15.8 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizO documental sobre a tradición cesteira de Mondariz comeza a súa xira...

    O documental sobre a tradición cesteira de Mondariz comeza a súa xira en Verín

    O documental, enmarcado nun proxecto de recuperación do oficio tradicional de cesteiro en Mondariz, está producido pola compañía EscénaTe e conta con recoñecidos cineastas galegos no seu equipo artístico, como o director Fon Cortizo e o guionista Alexandre Cancelo.

    A historia do último mestre cesteiro de Mondariz, Enrique Táboas, serve de fío para tecer narrativamente a memoria colectiva do oficio e os aspectos culturais que o rodeaban, como o verbo dos cesteiros da localidade e a íntima relación coa natureza.

    Despois da súa estrea oficial no Concello de Mondariz o pasado 30 de xullo, en véspera da Feira dos Oficios Artesáns desta localidade, o documental inicia unha xira por diferentes roteiros xacobeos no Concello de Verín este venres, 20 de agosto de 2021.

    Punto de partida

    Durante xeracións e xeracións, Mondariz atesourou unha tradición cesteira propia moi apreciada en Galicia e mesmo en Portugal que se caracterizaba polo uso de láminas de madeira, en vez de vimes, e polo refinamento da confección artesanal. Até as últimas décadas do século XX, eran poucas as casas do Concello de Mondariz que non tiñan cesteiros na familia. Nunha economía de subsistencia, a artesanía era a actividade que permitía obter ingresos. O oficio transmitíase de pais a fillos, tanto no taller como no monte, pois o coñecemento das árbores que servían de materia prima para os cestos, como os castiñeiros e os carballos, era tan importante como a técnica na utilización das ferramentas.

    Os cesteiros de Mondariz, ademais de vender os seus produtos nas feiras da contorna, como Ponteareas ou O Porriño, traballaban como artesáns itinerantes durante boa parte do ano. Ás localidades da costa atlántica ían para elaborar e suministrar patelas, un tipo de cesto cadrado con bordo baixo que era empregado principalmente para gardar o peixe. Ao interior da provincia de Ourense desprazábanse para fabricar cestos destinados á vendima e outros labores agrícolas. O gremio de cesteiros da localidade mesmo chegou a desenvolver un verbo propio para comunicarse entre si. Este, sen embargo, foise perdendo nas últimas décadas do século XX coa progresiva diminución de artesáns.

    A chegada dos produtos de plástico, moito máis baratos que os cestos tradicionais de láminas de madeira, deu a estocada final ao oficio, que deixou de ser rendible e mesmo interesante para as novas xeracións. Hoxe en día, tan só existe un cesteiro en activo que conserva a tradición artesanal de Mondariz. Trátase de Enrique Táboas (1955), fillo e neto de cesteiros de Mondariz, pero asentado en Sanxenxo.

    Un documental que aporta visión de futuro sobre o oficio

    A historia de Enrique Táboas, como último mestre cesteiro de Mondariz, serve de fío para tecer narrativamente a memoria colectiva do oficio e os aspectos culturais que o rodeaban, como o verbo dos cesteiros e a íntima relación coa natureza. Mais esta non é a única fonte do documental, que tamén recolle as testemuñas doutras persoas relacionadas coa tradición cesteira da localidade desde diferentes perspectivas, como o etnógrafo Clodio González, experto en arte popular; o filólogo Jorge Rodrigues, experto en xergas gremiais; a cesteira contemporánea Idoia Cuesta, fincada na Galicia rural e renovadora do oficio; ou veciños e veciñas de Mondariz que comparten as súas memorias sobre aquel modo de vida extinguido.

    O documental non se presenta como unha obra audiovisual etnográfica, senón como un traballo de recuperación da memoria colectiva con clara visión de futuro. Aspectos como a contribución das mulleres e a relación da comunidade cesteira con medio natural teñen un gran protagonismo e conectan co presente e co futuro.

    A produción do documental corre a cargo do Concello de Mondariz, como institución receptora da axuda do programa O Teu Xacobeo que financia o proxecto, e da compañía EscénaTe, liderada por Santiago Pérez, vencellado familiarmente a Mondariz. No seu equipo artístico figuran recoñecidos nomes do panorama audiovisual galego, como o director Fon Cortizo, que foi premiado na última edición do Festival Internacional de Cine de Xixón coa súa longametraxe “9 Fugas”, ou o guionista Alexandre Cancelo, que tamén acredita unha
    prometedora traxectoria como creador audiovisual.

    Detrás hai un ambicioso proxecto de recuperación

    A produción deste documental contextualízase nun proxecto máis ambicioso de recuperación de saberes, desenvolvemento económico local e sostibilidade que xira ao redor da cestería de láminas de maneira propia de Mondariz. O que se busca é formar a cesteiros e cesteiras para que se poida manter a tradición local e renovar o oficio a través da innovación creativa das novas xeracións; ao mesmo tempo, promover na localidade a plantación de árbores que sirvan de materia prima para a confección deste tipo de cestos, como castiñeiros e carballos. A comercialización de cestos de láminas de madeira orientados a usos máis modernos ofrecería unha interesante alternativa aos produtos de plástico, que desde hai tempo supoñen un grave problema para o medio ambiente.

    Venres, 20 de agosto: inicio das proxeccións itinerantes no Concello de Verín

    O documental, que foi rodado no mes de maio en diversas localizacións de Galicia, foi presentado oficialmente o 30 de xullo de 2021 no Concello de Mondariz, en véspera da 32ª edición da Feira dos Oficios Artesáns desta localidade. No contexto do programa O Teu Xacobeo, o proxecto tamén inclúe unha xira de presentación por diferentes concellos atravesados por roteiros xacobeos que se inicia este venres, 20 de agosto de 2021, no Concello de Verín e continuará nás próximas semanas nos concellos de Allariz, Arzúa, Rianxo, Redondela e O Porriño. Esta itinerancia conecta coa propia tradición dos cesteiros de Mondariz, que se desprazaban a outras localidades con maior demanda de cestos coas súas ferramentas ao lombo para traballar como artesáns residentes. Así mesmo, a presentación itinerante permite unir culturas cesteiras que se desenvolveron en diferentes lugares da xeografía galega a través do intercambio de saberes e memorias.

    O documental, producido polo Concello de Mondariz a través dunha subvención do programa O Teu Xacobeo, será presentado polo propio alcalde da localidade, Xosé Emilio Barros, firmemente comprometido coa recuperación deste oficio artesán. Nalgunhas das proxeccións estará acompañado polo produtor executivo da obra, Santiago Pérez (EscénaTe).

    No Concello de Verín, o documental será presentado ás 20:00 horas no Auditorio Municipal.

    Acceso ao tráiler do documental

    O tráiler do documental pode ser visto en YouTube, a través da seguinte ligazón:
    https://youtu.be/t4_gv0tX1n8.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.