9 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorGondomarPaco Ferreira, “goberno para facer pobo, non para gañar unhas eleccións”

    Paco Ferreira, “goberno para facer pobo, non para gañar unhas eleccións”

    Francisco Ferreira, ou Paco Ferreira como lle gusta que lle chamen, é alcalde de Gondomar por segundo mandato consecutivo. Home falador, aberto e espontáneo, gústalle chamarlle as cousas polo seu nome a risco de ser ‘politicamente incorrecto’. Pode que ese sexa o motivo polo que, tras un primeiro mandato convulso e complexo que comezou sendo un tripartito e rematou gobernando en minoría, o faga agora cunha maioría absoluta que, nas súas palabras, “non impide que busquemos consenso pero permite desenvolver os proxectos con maior axilidade”.

    Onde está o segredo de rematar un mandato cunha minoría moi minoritaria, por chamalo dalgún xeito, a conseguir unha maioría absoluta nas urnas?
    Non creo que haxa máis segredo que actuar con coherencia. Só hai que ser moi coherente cos plantexamentos que fas e, polo tanto, coa forma de gobernar. Sempre fun da teoría de facelo coa verdade por diante e con transparencia e, deste xeito, a cidadanía pode sacar unha radiografía de cada quen. É cuestión de esperar e o tempo pon a cada quen no seu sitio. Nese sentido, creo que no mandato pasado marcamos unha liña baseada neses dous conceptos: a coherencia e a transparencia.

    Foi, porén, un mandato complicado xa dende os seus inicios…
    Moi complicado e aínda así nós fomos quen de gobernar con lastres, incluso manter o goberno. Eu sabía que no momento en que, aos seis meses, unha parte dese Goberno abandona o mesmo, había todas as posibilidades especulativas para mocións de censura, faltas de apoio, etcétera. Pero houbo se cadra un punto de coherencia por parte de CABE, porque decididiu pasar á oposición e abandonar o Executivo e aí é onde se mantiveron todo ese tempo. Porén, outros socios decidiron facer oposición dende o Goberno e iso non é coherente, e sen dúbida non facilitábanos o traballo. Pero a veciñanza ve esas cousas, as valora á hora de votar e decidir sobre a quen poñer ao fronte do goberno do seu pobo, como así sucedeu.

    Nese momento, é complexo decidir que liña seguir?
    Non, se tés claro o que facer. Nós creo que fumos coherentes e mantivémonos na aposta firme de seguir traballando, de seguir gobernando para as veciñas e veciños e, logo e con toda a tranquilidade do mundo, sometémonos a un proceso electoral onde a xente, libremente, decidiu e elixiu. E eu creo sinceramente que elixiron, votaron á coherencia, á transparencia, ao sacrificio e ao traballo.

    Paco Ferreira co secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero

    Creo que o logro máis grande de Gondomar a día de hoxe é que recuperamos a normalidade política e que volve a ser un pobo tranquilo

    Pódese deducir que a veciñanza, á hora de votar, apostaba pola normalidade política e a tranquilidade?
    Creo que si porque, precisamente, aos outros grupos as liortas pasáronlle factura. Creo que o logro máis grande de Gondomar a día de hoxe é que recuperamos a normalidade política e que volve a ser un pobo tranquilo. Deixamos de saír nos medios de comunicación sempre por noticias negativas como a corrupción, polo transfuguismo e cousas dese estilo, para ser recoñecidos polo noso traballo a favor do desenvolvemento da vila e dos intereses dos seus habitantes.

    Gondomar, agora, conta cun Goberno estable. Está sendo coñecido e recoñecido en positivo e iso é o mínimo que hai que facer cando che toca gobernar.

    Unha maioría absoluta é un perigo? É dicir, córrese o risco aplicar o ‘rodillo’ e esquecer a necesidade de buscar consensos?
    Non. Non o creo porque estou convencido de que iso vai moito na forma de ser da persoa. Verdadeiramente quen quere escoitar e ao que lle gusta escoitar, escoita exactamente igual cando ten maioría absoluta como cando non. Ben é certo, que ter os votos necesarios para facer cousas non nos impide dar explicacións á oposición para facela copartícipe dos nosos proxectos, pero algúns rexeitan esa vontade de cooperación que lle estás ofrecendo ,esquecendo que traballan para Gondomar coma o fai o Goberno. Nese caso, evidentemente, segues traballando e vas a un Pleno coa maioría que tés. Nese sentido, ter maioría axuda a gañar tempo e a sacar proxectos adiante que, doutra maneira ,non sería posible.

    Dos proxectos realizados ata o de agora, hai dalgún do que se sinta especialmente orgulloso?
    Creo que posiblemente da urbanización e do desbloqueo do polígono industrial da Pasaxe que, dende o ano 64 en que se instalou a primeira empresa, e despois de medio século, de todos os alcaldes que pasaron, dos gobernos da Xunta, agora nós conseguimos desbloquealo. Hai quen di que tiven a sorte de que me tocou a min…

    E vostede que pensa?
    Pois creo, sinceramente, que non foi así. Levamos cinco anos traballando moi duramente neste tema. (Rise) Cinco anos dan tempo a acabar unha carreira, e agora é unha realidade e atopámonos no proceso de licitación para comezar as obras de esa fase 1 que son case que 3,4 millóns de euros e a fase 2, na que entra Zona Franca, case que con 30 millóns. Estase polo tanto facendo un investimento de moitos cartos en Gondomar para crear emprego, máis de 3.000 postos de traballo directo e que, a maiores, permitirá urbanizar toda a zona, contar cunha rede de saneamento axeitada, instalar unha nova depuradora e unha planta de tratamento de auga potable. Estamos traballando, polo tanto, para dotar eses 600.000 metros cadrados de servizos, e isto convértenos nun motor económico non só do Val Miñor, senón do sur de Pontevedra.

    Un antes e un despois para o municipio, non?
    Evidentemente. Cando a Pasaxe estea en pleno funcionamento, haberá aí 7.000 postos de traballo directos como mínimo; haberá un fluxo de tráfico rodado e unha gran dinamización desas parcelas. Só no movemento de materiais vanse provocar unhas sinerxias importantísimas para a nosa comarca. A ampliación do polígono será un polo de atracción para novas empresas que virán instalarse en Gondomar e que xerarán unha actividade que dinamizará a restauración, os hoteis, a creación de novas vivendas… Polo tanto si. Estamos falando dun antes e un despois.

    Unhas sinerxias, como dicía vostede, que tamén se notarán nas arcas municipais.
    Sen dúbida, porque notarase na concesión de licencias, IAE, plusvalías. Agora mesmo, os ingresos do Concello están moi mermados e iso vai ser un soporte importante que permitirá a Gondomar ter uns orzamentos adecuados á realidade. Por poñer un exemplo, Nigrán, coa creación de Porto do Molle tivo unha inxección nas arcas municipais que duplicou os orzamentos.

    Non se pode esquecer que dende logo un Concello que non teña ingresos dificilmente poden facer investimentos porque un orzamento non deixa de ser unha táboa contable: por un lado hai ingresos e por outros gastos e, ao final de ano, hai que calcular o haber, que non ten nada que ver co que ‘debe haber’.

    Un piar o polígono da pasaxe e o outro, é de supoñer que é o PXOM…
    Para nós a aprobación do PXOM é fundamental. A día de hoxe podemos dicir que, a pesar de todas as dificultades que leva aparelladas a tramitación dun documento destas características e pese aos constantes cambios normativos, Gondomar ten a pelota no tellado da Xunta de Galicia e a emisión do Informe de Avaliación Ambiental. Ese será o pistoletazo de saída para a aprobación inicial dese PXOM que queríamos levar adiante a comezos do 2021 e chegar ao final do mandato coa súa aprobación definitiva que, sen lugar a dúbidas, será o colofón do desenvolvemento para o concello de Gondomar dende o punto de vista demográfico, social, urbanístico, etc…

    O que máis me gustaría comprobar, cando remate este mandato, é que dalgunha maneira contribuín a normalizar a vida de Gondomar

    Chegados ao final de mandato, cal é o proxecto que lle gustaría deixar rematado. Dicir “isto, que era ao que máis ganas lle tiña, xa está feito”
    Eu sei o que máis lle gustaría escoitar á veciñanza que, ao mellor, non coincide co que me gustaría a min. Á xente o que máis lle gustaría sería escoitar “teño o PXOM aprobado” pero a min o que máis me gustaría comprobar, cando remate este mandato, é que dalgunha maneira contribuín a normalizar a vida de Gondomar. Que o noso goberno dotou ao municipio de servizos, con infraestruturas necesarias para que a xente estea cómoda e contenta e onde a xente elixa Gondomar como lugar para vivir e criar aos seus fillos e fillas.

    Co meu traballo, e o do meu equipo, quero ter contribuído a converter Gondomar nun municipio modélico e nun referente, unha localidade na que a veciñanza síntase orgullosa de dicir que vive aquí. Deixar de dicir que vive “nun concello ao lado de Vigo”, e chegar o día en que, cando nos pregunten por Vigo, poder dicir que é un concello que está ao lado de Gondomar.

    Deixar o famoso turismo de sol e praia…
    E que cada día son máis as persoas que buscan outra cousa; buscan paisaxes, buscan natureza, tranquilidade, sendeirismo, historia, patrimonio e outro tipo de actividades e, nese sentido, Gondomar ten o que a calquera concello lle gustaría ter, 75 quilómetros cadrados con ríos, regatos, casa solariegas, pazos, vistas, vexetación natureza, ofrece un sinfín de oportunidades.

    En todo caso e ata agora, no caso de Gondomar, asemella que pouco explotado.
    Agora comeza a estar explotado. De feito levamos moito traballando nesa liña sinalizando todos os puntos de interese cultural, tanto materiais como inmateriais, temos traballado en campañas de potenciación do turismo, familiar e paisaxístico, actualizando as páxinas web e roteiros a través de publicacións e dende logo agora podemos dicir que estamos no mapa de destinos a visitar, coñecer e gozar porque antes, desgraciadamente, non estabamos.

    Non se vendía?
    Non se vendía nada. Agora si pero temos que vender moito máis. Por exemplo estamos a pontenciar a figura do Conde de Gondomar, como un valor de interés histórico de Gondomar, persoeiro coñecido en todo o mundo, embaixador en Londres, correxidor perpetuo de Valladolid e a persoa que foi quen de poñer, no seu momento, a Francis Drake contra as cordas. O queremos poñer en valor dunha maneira moi significativa que é recollendo esa pegada na nosa bandeira.

    Gondomar non ten bandeira?
    Non. E cando chegas a un Goberno onde o Concello non ten a súa simboloxía representativa do territorio como calquera outro, entón algo falla. Non só potenciamos o escudo e a imaxe, senón que estamos elaborando a bandeira que xa está en mans da Comisión Heráldica da Xunta de Galicia. Hai pouco tempo tivemos a primeira xuntanza na que vimos os primeiros borradores e aí xa se recolle, digamos, a impronta do Conde de Gondomar.

    É Gondomar o gran descoñecido do Val Miñor?
    Non comparto esa afirmación e a historia do noso municipio dame a razón. De feito o Val Miñor ten puntos estratéxicos que están situados en Gondomar, entre eles o famoso Lugar de Encontro, no que se xuntaban comerciantes, tratantes de madeira… que é no cruceiro de Mañufe. Ese era un lugar de encontro e se dí que era o centro do Val Miñor.

    Se falamos de mercado, feiras e todo o que representa o agro, Gondomar tiña moitísima importancia. Así como a súa riqueza patrimonial, natural e paisaxística ou a ampla vida social e cultural, que o están a converter nun punto de encontro de moitísima xente que nos visita cada ano.

    Un tremendo potencial…
    Si, certamente o potencial é tremendo. Non se trata de uns o de outros, de localismos, o que importa é o Val Miñor, o que importa son as rías Baixas e o que importa é Galicia, unha comunidade cuns recursos impresionantes e que é a máis esquecida. Se a comparamos con outras, estamos moi detrás en servizos e infraestruturas.

    Temos que traballar todos os concellos para facer unha Galicia forte, fortalecer as áreas metropolitanas e as comarcas. A suma dos concellos, a suma de sinerxias é a que nos pon no mapa.

    Chega este mandato, fanse plans, chega a COVID tira con todo e hai que emprender novos rumbos.
    E tanto. Deixamos ao lado moitas cousas, moitos proxectos para centrarnos nas necesidades da veciñanza e, en especial, nas necesidades das familias máis vulnerables. De feito, xa o facíamos con anterioridade. Nestes últimos catro anos, levamos destinados case que tres millóns de euros, que se di pronto, para o Servizo de Axuda no Fogar e este ano seguiremos traballando na mesma liña, atendendo as necesidade reais da cidadanía, dos sectores que o precisen, máis neste momento no que a crise xerada trala pandemia incrementou as situacións críticas de moitas persoas e sectores afectados. O nosos Goberno estará a carón deles, promovendo iniciativas e accións para axudalos.

    Nestes días falábase que a app destinada ao comercio non funcionaba moi ben. Porque se lle da máis importancia a un tema como este que aos investimentos en benestar social?
    Porque é un tema máis sensible, que agora mesmo está máis en ebullición cun sector como o da hostalaría que o está a pasar moi mal e que está cos nervios a flor de piel. A oposición non vai dicir, “temos un goberno en Gondomar que fai investimentos en política social como ninguén fixo”. Enton que di, que app non funcionou e busca o aplauso fácil das persoas que o están pasando mal. Hai varias formas de facer política pero todo se reduce a dúas: quen goberna para gañar as eleccións e quen goberna para facer país. Houbo mandatos atrás en que se gobernaba para mellorar o país e ademais gañaban as eleccións. Eu goberno para facer pobo, non para gañar unhas eleccións.

    Para nós, en política, non todo vale. Os hai que fan política utilizando ás persoas que o están pasando mal, aproveitándose de un desafiuzamento, do desemprego, da precariedade laboral, da falta de emerxencia social e fan un discurso para esas persoas que é o que queren escoitar. Nos preferimos non falar, traballar para as persoas e dar solucións reais e tanxibles.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.