Hoxe martes, 15 de setembro, o Concello de Tui vén de abrir o prazo de presentación de solicitude das axudas municipais de material escolar e comedor dirixidas ao alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria para o curso 2020/21. Estas axudas van dirixidas prioritariamente a menores de familias con dificultades socioeconómicas e dificultades para conciliar a vida familiar e laboral.
O importe da achega municipal para material escolar é de 80 €/alumno/a. No concepto de material escolar inclúese todo o material necesario para o desenvolvemento do curso académico en función das obrigas de cada colexio e as súas técnicas de aprendizaxe (mandilón, chándal, zapatillas deportivas, material informático non inventariable, material funxible, mochila, uniforme, máscaras…). No caso do comedor é de 50 €/mes, salvo decembro e abril que será de 35€ por ter menos días lectivos.
Poden solicitar estas axudas os alumnos e alumnas empadroados en Tui e matriculados en na segunda etapa de Infantil, Primaria ou Secundaria en centro públicos ou concertados situados en Tui. Entre os requisitos a cumprir está que a capacidade económica da unidade familiar non exceda do 75% do IPREM, é dicir 4.840,56 euros anuais.
As bases completas desta convocatoria e os modelos de solicitude está dispoñibles na web municipal tui.gal.