O Concello de Nigrán ven de dotar dun novo sistema de renovación de aire e climatización ao Centro Antena Municipal cun investimento de 28.000 € que permite adaptalo a toda a lexislación vixente ao respecto. Este incluíu á totalidade das estancias, incluíndo as actualmente cedidas a Protección Civil. As obras, adxudicadas á empresa Aermov, consistiron na instalación do sistema de renovación de aire mediante recuperadores de calor con motores eléctricos de baixo consumo, distribución do aire novo e captación do viciado mediante condutores e rexas.
“A importancia dunha correcta renovación do aire está hoxe en día máis vixente que nunca debido ao Covid-19, polo que esta obra é tamén un investimento en seguridade sanitaria”, explica o alcalde, Juan González.
O Centro Antena, situado na rúa Otero Pedrayo 52, conta cunha sala de novas tecnoloxías con conexión a Internet banda ancha 10 Mbps con 16 equipos (dous adaptados); sala de formación, reunión e exposición con capacidade para 65 persoas; departamento de orientación laboral; aulas de formación con capacidade para quince persoas e unha área de recepción e atención ao público. Tamén conta coa sede de Protección Civil no Val Miñor.