Luns, 13 Xaneiro de 2025

A Xunta dotará dunha glorieta a intersección da PO-255 coa EP-5104, en Covelo, para mellorar a visibilidade

O contrato foi adxudicado por preto de 18.000 euros e conta cun prazo de 5 meses para redactar o proxecto

A Xunta adxudicou a redacción do proxecto de mellora da seguridade viaria na intersección da estrada autonómica PO-255 no concello de Covelo. O contrato, adxudicado á consultora Inrupre, S.L. por preto de 18.000 euros, ten un prazo de 5 meses para redactar o proxecto. O obxectivo é reformar a intersección do punto quilométrico 31+540 da PO-255 coa estrada provincial EP-5104 para mellorar a visibilidade dos vehículos que circulan pola vía.

O proxecto desenvolverá as actuacións para converter este intersección en “T” nunha glorieta, de modo que todos os xiros se poidan realizar de xeito seguro. Ademais, na actuación incluirase a rehabilitación do firme na contorna da intersección, como mínimo no treito entre os puntos quilométricos 31+100 e 31+530.

No marco dos traballos, o proxecto deberá incluír a identificación dos terreos necesarios para a tramitación do correspondente expediente expropiatorio, necesario para a execución das obras.