Domingo, 27 Xullo de 2025

O Concello ofrece asesoramento para solicitar as axudas da Xunta para melloras paisaxísticas de propiedades situadas no Camiño de Santiago

David Alonso, concelleiro delegado de Turismo, anunciou que o Concello ofrece asesoramento aos cidadáns do Porriño que queiran solicitar as axudas económicas que a Xunta de Galicia vén de convocar para a mellora paisaxística dos activos que se atopan no Camiño de Santiago.  Trátase de axudas para particulares de ata 10.000 euros, ata un máximo do 75% do custo da actuación, segundo establece a Xunta de Galicia.  No caso das entidades locais, como de feito solicitará o propio Concello do Porriño, a axuda alcanza os 15.000 euros.

Poden aproveitar o alcance destas axudas económicas, “todas aquelas actuacións que teñen por obxecto a mellora paisaxística, a procura da harmonía, a orde e respecto, e a coherencia do Camiño de Santiago e a súa paisaxe cos valores culturais ligados ás sociedades que ao longo do tempo construíron este espazo”, segundo explica a resolución da Axencia Turismo de Galicia que as convoca.

As actuacións deberán realizarse sobre bens físicos situados no ámbito de protección dos camiños de Santiago e no campo visual do seu recorrido.

En concreto, poderán ser obxecto de subvención actuacións sobre elementos etnográficos e a súa contorna (fontes, lavadoiros, hórreos, pontes, pontellas, muíños, valados, peches…); actuacións sobre a casa e a eira; mellora nos revestimentos: fachada, cuberta con materiais propios da zona (como son a madeira, pedra ou calquera material que harmonice) ou actuacións de desentullo e limpeza de lixo ou materiais en desuso, entre outras.

O Concello de Tui amplía a capacidade de depósito do arquivo municipal

0

O Concello de Tui vén de ampliar a capacidade de depósito do Arquivo Municipal de Tui coa instalación de novos módulos de armarios tipo compactus para a documentación administrativa do Concello tudense. Coa instalación destes novos módulos o Arquivo Municipal tudense incrementa en máis de 80 metros lineais de estantes a capacidade dos seus depósitos.

Tamén foron adquiridos deshumidificadores e termohigrómetros para garantir as condicións axeitadas de conservacións da documentación e algunha peza de mobiliario de oficina.

Realizouse un investimento de case 7.000 euros ao abeiro dunha baixa nunha obra promovida pola Deputación Provincial de Pontevedra que ten facilitado esta importante mellora no Arquivo Municipal, que precisa incrementar a capacidade dos seus depósitos para custodiar a documentación municipal.

O Arquivo Municipal recolle documentos dende 1.597 ata a actualidade. Está composto por máis de 6.300 unidades de instalación cos instrumentos suficientes para o seu manexo e control, especialmente a base de datos do inventario descritivo formado por mais de 36.000 rexistros que detallan a nivel de expediente a maior parte dos fondos. O Arquivo Municipal de Tui xunto coa documentación administrativa que corresponde basicamente ao século XIX e XX, posúe unha importante documentación histórica. Esta documentación consta de 145 libros, de entre os anos 1597 e 1834, en soporte papel e encadernados en pergameo. Deles, 115 corresponden aos libros de acordos municipais e cartas ordes de 1597 – 1775; 5 libros con documentación varia de 1705-1771; 16 libros de copias das actas da Xunta do Reino de Galicia entre os anos 1608 e 1834 e 3 libros Reais do Catastro do Marqués da Ensenada da cidade de Tui e freguesía de San Xurxo de Saiáns. Salienta tamén  un pergamiño, escrito en portugués, datado en 1688, que facía de tapa doutro documento  que corresponde a unha “carta de quitaçao” dada polo rei de Portugal Pedro ós herdeiros de Ignacio Monteiro de Souza, almoxarife falecido que prestaba os seus servizos na “Caça do Passo da Madeira”.  Esta documentación histórica estaba depositada no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra dende o ano 1943 e foi recuperada polo Concello de Tui no ano 2012.

O Concello saca a licitación a explotación de dous postos no mercado municipal do Rosal

0

O Concello do Rosal segue a dar pasos para a posta en marcha do novo mercado municipal, un espazo vivo no que fomentar a compra de produto local e que dinamice económica e socialmente o núcleo urbano do Calvario. A Xunta de Goberno aprobou esta semana as bases de licitación para a explotación de dous novos postos, un destinado á venda de froitas e verduras e outro á alimentación xeral e tenda de conveniencia.

O goberno municipal dará traslado destas bases ao Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), que as publicará nos vindeiros días. As persoas interesadas en presentar as súas ofertas para a cobertura das vacantes terán 15 días naturais a partir do día seguinte ao da súa publicación no BOPPO e no perfil do contratante do Concello do Rosal aloxado na plataforma de contratación do sector público. As propostas deberán presentarse unicamente a través do Rexistro Xeral do Concello do Rosal en horario de 9 a 14 horas de luns a venres.

A concesión outorgarase por un prazo de 10 anos, con posibilidade de prórroga outros cinco.

Postos

Os Concello saca a licitación o posto número 3 do mercado, situado nun dos laterais da praza de abastos, de 9,45 metros cadrados e destinado a alimentación en xeral e tenda de conveniencia. Trátase dun posto con acabados de chan, paredes e teitos sen peche e sen espazo de cámara. Ten toma de fontanaría para vertedoiro para colocación de termo eléctrico, con catro puntos de luz mediante foco orientable en teito, catro enchufes estancos de corrente e rede de saneamento con dúas tomas en reserva.

Por outra banda, tamén está dispoñible o posto número 4, de 13.90 metros cadrados e destinado á venda de froitas e verduras. Situado na zona central do mercado dispón de mesado horizontal e vertical de exposición de produto e mostrador en todo o perímetro, cunha franxa de 45cm exterior ao posto para exposición. Inclúe estrutura colgada de aceiro para soporte de iluminación e elementos auxiliares, toma de fontanaría, sete puntos de luz mediante foco orientable en carril, catro enchufes estancos de corrente e rede de saneamento con dúas tomas en reserva.

O Concello de Gondomar pospoñerá a celebración do Entroido ata o verán

0

A situación de pandemia que está a vivir a comunidade autónoma e as restricións
ás que se viron sometidos os seus municipios fan imposible a celebración do entroido,
celebración con moita tradición en Gondomar, onde o seu goberno non quere dalo por
perdido e facendo provisión de optimismo anuncia que a súa celebración pospoñerase
“ata xullo”.

O goberno local prevé organizar o tradicional desfile de Comparsas e posterior
verbena o 17 de xullo, facéndoo coincidir coas festas patronais de San Benito. Así o
manifestou o rexedor, Paco Ferreira, quen pon esta proposta sobre a mesa “con toda a
cautela do mundo pero sen perder o optimismo e a confianza en que de aquí a esa data
as restricións sexan moito máis suaves e a maior parte da poboación estea vacinada”.

Trátase de salvar unha celebración moi arraigada no municipio onde comparsas
como as das parroquias como Mañufe ou Vincios ocupan habitualmente os primeiros
postos nos diferentes concursos que se celebran en Vigo e en toda a súa área de
influencia.

A Concellería de Cultura traballa xa na programación do Entroido como na das festas
patronais coa confianza de que se poidan desenvolver baixo a máxima normalidade
posible. Á espera da chegada de xullo e, para non enterrar no baúl dos recordos o
Entroido este mes de febreiro, a través das redes sociais e da páxina web do concello
lembrarase que a ilusión, a maxia e a esperanza non deben decaer dunha forma especial.

Volve a baixar o número de casos activos por coronavirus en Galicia rexistrándose 18.452

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 18.452, deles 5.103 son da área da Coruña, 1.721 da de Lugo, 1.991 da de Ourense, 2.305 da de Pontevedra, 3.012 da área de Vigo, 2.724 da de Santiago e 1.596 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 248 están en UCI, 1.030 en unidades de hospitalización e 17.174 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 84.859 persoas curadas, rexistrándose 1.988 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.520.795.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 114.423.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

6 farmacias de Mos farán test de saliva para detectar a Covid-19

0

As 6 farmacias mosenses, a de Mos, Puxeiros, Rebullón, Peinador, Sanguiñeda e Pereiras, comezaron hoxe a relizar o seu cribado para detectar a COVID-19.

Desde as farmacias lembran que os tests poderán ser realizados por persoas de 40 a 65 anos que deberán acudir persoalmente e aportar DNI e tarxeta sanitaria. Ademais de facilitar un teléfono móvil xa que se o resultado é negativo recibirán un SMS comunicádollo e se é positivo serán citadas para PCR.

Tamén piden que os/as interesados/as en facer a proba non acodan escalonadamente pois haberá tempo de sobra para realizar este cribado. Así mesmo insisten en que non deben achegarse para levar a cabo o test aquelas persoas que teñan síntomas da COVID-19.

Recollida de saliva na casa e entrega na farmacia. Pontevedra lidera o programa piloto co obxectivo de que a iniciativa se estenda a todas as provincias para aumentar a capacidade de diagnose.

Testar ao maior número de xente posible para detectar canto antes a persoas contaxiadas e illalas. Ese é o obxectivo do SERGAS e da Consellería de Sanidade no que colaboran as farmacias, entre elas as 6 farmacias mosenses, o 100% das existentes no Concello de Mos, polo que a colaboración dos/as farmacéuticos/as deste municipio é máxima.

O cribado programado para os vindeiros días anunciouno o conselleiro, Julio García Comesaña, que lembrou que as boticas chegan ata catro veces máis aló que os centros de saúde, tanto en número como en horario.

Por iso, as farmacias de Pontevedra comezarán a facer cribados a través da recollida de mostras de saliva, que se analizarán como PCR a través da técnica de «pooling», o que permite tratar varias mostras ao mesmo tempo. Serán os farmacéuticos os encargados de remitir esas mostras aos laboratorios do sistema sanitario. É un programa piloto que se trasladará aos colexios do resto de provincias, o SERGAS xa lles pediu que se somen á iniciativa.

Como funcionarán?

O proceso é sinxelo. As boticas que se uniron á iniciativa terán dispoñibles os kits de saliva para a recollida de mostras, que se lle facilitarán a todos os cidadáns que voluntariamente queiran participar.

Cales son os requisitos? 

Esta primeira proba está dirixida ás persoas de entre 40 e 65 anos con tarxeta sanitaria. Non poderán participar aqueles pacientes de coidados paliativos ou inmobilizados, nin usuarios ou traballadores de residencias, ou quen tivese unha resultado positivo en PCR no últimos tres meses ou estea en corentena. A iniciativa non está contemplada para persoas con síntomas, só para asintomáticos.

Cales son os pasos para seguir?

Aqueles cidadáns que cumpran os requisitos pódense dirixir a unha das farmacias adheridas. O farmacéutico daralle un tubo que leva un código de barras. A mostra deberase recoller á primeira hora da mañá, en xaxún e antes de lavarse os dentes. Hai que entregala na farmacia antes das 10.30 horas.

O farmacéutico/a será o encargado de recoller a mostra e rexistrala no sistema, tamén lle pedirá o número do teléfono ao paciente. A distribución farmacéutica levarao ao laboratorio. Se o resultado é negativo, a persoa recibirá un SMS no móbil, pero se é positivo citaráselle para facer unha PCR nasofaríngea.

Onde e cando?

As 6 farmacias de Mos comezarán a facelo desde hoxe, martes 9 de febreiro:

FARMACIAS DE MOS 

  • María Elena Villar López     Carretera Porriño-Redondela, 160     986336013
  • Irene Sánchez Otero     Avenida do Rebullón, 1 – Alto de Puxeiros     986487094
  • Leónides Vázquez Fernández     Avenida do Rebullón, 30 – Tameiga     986486245
  • Francisco Javier Carrillo Lema     Carretera Peinador – Os Valos, 3 – Torroso     986486550
  • María Jesús Rodríguez Miralles     Avenida Sanguiñeda, 96     986330330
  • Mercedes Abellás Rosende     Carretera Porriño-Gondomar, 50 – Pereiras     986333487

A Deputación lanza ‘Momentos Rías Baixas’, campaña turística participativa, con historias reais, para chamar a vivir experiencias na provincia

Unha campaña que apela primeiro a recordar e cando se poda a volver, que chama a momentos, recordos e historias reais, que anima ás persoas que xa visitaron a provincia de Pontevedra a volver a evocar eses instantes especiais, e chama a outras a vir por primeira vez. Así é a promoción do destino Rías Baixas presentado esta mañá pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, no hall do Museo de Pontevedra. “Será unha campaña diferente porque vivimos un tempo incerto e non sabemos cando poderán visitarnos”, explicou a máxima responsable da institución.

Deste xeito, a promoción ten un carácter flexible, acorde á evolución das restricións de mobilidade, pero xa están deseñadas as súas tres fases e por primeira vez será unha promoción bianual. A etapa inicial centrarase no branding a partir de historias reais, baixo o lema “Momentos Rías Baixas”; a segunda, cando se poida viaxar, terá como eslogan “É o teu momento” para chamar a vir ás Rías Baixas; e a terceira incluirá unha oferta de rutas na provincia e estará ligada ao Camiño de Santiago, dado que o Ano Santo prolongarase a 2022. Ademais, a Deputación dará protagonismo ao sector, pois é fundamental na experiencia dos e das visitantes e nos seus recordos especiais.

Carmela Silva: “É unha campaña flexible, diferente, innovadora, fresca, desenfadada, áxil, humana, cunha mirada optimista e un ton positivo”

“É unha campaña diferente e innovadora, mantendo ao mesmo tempo os grandes sinais que nos sitúan como un destino innovador, vangardista, punteiro e creativo a nivel internacional. Xera comunidade a través das persoas que participen nela, e inspira a outras a vir”, resaltou Carmela Silva, que destaca como valores centrais que é “fresca, desenfadada, áxil, flexible, humana, cunha mirada optimista e un tono positivo”.

Participación do sector

O concepto da campaña, os momentos, o benestar e a viaxe interior, dan continuidade á promoción de 2020 “Segue o teu instinto”. A primeira fase, centrada nos “Momentos Rías Baixas” e articulada con sorteos e promoción on line, permitirá captar contidos e construír marca. “Estará presente ata que se levanten as restricións e poidamos promocionar o destino como unha realidade, non como un futurible”, indicou a presidenta, para engadir que “a idea é que as persoas que nos visitaron participen e compartan a través das redes sociais os seus #momentosRíasBaixas, as súas vivencias na provincia”.A Deputación contará co sector nesta promoción. “Queremos que se impliquen, que teñan cabida, como facilitadores e facilitadoras deses momentos, nesta primeira fase compartindo as súas testemuñas, porque contribúen a definirnos como un destino hospitalario, cercano, con persoas comprometidas”, detallou.

A segunda fase invitará xa á acción co lema ´”É o teu momento”. A previsión da Deputación é presentar o vídeo central na feira Fitur, prevista do 19 ao 23 de maio, se ben dependerá das circunstancias derivadas da pandemia. Nesta etapa chámase a viaxar á provincia, a facer plans ao tempo que se empatiza con todas as persoas que participaron na primeira fase. Para elo poranse en valor todas as vivencias, recordos e experiencias que compartiron. “Invitará a visitarnos partindo das historiais reais. Transmitiremos un material empático e emocional que chamará a crear novos momentos especiais e únicos”, comentou a presidenta.

E xa para finais deste ano e comezos do 2022 terá lugar o terceiro momento, que pretende aproveitar a atracción que supón o Camiño de Santiago. “Daremos a coñecer as múltiples rutas que atravesan a provincia, ben sexan as dos fenicios, da camelia, os miradores, o viño, os faros, o sendeirismo e a posibilidade de atopar o noso propio camiño en Pontevedra provincia”, desgranou a mandataria provincial.

Sorteos de estancias e actividades

A primeira fase centrarase nunha campaña on line de branding que permitirá facer marca sen frustrar ao público obxectivo, que agora non pode viaxar. “Imos converter ás persoas que visitaron Rías Baixas en protagonistas”, captando a súa atención para que participen narrando as súas propias vivencias e as compartan en Instagram, Faceobook e Twitter”, indicou a presidenta. A mecánica consistirá na posta en marcha de concursos e sorteos mensuais, desde marzo ata xuño. Os recordos que transmitan as persoas participantes tamén contribuirán a detectar o que botan de menos na provincia. “Publicaremos unha bases na web e perfís oficiais de Turismo Rías Baixas. Toda persoa que comparta os seus momentos empregando os hashtags #momentosRíasBaixas e #PontevedraProvincia, entrará xa a participar no concurso”, resaltou. Os premios serán estancias e actividades turísticas para que as persoas gañadoras as desfruten ao longo de 2021. Deste xeito a campaña promove a reactivación e xera tamén gasto complementario en torno aos agasallos.

Spot e apoio de figuras destacadas

Durante o acto presentouse o spot da campaña “Momentos Rías Baixas”. O vídeo serve de inspiración, exemplificando os #momentosRíasBaixas aos que apela a campaña. ”É unha pílula de enerxía, de bo rollo, un estímulo para os sentidos, para recordar todo o que Pontevedra Provincia nos aporta”, citou Carmela Silva. Tamén foi proxectado durante o acto un vídeo no que persoas destacadas na súa actividade contan os seus recordos especiais nas Rías Baixas. Trátase de Diego Guerrero, chef con dúas Estrelas Michelin; os tamén chefs Edgar Núñez e Yolanda León; a parella blogueira formada por Sara e Jaac, artífices do blog de viaxes “Salta Conmigo”, a artista Julia de Castro; e Mónica e Miguel de “El viaje de Sofí”. Todas contan os seus “#momentosRíasBaixas.

Campaña en redes sociais

A promoción desenvolverase a través das redes sociais e contará con apoio publicitario para reforzar a participación. A previsión é alcanzar entre seis e sete millóns de impresións cunha coidada segmentación do público. Do 22 de febreiro ao 14 de marzo farase unha primeira quenda centrada en Madrid, Barcelona e Bilbao; e do 5 ao 18 de abril focalizarase en Asturias, Valladolid e Galicia, con vistas a reforzar o turismo de proximidade. “A campaña centrarase nesta primeira fase en medios on line, redes sociais e Smart TV. Empregaremos tamén plataformas de música en streaming, con vistas ás pontes de festivos nacionais e rexionais, para vincular o noso destino cos momentos de lecer”, explicou a presidenta.

Imaxe gráfica: a idea do caderno de viaxe

Ademais do spot, a campaña emprega recursos frescos e dinámicos destinados a animar á participación. Entre os motivos destaca a imaxe do caderno de viaxe, moi empregado por persoas que anotan e ilustran experiencias e anécdotas, pegan tickets e pequenos elementos que no futuro axudan a recordar o vivido. “Este caderno reforza esa idea que pretendemos conseguir: unha imaxe alegre, fresca, divertida, real e desenfadada”, agregou a presidenta. O caderno inclúe imaxes de costa e de interior, unha pulseira dos Festivais Rías Baixas, un billete para Cíes ou unha ilustración cun mapa da provincia, entre outros elementos. Ademais empregaranse outras creatividades centradas en temáticas específicas como a gastronomía.

A Policía Local da Guarda abre unha investigación pola tala dunha árbore ao carón do Santuario de San Roque

0

O Concello da Guarda ven de encargar un informe á Policía Local da Guarda para que instrúa as dilixencias que conduzan a dar co responsable ou responsables do que se considera unha “barbaridade medioambiental” despois de ter coñecemento dunha recente tala dunha árbore na Praza de San Roque.

A tala foi realizada sen que conste autorización en dependencias municipais e sen xustificación algunha, “polo que se vai a proceder á apertura dun expediente informativo en canto se coñezan ós responsables desta actuación”, sinalou o Goberno local.

Segundo o informe policial a tala realizouse entre o 2 e o 3 de febreiro deste ano, sen que se lograse identificar de momento o autor/es desta acción.

O Consello Municipal da Infancia e Adolescencia de Redondela anima á rapazada a sumarse “para construír un concello á nosa medida”

0

O Consello Municipal da Infancia e Adolescencia de Redondela, que nestes momentos está formado por 10 nenos, nenas e adolescentes do municipio, vén de facer un chamamento á rapazada do municipio para que sumen a esta iniciativa que, dúas veces ao mes, pon enriba da mesa todas aqueles temas “que poden ser de interese para a infancia e adolescencia do noso concello e para traballar en acadar melloras”, sinalan no seu escrito.

Trala reunión deste pasado venres de cara a seguir co traballo iniciado no mes de decembro –reunións que de momento celébranse de xeito telemático–, lanzan unha mensaxe “para convidar a outros nenos, nenas e adolescentes a sumarse a este grupo. Unídesvos?”

“Cada dúas semanas falamos, debatimos, compartimos ideas e propostas para construír un concello á nosa medida”, explican no escrito dirixido a toda a rapazada redondelá. “Neste momento –engaden os e as compoñentes do Consello Municipal da Infancia e Adolescencia– estamos dándolle forma ao nome e ao logotipo do noso grupo, así como elaborando unha listaxe de libros para pedirlle á biblioteca municipal coas propostas dos compañeiros e compañeiras dos nosos centros escolares”.

“Este grupo de participación formámolo 10 nenas/os e adolescentes do municipio, pero está aberto para que ti te sumes. Só tes que ter entre 8 e 18 anos para poder formar parte e achegar a túa visión e ideas. Precisamos ser moitas e moitos máis para que a nosa voz se escoite con maior forza e sexa máis diversa”.

Para unirte, remata o escrito do Consello “só tes que escribir a [email protected] ou chamar ao número de teléfono 604 086 970. Estamos agardando por ti, ÚNETE!!!”.

A Concelleira de Mocidade, Olga García Ballesteros, salientou a importancia do traballo que está a realizar o Consello Municipal da Infancia e Adolescencia “e da necesidade que nenos e nenas, mozos e mozas, implíquense nesta iniciativa para axudar a construír un municipio non só de todos e todas, senón para todos e todas”.

Dous positivos en drogas e dous vehículos sen ITV en vigor detectados pola Policía Local esta fin de semana

0

A Policía Local de Tui levou a cabo na fin de semana controis en distintos puntos do termo municipal para comprobar o cumprimento do peche perimetral. Un dos puntos onde se realizou o control foi o Paseo da Corredoira onde o sábado entre ás 18:15 h e ás 20:30 h realizou o control de máis de 60 vehículos.

Neste punto os axentes da Policía Local detectaron dous vehículo sen a preceptiva ITV en vigor. Tamén detectaron a dous condutores, que tras a realización da proba de drogas deron positivo en THC e cocaína, e foron propostos para sanción administrativa por conducir baixo os efectos de sustancias estupefacientes.

Os concellos miñotos coa máxima expectativa ante a posibilidade de apertura de máis pasos na fronteira con Portugal

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial AECT Rio Miño manifestou hoxe que os concellos miñotos manteñen a “máxima expectativa” ante a posibilidade de apertura de máis pasos na fronteira con Portugal, unha medida que poderá ser concretada nos vindeiros días e que o ministro de Administración Interna de Portugal Eduardo Cabrita deixou aberta nunhas declaracións públicas.

O vicedirector do AECT Uxío Benítez explicou que os presidentes de cámara portugueses mantiveron contactos informais co goberno central portugués, o máis ríxido á hora de manter o peche da raia, e salientou que “a pesar de non recibir información oficial, satisfacen as declaracións dadas por Eduardo Cabrita, que deixou en aberto a posibilidade de alterar horarios nas fronteiras terrestres ou o número de postos de paso obrigatoria”.

“Os concellos miñotos de Pontevedra e do Alto Minho agardan con moita expetativa que, nos próximos días, sexa anunciado o reverso total da medida actualmente en vigor relativamente ao peche das fronteiras, de forma que sirva aos reais e necesarios intereses das traballadoras e dos traballadores transfronteirizos, así como dos transportes de mercadorías”, subliñou.

Benítez subliñou que é preciso que se abran todos os pasos existentes e se habiliten controis de maneira continua (24h) posto que, segundo subliñou, os horarios das empresas e do persoal laboral dunha e doutra beira do río son moi variados. Lembrou que o actual paso de Salvaterra, só aberto dúas horas pola mañá e dúas pola tarde, non supón ningún beneficio para traballadoras e traballadores, xa que ao traballar en quendas vense igualmente obrigados a cruzar o río a través do único paso autorizado de Tui por non coincidir os horarios.

Benítez amosou a súa confianza en que a parte do goberno portugués reconsidere a situación, e lembrou que na parte española, oficialmente, o delegado do Goberno manifestou a súa disposición a abrir os pasos necesarios, mais sempre mediante un acordo diplomático cos mandatarios lusos. “Agardemos que o erro non se siga a manter”, subliñou.

A fronteira entre Pontevedra e o Alto Minho portugués ten 70 quilómetros, sendo o 5% dos 1.200 quilómetros de toda a raia ibérica, sen embargo asume o 50% de todo o tránsito de vehículos entre España e Portugal polas seis pontes sobre o Miño. Hai contabilizados arredor de 6.000 traballadores transfronteirizos que deben cruzar a fronteira diariamente.

O pasado xoves, alcaldes e alcaldesas da raia protestaron polo actual peche de fronteiras e lanzaron un SOS. Aseguraron que se está a castigar aos traballadores e traballadoras transfronteirizos ao manter só un único paso aberto (o da ponte internacional de Tui), gastando cartos en combustible e tempo dando rodeos de ducias de quilómetros para acudir aos seus postos laborais, porque os gobernos centrais non poñen máis controis (guardas portugueses e garda civil) nos demais postos da fronteira.

O Concello de Ponteareas inicia os traballos de ensanche e mellora da vía A Cova-Cañoteira, nas Cortellas, Padróns

A Concellaría de Vías, Obras e Alumeado, que dirixe Chus Garrote, deu conta do inicio, esta semana, dos traballos de mellora da vía A Cova-Cañoteira nass Cortellas, parroquia de Padróns. As obras contan cun orzamento de 168.438 € financiados con fondos propios a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

En resposta á demanda veciñal, as obras dotarán dunha axeitada accesibilidade a esta zona facendo posible o acceso de todo tipo de servizos. Ata o día de hoxe moitos dos servizos tiñan dificultade para pasar en determinados puntos deste tramo xa que o camiño existente apenas permite o paso dun vehículo lixeiro non sendo suficiente para o acceso de vehículos de emerxencias, entre outros.

Logo da obtención dos permisos pertinentes e da colaboración da veciñanza na cesión dos metros precisos para proceder a ampliar a anchura do camiño, a concellaría de Vías, Obras e Alumbrado executará traballos de ensanche, colocación de muros, mellora da drenaxe mediante a execución dun colector e sumidoiros ao longo do treito de actuación e posterior asfaltado.

Contemplase tamén a pavimentación doutro treito do camiño para dar continuidade ás pistas asfaltadas.

A socialista Chus Garrote explica que se trata dunha obra moi necesaria, que se suma á longa lista de ensanches e asfaltados de camiños de terra a través dos que durante toda a vida tiñan que acceder a veciñanza aos seus fogares, como as xa realizadas en Santa Cruz, Ribadetea; en Cillarga; A Urcela, Cristiñade; en Guillade; en Duca, Santiago de Oliveira ou Outeiro de Castro, en Fozara, entre outras moitas.

Chus Garrote engade que dende a súa concellaría se fan importantes esforzos en dotar de maior accesibilidade aos fogares do rural e que así teñan máis e mellores servizos, “hai que ter en conta que a metade da poboación de Ponteareas vive no noso rural, algo moi bo pero que multiplica o número de camiños, pistas e viais de acceso, tendo en total

máis de 400 kms de vias municipais e facendo que haia que duplicar esforzos en mantemento e mellora dos mesmos xa que durante anos os gobernos anteriores non se preocuparon en dotar as súas parroquias dos servizos mínimos”

A Guarda amplía o horario do Punto Limpo

0

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Medio Ambiente, ven de anunciar un cambio de horarios na atención que se presta aos cidadáns no Punto Limpo do municipio, ampliando o horario de apertura de xeito que se facilita o acceso a este servizo.

Deste xeito, a partires de hoxe martes día 09 de febreiro de 2021 o horario do Punto Limpo da Guarda será o seguinte:

  • De luns a venres desde as 8:00 h ata as 13:00 h.
  • Sábados desde as 8:30 h ata as 13:00 h.

O Concello da Guarda considera que con esta ampliación do horario do punto limpo mellorarase o servizo e facilitarase tamén a reciclaxe, dentro da folla de ruta da Estratexia Europea 2020 e nas medidas recollidas no paquete de economía circular.

Recoméndase a cita previa para evitar a aglomeración de persoas neste espazo a través do teléfono 689 27 85 48 ou no enderezo electrónico [email protected].

Ponteareas licita a construción da rampla peonil, pavimentación e valado da terraza do Centro Cultural de Ribadetea

O Concello de Ponteareas vén de licitar a execución da pavimentación e valado da terraza do Centro Cultural de Ribadetea, así como dunha rampla peonil de acceso á mesma. As obras contan cun orzamento total de 43.676,24 euros, ive incluído, e as empresas interesadas dispoñen dun prazo de presentación que rematará o vindeiro 11 de febreiro.

O obxecto desta actuación, segundo indicou o concelleiro e Cultura, Fernando Groba, é “complementar o acceso ao Centro Cultural de Ribadetea mediante unha rampla á fronte da edificación, proporcionando ademais un acceso directo exterior á cafetería e á terraza a través desta pasarela metálica, sen necesidade de acceder ao salón de actos. Isto facilitará tamén a accesibilidade ás persoas con mobilidade reducida”.

O edil nacionalista sinalou que tamén se procura “dotar á terraza dunha maior seguridade coa instalación dunha varanda, ademais da súa pavimentación e impermeabilización”

Saldeda mantén vivo o seu histórico Entroido apostando pola súa celebración de xeito virtual

Poucos entroidos do sur de Galicia teñen a tradición centenaria do Entroido de Salceda de Caselas. Este ano toca reinventarse e amosar que, nin a pandemia da COVID é quen de frear unha celebración popular como poucas. Optase, iso si, polas novas tecnoloxías que permiten que se poidan celebrar actividades, de xeito virtual, garantindo o cumprimento das normas sanitarias e de seguridade.

Tal e como salientaba a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, “Eeste é un ano difícil no que toca parar” a adianta que se aproveit ará o momento “para avanzar no proxecto para que o noso entroido sexa declarado Festa de Iinterese Turístico de Galicia”.

Entre as actividades previstas e presentada hoxe polo Concello de Salceda, estará o I Concurso de Disfraces de Entroido e, dende a Concellería de Cultura, animan á veciñanza a disfrazarse nas súas casas e non perder o espírito do entroido. Logo, para participar, as persoas interesadas non terán máis que enviar unha fotografía ao enderezo electrónico [email protected] ou por Whatsapp ao número 675 232 832.

Estableceranse tres categorías para os premios: individual, convivintes e votación popular, que contarán como premio un vale de compra de 100 € para consumir nos establecementos do comercio local adheridos a ACISA (Asociación de comerciantes e industriais de Salceda). O xurado estará composto por representantes dos entroidos históricos da Feira e do Barreiro e polo técnico municipal de mocidade.

A programación completarase con varias actividades virtuais, como diferentes obradoiros dirixidos á poboación infantil que se farán públicos nos vindeiros días, ademais de mostras de fotografías e vídeos dos entroidos de edicións pasadas.

Mantendo a tradición, a representante de Castro Barreiro e o representante de A Feira, non quixeron descubrir nada dos seus barrios, que de seguro agocharán algunha sorpresa. Cabe lembrar que o enfrontamento entre estes barrios remóntase cando menos ao ano 1888 en que consta a primeira proba documental, e nin sequera os anos de ditadura conseguiron parar esta festa de tal arraigo en Salceda.

O certo é que como ben apunta a alcaldesa de Salceda “agora o primordial é a saúde, demasiada xente se quedou polo camiño; o Entroido e as festas xa voltarán, e farano con máis forza aínda”.

O antigo Salón de Plenos do Concello de Redondela recuperará o pasado esplendor e aspecto orixinal para ser utilizado como espazo multifunción

0

Alumnado do Obradoiro para persoas mozas ‘Redondela TIC’ da especialidades de ‘Carpintaría e Vernizado’, traballan na recuperación do antigo Salón de Plenos da Casa Consistorial de cara a que este espazo recupere o seu aspecto orixinal e poida ser utilizado como un salón multifuncional do que carece a Casa do Concello redondelá.

O inicio dos traballos, sinala o Goberno local, amosaron con claridade que “durante anos, este espazo estivo absolutamente abandonado e sen mantemento, reflectindo o desinterese do anterior Goberno pola súa conservación”.

A recuperación deste Salón de Plenos era un dos proxectos que o Goberno local tiña en mente dende a súa chegada ao Concello. “Lamentablemente –subliña a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas– agora, co inicio das obras, comprobouse que o seu estado de deterioro era tal que facía imposible a recuperación de elementos orixinais como o solo ou o panelado das paredes, apolillados nun 80 % da súa superficie”.

Durante anos, este espazo foi lugar de celebración de todo tipo de reunións e sesións plenarias e, cos traballos a desenvolver e cunha rehabilitación integral, preténdese que recupere moitos dos seus elementos tradicionais como as lámpadas de madeira, mentres que o solo recuperarase utilizando madeiras nobles que contribúan ao realce do espazo.

Doutra banda, a antiga mesa de reunións, de máis de seis metros de longo e que estaba no máis completo dos esquecementos, recuperará o seu lugar orixinal tras ser restaurada polo alumnado o obradoiro.

Aínda que a recuperación busca devolverlle ao Salón de Plenos o seu antigo esplendor, non por iso deixará de estar dotado dun moderno sistema de climatización amais de todas aquelas tecnoloxías audiovisuais que permitan a realización de reunións e conferencias. Amais, o novo espazo, será adaptado ás normas de accesibilidade das que ata o de agora carecía.

Cómpre salientar que a última actuación realizouse hai 20 anos, cando instaláronse as bancadas para a realización dos Plenos. Unha vez rematados os traballos, explica a alcaldesa Digna Rivas, “a Casa do Concello disporá dun espazo axeitado, acorde á importancia de Redondela como cuarto municipio da provincia”.

A alcaldesa quixo tamén salientar a importancia do Redondela TIC, obradoiro dirixido a xente moza que estea incluída no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, “é que, ao longo de 12 meses, permitiralles acadar una cualificación profesional que facilite a súa inserción nun mercado laboral cada vez máis especializado e competitivo”.

Digna Rivas lembrou que, amais desta especialidade de Carpintaría e Vernizado, cuxo alumnado traballa na transformación do antigo Salón de Plenos, outros mozos e mozas participan na outra especialidade deste Redondela TIC que é a de Deseño web e Multimedia.

“Son –conclúe a rexedora redondelá– especialidades de alta demanda no mercado laboral coas que se busca mellorar a empregabilidade dos mozos e mozas, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral”.

Redondela TIC conta cunha subvención da Consellería de Economía, Emprego e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

Fernández-Tapias entrega tendas de campaña á agrupación de Protección Civil do Porriño para reforzar as intervencións

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, entregou hoxe dúas tendas de campaña ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil do Porriño e Cangas, beneficiarios da orden de equipamentos de emerxencias destinada a municipios de menos de 50.000 habitantes.

Coa entrega de estes equipos, o Goberno galego, que o ano pasado investiu 932.400 euros para reforzar o material das agrupacións de 87 concellos e 2 mancomunidades, busca incrementar a capacidade de resposta destas agrupacións ante as situacións de emerxencia.

Segundo informou a delegada, esta liña de axudas esta destinada as entidades locais que figuren no Plan de Protección Civil ante o Risco de Nevaradas en Galicia (Plan Nega) e estean situados por riba dos 500 metros de altitude.

En conxunto, tal e como detallou Fernández-Tapias, adquiríronse 37 tendas de campaña habilitadas para ser despregadas en situación de emerxencias, así como 12 esparexedores preparados para ser axustados a vehículos todoterreo ou remolques, 12 remolques equipados para intervir en incidencias como temporais ou inundacións, 8 vehículos pick-up, 4 UTVs, 4 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate e 12 coitelas para a retirada de neve.  O Goberno galego mantén así o seu compromiso en dotar aos servizos de emerxencias dos concellos galegos do equipamento adecuado para garantir a seguridade dos seus efectivos e, por ende, dos cidadáns. A Xunta contribúe deste xeito a mellorar a capacidade de resposta ante as emerxencias e nos últimos anos destino 15,3 millóns de euros en material cedido ás entidades locais.

Remataron as obras de humanización da primeira fase da rúa Colón

0

Veñen de rematar as obras da primeira fase da humanización da rúa Colón que se executaron nos últimos meses. Supuxeron un investimento de 314.000 euros, financiados con cargo ao Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra.

As obras contemplaron por unha parte a reposición da práctica totalidade das canalizacións de saneamento, pluviais, e do cableado público de baixa tensión. Esta parte dos traballos realizados foi a máis custosa e traballosa, debido ao mal estado que presentaban as tubaxes existentes.  Amais procedeuse ao asfaltado e ao pintado da sinalización horizontal en todo o tramo de obras.

A iluminación deste vial mellorouse apostando xa por tecnoloxía led tanto nas catorce farolas instaladas de alumeado público, coma nas dúas de apoio no paso de peóns existente, que contan tamén cun sistema de iluminación led no propio báculo para advertir da existencia do paso de peóns.

Inicialmente estaba prevista a colocación de bancos pero, tendo en conta a actual situación de pandemia, foron substituídos por 12 cadeiras individuais.  Do mesmo xeito foron acondicionadas as xardineiras ao longo da beirarrúa e plantáronse 6 arbores de porte medio.  Coma medida de seguridade nas zonas onde existen desniveis foron instaladas varandas de aceiro inoxidable.

Debido as fortes choivas das últimas xornadas queda por completar o repintando dun tramo e pequenos retoques nas xardineiras que serán executadas en breve.

Con esta actuación mellorouse tanto as condicións de seguridade vial na rúa, coma tamén esteticamente o espazo desta arteria que da acceso ao centro urbano.

Os populares da Cañiza denuncian que hai 43 dependentes en lista de agarda, mentres que hai sen adxudicar 940 horas de axuda no fogar

0

No pleno celebrado o pasado 28 de xaneiro, o Partido Popular da Cañiza formulou unha pregunta dirixida á concelleira de benestar social, sobre as horas de asistencia no fogar que o Concello tiña pendentes de asignar e para que explicase cantas persoas se atopaban en lista de agarda. “Nun primeiro momento, non entendíamos coma a concelleira responsable deste tema podía descoñecer esta información, xa que é un tema principal da súa carteira de traballo. Pero unha vez coñecidos os datos, estamos ante un claro intento de tapar e esconder a situación real na que se atopan 43 veciños e veciñas”, declara o voceiro da oposición, Miguel Domínguez.

O Concello da Cañiza ten pendentes de asignar 940 horas que xa están aprobadas pola Xunta de Galicia, e serían 43 as persoas dependentes que se atoparían a día de hoxe á espera de que se lle asignasen esas horas. Esas 43 persoas e as súas familias xa terían pasado todos os trámites e valoracións correspondentes, e deberían estar sendo atendidas xa.

“A parálise do goberno municipal é tal que tendo á xente esperando e as horas aprobadas, non é quen de xestionar nin iso”, denuncian os populares.

Estas horas para o Servizo de Axuda a Domicilio son financiadas principalmente pola Xunta de Galicia que aporta a parte mais elevada, 9,70 €/hora, outra parte queda reservada para as persoas demandantes que abonan unha contía en función da súa renda e o seu grao de incapacidade, e do resto faise cargo o Concello, habendo casos nos que o concello non ten que aportar nada.

Domínguez afirma que asignar estas horas, implica ademais de ter atendidas ás persoas que o precisan, poder contratar a sete traballadoras ou traballadores máis a xornada completa,  cun custe moi baixo para o Concello. Engade que “ademais a situación que estamos atravesando dificulta a atención destas persoas dependentes cando existen confinamentos e as súas familias non se poden facer cargo de ningunha maneira”.

“O goberno local non pode deixar tiradas a estas familias mentres segue poñendo escusas e tenta escondelas nun caixón. Está é unha situación moi grave e tanto Piña coma a concelleira responsable, deben dar unha solución de inmediato a estes 43 veciños e veciñas e as suas familias”.

A Cañiza ten 940 Horas/mes sen utilizar, suficientes para atender a todo o PAR actual en intensidade media:

Grao           Número       Horas (IM)
Grao III           5                290
Grao II          11                363
Grao I           27                270
Total               43                923

SmartPeme pon en marcha esta semana outros catro obradoiros online

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana catro novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre a creación e difusión dunha marca turística, SEO, impresión 3D e deseño web con Elementor.

En concreto, este martes 9 impartirase o obradoiro “Creación e difusión dunha marca turística”, a cargo de Mariana Rosa, graduada en turismo. O mércores 10 será a quenda de “Iniciación ao SEO II: optimiza a túa páxina web para gañar visibilidade”, que será impartido por Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual.

Pola súa banda, o xoves 11, o experto universitario en Robótica Manuel Freire, impartirá “Impresión 3D V: laminador cura I”, dando continuidade ao obradoiro desenvolvido ás semanas anteriores e, o venres 12, Laura Carrera, posgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa, introducirá os conceptos básicos do construtor gratuíto de páxina de WordPress en “Deseña a túa páxina web de maneira sinxela con Elementor”.

O Concello de Nigrán dota de sistema de renovación de aire e climatización o Centro Antena

0

O Concello de Nigrán ven de dotar dun novo sistema de renovación de aire e climatización ao Centro Antena Municipal cun investimento de 28.000 € que permite adaptalo a toda a lexislación vixente ao respecto. Este incluíu á totalidade das estancias, incluíndo as actualmente cedidas a Protección Civil. As obras, adxudicadas á empresa Aermov, consistiron na instalación do sistema de renovación de aire mediante recuperadores de calor con motores eléctricos de baixo consumo, distribución do aire novo e captación do viciado mediante condutores e rexas.

“A importancia dunha correcta renovación do aire está hoxe en día máis vixente que nunca debido ao Covid-19, polo que esta obra é tamén un investimento en seguridade sanitaria”, explica o alcalde, Juan González.

O Centro Antena, situado na rúa Otero Pedrayo 52, conta cunha sala de novas tecnoloxías con conexión a Internet banda ancha 10  Mbps con 16 equipos (dous adaptados); sala de formación, reunión e exposición con capacidade para 65 persoas; departamento de orientación laboral; aulas de formación con capacidade para quince persoas e unha área de recepción e atención ao público. Tamén conta coa sede de Protección Civil no Val Miñor.

Redondela contratará persoas desempregadas para os traballos de roza do municipio grazas a unha achega do Plan Concellos

0

Un total de 11 persoas da especialidade de peón forestal, serán as que contrate directamente o Concello de Redondela para que desenvolvan as labores de roza nas estradas e camiños de titularidade municipal, traballo que ata o de agora era encargado a unha empresa.

Será por tanto a primeira vez que o Concello se faga cargo directamente desta contratación para un traballo “que será desenvolvido por persoas desempregadas do municipio e dentro da filosofía do Goberno local de contribuír, dentro das súas competencias, á xeración de emprego”.

A maiores da contratación destas 11 persoas para as brigadas de rozado, o Concello mantén o denominado retén de mantemento –este si a través dunha empresa–, unha iniciativa que puxo en marcha o Goberno local no pasado ano e que permitiu que, unha vez rematadas as labores de roza dos catro lotes contratados, este quinto lote de reforzo actuase o resto do ano onde alí o aconsellaban as circunstancias, desenvolvendo un traballo de mantemento.

A contratación directa do persoal por parte do Concello –unha idea que o Goberno local tiña en mente dende a súa chegada ao Concello– “permite axilizar a contratación e, polo tanto, optimizar os prazos e o traballo a desenvolver” explica a alcaldesa Digna Rivas quen destaca a importancia que ten esta iniciativa “para as veciñas e veciños que están en situación de desemprego e para os que estas contratacións son unha axuda para a súa economía familiar”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou a importancia do Plan Concellos para que os concellos “poidan fomentar a xeración de emprego entre a súa veciñanza” como é, neste caso, coa contratación destas 11 persoas para a roza dos camiños amais de 1 técnico/a medio ambiente, 1 carpinteiro/a, 3 técnicos/as de turismo, 1 traballadora social e 1 electricista.

Hoxe rexístranse en Galicia 19.246 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 19.246, deles 5.161 son da área da Coruña, 1.767 da de Lugo, 2.096 da de Ourense, 2.483 da de Pontevedra, 3.146 da área de Vigo, 2.932 da de Santiago e 1.661 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 254 están en UCI, 1.063 en unidades de hospitalización e 17.929 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 83.504 persoas curadas, rexistrándose 1.967 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.509.268.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 111.246. A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

A Banda de Música Xuvenil de Xinzo e o PP de Ponteareas súmanse aos apoios da candidatura de Rogelio Groba aos Premios Princesa de Asturias

A Xunta de Galicia vai propoñer ao músico e compositor Rogelio Groba Groba (Ponteareas, 1930) para a concesión do Premio Princesa de Asturias das Artes 2021. Tanto a Banda de Música Xuvenil de Xinzo como a súa Fundación móstranse favorable a esta proposta e o seu apoio xa foi transmitido á Xunta mediante unha carta. Na mesma liña manifestase o PP de Ponteareas que presentou unha moción ao Pleno da Corporación Municipal para que todas as forzas políticas se sumen ao apoio a esta candidatura.

Para a Banda de Música Xuvenil de Xinzo, entre as razóns que avalan esta candidatura á mencionada distinción nacional atópanse a extensa carreira nacional e internacional do compositor ponteareán, divida entre Suíza e Galicia, e a súa ampla produción musical composta por máis de 700 obras. A Xunta destacou que isto, xunto cos recoñecementos recibidos ao longo da súa traxectoria, como A Medalla Castealo en 1995, lévano a ser considerado como o compositor galego máis prolífico do século XX.

Pola súa parte, o presidente da Banda de Música Xuvenil de Xinzo, Francisco Jesús Represas Carrera, expresou que “é un orgullo poder apoiar esta candidatura por todo o que representa tanto para Ponteareas como para Galicia”. “Este premio sería para Rogelio Groba o colofón e gran recoñecemento a toda a súa traxectoria artística”, destacou ademais o presidente da agrupación, engadindo que “este é un premio á música, unha linguaxe universal compartida por todo o mundo, polo que os motivos desta candidatura serán dabondo comprendidos”.

Músico, intérprete e compositor referente

O PP de Ponteareas na moción presentada ao Pleno, salienta que o Mestre Groba “é un músico, intérprete e compositor referente no eido do ensino e da difusión e proxección da cultura musical por todo o mundo, que temos o privilexio de coñecelo, de compartir con el moitas horas do seu tempo e da súa obra”. “É un orgullo para Ponteareas e queremos dar o noso apoio indiscutible a esa candidatura”, afirma a portavoz popular Belén Villar.

Na súa biografía destaca unha gran traxectoria musical inicialmente pertencendo a banda de música A Unión de Guláns, estudando no Conservatorio de Música en Madrid e dirixindo numerosas agrupacións musicais en Galicia, España e tamén en Suiza onde residiu durante varios anos.

Fundou a Orquestra do Conservatorio Superior de Música da Coruña e la Orquestra de Cámara Municipal, foi profesor e tamén a dirixiu durante vinte anos. Contribuíu á fundación de conservatorios superiores e profesionais de música en toda a xeografía galega.

Ten recoñecementos e distincións ao longo da súa vida, como o Premio Xunta de Galicia da Cultura (1992), a Medalla Castelao (1995), a mención ‘Gallego del Año’, en 2002, o premio Internacional Auditorio de Galicia 2004 ou o Premio Cultura Galega de Música (2011).

A Deputación inicia o proceso de contratación da esperada musealización do Castelo do Sobroso

A Deputación de Pontevedra da un novo paso cara a esperada musealización do Castelo do Sobroso ao aprobar, en Xunta de Goberno, o expediente de contratación cara a adxudicación do proxecto, que conta cun orzamento de máis de 300.000 euros. A previsión do ente provincial é que as actuacións estean rematadas ao longo deste verán, dotando con elas ao castelo dun equipamento museográfico actual e potenciando o seu atractivo acorde coas tendencias da demanda turística.

Este ambicioso proxecto mergullará ás persoas visitantes na historia da fortaleza apoiándose nas tecnoloxías audiovisuais do século XXI. Deste xeito, a Deputación aposta por un modelo turístico baseado nas experiencias cunha ruta dunha hora de duración e con grupos reducidos que poderá realizarse en galego, castelán ou inglés. Durante o percorrido as e os visitantes coñecerán a historia do castelo a través de sete pezas audiovisuais e a súa visita rematará co acceso á terraza, que estará equipada con atrís con imaxes panorámicas para permitir identificar todos os filtros e elementos da paisaxe.

O Castelo de Sobroso é un gran atractivo turístico da nosa provincia, que foi visitado en 2020 por preto de 11.000 persoas pese aos peches e as restricións derivadas da situación sanitaria. De feito, 3.500 destas visitas tiveron lugar entre xuño e agosto sumando máis que as realizadas durante o verán de 2019. Ademais, tras o confinamento, a Deputación integrou Sobroso no programa “Re-acción nos castelos”, que levou á fortaleza música, danza, teatro e obradoiros para nenas e nenos, enchendo o espazo de contido cultural seguro e esgotando todas as prazas dispoñibles.

A Concellería de Ensino de Redondela mellora as instalacións do EEI Cesantes

0

A concellería de Ensino do Concello de Redondela que xestiona Olga García Ballesteros, desenvolve nestas datas diferentes traballos de mellora no EEI Cesantes, obras longamente demandadas pola comunidade escolar e que abranguen tanto a aspectos estruturais do edificio como a dotacións para uso dos nenos e nenas.

No que ao edificio atinxe, procedeuse ao pintado de muros exteriores e fachada, así como a reparación do tellado para evitar filtracións de auga e humidades interiores. Asi mesmo procedeuse ao arranxo da tarima dunha das aulas ao adaptouse o baño adecuándoo á altura dos nenos e nenas.

En cando a dotacións para as cativas e cativos, a Concellería instalou un areneiro para xogos amais de terra para facer un montículo, elemento cada día máis utilizado nos centros escolares seguindo a idea da pedagoga italiana María Montessori que deseñou o que sería o ‘patio de xogos ideal’. Nel inclúense estes montículos para que “os nenos e nenas poidan gozar do descubrimento de zonas máis elevadas, poñerse a proba e mellorar as súas habilidades motrices”.

A alcaldesa de Redondela subliñou a importancia duns traballos “que eran unha reivindicación de hai anos por parte da comunidade escolar”. Ao igual que se fai no EEI Cesantes, asegurou Digna Rivas “irase facendo nas demais escolas unitarias para que os nosos nenos e nenas conten con instalacións cómodas e seguras”.

A Deputación adxudica as obras de ensanche e mellora da seguridade viaria da estrada Os Valos-Guizán en Redondela

0

Trala adxudicación da obra na Xunta de Goberno, a Deputación de Pontevedra iniciará en breve as obras de ensanche e mellora da seguridade viaria na EP-2906 Os Valos-Guizán en Redondela, unha ambiciosa actuación que suporá a transformación integral desta estrada, na que se reordena a circulación peonil, ciclista e rodada baixo o modelo de mobilidade segura e centrado nas persoas da Deputación. Nestes traballos a institución provincial investirá un orzamento de máis de 320.000 euros e se prevé que estean rematados nun prazo de 5 meses.

Trátase dunha obra moi ambiciosa e esperada que afecta a un tramo de 740 metros desta estrada, que ten un total de 2,9 quilómetros e conecta a PO-2602 co aeroporto de Peinador e a N-550. Este treito é o máis densamente poboado da vía, de xeito que esta reordenación integral busca mellorar a seguridade, promover unha mobilidade urbana sostible para favorecer o transporte ciclista e peonil e reducir as emisións de carbono. O proxecto está financiado na súa totalidade pola Deputación de Pontevedra, xa que a aportación do 30% do coste da obra que, segundo o convenio, ten que aportar o Concello de Redondela tamén se sufragará con recursos do Plan Concellos da institución provincial.

As obras contemplan a modificación da sección da estrada con solucións destinadas á mellora da mobilidade e o calmado de tráfico. Entre as actuacións previstas figura a creación na área de maior densidade dunha zona de convivencia entre peóns e vehículos, coa correspondente sinalización horizontal e vertical. Crearase amais un carril peonil e ciclista e, para elo, habilitarase unha franxa con elementos separadores, de 50 centímetros de anchura, a fin de protexer a senda peonil ciclista, que terá outros 2 metros de ancho. Instalaranse tamén pasos de peóns elevados para primar a mobilidade peonil.

A actuación tamén permitirá reducir a velocidade do tráfico no viario a 30 quilómetros por hora, mellorando as condicións de seguridade peonil, así como coa correspondente redución dos niveis de ruído, gases de efecto invernadoiro e emisións de CO2. Haberá para elo redutores de velocidade que tamén incidirán na seguridade da vía e no treito de plataforma única reducirase o límite aos 20 quilómetros por hora.

Amais, tamén se instalará un novo sistema de iluminación, coa substitución dos actuais farois, cun elevado consumo, por outros que reducirán o impacto enerxético e medioambiental. O alumeado optimizarase ás novas circunstancias de mobilidade integral. As obras completaranse co soterrado dos tendidos aéreos.

O parque canino de Mos ubicarase na área de lecer de Sanguiñeda

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, informaron de que o Concello xa ten determinada a localización para o parque para cans pioneiro en Galicia, que se construirá con financiación autonómica. A área de lecer canina integrarase no xa existente parque de Sanguiñeda, zona recreativa de gran extensión na que conviven o parque da auga, parque infantil, espazos verdes… e agora incorporará tamén un parque específico para cans.

O parque para cans de Sanguiñeda consistirá nun proxecto piloto innovador que irá máis aló dun clásico parque con permiso para acceso a cans, será un espazo especialmente habilitado para eles, con elementos para a práctica de ‘agility’ tales como tubos, balancíns, postes para facer zig zags, merendeiro con mesas para os donos, etc.

Segundo declarou o edil de Medio Ambiente, preténdese crear un área de esparcemento canino duns 1.500 metros cadrados de superficie e cun orzamento aproximado duns 50.000 euros.

[su_image_carousel source=”media: 29949,29947,29946,29945″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Esta área de lecer pretende dar servizo aos veciños e veciñas de Mos donos/as de cans, xa que na localidade mosense non existe a día de hoxe ningunha zona específica para cans. Este novo parque será ademais un lugar de encontro, unha zona verde agradable da que poida gozar a veciñanza mosense e sexa incluso un reclamo para visitas de xente doutros municipios; e que incluso poida acoller excursións de escolares que acudan ao parque para realizar actividades educativas con cans.

Está previsto que o parque estea dividido nunha zona para cachorros e outra para cans adultos, ademais dunha zona de ‘agility’ pensada para a actividade física das mascotas. O resto do parque constitúe unha zona xeral de esparexemento.

O parque constará dun valo que o rodee completamente, que non teña ocos por onde poidan escapar os cans, unha entrada pechada, con dobre porta a ser posible (de xeito que sexa un sitio seguro, sen risco de que se perdan ou poidan ser atropelados); espazo suficiente para que os que máis necesiten queimar enerxía poidan facelo; bancos para se sentar os donos, zonas con sombra, cubos para o lixo e bolsas para recoller excrementos, as máquinas para exercicio dos cans anteriormente citadas, iluminación, estacionamento para vehículos, e zonas con algún bebedoiro onde os donos lles poidan botar auga aos cans, ou fontes.

O chan do parque estará acabado con area húmida, un material adecuado para a pisada dos cans. Para o acceso ao parque estableceranse unhas normas de uso responsable dirixidas aos propietarios de mascotas que acudan ás instalacións. Deberán empregalas de maneira responsable, atendendo sempre ao cumprimento da normativa vixente. Para iso, instalarase un cartel informativo á súa entrada no que se atoparán as principais normas de uso por parte dos usuarios. O acceso ao parque estará permitido só aos cans que estean correctamente identificados e acompañados do seu propietario ou responsable maior de idade. Os propietarios deberán velar polo cumprimento de obrigacións básicas como pechar as portas dos recintos, recoller excrementos da súa mascota e velar polo seu bo comportamento. Non estará permitido o acceso ao recinto ás cadelas en estado de celo, os cans con carácter agresivo ou aqueles que leven elementos perigosos, como colares punzantes que poidan supoñer riscos a outros cans.

A idea deste proxecto é crear un parque / recinto para cans tratándose dunha infraestrutura existente en moi poucas localidades. En España, 1 de cada 4 fogares ten can e en Galicia estes últimos anos o censo de cans creceu notablemente sendo Pontevedra a provincia con máis cans por habitante.

Ponteareas contrata a redacción do proxecto de humanización da rúa Braña

O Goberno Municipal do Concello de Ponteareas vén de contratar o proxecto de humanización da rúa Braña. Trátase do primeiro paso para mellorar unha das principais rúas de acceso ao centro urbano de Ponteareas e que conecta unha das arterias principais, a Avenida de Castelao, coa zona máis céntrica da vila.

O pasado ano a concellaría de Mobilidade e Tráfico acometeu unha reordenación do tráfico e de ampliación dos espazos peonís na rúa da Braña. Por unha banda, pasou a ser de sentido único, reducíndose de forma drástica o tráfico de vehículos e a contaminación atmosférica e acústica. Por outra banda, as beirarrúas, que apenas acadaban 1,50 mts de anchura, ampliáronse substancialmente mediante o seu pintado sobre a calzada.

A contratación do proxecto de humanización pretende traducir eses cambios provisionais realizados con sinalizacións e pintados en melloras definitivas mediante obras de reurbanización da rúa.

O proxecto deberase adecuar ás directrices do Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel de Ponteareas que establece que as beirarrúas deberán ter coma mínimo unha anchura de 2,50 metros libres de atrancos. Trátase da anchura considerada mínima para que dúas persoas con paraugas aberto poidan pasar entre si sen necesidade de invadir a calzada. Por outra banda, o proxecto deberá definir melloras como a renovación do alumbrado público e o arborado. Na actualidade, a rúa da Braña, cunha lonxitude de 135 metros, non conta con ningunha árbore, nin bancos, nin ningunha clase de mobiliario urbano agás papeleiras. Ademais, o proxecto deberá contemplar a instalación na rúa dunha pantalla dixital para ofrecer información do Concello.

Segundo o Alcalde Xosé Represas, “pretendemos converter a rúa da Braña nun espazo residencial de calidade para a veciñanza, un lugar de paseo e estancia, de convivencia, agradábel, sombreado e atractivo comercialmente”. O estudo de arquitectura contratado para redactar o proxecto é o mesmo que deseñou a praza situada entre o Auditorio Reveriano Soutullo e o Mercado Municipal cuxas obras se concluiron o pasado ano 2020.

Pola súa banda, o concelleiro de Participación Cidadá, Roberto Mera adiantou a posta en marcha durante este mes de febreiro dun proceso de participación previo á redacción do proxecto para que a veciñanza, comerciantes e colectivos sociais e políticos fagan as súas suxestións e acheguen as súas aspiracións e ideas. Unha vez os arquitectos realicen a proposta de humanización darase a coñecer nun novo proceso de información pública.

O Grupo Socialista reúnese cos palangreiros da Guarda e comprométese a trasladar a súa situación ao Ministerio

0

A voceira de Pesca do Grupo Parlamentario Socialista, Patricia Otero, mantivo unha xuntanza de traballo cos palangreiros de superficie da Guarda en compañía do alcalde guardés, Antonio Lomba, para escoitar de primeira man as necesidades do sector e para coñecer a problemática relacionada coa pesca e comercialización do maraxo. No encontro participou tamén a deputada socialista por Pontevedra Leticia Gallego.

A reunión serviu para que os palangreiros representados polas asociacións, ORPAGU e a Asociación de Palangreros Guardeses, puidesen trasladar a situación na que se atopan ao Grupo Parlamentario Socialista, do que obtiveron o seu apoio e o compromiso de levar as súas “inquedanzas e necesidades” ao Ministerio.

Ademais, as deputadas socialistas aseguraron aos representantes do sector que seguirán en contacto con eles para coñecer a súa opinión nos distintos momentos.

Finalmente, a voceira de Pesca do PSdeG no Parlamento galego valorou os esforzos desta flota, dedicada á captura do marraxo de cara ao cumprimento da normativa internacional.

O Plan de Compostaxe da Guarda permitirá a creación dun Punto Verde

O Concello da Guarda, dentro da posta en marcha do seu Plan de Compostaxe que inclúe reparto de composteiros que permitirán a posta en marcha da compostaxe doméstica, vai a proceder á creación dun “punto verde” ao carón do Punto Limpo da Sangriña.

O principal obxectivo do “punto verde” é o tratamento da fracción vexetal mediante compostaxe, evitando así que teña que ser recollida, transportada e tratada mediante incineración ou vertido. Esta fracción supón case un 10% do total dos residuos municipais xerados e é fundamental para un bo proceso de compostaxe.

Este “punto verde” consistirá na realización dunha cuberta a carón do punto limpo, onde actualmente a veciñanza xa deposita o seu material vexetal, e terá como finalidade o acopio de material vexetal e a trituración dese material para obter “estruturante”, fundamental para o proceso de compostaxe.

Este proxecto estase a por en marcha grazas ás axudas en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e grazas á colaboración do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra.

Nigrán adhírese á estratexia transnacional ‘Stop Cortaderia’ para erradicar a ‘herba da pampa’

0

O Concello de Nigrán ven de adherirse á estratexía transnacional contra a cortaderia selloana que promove ‘Life Stop Cortaderia’ co obxectivo principal de por en marcha unha fronte común e internacional de loita contra a herba da pampa (moi recoñecible polos seus plumeiros) en todo o Arco Atlántico desde Portugal a Francia pasando polo litoral cantábrico.

O Concello está xa incluído nunha listaxe pública aloxada na web http://stopcortaderia.org/entidades-adheridas/ pasando a formar parte dunha rede de entidades contra Cortaderia, podendo utilizar o selo que confirma a adhesión. Grazas a este unión recibirá puntualmente noticias acerca dos avances sobre investigación e xestión da especie e terá acceso á información, documentos de resultados e conclusións dos traballos levados a cabo no marco de LIFE STOP Cortaderia, ademais de poder solicitar asesoramento técnico gratuíto.

A adhesión asínase despois de que o Concello anunciase a consignación de 12.000 € do seu orzamento 2021 para crear un plan estratéxico de erradicación da herba da pampa. O avance desta planta exótica en toda a comunidade, especialmente no litoral, é tamén moi visible en Nigrán, onde comeza a ameazar espazos naturais protexidos como o ecosistema dunar de Panxón ou o esteiro de A Foz.

“A súa presenza pon en perigo á biodiversidade biolóxica nativa e conleva unha alteración dos ecosistemas naturais, tendo unha capacidade de invasión descomunal. Xa hai algún exemplar en zonas especialmente sensibles, por iso desde o Concello non podemos agardar máis de brazos cruzados, temos que actuar xa para evitar a súa propagación concienciando á vez á veciñanza”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que ten xa ultimado o plan de acción local coa Asociación Galicia Ambiental.

“Iremos de menos a máis, intervindo nos plumeiros máis illados ou os localizados en espazos naturais, e para elo queremos facer partícipe á veciñanza e acadar que interveñan nas súas propiedades”, explica o rexedor. Así, o proxecto inclué no primeiro ano medidas de difusión cidadá e de contención evitando a propagación das sementes, para elo, crearase unha aplicación móbil na que calquera veciño poderá xeolocalizar a herba da pampa e o seu estado para ir directamente a cortar o plumeiro (sempre debe ser embolsado e posteriormente incinerado, xa que cada planta contén ata 1 millón de sementes que transporta o vento moi facilmente). O segundo ano extraeranse por completo as plantas en zonas de baixa presencia para despois ir ás de alta concentración (se fai falla empregarase maquinaria pesada), entre xuño e outubro repetiríase a eliminación dos plumeiros que queden e, finalmente, prepararanse os terreos para plantar especies autóctonas que dificulten o novo asentamento da cortaderia. Finalmente, o terceiro ano continuarase coa reforestación dos lugares ‘liberados’, extraendo novamente de xullo a outubro os plumeiros e finalizando con máis extraccións de plantas se fose o caso.

“Todo este plan debería ir acompañado dunha ordenanza municipal que regule a plantación e/ou conservación de especies invasoras, tanto no eido público como privado, xa que afecta á biodiversidade colectiva”, explican desde Galicia Ambiental, onde sitúan os movementos de terra para a construción da autoestrada do Val Miñor e o parque Porto do Molle como un dos momentos que máis beneficiaron a súa expansión na localidade (os traballos no terreo para construír infraestruturas favorecen moitísimo a súa implantación).

Emerxencia ecolóxica mundial

A cortaderia selloana, orixinaria de Sudamérica, é un problema de emerxencia ecolóxica en case todos os países do mundo. En España existen evidencias de que chegou a través de diferentes portos do Cantábrico en 1940. En Galicia, a construción da Autoestrada do Atlántico (AP9) veu acompañada do uso de numerosas plantas exóticas, entre elas a herba da pampa, que foi plantada de forma abundante no tramo A Coruña-Betanzos. Actualmente afecta xa a unha cuarta parte da comunidade autónoma de Galicia, sendo o litoral e cotas de altitude baixa e media as zonas máis afectadas.

“Queremos erradicala e concienciar á veciñanza de que ese plumeiro que tanto prolifera e que pode parecer ata decorativo é unha auténtica ameaza ao noso paisaxe e a nosa biodiversidade. Por iso o plan que levaremos adiante precisará da implicación de todos”, resume o alcalde.

Paco Ferreira, “goberno para facer pobo, non para gañar unhas eleccións”

0

Francisco Ferreira, ou Paco Ferreira como lle gusta que lle chamen, é alcalde de Gondomar por segundo mandato consecutivo. Home falador, aberto e espontáneo, gústalle chamarlle as cousas polo seu nome a risco de ser ‘politicamente incorrecto’. Pode que ese sexa o motivo polo que, tras un primeiro mandato convulso e complexo que comezou sendo un tripartito e rematou gobernando en minoría, o faga agora cunha maioría absoluta que, nas súas palabras, “non impide que busquemos consenso pero permite desenvolver os proxectos con maior axilidade”.

Onde está o segredo de rematar un mandato cunha minoría moi minoritaria, por chamalo dalgún xeito, a conseguir unha maioría absoluta nas urnas?
Non creo que haxa máis segredo que actuar con coherencia. Só hai que ser moi coherente cos plantexamentos que fas e, polo tanto, coa forma de gobernar. Sempre fun da teoría de facelo coa verdade por diante e con transparencia e, deste xeito, a cidadanía pode sacar unha radiografía de cada quen. É cuestión de esperar e o tempo pon a cada quen no seu sitio. Nese sentido, creo que no mandato pasado marcamos unha liña baseada neses dous conceptos: a coherencia e a transparencia.

Foi, porén, un mandato complicado xa dende os seus inicios…
Moi complicado e aínda así nós fomos quen de gobernar con lastres, incluso manter o goberno. Eu sabía que no momento en que, aos seis meses, unha parte dese Goberno abandona o mesmo, había todas as posibilidades especulativas para mocións de censura, faltas de apoio, etcétera. Pero houbo se cadra un punto de coherencia por parte de CABE, porque decididiu pasar á oposición e abandonar o Executivo e aí é onde se mantiveron todo ese tempo. Porén, outros socios decidiron facer oposición dende o Goberno e iso non é coherente, e sen dúbida non facilitábanos o traballo. Pero a veciñanza ve esas cousas, as valora á hora de votar e decidir sobre a quen poñer ao fronte do goberno do seu pobo, como así sucedeu.

Nese momento, é complexo decidir que liña seguir?
Non, se tés claro o que facer. Nós creo que fumos coherentes e mantivémonos na aposta firme de seguir traballando, de seguir gobernando para as veciñas e veciños e, logo e con toda a tranquilidade do mundo, sometémonos a un proceso electoral onde a xente, libremente, decidiu e elixiu. E eu creo sinceramente que elixiron, votaron á coherencia, á transparencia, ao sacrificio e ao traballo.

Paco Ferreira co secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero

Creo que o logro máis grande de Gondomar a día de hoxe é que recuperamos a normalidade política e que volve a ser un pobo tranquilo

Pódese deducir que a veciñanza, á hora de votar, apostaba pola normalidade política e a tranquilidade?
Creo que si porque, precisamente, aos outros grupos as liortas pasáronlle factura. Creo que o logro máis grande de Gondomar a día de hoxe é que recuperamos a normalidade política e que volve a ser un pobo tranquilo. Deixamos de saír nos medios de comunicación sempre por noticias negativas como a corrupción, polo transfuguismo e cousas dese estilo, para ser recoñecidos polo noso traballo a favor do desenvolvemento da vila e dos intereses dos seus habitantes.

Gondomar, agora, conta cun Goberno estable. Está sendo coñecido e recoñecido en positivo e iso é o mínimo que hai que facer cando che toca gobernar.

Unha maioría absoluta é un perigo? É dicir, córrese o risco aplicar o ‘rodillo’ e esquecer a necesidade de buscar consensos?
Non. Non o creo porque estou convencido de que iso vai moito na forma de ser da persoa. Verdadeiramente quen quere escoitar e ao que lle gusta escoitar, escoita exactamente igual cando ten maioría absoluta como cando non. Ben é certo, que ter os votos necesarios para facer cousas non nos impide dar explicacións á oposición para facela copartícipe dos nosos proxectos, pero algúns rexeitan esa vontade de cooperación que lle estás ofrecendo ,esquecendo que traballan para Gondomar coma o fai o Goberno. Nese caso, evidentemente, segues traballando e vas a un Pleno coa maioría que tés. Nese sentido, ter maioría axuda a gañar tempo e a sacar proxectos adiante que, doutra maneira ,non sería posible.

Dos proxectos realizados ata o de agora, hai dalgún do que se sinta especialmente orgulloso?
Creo que posiblemente da urbanización e do desbloqueo do polígono industrial da Pasaxe que, dende o ano 64 en que se instalou a primeira empresa, e despois de medio século, de todos os alcaldes que pasaron, dos gobernos da Xunta, agora nós conseguimos desbloquealo. Hai quen di que tiven a sorte de que me tocou a min…

E vostede que pensa?
Pois creo, sinceramente, que non foi así. Levamos cinco anos traballando moi duramente neste tema. (Rise) Cinco anos dan tempo a acabar unha carreira, e agora é unha realidade e atopámonos no proceso de licitación para comezar as obras de esa fase 1 que son case que 3,4 millóns de euros e a fase 2, na que entra Zona Franca, case que con 30 millóns. Estase polo tanto facendo un investimento de moitos cartos en Gondomar para crear emprego, máis de 3.000 postos de traballo directo e que, a maiores, permitirá urbanizar toda a zona, contar cunha rede de saneamento axeitada, instalar unha nova depuradora e unha planta de tratamento de auga potable. Estamos traballando, polo tanto, para dotar eses 600.000 metros cadrados de servizos, e isto convértenos nun motor económico non só do Val Miñor, senón do sur de Pontevedra.

Un antes e un despois para o municipio, non?
Evidentemente. Cando a Pasaxe estea en pleno funcionamento, haberá aí 7.000 postos de traballo directos como mínimo; haberá un fluxo de tráfico rodado e unha gran dinamización desas parcelas. Só no movemento de materiais vanse provocar unhas sinerxias importantísimas para a nosa comarca. A ampliación do polígono será un polo de atracción para novas empresas que virán instalarse en Gondomar e que xerarán unha actividade que dinamizará a restauración, os hoteis, a creación de novas vivendas… Polo tanto si. Estamos falando dun antes e un despois.

Unhas sinerxias, como dicía vostede, que tamén se notarán nas arcas municipais.
Sen dúbida, porque notarase na concesión de licencias, IAE, plusvalías. Agora mesmo, os ingresos do Concello están moi mermados e iso vai ser un soporte importante que permitirá a Gondomar ter uns orzamentos adecuados á realidade. Por poñer un exemplo, Nigrán, coa creación de Porto do Molle tivo unha inxección nas arcas municipais que duplicou os orzamentos.

Non se pode esquecer que dende logo un Concello que non teña ingresos dificilmente poden facer investimentos porque un orzamento non deixa de ser unha táboa contable: por un lado hai ingresos e por outros gastos e, ao final de ano, hai que calcular o haber, que non ten nada que ver co que ‘debe haber’.

Un piar o polígono da pasaxe e o outro, é de supoñer que é o PXOM…
Para nós a aprobación do PXOM é fundamental. A día de hoxe podemos dicir que, a pesar de todas as dificultades que leva aparelladas a tramitación dun documento destas características e pese aos constantes cambios normativos, Gondomar ten a pelota no tellado da Xunta de Galicia e a emisión do Informe de Avaliación Ambiental. Ese será o pistoletazo de saída para a aprobación inicial dese PXOM que queríamos levar adiante a comezos do 2021 e chegar ao final do mandato coa súa aprobación definitiva que, sen lugar a dúbidas, será o colofón do desenvolvemento para o concello de Gondomar dende o punto de vista demográfico, social, urbanístico, etc…

O que máis me gustaría comprobar, cando remate este mandato, é que dalgunha maneira contribuín a normalizar a vida de Gondomar

Chegados ao final de mandato, cal é o proxecto que lle gustaría deixar rematado. Dicir “isto, que era ao que máis ganas lle tiña, xa está feito”
Eu sei o que máis lle gustaría escoitar á veciñanza que, ao mellor, non coincide co que me gustaría a min. Á xente o que máis lle gustaría sería escoitar “teño o PXOM aprobado” pero a min o que máis me gustaría comprobar, cando remate este mandato, é que dalgunha maneira contribuín a normalizar a vida de Gondomar. Que o noso goberno dotou ao municipio de servizos, con infraestruturas necesarias para que a xente estea cómoda e contenta e onde a xente elixa Gondomar como lugar para vivir e criar aos seus fillos e fillas.

Co meu traballo, e o do meu equipo, quero ter contribuído a converter Gondomar nun municipio modélico e nun referente, unha localidade na que a veciñanza síntase orgullosa de dicir que vive aquí. Deixar de dicir que vive “nun concello ao lado de Vigo”, e chegar o día en que, cando nos pregunten por Vigo, poder dicir que é un concello que está ao lado de Gondomar.

Deixar o famoso turismo de sol e praia…
E que cada día son máis as persoas que buscan outra cousa; buscan paisaxes, buscan natureza, tranquilidade, sendeirismo, historia, patrimonio e outro tipo de actividades e, nese sentido, Gondomar ten o que a calquera concello lle gustaría ter, 75 quilómetros cadrados con ríos, regatos, casa solariegas, pazos, vistas, vexetación natureza, ofrece un sinfín de oportunidades.

En todo caso e ata agora, no caso de Gondomar, asemella que pouco explotado.
Agora comeza a estar explotado. De feito levamos moito traballando nesa liña sinalizando todos os puntos de interese cultural, tanto materiais como inmateriais, temos traballado en campañas de potenciación do turismo, familiar e paisaxístico, actualizando as páxinas web e roteiros a través de publicacións e dende logo agora podemos dicir que estamos no mapa de destinos a visitar, coñecer e gozar porque antes, desgraciadamente, non estabamos.

Non se vendía?
Non se vendía nada. Agora si pero temos que vender moito máis. Por exemplo estamos a pontenciar a figura do Conde de Gondomar, como un valor de interés histórico de Gondomar, persoeiro coñecido en todo o mundo, embaixador en Londres, correxidor perpetuo de Valladolid e a persoa que foi quen de poñer, no seu momento, a Francis Drake contra as cordas. O queremos poñer en valor dunha maneira moi significativa que é recollendo esa pegada na nosa bandeira.

Gondomar non ten bandeira?
Non. E cando chegas a un Goberno onde o Concello non ten a súa simboloxía representativa do territorio como calquera outro, entón algo falla. Non só potenciamos o escudo e a imaxe, senón que estamos elaborando a bandeira que xa está en mans da Comisión Heráldica da Xunta de Galicia. Hai pouco tempo tivemos a primeira xuntanza na que vimos os primeiros borradores e aí xa se recolle, digamos, a impronta do Conde de Gondomar.

É Gondomar o gran descoñecido do Val Miñor?
Non comparto esa afirmación e a historia do noso municipio dame a razón. De feito o Val Miñor ten puntos estratéxicos que están situados en Gondomar, entre eles o famoso Lugar de Encontro, no que se xuntaban comerciantes, tratantes de madeira… que é no cruceiro de Mañufe. Ese era un lugar de encontro e se dí que era o centro do Val Miñor.

Se falamos de mercado, feiras e todo o que representa o agro, Gondomar tiña moitísima importancia. Así como a súa riqueza patrimonial, natural e paisaxística ou a ampla vida social e cultural, que o están a converter nun punto de encontro de moitísima xente que nos visita cada ano.

Un tremendo potencial…
Si, certamente o potencial é tremendo. Non se trata de uns o de outros, de localismos, o que importa é o Val Miñor, o que importa son as rías Baixas e o que importa é Galicia, unha comunidade cuns recursos impresionantes e que é a máis esquecida. Se a comparamos con outras, estamos moi detrás en servizos e infraestruturas.

Temos que traballar todos os concellos para facer unha Galicia forte, fortalecer as áreas metropolitanas e as comarcas. A suma dos concellos, a suma de sinerxias é a que nos pon no mapa.

Chega este mandato, fanse plans, chega a COVID tira con todo e hai que emprender novos rumbos.
E tanto. Deixamos ao lado moitas cousas, moitos proxectos para centrarnos nas necesidades da veciñanza e, en especial, nas necesidades das familias máis vulnerables. De feito, xa o facíamos con anterioridade. Nestes últimos catro anos, levamos destinados case que tres millóns de euros, que se di pronto, para o Servizo de Axuda no Fogar e este ano seguiremos traballando na mesma liña, atendendo as necesidade reais da cidadanía, dos sectores que o precisen, máis neste momento no que a crise xerada trala pandemia incrementou as situacións críticas de moitas persoas e sectores afectados. O nosos Goberno estará a carón deles, promovendo iniciativas e accións para axudalos.

Nestes días falábase que a app destinada ao comercio non funcionaba moi ben. Porque se lle da máis importancia a un tema como este que aos investimentos en benestar social?
Porque é un tema máis sensible, que agora mesmo está máis en ebullición cun sector como o da hostalaría que o está a pasar moi mal e que está cos nervios a flor de piel. A oposición non vai dicir, “temos un goberno en Gondomar que fai investimentos en política social como ninguén fixo”. Enton que di, que app non funcionou e busca o aplauso fácil das persoas que o están pasando mal. Hai varias formas de facer política pero todo se reduce a dúas: quen goberna para gañar as eleccións e quen goberna para facer país. Houbo mandatos atrás en que se gobernaba para mellorar o país e ademais gañaban as eleccións. Eu goberno para facer pobo, non para gañar unhas eleccións.

Para nós, en política, non todo vale. Os hai que fan política utilizando ás persoas que o están pasando mal, aproveitándose de un desafiuzamento, do desemprego, da precariedade laboral, da falta de emerxencia social e fan un discurso para esas persoas que é o que queren escoitar. Nos preferimos non falar, traballar para as persoas e dar solucións reais e tanxibles.

A Xunta expedienta ao Concello por ampliar a Escola Infantil en 2006 sen autorización e infrinxindo a normativa

O goberno municipal anunciou a incoación dun expediente sancionador por parte da Xunta de Galicia en relación co funcionamento de dúas aulas da Escola Infantil Municipal. A decisión da administración autonómica afecta a 29 prazas dun centro que conta con 111 e ten unha elevada demanda de matrícula.

Entre 2015 e 2018, coincidindo co cambio de Goberno no Concello de Ponteareas, a Xunta realizou dúas inspeccións e o pasado mes de decembro abríu un expediente sancionador polas obras de ampliación para dúas aulas realizadas polo goberno do alcalde González Solla (Partido Popular) en 2006 e 2007. Esas obras, cun custo de 319.000 euros, executáronse infrinxindo as normas vixentes para este tipo de centros e as aulas abríronse sen autorización da Xunta. Agora a administración autonómica abre o expediente, cualifica a infracción como grave e propón unha sancion de 3.001 euros.

Para a concelleira de Benestar Social, a nacionalista Verónica Carrera, o acontecido é moi grave. “Como consecuencia da nefasta xestión daquel goberno, malgastáronse 319.000 euros nunhas obras de ampliación que non cumprían coa normativa vixente naquel momento e que agora non se poderán utilizar por esa incompetencia”. Por outra banda, a concelleira considera “curioso e extrano que a Xunta realizara as inspeccións desa obra e aulas a partires de 2015, cando se producíu o cambio de goberno local”.

Verónica Carrera sinalou que o “goberno municipal investigará o acontecido e quen é o responsábel directo de que en 2006, con González Solla como Alcalde, se fixeran unhas obras na Escola Infantil infrinxindo a normativa e sen autorización. É necesario depurar responsabilidades por investir 320.000 euros nunhas obras que agora non se poden empregar”, engadíu a concelleira de Benestar Social.

Para poder axustar as obras á legalidade e lograr a autorizacion da Xunta para o uso das aulas, os informes emitidos polos servizos técnicos municipais sinalan que se deberían investir 350.000 euros e realizar unhas obras que obrigarían a pechar toda a Escola durante un curso. A concelleira de Benestar explicou que “polo momento se optará por manter o funcionamento do resto da Escola e estudar outras alternativas de futuro para atender a demanda existente”.

Carrera lamentou ademais a falta de apoio da Xunta á Escola Infantil Municipal: “dos 577.000 euros que nos custa este servizo, o Concello asume case o 90 %, as familias o 6,5 % e a Xunta tan só o 5,9 %, é dicir, menos incluso cas familias. Ademais de contribuír con porcentaxes ridículas, agora deciden pechar parte da Escola”.

O prazo de presentación de proxectos para as axudas xestionadas polo GALP Ría Vigo-A Guarda remata o 1 de marzo

0

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo-A Guarda quere animar ás persoas emprendedoras dos concellos da súa área de influencia (Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda) a solicitar as liñas de axudas que proveñen da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e que canaliza esta entidade.

Actualmente, a convocatoria de axudas está aberta e o prazo de presentación remata o vindeiro 1 de marzo de 2021. Estes fondos que contribúen a mellorar e dinamizar o tecido socioeconómico potenciando as actividades relacionadas coa pesca.

Os proxectos que se presenten poden ser de dous tipos: para investimentos produtivos e para investimentos non produtivos. Os produtivos son aqueles que supoñen a realización dunha actividades económica e nos que se producen bens ou servizos e supoñen a creación ou mantemento de emprego. Os proxectos non produtivos non supoñen o inicio ou desenvolvemento dunha actividade económica e teñan carácter de interese público.

Unha das condicións para que os proxectos presentados opten á axuda é que encaixen dentro da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do GALP Ría de Vigo-A Guarda que centra os seus obxectivos, entre outras cuestións, na mellora da competitividade do sector pesqueiro, a creación de emprego e atracción da mocidade, o aumento do valor engadido dos produtos pesqueiros, a innovación en todas as fases da cadea de subministro dos produtos pesqueiros (produción, comercialización e distribución), e en actuar como garante dunha actividade sostible que promova o uso eficiente dos recursos biolóxicos mariños.

Hai moita diversidade entre os proxectos susceptibles de ser financiados mediante o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca (FEMP) e a Consellería do Mar. Durante 2020 proxectos de toda índole recibiron o impulso destas axudas como, por exemplo, a empresa HQ Seaweed dedicada á venda de algas para o consumo; a mellora da accesibilidade e a instalación de observatorios de aves no litoral do Concello de Nigrán; un novo albergue mariñeiro en Redondela; a proposta de Meseybuco S.L de deseño e desenvolvemento de roteiros turísticos en bicicleta; ou a creación dun aloxamento ‘glamping’.

Para máis información as persoas emprendedoras cunha idea de negocio a desenvolver no territorio poden chamar ao 986 35 81 09 ou ao 646 87 31 06; ou ben enviar un correo electrónico ao seguinte enderezo [email protected]. As persoas interesadas recibirán información sobre os prazos de presentación de solicitudes, así como de todos os trámites para a presentación e elaboración da documentación.

82.652 traballadores da provincia de Pontevedra acolléronse ao longo do ano pasado a ERTES

A subdelegada de Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, reunise onte por videoconferencia coa directora provincial do SEPE, Marta Estrada, para analizar o novo acordo social de prórroga dos ERTE e axudas a autónomos, que estará vixente ata o próximo 31 de maio.
Tal e como informou a directora provincial do SEPE, en Pontevedra no 2020 un total de 82.652 traballadores acolléronse a ERTES. En total, o Goberno pagou prestacións por valor de 190 millóns de euros nos dez últimos meses do ano pasado na provincia.

O novo acordo social, aprobado no mes de xaneiro e que foi publicado o pasado día 27, permitirá a todas as empresas afectadas por restricións que impidan ou limiten a súa actividade solicitar á autoridade laboral un ERTE de limitacións ou impedimentos en idénticos termos de tramitación e requisitos que na anterior normativa. A subdelegada incidiu na importancia deste tipo de axudas que “están dando cobertura a empresas e traballadores, garantindo deste xeito os salarios para eses traballadores e que as empresas non se vexan gravadas durante o período de crise sanitaria con cargas sociais”. Larriba subliñou a importancia deste instrumento, “fundamental para garantir o escudo social”.

As axudas para autónomos supoñen tamén unha gran mellora, xa que segundo explicou a subdelegada, “poderán solicitala todos aqueles profesionais que vexan reducidos os seus ingresos no primeiro semestre de 2021 nun 50 %, e non nun 75 % como ata agora”. A contía destas axudas é do 50 % da base de cotización e incrementarase nun 20 % se o autónomo é membro de familia numerosa. Ademais, serán compatibles con ingresos por valor de ata 1,25 o salario mínimo interprofesional. Estes profesionais estarán exonerados tamén do pago das cotas á Seguridade Social.

Tal e como informou a directora provincial do SEPE, na actualidade estas axudas están sendo tramitadas na súa meirande parte presencialmente. A día de hoxe, o 95 % do persoal do SEPE está atendendo ao cidadá de maneira presencial e con cita previa nas súas oficinas. Non obstante, todas aquelas persoas interesadas continúan podendo presentar a documentación para a súa tramitación a través da web oficial do organismo.

Descenso do número de traballadores en paro

Larriba analizou tamén xunto a Estrada o dato de desemprego na provincia do mes de xaneiro, que rexistrou unha caída do 2,08%. A subdelegada explicou que estas cifras “están en consonancia cos datos rexistrados en Galicia, onde, ao contrario do que aconteceu a nivel nacional, o paro viuse diminuído. Uns números que evidencian o dinamismo do noso mercado laboral”.

O descenso produciuse en todos os sectores de actividade, destacando a baixada rexistrada entre os traballadores sen emprego anterior e no sector servizos. Este sector rexistrou o 63 % dos novos contratos realizados no mes de xaneiro. Non obstante, dos case 25.000 novos contratos realizados en Pontevedra durante o primeiro mes do ano, o 91 % foron temporais.
Por outra parte, 43.428 persoas reciben algún tipo de prestación por desemprego na provincia, que suma unha nómina de máis de 41 millóns de euros.

O Concello pon en marcha dous novos centros de compostaxe comunitaria no Rosal

0

O Concello do Rosal continúa traballando para levar a cabo unha xestión global dos residuos cada vez máis sostible e respectuosa co medioambiente, fomentando entre outros aspectos a compostaxe. Por este motivo acaba de poñer en marcha dous novos centros de compostaxe comunitaria (CCC) que sumados ao composteiro comunitario que xa estaba en funcionamento permitirá atender a unhas 600 persoas e xestionar unhas 60 toneladas de materia orgánica ao ano.

Usando criterios de eficiencia ambiental e económica, estes dous novos centros están situados na contorna do núcleo urbano e permitirán ampliar a cobertura ás edificacións verticais dos barrios do Calvario, Couso e unha pequena parte do Casal e A Lomba, así como a varios produtores singulares e edificios municipais situados na súa contorna que tamén poderían beneficiarse destes centros para a xestión dos seus restos orgánicos. Os rosaleiros e rosaleiras poderán facer uso de calquera destes tres centros operativos ubicados na:

  • Rúa Manuel Suárez Marquier (a carón de Pequelandia).
  • Estrada da Gándara (a carón do Camiño de Barbuntín).
  • Rúa do Couso (a carón da Escola Unitaria do Couso).

Compostar en calquera destes tres centros de compostaxe comunitaria é sinxelo, cómodo, limpo e de balde. Para participar, as persoas interesadas só terán que inscribirse enchendo o formulario dispoñible ba web de medio ambiente do Rosal e seguir catro pasos: separar ben na casa os biorresiduos, depositalos no módulo do centro de compostaxe que elixan, cubrilos co estruturante que atoparán nun caixón anexo e pechar a tapa.

“O noso obxectivo é dotar a toda a veciñanza das ferramentas necesarias para que poidan xestionar os seus biorresiduos e colaborar na redución do impacto ambiental de residuos vivan onde vivan. Queremos potenciar a autocompostaxe nas vivendas e dar opcións para que todas aquelas persoas comprometidas co medio e que queiran compostar teñan unha alternativa incluso cando non dispoñen de espazo no seu fogar para colocar un composteiro individual. A finalidade é tratar de reducir o volume de residuos que acaban nos colectores de resto e que se deben tratar ou eliminar no vertedoiro”, explica Sara Vicente, concelleira de Medio Ambiente.

Esta iniciativa forma parte das accións postas en marcha ao abeiro da subvención de 48.000 euros acadada polo Concello para poñer en marcha un programa de prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos destinadas ao fomento da compostaxe in situ. Forma parte da liña de axudas posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Carmela Silva: “O proxecto de dotar de administración electrónica aos concellos está a ser unha revolución na provincia”

A Deputación de Pontevedra continúa traballando de cara a dixitalización da provincia ao aprobar en Xunta de Goberno un novo contrato do servizo de administración electrónica para as entidades locais. A presidenta provincial, Carmela Silva, indicou que se trata dun contrato por un prazo dun ano, prorrogable outros dous, e que conta cunha partida de 578.500 euros ao ano. “Con este investimento estamos a garantir que 54 concellos, 6 entidades locais menores e 4 mancomunidades poidan desenvolver este servizo. Falamos dun proxecto que está a ser unha revolución na provincia”, apuntou Silva, quen tamén lembrou que este investimento chega a todos os concellos de menos de 30.000 habitantes salvo Nigrán, Ribadumia, Marín e Vilanova, “que teñen o seu propio sistema e non se adheriron ao posto en marcha pola Deputación”. A presidenta destacou tamén que o concello de Sanxenxo solicitou formar parte deste proxecto de administración electrónica no mundo local.

Esta é unha das grandes apostas da Deputación, que leva investidos dende 2016 máis de dous millóns de euros en achegar a administración electrónica aos concellos da provincia, posto que maioría deles carecían desta prestación. O servizo levarase a cabo no marco do convenio asinado por concellos e Deputación, a través do cal é financiado nun 25% polos primeiros mentres que o ente provincial fai o propio co 75% restante. Deste xeito “a administración electrónica é unha realidade na provincia gracias á aposta da Deputación porque a dixitalización chegue á administración pública local”.

Grazas a este servizo os concellos contan co mantemento da plataforma de tramitación electrónica, a sede electrónica personalizada e o portal de xestión de procedemento ou expedientes electrónicos. Tamén inclúe tarefas de formación para as persoas traballadoras dos concellos, tendo formado ata o momento a 2.814 persoas técnicas que traballan nos concellos e a 1.367 cargos públicos municipais. Deste xeito, tal e como declarou Silva, “posibilítase a realización electrónica de calquera trámite dun procedemento administrativo, a xestión documental integral dos documentos, o arquivo electrónico, o funcionamento electrónico interno e o traballo de forma coordinada con outras administracións”.

Datos espectaculares

A presidenta provincial quixo facer un balance deste proxecto, grazas ao que dende 2016 “os concellos puideron evolucionar do papel ao expediente electrónico” e que tamén contou coa implantación da sinatura e as sedes electrónicas. Silva destacou que neste período “formalizáronse máis de 15,6 millóns de documentos por esta vía, máis de 2,5 millóns de documentos foron asinados electronicamente, realizáronse máis de dous millóns de rexistros telemáticos e tramitáronse 651.557 expedientes electrónicos”. Neste senso compre resaltar que os concellos da provincia contan con 5.390 persoas usuarias dadas de alta neste proxecto da Deputación.

Ademais, coa pandemia e co fin de garantir os servizos públicos municipais adaptándose á normativa sanitaria derivada da Covid-19 impulsáronse dúas novas prestacións: o módulo de reunións virtuais e retransmisión en directo e o servizo de cita previa. Neste eido, a presidenta provincial destacou que “se non fora grazas a este proxecto impulsado pola Deputación teríase caído toda a prestación de servizos e a actividade dos órganos colexiados neses 54 concellos”. Ademais, “a veciñanza da nosa provincia non se podería ter relacionado coa administración local porque, entre outras cousas, estivo pechada durante o período de confinamento. Polo tanto este proxecto tan potente fixo posible unha verdadeira atención ás necesidades da veciñanza”. Deste xeito, o servizo de reunións virtuais permitiu sesións telemáticas dos órganos colexiados, reunións, mesas de contratación e traballo colaborativo entre persoal funcionario a distancia. En total celebráronse 189 plenos municipais, 248 xuntas de goberno, 265 comisións informativas, 176 mesas de contratacións, 1.293 sesións para reunións de traballo interno e 119 sesións para a composición de tribunais. Realizáronse tamén 11.000 citas previas que permitiron levar a cabo preto de 9.000 atencións presenciais, 1.855 telefónicas e 50 telemáticas.

Vila Nova de Cerveira entrega dez novos ordenadores portátiles para o alumnado de ensino básico do Concello

A Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira entregou hoxe 10 novos ordenadores portátiles ao Agrupamento de Escolas do concello para apoiar o ensino a distancia que, por mor da evolución da pandemia da COVID-19, comezará novamente en Portugal o vindeiro 8 de febreiro. Os ordenadores entregados son o resultado da colaboración, para a produción de enerxía renovable, entre a Câmara Municipal e a empresa Empreendimentos Eólicos do Vale do Minho no âmbito (EEVM).

O grupo EEVM, sinala o Concello de Cerveira, ten contribuído e apoiado voluntariamente diversas iniciativas de carácter cultural e ambiental e alonga agora a súa axuda á área educativa.

A entrega destes 10 portátiles permite dar unha resposta máis áxil ás necesidades dos máis pequenos e pequenas do municipio no que atinxe ao ensino a distancia durante a actual situación de calamidade pública provocada pola COVID-19.

Cómpre salientar que durante o primeiro confinamento, en abril do ano pasado, a Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira xa puxera a disposición das familias máis desfavorecidas preto de 50 ordenadores portátles e tablets na modalidad de préstamo, aparellos que foron complementados con os repectivos router de acceso a internet.

O luns Portugal voltará ao ensino a distancia o vindeiro luns, motivo polo que, explica a Câmara Municipal, “realizará todos os esforzos indispensables para garantir que o ensino a distancia chegue a todos os alumnos e alumnas do municipio”.

Doutra banda, asegurarase a alimentación escolar a todo o alumnado que cumpra os criterios de apoio social definidos polo Goberno. Do mesmo xeito, a sede do Agrupamento de Escola de Vila Nova de Cerveira manterá as súas portas abertas para funcionar como local de acollida das nenas e nenos, menores de 12 anos, cuxos pais e nais traballen nun dos 32 servizos considerados esenciais polo correspondente Decreto Lei.

Iniciados os traballos de acondicionamento do aparcadoiro na rúa Sarmiento Rivera de Ponteareas

O Concello de Ponteareas iniciou hoxe os traballos de acondicionamento do novo aparcadoiro público da rúa Sarmiento Rivera. A parcela cedida ao Concello ten unha superficie de 6.500 m2 aínda que as actuacións abranguen aproximadamente 4.000 m2.

O novo aparcadoiro, situado fronte ao cuartel da Garda Civil, terá uns 4.000 m2 e preto de 200 prazas de estacionamento o que o converterán no máis grande dos existentes en Ponteareas. Atópase a 160 metros e 2 minutos da Casa do Concello e polo tanto do centro urbano.

Segundo explicou o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, o acondicionamento quedará concluido en varias semanas en función das condicións meteorolóxicas que poden retrasar os traballos.

O Concello de Ponteareas ampliou recentemente o aparcadoiro de Granitos de Galicia que pasou a contar con 133 prazas de estacionamento.