10.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiO Centro Municipal de Formación acolle un Punto de Información, Orientación e...

    O Centro Municipal de Formación acolle un Punto de Información, Orientación e Prospección para persoas con discapacidade

    Onte tivo lugar a sinatura do convenio para a prestación do servizo entre o Concello de Tui e COGAMI

    O Centro Municipal de Formación do Concello de Tui, situado en Guillarei, conta cun Punto de Información, Orientación e Prospección dirixido a persoas con discapacidade. Este servizo está recollido no convenio de colaboración asinado esta mañá entre o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente de COGAMI, Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, Anxo Queiruga.

    No acto, desenvolvido na casa do concello, contou coa presenza da concelleira de Formación e Emprego, Ana Mª Núñez, o presidente de VONTADE, Miguel Pazo, entre outros.

    Grazas á sinatura deste convenio o servizo préstase en instalacións municipais, continuando o labor que COGAMI realizou ao longo dos últimos anos no Centro Sociomunitario de Tui. En concreto trátase do Servizo de Intermediación, Orientación e Prospección de Emprego (SIL) que atende previa cita no teléfono 986 28 18 93 ou no correo silvigo@cogami.gal.

    Previa a sinatura do convenio o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradeceu a COGAMI o seu labor recoñecendo que “sodes os que suplides un labor que debería ser prestado polo conxunto das administracións públicas”. Indicou que “nós estaremos sempre abertos a COGAMI, a VONTADE, e ás asociación que o precisen para establecer calquera tipo de colaboración necesaria e polo tanto asumir tamén o grao de responsabilidade que nos compete coma administración”.

    Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui e Anxo Queiruga, presidente de COGAMI, na sinatura do convenio de colaboración

    A concelleira de Formación e Emprego, Ana Mª Núñez, explicou os obxectivos deste convenio que son a colaboración de ambas entidades na atención e promoción das persoas con discapacidade, na busca da mellora da empregabilidade e de ofrecer unha atención e asesoramento especializado que favoreza a inserción laboral.  Ao tempo agradeceu o labor que realizan dende COGAMI “por un mundo máis inclusivo e máis igualitario”. 

    Pola súa parte o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, indicou que neste punto en Tui traballan para mellorar a inserción laboral, a busca activa de emprego, e en planificar accións formativas para persoas con discapacidade. Na actualidade teñen xa na súa base de datos inscritas a 150 persoas de Tui, das que 53 son mulleres e 97 homes.  Apuntaba que é preciso facer un reforzo das políticas de emprego para persoas con discapacidade, por iso indicaba que é importante “calquera tipo de colaboración que axude ás persoas a crer nas súas capacidades”. Os servizos que prestan van dirixidos tanto ás persoas con discapacidade coma ás empresas que desexen contratar a unha persoa con discapacidade ou que precisen asesoramento en accesibilidade.

    O texto do convenio recolle que “a finalidade perseguida é mellorar as oportunidades de inserción laboral de persoas con discapacidade da comarca do Baixo Miño, a través da posta a disposición das mesmas do servizo que realiza COGAMI en dependencias municipais do Concello de Tui, que conta coas infraestruturas e recursos axeitados ás actividades que COGAMI desenvolve a través das accións que pon a disposición das persoas con discapacidade”. A posta en marcha deste punto suporá unha mellora importante na atención e servizos que COGAMI presta ás persoas con discapacidade residentes na comarca, así como para acadar e potenciar o contacto coas empresas da contorna de cara a fomentar a creación de emprego para este colectivo, segundo recolle o documento.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.