9.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaA Xunta apoia o papel do Festival de Títeres de Redondela na...

    A Xunta apoia o papel do Festival de Títeres de Redondela na difusión do teatro de monicreques

    Esta mostra internacional é unha das nove adxudicatarias da última convocatoria de subvencións da Consellería de Cultura, Educación e Universidade a certames de artes escénicas de carácter profesional, dotada con 200.000 euros

    O Festival Internacional de Títeres de Redondela anunciou onte a programación da súa 22ª edición, que se desenvolverá do 1 ao 5 de setembro e para a que conta coa colaboración económica da Xunta de Galicia. Trátase dun dos nove encontros subvencionados en 2021 a través da modalidade de axudas a festivais de artes escénicas, mediante a que o Goberno autonómico recoñece un ano máis o papel da mostra redondelá na difusión e impulso do teatro de monicreques.

    O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, quen participou nesta presentación xunto aos representantes da organización e do resto das entidades colaboradoras, explicou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade achega preto de 10.000 euros ao festival como adxudicatario da devandita liña de subvencións. Dotada con 200.000 euros, a convocatoria reforzouse este ano no marco do Plan autonómico de reactivación do sector cultural, cun aumento orzamentario do 5% respecto do investimento de 2020 e unha serie de modificacións nas bases para facilitar a adaptación dos eventos á evolución da pandemia.

    Neste sentido, o responsable de Industrias Culturais subliñou que a Xunta mantén o seu compromiso cos principais festivais galegos de artes escénicas, considerados estratéxicos nas súas respectivas contornas e ámbitos artísticos, diante dun contexto sanitario que continúa a condicionar o seu desenvolvemento. “O obxectivo é contribuír á recuperación da actividade e á preservación do emprego cultural, así como volver gañar a confianza do público grazas á aplicación de todas as medidas sanitarias vixentes, sen menoscabo da calidade das programacións”, engadiu.

    En canto á programación desta 22ª edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela, Sutil incidiu na súa variedade de estilos e propostas dentro do ámbito dos monicreques. A carteleira está composta por espectáculos dunha vintena de compañías teatrais e formacións musicais, entre os que, ademais das propostas galegas, atópanse montaxes chegadas desde outros puntos de España, así como de Francia e Rusia.

    O Multiúsos da Xunqueira e as rúas redondelás converteranse durante cinco días no escenario dunhas corenta citas culturais, entre funcións, concertos e exposicións, como 35 anos de Títeres Cachirulo ou a instalación Retablos mecánicos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.