A praza Avelino Vicente do Concello da Guarda foi onte a nova parada da campaña informativa do proxecto DepoMar, que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha con financiamento europeo xunto á Fundación Biodiversidad para fomentar a protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas mariños en espazos da Rede Natura 2000 da provincia a través da participación activa e directa das mulleres mariscadoras.
O deputado provincial Sántos Héctor, acompañado do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, a concelleira Montserrat Magallanes e o concelleiro Miguel Español, participou nesta xornada da campaña, que está a ter unha grande acollida e percorrerá en total oito concellos do litoral da provincia.
Deste xeito, na carpa distribuíuse material divulgativo do proxecto e dous códigos QR: un co audiovisual do proxecto, protagonizado por mulleres do sector do mar e que ten como obxectivo difundir a importancia do traballo da muller mariscadora na conservación dos recursos mariños, que tamén está a difundirse nas redes sociais da Deputación, e outro co código de boas prácticas elaborado no marco desta iniciativa.
Tralo seu paso polos concellos de Vigo e A Guarda, a campaña continuará ata o 27 de agosto nos concellos de Cangas, Baiona, Redondela, O Grove, Cambados e Poio.