9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO goberno de Carmela Silva insta a Feijoo a que convoque ás...

    O goberno de Carmela Silva insta a Feijoo a que convoque ás Deputacións para unha xuntanza

    A presidenta provincial de Pontevedra sinala que a Xunta ten que informar da posta a disposición ao mundo local dos recursos extraordinarios para poder facer fronte ás novas necesidades xeradas pola pandemia

    A través dunha carta asinada pola presidenta provincial Carmela Silva, o goberno da Deputación de Pontevedra volveu a instar hoxe ao presidente Núñez Feijoo a convocar canto antes as catro deputacións galegas para que a Xunta de Galicia informe de como van a achegar aos entes locais os recursos extraordinarios que está a enviar o goberno do estado para enfrontar o novo escenario xerado pola pandemia da Covid19.

    No escrito, a presidenta lembra a Núñez Feijoo que aínda que o presidente galego nunca respondeu a anteriores solicitudes de encontro en relación coa Covid19, “agora, ante o escenario actual, considero imprescindible  que esta xuntanza se celebre, incorporando a mesma ás catro deputacións, a FEGAMP e as 7 grandes cidades galegas co obxectivo de coñecer as decisións que vai tomar a Xunta de Galicia para a posta a disposición de recursos extraordinarios dirixidos ao mundo local, Deputacións e concellos“. Carmela Silva sinala na misiva que eses recursos van permitir que as administracións más próximas a cidadanía poidan enfrontar ás inversións derivadas da pandemia, e recorda a Feijoo que outras Comunidades Autónomas xa o fixeron reuníndose coas entidades locais.

    A presidenta provincial lembra tamén que a Unión Europea xa aprobou ingresos extraordinarios para os Estados membros; que o Goberno de España tamén habilitou recursos para as Comunidades Autónomas; e que as propias Deputacións aprobaron recursos para actuacións nos concellos, mesmo de competencias impropias derivadas de normas da Xunta de Galicia. “Sen embargo, di Silva, a Xunta non puxo a disposición das entidades locais os recursos que precisabamos para garantir  dereitos e servizos imprescindibles hoxe mais que nunca, polas novas necesidades derivadas da crise sanitaria”.

    Igualmente, a presidenta da Deputación de Pontevedra recorda na carta ao presidente da Xunta que “é unha obriga que cada Administración Pública faga fronte ás súas competencias e non se deriven ao mundo local. Pero tamén é necesario, subliña, que a colaboración e a coordinación veñan acompañadas de medios extraordinarios que a administración autonómica debe facer chegar a todos os concellos, no noso caso, da provincia de Pontevedra”. Por todo elo, Carmela Silva anima a Núñez Feijoo a “converter á cogobernanza na ferramenta que permita que a cidadanía nos visualice como a representación pública que responde ás súas demandas”.

    A presidenta provincial remata o seu escrito lembrando que, aínda que os tempos son complicados e as medidas complexas, “é imprescindible que traballemos xuntas e xuntos e que unha parte dos recursos que a Xunta está recibindo do Goberno de España sexan trasladados a concellos e deputacións para poder facer fronte a esta pandemia”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.