Martes, 10 Decembro de 2024

A Banda de Música Xuvenil de Xinzo e o PP de Ponteareas súmanse aos apoios da candidatura de Rogelio Groba aos Premios Princesa de Asturias

A Xunta de Galicia vai propoñer ao músico e compositor Rogelio Groba Groba (Ponteareas, 1930) para a concesión do Premio Princesa de Asturias das Artes 2021. Tanto a Banda de Música Xuvenil de Xinzo como a súa Fundación móstranse favorable a esta proposta e o seu apoio xa foi transmitido á Xunta mediante unha carta. Na mesma liña manifestase o PP de Ponteareas que presentou unha moción ao Pleno da Corporación Municipal para que todas as forzas políticas se sumen ao apoio a esta candidatura.

Para a Banda de Música Xuvenil de Xinzo, entre as razóns que avalan esta candidatura á mencionada distinción nacional atópanse a extensa carreira nacional e internacional do compositor ponteareán, divida entre Suíza e Galicia, e a súa ampla produción musical composta por máis de 700 obras. A Xunta destacou que isto, xunto cos recoñecementos recibidos ao longo da súa traxectoria, como A Medalla Castealo en 1995, lévano a ser considerado como o compositor galego máis prolífico do século XX.

Pola súa parte, o presidente da Banda de Música Xuvenil de Xinzo, Francisco Jesús Represas Carrera, expresou que “é un orgullo poder apoiar esta candidatura por todo o que representa tanto para Ponteareas como para Galicia”. “Este premio sería para Rogelio Groba o colofón e gran recoñecemento a toda a súa traxectoria artística”, destacou ademais o presidente da agrupación, engadindo que “este é un premio á música, unha linguaxe universal compartida por todo o mundo, polo que os motivos desta candidatura serán dabondo comprendidos”.

Músico, intérprete e compositor referente

O PP de Ponteareas na moción presentada ao Pleno, salienta que o Mestre Groba “é un músico, intérprete e compositor referente no eido do ensino e da difusión e proxección da cultura musical por todo o mundo, que temos o privilexio de coñecelo, de compartir con el moitas horas do seu tempo e da súa obra”. “É un orgullo para Ponteareas e queremos dar o noso apoio indiscutible a esa candidatura”, afirma a portavoz popular Belén Villar.

Na súa biografía destaca unha gran traxectoria musical inicialmente pertencendo a banda de música A Unión de Guláns, estudando no Conservatorio de Música en Madrid e dirixindo numerosas agrupacións musicais en Galicia, España e tamén en Suiza onde residiu durante varios anos.

Fundou a Orquestra do Conservatorio Superior de Música da Coruña e la Orquestra de Cámara Municipal, foi profesor e tamén a dirixiu durante vinte anos. Contribuíu á fundación de conservatorios superiores e profesionais de música en toda a xeografía galega.

Ten recoñecementos e distincións ao longo da súa vida, como o Premio Xunta de Galicia da Cultura (1992), a Medalla Castelao (1995), a mención ‘Gallego del Año’, en 2002, o premio Internacional Auditorio de Galicia 2004 ou o Premio Cultura Galega de Música (2011).