9.7 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaOs concellos miñotos coa máxima expectativa ante a posibilidade de apertura de...

    Os concellos miñotos coa máxima expectativa ante a posibilidade de apertura de máis pasos na fronteira con Portugal

    O vicedirector do AECT Uxío Benítez acolleu con satisfacción a dispoñibilidade do ministro portugués de Administración Interna de modificar horarios e número de controis

    O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial AECT Rio Miño manifestou hoxe que os concellos miñotos manteñen a “máxima expectativa” ante a posibilidade de apertura de máis pasos na fronteira con Portugal, unha medida que poderá ser concretada nos vindeiros días e que o ministro de Administración Interna de Portugal Eduardo Cabrita deixou aberta nunhas declaracións públicas.

    O vicedirector do AECT Uxío Benítez explicou que os presidentes de cámara portugueses mantiveron contactos informais co goberno central portugués, o máis ríxido á hora de manter o peche da raia, e salientou que “a pesar de non recibir información oficial, satisfacen as declaracións dadas por Eduardo Cabrita, que deixou en aberto a posibilidade de alterar horarios nas fronteiras terrestres ou o número de postos de paso obrigatoria”.

    “Os concellos miñotos de Pontevedra e do Alto Minho agardan con moita expetativa que, nos próximos días, sexa anunciado o reverso total da medida actualmente en vigor relativamente ao peche das fronteiras, de forma que sirva aos reais e necesarios intereses das traballadoras e dos traballadores transfronteirizos, así como dos transportes de mercadorías”, subliñou.

    Benítez subliñou que é preciso que se abran todos os pasos existentes e se habiliten controis de maneira continua (24h) posto que, segundo subliñou, os horarios das empresas e do persoal laboral dunha e doutra beira do río son moi variados. Lembrou que o actual paso de Salvaterra, só aberto dúas horas pola mañá e dúas pola tarde, non supón ningún beneficio para traballadoras e traballadores, xa que ao traballar en quendas vense igualmente obrigados a cruzar o río a través do único paso autorizado de Tui por non coincidir os horarios.

    Benítez amosou a súa confianza en que a parte do goberno portugués reconsidere a situación, e lembrou que na parte española, oficialmente, o delegado do Goberno manifestou a súa disposición a abrir os pasos necesarios, mais sempre mediante un acordo diplomático cos mandatarios lusos. “Agardemos que o erro non se siga a manter”, subliñou.

    A fronteira entre Pontevedra e o Alto Minho portugués ten 70 quilómetros, sendo o 5% dos 1.200 quilómetros de toda a raia ibérica, sen embargo asume o 50% de todo o tránsito de vehículos entre España e Portugal polas seis pontes sobre o Miño. Hai contabilizados arredor de 6.000 traballadores transfronteirizos que deben cruzar a fronteira diariamente.

    O pasado xoves, alcaldes e alcaldesas da raia protestaron polo actual peche de fronteiras e lanzaron un SOS. Aseguraron que se está a castigar aos traballadores e traballadoras transfronteirizos ao manter só un único paso aberto (o da ponte internacional de Tui), gastando cartos en combustible e tempo dando rodeos de ducias de quilómetros para acudir aos seus postos laborais, porque os gobernos centrais non poñen máis controis (guardas portugueses e garda civil) nos demais postos da fronteira.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.