12 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiO Concello de Tui amplía a capacidade de depósito do arquivo municipal

    O Concello de Tui amplía a capacidade de depósito do arquivo municipal

    Adquiríronse novos armarios compactos, así coma deshumidificadores e termohigrómetros para garantir as condicións axeitadas de conservacións da documentación

    O Concello de Tui vén de ampliar a capacidade de depósito do Arquivo Municipal de Tui coa instalación de novos módulos de armarios tipo compactus para a documentación administrativa do Concello tudense. Coa instalación destes novos módulos o Arquivo Municipal tudense incrementa en máis de 80 metros lineais de estantes a capacidade dos seus depósitos.

    Tamén foron adquiridos deshumidificadores e termohigrómetros para garantir as condicións axeitadas de conservacións da documentación e algunha peza de mobiliario de oficina.

    Realizouse un investimento de case 7.000 euros ao abeiro dunha baixa nunha obra promovida pola Deputación Provincial de Pontevedra que ten facilitado esta importante mellora no Arquivo Municipal, que precisa incrementar a capacidade dos seus depósitos para custodiar a documentación municipal.

    O Arquivo Municipal recolle documentos dende 1.597 ata a actualidade. Está composto por máis de 6.300 unidades de instalación cos instrumentos suficientes para o seu manexo e control, especialmente a base de datos do inventario descritivo formado por mais de 36.000 rexistros que detallan a nivel de expediente a maior parte dos fondos. O Arquivo Municipal de Tui xunto coa documentación administrativa que corresponde basicamente ao século XIX e XX, posúe unha importante documentación histórica. Esta documentación consta de 145 libros, de entre os anos 1597 e 1834, en soporte papel e encadernados en pergameo. Deles, 115 corresponden aos libros de acordos municipais e cartas ordes de 1597 – 1775; 5 libros con documentación varia de 1705-1771; 16 libros de copias das actas da Xunta do Reino de Galicia entre os anos 1608 e 1834 e 3 libros Reais do Catastro do Marqués da Ensenada da cidade de Tui e freguesía de San Xurxo de Saiáns. Salienta tamén  un pergamiño, escrito en portugués, datado en 1688, que facía de tapa doutro documento  que corresponde a unha “carta de quitaçao” dada polo rei de Portugal Pedro ós herdeiros de Ignacio Monteiro de Souza, almoxarife falecido que prestaba os seus servizos na “Caça do Passo da Madeira”.  Esta documentación histórica estaba depositada no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra dende o ano 1943 e foi recuperada polo Concello de Tui no ano 2012.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.