Xoves, 19 Xuño de 2025

O documental sobre a tradición cesteira de Mondariz comeza a súa xira en Verín

0

O documental, enmarcado nun proxecto de recuperación do oficio tradicional de cesteiro en Mondariz, está producido pola compañía EscénaTe e conta con recoñecidos cineastas galegos no seu equipo artístico, como o director Fon Cortizo e o guionista Alexandre Cancelo.

A historia do último mestre cesteiro de Mondariz, Enrique Táboas, serve de fío para tecer narrativamente a memoria colectiva do oficio e os aspectos culturais que o rodeaban, como o verbo dos cesteiros da localidade e a íntima relación coa natureza.

Despois da súa estrea oficial no Concello de Mondariz o pasado 30 de xullo, en véspera da Feira dos Oficios Artesáns desta localidade, o documental inicia unha xira por diferentes roteiros xacobeos no Concello de Verín este venres, 20 de agosto de 2021.

Punto de partida

Durante xeracións e xeracións, Mondariz atesourou unha tradición cesteira propia moi apreciada en Galicia e mesmo en Portugal que se caracterizaba polo uso de láminas de madeira, en vez de vimes, e polo refinamento da confección artesanal. Até as últimas décadas do século XX, eran poucas as casas do Concello de Mondariz que non tiñan cesteiros na familia. Nunha economía de subsistencia, a artesanía era a actividade que permitía obter ingresos. O oficio transmitíase de pais a fillos, tanto no taller como no monte, pois o coñecemento das árbores que servían de materia prima para os cestos, como os castiñeiros e os carballos, era tan importante como a técnica na utilización das ferramentas.

Os cesteiros de Mondariz, ademais de vender os seus produtos nas feiras da contorna, como Ponteareas ou O Porriño, traballaban como artesáns itinerantes durante boa parte do ano. Ás localidades da costa atlántica ían para elaborar e suministrar patelas, un tipo de cesto cadrado con bordo baixo que era empregado principalmente para gardar o peixe. Ao interior da provincia de Ourense desprazábanse para fabricar cestos destinados á vendima e outros labores agrícolas. O gremio de cesteiros da localidade mesmo chegou a desenvolver un verbo propio para comunicarse entre si. Este, sen embargo, foise perdendo nas últimas décadas do século XX coa progresiva diminución de artesáns.

A chegada dos produtos de plástico, moito máis baratos que os cestos tradicionais de láminas de madeira, deu a estocada final ao oficio, que deixou de ser rendible e mesmo interesante para as novas xeracións. Hoxe en día, tan só existe un cesteiro en activo que conserva a tradición artesanal de Mondariz. Trátase de Enrique Táboas (1955), fillo e neto de cesteiros de Mondariz, pero asentado en Sanxenxo.

Un documental que aporta visión de futuro sobre o oficio

A historia de Enrique Táboas, como último mestre cesteiro de Mondariz, serve de fío para tecer narrativamente a memoria colectiva do oficio e os aspectos culturais que o rodeaban, como o verbo dos cesteiros e a íntima relación coa natureza. Mais esta non é a única fonte do documental, que tamén recolle as testemuñas doutras persoas relacionadas coa tradición cesteira da localidade desde diferentes perspectivas, como o etnógrafo Clodio González, experto en arte popular; o filólogo Jorge Rodrigues, experto en xergas gremiais; a cesteira contemporánea Idoia Cuesta, fincada na Galicia rural e renovadora do oficio; ou veciños e veciñas de Mondariz que comparten as súas memorias sobre aquel modo de vida extinguido.

O documental non se presenta como unha obra audiovisual etnográfica, senón como un traballo de recuperación da memoria colectiva con clara visión de futuro. Aspectos como a contribución das mulleres e a relación da comunidade cesteira con medio natural teñen un gran protagonismo e conectan co presente e co futuro.

A produción do documental corre a cargo do Concello de Mondariz, como institución receptora da axuda do programa O Teu Xacobeo que financia o proxecto, e da compañía EscénaTe, liderada por Santiago Pérez, vencellado familiarmente a Mondariz. No seu equipo artístico figuran recoñecidos nomes do panorama audiovisual galego, como o director Fon Cortizo, que foi premiado na última edición do Festival Internacional de Cine de Xixón coa súa longametraxe “9 Fugas”, ou o guionista Alexandre Cancelo, que tamén acredita unha
prometedora traxectoria como creador audiovisual.

Detrás hai un ambicioso proxecto de recuperación

A produción deste documental contextualízase nun proxecto máis ambicioso de recuperación de saberes, desenvolvemento económico local e sostibilidade que xira ao redor da cestería de láminas de maneira propia de Mondariz. O que se busca é formar a cesteiros e cesteiras para que se poida manter a tradición local e renovar o oficio a través da innovación creativa das novas xeracións; ao mesmo tempo, promover na localidade a plantación de árbores que sirvan de materia prima para a confección deste tipo de cestos, como castiñeiros e carballos. A comercialización de cestos de láminas de madeira orientados a usos máis modernos ofrecería unha interesante alternativa aos produtos de plástico, que desde hai tempo supoñen un grave problema para o medio ambiente.

Venres, 20 de agosto: inicio das proxeccións itinerantes no Concello de Verín

O documental, que foi rodado no mes de maio en diversas localizacións de Galicia, foi presentado oficialmente o 30 de xullo de 2021 no Concello de Mondariz, en véspera da 32ª edición da Feira dos Oficios Artesáns desta localidade. No contexto do programa O Teu Xacobeo, o proxecto tamén inclúe unha xira de presentación por diferentes concellos atravesados por roteiros xacobeos que se inicia este venres, 20 de agosto de 2021, no Concello de Verín e continuará nás próximas semanas nos concellos de Allariz, Arzúa, Rianxo, Redondela e O Porriño. Esta itinerancia conecta coa propia tradición dos cesteiros de Mondariz, que se desprazaban a outras localidades con maior demanda de cestos coas súas ferramentas ao lombo para traballar como artesáns residentes. Así mesmo, a presentación itinerante permite unir culturas cesteiras que se desenvolveron en diferentes lugares da xeografía galega a través do intercambio de saberes e memorias.

O documental, producido polo Concello de Mondariz a través dunha subvención do programa O Teu Xacobeo, será presentado polo propio alcalde da localidade, Xosé Emilio Barros, firmemente comprometido coa recuperación deste oficio artesán. Nalgunhas das proxeccións estará acompañado polo produtor executivo da obra, Santiago Pérez (EscénaTe).

No Concello de Verín, o documental será presentado ás 20:00 horas no Auditorio Municipal.

Acceso ao tráiler do documental

O tráiler do documental pode ser visto en YouTube, a través da seguinte ligazón:
https://youtu.be/t4_gv0tX1n8.

Mondariz e Nigrán impulsan o deporte e a cultura grazas á Deputación

A Deputación de Pontevedra non cesa a súa aposta polas industrias creativas e o deporte. Co obxectivo de facer chegar a súa programación cultural e deportiva a todos os recunchos da provincia e democratizar así as actividades lúdicas, o ente provincial ten programadas ata 10 actividades en 8 concellos do territorio para esta terceira fin de semana de agosto. Nesta ocasión, os concellos de Vilagarcía de Arousa, Nigrán, Ponte Caldelas, Soutomaior, Cambados, Lalín, Vigo e Mondariz acollerán eventos dos programas ‘Musigal’, ‘Música no Ar’, ‘Tras as Ameas’, ‘Bosques Terapéuticos’ e ‘Depoandainas’.

Hoxe xoves, no terreo musical, o programa ‘Musigal’ ofrece unha interesante oferta co concerto de Baiuca en Vilagarcía de Arousa; que continuará cos de Budiño en Nigrán o sábado e Milladoiro en Ponte Caldelas o domingo. Tamén o domingo, terá lugar a actuación de Esperanza Mara & Estefanía Cereijo en Cambados, no marco do programa ‘Musica no Ar’.

Pola súa banda, “Tras as Ameas” cubrirá de arte e creatividade esta tarde, ás 18.00 horas, os xardíns do Castelo de Soutomaior co espectáculo “Os peixes máxicos da Marquesa Roxa”. Esta peza a cargo da artista viguesa Pilar Alonso, para a que xa se esgotaron as entradas, trátase dun obradoiro creativo e unha acción artística dirixida a nenos/as de entre 6 e 12 anos. No eido do deporte, a Deputación oferta un total de 4 actividades. “Bosques Terapéuticos” achega 4 novas experiencias. A primeira terá lugar este venres en Pontevedra coa Senda do Río Almofrei, un sendeiro de 2,3 quilómetros no que se visitarán a súa ponte, pozas e diversas infraestruturas etnográficas doutras épocas. A segunda, o sábado, será na Fraga de Catasós, nos arredores de Lalín, cunha ruta que esconde carballos e castiñeiros centenarios protexidos baixo a figura de monumento natural. O terceiro Bosque Terapéutico desenvolverase o domingo en Vigo, nunha ruta dun quilómetro integrada no Parque Botánico Arco da Vella, denominado así por estar presentes as súas sete cores nos identificadores de cada tema relacionado coa natureza e o patrimonio. Finalmente, tamén o domingo, desenvolverase a última das “Depoandainas” de agosto, que cunha lonxitude de 14 quilómetros, percorrerá os camiños e praias fluviais do río Tea ao seu paso polo concello de Mondariz.

Manuel Budiño estará este sábado no festival Chandefolk en Nigrán

0

O Concello de Nigrán consagra este ano o festival Chandefolk ao emblemático gaiteiro Xosé Manuel Budiño, que ofrecerá este sábado 21 de agosto ás 22:00 horas no merendeiro de Chans de Rapadouro de Chandebrito (xunto ao campo de futbol) un concerto no que cobrará especial protagonismo o seu derradeiro disco ‘Fulgor’, pero tamén repasará o seu primeiro traballo Paralaia, gravado no 1997. O espectáculo, co que colabora a Asociación de Veciños, Comisión de Festas e Comunidade de Montes da parroquia, forma parte do programa Musigal da Deputación de Pontevedra de promoción e difusión de música galega e conta tamén co apoio económico da Deputación de Pontevedra a través da da Liña 2 do Plan Concellos. A entrada é de balde ata completar o aforo permitido polas autoridades sanitarias, ademais das medidas dirixidas a cumplir co protocolo Covid-19  (excepcionalmente e por este motivo, non se realizará a clásica observación das perseidas posterior). As mochilas vibratorias do Concello estarán a disposición de toda aquela persoa xorda que as solicite a través do mail [email protected] ou no WhatsApp 690679675 (precisamente, estas mochilas foron estreadas no Chandefolk 2019 con Roi Casal).

“O ano pasado recibimos a Milladoiro e este ano ao grandísimo Budiño, ambos historia viva da nosa música, sen dúbida Chandefolk é xa un referente do folk en toda Galicia”, sinala o alcalde, Juan González, quen destaca o “máxica e íntima” que resulta a ubicación en Chandebrito, “a simbiose é perfecta”.

“Coñecemos este festival e tiñamos moitas ganas de acudir, a ubicación é preciosa e a nosa vinculación emocional con esta parroquia que sufríu duramente os incendios de 2017 tamén o é”, sinala o gaiteiro internacional, recoñecido como un dos máis vangardistas na historia do folk galego. Para esta ocasión Budiño contará como convidado especial no Chandefolk co afamado guitarrista Antonio Casado (membro da banda internacional de Pedro Abrunhosa). Ademais, o acompañarán no escenario os seus músicos habituais: Fran Sanz ao baixo, Brais Morán á guitarra, Cibrán Seixo ao violín e Marcos Pazo á batería.

‘Fulgor’ é un universo ultra moderno cun pé na raíz e outro no abismo. O abismo da creatividade, cheo de arraigamento e de fame de risco. Pisar terra e querer tocar ceo. Ven armado de grandes letras de poetas (Antía Otero), de cantautores (Xoel López e Vega) e do propio Budiño, que foi quen de levalas ao seu universo. Budiño soubo rodearse neste Fulgor de tres grandes guitarristas, como o galego Antonio Casado, o son transfronteirizo de Jairo  Zavala ou o  sotaque luso africano de  Luiz Caracol. E máis que destacable é a participación do Cuarteto Quiroga, gañadores do Premio Nacional de Música, enchendo de maxia “Santiago” e ” Bos Amores”.

O Pazo dos Marqueses de Mos convértese en escenario de danza

0

O Pazo dos Marqueses de Mos convértese este venres, día 20, en escenario co programa da Xunta Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio. Así, a partir das 20:00 horas representaranse os espectáculos Coreografías dun DeMente, de Fran Sieira Compañía de Danza, Stay, de Can Cun Quinqué, Intempestiva, de Elahood e Nasenda de Elvi Balboa. A iniciativa, posta en marcha este ano pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, busca poñer en valor a riqueza patrimonial e paisaxística de Galicia a partir das artes do movemento.

Coreografías dun DeMente é un formato reducido e de rúa do espectáculo DeMente, coas coreografías máis representativas. Nel plásmase a realidade das persoas que sofren un trastorno mental, a evolución dos tratamentos e a necesaria integración na sociedade. O autor e coreógrafo é Francisco Agustín Sieira González, coa dirección artística de Carla Diego Luque.

Na peza bailan Francisco Agustín Sieira González, Aida Tarrío Torrado, Adela Otero Vázquez, Daniel Rodríguez Fernández, Artur Pastoriza Puga, Martín Mondragón Rivadulla, André Adrio Rodríguez e Patricia Sánchez Seoane. A composición musical é de Cristian Silva Bóveda, mentres que o espazo sonoro o asume Isaac Millán Ledo e o vestiario, Carlos Alonso Alonso.

Circunstancias que fan cómplice

Interpretada e dirixida por Leodan Rodríguez e Isabel Sánchez con música de Fantazio, Stay presenta o momento en que as circunstancias fan cómplice de algo que está acontecendo. Da implicación florece a dúbida de ser partícipe ou non. Esta responsabilidade pesa e será cargada con coidado, pois tamén é fráxil e pode romper.

Con Intempestiva Elahood traslada ao corpo as palabras da escritora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, Xela Arias, dende unha ollada feminina desbordada no movemento e na danza. Julia Laport e Sabela Domínguez  interpretan e asumen a coreografía do espectáculo cuxa dramaturxia é de Gena Baamonde. O espazo sonoro corre a cargo de Bruno Baw e LLXNTO.

Finalmente, Nasenda é o resultado dunha investigación inmersa en espazos do Camiño de Santiago por corpos e relacións cos demais. Parte de premisas ambientais, meteorolóxicas e espaciais para ir conformando un estado meditativo do corpo que, no seu facer, apela á resistencia e á insistencia. Colócase o bailarín no mesmo lugar que calquera peregrino, pero coa danza como lingua. A idea orixinal é de Elvi Balboa, así como a coreografía, na que participaron os intérpretes, Paula Serrano e Joan Aguilà.

Espectáculos en 27 espazos singulares

Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio arrincou o pasado 2 de xullo en Ribadeo e rematará o 29 de agosto en Ponteareas, tras percorrer 27 espazos singulares de toda Galicia. Participan 30 formacións artísticas, das que 23 son galegas e sete proceden doutros puntos de España, de Francia e de Portugal.

O obxectivo é achegarlle ao público unha nova maneira de ver a danza, mediante a mestura desta arte escénica co patrimonio e a paisaxe de diferentes espazos singulares do territorio galego, como praias, cabos, fragas, fervenzas, miradoiros, catedrais, museos, hórreos ou castros.

Deste xeito, Propulsa Danza+Paisaxe+Patrimonio permite levar a danza a concellos onde esta disciplina artística non soe formar parte das súas programacións culturais, ao tempo que sirve de promoción turística de lugares singulares. Ademais, búscase fomentar a creación contemporánea de danza e atraer novos públicos, xunto coa creación de sinerxías coas administracións locais e os tecidos asociativos de cada zona. A iniciativa insírese na colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia para o desenvolvemento de diferentes propostas culturais no marco do Xacobeo 21-22.

As DepoAndainas chegan este domingo á senda do río Tea en Mondariz

0

Volven as DepoAndainas pola provincia de Pontevedra. A Deputación porá en marcha este próximo domingo, 22 de agosto, a terceira destas rutas gratuítas programadas para este verán, coas que a institución provincial quere fomentar o deporte e os hábitos saudables ao tempo que dá a coñecer á cidadanía a contorna natural e cultural da provincia. Esta nova andaina achegará ás 170 persoas participantes á comarca do Condado e, máis concretamente ao concello de Mondariz, ao transcorrer pola senda do río Tea.

A ruta, que arrancará ás 10 horas desde a praia fluvial do Val, desenvolverase con tódolos protocolos de seguridade por mor da Covid, e as persoas participantes poderán desfrutar dos camiños e das praias fluviais do río Tea ao seu paso polo concello con esta camiñada circular, de dificultade media e dun total de 14 quilómetros. Doutra banda, o vindeiro luns 23 de agosto abrirase o prazo de inscrición para a cuarta e última das DepoAndainas programadas este ano, que percorrerá o 12 de setembro a senda azul do río Verdugo, no Concello de Ponte Caldelas, que parte da praia da Calzada. As persoas interesadas poderán inscribirse con prazo ata o 6 de setembro completando o formulario que terán á súa disposición na páxina web da Deputación (www.depo.gal). Ao igual que nas anteriores rutas, haberá un total de 200 prazas.

Hoxe sairán as entradas ás 16:00 horas para o concerto de Xoel López

0

O Concello de Mos informa de que hoxe, xoves 19 de agosto, ás 16.00 horas da tarde sairán á venda as entradas para o concerto de Xoel López en Mos, con motivo da etapa 20 de La Vuelta 21 Sanxenxo-Mos, que finalizará no Castro de Herville o vindeiro 4 de setembro.

Os tickets poderán adquirirse a través da plataforma de ticketing Weezevent na ligazón https://www.weezevent.com/xoel-lopez-en-mos-31-de-agosto-2021.

O prezo dos tickets para o espectáculo, que terá lugar no Campo de Fútbol das Baloutas o vindeiro 31 de agosto, martes, ás 20.30 horas, é de 15 euros por persoa.

O número de entradas dispoñibles ascende a algo máis de 400, tal e como establecen os protocolos e medidas de prevención anti COVID-19 en vigor, polo que se recomenda aos interesados/as que non demoren a adquisición das mesmas.

Concertos de La Vuelta 21

Ademais de Xoel López, o propio 4 de setembro, día da meta da etapa 20 de La Vuelta 21 en Mos, celebrarase outro concerto de altura no municipio. Será o que ofrecerá o emblemático grupo Milladoiro.

Xacobeo 2021-2022

O Xacobeo 2021-2022 ofrece deste xeito 3 grandes concertos en Mos este verán, por un lado o de SÉS celebrado o 7 de agosto con motivo do Patrón local, San Mamede, e durante os próximos días o de Xoel López do 31 de agosto e Milladoiro, o 4 de setembro. Trátanse os 3 de grandes espectáculos subvencionados pola Xunta de Galicia. É por elo que desde a administración municipal mosense agradécese neste senso enormemente o aopio da Xunta e do Xacobeo, que permite e fai posible esta gran programación musical en Mos. Sen o respaldo autonómico, estes tres grandes concertos non serían posibles, por iso é máxima a gratitude do Concello cara á Xunta de Galicia; pola colaboración para que Mos teña o Xacobeo e La Vuelta que merece.

Rosalía de Castro chega, a través do teatro, a Ponteareas, Redondela, O Rosal e A Cañiza grazas á Deputación

O departamento de Lingua da Deputación vai levar a dez concellos da provincia unha peza teatral que revive a nenez de Rosalía de Castro. ‘Rosalía. O lugar onde medran as poetas’, unha peza dirixida por Fina Calleja e producida por Culturactiva, representarase este domingo en Cerdedo-Cotobade e continuará o resto do ano por Ponteareas, Redondela, Moaña, O Rosal, Lalín, O Grove e A Estrada logo de pasar por Valga e A Cañiza.

Con esta iniciativa de xirar pola provincia unha nova visión sobre a figura de Rosalía a deputada María Ortega subliña que a Deputación pretende ampliar a programación institucional sobre a autora, á que considera “bandeira de Galicia” é “unha figura de rabiosa actualidade e contemporaneidade”. “Queremos poñer en valor a vixencia de Rosalía, a súa reivindicación da lingua propia non só celebrando cada 24 de febreiro, senón dándolle máis traxectoria e artellando máis actividades sobre a súa figura ao longo do ano”, explica a nacionalista. De feito, a Deputación vén de aprobar recentemente a súa incorporación como ‘mecenas’ da Casa de Rosalía, coa que se van poñer en marcha outros proxectos.

A peza teatral ‘Rosalía. O lugar onde medran as poetas’ trata de achegar ao público unha Rosalía aínda nena nun momento crucial da súa vida. “As biografías non o contan, pero unha das grandes voces literarias da historia tamén foi unha nena alegre que cantaba e xogaba, que lía e comía chocolate. Esta Rosalía que aínda non precisaba apelidarse de Castro e que está a piques de marchar a Santiago é a protagonista desta obra de teatro que quere contarlles ás nenas e aos nenos que a infancia é o lugar onde medran as poetas: entre a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as cancións con rimas e sen autor”, explican dende a compañía teatral.

Esta Rosalía é unha obra de muller pensada para nenas e nenos de Primaria -e para as súas familias e docentes- por unha equipa de mulleres intensamente vencelladas ao teatro de palabras para espectadoras e espectadores que viven no país da infancia.

Dirixe a peza actriz e directora Fina Calleja, ligada á premiada compañía Sarabela e responsable de moitas das súas montaxes infantís e xuvenís, e forman o reparto as dúas actrices Rocío González e Cristina Collazo, dúas imprescindibles nos últimos anos nos escenarios máis variados e nas pantallas da televisión e do cine de Galicia.

A xira pola provincia do teatro sobre a Rosalía ‘nena’  estará este domingo 22 agosto ás sete da tarde na Praza da Biblioteca do Concello de Cerdedo – Cotobade, onde a capacidade máxima será de 100 persoas. Despois seguirá o 24 de setembro no Concello de Ponteareas; o 3 outubro no Concello de Redondela; o 29 de outubro no Concello de Moaña; o 31  de outubro no Concello de O Rosal; o 20 de novembro no Concello Lalín; o 19 de decembro no Concello de O Grove; e o 29 de decembro no Concello de a Estrada, logo de pasar no mes de xullo polo Concello de Valga e a primeiros de agosto por A Cañiza.

O Club de Fútbol Cañiza conmemora os seus 50 anos de Historia

0

O Club de Fútbol Cañiza celebrou as súas Vodas de Ouro, esta pasada fin de semana, nun acto no que estiveron presentes o alcalde, Luis Piña, así como todas as persoas que formaron parte deste gran Equipo durante este medio século.

Socios e socias, xogadores e xogadoras, equipos directivos, presidentes, entrenadores, veciñas e veciños achegados ao clube, colaboradores que axudan ao fútbol na Cañiza, sen esquencer a Mónica Almuiña Paz, Presidenta do Club Futbol Cañiza –novo equipo– e Carlos Mera Rodríguez, presidente de Honra do novo equipo fusionado. O acto contou tamén coa presenza do vicepresidente da Real Federación de Galega de Fútbol, Fernando Iglesias, do xefe  de servizo de Deporte en Pontevedra, Daniel Benavides e do deputado do goberno da Deputación Carlos Font.

Na súa intervención o Alcalde Luis Piña deu os seus parabéns máis sinceiros a este clube que xa é unha institución na Cañiza e destacou á súa longa traxectoria, o bo facer dos seus xogadores e das diferentes directivas e colaboradores que con moito entusiasmo, ilusión e traballo en conxunto conseguiron que o Clube cumpla este ano as Vodas de Ouro.

En palabras do alcalde “o fútbol é mais que competición, é unha maneira de aprender, de educar, de relacionarse. Hoxe segue sendo así, pero aínda era mais importante alá polo 1971. Hai cincuenta anos non era fácil practicar un deporte, non era fácil pertencer a un equipo”. Nas súas palabras, Luis Piña asegurou que “o fútbol ensínanos moitas cousas, danos felicidade, fainos mellores…” .

“Poucas cousas coma o fútbol –afirmou o rexedor local cañicense– unen á xente, aos veciños, aos pobos amais de ensinarnos o valor do equipo, da solidariedade, tanto dentro coma fora do campo”.

Para Luis Piña “O C.F. Cañiza forma parte da educación de xa tres xeracións de veciños. Forma parte do compromiso polo traballo e do espírito de sacrificio. Non é fácil ir todas as semanas a entrenar, as tardes de choiva, de frío. Non é fácil deixar a un lado preocupacións, problemas e unirse ao grupo” e aseguraba, o alcalde da Cañiza, sentirse “moi identificado con esta idea. Con ese momento no que decides ir a entrenar, a traballar, para facelo aínda que sexa un pouquiño mellor que a semana pasada. Sentirte orgulloso por tí, polos teus compañeiros e pola xente que te apoia e que quere o mellor para o equipo, para o club!”.

O Alcalde destacou que dende o concello se están apoiando todas as iniciativas para axudar ao deporte e neste caso ao Clube de Futbol Cañiza. Antes da fusión do CF Cañiza  coa  Asociación Deportiva ADECA CF, cada entidade recibía do Concello 2.500 € e 2.000 €. Este ano por Resolución de Alcaldía subvencionouse con 5.000 €.  Ademáis o Concello presta a súa colaboración na exposición do Club inaugurada o sábado 14, deixando a casa consistorial e o seu Salón de Plenos para que esta mostra sobre os primeiros cincuenta anos do equipo poida ser vista por todos.

Tamén se continuará poñendo as instalacións deportivas do concello a disposición do clube, de xeito totalmente gratuíto.  Agora mesmo, xa están adxudicadas e a punto de arrancar, as obras do cambio da cuberta dos vestiarios do campo do Vieiro.

Por outra banda, o Alcalde anunciou a concesión da Medalla de Prata á A. C. Cañiza, polos seus 25 anos de existencia e a Medalla de Ouro ao C. F. Cañiza rendendo unha merecida homenaxe aos dous clubs históricos da Cañiza. Iniciativa que ten a súa competencia na Corporación Municipal e que espera que sexa aprobada por unanimidade de todos os Concelleiros.

Para rematar o Alcalde comprometeuse a continuar na liña de colaboración e axuda ao deporte, en todo o posible e animou a seguir traballando a toda a familia do fútbol da Cañiza

A Guarda acolle a campaña do proxecto DepoMar

0

A praza Avelino Vicente do Concello da Guarda foi onte a nova parada da campaña informativa do proxecto DepoMar, que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha con financiamento europeo xunto á Fundación Biodiversidad para fomentar a protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas mariños en espazos da Rede Natura 2000 da provincia a través da participación activa e directa das mulleres mariscadoras.

O deputado provincial Sántos Héctor, acompañado do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, a concelleira Montserrat Magallanes e o concelleiro Miguel Español, participou nesta xornada da campaña, que está a ter unha grande acollida e percorrerá en total oito concellos do litoral da provincia.

Deste xeito, na carpa distribuíuse material divulgativo do proxecto e dous códigos QR: un co audiovisual do proxecto, protagonizado por mulleres do sector do mar e que ten como obxectivo difundir a importancia do traballo da muller mariscadora na conservación dos recursos mariños, que tamén está a difundirse nas redes sociais da Deputación, e outro co código de boas prácticas elaborado no marco desta iniciativa.

Tralo seu paso polos concellos de Vigo e A Guarda, a campaña continuará ata o 27 de agosto nos concellos de Cangas, Baiona, Redondela, O Grove, Cambados e Poio.

Tomiño pon en marcha un servizo de atención psicolóxica especializado en vítimas de violencia de xénero

0

A Oficina Municipal de Igualdade do Concello de Tomiño vén de por en marcha un Servizo de atención psicolóxica especializado a mulleres vítimas de violencia de xénero ou noutras situacións de vulnerabilidade. Trátase dunha experiencia piloto –explica Cristina Martínez, concelleira de Igualdade– a través da que o Concello quere facilitar ás mulleres que o precisen un apoio que sirva de complemento á atención xurídica que xa se presta, e evitar así que teñan que desprazarse a outros municipios, prestando así un servizo integral especializado.

A situación que se está a vivir como consecuencia da pandemia provocada pola Covid-19, vén a empeorar as condicións, xa de por si difíciles de moitas mulleres, e imposibilita ou dificulta seriamente a súa autonomía, “Isto nos casos de violencia de xénero supón moitas veces a tendencia a continuar coa convivencia co agresor, coas graves implicacións que elo supón, tanto no plano xurídico e económico como no psicolóxico”, comenta a concelleira.

Así, dende a Oficina Municipal de Igualdade informan que o servizo de asesoramento xurídico supera xa as 100 consultas no que vai de ano, sobre violencia de xénero e outras situacións de vulnerabilidade, especialmente no ámbito de Dereito de Familia, ademais dos trámites relacionados coas mesmas que son precisos para a correcta atención das mulleres segundo as súas necesidades.

Asemade, rexistráronse 20 novas usuarias nos últimos meses , que se suman ás de anos anteriores e que precisan unha continuidade na súa atención, tendo en conta que, se ben hai casos moi puntuais de consultas que poden resolverse nunha soa visita (e, no seu caso, coas derivacións necesarias) o habitual é a necesidade de dar resposta ás distintas vicisitudes con transcendencia xurídica, nas que a muller se atopa ao longo dunha situación de violencia de xénero ou de separación ou divorcio, que se agrava cando existen fillo/as a cargo ou, como sucede habitualmente, en situacións de precariedade económica e laboral.

Esta realidade implica non só as consultas e resolución das situacións plantexadas polas usuarias, senón tamén o reforzo nas comunicacións e colaboracións con outros departamentos e organismos para a resolución dos casos concretos.

“Neste contexto, dende o Concello, no marco das súas competencias, entendemos que a atención ás vítimas de violencia de xénero ou especialmente vulnerables, debe ser especializado, integral e de proximidade, favorecendo o acceso a recursos que axuden á muller na súa autonomía. A atención psicolóxica especializada vén a dar continuidade e incrementar este carácter multidisciplinar da oficina”, salienta Martínez.

A psicóloga atende os luns en horario de tarde, de 16.00 a 20.00h, previa cita, que as mulleres poden concertar a través da Oficina de Igualdade. Para elo , poden chamar ao teléfono 986 623211, deixando os seus datos de contacto, e posteriormente serán citadas.

Máis de 250 participantes daranse cita no I Torneo Internacional de Tenis de Mesa Concello do Porriño

A alcaldesa, Eva García xunto co concelleiro de Deportes, David Alonso presentaron onte a primeira edición do ‘Torneo Internacional de Tenis de Mesa Concello do Porriño’, acto no que tamén estaban presentes José Luis Cabaleiro, presidente da Federación Galega de Tenis de Mesa e directivos do Club de Tenis de Mesa CRC Porriño e do Círculo Recreativo Cultural, lugar onde se realizou a presentación.

José Luis Cabaleiro manifestou a súa ledicia “pola altísima participación que acadara esta primeira edición polo que non dubidamos en brindar a nosa colaboración aos organizadores”.

O evento, que se celebrará a vindeira fin de semana nos pavillóns 1 e 2 do Polideportivo Municipal, reunirá máis de 250 participantes de todas as categorías procedentes de toda España e de Portugal. Haberá tamén competición para persoas con capacidades diversas.

A alcaldesa felicitou aos organizadores “por un primeiro éxito que xa supón a capacidade de convocatoria amosada co número de inscritos” e garantiu que será un torneo “que vai ter continuidade nos vindeiros anos”. Eva Garcia subliñou que “O Porriño segue no mapa grazas aos moitos eventos deportivos, culturais e de outra índole” que se organizan no concello.

A Praza do Seixo de Tomiño acolle este venres a proxección de ‘María Solinha’

0

Este venres ás 22:30 h a Praza do Seixo de Tomiño acollerá unha nova sesión de cine para adultos, coa proxección do filme ‘María Solinha’. Posteriormente haberá un coloquio co director do filme, Ignacio Vilar, que contestará todas as preguntas das persoas asistentes.

Sinopsis: María Solinha foi acusada de bruxería no século XVII e condeada á fogueira. En época actual varios veciños e veciñas da vila ensaian unha representación teatral da súa historia. O paso do tempo non serviu para que cambien moito as cousas e a protagonista sofre ecos desagradables dos vividos daquela.

Reservar entrada DE BALDE a través do correo [email protected] ou do número de teléfono 986 62 20 01.

A Guarda e Caminha acollen o II Encontro do libro Luso-Galaico da Ribeira do Minho

0

Esta semana celébrase o II Encontro do libro Luso-Galaico da Ribeira do Minho, un evento preparado conxuntamente polos municipios de Caminha e A Guarda que pretende constituírse nun espazo de achegamento entre as dúas beiras do Río Minho a través do mundo da escrita: novelas, investigación histórica ou social, relatos infantís son algúns dos exemplos que os visitantes a este evento poderán atopar ao longo do vindeiro fin de semana nas Prazas de Avelino Vicente ( A Guarda) e Praça Conselheiro Silva Torres (Caminha), onde se desenvolverá de maneira simultánea.

O evento constitúese de dúas partes diferenciadas: dunha banda a venda e exposición de libros publicados polos Concellos do Baixo e do Alto Minho e doutra banda a realización de actividades como presentacións de libros, recitais de poesía, concertos… que nos achegarán a nosa identidade literaria nun formato mais dinámico.

Aínda que o Encontro do Libro Luso Galaico é organizado polos Concellos de Caminha e A Guarda, están presentes nel os diferentes concellos da fronteira: Oia, O Rosal, Tomiño, Tui e Salceda de Caselas do lado galego e Caminha, Vilanova de Cerveira, Valença, Monçao e Melgaço.

De cara á programación complementaria (que podes consultar e preisncribirte mais abaixo), cabe subliñar os concertos de Nelson Quinteiro “As nosas músicas d’aquí” e de Xardín Desordenado o venres, ou as presentación do ensaio “ A Construcción da Fronteira Portuguesa” a cargo de Silvia Cernadas na tarde do sábado. O recital de diferentes poetas portugueses ou o concerto da Academia de música Fernandes Fâo, completarían a programación do sábado en A Guarda.

Pola súa parte o Grupo Folk guardés Na Revolta amenizará a noitiña do venres en Caminha e o autor Praxíteles González presentará en Caminha o domingo á tarde o seu traballo sobre o contrabando na fronteira.

Podes consultar o resto da programación e preinscribirte nas actividades do teu interese no programa adxunto e no enlace situado mais abaixo:

PROGRAMA NA GUARDA – Praza de Avelino Vicente

Venres 20 de Agosto

  • 18:00h – Apertura do Encontro
  • 19:00h – ‘As nosas músicas de A’qui’ da Compañía de Nelson Quinteiro
  • 20:30h – Apertura oficial
    • Alcalde do Concello da Guarda
    • Presidente da Câmara Municipal de Caminha
    • Presidente da União de Freguesias de Caminha e Vilarelho
    • Director do Jornal Digital Caminha 2000
  • 21:30h – Concerto de ‘Xardín Desordenado’

Sábado 21 de Agosto

  • 11:30h – Contacontos para nenos
  • 12:00h – Presentación do libro “O Carocho do Río Miño”, de Brito Ribeiro
    • Presenta: Brito Ribeiro
    • Editorial: Nuceartes
  • 12:40h – Concerto da Academia de Música
  • 18:30h – Recital de Poesía de obras de autores da Ribeira do Miño “Krisálida”
  • 19:30h – Relatorio “A Construción da fronteira na Idade Média”
    • Imparte: Silvia Cernadas
  • 20:30h – Peche da Feira

Inscricións abertas en: https://www.woutick.es/evento/1617/entradas-ii-encontro-do-libro-luso-galaico-ribeira-do-mino

SonDaRúa e MClan, protagonistas do Rock in Río Tea 2021

Volve o rock a Ponteareas. SonDaRúa e MClan son os cabezas de cartel dunha nova edición do festival Rock in Río Tea, que se desenvolverá no parque da Feira Vella o venres 27 e o sábado 28 deste mes. A Asociación Rock in Río Tea, o Concello de Ponteareas, e a Deputación de Pontevedra organizan este evento que terá entrada de balde, pero con aforo limitado. As persoas interesadas en asistir deberán solicitar unha praza a través dunha plataforma habilitada na rede.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, destacou que este festival é “indispensable na nosa axenda de verán”, e espera que, “como cada ano”, as persoas que asistan poidan desfrutar dunha cita con grandes grupos, entre os que se atopan Son da Rúa e MClan. “Probablemente, nas súas distintas edicións, este festival aglutina a mellor oferta gratuíta de música rock da provincia”, concluíu. O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, quixo agradecer o “gran labor das persoas da Asociación Rock in Río Tea para facer do festival unha realidade en tempos tan difíciles”, e asegurou que “sempre terán a axuda do Concello á súa man para promover a cultura entre a veciñanza”.

O festival comeza o venres 27 ás 20.00 horas coa actuación de GHZ. A continuación subirán ao escenario SonDaRúa, grupo de rap galego con orixe en Ponteareas. Para a organización é un orgullo “invitalos por primeira vez ao Rock in Río Tea. Tocarán na casa”, afirman. O sábado será a quenda de Eladio Santos, tamén ás 20.00 h, e a noite pechará por todo o alto ao ritmo de MClan.

Mondariz goza do ‘Pump Track’ máis grande de Galicia grazas ao Plan Concellos da Deputación

0

O Concello de Mondariz vén de gañar un novo e moderno espazo para o deporte no antigo campo de fútbol da Minada, que agora alberga o circuíto ‘pump track’ asfaltado máis grande de Galicia. A infraestrutura, que forma parte do Centro de Ocio e Deporte Urbano que proxecta o Goberno municipal, foi financiada cunha achega de 48.399 euros do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Obrouse nunha superficie que supera os 490 metros cadrados, na que se construíu unha pista de 158 metros cun deseño de obstáculos moi variados co fin de ofrecer varios niveis de dificultade para as persoas usuarias.

As obras, que foron visitadas polo deputado Carlos Font, a deputada Victoria Alonso e o alcalde, Xosé Emilio Barros, acompañados de varios concelleiros/as, tiveron como obxectivo dotar ao concello do Condado dun espazo para o deporte e o fomento da actividade lúdica para usuarios de todas as idades. A nova pista de ‘pump truck’ consiste nun circuíto para práctica de actividades con bicicletas, ‘skates’, patíns e patinetes con seguridade; e está adaptada ao regulamento de BMX da Real Federación Española do Ciclismo.

Conta con rectas de 28, 26,5 e 10,8 metros; e modificouse recentemente para rectificar os radios de trazado das curvas, que agora están adaptados a súa viraxe natural e acadan xiros que oscilan entre os 90 e os 180 graos, e aumentar o número de saltos, que na actualidade son 26. Ademais, executouse unha capa de formigón en masa de 10 centímetros que permitiu cubrir os noiros.

A nova zona deportiva destaca pola súa localización, situada no antigo campo da Avenida Grupo Escolar, no centro urbano do municipio, xunto á Casa do Concello, o CPI de Mondariz e a biblioteca pública e preto de importantes áreas recreativas como a praia fluvial do Val. Antes da actuación, A Minada albergaba un campo de fútbol con céspede artificial e bancada de formigón que, ao non cumprir as medidas regulamentarias para a competición deportiva futbolística, estivo dúas décadas en desuso. Agora a veciñanza desfruta dunha dotación lúdica singular.

A Deputación fixo posible que o Concello de Mondariz teña recibido desde 2015 un investimento total de 3.051.161 euros, dos que boa parte corresponden ao Plan Concellos. A área de Deportes leva colaborado co municipio con máis de 30 subvencións para clubes federados e non federados e deportistas individuais que superan os 68.000 euros

Teresa Ríos, Carmen Lemos, e Laura Domínguez, gañadoras do concurso de relatos breves ‘Remata o Conto’

O certame de relatos breves Remata o Conto que organiza o Concello de Ponteareas, e a Federación de comercio, hostalaría e servizos de Ponteareas (Banastra) xa ten gañadoras. Teresa Ríos gañou o primeiro premio, Laura Domínguez o segundo, e Carmen Lemos o terceiro. O concelleiro de Cultura e Lingua e membro de xurado, Fernando Groba, destacou a “calidade literaria, a orixinalidade, a corrección lingüística, e a adecuación ao tema” das tres gañadoras, e afirmou na entrega de premios que o seu traballo neste concurso “potencia a creación literaria entre a mocidade de Ponteareas. E iso é moi importante”.

O xurado do premio estivo formado por Manrique Fernández Vázquez, Raquel Castro, Fernando Groba Bouza e Sofía Rodríguez, que actuou como secretaria con voz e sen voto. E na entrega de premios, ademais do concelleiro de Cultura, tamén estivo presente Yolanda Carballido, presidenta de Banastra.

Remata o Conto é un certame con unha gran tradición na vila de Ponteareas, e que se convoca para coincidir coa celebración da Feira do Libro. O edil destaca que ademais de apostar pola cultura literaria, tamén axuda ao comercio local premiando as persoas gañadoras con vales para investir en estabelecementos do concello.

O Porriño presenta a segunda edición do festival ‘Sons da Canteira’

A alcaldesa do Porriño, Eva García e a concelleira de Cultura, Cami Moreira presentaron hoxe a segunda edición do Festical ‘Sons da Canteira’ que terá lugar o sábado 28 de agosto. A canteira en restauración de Vilafría, en Atios volverá ser o anfiteatro natural onde se celebrará este evento promovido polo Concello do Porriño.

Eva García de la Torre animou a “non perder un espectáculo como éste qué impresionante polo escenario e polo son e constitúe un xeito de gozar dun evento diferente e de conservación do propio”, manifestou a alcaldesa do Porriño.

O director do festival, Adrián Fragueiro explicou na presentación do certame aos medios que se realizou hoxe na Biblioteca Municipal, que este ano “facemos unha proposta cun cartel ateigado de talento galego que abre pontes co máis efervescente da lusofonía. A nosa proposta está comprometida cunha cultura galega emerxente e arriscada”, manifestou.

Boyanka Kostova, Verto, Mounqup, Pongo, a DJ Teresa Ferreiro e os Penediños de Atios son as seis bandas que sobirán ao escenario da canteira en reconstrucción de Vilafría nesta segunda edición do festival Sons da Canteira. “Todas elas achegan a tradición á vangarda e á modernidade. Este é o selo do festival”, que destaca tamén “pola presenza de mulleres que encabezan a innovación e a fusión”.

Talento galego e unha ponte coa lusofonía

Estará o ritmo de baile poderoso de Pongo, a raíña do kuduro. Será o único concerto en España desta música e cantante lisboeta de orixe angoleña. Soará a música da francogalega Mounqup, que estrea disco e espectáculo, cun pop electrónico moi enerxético e bailable. Escoitaranse os sets da DJ compostelana Teresa Ferreiro, unha artista visual e investigadora musical que ten misturado para radios e eventos de todo o mundo. E o persoalísimo trap galego de Boyanka Kostova, unha das bandas máis desexadas e viralizadas do momento. Igual que Verto, outros compostelanos que innovan co trap e que arrasan tanto nos escenarios como no Spotify. Esta será unha das últimas oportunidades para velos antes do parón que anunciaron para outubro. Tamén haberá talento da zona, co grupo de danza tradicional Os Penediños de Atios, que xa na edición pasada acompañaron a Baiuca no escenario.

A idea do festival foi concibida pola concelleira de Cultura do Porriño, Cami Moreira, que gardaba na memoria a única e impactante edición do Festival Son da Pedra, en 1995. “O escenario vai cambiando porque a restauración avanza”, explica. “A nivel de escenario musical a canteira é camaleónica. Como recurso económico é moi importante para O Porriño, pero finalizado o proceso hai que devolverlla ao monte”.

Concello de Nigrán e Prado Surf ofrecen a proxección do documental ‘Momentum Generation’ hoxe en Patos

0

O Concello de Nigrán e Prado Surf ofrecen hoxe mércores, ás 22:00 horas en Patos, a proxección de ‘Momentum Generation’, a nova película documental producida por Robert Redford.

Momentum Generation está protagonizada por Kelly Slater, Rob Machado, Shane Dorian, Taylor Knox, Benji Weatherley, Kalani Robb, Ross Williams, Taylor Steele e Pat O’Conell. Narra como varios mozos de Hawaii acabaron competindo no mundo profesional do surf nos anos 90 acadando o estrelato nesta disciplina deportiva, sendo o grupo máis lexendario do surf.

O Pavillón do Rosal conta cun novo pavimento que permiten empregar o espazo “para practicar deporte de xeito máis intensivo e seguro”

0

O Concello do Rosal acaba de finalizar as obras de renovación do pavillón municipal, uns traballos de mellora das instalacións que “permiten empregar o espazo para practicar deporte de xeito intensivo e seguro, diminuíndo o risco de lesións dos e das xogadoras en adestramentos e competicións”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández. “Debido ao grande uso do pavillón o pavimento atopábase deteriorado e non ofrecía as condicións óptimas de amortiguación para o uso deportivo de alta intensidade practicado na actualidade”, explica, engadindo ademais, que a mellora “permítenos seguir promovendo o deporte cunhas instalacións axeitadas e prestar á veciñanza un servizo de calidade”.

A alcaldesa, Ánxela Fernández; o secretario xeral de Deporte, José Ramón Lete; o concelleiro de Deportes, Germán Fernández, e xogadores do Acanor Valinox comprobaron hoxe os resultados da intervención cun recorrido polo pavillón. O novo pavimento é froito dun convenio de colaboración entre o Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia para unha mellora nas dotacións de infraestruturas municipais que esixe a práctica deportiva, dando así resposta á crecente demanda social e preparando as instalacións para as esixencias deportivas actuais.

[su_image_carousel source=”media: 43215,43216,43218,43219″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O adestrador de base do Acanor, César Armán, destaca a obra como “unha mellora moi importante para a prevención de lesións e a mellora do rendemento na competición”. O xogador do equipo masculino, Iago Flores, engade ademais que o novo pavimento “nótase moito nos impactos. Agora non estamos tan cargados e podemos alongar máis o traballo”. Ambos coinciden que as novas instalacións teñen que “axudarnos a facer un ano aínda mellor que o anterior, cousa difícil, pero para a que non deixamos de traballar”.

A mellora consistiu no levantamento do pavimento anterior e a colocación dun aeroelástico con acabado de madeira composto por unha estrutura inferior sobre unha lámina de polietileno de galga estendida previamente sobre a soleira para evitar a penetración da humidade. Enriba sitúase unha estrutura de listóns de madeira e por riba unha lámina e as pranchas encargadas de recibir a carga e redistribuíla cara a estrutura aerolástica. Por último recolocouse o pavimento de PVC retirado.

Os traballos de mellora supuxeron un investimento total de máis de 48.000 euros financiados ao 80 % pola Secretaría Xeral do Deporte e o 20 % restante con fondos propios do Concello.

Asemblea da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Viso

0

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Viso, Redondela, convoca as comuneiras e comuneiros á asemblea ordinaria o vindeiro domingo 22 de agosto ás 11 h en segunda convocatoria. A asemblea celebrarase nas gradas do Campo de Fútbol da Gándara e trataranse os tradicionais puntos do estado de contas, altas e baixas de comuneiros/as, traballos e actuacións do pasado ano 2020 e os que se realizaran no 2021, entre outros.

Na mesma asemblea proporase para aprobación o novo proxecto de ordenación do monte que marcará o plan de actuacións nos vindeiros 10 anos e aprobación se procede de diversos lindes mediante avinza con comunidades estremeiras.

Os asistentes deberán vir provistos de mascara e seguirase o protocolo de manter a oportuna distancia social.

Mil deportistas participarán este sábado no Descenso Internacional e no Descenso Popular

0

O Descenso Internacional do Miño celebrará este sábado, 21 de agosto, a súa 50 edición. Volverá recuperar a espectacular saída dende terra en Salvaterra, ás 18.30 h, e a chegada fronte as gradas da rúa Olímpicos Tudenses en Tui, con público, tras un recorrido de algo máis de 14 quilómetros en augas do río Miño. Outra das novidades desta edición será a incorporación dunha nova modalidade, o Paddle Stand Up, que saíra quince minutos. Están inscritos 600 padeeiros de 48 clubs.

O Descenso Internacional volverá contar cun protocolo con todas as medidas de seguridade derivadas da pandemia, logo de ser o ano pasado unha das primeiras probas competitivas en celebrarse. En 2020 por seguridade a saída realizouse dende a auga, e non se permitiu público. Na edición deste 2021 o público poderá estar nas gradas da rúa Olímpicos Tudense, cun aforo máximo de 75 persoas, e tamén nos paseos fluviais de Tui e Salvaterra de Miño.

Previamente ás 16 h dende Caldelas sairá a décima edición do Descenso Popular do Miño cun máximo de 400 participantes, e coas prazas xa cubertas. Haberá servizo lanzadeira de autobuses dende Tui até Caldelas, e tamén transporte de mochilas. Este ano os participantes no Popular contarán con licenza federativa dun día para participar na proba.

A presentación destas dúas probas tivo lugar esta mañá na rúa Olímpicos Tudenses a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez; o concelleiro de Deportes de Salvaterra, Edgar Martínez; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez; o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, e o presidente do Club Kaiak Tudense, Diego Piña.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, recoñeceu que “a organización destas dúas probas é sumamente complexa” engandindo que “sempre foi impecable”. Afirmaba que o Descenso “é unha proba emblemática que transcende o deportivo, que ten unha dimensión social, cultural e de posta en valor deste magnifico río”.

Enrique Cabaleiro aproveito para anunciar o próximo comezo das obras de reforma do Centro Municipal de Piragüismo Quique Míguez, xa que esta semana remata o prazo de presentación de ofertas para a execución do proxecto, que suporá un investimento de 600 mil euros de fondos propios. Explicaba o alcalde de Tui que coa execución deste proxecto, iniciado en 2015, se salda unha débeda histórica non só co Kaiak Tudense, senón tamén co conxunto da práctica do piragüismo. Indicaba amais que esta é a derradeira das instalacións deportivas municipais pendente de remodelar. Sinalaba nese senso que “o compromiso co deporte non é so mediante subvencións ou apoios institucionais. O mellor compromiso institucional que se poda dar a calquera práctica deportiva é que as instalacións nas que os deportistas realizan o seu traballo estean nas mellores condicións”. Aproveitou amais para solicitar sensibilidade á Xunta e a Deputación xa que unha vez rematado o centro terá que ser equipado.

Os concelleiros de Deportes de Tui, Rafael Estévez, e de Salvaterra, Edgar Martínez, coincidiron en agradecer ao Kaiak Tudense a organización destas probas deportivas nun contexto coma o actual .

Pola súa parte o Deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, destacou o valor dos deportes náuticos na provincia, coma quedou demostrado nos Xogos Olímpicos de Toquio con 5 medallas por parte de deportistas da provincia. Dicía que “nun momento difícil coma o que estamos hai que eloxiar traballo dos clubs e federacións para poder levar adiante eventos deportivos”.

Daniel Benavides, o xefe provincial de Deportes da Xunta, salientaba a recuperación nesta edición do Descenso Popular tras a suspensión en 2020. Dicía que “quero poñer en valor esta boa idea, que ten ser un referente para os demais clubs, de facer este descenso popular, porque ten que ser unha forma de axudar a crecer aínda máis o deporte do piragüismo”. Por último indicaba que en “Tui sodes un referente nestes eventos deportivos” e transmitía unha mensaxe de “deporte seguro”

O presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, amosou a súa satisfacción por poder celebrar o Descenso do Miño, co que hai un ano o piragüismo volveu á competición. Neste ano e medio de pandemia “o protocolo funcionou e fomos referente a nivel galego, nacional e mundial” dicía Alfredo Bea afirmando que “ somos o lugar do mundo onde máis padeeiros por habitantes hai” e tamén na Eurorrexión. Coma presidente da Federación Galega de Piragüismo agardou que o “Descenso sexa un éxito, que o vai ser, os deportistas van competir e cumprir o protocolo, e certamente nos serve para seguir reclamando a potencia que é o piragüismo”.

Diego Piña, presidente do Club Kaiak Tudense, indicaba que o Descenso Internacional recupera o seu nivel polo número e calidade dos padeeiros inscritos, xa que aquí competirán boa parte dos deportistas con praza para o Campionato do Mundo de Maratón de Piragüismo. Tivo palabras de agradecemento ao concello por “palear a contracorrente” para levar adiante o proxecto de remodelación do club.

Favoritos no Descenso Internacional do Miño

Os favoritos para facerse coa vitoria desta edición son Julián Becerro e Miguel Castañón en K2, barallándose incluso a posibilidade de que se poida bater o récord do descenso polo alto nivel destes deportistas, que que contarán coa marea baixando o que influirá positivamente na rapidez da regata. No K2 absoluto competirán tamén Manuel Busto e Beatriz Manchón. 

En K2 Tania Álvarez e Carmen Villar, do Kaiak Tudense, parten coma favoritas para a vitoria na categoría feminina. Mentres no C2 as embarcacións de Antonio Campos e Diego Romero, e dos locais José Manuel Sánchez e Óscar Graña, ambas clasificadas para o Mundial, prometen unha regata moi reñida. 

A nivel individual Iván Alonso e Franco Balboa, ambos tamén con praza para o Mundial, buscarán a victoria no K1, o igual que Amaia Osaba, que á deportists con maior número de victorias no descenso do Miño. Fernando Busto é favorito en C1, e José Luís Bouza e Nicolás Barreiro na nova modalidade de Paddle Stand Up.

Danza contemporánea no Camiño de Santiago ao seu paso por Mos

0

O programa Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio recaerá o vindeiro venres 20 de agosto, ás 20.00 horas no Pazo dos Marqueses de Mos, promovido polo Xacobeo 21-22, Agadic, Xunta de Galicia e Concello de Mos. A través desta proposta artística a danza e as artes de movemento enmárcanse en entornos de gran valor paisaxístico e patrimonial de Galicia, tal e o caso do Pazo de Mos e a súa contorna.

Propulsa é a maior programación de danza levada a cabo da Comunidade Autónoma con, aproximadamente, 74 funcións de pezas de rúa en espazos singulares ao aire libre. Propulsa mostra, a través da experiencia escénica, outros elementos identitarios de Galicia como a paisaxe e o patrimonio, permitindo deste xeito a posibilidade dunha experiencia total, fusionando na mesma cultura e turismo.

Os obxectivos desta iniciativa son fomentar e promocionar a creación contemporánea de danza así como atraer a novos públicos, dotar de programación cultural de danza, crear oportunidades laborais para profesionais e compañías de danza de Galicia, e poñer en valor a diversidade patrimonial e paisaxística de Galicia co uso de localizacións singulares.

[su_image_carousel source=”media: 43203,43202,43201″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Trátase dun espectáculo para todos os públicos con entrada gratuita. Os espectadores poderán gozar o vindeiro venres no Pazo de catro espectáculos diferentes con duracións que oscilan entre os 15 e os 30 minutos. Así, a partir das 20.00 horas da tarde sucederánse as propostas de Evi Balboa co seu espectáculo Nasenda, o espectáculo Stay de Can Cun Quinqué, o espectáculo Coreografías dun DeMente de Fran Sieira Compañía de Danza e o espectáculo Intempestiva de Elahood.

Nasenda é o resultado dunha investigación inmersa en espazos do Camiño de Santiago por corpos e relacións cos demais. Stay de ‘Can cun quinqué’ presenta o momento no que as circunstancias fante cómplice de algo que está ocorrendo. Coreografías dun demente de ‘Fran Sieira Compañía de Danza’ plasma unha realidade, un estigma, unhas patoloxías que segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) sufriron, sofren ou sufrirán nalgún momento da súa vida unha de cada catro persoas. E Intempestiva de ‘Elahood’ é a nova proposta escénica desta compañía de danza urbana inspirada na obra e na figura de Xela Arias.

Miguel Martínez e Aroa Silva, vencen na ‘V Travesía a nado Vila do Tea’

O sábado 14 de agosto a praia da Freixa vestíase de gala para dar acollida á V Travesía a nado ‘Vila do Tea’, a primeira etapa do Circuíto Galego de Augas Abertas 2021, cunhas condicións meteorolóxicas ideais para a práctica da natación en augas abertas. Os máis de 200 nadadores e nadadoras inscritos constituían o récord de participación da proba.

Miguel Martínez, do RC Náutico Vigo, e Aroa Silva, do CN Santa Olaya, foron os vencedores na categoría élite. Nesta categoría, representando ao club do Condado, Carla Faro conseguiu o 2º posto e Iria Lemos o 4º, mentres Javi Alonso e Lucas Costa acadaron o 4º e 5º respectivamente, tendo tamén ampla representación nos podios nas restantes categorías. Na proba de natación adaptada foi Borja Gómez quen conseguiu a victoria.
O broche final foi a competición de remudas mixtas, que este ano estivo máis reñida e disputada que nunca.

[su_image_carousel source=”media: 43184,43183,43181,43180″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Logo da entrega de trofeos,  deportistas e público xeral gozaron dunha zona de lecer onde, coas medidas de seguridade fronte á Covid-19, descansar, xantar e conversar á beira o río.

O Club Natación Ponteareas salientou “o enorme valor deste treito do Tea para a práctica de deportes acuáticos e lembra a importancia que ten o turismo deportivo como elemento de dinamización económica e turística para a nosa vila”.

Finalmente, o Club agradeceu “a todas as persoas, colaboradores, empresas e comercios a súa implicación para a organización e celebración desta clásica das augas abertas galegas”.

A Guarda reforza a súa oferta de deportes de praia e petanca reformando a área deportiva do Codesal co apoio da Deputación

0

Transformar unha instalación deportiva infrautilizada e dedicada anteriormente ao fútbol nun complexo lúdico vinculado aos deportes de verán e á integración social foi o obxecto das obras acometidas polo Concello da Guarda co apoio da Deputación. O antigo campo do Codesal, na parroquia de Camposancos, é agora un complexo dedicado á práctica do volei-praia, balonmán-praia e fútbol praia, que inclúe, ademais, 16 canchas específicas para o xogo da petanca.

As obras, que foron visitadas hoxe polo deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde, Antonio Lomba, foron financiadas polo Plan Concellos 2020 da Deputación de Potnevedra cun orzamento total de execución de 48.319 euros.

[su_image_carousel source=”media: 43191,43190,43188″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Durante a visita, na que participaron tamén a concelleira Montse Magallanes e o concelleiro Miguel Español destacouse por parte do deputado de Cooperación o acerto desta recuperación, aproveitando a proximidade da praia e apostando por unha oferta singular tanto para residentes como para turistas. Lomba explicou que a recuperación deste espazo comezou coa retirada do valado de bloques que perimetraba a instalación e a súa apertura dentro dunha contorna privilexiada.

Durante a visita comprobouse a renovación total efectuada no pequeno edificio de vestiarios, que antes atopábase nun estado de semiabandono. Tamén creouse un espazo de atención ao público, así como unha sala para oficinas, almacén e un “office”, así como baños públicos adaptados, zonas de masaxes e aseos, lavabos e duchas. Ademais dotouse de novo alumeado exterior ás pistas de petanca, que contan cun elevado uso e que esta fin de semana acollerán un campionato.

A Aula Cemit de Tomiño organiza cursos dirixidos á infancia e mocidade, para romper estereotipos nas novas tecnoloxías

0

A Aula CEMIT de Tomiño impartirá os días 23 e 24 deste mes dous obradoiros de balde dirixidos á xente nova de entre 8 e 15 anos, baixo o lema ‘Steam, derrubando estereotipos’. O obxectivo é promover a creación de referentes, visibilizar roles e motivar as vocacións tecnolóxicas temperás, para espertar o interese e reforzar a confianza nas propias capacidades a través de obradoiros formativos prácticos, onde aprender e experimentar coa tecnoloxía, fomentar o talento e espertar as vocacións tecnocientíficas, Trataranse temas como: a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía, o uso creativo da tecnoloxía, máis aló do mero uso e consumo; a colaboración e o traballo en equipo, etc.

Utilizaranse ferramentas como o Scratch, Makey Mackey e circuítos de papel, adaptando os contidos á idade dos participantes. Haberá 2 grupos: un de 8 a 11 anos (luns e martes de 10.00 a 11.30h), e outro de 12 a 15 anos, en horario de 12.00 a 13.30h.

Para inscribirse pódese mandar unha mensaxe a [email protected] (enviando un teléfono de contacto), chamar ao 986 623 304 ou pasar pola aula situada no Campo da Feira do Seixo).

O CEIP Antonio Blanco Rodriguez de Covelo reformará toda a instalación eléctrica cun investimento de 48.000 euros

0

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vai impulsar de xeito inmediato a reforma integral do sistema enerxético eléctrico do CEIP Antonio Blanco Rodríguez de Covelo cun investimento de 48.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou esta actuación e o seu inminente comezo nestes próximos días nunha visita realizada esta mesma mañá ao colexio público xunto ao alcalde de Covelo, Pablo Castillo, e o xefe territorial de Educación, César Pérez.

“A Xunta de Galicia segue co seu compromiso coa mellora e modernización dos centros educativos públicos para que alumnos e profesores estean nunha situación da máxima confortabilidade e por iso temos programadas decenas de obras en toda a provincia de Pontevedra para comezar ao longo deste verán e, entre as mesmas, figura a necesidade de renovar a rede eléctrica do colexio de Covelo”, explicou o representante autonómico, que detallou que os traballos arrancarán de inmediato e remataranse en poucas semanas antes do comezo do vindeiro curso académico 2021/2022.

Esta mellora enerxética pretende modernizar toda a infraestrutura eléctrica do centro e subsanar algunhas deficiencias existentes e consistirá principalmente na renovación dos cadros coa instalación de proteccións diferenciais e posta a terra e a instalación de novas luminarias de emerxencia.

Así mesmo, tamén se procederá á execución doutras obras menores no sistema, como a colocación de novos condutores eléctricos e a mellora das liñas de distribución.

Trátase da décima actuación impulsada pola Xunta de Galicia no CEIP Antonio Blanco Rodríguez de Covelo na última década cun investimento global de máis de 250.000 euros, que permitiu acometer a renovación da carpintaría exterior, a reforma da cuberta do edificio principal e do pavillón, a instalación dunha nova sala de caldeiras e outras obras menores, en colaboración co Concello, nas pistas do patio, as fiestras e o ascensor.

A Xunta apoia o papel do Festival de Títeres de Redondela na difusión do teatro de monicreques

0

O Festival Internacional de Títeres de Redondela anunciou onte a programación da súa 22ª edición, que se desenvolverá do 1 ao 5 de setembro e para a que conta coa colaboración económica da Xunta de Galicia. Trátase dun dos nove encontros subvencionados en 2021 a través da modalidade de axudas a festivais de artes escénicas, mediante a que o Goberno autonómico recoñece un ano máis o papel da mostra redondelá na difusión e impulso do teatro de monicreques.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, quen participou nesta presentación xunto aos representantes da organización e do resto das entidades colaboradoras, explicou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade achega preto de 10.000 euros ao festival como adxudicatario da devandita liña de subvencións. Dotada con 200.000 euros, a convocatoria reforzouse este ano no marco do Plan autonómico de reactivación do sector cultural, cun aumento orzamentario do 5% respecto do investimento de 2020 e unha serie de modificacións nas bases para facilitar a adaptación dos eventos á evolución da pandemia.

Neste sentido, o responsable de Industrias Culturais subliñou que a Xunta mantén o seu compromiso cos principais festivais galegos de artes escénicas, considerados estratéxicos nas súas respectivas contornas e ámbitos artísticos, diante dun contexto sanitario que continúa a condicionar o seu desenvolvemento. “O obxectivo é contribuír á recuperación da actividade e á preservación do emprego cultural, así como volver gañar a confianza do público grazas á aplicación de todas as medidas sanitarias vixentes, sen menoscabo da calidade das programacións”, engadiu.

En canto á programación desta 22ª edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela, Sutil incidiu na súa variedade de estilos e propostas dentro do ámbito dos monicreques. A carteleira está composta por espectáculos dunha vintena de compañías teatrais e formacións musicais, entre os que, ademais das propostas galegas, atópanse montaxes chegadas desde outros puntos de España, así como de Francia e Rusia.

O Multiúsos da Xunqueira e as rúas redondelás converteranse durante cinco días no escenario dunhas corenta citas culturais, entre funcións, concertos e exposicións, como 35 anos de Títeres Cachirulo ou a instalación Retablos mecánicos.

O Centro Cívico de Ponteareas contará con máis de 900 m2 para actividades sociais e servizos municipais

O goberno de Ponteareas (BNG-PSOE) presentou onte ás asociacións e colectivos da vila o proxecto do primeiro Centro Cívico de Ponteareas que ofrecerá máis de 900m2 para servizos de alta demanda e espazos para mocidade, infancia, asociacións e colectivos e para a realización de obradoiros, cursos ou exposicións. “O primeiro edificio público destas características en Ponteareas posibilitará o encontro da cidadanía e apoiará o asociacionismo con espazos versátiles e flexíbeis”, explicou a alcaldesa Cristina Fernández Davila na presentación da reunión.

No encontro o concelleiro de Participación Cidadá e primeiro tenente de alcalde, Roberto Mera, suliñou a importancia deste novo servizo público que resolve unha forte demanda da cidadanía que non dispuña de salas para o desenvolvemento diario da súa actividade. “O novo edificio permitirá dispor de espazos para servizos públicos ou actividades sociais actualmente inexistentes. Espazos confortables dotados de tecnoloxía nos que manter reunións e poder realizar obradoiros e cursos, entre outros usos. Do mesmo xeito que no rural as Casas Culturais acollen a súa vida social e cultural das parroquias, o novo Centro Cívico atenderá esa demanda no centro urbano.”

Ubicado no número 39 da Praza Maior, a reforma cofinanciarase nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do programa EDUSI “Ponteareas, Hábitat Saudable”, e nun 20% polo Concello de Ponteareas.

Espazos para a mocidade, salas de reunións para asociacións e colectivos, espazos para obradoiros e cursos, servizo de atención temperá e unha oficiña de información son algunhas das claves deste novo espazo público

O concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, describíu o espazo adicado á mocidade como “un espazo activo e permanente, flexible e de amplo horario no que a mocidade poderá gozar non só de actividades dirixidas se non tamén dun espazo para desfrute individual e colectivo”.

Goberno, técnicos e colectivos repasaron o deseño interior do Centro Cívico para maximizar as posibilidades deste novo ben municipal e configurar espazos dinámicos capaces de adaptarse ás necesidades diarias dos e das usuarios/as.

O público asistente recoñeceu a histórica necesidade dun espazo, achegou opinións e suxestións respecto ao proxecto de rehabilitación do edificio e amosou gañas de participar na futura xestión do Centro Cívico comprometéndose o goberno a celebrar novos encontros nos que concretar o módelo de xestión.

Unha oficiña de atención á cidadanía, unha sala de exposicións tanto fixas como temporais, salas para proxeccións e para actividades formativas, salas de reunións, servizo de atención temperá e espazos que contribúan á conciliación familiar e laboral son algúns dos usos que acollerá.

Ademais, “con este novo proxecto, o goberno local fomentará tamén a presenza de persoas na Praza Maior favorecendo a revitalización urbana e comercial da contorna e contribuíndo á dinamización do casco vello, tanto da propia Praza Maior como das rúas que conectan peonilmente con esta: Oriente, Esperanza, República Arxentina, e outras da zona mais antiga do núcleo”, sinalou a tenenta de alcaldesa Chus Garrote.

“Este edificio municipal súmase aos dous andares adquiridos no edificio da Seguridade Social, tamén na Praza Maior, e a novos espazos nos que o goberno xa traballa para dar resposta ás carencias históricas que agora, grazas á recuperación económica do Concello realizada dende 2015 permite incrementar o patrimonio municipal beneficiando á veciñanza con servizos máis amplos e de calidade”., sinalou a Alcaldesa Cristina Fernández.

Novamente a través de procesos participativos recolléronse ideas e demandas que darán vida a esta propiedade ubicada nunha parcela de 341 m2 do nº 39 da Praza Maior.

Comezan na Cañiza as obras de asfaltado do firme de todo o treito urbano da N-120

0

Hoxe martes, 17 de agosto, comezan na Cañiza as obras de asfaltado de todo o treito urbano da N-120. Os traballos inícianse tras a reunión que o alcalde Luis Piña mantiña en Madrir, o pasado 27 de xullo, co secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Sergio Vázquez. Nesa reunión, Vázquez comunicaba ao rexedor local que o Ministerio daba luz verde á reclamación do Concello da Cañiza para repoñer e reasfaltar todo o firme da N120 ao seu paso polo núcleo urbano.

Dende a apertura do Tunel de Folgoso a principios de maio deste ano, o alcalde da Cañiza notificaba oficialmente á Secretaría de Estado de Transportes,  á Demarcación de Carreteras del Estado en Galicia e en Pontevedra e a Delegación do Goberno de España en Galicia e Subdelegación de Pontevedra, do “estado intransitable en que quedou o firme da estrada Nacional 120 na súa travesía polo casco urbano da Cañiza, con motivo do peche do túnel da A-52 Rías Baixas en sentido Vigo Ourense”.

[su_image_carousel source=”media: 43163,43162,43160,43159″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

É preciso salientar que o túnel do Folgoso estivo pechado durante 3 meses, dende o 21 de xaneiro ao 30 de abril, debido ao accidente dun camión de grandes dimensións  que se incendiou dentro do túnel, provocando graves danos nas súas infraestruturas.

O peche dese paso obrigado de vehículos que circulan pola A-52, obrigou a desviar todo o tráfico da Autovía pola N-120, ocasionando un importante deterioro na calzada que non estaba preparada para absorber tal volume e densidade de tráfico.    

Broken Peach encherá de música o torreiro de San Vicence en Marzán, O Rosal, o venres 20 de agosto

0

Broken Peach encherá de rock and roll e de blues o Torreiro de San Vicente en Marzán, ao carón da capela, o próximo venres ás 21.00 horas. A entrada a actuación é de balde, pero as persoas interesadas deben reservala a través da web do Concello do Rosal.

O concelleiro de Cultura, Carlos Villanueva, anima a veciñanza “ a aproveitar ao máximo a grande calidade musical do que resta da axenda verán do Rosal”, e lembra que a día de hoxe aínda quedan entradas dispoñibles.

Areeiro destaca o descenso do mildio e recomenda que non cese a vixilancia da botrite

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar o pasado venres un novo aviso fitosanitario no que destaca que os acios das viñas están xa no pintado, polo que a excepción dos rebuscos, xa non son sensibles ao mildio. Malia a elevada pluviometría desta campaña, o persoal da EFA non detectou novos síntomas nas súas parcelas de seguimento, salvo nas plantas testemuña. Así, considerando as previsións meteorolóxicas que anuncian tempo seco, a Estación estima que non é preciso renovar as intervencións.

Doutra banda, detectouse un forte incremento na presenza de síntomas de oídio, tanto en folla como en pampo, nalgunha planta testemuña e nun gromo non tratado dun predio do Salnés. Aínda que convén manter a vixilancia, o fungo xa non pode afectar aos acios, polo que en principio non serán necesarias máis aplicacións fronte a esta enfermidade. Nas viñas visitadas polo persoal da EFA apareceron tamén algúns grans afectados pola botrite, aínda que de xeito moi esporádico. Non obstante, comezan a observarse os primeiros danos nos grans dalgunhas zonas causados pola avespa asiática, de xeito que se o tempo se volve inestable debería plantexarse a aplicación de funxicidas de curto prazo de seguridade ou mesmo a aplicación de produtos naturais.

Forma escura de Cydalima

Ademais, segundo informan dende a Estación, é preciso non perder de vista as avelaíñas do acio, máis polos danos indirectos que se poden producir pola aparición de botrite e outras incidencias da uva que polos danos directos que poden causar as perforacións desta praga. Respecto aos cicadélidos, a semana pasada recolléronse os dous primeiros adultos do mosquito “scaphoideus titanus”, causante da enfermidade da flavescencia dourada, nunha viña en ecolóxico situada na rede de seguimento da EFA no concello de Salvaterra de Miño, o que motiva a recomendación dun tratamento fronte ao insecto nesa viña. Finalmente, aconséllase manter a vixilancia do buxo, para previr a aparición da “polilla do buxo” sobre todo naquelas plantas onde aínda non se vexan follas brotando en bo estado.

Finalmente, aconséllase manter a vixilancia do buxo, para previr a aparición da “polilla do buxo” (cydalima perspictalis). Na maioría das sebes e plantas observadas xa se observan follas novas e sas, sen indicios das eirugas. Non se agardan danos de importancia, pero hai que manter a vixilancia especialmente nas plantas onde aínda non se vexan follas brotando e en bo estado.

A Xunta dotará dunha glorieta a intersección da PO-255 coa EP-5104, en Covelo, para mellorar a visibilidade

0

A Xunta adxudicou a redacción do proxecto de mellora da seguridade viaria na intersección da estrada autonómica PO-255 no concello de Covelo. O contrato, adxudicado á consultora Inrupre, S.L. por preto de 18.000 euros, ten un prazo de 5 meses para redactar o proxecto. O obxectivo é reformar a intersección do punto quilométrico 31+540 da PO-255 coa estrada provincial EP-5104 para mellorar a visibilidade dos vehículos que circulan pola vía.

O proxecto desenvolverá as actuacións para converter este intersección en “T” nunha glorieta, de modo que todos os xiros se poidan realizar de xeito seguro. Ademais, na actuación incluirase a rehabilitación do firme na contorna da intersección, como mínimo no treito entre os puntos quilométricos 31+100 e 31+530.

No marco dos traballos, o proxecto deberá incluír a identificación dos terreos necesarios para a tramitación do correspondente expediente expropiatorio, necesario para a execución das obras.

A Plataforma N-120 de Ponteareas lamenta a falta de xestión do Concello no que cualifica de “proxecto fantasma” da reforma da estrada

A Plataforma N-120 de Ponteareas vén de facer público un escrito no que lamentan a falta de xestión do Concello ante o que cualifican de “proxecto fantasma” de reforma da estrada. Esa inacción, sinala a plataforma, contrasta coa actitude do alcalde da Cañiza, Luis Piña (PSOE), ao que queren felicitar públicamente “pola magnifica xestión” que levou a cabo en favor da estrada nacional 120 ao paso polo seu municipio.

Lembra a Plataforma que Piña, logo de ir a Madrid, onde se reuniu co Secretario de Estado e co asesor da ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, conseguiu que “en
menos de dous meses” déranlle luz verde a o reasfaltado de dita da N-120 cun investimento de preto dos 800.000 euros.

Contrapoñen estas xesións coas realizadas polo Concello de Ponteareas que, segundo a Plataforma, logo de innumerables intentos “conseguiu que na Subdelegación do Goberno alguén (non a subdelegada) lle collera o teléfono para decirlle que este mes non era apropiado para falar da exposición pública do proxecto “fantasma” da
reforma da N-120″.

A plataforma preguntase, ante esta situación, “que máis necesita o Concello ponteareán para darse de conta que dende o PSOE estánlle a tomar o pelo”.

“Canta xente ten que morrer para que a reforma da N-120 mereza como mínimo o mesmo
tratamento que a reforma da estrada pola Cañiza ou, a mesma pola que se acaba de
aprobar unha pasarela para os peregrinos en Mos?”.

Facendo un símil cos recentemente celebrados xogos olímpicos, asegura a plataforma que Ponteareas segue a “medalla de ouro en peores accesos á autovía, atascos diarios, saqueo nos presupostos e falta de interese político”.

Eva García critica que a Xunta “volva a penalizar á hostalaría do Porriño” que so poderá traballar co 30 % de aforamento no interior

O Porriño é un dos concellos da área de Vigo que se atopa en nivel alto de restricións e, como consecuencia, a hostalería do municipio tan só poderá traballar co 30 % do aforamento no interior dos locais a partires das 00:00 h deste martes 17.

A decisión da Xunta de Galicia é consecuencia da negativa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a autorizar que se esixa o certificado de vacinación Covid aos clientes para acceder ao interior de cafeterías, bares, restaurantes e outros locais de hostalería.

A raíz do fallo do Tribunal, a Consellería de Sanidade decidiu responder reducindo o aforamento no interior dos locais, baixando de 50 % ao 30 %. No que atinxe ás terrazas, seguirá no 50 %. E os establecementos de ocio nocturno continuarán pechados.

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, considera que “estas medidas non son de recibo” e volven penalizar o sector da hostalería “que xa foi castigado dabondo alongo destes meses”. Segundo a rexedora que “o TSXG non lles dera a razón, non pode levar como consecuencia que se ceben no sector máis castigado por esta pandemia”.

García de la Torre interpelou á Xunta de Galicia a que “vacine masivamente, especialmente á xente nova, por que as vacinas son o verdadeiro remedio e, polo tanto, que deixen de prexudicar sempre aos mesmos”.

Carmela Silva, madrina da promoción de ADE da USC

A presidenta da Deputación non puido agochar a súa emoción ao recibir no Pazo Provincial a Guillermo Meijón, representante do alumnado da última promoción de Administración e Dirección de Empresas da USC (2017-2021) que a nomeu como madriña.

Meijón fixo entrega á presidenta dun ramo de flores entre as que destaca a cor violenta, unha cor ligada ao movemento feminista que tan fortemente defende a institución provincial. Neste senso, e entre palabras de agradecemento, Carmela Silva puxo de manifesto a relevancia que para ela ten que as novas xeracións lle dean importancia á igualdade porque apostar por ela “é sementar futuro”.

A presidenta provincial recibiu tamén unha orla da promoción –na que se inclúe a súa imaxe– que colocará “nun lugar moi preferente para recordar sempre este detalle posto que o feito de que me elixiran madriña dunha promoción de outra provincia fai que me sinta moi orgullosa”.

Meijón, que tamén é presidente da asociación E3Galicia, dende a que se propuxo á presidenta provincial como madriña de promoción, subliñou que a elección de Carmela Silva estivo “marcada pola súa traxectoria así como pola transformación que fixo da Deputación sobre todo en materias de Igualdade e Cultura, piares fundamentais de calquera sociedade”.

Gonzalo Caballero critica a “irrisoria” rebaixa das peaxes autonómicas que só beneficia ás familias numerosas

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, vén de criticar a “insuficiente” e “irrisoria” rebaixa das peaxes autonómicas nas autoestradas AG-55 e AG-57, xa que “só beneficia a familias numerosas”, o que supón que “exclúe á meirande parte da poboación galega”.

“O cinismo de Feijóo é tal que anuncia por todo o alto unha bonificación nas peaxes autonómicas destinada a un sector da poboación moi concreto, deixando fóra á meirande parte dos galegos e galegas e, aínda por riba, que só se pode desfrutar de luns a vernes”, censurou o dirixente socialista.

Isto chega, subliñou, “despois de que o presidente da Xunta dixese, hai dúas semanas, que a rebaixa histórica das peaxes da AP-9, aprobada polo goberno de España, era insuficiente” cando “suporán 2.300 millóns de euros ata o ano 2048” e “delas pode beneficiarse toda a poboación galega durante todos os días da semana”.

“Cando o goberno de España levou adiante a rebaixa histórica da AP-9, Feijóo anunciou que ía rebaixar as peaxes das autoestradas galegas da Xunta, pero só foi marketing, un anuncio de botafumeiro”, criticou o mandatario socialista quen sinalou que o plan de bonificacións vence en 2023, “o que reflicte a falla de vontade” do goberno galego con abaratar a mobilidade en Galicia.

Doutra banda, Gonzalo Caballero censurou o “papeleo” que hai que realizar para poder beneficiarse dos descontos, xa que as familias numerosas que queiran acollerse á redución, teñen que darse de alta nun rexistro en liña habilitado pola concesionaria, o que provoca que, a día de hoxe, esta rebaixa “só chegue a 40 familias”.

Por todo isto, o dirixente socialista urxiu a Feijóo a “levantar a peaxes das autoestradas galegas” no Valmiñor e en Carballo, que supoña “un beneficio para todos os galegos e galegas” que frecuenten estas vías, xa que “hai fondos e pode facelo”.

Nigrán prepárase para vivir a segunda edición de ‘Parrulas Fest’ festival dedicado á infancia con dez compañías galegas e unha andaluza

0

O Concello de Nigrán ofrece desde o mércores 18 ao sábado 21 a segunda edición do Parrulas Fest no esteiro de A Foz da Ramallosa, festival producido desde a cooperativa Charlatana e dirixido a público infantil e familiar.

Nesta ocasión, a cita presentada na propia localización, contará con dez das mellores compañías galegas de artes escénicas (maxia, circo, acrobacias, teatro e outras disciplinas) e coa maga, actriz e show-woman xerezana Lola Mento como artista convidada desde Andalucía. Todas as actuacións serán a partir das 20:00 horas (a maiores as dúas de venres e sábado ao mediodía para primeira infancia) e, coma no 2020, contará con aforo limitado e demais medidas de seguridade Covid-19.

“O ano pasado estreamos Parrulas con gran éxito e pese a todas as circunstancias adversas porque consideramos que as crianzas non debían esperar máis tempo sen actividades propias despois dun confinamento especialmente duro no seu caso, este é o seu festival e ven para quedarse, agardamos que no 2022 sexa xa sen restricións”, desexou o alcalde, Juan González.

Como novidade, nesta ocasión haberá dúas actuacións ao mediodía pensadas especialmente na primeira infancia, sendo o venres a cargo de ‘A tropa de trapo’ co seu espectáculo Barquiño de pau e o sábado ‘O Mago Paco con Patapatún Tun Tun. Ademais, o festival destaca tamén polo seu compromiso social ao acoller o sábado 21 unha gala solidaria a favor de Pallasos sen Fronteiras conducida por Peter Punk, nome artístico de Isaac Rodríguez, nigranés e socio fundador a súa vez da cooperativa Charlatana e vicepresidente da Asociación de Profesionais do Circo de Galicia.

O fin é que o recadado mediante a ‘gorra solidaria’ dos artistas participantes vai directamente a esta entidade que traballa a nivel nacional e internacional a favor da infancia máis desfavorecida co obxectivo de mellorar a súa situación emocional.

“Regresamos cunha programación moi variada e coidada na que destacan valores como a igualdade, o coñecemento, a escoita e o humor. Ao mesmo tempo favorecemos a socialización con familias e amizades e sementamos nos cativos o amor pola cultura e a lingua galega”, destaca Isaac Rodríguez, quen ten como obxectivo “situar a Nigrán no mapa dos festivais de artes escénicas en Galicia”.

Así, Parrulas Fest arrancará o mércores 18 con Brais das Hortas (Contos para caghar patatillas) e Patty Diphusa (Superharte); xoves con Asacocirco e Circanelo; venres con Tropa de Trapo a mediodía e, na sesión vespertina, con Duende Circo (Pallaso Total) e Pajarito (Isolada) e, finalmente, sábado con O Mago Paco a mediodía e pola tarde Lola Mento e a gala a favor de Pallasos sen Fronteiras.

O Concello de Redondela recupera e pon en valor a contorna do Multiúsos da Xunqueira

0

O Concello vén de iniciar os traballos de recuperación e posta en valor da contorna do Multiúsos da Xunqueira, co fin de que este inmoble, ao redor do que xira gran parte da vida cultural de Redondela, poida contar cunha contorna máis adecuada. Cómpre salientar que a parte que linda co río é tradicionalmente zona de reunión da adolescencia do municipio “polo que era preciso ofrecerlles un lugar máis axeitado para o ocio e a socialización”.

Precisamente esa zona lindante co río está composta por un solo de xabre e vexetación ornamental que, ao mesmo tempo, funciona como delimitación de subzonas como o paseo e prazas. Actualmente o estado de deterioro é máis que evidente e no propio informe técnico do proxecto sinálase que “o mantemento non é adecuado xa que o pavimento vese deteriorado, con faltas de xabre e na súa totalidade esténdese o crecemento incontrolado de herba”.

A actuación que se está a realizar permitirá, polo tanto, transformar unha zona infrautilizada nun lugar máis ‘amable’, gañando un novo espazo público para desfrute da cidadanía e en sintonía coa contorna na que se atopa.

Para iso, os traballos inclúen o aporte de xabre, terras e nivelación, compactado da superficie para, posteriormente dotar á zona dun piso de pavimento en formigón pulido, nunha parte e noutra dotala de céspede.

Unha vez rematados estes primeiros traballos, desenvolveranse todos os de xardinería e os encamiñados a dotar de mobiliario urbano o espazo con muros de fábrica de bloque de formigón e taboleiro cerámico revestido e, os asentos, rematados con madeira.

A maiores, e dado que se trata dun espazo especialmente utilizado pola mocidade, os bancos contarán con puntos de recarga para os dispositivos móbiles e a zona estará dotada de rede wifi.

Para maior aproveitamento do espazo, será dotado dunha grande luminaria para un correcto alumeado da zona. Finalmente, o proxecto inclúe a reparación das escaleiras do multiúsos e a reparación e mellora da recollida de augas pluviais.

“Non se trata dun ‘lavado de cara”, sinalou a alcaldesa Digna Rivas, “senón dunha obra pensada e realizada para recuperar outra zona céntrica de Redondela, utilizada pola veciñanza e sobre todo pola adolescencia”. A alcaldesa redondelá lembra que, a maiores, todo o espazo é “perfectamente visible dende a outra beira do río, tanto a pé como en coche, e ofrecía un lamentable aspecto de abandono”.

Rivas asegurou que, como todas as actuacións que desenvolve o Concello, “está estudada e deseñada para que sexa totalmente accesible” e, nese sentido engade a rexedora redondelá, “a pavimentación e o mobiliario colócanse nunha zona sen desnivel e que posúe accesos de máis de 80 centímetros, espazos horizontais de xiro de 1,5 metros de diámetro no mesmo e que cumple con todas as distancias e normativas aplicables”.

Finalmente, Digna Rivas fixo fincapé en que esta obra de recuperación e posta en valor da contorna do Multiúsos da Xunqueira, que se realiza a través do Plan Concellos 2019, “non é unha actuación illada, senón que responde a un plan global posto en marcha polo Goberno local, para recuperar espazos públicos para a cidadanía”.

Mondariz, referencia estival para o fútbol base

0

As instalacións deportivas da Lagoa, en Mondariz, convertéronse este verán en epicentro da promoción do fútbol base na provincia, cun campus e cun torneo internacional organizado pola escola MS2, do exfutbolista galego Míchel Salgado. O Concello de Mondariz, interesado en fomentar a actividade turística e deportiva na localidade, apoiou o proxecto e colaborou activamente coa organización para atraer visitantes en condicións de seguridade.

O torneo internacional MS2 Cup, que foi presentado no campo municipal de fútbol da Lagoa o 12 de agosto, xa está en marcha coa participación de clubes e xogadores de diferentes países. Ademais de referentes do fútbol galego como o RC Celta, o RC Deportivo da Coruña ou o CD Lugo, na competición atopamos equipos portugueses como o FC Porto ou o Vitória SC de Guimarães e outros como o Fursan Hispania FC.

“O carácter internacional deste evento non só é positivo para situar a Mondariz no mapa, senón tamén para promover experiencias interculturais entre a mocidade galega”, sinala Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

MS2 Cup é unha iniciativa do exfutbolista Míchel Salgado, natural das Neves, para crear un gran torneo de fútbol base en Galicia no que xoguen equipos de todos os continentes. A primeira edición tivo lugar en Ponteareas en 2019 e conseguiu reunir a 90 equipos das diferentes categorías de fútbol base.

Esta segunda edición, que se organiza no campo municipal de fútbol da Lagoa coa colaboración do Concello de Mondariz, tamén incluirá na axenda o torneo local Trofeo Concello de Mondariz, un partido entre o Mondariz FC e o equipo xuvenil nacional do RC Celta programado para o 16 de agosto, a partir das 19:00 horas, que servirá como presentación oficial do primeiro equipo do Mondariz FC.

Inauguradas as obras do proxecto “Máis Goián” de recuperación do espazo público

0

A praza principal da parroquia tomiñesa de Goián acolleu onte á noite a inauguración das obras de reconfiguración e recuperación do espazo público do proxecto ‘Máis Goián’ finalizadas recentemente.

A presentación das obras do novo e transformado núcleo urbano da parroquia, serviu tamén como acto de inauguración dunha escultura dedicada ao famoso pintor goianés Antonio Fernández (que dá nome á praza), realizada polo escultor Magín Picallo, residente en Goián dende hai 60 anos. Trátase dunha estatua de dous metros de altura esculpida en bronce e a primeira obra do autor na súa vila adoptiva.

O acto, ao que asistiron unhas 500 persoas, estivo amenizado pola Agrupación Musical de Goián e contou coas intervencións do deputado provincial e 1º tenente alcalde de Tomiño, Uxío Benítez (veciño de Goián); do autor da peza escultórica, Magín Picallo; da alcaldesa de Tomiño, Sandra González e da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. Previamente á inauguración, as autoridades realizaron un percorrido polas obras, acompañados polos técnicos que desenvolveron o proxecto.

[su_image_carousel source=”media: 43086,43090,43088,43089,43087″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O proxecto Máis Goián, materializado en distintas fases durante os últimos anos (dende o 2017), ten como obxectivo revitalizar a vida social, comercial e cultural a través da creación dun centro urbano atractivo que conecte os equipamentos públicos existentes a través da mobilidade peonil. “En Goián temos o privilexio de poder cunha gran cantidade de equipamentos públicos como o auditorio, a escola infantil, o consultorio médico, o CEIP Antonio Fernández, o pavillón e moitos outros, todos moi próximos, a menos de dous minutos andando, pero que ata o de agora estaban de costas entre eles”, explicou Benítez.

A intervención, na que se investiron preto de dous millóns de euros, contou co apoio económico da Deputación de Pontevedra, o Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) a través do fondo FEDER de crecemento sostible, etc.

Aínda falta por rematar a creación dun skatepark e dunha pista polideportiva, pero o proxecto xa ten como resultado un grande aumento do espazo público preferente para as persoas, que pasa de 7.150 a 43.800m2, o que o converte no maior proxecto de recuperación de espazo público da comarca e un dos maiores do país.

Ademais da peonalización da praza Antonio Fernández, das súas inmediacións e da Avenida Ordóñez, no proxecto ten tamén moita importancia a creación de zonas verdes, dedicando 2.200m2 destes espazos para zonas axardinadas e arbóreas, con 115 novas árbores introducidas, ademais da recuperación dunha carballeira de 7.000 m2 para o desfrute da veciñanza.

Tamén destaca a ampliación do recinto do colexio Pintor Antonio Fernández, con máis de 1.500 m2 de zonas verdes; a rehabilitación da contorna das escolas vellas, a mellora da eficiencia enerxética do Mercado de Goián. e a creación de tres aparcadoiros municipais con máis de 200 prazas de estacionamento.