada por Valença e Tui. O domingo 27 de setembro realizarase unha ruta de sendeirismo entre a desembocadura do Tamuxe e o porto de Goián, a visita á fortaleza, e un tramo en caiac polo río. Finalmente, para o 3 e 4 de outubro plantéxase unha fin de semana completa na que se combinarán as rutas de sendeirismo, a observación ornitolóxica, visitas guiadas, e unha visita dramatizada no castro de Santa Tegra. Todas as actividades son gratuítas e están destinadas ao público xeral. As inscricións para os eventos realizaranse entre o luns anterior ás 9 horas e ata o xoves ás 23 horas no caso de non cubrir as prazas con anterioridade (entre 40 e 50 por evento).

Represas lembra que a caldeira de biomasa “substitúe a cinco de gasoil moi contaminantes”

O Alcalde Xosé Represas expresou o seu “respecto” cara as persoas que de boa fe se poden manifestar contra a caldeira de biomasa e animounas “a confiar nun goberno que ten no seu ADN a defensa do medioambiente, da calidade de vida e da saúde. A nosa traxectoria de décadas de compromiso e activismo ecoloxista é sobradamente coñecido en Ponteareas”, engadíu o rexedor local.

Segundo Represas “a iniciativa da caldeira da biomasa vai na mesma liña que as humanizacións e a reordenación do tráfico ou as obras no conservatorio ou escola infantil. Todas elas perseguen reducir a contaminación e o despilfarro enerxético e mellorar a calidade de vida en Ponteareas”.

Falar de planta ou central é unha auténtica barbaridade que só se pode lanzar desde a mala fe política, a ignorancia absoluta ou os intereses económicos ocultos

O Alcalde lamentou que “un pequeno grupo de persoas e varios partidos, por razóns políticas e ideolóxicas, decidiran crear unha falsa alarma social manipulando a realidade e os conceptos”. Segundo Represas “cando esas persoas e partidos falan de planta de biomasa ou de central térmica faltan á verdade, pois o que se está executando é simplemente unha caldeira, coa diferenza de que en lugar de funcionar con gasoil funciona con biomasa, é dicir, con astela de madeira e polo tanto un 95% menos contaminante”. O Alcalde foi taxativo e afirmou que “falar de planta ou central é unha auténtica barbaridade que só se pode lanzar desde a mala fe política, a ignorancia absoluta ou os intereses económicos ocultos daqueles aos que non interesa a biomasa como combustíbel alternativo”.

Represas lembrou que a carón da nova caldeira de biomasa se atopa o Centro de Día, o Centro de Maiores e o Centro de Servizos Sociais, que para o seu sistema de calefacción dispoñen de tres caldeiras de gasoil moi contaminantes. “Esas caldeiras ao igual que as da Escola Infantil e do Concello quedarán fóra de servizo e serán substituidas por esta nova caldeira de biomasa que supón menos contaminación e máis aforro económico”, aclarou o Alcalde, quen se amosou sorprendido diante dos argumentos daqueles que se opoñen á caldeira: “non é de recibo nin racional que se alarme á veciñanza cunha caldeira de biomasa que é ridícula ao lado das centos de caldeiras de gasoil e gas que contaminan o aire da nosa vila ou dos miles de vehículos que circulan a diario por Ponteareas emitindo CO2”.

O Sergas ten activo un teléfono para facilitar a detección e seguimento de casos de persoas que non residan en Galicia

0

O Servizo Galego de Saúde mantén operativo un procedemento específico para a detección e seguimento de persoas procedentes doutras comunidades autónomas ou doutros países e non residentes en Galicia que estea na comunidade de vacacións ou de paso e que poidan presentar síntomas de coronavirus.

As persoas afectadas deberán chamar ao teléfono 881 00 20 21, a través do que se simplificará calquera trámite administrativo para que estas persoas sen médico de cabeceira na zona poidan ser avaliadas de modo áxil e que o persoal sanitario poida tomar unha decisión sobre a proba de diagnose ou sobre o tratamento no caso de considerarse necesario.

Segundo os últimos datos facilitados pola Consellería de Sanidade, O Rosal mantense con 18 casos activos de COVID-19 repartidos en catro brotes, tres de carácter familiar e un de ámbito laboral. Son considerados como casos activos aqueles que foron positivos na proba PCR que aínda non recibiron a alta médica e que teñan o seu médico de cabeceira adscrito ao centro de saúde do Rosal. Sanidade fai o seguimento tamén doutras 33 persoas no concello por ser contactos estreitos dos positivos.

Dende o Concello seguirase trasladando puntualmente á poboación toda a información oficial facilitada dende a Xunta de Galicia para que teña coñecemento da evolución da situación no municipio. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salienta o compromiso de todos os veciños e veciñas con esta situación e o bo cumprimento que están a facer de todas as medidas preventivas adoptadas nos últimos días.

A ‘Asociación de veciños Ponteareas saudable’ convoca unha manifestación contra a caldeira de biomasa

A recen creada ‘Asociación de veciños Ponteareas saudable’ nacida, segundo os promotores “defender e xestionar” a solución dos problemas derivados da instalación dunha caldeira de biomasa na rúa Vidales Tomé, vén de convocar unha manifestación para o vindeiro venres, 18 de setembro, ás 20 horas dende a Praza Maior ata a Casa do Concello.

Lembra a Asociación que “non se está en contra da planta de Biomasa, pero da súa situación en medio do casco urbano de Ponteareas. Basean a convocatoria da manifestación en cinco puntos. Por unha banda aseguran defender os intereses dos residentes da terceira “aos que se pecha entre bloques destruíndo o seu parque biosaudable”.

Alegan tamén a “defensa da saúde de todos os habitantes de Ponteareas” xa que ao entender da asociación veciñal “a planta produce emisións de substancias canceríxenas”. Apuntan tamén que, esta instalación “produciría unha devaluación moi importante do valor da vivenda da veciñanza próxima” e, na mesma liña, aseguran que non se pode poñer “unha industria en solo dotacional”.

Finalmente a Asociación de veciños Ponteareas Saudable subliña que tratase tamén de “defender ás novas xeracións ás que non queremos deixar esa industria no medio do pobo”.

Nigrán avanza na seguridade das praias do próximo verán ao outorgar o certificado oficial de socorrismo a oito veciños e preparar un novo curso

0

O Concello de Nigrán avanza para garantir a seguridade nas praias do vindeiro verán ao outorgar o certificado oficial de socorrismo a 8 veciños que xa poderán exercer como tal ao dispor xa do certificado de profesionalidade requirido. Paralelamente, ultima unha nova edición coas mesmas características. Foi precisamente con este obxectivo de atallar coa dificultade de cada ano de obter titulados para traballar nos  areais co que o Concello investíu 15.000 euros neste curso de 10 persoas (8 aprobadas) impartido por BIG Formación para ofrecelo de xeito gratuito, circunstancia que repetirá nos vindeiros meses. A duración total foi de 420 horas e a formación práctica desenvolveuse entre a Piscina Mancomunada do Val Miñor e nas propias praias durante este mes de setembro.

“O programaramos para obter titulados este mesmo verán, pero ante a crise do Covid-19 sufríu un lixeiro retraso ante a dificultade de realizar as prácticas segundo o previsto inicialmente “, explica o alcalde, Juan González; quen incide en que anualmente se repite de falta de socorristas coa titulación requirida, “polo que é importante celebralo”, engade. Así, o compromiso do goberno de Nigrán coa seguridade e calidade asistencial nos areais e máximo, e ante o insuficiente número de socorristas que se precisan en toda Galicia  na tempada estival o Concello tomou esta decisión para atallar este problema na súa comarca definitivamente.

“Trátase dun certificado de profesionalidade moi demandado e cun custe económico alto tendo en conta que o traballo é moi estacional, motivo polo que hai escasos socorristas coa titulación válida para exercer o seu traballo nas praias, unha circunstancia que desde o Concello queremos solventar ofrecendo esta formación de xeito gratuíto entre os nosos veciños”, explica González.

Neste curso oficial, o alumnado adquire os coñecementos necesarios para velar pola seguridade dos usuarios de zonas de baño público en espazos acuáticos naturais, de forma autónoma ou integrado nun equipo de rescate e socorrismo, velando pola seguridade, previndo que se produzan situacións potencialmente perigosas realizando unha vixilancia permanente e eficiente e intervindo de forma eficaz ante un accidente ou situación de emerxencia.

Tomiño agradece cun sentido homenaxe a todas as persoas que colaboraron durante a pandemia

0

O Alivio celebrouse de forma diferente este ano. Co aforo limitado e todas as medidas de seguridade, a Praza do Seixo acolleu o sábado pasado o peche das festas co tradicional acto cívico e cun concerto da Agrupación Musical de Goián.

A celebración arrancou ás 20.00 horas cunha sentida homenaxe a “Heroes e heroínas da crise sanitaria pecha O Alivio 2020”,  todas as persoas que durante a crise sanitaria colaboraron de forma activa na loita contra a COVID-19, a todos os colectivos e a toda a veciñanza que converteron o municipio nun exemplo de unidade e solidariedade durante unha situación excepcional. Colectivos coma a Policía Local, Protección Civil, Garda Civil; ANPAS, empresas de alimentación e transporte, autónomos do sector agrario que colaboraron na desinfección das rúas; Asociación de Comerciantes (ADETO), voluntariado do programa “Tomiño suma” e voluntarias que confeccionaron máscaras de protección, etc.

O acto cívico, que por primeira vez non protagonizaba unha persoa individual, centrou o seu recoñecemento no persoal sanitario, que estivo representado por Ana María Fonterosa, enfermeira do Centro de Saúde tomiñés, con máis de 32 anos de experiencia.

Agrupación Musical de Goián

A Agrupación Musical de Goián non faltou á súa cita co Alivio e amenizou con varias pezas a velada, brindando un concerto de balde, moi aplaudido polo público, que comezou ás 22.30h.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, na súa intervención deu ás grazas en primeiro lugar ás persoas que asistiron ao acto con responsabilidade e seguridade, cumprindo con todas as medidas de prevención.

A rexedora fixo un saúdo especial á Comisión de Festas do Alivio, que “este ano, con tristeza, pero nun exercicio de responsabilidade, decidiu suspender as festas do Alivio, por primeira vez en moitos anos”.

“Quen nos ía dicir hai un ano que iamos celebrar este Alivio tan especial? Quen nos ía dicir que estaríamos homenaxeando a solidariedade dun pobo e duns profesionais, e a todos e todas que foron quen de garantir a nosa vida, aínda en condicións de confinamento?”, preguntábase González, antes de agradecer a todas e cada unha de esas persoas e colectivos que colaboraron sen descanso durante a pandemia e seguen a facelo. Por último, a alcaldesa referiuse á Agrupación Musical de Goián para manifestar o seu profundo agradecemento; unha agrupación “que enche de música este acto e que sempre está, mellorando e embelecendo coa súa música as nosas vidas”.

Balneario de Mondariz propón cinco formas de tomar un baño “cheo de saúde” para estrear o outono

A auga mineromedicinal é para Balneario de Mondariz o seu pasado, o seu presente e o seu futuro. Esta auga que cumpre agora 147 anos, desde a súa declaración de augas de Utilidade Pública polo Goberno español, e que segue regalando aos clientes desta vila termal os beneficios do gas carbónico, do bicarbonato, do calcio, do sodio e firo que confiren á mesma unha serie de beneficiosas características tales como: problemas dixestivos, dermatolóxicos, respiratorios, reumáticos, psicolóxicos e unha longa lista de virtudes terapéuticas e preventivas.

Un luxo para o recentemente estreado outono polo seu agradable. Uns beneficios que se conseguen a partir de diferentes tratamentos, pero que teñen nos baños un efecto beneficioso acompañado dunha sensación de relax. Mondariz conta con cinco posibilidades para penetrarse no pracer do baño:

Baño de burbullas: individual con saídas de aire a presión, realizado con auga mineromedicinal, de quince minutos de duración e co que se consegue un efecto relaxante.

Hidromasaxe: baño individual con 80 saídas de auga a presión, realizado con auga mineromedicinal, de quince minutos de duración e co que se obtén un efecto tonificante.

Baño de CO2: individual realizado cunha combinación de auga sanitaria e auga con CO2, co que se activa a circulación periférica e que está indicado para tratamentos antirreumáticos e anticelulíticos.

Niágara: baño individual con 180 saídas de auga a presión, realizado con auga mineromedicinal, de quince minutos de duración, co que se consegue un interesante efecto masaxe debida ao gran número de saídas de hidromasaxe do que dispón.

Atlántis: baño individual con 230 saídas de auga a presión, realizado con auga mineromedicinal, de quince minutos de duración, co que se consegue un interesante efecto masaxe debida ao gran número de saídas de hidromasaxe do que dispón.

Hoxe rexístranse 21 casos máis activos por coronavirus en Galicia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.322 deles 1.237 son da área da Coruña, 781 da de Lugo, 500 da de Ourense, 577 da de Pontevedra, 387 da área de Vigo, 659 da de Santiago, e 181 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 29 están en UCI, 211 en unidades de hospitalización e 4.082 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 15.829 persoas curadas, rexistrándose 696 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 405.798.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 2021 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no DOG do pasado 3 de setembro, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Arbo destina 38.000 euros para as obras de Acceso Couto a As Laxas

0

Á vista do expediente que se tramitou ante a Axencia Galega de  Desenvolvemento Rural dacordo coa resolución do 19 de decembro de 2019 pola que se aproba o Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento  Rural (Feader), ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de  Galicia 2014 – 2020 para “Acceso Couto – As Laxas”, cun orzamento total de 38.102,90 €.- (IVE do 21% incluido) o Concello de Arbo, recibia da Consellería de Medio Rural comunicación da concesión de subvención o pasado 16 de xullo para a mellora do Camiño de As Laxas.

Mellorar as infraestruturas de comunicación municipais que serven de acceso a distintas localidades do municipio, co obxectivo de favorecer as condicións de transito e seguridade viario, e deste modo, proporcionar mellora calidade de vida aos habitantes, contribuír a evitar a  despoboación e fomentar a actividade económica.

Obras Couto – As Laxas

A Roza do terreo, demolición e realización do movemento de terras necesario, escavacións e terraplenados, así como a carga e transporte do material sobrante a entulleira. Execución de  muros de cachotería, realización de cunetas  formigonadas nos tramos sinalados nos planos, ampliación do vial e posteriormente aglomerado en quente  e pintado do eixo e colocación de barreiras de seguridade, son algunhas das obras que constan na memoria do proxecto.

Según indicou o alcalde do Concello de Arbo Horacio Gil e responsable da área de obras, esta actuación esta enmarcada dentro do plan do seu gobernó de inversión e mellora de camiños municipais e afianzan o desarrollo do municipio.

Horacio Gil, insisistiu en que estas obras de mellora suponen unha continuación das infraestructuras rurais que o Concello  de Arbo, ven realizando nos últimos anos, e que suman máis de 350 obras de melloras e mantenemento. As inversión realizadas no camino “As Laxas – Couto”, permitirán a mellora no camino de acceso a estes barrios e que comenzaron o ano pasado. Remata o rexedor O concello de Arbo tamén esta mellorando o Camiño de Esmoriz en Mourentan, o Camiño de Urzal en Barcela, os edificios municipais como son o Pavillón Municipal, o Auditorio e o Múseo Arabo, así como o arranxo de varios lavadoiros para recuperación do patrimonio cultural e tradicional.

A axencia de órganos e sangue chama á cidadanía, especialmente aos grupos A positivo e B positivo

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) fai un chamamento xeneralizado á cidadanía a doar sangue e, moi especialmente, aos doantes dos grupos sanguíneos A positivo e B positivo.

As reservas dos grupos A positivo e B positivo presentan niveis baixos, polo que resulta preciso reforzar o permanente chamamento á participación nas campañas de doazón de sangue.

Desde ADOS convídase a todas as galegas e galegos a continuar amosando o seu carácter solidario para incrementar o numero de doazóns de sangue.

Cómpre remarcar que os hospitais galegos precisan mensualmente ao redor de 10.000 doazóns de sangue.

Facilitar a participación

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue agarda, novamente, contar coa positiva resposta da cidadanía ao seu chamamento solidario e para iso ofrecerá as máximas facilidades para doar, desprazando as súas unidades móbiles ao longo da xeografía galega.

DataLugar
Mércores 16 setembroPontedeume, Carballo, Zona Gaiteira / Os Castros (A Coruña), Forte, Camporrapado, Bertamiráns (Ames), O Grove, Tui, Rúa Príncipe (Vigo), Cervo, San Cibrao (Cervo), Vilar de Barrio, Oimbra, Dacon (Maside), Maside.
Xoves 17 setembroBetanzos, Carballo, Bº Elviña (A Coruña), Santa Comba, Negreira, Cambados, Tui, Baiona, Palas de Rei, Ribadavia
Venres 18 setembroBetanzos, Baio (Zas), Zona Monelos – Castrillón (A Coruña), Boiro, Esteiro (Muros), Vilagarcía, Gondomar, Baiona, Praza Maior (Lugo), Avda. Buenos Aires (Ourense)
Sábado 19 setembroAs Somozas, Urbanización A Barcala (Cambre), Boiro, Vilagarcía de Arousa, Gondomar, Praza Maior (Lugo)

Así mesmo, tamén existe a posibilidade de doar nos locais existentes nas sete grandes cidades galegas:

LugarHorario
Hospital Clínico Universitario de SantiagoLuns a venres das 08:00 ás 22 horas sábado das 08:00 as 15:00 horas
Hospital Universitario da CoruñaLuns a venres das 08:00 ás 22:00 horas sábado das 08:00 as 15:00 horas
Hospital Arquitecto Marcide FerrolLuns das 15:00 ás 22 horas martes, mércores e xoves das 08:00 a 15:00 venres das 08:00 ás 22:00 horas
Hospital Lucus AugustiLuns a venres das 08:00 ás 15:00 horas
Hospital Universitario de OurenseLuns a venres das 08:00 ás 15:00 horas
Hospital Provincial de PontevedraLuns a venres das 08:00 ás 15:00 horas
Hospital Nicolás Peña de VigoLuns a venres das 08:00 ás 22:00 horas sábado das 08:00 as 15:00 horas

Doar, moi sinxelo

Pode doar sangue calquera persoa con máis de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue (VIH, hepatite B ou C…). A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar a vida.

ADOS dispón da páxina web: ados.sergas.gal, as páxinas de ADOS en redes sociais, e o teléfono gratuíto 900 100 828 para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles. Na páxina web pódese descargar o código QR e atopar máis información.

ADOS lembra que, aínda que se pode acudir de forma espontánea, é recomendable solicitar cita no teléfono antes sinalado.

Concello e Confraría de pescadores asinan un convenio de galeguización da lonxa de Cesantes

0

Na mañá do martes 15 de setembro a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e o patrón maior da confraría de San Xoán de Cesantes, Xoel López, asinaron un convenio de colaboración para a galeguización da lonxa. Dito acordo permitirá que a lonxa de Cesantes inicie un proceso da normalización do galego contando co asesoramento do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela que é competencia da propia Alcaldesa.

Este convenio permitirá introducir e consolidar a lingua galega nun espazo onde o galego “é a lingua habitual na fala pero non na documentación escrita nin na rotulación da lonxa”, explica a alcaldesa de Redondela.

O Goberno local considera que este tipo de acordos son altamente positivos “posto que a propia sociedade civil é partícipe do proceso de normalización lingüística”. Desta maneira, segundo se apunta dende a entidade local, “conseguimos implicar a máis persoas e colectivos nunha tarefa común como é fomentar o uso do galego”.

O Centro Municipal de Formación acolle un Punto de Información, Orientación e Prospección para persoas con discapacidade

0

O Centro Municipal de Formación do Concello de Tui, situado en Guillarei, conta cun Punto de Información, Orientación e Prospección dirixido a persoas con discapacidade. Este servizo está recollido no convenio de colaboración asinado esta mañá entre o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente de COGAMI, Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, Anxo Queiruga.

No acto, desenvolvido na casa do concello, contou coa presenza da concelleira de Formación e Emprego, Ana Mª Núñez, o presidente de VONTADE, Miguel Pazo, entre outros.

Grazas á sinatura deste convenio o servizo préstase en instalacións municipais, continuando o labor que COGAMI realizou ao longo dos últimos anos no Centro Sociomunitario de Tui. En concreto trátase do Servizo de Intermediación, Orientación e Prospección de Emprego (SIL) que atende previa cita no teléfono 986 28 18 93 ou no correo [email protected].

Previa a sinatura do convenio o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradeceu a COGAMI o seu labor recoñecendo que “sodes os que suplides un labor que debería ser prestado polo conxunto das administracións públicas”. Indicou que “nós estaremos sempre abertos a COGAMI, a VONTADE, e ás asociación que o precisen para establecer calquera tipo de colaboración necesaria e polo tanto asumir tamén o grao de responsabilidade que nos compete coma administración”.

Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui e Anxo Queiruga, presidente de COGAMI, na sinatura do convenio de colaboración

A concelleira de Formación e Emprego, Ana Mª Núñez, explicou os obxectivos deste convenio que son a colaboración de ambas entidades na atención e promoción das persoas con discapacidade, na busca da mellora da empregabilidade e de ofrecer unha atención e asesoramento especializado que favoreza a inserción laboral.  Ao tempo agradeceu o labor que realizan dende COGAMI “por un mundo máis inclusivo e máis igualitario”. 

Pola súa parte o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, indicou que neste punto en Tui traballan para mellorar a inserción laboral, a busca activa de emprego, e en planificar accións formativas para persoas con discapacidade. Na actualidade teñen xa na súa base de datos inscritas a 150 persoas de Tui, das que 53 son mulleres e 97 homes.  Apuntaba que é preciso facer un reforzo das políticas de emprego para persoas con discapacidade, por iso indicaba que é importante “calquera tipo de colaboración que axude ás persoas a crer nas súas capacidades”. Os servizos que prestan van dirixidos tanto ás persoas con discapacidade coma ás empresas que desexen contratar a unha persoa con discapacidade ou que precisen asesoramento en accesibilidade.

O texto do convenio recolle que “a finalidade perseguida é mellorar as oportunidades de inserción laboral de persoas con discapacidade da comarca do Baixo Miño, a través da posta a disposición das mesmas do servizo que realiza COGAMI en dependencias municipais do Concello de Tui, que conta coas infraestruturas e recursos axeitados ás actividades que COGAMI desenvolve a través das accións que pon a disposición das persoas con discapacidade”. A posta en marcha deste punto suporá unha mellora importante na atención e servizos que COGAMI presta ás persoas con discapacidade residentes na comarca, así como para acadar e potenciar o contacto coas empresas da contorna de cara a fomentar a creación de emprego para este colectivo, segundo recolle o documento.

A ‘Batalla de debuxantes ImprovisDado’ do Porriño, chega a súa final o vindeiro sábado

A Concellería de Cultura do Concello do Porriño presentou onte a final do concurso ‘Batalla de Debuxantes ImprovisDado” que terá lugar o vindeiro sábado 19 de setembro, a partir das 17 horas, na praza Arquitecto Antonio Palacios, fronte ao Concello, unha iniciativa que se desenvolve ao abeiro da programación das Festas do Cristo 2020.

Chegan a esta fase final seis artistas que resultaron elixidos entre os que se presentaron na primeira fase da convocatoria. Un deles procede de Ibiza e os restantes de diferentes puntos de Galicia entre os que hai unha ilustradora, un arquitecto ou un especialista en graffiti

Os finalistas terán 90 minutos para realizar o seu traballo artístico de temática libre sobre un soporte ríxido que pode ser unha parede, unha peza de mobiliario ou outro tipo de obxectos. Terán liberdade para utilizar o utensilio de pintura que desexen pero a obriga de que sexa coa técnica de man alzada e tan só cor negra.

O gañador que determine o xurado integrado por profesionais relacionados co debuxo, acadará un trofeo orixinal e un premio en metálico de 200 €. O segundo premio está dotado con 150 € e o terceiro con 100 €.

Este certame é unha novidade na programación cultural do Porriño está organizado pola Oficina Municipal de Información a Xuventude (OMIX) e producido por ‘Vella Escola’. “Constitúe unha primicia a nivel mundial xa que é a primeira vez que se fai este tipo de certame e se fai no Porriño”, reivindicou a concelleira de Cultura, Camila Moreira.

Do mesmo xeito, a Pablo Castiñeira, en representación de ‘Vella Escola’ agradeceu á concelleira e ao Concello “por esta oportunidade para traer novos proxectos e formatos, sempre é de agradecer que haxa administración sensibles a novas propostas”, manifestou.

O positivo en COVID dun alumno de primaria clausura unha aula do CEIP Outeiro das Penas de Cesantes

0

Unha aula do CEIP Outeiro das Penas de Cesantes foi clausurada no día de onte logo de coñecerse a existencia dun PCR positivo nun alumno de segundo de primaria. Ao alumnado e profesorado desa clase fóronlle realizados os PCR dos que se coñecerán mañá os resultados e mentres seguen confinados nos seus domicilios, tal e como sinalan os protocolos sanitarios.

A alcaldesa de Redondela mantivo, na noite de onte e na mañá de hoxe, senllas conversas telefónicas co conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña para coordinar as actuacións que se teñan que desenvolver.

A rápida actuación permitiu cortar “a cadea de transmisión”, explicou Digna Rivas, e ao mesmo tempo estase a establecer unha actuación que permita coñecer que persoas estiveron en contacto co neno afectado de cara a comprobar o seu estado de saúde e poder adoptar as medidas establecidas polas autoridades sanitarias.

A rexedora municipal quixo transmitir á veciñanza unha mensaxe de tranquilidade e asegurou que se trata “dun caso illado”. Nese sentido, a rexedora local agradeceu “á rápida resposta do conselleiro García Comesaña” que facilitou inmediatamente os datos da incidencia da COVID en Redondela “datos que levábamos pedindo insistentemente dende hai varios meses”.

Os datos facilitados dan conta que, en Redondela, existen un total de 11 casos activos, controlados e illados, o que supón un baremo de normalidade nunha situación de pandemia ao tratarse dun municipio de preto dos 30.000 habitantes.

Finalmente o Concello de Redondela insiste na necesidade de “seguir estritamente” as medidas preventivas por todos coñecidas e que constitúen, como se ven demostrando na baixa incidencia de casos no municipio, “como unha das ferramentas fundamentais para loitar contra o coronavirus”.

‘Planeta Príncipe’, a aposta da mocidade do Príncipe Felipe no primeiro mural de DeporúARTE sobre a emerxencia climática

‘Emerxencia climática: é cousa de tod@s. Planeta Príncipe’ é o lema do mural que hoxe pintaron preto de vinte mozos e mozas residentes no Centro Príncipe Felipe nos exteriores do complexo para facer unha chamada á responsabilidade colectiva á hora de mitigar os efectos do cambio climático. Este traballo constitúe a primeira das accións da quinta edición do programa educativo ‘DeporúARTE’ da Deputación de Pontevedra, dirixido ao colectivo xuvenil, e que este 2020 ten como lema “Polo clima, pensando no 2030”. Como subliñou hoxe a presidenta Carmela Silva, este ano DepoRúarte “pon o foco na sensibilización da mocidade sobre os problemas do cambio climático e a necesidade dunha transición ecolóxica centrada na sustentabilidade ambiental”, un dos eixos da folla de ruta da Deputación en todas as súas políticas.

Estes mozos e mozas do Centro Príncipe Felipe, que estudan Secundaria e FP e teñen entre 15 e 18 anos, participaron este luns nunha primeira xornada de sensibilización sobre consumo responsable e sustentabilidade, na que amosaron as súas reflexións, e hoxe as plasmaron no traballo artístico nun dos muros do complexo, de trinta metros de longo. Neste labor estiveron guiados pola artista Isabel Rey Sastre, quen destacou que “é un mural deseñado por eles e elas e que inclúe os elementos que neste eido máis lles motivan”. Deste xeito, no muro pintaron animais, paisaxes, persoas e diversos elementos que hai que protexer no “Planeta Príncipe”. “Hai que destacar a implicación que están a ter nesta iniciativa –engadiu– e a través desta creatividade que queda como pegada no centro pretendemos que esta experiencia lles guíe cara ao futuro”.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou na súa visita á Príncipe Felipe e tras conversar cos e coas participantes, a obriga de todas as administracións “á hora de concienciar desde idades moi temperás” sobre a situación crítica do planeta, así como a necesidade de “actuar para o global desde o local” na transición ecolóxica. “Está nas nosas mans poñer freo á emerxencia climática para garantir un futuro para a mocidade –apuntou–. Eles e elas xa están a amosar que o medio ambiente é unha das súas grandes preocupacións, como é lóxico, e actividades de concienciación como estas accións creativas de “DepoRúARTE” pensamos que lles achegan dun xeito máis próximo esta problemática e lles permiten amosar as súas reflexións e inquedanzas”.

‘DepoRúARTE: Polo clima, pensando no 2030’ desenvolverase ao longo deste curso noutros cinco centros educativos da provincia, nos concellos de Lalín, Ponteareas, Vilagarcía, O Porriño e Moaña. Os centros poderán escoller entre os cinco eixos temáticos que engloba o programa: Enerxía alcanzable e non contaminante, Produción e consumo responsable, Acción polo Clima, Vida Submarina e Vida de Ecosistemas Terrestres, que se corresponden amais con cinco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.

Este programa xa sumou nas súas catro anteriores edicións a participación de 2.000 mozos e mozas nas distintas actividades que se desenvolveron en preto de corenta concellos da provincia.

O Equipo de Goberno de Salceda inicia as negociacións para aprobar a RPT

O Equipo de Goberno do Concello de Salceda ten xa rematada a proposta de Relación de Postos de Traballo (RPT) que este xoves será debatida cos representantes sindicais na mesa xeral de negociación convocada con este único punto na orde do día. O documento, que será o primeiro existente na historia do Concello de Salceda, permitirá a regularización dos diferentes postos existentes no Concello, así como a creación de novas prazas precisas para o correcto funcionamento da administración local. A RPT elimina as desigualdades existentes ata o de agora, e recoñecendo situacións especiais como a turnicidade, a xornada partida ou a penosidade.

A alcaldesa de Salceda e responsable da área de persoal, Loli Castiñeira, subliñou que con esta proposta “dase cumprimento a outro dos acordos do pacto de goberno, así como ao comprmiso adquirido coa parte sindical”. Para Castiñeira, este é “un paso imprescindible para eliminar as desigualdades salariais, e sobre todo para ter unha ferramenta fundamental para organizar o traballo municipal e ofrecer o mellor servizo á veciñanza”.

A RPT é un documento técnico, obrigatorio por lei, que permite a ordenación do persoal dacordo coas necesidades dos servizos prestados dende o Concello, establecendo un organigrama ideal para o funcionamento do Concello.

Do persoal, máis do 80% vería mellorada a súa situación salarial actual, mentres que os que non melloran manterían as súas condicións, máis favorables neste momento, mediante un complemento persoal, non prevéndose a eliminación de ningunha das prazas ocupadas neste momento.

A RPT é a ferramenta que permite cubrir as prazas vacantes, a través dunha oferta de emprego público que se podería realizar unha vez entrase en vigor o documento. O borrador recolle as prazas obrigatorias por lei que o Concello ten previsto cubrir nun breve prazo de tempo, como son a dun tesoureiro habilitado nacional e a de un oficial de policía, e recoñece postos de encargado/a ou coordinador/a de diferentes áreas, inexistentes ata o de agora. Contémplase tamén a creación dun posto de Técnico/a de Administración Xeral para dar apoio a Secretaría e Intervención, mellorando os prazos na tramitación de expedientes fundamentais para o Concello. A RPT é ademáis unha ferramenta básica para mellorar a eficacia, a eficiencia e a productividade da plantilla municipal.

Así pois, estamos ante un documento fundamental para o Concello de Salceda que mellorará as condicións laborais e salariais, ofrecéndolles aos traballadores/as unhas garantías e unhas condicións das cales carecían ata o de agora.

O plan ‘DepoRemse’ da Deputación leva a Ponteareas un novo espazo urbano do século XXI na contorna dos principais equipamentos da vila

A presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva e o alcalde de Ponteareas Xosé Represas veñen de visitar as obras de transformación da contorna da piscina municipal, do centro deportivo Álvaro Pino e do centro de saúde que nun prazo de tres meses van configurar un renovado espazo, propio do século XXI, no acceso á vila. A través desta actuación, que conta cun investimento de máis de 400.000 € no marco do Plan DepoRemse, recuperarase o espazo público para as persoas a través dun concepto urbanístico integrador que servirá, tal e como destacou a presidenta, de exemplo e modelo “para transformar a provincia de Pontevedra”.

“Tiña moito interese en ver o inicio desta actuación na que se prima ás/aos peóns, para as/os que temos que recuperar o espazo público que os vehículos fixeron seu no século XX”, destacou Carmela Silva na visita ás obras que están a renovar e transformar unha contorna con equipamentos “tan importantes, relacionados coa saúde e o deporte”. Neste eido, a presidenta gabou a iniciativa por converter ás persoas en protagonistas, porque “axuda a construír cidades e pobos amables, devolvéndolle á xente aquilo que é seu”, con “espazos verdes para o desfrute da veciñanza” e tamén menos contaminantes, ao haber menos vehículos, e máis saudables. Amais Silva incidiu no carácter “modélico” da actuación, que servirá de exemplo a outros concellos “para transformar a provincia de Pontevedra. Esta provincia estase a transformar grazas a unha administración provincial que cre nestes valores e a concellos, como o de Ponteareas, que apostan por modelos respectuosos”.

Pola súa banda, o alcalde de Ponteareas Xosé Represas destacou que “as obras de reordenación e integración urbana da contorna da piscina e do complexo deportivo Álvaro Pino suporán a mellora da accesibilidade ao centro de saúde e espazos públicos anexos seguindo as liñas de transformación urbana marcadas polo noso goberno dende o ano 2015”. En concreto, o alcalde explicou que os principais obxectivos son “mellorar a calidade de vida da veciñanza deseñando os espazos pór e para as persoas, tal e como formulamos na nosa estratexia de crecemento Ponteareas, habitat saudábel”. Finalmente, Represas agradeceu á Deputación de Pontevedra “o seu apoio ao seleccionar, de entre moitos proxectos, a nosa proposta que amosa que camiñamos na mesma dirección de futuro”.

Esta actuación, que comezou este mes de setembro, abrangue unha superficie de máis de 35.000 metros cadrados. En liñas xerais, modernizará un dos accesos a Ponteareas, pola N-120, renovando o espazo público, mellorando a mobilidade peonil, ordenando os distintos tipos de tráfico con criterios de seguridade, e creando un concepto urbanístico integrador. Amais, permitirá á vila gañar tres prazas públicas e un parque axardinado entre a piscina e a rúa Real, fronte ao centro deportivo Álvaro Pino e na zona frontal do centro de saúde. Tamén conectará o espazo coa senda verde do rego da Venda e crearanse áreas peonís, así como de coexistencia de vehículos e persoas.

A Deputación de Pontevedra, dende o 2015, está a realizar investimentos de case 12 millóns de euros en Ponteareas, sendo especialmente significativas as actuacións na rede de estradas provinciais, que ascenden a 2,1 millóns. Por outra banda e a través do Plan Concellos executáronse un total de 60 obras, desenvolvéronse unha trintena de actividades socioculturais e contratáronse a 185 persoas para traballar no concello.

Nigrán participa por sexto ano consecutivo no “Proxecto Móllate polos Ríos” de Adega cunha limpeza matinal

0

O Concello de Nigrán súmase por sexto ano consecutivo o domingo 27 de setembro ao “Proxecto Móllate polos Ríos” coordinado pola asociación ecoloxista Adega e que nesta ocasión se centrará no último curso do río Muíños, en Praia América (en anteriores edicións foi o Esteiro de A Foz ou a propia desembocadura deste río). Trátase da ‘XIII Limpeza Simultánea’ e terá lugar en ríos que atravesan medio cento de municipios de Galicia e sempre grazas ao labor de grupos de voluntarios, xa que se trata dunha iniciativa educativa que busca a concienciación social. Os interesados en participar deben inscribirse previamente ata o domingo 20 a través do mail [email protected] (indicando o nome, DNI e teléfono de contacto de todos os participantes) ou  no teléfono 986368734 de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas e o domingo de 10:00 a 14:00. Os inscritos deberán presentarse ás 11:30 do domingo 27 de setembro na explanada de Praia América (onde a antiga escola de surf e o mercado multicultural). O Concello facilitará máscaras conmemorativas da xornada, bolsas e luvas,  recomendándose levar botas de auga. A xornada alongarase durante hora e media  aproximadamente finalizando cunha pequena merenda.

O Concello de Nigrán participa nesta xornada dende o ano 2015 baixo a iniciativa do goberno local. Dende entón, grazas o labor dunha vintena de voluntarios, téñense retirado do esteiro de A Foz e da propia desembocadura do río Muíños algo máis de dúas tonelada de lixo, principalmente botellas de vidro e material de construción e pesca, pero tamén tixolas, paraugas, cadeiras, xoguetes…

“Este é un día de sensibilización e concienciación medioambiental no que se pon de manifesto a necesidade da correcta xestión dos residuos, ao tempo que amosamos que as pequenas accións valen moito”, suliña o alcalde, Juan González.

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

Inicio do curso escolar no Conservatorio de Música na Guarda con novos protocolos polo Covid-19

0

O Alcalde da Guarda e a tenente de alcalde visitaron as instalacións e mantiveron diversas xuntanzas co equipo directivo e profesorado para valorar e por a disposición todos os recursos necesarios para o cumprimento de todas as medidas sanitarias neste recinto, onde se tiveron que facer algunhas melloras, instalación de sinalécticas, cartaces, cambios de aulas, disposición de hidroxel, entre outras. Dende o Concello trasladóuselle ao director  que se reforzará a desinfección no inmoble. Así mesmo o director do centro explicou a nova distribución de espazos para cumprir coas distancias de seguridade.

Protocolos para o inicio do Curso escolar nos centros educativos

Así mesmo, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, acompañado polas concelleiras Montserrat  Magallanes Álvarez e Fátima Rodríguez reuníronse o pasado 25 de agosto cos directores  dos centros de ensino públicos da localidade. Na reunión trasladóuselle a todos os directores  a colaboración do concello  e  o reforzo na desinfección dos espazos escolares durante as xornadas lectivas. Os directores expuxeron  as diferentes medidas Covid a implementar coa chegada do curso escolar.  Entre as conclusións da xuntanza falouse da problemática do IES A Sangriña no que respecta a falta de espazos para cumprir os protocolos

O alcalde  visitou a Escola Infantil municipal  o 1 de setembro para coñecer de primeira man as medidas establecidas pola empresa que xestiona a Escola para cumprir cos protocolos sanitarios, hidroxel, separación das aulas, sinalizacións, medidas de distanciamento nos accesos, requisitos para o almorzo ou merenda, etc. Esa mesma tarde celebrouse unha reunión coas familias, onde a directora, acompañada polo alcalde, Antonio Lomba,  explicou  polo miúdo o protocolo Covid-19 e se puideron resolver as dúbidas dos asistentes.

Durante o arranque do curso escolar mantivéronse contactos con todos o centros educativos para coñecer de primeira man como se estaba iniciando o curso escolar e atender da maneira máis rápida e áxil aquelas necesidades que se percibiron nestes primeiros días.

Durante a tarde do pasado venres día 11 de setembro celebrouse unha reunión no Centro de Saúde da Guarda entre o responsable do COVID-19, os directores dos centros educativos da localidade e os representantes das AMPAS, para clarexar dúbidas e comentar o protocolo no caso da aparición de síntomas durante as xornadas escolares.

Temos que recordar que é responsabilidade de todos os veciños e veciñas previr posibles brotes COVID. A día de hoxe hai un importante número de casos positivos para un concello do noso tamaño. É necesario manter o uso da mascarilla e extremar a hixiene de mans e o mantemento da distancia social, sobre todo tendo en conta que co comezo da actividade escolar aparecen novos factores de risco. Dende o concello queremos trasladarlle ás familias que reforcen as medidas de precaución cos cativos, prestando especial atención a aparición de febre ou tos.

Nace en Ponteareas a asociación “Móvete polo TDAH”

A Concellería de Ensino, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina F. Davila, presentou a asociación “Móvete polos nosos fillos”, que nace para loitar pola visibilidade e polos dereitos das persoas afectadas polo trastorno de aprendizaxe TDAH nas comarcas do Condado, da Paradanta e da Louriña.

A asociación nace co apoio de profesionais do eido educativo e da psicoloxía que desenvolven o seu traballo na nosa vila como Ángeles Lores ou Betty Gil ademais de contar coa colaboración da asociación PICAS que traballa para a prevención e detección do acoso escolar en colaboración con distintas asociacións.

“É difícil comprender se non se coñece. Se as persoas qe conviven cos nosos nenos e nenas afectadas de TDAH nas escolas, nas actividades extraescolares, os futuros amigos e amigas deles, descoñecen as características da súa persoalidade e do seu comportamento, será difícil conseguir comprensión, proximidade, implicación e incluso admiración polas súas capacidades”, explicou Cristina F. Davila.

Durante a xornada de participación os e as participantes puideron coñecer como se vai desenvolver o traballo da asociación a través de tres comisións: unha educativa e de apoio escolar, outro de ocio e tempo de lecer e, por último, a través da comisión psicoterapeuta.

As familias asociadas gozarán das terapias e actividades que organice a asociación obtendo todo o respaldo preciso para unha mellora do día a día.  Para contactar coa asociación deberán facelo mediante correo electrónico [email protected] ou por teléfono no 643 15 29 05.

Ademais, os pequenos e pequenas asistentes puideron gozar de actuación músicais terapéuticas e dun obradoiro de confección e personalización de mascariñas.

A concelleira valorou moi positivamente o traballo destas familias e dos e das profesionais que forman “Móvete polo TDAH” e manifestou o seu total apoio para conseguir xuntos unha sociedade máis inclusiva e tolerante.

“Dende a concellería de Ensino, Eventos e Saúde que dirixo, así como a de Benestar Social de Verónica Carrera prestaremos todo o noso apoio e respaldo a esta iniciativa e seguro que teremos oportunidade de traballar con vós de xeito transversal en aquelas áreas que como Mocidade e Voluntariado, Deportes, Cultura ou Medioambiente dará posibilidades de realizar colaboracións moi interesantes”.

O Concello de Redondela distribúe entre os colexios de ensino público do municipio o vídeo de concienciación sobre a COVID

0

O Concello de Redondela comezou onte, tal e como estaba previsto, a distribución de máscaras de protección nos centros escolares do municipio, unha iniciativa na que tamén se inclúe a distribución, a cada un dos colexios, do vídeo-testemuña sobre a COVID-19 realizado ao abeiro do programa ‘Faino por Todxs’.

A alcaldesa Digna Rivas e a concelleira de Ensino, Olga García Ballesteros, acudían ao CEIP Laredo, en Chapela, para explicar aos nenos e nenas de 6º de primaria, a importancia das medidas preventivas non só para eles mesmos, senón como protección para as súas familias.

A continuación proxectouse o vídeo sobre o coronavirus que o Concello de Redondela elaborou dentro da campaña de concienciación cidadá sobre a COVID-19 ‘Faino por Todxs’, unha gravación na que se recollía a testemuña de veciñas e veciños do municipio explicando a dura experiencia pola que pasaron e profesionais da medicina e enfermería falando, non só da enfermidade en si, senón da súa propia experiencia nos momentos máis difíciles e tráxicos da pandemia.

[su_image_carousel source=”media: 20992,20996,20995,20994″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Rematada a proxección nenos e nenas realizaron numerosas preguntas á alcaldesa de Redondela e á concelleira de Ensino que “o altísimo grao de responsabilidade e concienciación que teñen todos os nenos e nenas sobre a enfermidade e sobre a necesidade evitar o contaxio como medio de protexerse non só a eles mesmos, senón as súas familias”.

Finalmente, Digna Rivas e Olga García distribuíron entre os rapaces e rapazas máscaras de protección, un reparto que se fixo extensivo a todos os nenos e nenas co centro escolar ao igual que se fará no resto de colexios de ensino público do municipio.

A rexedora local gabou o traballo realizado polas profesoras e profesores á hora de, diariamente, darlles unha serie de pautas e rutinas de traballo “que contribúen a esa toma de concienciación sobre a pandemia e a que as medidas preventivas convértanse nun hábito” e rematou subliñando que a “responsabilidade e madurez que presentaron os nosos nenos e nenas durante o confinamento e que seguen a presentar agora no inicio do curso, debería servir de exemplo para todos nós”.

Casares expresa na visita ao CEMMA a súa preocupación polo declive da toniña e apela á busca do equilibrio co sector pesqueiro para conservar as poboacións de cetáceos

0

O deputado do Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, vén de manter en Nigrán un encontro coa Coordinadora para o Estudo dos MamíferosMariños (CEMMA) no marco da súa actividade como membro das comisións de Pesca e Medio Ambiente. Foi recibido polo presidente do organismo, José A. Martínez Cedeira e polo biólogo da coordinadora, Alfredo López. Tamén participaron na reunión o alcalde de Nigrán, Juan A. González, e o concelleiro de Medio Ambiente, Diego García  aos que o eurodeputado felicitou polo compromiso do  Concello de Nigrán con esta ONG.

Casares coñeceu de primeira man o traballo que desenvolve o CEMMA dende comezos da década dos 90, . Como explicou, “o equipo do CEMMA leva moitos anos xogando un papel fundamental na protección da biodiversidade mariña, na conservación dos nosos cetáceos e na divulgación das súas problemáticas, entre as que se atopa a convivencia coa actividade pesqueira”.

O deputado dos Socialistas Europeos expresou, nesta liña, a súa preocupación “polo acusado declive da toniña”,  unha situación da que o CEMMA leva tempo alertando. Trátase da especie de cetáceo máis ameazada das augas peninsulares que ten nas costas galegas un dos seus derradeiros redutos do sur de Europa. A baixa taxa de reprodución e a elevada mortalidade por captura accidental en artes pesqueiras son as súas principais ameazas. Casares comprometeuse a estudar dende Bruxelas posibles liñas de actuación a través das que contribuír á conservación da especie. “Seguiremos en detalle o tema porque temos claro que o mar ten recursos suficientes para a convivencia entre mariñeiros e cetáceos”, afirmou. 

“Estase elaborando unha Estratexia Europea  de Biodiversidade”, engadiu, “e  a  posible  desaparición futura da toniña vai contra deses obxectivos. Manter as poboacións de cetáceos nas nosas augas deben pasar pola colaboración de todos os sectores para procurar o equilibrio social, económico e medioambiental”.

Javier Losada censura o impacto do machismo en Galicia cun 35,7% das mulleres vítimas de acoso sexual

O delegado do Goberno, Javier Losada, censurou hoxe o impacto do machismo en Galicia tras analizar os resultados da Macroencuesta de Violencia contra a Muller 2019. Explicou que un 35,7% das mulleres foron vítimas de acoso sexual e un 33,9%, unha de cada tres, sufriron violencia por parte da súa parella ou exparella.

Son os datos máis preocupantes extraídos deste estudo, que impulsou a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, dependente do Ministerio de Igualdade. A sexta Macroencuesta contou con 549 entrevistas en Galicia e engadiu módulos de acoso sexual e acoso reiterado, ademais de ampliar o vinculado á violencia sexual fose da parella.

Javier Losada analizou os resultados xunto á directora da área de Igualdade da Delegación do Goberno, María Debén. O obxectivo do estudo é coñecer a porcentaxe de mulleres de 16 ou máis anos residentes en España que sufriron ou que sofren actualmente algún tipo de violencia polo feito de ser mulleres.

Os resultados a nivel global mostran que un 57,3% das mulleres a nivel global sufriron ou sofren ao longo das súas vidas pola súa condición de muller. Ademais, o impacto é máis alto na franxa de entre 16 e 24 anos, cun 71,2%, seguido por 25-34 anos, cun 68,3%. Mentres que na franxa de 65 ou máis anos a incidencia é dun 42,1%.

Preocupa especialmente o capítulo do acoso sexual. No caso de Galicia, o 35,7% das mulleres sufriron acoso sexual nalgún momento da súa vida. A nivel global esta porcentaxe sobe ata o 40,4%, o que representa máis de 8 millóns de mulleres.

Son un 33,9% de mulleres galegas as que sofren ou sufriron violencia por parte da súa parella ou expareja, por encima do 14,2% global, que representa a case 3 millóns de mulleres. Entre as galegas que foron vítimas deste tipo de violencia, un 27,6% manifesta sufrir violencia psicolóxica, un 24,1% refire violencia emocional, un 16,2% desvela violencia física ou sexual, un 14,1% foi ou é vítima de violencia económica e un 6% foi vítima de comportamentos de control nos últimos 12 meses.

O acoso reiterado afectou ou afecta a un 17,9% das galegas, por encima do 15,2% global que representa a 3,1 millóns de mulleres. Case o 60% das vítimas deste tipo de acoso padeceuno cunha frecuencia semanal ou diaria.

Javier Losada animou aos concellos á creación de mesas locais de coordinación fronte á violencia machista e a adhesión ao Sistema Viogén. Lembrou que en Galicia contan cunhas achegas do Goberno de ao redor de 2 millóns de euros para programas vinculados a combater o machismo, ademais dos 8,41 transferidos este ano á Xunta.

Ficha técnica da enquisa

Entrevistas: 9.568, das que en Galicia foron 549
Foron 237 mulleres galegas ocupadas e 312 non ocupadas.
Por idade, 64 están na franxa 16-29 anos, 129 en 30-44, 189 en 45-64 e 164 en 65 ou máis
O novo cuestionario cumpre con todos os requirimentos estatísticos do Convenio do Consello de Europa sobre prevención e loita contra a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica (Convenio de Istambul) e dando resposta a varias medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Con este traballo preténdese proporcionar unha visión detallada e actual da extensión e as formas da violencia contra a muller.

Hoxe rexístranse 4.301 casos en Galicia activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.301 deles 1.246 son da área da Coruña, 772 da de Lugo, 503 da de Ourense, 552 da de Pontevedra, 373 da área de Vigo, 673 da de Santiago, e 182 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 30 están en UCI, 220 en unidades de hospitalización e 4.051 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 15.651 persoas curadas, rexistrándose 694 falecementos. A última persoa falecida nun centro hospitalario foi un varón de 86 anos, que estaba ingresado no CHUAC e presentaba patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 401.119.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Na xornada de onte produciuse un falecemento en centro residencial. Este tivo lugar na residencia de maiores DomusVi Lugo (Outeiro de Rei).

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 2021 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no DOG do pasado 3 de setembro, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

O goberno de Carmela Silva insta a Feijoo a que convoque ás Deputacións para unha xuntanza

A través dunha carta asinada pola presidenta provincial Carmela Silva, o goberno da Deputación de Pontevedra volveu a instar hoxe ao presidente Núñez Feijoo a convocar canto antes as catro deputacións galegas para que a Xunta de Galicia informe de como van a achegar aos entes locais os recursos extraordinarios que está a enviar o goberno do estado para enfrontar o novo escenario xerado pola pandemia da Covid19.

No escrito, a presidenta lembra a Núñez Feijoo que aínda que o presidente galego nunca respondeu a anteriores solicitudes de encontro en relación coa Covid19, “agora, ante o escenario actual, considero imprescindible  que esta xuntanza se celebre, incorporando a mesma ás catro deputacións, a FEGAMP e as 7 grandes cidades galegas co obxectivo de coñecer as decisións que vai tomar a Xunta de Galicia para a posta a disposición de recursos extraordinarios dirixidos ao mundo local, Deputacións e concellos“. Carmela Silva sinala na misiva que eses recursos van permitir que as administracións más próximas a cidadanía poidan enfrontar ás inversións derivadas da pandemia, e recorda a Feijoo que outras Comunidades Autónomas xa o fixeron reuníndose coas entidades locais.

A presidenta provincial lembra tamén que a Unión Europea xa aprobou ingresos extraordinarios para os Estados membros; que o Goberno de España tamén habilitou recursos para as Comunidades Autónomas; e que as propias Deputacións aprobaron recursos para actuacións nos concellos, mesmo de competencias impropias derivadas de normas da Xunta de Galicia. “Sen embargo, di Silva, a Xunta non puxo a disposición das entidades locais os recursos que precisabamos para garantir  dereitos e servizos imprescindibles hoxe mais que nunca, polas novas necesidades derivadas da crise sanitaria”.

Igualmente, a presidenta da Deputación de Pontevedra recorda na carta ao presidente da Xunta que “é unha obriga que cada Administración Pública faga fronte ás súas competencias e non se deriven ao mundo local. Pero tamén é necesario, subliña, que a colaboración e a coordinación veñan acompañadas de medios extraordinarios que a administración autonómica debe facer chegar a todos os concellos, no noso caso, da provincia de Pontevedra”. Por todo elo, Carmela Silva anima a Núñez Feijoo a “converter á cogobernanza na ferramenta que permita que a cidadanía nos visualice como a representación pública que responde ás súas demandas”.

A presidenta provincial remata o seu escrito lembrando que, aínda que os tempos son complicados e as medidas complexas, “é imprescindible que traballemos xuntas e xuntos e que unha parte dos recursos que a Xunta está recibindo do Goberno de España sexan trasladados a concellos e deputacións para poder facer fronte a esta pandemia”.

Constitúese o Consello de Forzas Locais de Galicia no que participa Manifesto Miñor

Na reunión do pasado 5 de setembro ao carón da Casa Museo de Rosalía en Padrón, e de acordo cos compromisos adquiridos na Declaración de Touro por agrupacións locais de toda Galicia, formalizouse a constitución do Consello de Forzas Locais de Galicia. Asistiron ao acto un número limitado de representantes seguindo medidas sanitarias que evitan a propagación da Covid-19.

O Consello ponse en marcha como unha ferramenta autoxestionada de coordinación entre agrupacións locais á procura dunha voz común nos vindeiros anos. Participaron no encontro representantes chegados dende Carballo a Gondomar, pasando por Muros, Touro, Samos ou Poio. As forzas locais entenden que o pluralismo político ten presenza real nas actuais corporacións municipais, máis que o que na actualidade representa o Parlamento galego.

Este novo espazo cooperativo e autoxestionado está aberto á incorporación de novas agrupacións locais entre iguais. Nas vindeiras datas, vanse ir incorporando colectivos ata a trintena con cadanseu posto, para facerse valer no Consello.

Asemade, este novo espazo de traballo local será un instrumento ao servizo da maioría social galega dende a base e a pé de obra, un amplificador dos movementos sociais que saiba escoitar e responder ás súas inquedanzas e demandas e mais para defender entre todas os servizos sociais básicos, coma a educación e a sanidade e loitar contra a exclusión social. Dende os concellos, as forzas locais demandarán que os remanentes municipais se destinen prioritariamente para o rescate social, co fin de combater a crise derivada da pandemia mundial que lle afecta con máis virulencia a aquelas persoas veciñas nosas máis vulnerables. Dende Galicia aseguran que queren e poden facer unha achega universal: pensar globalmente e actuar localmente.

Nigrán despide este sábado o verán con un concerto inclusivo de Serafín Zubiri xunto á Banda de Música de Vincios e a pianista Brenda Vidal

0

O artista invidente Serafín Zubiri, acompañando pola pianista e profesora do conservatorio de Gondomar Brenda Vidal e a Banda de Música de Vincios, despedirán este sábado 19 de setembro o verán no campo de fútbol de Lourido (Nigrán, 21:00 horas) co concerto inclusivo “Lembrando a Nino Bravo”. Con esta unión de talentos musicais exposta ex-profeso para a ocasión desde ‘Un Nigrán para todos’ o Concello adianta a celebración do Día Internacional das Persoas Xordas do día 26 de setembro.

“É unha honra recibir a Serafín Zubiri en Nigrán e máximo se o fai acompañado pola Banda de Música de Vincios e a pianista Brenda Vidal, será unha noite inesquecible chea de emocións e dedicada especialmente ás persoas con diversidade. Consideramos que non pode haber mellor maneira de concluír o verán”, sinala o alcalde, Juan González, quen incide en que, como en cada concerto, as mochilas vibratorias estarán ao dispor de toda aquela persoa que as solicite a través do mail [email protected] ou no whatsapp 690679675. O evento gratuíto contará con todas as medidas de seguridade e limite de aforo.

O ano pasado, xunto a 20 persoas con diversidade funcional, Zubiri realizou o Camiño Francés a Santiago coa axuda da tecnoloxía GPS co obxectivo de facer “accesible” o roteiro a persoas con algún tipo de discapacidade, foi nesa ocasión onde probou por vez primeira as mochilas vibratorias do Concello de Nigrán e onde fraguou xunto ao propio rexedor (participante no último tramo) a idea deste concerto inclusivo. O espectáculo, co que percorreu máis de cen localidades do país, está estruturado en tres bloques nos que se fai un percorrido cronolóxico polas cancións máis coñecidas dos cinco discos que se editaron de Nino Bravo. Entre cada bloque, a banda interpretará unha canción instrumental e proxectaranse imaxes dos momentos máis importantes da carreira do valenciano. “A idea é crear un clima emocionante onde Zubiri, representante de España en Eurovisión en 1992, repasará temas emblemáticos do tamén eurovisivo Nino Bravo, como Che quero, quéroche; Noelia; Un bico e unha flor; América; Libre…”, explica González.

A vida de Serafín Zubiri estivo protagonizada pola superación a través da música e o deporte. A súa cegueira de nacemento non lle impediu sacar adiante a súa carreira como artista –editou oito discos– e fraguar un gran currículo deportivo. De feito, en 1992 foi elixido para representar a España en Eurovisión coa canción “Todo isto é a música”, e no nadal dese mesmo ano interpretou o tema central da banda sonora da película de Disney A bela e a besta. No ano 2000 representou a España por segunda vez no Festival da Canción con “Colgado dun soño”, sendo seleccionado por votación popular. Como deportista, fixo incursións en distintas disciplinas, como submarinismo, paracaidismo, salto desde pontes… Aínda que especialmente atletismo e montañismo.

“É un exemplo para todos de superación e o mellor representante que podemos ter para este concerto inclusivo que expomos desde o grupo de traballo ‘Un Nigrán para todos’”, resume González, quen agradece a enorme disposición para unir talentos das tres partes: Zubiri, Banda de Música de Vincios e Brenda Vidal.

Tui abre hoxe martes o prazo de presentación de solicitudes ás axudas municipais de material escolar e comedor

0

Hoxe martes, 15 de setembro, o Concello de Tui vén de abrir o prazo de presentación de solicitude das axudas municipais de material escolar e comedor dirixidas ao alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria para o curso 2020/21. Estas axudas van dirixidas prioritariamente a menores de familias con dificultades socioeconómicas e dificultades para conciliar a vida familiar e laboral.

O importe da achega municipal para material escolar é de 80 €/alumno/a. No concepto de material escolar inclúese todo o material necesario para o desenvolvemento do curso académico en función das obrigas de cada colexio e as súas técnicas de aprendizaxe (mandilón, chándal, zapatillas deportivas, material informático non inventariable, material funxible, mochila, uniforme, máscaras…). No caso do comedor é de 50 €/mes, salvo decembro e abril que será de 35€ por ter menos días lectivos.

Poden solicitar estas axudas os alumnos e alumnas empadroados en Tui e matriculados en na segunda etapa de Infantil, Primaria ou Secundaria en centro públicos ou concertados situados en Tui. Entre os requisitos a cumprir está que a capacidade económica da unidade familiar non exceda do 75% do IPREM, é dicir 4.840,56 euros anuais.

As bases completas desta convocatoria e os modelos de solicitude está dispoñibles na web municipal tui.gal.

Este venres comeza a andaina de Noelia Porto no ‘Recantos’ do ‘Luar’ da TVG

Facer click para ampliar

Este venres 18 de setembro, comeza a andaina da ponteareá Noelia Porto no ‘Recantos’ do Luar da TVG. A cantante de Guláns –que representa ás comarcas do Condado, A Paradanta e o Baixo Miño–, cantará xunto a súa compañeira representante das Terras de Compostela.

Tal e como marca a dinámica do programa o farán, primeiro, cunha canción individual cada unha delas e logo unha canción a dúo.

O xeito de votar serán 5 chamadas gratuítas ao número que aparecerá na pantalla. Tamén se pode votar por WhatsApp, a través da páxina oficial do Luar no Facebook, ou na páxina de Luar de Twitter. Para votar hai que facelo o venres xusto despois de que Noelia Porto faga a súa actuación.

Non estará soa, iso é evidente. Detrás de Noelia estarán as veciñas e veciños das comarcas do Condado, A Paradanta e o Baixo Miño ás que ela representa neste ‘Recantos’.

A Escola de Ciclismo A.D. Avanza do Porriño, de celebración polo Campionato de España Junior de David Fernández Pérez

O corredor da A.D.AVANZA, David Fernández Pérez vén de proclamarse Campión de España 2020, na modalidade de Enduro, nos campionatos celebrados no Pirineo Aragonés. O corredor tudense do equipo do Porriño era un dos sete riders da Selección Galega que participaba nesta proba.

O Enduro é a primeira modalidade que pon os seus títulos estatais en xogo neste 2020. A falta de probas de este ano facía que os corredores mirasen incrementadas as súas inquietudes e gañas de poñer a proba o seu nivel físico ante o parón de competicións provocado pola pandemia da COVID 19.

Sanidade reunirase dúas veces por semana co Concello do Rosal para o seguemento da situación epidemiolóxica

0

No día de hoxe tivo lugar a primeira dunha serie de reunións por videoconferencia que a Consellería de Sanidade manterá dúas veces por semana cos rexidores dos concellos de A Guarda, O Rosal e Tomiño, con motivo dos brotes vividos nos últimos días nestes municipios. O obxectivo destos encontros será valorar a situación e a evolución de xeito frecuente, e facilitar aos concellos os datos relativos aos casos activos que hai en cada momento.

Nesta primeira reunión Sanidade informou de que no Rosal existen na actualidade 18 casos activos de COVID19, repartidos en 4 brotes: un brote de carácter laboral e tres de ámbito familiar. Neste sentido, é importante sinalar que se entenden como casos activos aqueles que foran positivos na proba de PCR, que aínda non se lles dera a alta médica, e que teñan o seu médico de cabeceira adscrito ao centro de saude do Rosal.

Así mesmo, Sanidade informou de que durante a fin de semana non houbo ningún caso máis notificado, o que se valora como unha boa nova e se espera que sexa unha sinal da boa evolución no territorio.

Ánxela Fernandez Callís, alcaldesa do Rosal valoraba esta reunión como “unha boa medida que agradecemos xa que despois de moitos días reclamando á Xunta datos contrastados do número de persoas afectadas, agora xa dispoñemos dunha canle de comunicación estable e frecuente que nos permitirá trasladar á poboación información oficial da evolución da situación”. Así mesmo, sinalaba que “a poboación do Rosal está comprometida e non me cabe dúbida que as medidas preventivas adoitadas para O Rosal o pasado sábado se cumplirán por parte das rosaleiras e rosaleiros de xeito exemplar, como en anteriores ocasións.”

Os sindicatos do Concello de Salceda convocan unha concentración polo suposto acoso laboral dalgúns empregados públicos

Os sindicatos con representación na Mesa Xeral de Negociación de Salceda de Caselas (CCOO, CIG e CSIF) veñen de convocar unha contración o vindeiro mércores 16 de setembro, de 11 h a 11:30 horas, diante do Concello para protestar polo que cualifican de “acoso laboral” contra un empregado municipal.

Segundo as forzas convocantes, a mobilización vén motivada polo expediente disciplinario aberto a un funcionario municipal, segundo os sindicatos “totalmente inmerecido” que finalmente será sancionado coa suspensión das súas funcións “por un período de tempo determinado”.

Afirman os convocantes da proposta que o goberno local “ignora” a proposta de resolución das instrutoras e que, sempre segundo as forzas sindicais, “sinalan que non houbo desobeciencia por parte do antedito empregado” e que tampouco existiu negrixencia e, curiosamente segundo os sindicatos do Concello a conduta do emprego expedientado estivo baseada “nun acusado celo profesional”.

Consideran que se trata dun “acoso ao traballador” e asegura que “leva aguantando situacions vexatorias dende hai tempo coas consecuencias graves que iso ten para a súa saúde”. Finalmente aseguran que o Goberno local “non quere ter unha administración profesionalizada, eficaz e digna” e que pretenden ter, pola contra, “traballadores en precario e asustados”.

O Badminton volve a Ponteareas logo de máis de sete meses sen competición

Despois de máis de sete meses sen competición oficial federada de Bádminton debido á pandemia da COVID-19, onte domingo volvía o Badminton en partido oficial ao pavillón municipal do Complexo Deportivo Álvaro Pino de Ponteareas.

Trátabase do torneo autonómico sub 11 e absoluto organizado polo Club Badminton Ponteareas e a Federación Galega de Bádminton, unha competición que, polas actuais circunstancias sanitarias celebrouse sen público e con todas as medidas de seguridade.

[su_image_carousel source=”media: 20932,20934,20935,20936,20937″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Preto de 75 deportistas chegados de toda a comunidade autónoma volveron á competición oficial nun torneo que contaba co patrocinio de diversas firmas comerciais e o apoio do Concello de Ponteareas, Deputación de Pontevedra, Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia e a propia Federación Galega de Bádminton.