10.4 C
Pontevedra
Martes, 16 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaCarmela Silva: "O proxecto de dotar de administración electrónica aos concellos está...

    Carmela Silva: “O proxecto de dotar de administración electrónica aos concellos está a ser unha revolución na provincia”

    O goberno aprobou onte o novo contrato “para impulsar aínda máis un programa tan ambicioso que o cambiou todo”, e no que leva investidos máis de 2 millóns de euros

    A Deputación de Pontevedra continúa traballando de cara a dixitalización da provincia ao aprobar en Xunta de Goberno un novo contrato do servizo de administración electrónica para as entidades locais. A presidenta provincial, Carmela Silva, indicou que se trata dun contrato por un prazo dun ano, prorrogable outros dous, e que conta cunha partida de 578.500 euros ao ano. “Con este investimento estamos a garantir que 54 concellos, 6 entidades locais menores e 4 mancomunidades poidan desenvolver este servizo. Falamos dun proxecto que está a ser unha revolución na provincia”, apuntou Silva, quen tamén lembrou que este investimento chega a todos os concellos de menos de 30.000 habitantes salvo Nigrán, Ribadumia, Marín e Vilanova, “que teñen o seu propio sistema e non se adheriron ao posto en marcha pola Deputación”. A presidenta destacou tamén que o concello de Sanxenxo solicitou formar parte deste proxecto de administración electrónica no mundo local.

    Esta é unha das grandes apostas da Deputación, que leva investidos dende 2016 máis de dous millóns de euros en achegar a administración electrónica aos concellos da provincia, posto que maioría deles carecían desta prestación. O servizo levarase a cabo no marco do convenio asinado por concellos e Deputación, a través do cal é financiado nun 25% polos primeiros mentres que o ente provincial fai o propio co 75% restante. Deste xeito “a administración electrónica é unha realidade na provincia gracias á aposta da Deputación porque a dixitalización chegue á administración pública local”.

    Grazas a este servizo os concellos contan co mantemento da plataforma de tramitación electrónica, a sede electrónica personalizada e o portal de xestión de procedemento ou expedientes electrónicos. Tamén inclúe tarefas de formación para as persoas traballadoras dos concellos, tendo formado ata o momento a 2.814 persoas técnicas que traballan nos concellos e a 1.367 cargos públicos municipais. Deste xeito, tal e como declarou Silva, “posibilítase a realización electrónica de calquera trámite dun procedemento administrativo, a xestión documental integral dos documentos, o arquivo electrónico, o funcionamento electrónico interno e o traballo de forma coordinada con outras administracións”.

    Datos espectaculares

    A presidenta provincial quixo facer un balance deste proxecto, grazas ao que dende 2016 “os concellos puideron evolucionar do papel ao expediente electrónico” e que tamén contou coa implantación da sinatura e as sedes electrónicas. Silva destacou que neste período “formalizáronse máis de 15,6 millóns de documentos por esta vía, máis de 2,5 millóns de documentos foron asinados electronicamente, realizáronse máis de dous millóns de rexistros telemáticos e tramitáronse 651.557 expedientes electrónicos”. Neste senso compre resaltar que os concellos da provincia contan con 5.390 persoas usuarias dadas de alta neste proxecto da Deputación.

    Ademais, coa pandemia e co fin de garantir os servizos públicos municipais adaptándose á normativa sanitaria derivada da Covid-19 impulsáronse dúas novas prestacións: o módulo de reunións virtuais e retransmisión en directo e o servizo de cita previa. Neste eido, a presidenta provincial destacou que “se non fora grazas a este proxecto impulsado pola Deputación teríase caído toda a prestación de servizos e a actividade dos órganos colexiados neses 54 concellos”. Ademais, “a veciñanza da nosa provincia non se podería ter relacionado coa administración local porque, entre outras cousas, estivo pechada durante o período de confinamento. Polo tanto este proxecto tan potente fixo posible unha verdadeira atención ás necesidades da veciñanza”. Deste xeito, o servizo de reunións virtuais permitiu sesións telemáticas dos órganos colexiados, reunións, mesas de contratación e traballo colaborativo entre persoal funcionario a distancia. En total celebráronse 189 plenos municipais, 248 xuntas de goberno, 265 comisións informativas, 176 mesas de contratacións, 1.293 sesións para reunións de traballo interno e 119 sesións para a composición de tribunais. Realizáronse tamén 11.000 citas previas que permitiron levar a cabo preto de 9.000 atencións presenciais, 1.855 telefónicas e 50 telemáticas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.