O Concello do Rosal segue a dar pasos para a posta en marcha do novo mercado municipal, un espazo vivo no que fomentar a compra de produto local e que dinamice económica e socialmente o núcleo urbano do Calvario. A Xunta de Goberno aprobou esta semana as bases de licitación para a explotación de dous novos postos, un destinado á venda de froitas e verduras e outro á alimentación xeral e tenda de conveniencia.
O goberno municipal dará traslado destas bases ao Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), que as publicará nos vindeiros días. As persoas interesadas en presentar as súas ofertas para a cobertura das vacantes terán 15 días naturais a partir do día seguinte ao da súa publicación no BOPPO e no perfil do contratante do Concello do Rosal aloxado na plataforma de contratación do sector público. As propostas deberán presentarse unicamente a través do Rexistro Xeral do Concello do Rosal en horario de 9 a 14 horas de luns a venres.
A concesión outorgarase por un prazo de 10 anos, con posibilidade de prórroga outros cinco.
Postos
Os Concello saca a licitación o posto número 3 do mercado, situado nun dos laterais da praza de abastos, de 9,45 metros cadrados e destinado a alimentación en xeral e tenda de conveniencia. Trátase dun posto con acabados de chan, paredes e teitos sen peche e sen espazo de cámara. Ten toma de fontanaría para vertedoiro para colocación de termo eléctrico, con catro puntos de luz mediante foco orientable en teito, catro enchufes estancos de corrente e rede de saneamento con dúas tomas en reserva.
Por outra banda, tamén está dispoñible o posto número 4, de 13.90 metros cadrados e destinado á venda de froitas e verduras. Situado na zona central do mercado dispón de mesado horizontal e vertical de exposición de produto e mostrador en todo o perímetro, cunha franxa de 45cm exterior ao posto para exposición. Inclúe estrutura colgada de aceiro para soporte de iluminación e elementos auxiliares, toma de fontanaría, sete puntos de luz mediante foco orientable en carril, catro enchufes estancos de corrente e rede de saneamento con dúas tomas en reserva.