Luns, 9 Xuño de 2025

SOS Fonte de Troncoso pide ao Concello de Mondariz Balneario que free o deterioro dunha vivenda centenaria

A Plataforma SOS Fonte de Troncoso, nacida en principio para chamar a atención sobre o deterioro dese manancial termal e felizmente reconvertira nunha plataforma de defensa do abondoso patrimonio que posúe o municipio de Mondariz Balneario, vén de chamar a atención sobre unha vivenda unifamiliar centenaria ameaza con colapsar e esborrallarse en Mondariz Balneario.

Trátase dun inmoble de dous andares construída integramente en cantaría perfectamente labrada e escuadrada. Situada na rúa Alfonso Paredes, nome do que foi cronista oficial da vila, conta cunha superficie construída de 425 m2 e incumpre as condicións de seguridade e ornato legalmente esixibles. Esta vía pública é unha das dúas rúas de uso peonil coas que conta o concello.

A casa ten unha notable antigüidade, xa que aparece incluída no “Plano de Población de Mondariz Balneario” que trazou o arquitecto Juan Argenti en 1929, o que permite deducir que foi construída hai un século aproximadamente. Actualmente deshabitada, a súa cuberta empezou xa a perder algunhas das súas tellas, ao punto que algunhas delas caeron sobre a rúa peonil que lle dá acceso. Ademais as silveiras e as hedras ascenden xa sen control por dúas das súas fachadas, provocando a caída dalgunhas tellas da cuberta, o que supón un grande perigo para as persoas.

De tipoloxía vilega, a edificación destaca polo extraordinario balcón voado decorado cunha varanda de ferro fundido que loce na súa fachada principal, decorado con lazos e motivos vexetais enmarcados entre reberetes de matriz xeométrica en forma de bandas horizontais.

Estado da vivenda cando estaba habitada

SOS Fonte de Troncoso presentou un escrito ante a Policía Autonómica para que inste ás administracións competentes, Concello de Mondariz Balneario e Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a emprender as accións legais oportunas para que o seu propietario, a empresa Proyecto Euroinsular SL, cumpra co deber de conservación que impón o art. 135.c da Lei 2/2016 do Solo de Galicia, que afirma que “os propietarios de toda clase de terreos,construcións, edificios e instalacións deberán: (…) Conservalos nas condicións legais para servirde soporte aos ditos usos e, en todo caso, nas de seguridade, salubridade, accesibilidadeuniversal eornatolegalmente exixibles.”

Arquitectura protexida

A casa en perigo de esborrallarse localízase a 35 metros da rúa Ramón Peinador, a rúa principal do concello, e á mesma distancia da Praza de Abastos, un edificio protexido que forma parte do Catálogo de Bens Culturais aprobado no ano 2001 e do Plan Básico Autonómico da Xunta de Galicia1; este último documento traza un contorno de protección do edificio do Mercado que engloba a todas as casas situadas no seu contorno inmediato, entre elas a vivenda que nos ocupa, de tal forma que as obras que se acometan nela deberán ser autorizadas pola Xunta de Galicia. Para garantir o cumprimento destes deberes, SOS Fonte de Troncoso recorda que a Lei do Solo atribúe aos concellos o mecanismo das ordes de execución e a obriga de acudir aos medios de execución forzosa ou subsidiaria no caso do seu incumprimento (art. 136 e ss).


1 Resolución do 25/05/2020 da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, (DOG 15.06.2020). ID_51998

María Vinyals ‘convoca’ ás escritoras da provincia a unha noite meiga e reivindicativa no Castelo de Soutomaior

Os centenarios muros do Castelo de Soutomaior serán escenario este luns, ao abeiro do Día Mundial das Escritoras, dun encontro inédito que dificilmente poderá volver a celebrarse. A histórica propietaria do Castelo, María Vinyals, a pioneira activista feminista e muller adiantada ao tempo que viviu nos finais do XIX e principios do XX, decidiu volver das penumbras das murallas onde habita, como contan as lendas, e convocar un sorprendente cumio para un faladoiro literario no que reunirá a escritoras históricas galegas xa desaparecidas do mundo das vivas, e creadoras actuais, amais de nenas e mulleres do pobo de Soutomaior.

A celebración de este insólito encontro, que presidirá a propia María Vinyals xunto á presidenta da Deputación, Carmela Silva, terá lugar ás 19.00 horas deste luns no Salón do Castelo, ao que asistirán escritoras contemporáneas de María como Juana de Vega (A Coruña, 1805), Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851), Concepción Arenal (Ferrol, 1820), Filomena Dato (Ourense, 1856), Rosalía de Castro (Santiago, 1837) e Sofía Casanova (A Coruña, 1861), amais de tres escritoras nadas xa no século XX como Pura Vázquez (Ourense, 1918), Concha Castroviejo (Santiago, 1910) e Xela Arias (Lugo, 1962).

Xunto a elas, participarán no faladoiro literario autoras actuais que, a día de hoxe, representan boa parte do panorama literario e feminista galego, e que poden considerarse herdeiras das primeiras, como Isabel Blanco, Silvia Penas, Inma López Silva, Edurne Baines, Silvia Cernadas, Ana Figueiredo, Elvira Ribeiro, Ledicia Costas, Regina Vega, Arantza Portabales, Mercedes Corbillón e Mariana Carballal.

Será un encontro histórico de mulleres creadoras que nunca coincidiron e con ningunha probabilidade de que poidan volver a facelo, nunha tarde e noite máxicas nas que tamén participarán nenas e mulleres do pobo de Soutomaior, veciñas de María Vinyals, para as que a chamada “Marquesa Roxa” exixiu sempre a mesma educación e instrución que a que recibían os homes. O acto contará tamén con música porque María Vinyals convidou ao encontro á soprano Esperanza Mara, en homenaxe e lembranza da súa amiga a tiple-contralto Lucrecia Arana, que tantas veces visitou o Castelo de Soutomaior xunto o escultor Mariano Benlliure.

A celebración, amais de máxica, tamén será reivindicativa e sorprendente. Todas elas, as escritoras que volven das sombras nas que moran para esta inimaxinable reunión, xunto as creadoras actuais e a presidenta da Deputación, pasarán a noite no Castelo. Aínda que antes de durmir haberá tempo para o debate e a reflexión que rematará, á hora bruxa da medianoite, coa sinatura dun documento que se presentará o próximo martes.

Nigrán inaugura o luns na nova biblioteca a exposición de Anubis Muñoz ‘Praextere’

0

O Concello de Nigrán inaugura este luns 8 de novembro ás 18:00 horas na nova Biblioteca Municipal a exposición de arte contemporánea ‘Praextere’ a cargo de Anubis Muñoz, veciña do municipio licenciada en Belas Artes no 2020. Estará aberta ata o 21 de novembro e o horario de visita será de luns a venres de 10:00 a 12:00 e 18:00 a 20:00 e fins de semana de 10:00 a 12:00 horas. A maiores, o 14 de novembro ás 18:00 horas inclúe a performance ‘Na procura da muller paxaro’ coa colaboración da tamén artista e bailarina Clara Ferrao Diz.

Trátase da primeira exposición individual de Anubis despois de ter participado en diferentes colectivas, está comisariada por Ana Seoane Suárez, e nela amosa o seu percorrido e aprendizaxe. ‘Praextere’, do latín, significa pretexto, e naceu coma unha palabra que designaba os bordados que se facían nas prendas a modo decorativo. “Para min é o pretexto necesario para aproveitar a arte como medio de liberación, de conciencia das nosas propias capacidades; a emancipación dunha sociedade limitadora e castradora que todavía está en vías de extinguir mentalidades patriarcais e de dominación”, indica Anubis.

Durante os seus estudos, no 2018, gañou o ‘2º premio de fotografía única’ da Universidade de Vigo; tamén realizou varias exposicions conxuntas antes de finalizar a carreira neste 2020. Cabe destacar: Outono fotográfico en 2017 e tamén no 2019, Volilà la femme, Tecidos no tempo, Zoom Tui ‘Do individuo á paisaxe’ en 2019, e xa en 2020 participou na exposición colectiva De brujas y mariposas en La Habana, Cuba. Ademais, realizou unha intervención na paisaxe en Caldas de Reís no marco do evento artístico Kaldarte No-Nexo, onde se involucrou no bosque de Carballos do Xardín Botánico. Tamén este 2020 participou en Pontevedra vívese, creando unha peza artística durante a actuación da cantante Zeltia. No 2020 participou na exposicón colectiva e itinerante Identidades Latentes. O proxecto expositivo foi unha parte do seu TFG, onde amosa a súa líña de investigación actual íntimamente ligada á identidade, á natureza e onde á muller fundese coa alma animal como medio de liberación. E este último 2021 formou parte da exposición Do final e do comezo dos alumnos de Belas Artes, que se celebrou en Pontevedra.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda pide unha reunión co conselleiro de Sanidade

0

Diante das noticias que apuntan á construción dun hipotético Centro Integral de Saúde (CIS) para A Guarda, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda solicitou unha reunión co Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

A Plataforma manifestou, iso si, “a súa sorpresa” polo anuncio da Consellaría de Sanidade, xa que no Proxecto de Orzamentos que está en trámite neste momento no Parlamento da Galiza non aparece ningunha consignación orzamentaria sobre o que cualifican de “hipotético centro”.

Na reunión que “agardamos que o conselleiro teña a ben concedernos nun prazo breve de tempo”, asegura a Plataforma, esta pediralle ao conselleiro que concrete “en que prazos e con que fondos teñen previsto abordar este CIS”.

A Plataforma ten intención de abordar tamén nesta reunión o deterioro permanente do Centro de Saúde da Guarda pola falta de profesionais e urxirá ao conselleiro a restablecer o cadro médico do Centro “que é a necesidade fundamental que temos os usuarios e usuarias do Centro”.

Neste sentido e polas informacións de que dispón a Plataforma, considera “inaudito” o anuncio realizado, tendo en conta a situación que enfrontará Centro de Saúde da Guarda nas próximas semanas, “con 4 médicos en total, ou 3 de se dar o peor dos casos, a repartir entre xornada de mañá e xornada de tarde”.

En todo caso, a Plataforma asegura ter constancia de que o Sergas optará antes, chegado o caso, “por anular as consultas ordinarias e orientar na práctica a actividade do Centro ás urxencias”. Asegura a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública “non poder crer as promesas que nos fan mentres vemos cos nosos ollos a precarización día a día da atención na nosa vila”.

A Plataforma adiantou xa que participarán na manifestación que se celebrará en Santiago de Compostela o 14 de Novembro en defensa da recuperación da atención primaria convocada por SOS Sanidade Pública e polas Plataformas en Defensa da Sanidade Pública de toda Galicia e, nos próximos días, desenvolveran unha campaña de información “para facilitar a participación do maior número posíbel de persoas nesta manifestación”.

Protección Civil de Tui organiza un concerto solidario o 4 de decembro a favor de SOS Tomiño Baixo Miño

0

O Teatro Municipal de Tui acollerá o sábado, 4 de decembro, ás 18 h un concerto solidario a favor de SOS Tomiño-Baixo Miño organizado por Protección Civil de Tui coa colaboración do Concello de Tui. A entrada será 1 quilo de alimentos destinado á asociación asistencial que neste momento atende a 130 familias no Baixo Miño, das que 70 son de Tui.

No concerto van participar o grupo folclórico Xuntanza de Randufe, a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos, e a Banda de Gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei. Para asistir ao concerto será preciso entregar un quilo de alimentos o mesmo día, non existindo reserva previa de entrada, e contando o evento co correspondente protocolo covid.

A presentación deste evento solidario tivo lugar este mediodía a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, de Juan Manuel González, presidente de Protección Civil de Tui e José Carlos Montes, representante de SOS Tomiño-Baixo Miño.

Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, aproveitou a presentación deste evento para trasladar publicamente o seu agradecemento á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil polo traballo que realizan ao longo do ano de forma voluntaria e altruistra. Dicía o rexedor tudense “temos unha débeda de gratuitude convosco”. Engadía que tamén a ese traballo que realizan súmase agora a organización deste concerto solidario para SOS Tomiño-Baixo Miño “a quen temos que agradecer tamén o seu traballo para que as persoas máis desfavorecidas non lles falte o básico, coma son os alimentos”. Amosaba tamén Enrique Cabaleiro o seu agradecemento ás tres agrupacións que van participar no evento e facía un chamamento ao público acudir e sumar o seu gran de area, en forma de alimento.

O concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, aproveitou esta presentación para destacar que tres membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil veñen de superar o curso de Protección a Vítimas de Violencia de Xénero.

Juan Manuel González, presidente de Protección Civil de Tui, explicou coma coa organización deste evento quixeron colaborar con SOS Tomiño-Baixo Miño. Amais dos alimentos que poidan recadar o día do concerto nas próximas semanas visitarán distintas empresas e establecementos tudenses solicitando tamén a súa aportación. E avanzaba que o día do concerto as persoas asistentes recibirán unha entrada numerada coa que entrarán no sorteo de produtos doados por distintas empresas.

José Carlos Montes, en nome SOS Tomiño Baixo Miño, agradeceu a organización deste evento que brindará alimentos ás familias que atenden na comarca, e tamén quixo dar as grazas ás tres agrupacións que actuarán pola súa colaboración.

Ana Cabaleiro, «Deixádenos remar»

Descubrimos a Ana Cabaleiro cun libro de relatos tan interesante como «Sapos e sereas». Logo viría a novela «Las Ramonas» e agora chega cunha terceira proposta que, tal e como eu o vexo, navega entre ambos os dous mundos, o do relato curto e a novela tradicional, sen acabar de mergullarse en ningún deles. Claro que tal afirmación ben merece unha explicación detallada.

«Deixádenos remar», finalista do Premio Xerais de narratriva do ano pasado, é unha novela no sentido de que nos enfronta a unha historia, a un relato que ten como pano de fondo as difíciles relacións entre os habitantes dun barrio periférico de Compostela, xente humilde e con certa conciencia grupal, e os novos veciños que pasarán a ocupar unha moderna urbanización de chalets acaroados recén construída. Mais o relato está integrado por pequenos fragmentos que son os que, perfectamente ensamblados, lle dan forma. A maioría deses fragmentos-capítulo podería ser interpretado por separado, coma se fose un relato curto independente, pois todos eles teñen entidade de abondo como para seren considerados como tales. É o transfondo o que lle dá unidade a este xogo literario.

No relato non só asistimos ás hostilidades xeradas pola chegada dos novos veciños, senón que tamén formaremos parte da vida diaria do barrio entrando nas distintas casas para sermos testemuñas das pequenas intrahistorias dos seus habitantes. Principalmente nas do barrio tradicional, pois estes son, no fondo, os verdadeiros protagonistas desta novela coral. O clasismo, a precariedade laboral, a dificultade das relacións, a convivencia ou as arelas máis íntimas dos veciños, forman parte do relato debuxando un xeito de vida que confronta o mundo rural e o urbano.

Para darlle forma a todo isto, Ana Cabaleiro desprega unha amplísima gama de recursos narrativos que axudan a que cada unha desas pequenas historias adquira a súa propia entidade, como dicimos, a pesar de formar parte dun destino común. Chama a atención a sobrepresenza de personaxes femininos, o que xa é un dos sinais identificativos da escrita da autora. Non se trata de argallar un discurso de reivindicación feminista mais, dalgún xeito, tal premisa fica abaneándose diante dos nosos ollos durante a lectura ao opoñer o papel das mulleres á masculinidade máis rancia e tradicional.

Unha linguaxe sinxela, por momentos coloquial, aderezada con pingas de humor retranqueiro, fan da lectura destes relatos-novela unha experiencia inmersiva. Mais non pensedes que só as persoas toman a palabra nesta trama, pois atopamos fragmentos nas que os propios muros, coas súas pintadas (como a que lle dá título á novela), son quen de engadirlle certa compoñente máxica á trama. Coido que non podemos chegar a considerar esta proposta narrativa como «realismo máxico» pero, dalgún xeito, bordea tal consideración.

Ana Cabaleiro

Deixádenos remar

Xerais

O Goberno redondelán reitera que acata a decisión da Dirección Xeral de Patrimonio con respecto ás obras da Praza de Ponteareas

0

O Goberno local de Redondela lembrou onte, a raíz do achado dun muro de contención do século XIX nas obras de humanización da Praza de Ponteareas, que o Concello “carece de competencias en materia patrimonial, correspondendo estas á Dirección Xeral de Patrimonio (DXP) que é a que marca a pauta a seguir nestes casos”. Polo tanto o Goberno que preside Digna Rivas reitera o acatamento da decisión adoptada pola DXP con respecto ás anteditas obras.

Dada esa carencia de competencias, o Goberno considera “totalmente fora de lugar” as afirmacións do Grupo Municipal Popular, nas que asegura que “o Goberno local decidirá en solitario sobre os restos atopados en Vilavella”. De feito, o PP, asegura a concelleira de Patrimonio, María Castro, “oculta deliberadamente que dende finais de outubro ten no seu poder un informe exhaustivo sobre este asunto no que tamén figura a decisión adoptada, e trasladada ao Concello, polos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

Cómpre lembrar que a eficiencia do control arqueolóxico que se leva sobre as obras da Praza de Ponteareas –realizado por un arqueólogo contratado polo Concello– quedou demostrada cando o 29 de setembro e como se prevía no estudo histórico realizado previamente, atopouse un muro de contención construído no século XIX.

Nese momento, explica a alcaldesa Digna Rivas, e seguindo o protocolo establecido “as obras paralizáronse de inmediato comunicándose o achado á DXP”. O informe sinala claramente que, “ao tratarse dun muro de contención contemporáneo, a decisión dos técnicos de Patrimonio foi a de desmontar a estrutura onde fose necesario trala súa documentación exhaustiva (fotografía, debuxo de alzado e perfís, topografía e demáis)”.

Dáse a circunstancia que o muro atópase no medio de unha rede de servizos de saneamento e na entrada ao garaxe das casas colidantes polo que “non era posible a súa conservación por enteiro e procedeuse a súa desmontaxe parcial controlado polo arqueólogo director da intervención”.

Pese a tratarse dunha obra contemporánea, o Concello obtivo da dirección da obra, o compromiso de conservar e poñer en valor a estrutura, na medida do posible, noutros lugares onde poida atoparse. De feito na cara leste do camiño da ponte, onde aparece novamente a estrutura, comprobarase o seu estado de conservación “para tentar deixar o muro á vista integrado nas obras de remodelación da praza”.

O Goberno local amosou tamén a súa sorpresa pola petición dos populares da convocatoria da Comisión Municipal dos Fondos EDUSI cando a función de dita comisión, “como coñecen perfectamente porque se creou cando eles estaban no Goberno, era a de decidir en que obras investiríanse os fondos europeos”.

O afán do PP redondelán por buscar protagonismo, afirma o Goberno local, “lévalle incluso a facer afirmacións que chocan frontalmente coas dos técnicos de Patrimonio e da Xunta de Galicia na que goberna o seu partido”.

O IES Salvaterra do Miño pon en marcha un programa contra o acoso escolar

Onte venres 5 de novembro tivo lugar, no IES Salvaterra de Miño, a presentación das parellas TEI. O acto contou coa presenza da alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, e o presidente da ANPA do centro educativo, Marcelo Sánchez, ademais da dirección, membros do equipo de convivencia e profesorado do centro.

Este programa TEI (Titoría Entre Iguais) é unha estratexia de convivencia enfocada, fundamentalmente, á integración do novo alumnado e á prevención do acoso escolar. O alumnado de 3º de ESO, con experiencia xa no centro educativo, presta apoio, sobre todo de tipo emocional, pero tamén axuda na resolución de conflitos a alumnado de 1º de ESO que, a priori, é alumnado máis vulnerable debido á súa recente incorporación ao centro escolar.

O programa TEI vén funcionando dende hai varios anos no IES Salvaterra de Miño pero, por mor da pandemia, non foi posible poñelo en práctica na súa totalidade debido ao confinamento e ás restricións impostas no curso 2020-2021. Responsables do centro educativo confían en que este ano poida desenvolverse na súa totalidade e que isto axude á mellora da convivencia.

Este programa TEI é, como sinalou a alcaldesa, Marta Valcárcel, “unha estratexia pioneira en centros do concello, que vén a completar outras estratexias a prol da mellora da convivencia que xa se están poñendo en práctica nese centro educativo como a mediación escolar, as prácticas restaurativas ou unha aula de convivencia activa”. A alcaldesa agradeceu este tipo de iniciativas, xa que axudan a mellorar a convivencia e a formar cidadáns máis responsables, sexan postas en práctica nos centros educativos.

Pola súa banda, Marcelo Sánchez tamén agradeceu ao centro, en nome das familias, estas actuacións co alumnado e comentou que dende a confederación de ANPAS recibe preguntas acerca de como poñer en práctica iniciativas coma estas que se están implantando no IES Salvaterra de Miño.

Fontes do centro educativo informaron de que, a pesar de que o programa TEI é de recente
implantación no IES Salvaterra de Miño, estarían encantados de que os centros de infantil e
primaria adscritos se uniran a esta iniciativa, o que suporía crear unhas dinámicas dende idades temperás que favorecerían os obxectivos pretendidos de integración e prevención.

Indican, ademais, que é un programa que leva implantado dende xa hai anos con éxito non só en centros educativos de todo o territorio español, senón tamén en cidades, denominadas cidades TEI, como Gijón, Málaga, Sada, Santander entre outras moitas.

Autocine a vindeira fin de semana en Chan da Lagoa

0

O vindeiro sábaro 13 de novembro, ás 19:30 horas en Chan da Lagoa, proxectarase en autocine “La boda de Rosa”. O autocine contará cunha pantalla de 150 metros cadrados, unha das máis grandes instaladas no noroeste peninsular.

O acceso de vehículos ao recinto iniciarase ás 18:30 h. O  autocine permitirá oír desde o coche a película, xa que será na propia radio do turismo desde onde se sintonizará a frecuencia, que se facilitará á entrada do recinto. Os coches iranse colocando en diferentes posicións segundo a orde de chegada.

Na sesión de cinema de tarde do próximo sábado 13 de novembro, haberá persoal de acomodo para dar información e facilitar o estacionamento. Terá unha capacidade para 100 vehículos. Trátase dunha actividade que, ademais, incorpora a perspectiva de xénero. Aquelas persoas interesadas en desfrutar da película poden descargar as entradas gratuítas a través do enlace do calendario da páxina web do Concello de Baiona: www.baiona.gal/calendario ou na páxina web www.autocine.gal.

Esta actividade está subvencionada pola Deputación de Pontevedra, no marco da Liña 2 do Plan Concellos 2021. Colaboran tamén na organización da iniciativa a Comunidade de Montes de Baíña e Protección Civil do Val Miñor.

La boda de Rosa

Trátase dun filme de 2020 que amosa as complicacións que conleva un cambio de vida. Baixo a dirección de Icíar Bollaín e coa interpretación de Candela Peña, Sergi López e Nathalie Poza, entre outros, a película narra a crise existencial que atravesa Rosa. A piques de cumprir 45 anos , a protagonista decide emprender un negocio propio e romper con todo o que estivo facendo ata entón. Pronto descubrirá que a súa familia ten outros plans. “La Boda de Rosa” cultivou numerosos galardóns nos Premios Goya, Premios Forqué, Premios Feroz ou no Festival de Málaga.

Oia adxudica a humanización e acondicionamento da contorna das Escolas de Loureza

0

O Concello de Oia vén de adxudicar as obras de humanización da contorna das antigas escolas e vivendas de mestres de Loureza, unha actuación que pretende restaurar e acondicionar toda esta zona, mellorando a accesibilidade e aumentando o espazo para a veciñanza creando unha pequena praza de uso público.

Ao longo dos últimos anos, o Concello veu desenvolvendo diferentes actuacións de rehabilitación e mellora nos edificios das escolas e vivendas de mestres de Loureza, edificacións singulares e cunha arquitectura propia construídas nos anos 60 do pasado século. Actualmente as primeiras destínanse a usos socioculturais, mentres que os segundas téñense acondicionado como vivendas sociais.

A nova actuación en materia de humanización de espazos busca rematar co estado de abandono e degradación que actualmente sofren os terreos das proximidades destes dous inmobles, co obxectivo de crear un lugar de recreo e desfrute para toda a veciñanza.

Os traballos incluirán o acondicionamento do espazo a modo de praza pública con bancos, zonas de arborado, vexetación e céspede. Tamén se colocarán varandas de protección de aceiro e madeira en zonas de desnivel, alzarase un muro de contención e varios muretes de delimitación de propiedades e colocaranse pavimentos de formigón e xabre.

As obras teñen un importe total de 87.912,20 euros e realízanse ao abeiro do Plan Hurbe de humanización de espazos públicos. Así, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio achega un 70% do importe dos traballos (a través das “subvencións destinadas á creación ou mellora de infraestruturas nos concellos de Galicia con poboación inferior a 20.000 habitantes” concede un total de 61.538,54 euros, divididos en dúas anualidades: 36.258,51 euros en 2021 e 25.280,03 euros en 2022). A cantidade restante asúmea o Concello con recursos propios.

O historiador tudense Suso Vila pecha o ciclo de conferencias sobre o retablo da batalla de Lepanto

0

O próximo martes, 9 de novembro,  ás 19.30 h a igrexa de San Domingos acollerá a derradeira conferencia do ciclo organizado polo Concello de Tui en torno ao retablo de Nosa Señora do Rosario, popularmente coñecido como da “Batalla de Lepanto” pola representación deste episodio bélico que posúe, no 450 aniversario daquela afamada batalla que tivo lugar o 7 de outubro de 1571.

A conferencia correrá a cargo de Suso Vila, doutor en Historia da Arte, e recoñecido historiador tudense cunha alongada traxectoria na investigación sobre a nosa cidade. Ten publicado numerosos libros e artigos sobre a historia tudense e especialmente no que atinxe á presenza xudía na cidade fronteiriza.

A súa intervención leva o título de “Os corsarios turco-berberiscos nas costas galegas e o seu eco remoto no retablo de Nosa Señora do Rosario de San Domingos de Tui” e analizará a influencia que estas incursións tiveron na historia do sur de Galicia e o papel que a Igrexa e as devocións populares xogaron nestes momentos de perigo e incerteza.

A asistencia é libre ata completar o aforo, aínda que recomendase a inscrición previa no correo [email protected].

Para a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, o ciclo está contando cunha moi boa acollida nas conferencias realizadas ata o momento como o testemuña a presenza de público nas mesmas e se congratula do acerto do Concello de Tui ao poñer en marcha esta actividade que ten resultado un éxito de asistencia. Esta consegunido así o obxecto desta programación: poñer en valor este singular elemento do patrimonio cultural tudense, que os tudenses senten como propio, e contribuír ao coñecemento da nosa historia e do acervo cultural de Tui.

A igrexa de San Domingos e o retablo de Nosa Señora do Rosario

A igrexa de San Domingos de Tui, declarada Monumento histórico artístico no ano 1931 (hoxe Ben de Interese Cultural) é un dos espazos patrimoniais de maior interese no conxunto histórico tudense. Entre os múltiples elemento de valor artístico que atesoura está o retablo de Nosa Señora do Rosario, popularmente coñecido como o retablo da “Batalla de Lepanto” por posuír unha representación deste acontecemento na parte superior do mesmo. Trátase dun retablo do século XVIII de grande interese e calidade.

Ao conmemorarse, o 7 de outubro, o 450 aniversario desta batalla acontecida no ano 1571 e que foi a maior batalla naval da historia moderna, na que participaron 450 naves e máis de 200.000 e que enfrontou á flota de Liga Santa (integrada pola Monarquía Hispánica, os Estados Pontificios, a República de Venecia, a Orde de Malta, a República de Xénova e o Ducado de Saboia), comandada polo español Juan de Austria, contra a flota do Imperio Otomán do sultán Alí Pasha que ameazaba a estabilidade no Mediterráneo occidental. A vitoria das tropas cristián marcou o freo á política expansionista do imperio turco.

Conta a tradición que namentres acontecía esta batalla o Papa Pío V rezaba o rosario, e que pedira a toda a Cristiandade que o acompañase con esta oración. Desta foi atribuída esta importante vitoria á Nosa Señora do Rosario. Conta amais a tradición que o rezo do rosario foi entregado pola Virxe María a San Domingos, fundador da Orde dos dominicos.

Alunos portugueses e galegos pintam território vinhateiro de Monção

O Município de Monção, em colaboração com a Escola Superior de Educação, do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, e a Faculdade de Belas Artes de Pontevedra, da Universidade de Vigo, promovem a iniciativa “Arte em Trânsito 2021”, a qual decorre em três períodos distintos.

Recentemente, dois alunos de cada escola estiveram em Monção, em quintas produtoras de vinho, passando para a tela um conjunto de configurações geométricas e cores luminosas, “recolhidas” em variadas emoções e sensações detetadas pelos seus olhares atentos e criativos.

O trabalho ficou incompleto, sendo retomado em fevereiro por outros alunos e concluído, em maio, por novos alunos. No total, o projeto “Arte em Trânsito 2021” envolve 12 alunos, 6 de cada estabelecimento de ensino, numa verdadeira comunhão de ideias e partilha de experiências artísticas.

[su_image_carousel source=”media: 48303,48302″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

As diferentes etapas desta residência artística a várias mãos, estarão patentes ao público na Sala Terroir do Museu do Alvarinho.  O resultado do primeiro momento pode ser visto no seguinte horário: de segunda a domingo, das 10h00 às 13h00 e das 14h00 às 18h00.

Desenvolvido em parceria entre uma instituição pública e estabelecimentos de ensino superior da região transfronteiriça, o projeto “Arte em Trânsito 2021” tem como finalidade criar uma cumplicidade harmoniosa entre o território vinhateiro de Monção e a vocação artística dos estudantes daqueles estabelecimentos de ensino.

O projeto evidencia, também, abertura e disponibilidade do poder público ao papel fundamental desempenhado pela escola na produção artística, bem como na criação de novos públicos, visando a sua participação e fruição nas atividades culturais promovidas no concelho.

Mos instala os microchips aos cans beneficiarios da campaña de prevención do abandoo e/ou perda

0

Xa comezaron a colocarse na Clínica Veterinaria Ars Canis Val da Louriña, que sita en Peinador, os microchips aos cans inscritos na campaña de implantación emprendida desde a Concellería de Medio Ambiente Sostible do Concello de Mos. Para compartir o momento cun dos donos beneficiarios desta iniciativa, Jorge Castro González, e a súa mascota, Coco, achegáronse ata o devandito centro veterinario a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas.

Os obxectivos fundamentais desta campaña son evitar os abandoos e facilitar a localización dos donos en caso de extravío.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Medio Ambiente Sostible e Mocidade, Leo Costas, anunciaban o pasado verán a posta en marcha dunha campaña municipal de fomento da implantación do microchip entre as mascotas das familias do municipio.

Ademais de ser o microchip obrigatorio, esta campaña púxose en marcha porque desde a Concellería que dirixe Costas e desde o Servizo Municipal de Emerxencias, detectouse que unha elevada porcentaxe dos cans perdidos que aparecen na localidade non teñen chip, polo que se complica a tarefa de atopar aos seus donos para poder devolvelos aos seus fogares. “A iniciativa persegue tamén un obxectivo concienciador e de prevención do abandoo de animais domésticos” explican rexedora local e edil de Medio Ambiente.

A campaña consiste en que o Concello de Mos asume o 70% do custe da colocación do microchip a cada can en cuestión, polo que os seus donos só teñen que asumir o 30% restante.

A empresa veterinaria que ofrece o servizo aos veciños beneficiarios da axuda é Ars Canis Val da Louriña, en Peinador.

Para adherirse a esta iniciativa os particulares mosenses, donos de cans, interesados en optar a esta axuda, tiveron un prazo de inscrición para cursar solicitude formal a través do Rexistro Xeral do Concello de Mos.

Aínda que a concesión das axudas foi por rigorosa orde de entrada no Rexistro municipal, concedéuselle a todos os particulares que a solicitaron.

O procedemento de colocación dos microchips está xa en marcha e finalizarase en breve.

Desde o Concello de Mos preténdese concienciar ás persoas sobre os abandoos e aimportancia das adopcións. Respecto diso, a Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que o 70% dos cans no mundo non teñen un fogar. Na actualidade existen aproximadamente 300 millóns de cans no mundo, cunha gran variedade de razas e tamaños. Hoxe en día existen desde cans de compañía ata cans policías, cans bombeiros, cans lazarillos…

O plan REACPON da Deputación acometerá grandes proxectos en 47 concellos da provincia

Unha resposta contundente para achegar recursos aos concellos e á xente para impulsar  a economía da provincia, xerar actividade e crear ou manter o emprego despois da pandemia. Con este obxectivo, o REACPON, o plan de investimento público más ambicioso da historia da Deputación, mobilizará 39,1 millóns de euros para acometer grandes actuacións nos concellos da provincia e transformar o territorio. O programa contará cun investimento provincial de 26,33 millóns de euros e chegará a todas as comarcas con proxectos en 47 concellos de menos de 50.000 habitantes, “o 85,45% dos municipios que se presentaron”. A presidenta, Carmela Silva, e o vicepresidente César Mosquera, detallaron hoxe as actuacións que tamén se presentarán aos fondos europeos, e coincidiron en subliñar o “enorme esforzo” e a aposta do goberno por converter neste momento á Deputación nun instrumento para a transformación da provincia con políticas anticíclicas, de expansión do gasto e aliñadas coa axenda 2030 e cos Next Generation.

Dos 47 proxectos, 25 serán actuacións de mobilidade amable e segura cun investimento total de 19,17 millóns de euros, e 22 obras en equipamentos municipais (19,93 millóns). Neste segundo caso 5 serán de rehabilitacións de casas consistoriais (3,95 millóns), 5 de reforma de espazos culturais (4,51 millóns de euros), 8 de obras en infraestruturas deportivas (6,5 millóns), 3 actuacións en bibliotecas (3,17 millóns), e 1 de obras en cemiterios (1,8 millóns de euros).  Todos os proxectos cumpriron coas bases desta convocatoria alcanzando a puntuación mínima e presentando proxectos maduros e de calidade que contribúan a unha economía descarbonizada e á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030 e nos fondos europeos. De feito, o goberno provincial incrementou ata os 26,3 millóns o orzamento previsto no Plan para non deixar fora a ningunha das actuacións que chegaron aos 50 puntos ante a calidade e ambición dos mesmos. Como sempre, a convocatoria fíxose con criterios obxectivos.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, cualificou de “exitazo” a convocatoria do ReacPon Concellos que “vai permitir transformar por completo esta provincia”. Tal foi o volume de proxectos presentados, “de grande nivel, e moi potentes”, que decidimos aumentar a asignación orzamentaria pasando dos 20 millóns de € iniciais aos 26,33 millóns de € finais. “Non queríamos que ninguén quedase fora” manifestou a presidenta da Deputación quen tamén subliñou que “este é o momento de apostar, de ser valentes, de facer un forte investimento público”. Así, tal e como explicou Carmela Silva, “se sumamos os 26,33 millóns de € que achega a Deputación e os recursos que poñen os concellos o total ascende a 39,10 millóns de €, un investimento moi próximo ao Plan Concellos que era ata o de agora o investimento máis potente que unha administración fai na provincia”.

Para a presidenta “nunca aconteceu algo igual. Que alguén me conte onde, noutra deputación, se está a facer un esforzo inversor que vaia chegar nin máis nin menos que ao 85,45% dos proxectos que se presentaron”. Ao respecto, Carmela Silva detallou que de 59 concellos de menos de 50.000 habitantes que ten a provincia e podían optar ao ReacPon presentáronse 55 dos que 5 non acadaron a puntuación mínima esixida (50 puntos) e 3 incumprían as bases.

Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera subliñou o esforzo inversor “sen parangón” da Deputación para poñer en marcha o REACPON e axudar aos concellos a executar obras e solventar  as dificultades económicas xurdidas trala crise da COVID. Destacou que o investimento será máis elevado do previsto inicialmente e xustificouno pola grande resposta dos concellos á convocatoria, xa que presentaron moitos proxectos, de calidade e cumprindo as bases. “Foi unha grata sorpresa. Hai proxectos francamente interesantes que cando se executen serán exemplos de boas prácticas”. De cara a futuro, indicou que existe a esperanza de que parte do REACPON se financie con fondos europeos, obxectivo que de acadarse permitiría unha maior inxección aos gobernos locais porque os cartos que chegasen de Europa sumaríanse aos provinciais. “Notaríase de maneira moi forte. E iso reforzaría a situación de que a maior parte das obras dos concellos son financiadas pola Deputación”, indicou, subliñando que se hai moitos “carteis de obras” da Deputación na provincia é porque responden á realidade.

Como contrapunto ao esforzo económico que fai a Deputación tanto co REACPON como as transferencias do Plan Concellos e outros investimentos destinados aos municipios da provincia, Mosquera lembrou que o orzamento provincial supón o 1,51% do da Xunta, polo que para que o goberno de Feijóo fixese un esforzo equivalente ao provincial tería que poñer en marcha un ‘Plan Concellos’ autonómico de 600 millóns de euros só para os concellos pontevedreses. “Daríalles a risa ‘floxa’ de ter que facelo”, comentou. Finalmente, o vicepresidente puxo en valor que máis da metade dos proxectos que se presentaron ao REACPON e case a metade dos cartos estarán destinados a obras de recuperación de espazo público e á creación de centros de convivencia para as persoas.

Proxectos que chegan a todo o territorio

O Plan REACPON mobilizará na Comarca de Vigo un total de 6,51 millóns de € dos cales 4,23 € serán financiados pola Deputación. Así, Gondomar investirá 833.544,36 € para a adecuación urbano-sostible na praza Rosalía de Castro e o seu contorno que recibirá da institución provincial 666.835,49 €; Fornelos destinará 330.900,48 € á rehabilitación do pavillón municipal de deportes para mellorar a súa eficiencia enerxética dos que 281.265,40 € serán achegados pola Deputación; Nigrán con 1.592.114,67 € realizará a humanización da rúa Otero Pedraio e recibirá 905.214,42 € da institución provincial; Mos investirá 481.375,53 € para a reforma integral da biblioteca municipal e dos xulgados na Porteliña dos cales 361.031,65 € serán financiados pola Deputación; Redondela destinará 993.834,47 € para a humanización da rúa Picota, da praza da Fonte do Mouro e da contorna da capela de Santa Mariña que recibirá da institución provincial 461.859,85 €; Salceda de Caselas cun orzamento de 673.674,12 € realizará o proxecto básico e executivo de reforma integral para un centro cívico para o que a Deputación achegará 538.939,30 €; e Baiona investirá 1.744.006,88 € para a remodelación da contorna do paseo Pinzón á que a institución provincial destinará 837.119,63 €.

Pola súa banda, nas Comarcas da Paradanta e do Condado mobilizará un total de 3,9 millóns de € dos cales 3,25 serán financiados pola Deputación de Pontevedra. Así, Covelo investirá 415.000 € en obras de recuperación e mellora do espazo público do núcleo rural de Paraños que recibirán da institución provincial 373.500 €; A Cañiza destinará 689.048,95 € á execución da rehabilitación enerxética da piscina municipal para a que a Deputación achegará 551.239,16 €; Crecente con 409.008,14 € realizará a humanización da praza Ana Pastor dos cales 359.770,45 € serán financiados pola institución provincial; Mondariz destinará 435.643,71 € á construción da área de deporte urbano do concello dos que 392.079,34 € serán achegados pola Deputación; Ponteareas cun orzamento de 963.527,36 € acometerá o camiño escolar seguro ao CEIP Ramiro Sabell e recibirá 722.645,52 € da institución provincial; Salvaterra destinará 586.867,68 € á humanización da rúa Marqués de Viana para a que a Deputación achegará 498.000 €; e As Neves  acometerá a humanización da travesía Eira Da Liñaza na que investirá 399.776,62€ dos que 359.798,96€ serán financiados pola institución.

Na Comarca do Baixo Miño o programa mobilizará un total de 6,10 millóns de € dos que a Deputación financiará 3,19 millóns. Así, Tomiño investirá 1.740.586,11 € para o proxecto “Espazo Isaura Gómez” que recibirá da institución provincial 1.108.423,05 €; O Rosal destinará 1.518.474,44 € á remodelación da praza do Calvario que recibirá da institución provincial 517.938,05 €; Tui con 897.252,63 € realizará a humanización das rúas Antero Rubín e Canónigo Valiño para as que a Deputación achegará 717.802,10 €; Oia destinará 267.867,45 € ao acondicionamento da praza do Campo de Burgueira dos que 241.080,71 € serán financiados pola institución provincial; e A Guarda executará a reforma e ampliación do pavillón polideportivo da Sangriña no que investirá 1.674.023,95 € dos que 609.672,74 € serán financiados pola Deputación de Pontevedra.

Na Comarca de Pontevedra mobilizará un total de 3,38 millóns de € dos cales 2,44 serán financiados pola Deputación. Así, Vilaboa investirá 993.834,47 € para a ampliación da casa do concello dos cales 461.859,85 € serán financiados pola Deputación; con 493.966,62 € Ponte Caldelas reordenará a praza Frei Antonio Orge para a que a institución provincial achegará 419.871,63 €; Cerdedo-Cotobade destinará 489.989,51 € para a reforma integral da casa do concello na que a Deputación investirá 391.991,61 €; Poio con 942.000 € realizará o proxecto básico e de execución para unha actuación de mobilidade sostible no ámbito das rúas Saíñas e Puntadas para as que a institución destinará 753.600 €; e A Lama investirá 457.815,16 € na mellora da seguridade viaria na rúa Miguel Carbajal e na estrada da Fraga ás que a Deputación achegará 412.033,64 €.

Nas comarcas de Deza e Terra de Montes REACPON mobilizará un total de 7,18 millóns de euros dos cales a Deputación de vai financiar 4,68 millóns. Así, Dozón investirá 405.381,92 € para a rehabilitación da casa consistorial do concello que recibirá da institución provincial 333.339,11 €; Rodeiro destinará 449.671,32 € para a humanización e mellora peonil da rúa Aviador Gumersindo Areán dos cales 404.704,18 € serán achegados pola Deputación; Lalín con 1.806.359,09 € ampliará o cemiterio da Romea “Fraga do Alén, Donramiro, e recibirá 1.354.769,32 € da institución provincial; Vila de Cruces investirá 892.360,54 € para a mellora da rúa Vázquez desde o entronque coa rúa Sergio Iglesias Pazos ata o entronque coa travesía Vázquez 2 dos cales 596.681,13 € serán financiados pola Deputación; Silleda destinará 1.802.893,51 € para o proxecto básico e de execución para a nova casa consistorial de Silleda, fase I, “Naturalmente noso” que recibirá da institución provincial 713.249,55 €; Forcarei cun orzamento de 487.048,45 € realizará a reforma da casa da xuventude para usos múltiples para o que a Deputación achegará 413.991,18 €; e A Estrada investirá 1.320.000 € na construción de pistas de atletismo ás que a institución provincial destinará 858.000 €.

No caso da Comarca do Morrazo mobilizará un total de 2,81 millóns de € dos que 2,11 serán achegados pola Deputación de Pontevedra. Así, Bueu investirá 916.559,80 € para a reforma e ampliación da biblioteca municipal Torrente Ballester que recibirá da institución provincial 687.419,95 €; Marín destinará 730.744,52 € á humanización da contorna do mercado municipal de Seixo á que a Deputación achegará 548.058,39 €; e Moaña investirá 1.160.815,50 € na rehabilitación do edificio do concello vello cunha financiación de 870.611,62 € da institución provincial.

No que respecta á Comarca de Caldas mobilizaranse 2,67 millóns de € dos cales 2,30 millóns serán financiados pola Deputación de Pontevedra. Así, Caldas investirá 579.793,58 € na mellora da área do río Bermaña que recibirá 492.824,54 € da institución provincial; Cuntis destinará 578.417,76 € para a reurbanización das rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús González dos que 496.933,38 € serán achegados pola Deputación; Moraña con 196.109,12 € humanizará un tramo da rúa 6 e o camiño ao núcleo rural de Mos para os que recibirá 176.498,21 € da institución provincial; Catoira investirá 449.248,80 € na rehabilitación da antiga Casa Consistorial como Casa das Artes que recibirá da Deputación 381.861,48 €; Pontecesures destinará 366.779,86 € á obra de reconexión peonil, segura e amable do seu núcleo urbano dos que 330.101,87 € serán achegados pola institución provincial; Valga con 500.915,47 € construirá unha senda peonil e ciclable na contorna da Gándara de Campaña e rehabilitará ambientalmente a zona para o que recibirá 425.778,15 € da Deputación.

Finalmente, na comarca do Salnés REACPON mobilizará 6,55 millóns de € dos cales 4,13 € serán financiados pola Deputación de Pontevedra. Así Vilagarcía investirá 1.768.042,71 € para a reforma de local na rúa Castela para biblioteca municipal dos cales 1.237.629,90 € serán financiados pola Deputación; A Illa cun orzamento de 1.500.114,90 € recuperará a praza do Regueiro como espazo público de encontro e cohesión social da súa veciñanza para a que a institución provincial achegará 384.631,74 €; O Grove investirá 999.388,07 € na humanización da rúa Alexandre Bóveda á que a Deputación destinará 722.864,95 €; Meis destinará 507.715,49 € á rehabilitación dun centro deportivo para a mellora da eficiencia enerxética e condicións de salubridade que será financiado con 431.558,17 € da institución provincial; Vilanova de Arousa con 254.485,72 € acondicionará un baixo para arquivo municipal para o que recibirá 190.864,29 € da Deputación; Meaño investirá 450.400,72 € na mellora da eficiencia enerxética e acondicionamento de pavillón de deportes para a que a institución provincial achegará 360.320,58 €; e Sanxenxo con 1.071.431,75 € reformará o pavillón polideportivo de Baltar en Portonovo para o que a Deputación destinará 803.573,81 €.

O pavillón municipal Álvaro Pino acolle o arranque da Liga Metropolitana de Bádminton Escolar 2021/22

O bádminton regresa esta fin de semana a Ponteareas. O pavillón municipal Álvaro Pino acollerá hoxen sábado 6 de novembro o comezo da Liga Metropolitana de Bádminton Escolar 2021/22, na que participan deportistas de diferentes clubs e escolas de toda a provincia de Pontevedra.

O encontro, organizado polo Club Bádminton Ponteareas en colaboración co Concello, desenvolverase en horario de tarde, dende as 16.00 ata as 21.00 horas, e nel disputaranse as categorías alevín, cadete e absoluto.

Tras os últimos encontros celebrados a porta pechada, o club ponteareán retoma as actividades deportivas abertas ao público, aínda que con control de acceso e aforo e con todas as medidas de prevención e seguridade.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, convida á veciñanza a gozar deste novo torneo de bádminton, “un deporte que presume de boa saúde na nosa vila”. “Non podemos máis que agradecer ao club o seu esforzo por organizar encontros que reflicten sempre o gran nivel do bádminton non só a nivel local, senón tamén galego. Agardamos que as nenas e nenos participantes e as súas familias poidan vivir unha xornada deportiva vistosa ao tempo que desfrutan de Ponteareas”, salienta o edil.

Os produtos locais e de proximidade, protagonistas do Outono Gastronómico de Mondariz

0

A Praza de Abastos de Mondariz acollerá, o vindeiro sábado 13 de novembro a partir das 20:00 horas, un orixinal evento de cociña en directo ou showcooking con ingredientes suministrados principalmente por produtores locais, que tamén inclúe un menú de degustación composto por catro pratos e viño do país.

Detrás do deseño desta actividade e dos propios fogóns está a recoñecida cociñeira galega Rocío Garrido, emprendedora do sector e creadora do proxecto www.cocinademiabuelo.com, así como a AA.VV. Xabriña de Mondariz e o propio Concello de Mondariz, que colabora para promover a visibilización de produtos e produtores locais.

O Concello colabora con esta actividade en liña con outros proxectos dinamizadores como as xornadas de oportunidades de desenvolvemento no medio rural, previstas para hoxe 6 de novembro, as saídas micolóxicas enmarcadas no programa “Outro xeito de andar”, nas que xa non quedan prazas para o 13 de novembro, e o novo viveiro de empresas, que está regulado e tamén apoia as iniciativas emprendedoras local con espazos para a xestión e a comercialización de produtos.

As persoas que desexen participar neste evento gastronómico para todas as idades e experimentar os sabores do outono en Mondariz poden realizar reservas a través dun formulario web até o día 11 de novembro incluído. O prezo da entrada é de 20 euros por persoa, que se aboará durante o control de acceso. Se sobran prazas, permitirase a entrada de persoas sen inscrición previa nas mesmas condicións o mesmo día do evento.

A ‘Gala da Memoria’ da Deputación reivindica a memoria histórica con música comprometida

A ‘Gala da Memoria’ organizada polo departamento provincial de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra amosouse como un evento “nada convencional” onde a música revindicou que “queda moito por facer pola memoria histórica”. Sobre o escenario, con duetos, en grupo ou de maneira individual durante preto de dúas horas, artistas como Uxía, Sheila Patricia, Su Garrido Pombo, Eladio Santos, Wöyza, García MC e Lois Pérez amosáronse “unidos á causa” de pedir ‘verdade, xustiza e reparación” para as vítimas da ditadura e a represión franquista.

O acto, presentado por Lucía Aldao e María Lado (Aldaolao), comezou coas intervencións institucionais da presidenta Carmela Silva e a deputada de Memoria María Ortega. Silva subliñou o esforzo e o traballo da Deputación de Pontevedra, unha das poucas administracións que fai memoria a día de hoxe, e insistiu na necesidade de traballar pola “decencia política” e por unha sociedade na que se repare ás vítimas e se demostre o posicionamento contra o que aconteceu no golpe de Estado e os 40 anos seguintes.

María Ortega, pola súa banda, puxo en valor o traballo das entidades memorialistas que levan anos traballando na recuperación da memoria e comprometeuse a que a Deputación camiñará sempre do seu lado e polas vítimas. A nacionalista insistiu en que a xente nova ten dereito a coñecer o seu pasado para reivindicar o seu futuro. Defendeu que a utilización de novos formatos –como a gala- é necesaria para chegar a novos públicos, sumando iniciativas que completan o traballo de investigación e de loita cotra a impunidade que tamén está a realizar o departamento provincial de Memoria Histórica.

Na parte artística, a directora da gala, Uxía, cualificou o evento como un espectáculo moi especial e non convencional que pretende sumar enerxías para “remar a favor da memoria”. Destacou que non só se conseguiu un repertorio en homenaxe ás persoas represaliadas durante o golpe e a ditadura, senón que “moito máis que iso”, xa que as e os artistas uníronse á causa e cadaquén expresou os seus sentimentos de repulsa e esperanza na reparación e a xustiza. “A música sempre conmove, pero sobre todo con temas así”, dixo, en referencia a todas as actuacións mais en concreto sobre a peza ‘Los olvidados’ de Pedro Pastor, cunha temática clara e directa sobre a represión e a reivindicación do papel das mulleres silenciadas.

[su_image_carousel source=”media: 48270,48267,48269,48266,48263,48264″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

As condutoras do acto tamén “tumbaron lugares comúns” sobre a memoria, cun guión irreverente co que deixaron claro que “parece que todo esta resolto e se pode pasar páxina, pero non é así”. Juanma Lodo tamén achegou a súa parte de compromiso a través da orixinal videocreación que se foi proxectando en cada unha das intervencións musicais.

A ‘Gala da memoria’ celebrouse este venres 5 de novembro no Pazo da Cultura coincidindo co chamado ‘Mes da Memoria’, cando se cumplen 85 anos dos asasinatos da Caeira, lugar onde tamén mataron a Alexandre Bóveda, e onde fusilaron a mártires defensores da República e da liberdade, entre eles dúas persoas que presidiron a Deputación provincial, Amancio Caamaño Cimadevila e José Adrio Barreiro, xunto a Ramiro Paz, Victor Casas,Telmo Bernárdez, Luis Poza, Paulo Novás, Germán Adrio, Benigno Rey e Juan Rico.

O Concello de Nigrán rehabilitará o parking de A Ramallosa de cara á campaña de Nadal

0

O Concello de Nigrán ultima as obras para reabrir o parking de A Ramallosa no inicio da campaña do Nadal e poder fornecer así de 357 prazas de estacionamento á zona despois de 5 anos pechado. Deste xeito, o goberno local asumirá a súa xestión directa tras conseguir remunicipalizar unha infraestrutura que pertencía á concesionaria ‘Estacionamientos Valle Miñor, S.L.’, empresa liquidada e disolta no 2019.

A posta a punto do parking supón para o Concello un investimento de máis de 90.000 € nos traballos actuais destinados a certificar a instalación eléctrica e de seguridade, repoñer a maquinaria, axustar a protección contra incendios, instalar dúas bombas de achique para evitar inundacións na última planta e a propia limpeza de toda a superficie. Igualmente, o Concello negociou coas distintas partes implicadas e non ten que asumir ningunha débeda ou indemnización á empresa concesionaria.

Paralelamente, tras realizar toda esta tramitación de cara a súa remunicipalización e contratar as obras pertinentes, o goberno local aprobará na vindeira semana uns prezos públicos que abranguen as 4 primeiras horas gratis (estes usuarios nin siquera terán que validar o tíquet) e a partir de ahí 0,02 €/minuto ata un máximo diario de 14,40 € . A apertura prevista é de luns a sábados de 7:00 a 23:00 horas. A maiores, o goberno local contempla liberar prazas para os comerciantes deste núcleo urbano.

“O beneficio para o comercio local da Ramallosa e para os usuarios da piscina mancomunada situada ao seu carón é incalculable. Ter un aparcamento gratis suporá un cambio radical para A Ramallosa”, refire o alcalde, Juan González. Deste xeito, o goberno local non considerou en ningún momento outra opción que a xestión pública para que de verdade a súa apertura beneficie económica e socialmente a todo este núcleo. “Unha concesionaria lóxicamente busca facer negocio porque é unha empresa, en cambio, desde o Concello o que buscamos é un beneficio social, non o lucro: aparcamento gratuíto para toda aquela persoa que veña a Ramallosa”, engade o rexedor.

O parking, aberto no 2007 coa concesión a 39 anos para ‘Estacionamientos Valle Miñor, S.L.’, foi pechado pola empresa o 1 de xaneiro de 2017, sendo liquidada a adxudicataria xudicialmente a mediados de 2019. A tramitación de cara a súa re-municipalización, moi complexa, foi asumida directamente polo edil de Mobilidade Diego García, quen está a fronte da actualización de todo o recinto para que cumpla con todos os requerimentos precisos de seguridade.

Este aparcamento súmase ao leira-parking municipal do núcleo urbano de Nigrán, tamén 100% público e gratuíto e polo que o Concello paga un aluguer de 6.137 € ao ano, e a outra leira no Bulevar de Praia América de 4.000 metros cadrados cecida gratuítamente polos propietarios e con capacidade para máis de 200 coches.

“Somos conscientes do importante que son para os núcleos urbanos as bolsas de aparcamento porque repercuten directamente no pequeno comercio e na propia calidade de vida das persoas, polo que consideramos a re-apertura deste parking da Ramallosa de xeito 100% público un dos grandes logros deste goberno”, resume González.

Salvaterra lanza unha campaña de sensibilización ambiental nos centros educativos

Salvaterra de Miño segue coas acción enmarcadas dentro seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible, neste caso cunha campaña informativa entre os máis cativos do municipio.

O Concello de Salvaterra de Miño pon en marcha, xunto cos Centro Educativos, un programa de sensibilización e concienciación para a correcta recollida de lixo.

“Estamos nun intre crucial para o desenvolvemento sostible do noso planeta, por iso cómpre lembrar a todos os veciños e veciñas da necesidade de separar o noso lixo para depositalos no contenedor correspondente”, declarou o grupo municipal.

 Sendo coñecedores de que temos hábitos pouco recomendables para garantir o noso ecosistema, o que se persegue con este programa é concienciar dende abaixo, dende os Centros Educativos para que os nenos e nenas inclúan a reciclaxe como algo natural nas súas vidas. Desde xeito, o futuro de Salvaterra e do noso planeta será máis sostible e menos violento de cara a contaminación do noso Ecosistema.

O equipo de goberno de Tui manterá reunións en todas as parroquias

0

Coñecer as necesidades de cada parroquia directamente dos veciños e veciñas é o obxectivo das reunións que dende o próximo luns vai manter o equipo de goberno de Tui en cada parroquia. As persoas que acudan a xuntanza poderán formular as súas preguntas e rogos tanto ao alcalde, Enrique Cabaleiro, coma aos concelleiros que conforman o equipo de goberno.

A primeira reunión está prevista o próximo luns, 8 de novembro, ás 20 h na Casa Cultural de Rebordáns. O martes a reunión será en Malvas, o mércores en Randufe, e o xoves en Baldráns, sempre ás 20 h. Mentres o venres o equipo de goberno achegarase a Areas ás 20.15 h.

As reunións continuarán o luns 15 ás 20.30 h en Guillarei, o martes 16 ás 20h en Paramos, o mércores 17 ás 20 h en Ribadelouro, e o venres 19 ás 20 h en Pazos de Reis.

Por último o luns 22 celebrarase a xuntanza coa veciñanza de Pexegueiro, e o martes 23 coa de Caldelas, en ambos casos ás 20 h.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, convida aos veciños e veciñas de cada unha das parroquias a asistir a estas reunións para poder coñecer así de primeira man as súas inquietudes, necesidades ou suxestións. No ano 2019 desenvolvéronse tamén, no mes de novembro, xuntanzas coa veciñanza das distintas parroquias tudenses.

Reunións coa veciñanza das parroquias tudenses

  • Luns 8 de novembro ás 20 h na Casa Cultural de Rebordáns
  • Martes 9 de novembro ás 20 h no Local do Sindicato de Malvas
  • Mércores, 10 de novembro, ás 20 h na Casa Cultural de Randufe
  • Xoves, 11 de novembro, ás 20 h na Casa Cultural de Baldráns
  • Venres, 12 de novembro, ás 20.15 h na Casa Cultural de Areas
  • Luns, 15 de novembro, ás 20.30 h na Casa Cultural de Guillarei
  • Martes, 16 de novembro, ás 20 h na Casa Cultural de Paramos
  • Mércores, 17 de novembro, ás 20 h na Casa Cultural de Ribadelouro
  • Venres, 19 de novembro, ás 20 h , na Macoca en Pazos de Reis
  • Luns, 22 de novembro, ás 20 h , na Casa Cultural de Pexegueiro
  • Martes, 23 de novembro, ás 20 h na Casa Cultural de Caldelas

Ciclista ferido en Mos

0

Un ciclista tivo que ser trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, isto sucedía logo de sufrir un atropelo no concello de Mos.

Foi o propio ferido quen chamou ao 112 Galicia, a poucos minutos das 15:30 horas de onte, para informar de que acababa de ser atropelado na Avenida de Galicia.

Así, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061, da Policía Local e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Homenaxe ás mellores da danza mosense

0

O venres celebrouse, no salón de sesións do Concello de Mos, a recepción a Patricia Martínez pola medalla de bronce no Campionato do Mundo PD 10 Bailes e ás Meninas (adestradas tamén por ela), por erixirse Campioas Galegas Junior Territorial Iniciados de Danza Coreográfica.

As campioas foron recibidas e homenaxeadas por Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Camilo Augusto, tenente alcalde, José Areal, concelleiro de Deportes, Sara Cebreiro, concelleira de Cultura e Turismo, Participación Cidadá, Política Social e Igualdade, e demais membros da Corporación Municipal.

Patricia Martínez acadaba o pasado 21 de outubro a medalla de bronce no Campionato do Mundo PD 10 Bailes de Profesional Division (Liga Profesional). Era o primeiro mundial que bailaba xunto coa súa actual parella de baile, Jacopo Casotto, e a pesar delo acadaron xa o terceiro posto.

Neste Campionato do Mundo participaron un total de 8 parellas seleccionadas. O título de campión levouno Italia, seguida por Croacia e o bronce para España con Patricia e Jacopo. Celebrouse en Cagliari, Cerdeña.

Pola súa banda as pupila de Patricia Martínez, As Meninas (Sara, Ainara, Eva e Elena), erixíronse o 24 de outubro Campioas Galegas Junior Territorial Iniciados de Danza Coreográfica. Competiron en Tui, onde participaron 16 grupos. Da súa categoría (Junior Territorial Iniciados) eran 3 grupos.

Conseguiron a medalla de ouro a 12 puntos de diferencia do segundo grupo, é dicir, con moi boa puntuación en cada parámetro.

Agora estanse a preparar para disputar el próximo 5 de Decembro o Campionato de España de Danza Coreográfica en La Nucía, Alicante.

Respecto do seu éxito persoal no Campionato do Mundo Patricia Martínez declaraba hoxe que “pola miña banda, dicir que é o maior logro que conseguín na miña carreira, agradecer publicamente a Jacopo a miña parella por vivir esta aventura comigo e facerme cumprir un obxectivo que levaba tempo buscando, levar a Mos a unha final do mundo”.

Respecto das Meninas, Martínez expresaba esta mañá como adestradora que “polas miñas nenas, non podo estar máis contenta, véxoas crecer, véxoas evolucionar, comparto con elas os seus agobios cos estudos, as súas ledicias, todo o que a adolescencia supón. Son como as miñas irmás pequeñas”.

Remataba Patricia asegurando que “cada vez estou máis orgullosa de decir que son de Mos, porque somos a caña! Encántame compartir as miñas alegrías con Mos e máis aínda cando é recíproco. Creo que somos un bo elenco de deportistas que estamos a levar a Mos ao top dos podios a nivel mundial e iso é para estar máis que contentos”.

As persoas maiores de Ponteareas xa poden solicitar o programa ‘Xuntos polo Nadal’ para pasar as festas en compañía

As persoas maiores de Ponteareas xa poden solicitar o programa Xuntos polo Nadal, unha iniciativa do Goberno galego para que as persoas que estean soas poidan pasar estas datas acompañadas nunha residencia de tempo libre de maneira gratuíta. A concelleira de Benestar, Verónica Carrera, explica que as persoas interesadas poderán apuntarse ata o día 15 de novembro a través dos Servizos Sociais do Concello.

O programa conta cun total de 526 prazas, 246 na residencia de Panxón, en Nigrán, e 280 na de Carballiño. As persoas maiores de Ponteareas que entren no Xuntos polo Nadal pasarán as festas no concello ourensá en dúas quendas de oitos días cada unha e con réxime de pensión completa. A primeira dende o 22 de decembro ata o 29 de decembro e a segunda dende o 31 de decembro ata o 7 de xaneiro. O programa tamén inclúe desprazamento en autobús dende Vigo ata Carballiño.

Para poder solicitar o Xuntos polo Nadal as persoas deben ter máis de 60 anos, estar empadroadas nalgún concello galego, vivir soas nun domicilio durante as datas do Nadal, valerse por si mesmas. non padecer enfermidades con risco de contaxio e estar vacinadas contra a COVID.

Para a selección dos participantes daráselle preferencias ás persoas que perdesen o seu cónxuxe ou persoa coa que convivisen nos últimos anos, teñan máis idade e non participasen no programa Xuntos polo Nadal en pasadas edicións.

O alcalde da Guarda reúnese coa Asociación de Parkinson Baixo Miño

0

Representantes da nova directiva da Asociación de Parkinson Baixo Miño mantiveron unha xuntanza co alcalde da Guarda, Antonio Lomba, para dar a coñecer os servizos que presta a asociación e solicitar a colaboración do concello da Guarda para difundir a súa labor na localidade.

A asociación, con sede en Tui, ten o seu ámbito de acción territorial en todo o Baixo Miño. As responsables da directiva trasladáronlle ao alcalde a conveniencia de que todas aquelas familias que poidan necesitar apoio saiban da existencia da asociación. Antonio Lomba comprometeuse a dar difusión a súa labor, ofreceu os medios municipais para organizar unha xornada informativa e puxo en contacto as representantes da directiva cos médicos do Centro de Saúde para abrir unha canle de colaboración entre ambos que beneficie a posibles persoas usuarias e as súas familias.

A Asociación de Parkinson Baixo Miño ofrece terapias as persoas afectadas para mellorar a súa calidade de vida e atrasar a evolución da enfermidade: logopedia, terapia ocupacional, atención psicolóxica, estimulación cognitiva, entre outras. Así mesmo ofrecen apoio aos familiares e persoas coidadoras a través de talleres.

O alcalde, que a súa vez mantén as responsabilidades da concellería de Servizos Sociais, comprometeuse a continuar colaborando coa asociación para que poida seguir atendendo as familias da localidade e da comarca.

O AECT Rio Minho incorpora como director ao novo alcalde de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira

O Consello Coordinador do Agrupamento Europeo de Cooperación Transfronteiriza AECT Rio Minho vén de nomear ao recentemente renovado alcalde de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, como novo director nun acto oficial celebrado en Valença. A parte galega da organización transfronteiriza, que ostenta a vicepresidencia co deputado Uxío Benítez, volverá facerse cargo da dirección rotatoria a mediados de 2022.

A designación de Teixeira como novo director xorde tras as eleccións municipais do pasado 26 de setembro en Portugal, cando foi desbancado Fernando Nogueira, logo de que os alcaldes dos dez concellos que integran o CIM Alto Minho, consensuaron a designación do alcalde cerveirense como Director da AECT Rio Minho e do presidente do Concello de Valença, José Manuel Carpinteira, como membro do Consello de Coordinación.

Os representantes da Deputación de Pontevedra permanecen en vigor desde setembro de 2019, concretamente o deputado da Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez como subdirector e o alcalde de Tui Enrique Cabaleiro como vogal do Consello de Coordinación. Non será ata mediados de 2022 cando se realice a rotación para outorgar a dirección á parte galega, data adiada de maneira acordada por motivo da pandemia.

Na súa primeira intervención como director da AECT Rio Minho, Rui Teixeira amosou o seu “orgullo por asumir este cargo”. Destacando a afirmación autonómica, nacional e europea das eurocidades Cerveira-Tomiño, Valença-Tui e Monção-Salvaterra, Rui Teixeira tamén abordou a importancia de “consolidar a acción da AECT Río Minho a toda a rexión estratéxica do Alto Minho e Galicia, potenciando a súa posición e dar exemplo a Portugal e España, a prol da valorización do río Miño e da rexión”.

A AECT Río Minho, con sede en Valença, creouse en 2018 e abarca un total de 26 concellos: 10 da Comunidade Intermunicipal (CIM) do Alto Minho e 16 concellos galegos da provincia de Pontevedra con conexión co río Miño.

Os dous principais socios da AECT son CIM Alto Minho e Deputación de Pontevedra, que unen 10 concellos do Alto Minho, e 16 concellos da Deputación de Pontevedra, que abarcan máis de tres mil quilómetros cadrados de territorio e 375.995 habitantes.

A creación da AECT Río Minho foi impulsada polas accións da Estratexia de Cooperación Intelixente Transfronteiriza no ámbito do proxecto Smart Minho, cofinanciado polo programa INTERREG VA POCTEP.

O mercado de Nadal do Rosal terá oito postos adicados a artesanía, asociacións e vendedores gastronómicos

0

O Concello do Rosal xa está a preparar o Nadal. Este ano organiza un mercado con oito postos para que os artesáns, as asociacións e os vendedores gastronómicos poidan vender os seus produtos no centro do municipio. Terá lugar os días os días 4, 5 e 6 de decembro no salón de exposicións do Concello de 11:00 a 14:00 h e de 17:00 a 21:00 h. A alcaldesa, Ánxela Fernández, destaca que “o mercado vai ser un espazo de oportunidades para que as persoas que realizan traballos relacionados coa artesanía e o deseño poidan visibilizar o seu traballo e talento creativo”.

As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 23 de novembro e a selección será por orde de inscrición. Deberán entregar  no Rexistro do Concello dende o luns 8 de novembro ás 08.00 horas o DNI, o carné de manipulador de alimentos (só vendedores de produtos gastronómicos que non teñan pasado controis de calidade), a solicitude de inscrición sinalando concretamente os produtos que se van vender e unha declaración de responsabilidade.

O número máximo de postos será de oito concedéndose un único posto por participante. Cada un deles terá unha dimensión de 4 metros de largo por 1 metro de ancho. Quedará da man de cada persoa a decoración do posto da forma máis atractiva posible adecuándose á temática do Nadal. A alcaldesa anima “ás asociacións, aos artesáns e aos vendedores de produtos gastronómicos a sumarse a este mercado para desfrutar do Nadal xuntos e xuntas”.

Nigrán destinará axudas para as seis comunidades de augas do municipio

0

O Concello de Nigrán mantén a súa aposta por preservar as traídas de augas veciñais destinando 60.000 € do remanente para colaborar coas seis entidades que existen no municipio (dúas en Chandebrito e catro en Camos, a primeira parroquia sen nada de abastecemento público e a segunda con só unha parte). Estas achegas, que se realizarán mediante a firma dun convenio, son posibles tras consignarse no pasado pleno os cartos cos únicos votos a favor do grupo socialista. As axudas súmanse aos máis de 80.000 € que o ano pasado aportou a este fin o Concello a través da empresa concesionaria Aqualia. O obxectivo é que as seis comunidades poidan rematar as obras que teñen pendentes ben para acadar a súa regularización, ou ben para mellorar o subministro.

“Eses 10.000 € que daremos a cada entidade son para que cada unha os empregue na infraestrutura que precise. As traídas de Camos e Chandebrito dan servizo ancestralmente a moitos fogares aos que aínda non chega o abastecemento público, polo que consideramos que é deber do Concello compensalas garantindo a súa continuidade e tamén a seguridade sanitaria deste servizo que alcanza a máis de 200 familias”, explica o alcalde, Juan González.

Considerando que as novas regulacións sanitarias ou o fin de concesións obrigan á maioría das comunidades da localidade a emprender obras nas súas instalacións e tramitar documentación, o Concello iniciou no 2020 a través de Aqualia a súa colaboración coas traídas de A Rotea e Piñeiros (Camos) e Lapela e Pracíns (Chandebrito). Entre as melloras realizadas entón figuran desde a renovación dos colectores a instalar cloradores, mosquiteiras, sinalización… e mesmo traballo administrativo como realizar memorias de legalización.

“As comunidades coas que o Concello colabora manteñen a súa independencia total e absoluta e seguen a ser os titulares dos seus recursos, é unha decisión dos comuneiros regularizarse coa nosa axuda ou sen ela”, insiste o rexedor.

“Todas as traídas comunais son de tempos xa remotos onde non había ningún tipo de regulación, algunhas foron adaptándose aos requirimentos e outras quedaron practicamente igual, pero hai que recoñecer que, grazas a estas entidades, foi posible fixar poboación no rural e mellorar as súas condicións de vida; consideramos que agora o Concello debe colaborar con elas, xa que chegan onde non hai abastecemento público”, insiste o alcalde, quen incide en que esta aposta pola súa continuidade “non está rifada con que se amplíe, nun futuro, a rede de abastecemento”.

As comunidades de augas son unha figura moi extendida en toda Galicia, especialmente no rural, onde a dispersión poboacional dificulta o abastecemento público, alí ancestralmente se formaron estas comunidades de veciños privadas. Estímase que en Galicia poden existir máis de 5.000 captacións comunitarias, que abastecen a ao redor de 300.000 veciños. A maioría delas regularizáronse a finais dos anos 70 ou comezos dos 80, con concesións a 20 anos, polo que as comunidades de augas afrontan agora a segunda renovación da súa concesión.

Carmen Gómez, veciña de Amorín celebrou o seu 100 aniversario rodeada de cariño

0

María del Carmen Gómez Alonso cumpriu onte 100 anos rodeada do cariño da súa grande familia (6 fillos –dous xa falecidos- 17 netos, 28 bisnetos e 3 tataranetos). Vive coa súa filla Felicitas e conta coa axuda de Conchi, traballadora do Servizo de Axuda no Fogar.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González e a concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez, achegáronse até o seu domicilio en Amorín (Tomiño) para darlle os parabéns e levarlle algún agasallo. Puideron comprobar de primeira man, que a señora Carmen goza dunha saúde envexable, tanto física como mental. Ela mesma foi quen de resumirlles a historia da súa vida; unha historia dura e de moitísimo traballo, para sacar adiante aos seus fillos soa, xa que o marido viaxou ao Caribe (e morreu alí aos tres anos de chegar) cando o maior tiña 13 anos e o menor só 3 meses.

Coa única axuda da súa nai e traballando no campo sen descanso, logrou sacalos adiante. Na actualidade os seus días transcorren de outro modo, aínda que non perde detalle das tarefas da casa e participa na vida dos seus familiares. Pasea diariamente pola finca; sen gafas lee e cose (axuda a súa filla a enherbar a agulla) e ten unhas analíticas modélicas, xa que só come peixe, con patacas cocidas; ovos e iogures e bebe auga e colacao con leite para almorzar.

Arealonga recupera a súa memoria fotográfica a través dun panel situado no paseo marítimo

0

O Concello de Redondela acaba de instalar un panel no paseo marítimo de Arealonga que recolle parte da memoria fotográfica desta zona de Chapela. A foto central, da autoría de Pacheco, retrata a paisaxe mariñeira e, ao seu arredor, se incluíron outras fotografías coas que se busca recuperar a memoria e a tradición marítima de Chapela.

Logo de sufrir cambios urbanísticos –uns con máis acerto que outros– que transformaron a súa personalidade, este panel permite, entre outras cousas, observar os cambios producidos e comparar, por exemplo, a praia de Arealonga como era antes e como é agora.

As fotografías que forman parte deste panel están recollidas no libro de Gonzalo Mencía Chapela, de onte a hoxe, que o Concello de Redondela vén de reeditar tras esgotarse a primeira edición feita hai varios anos.

O libro será presentado na biblioteca Xela Arias de Chapela o vindeiro mércores, 10 de novembro ás 19 horas, nun acto no que estará presente o autor da obra, Gonzalo Mencía, e a alcaldesa e concelleira de Normalización Lingüística, Digna Rivas quen fixo fincapé na importancia que ten “a difusión de todos aqueles traballos que permitan afondar no coñecemento sobre as nosas parroquias e a súa historia”.

A Guarda incrementa as horas de atención do Servizo de Axuda no Fogar

0

O servizo de axuda no fogar (SAF) é un servizo público no que os concellos asumen unha parte moi importante a pesar de ser competencia da Xunta de Galicia consistente en ofrecer un conxunto de atencións a persoas ou unidades de convivencia no propio domicilio para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu medio habitual.

Poden acceder ao servizo as persoas que teñan recoñecido este dereito a través do sistema de atención á dependencia ou ben, na modalidade de libre concorrencia, aquelas persoas para as que resulte un recurso idóneo, de acordo coa valoración técnica correspondente.

Os principais obxectivos do SAF son: mellorar a calidade de vida das persoas usuarias, posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual, favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio, previr situación de dependencia ou exclusión e retardar ou evitar a institucionalización.

A xestión do servizo é mixta, contando con persoal propio (10 auxiliares de axuda no fogar) e dunha empresa que atende os casos que son derivados dende os servizos sociais comunitarios.

Dende o ano 2018 a prestación do servizo de axuda no fogar é realizado pola empresa local Alento Servizos.

Actualmente 65 persoas son beneficiarias do servizo, 47 na modalidade de dependencia , e 18 en réxime de libre concorrencia, (sobre 300 horas prestadas mensualmente). Co incremento das 300 h que se están incorporando a número de horas que se prestan en dependencia será de 2386 h

Ademais das atencións de carácter persoal e doméstico, o SAF inclúe unha serie de servizos complementarios para as persoas beneficiarias que o precisen: servizo de fisioterapia, podoloxía e préstamo de axudas técnicas.

A maiores, no Concello da Guarda, préstase o servizo de Xantar na Casa, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O Xantar na Casa constitúe un servizo de comida a domicilio que pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades das persoas maiores e/ou dependentes, que non poden valerse por si mesmas para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou elaboración de menús.

As persoas que precisen de calquera destes servizos poden dirixirse ao departamento de servizos sociais comunitarios no 1º andar do edificio do concello vello na Praza do Reló, chamando ao 986 61 4507 ou no enderezo electrónico [email protected]

Arbo inicia a renovación da rede de abastecemento en Cuarto, San Estevo de Mourentán

0

O Concello de Arbo comezou coas obras de renovación da rede de abastecemento en Cuarto da Parroquia de San Cristovo de Mourentan, traballos contan cun investimento de 49.979,74 € (IVE 21% incluído) e contan co financiamento do 100 % de Augas de Galicia.

O obxecto do contrato ven constituído por unha serie de actuacións co obxectivo de mellorar a rede de abastecemento do Concello de Arbo, en concreto no lugar de Cuarto, na parroquia de San Cristovo de Mourentán unha obra coa que, tal e como apunta o alcalde de Arbo, Horacio Gil, “preténdese unha solución adecuada para repoñer as redes de abastecemento desta zona”.

Para iso no proxecto, defínese, tanto o tipo de tubaxe, os diámetros e presións nominais das mesmas, así como o mellor trazado das tubaxes que se repoñen. Tamén se repoñerán as acometidas que parten da rede principal a cada unha das vivendas.

Dende o goberno arbense, queren garantir o abastecemento sen cortes por avarías, dado que a tubaxe existente sofre roturas con bastante asiduidade, ocasionando cortes na subministración de auga ás vivendas existentes no núcleo de Cuarto, manifesta Horacio Gil.

O Concello de Arbo, “non conta con medios nin persoais nin materiais para a realización das obras proxectadas e que son necesarias porque este tramo de tubaxe que se pretende mellorar, sofre constantes avarías, e estas supoñen numerosos cortes na subministración de auga ás vivendas existentes no núcleo de Cuarto e Pimende”, sinala o Goberno local.

Co fin de arranxar este problema que afecta a veciñanza, o Concello decidiu renovar a tubaxe existente, entre a arqueta do cruzamento do desvío aos núcleos e ata a zona sur do núcleo de Pimende, mediante a reposición da mesma, con tubaxe en polietileno de alta densidade de diámetro 90 mm e 16 bar de presión e tubaxe de PEAD de diámetro 40 mm, repoñer as arquetas que aloxarán as válvulas de corte e as válvulas redutoras de presión e renovar as acometidas domiciliarias.

O Concello de Oia presentará alegacións contra o parque eólico ‘Albariño I’

0

O Concello de Oia presentará alegacións contra o parque eólico Albariño I e organiza unha reunión veciñal que contará coa asistencia de técnicos dunha empresa especializada, contratada polo Concello para analizar a documentación sometida a información pública (o prazo para presentar recursos está aberto ata o día 18 deste mes).  A reunión celebrarase o venres 12 de novembro, ás 19.00 h, nas Escolas de Torroña.

A alcaldesa, Cristina Correa, sinala que o expediente relativo ao parque Albariño I pódese consultar nas dependencias municipais. Na información pública inclúese a seguinte documentación:  proxecto de execución, estudio de impacto ambiental e proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico). Para proceder á consulta da antedita documentación cómpre pedir cita previa.

O parque eólico Albariño I afecta a tres municipios: Oia, Baiona e Tomiño. Este parque prevé 6 aeroxeradores: 2 en Baiona, 2 en Mougás e 2 no límite entre Burgueira e Tomiño.

Os aeroxeradores teñen unha altura de buxa a 125 m e 149,1 m de diámetro de rotor (cada pa 75 m. aprox.), 2 torres de medición en Torroña, 2 liñas soterradas de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores, unha subestación transformadora en Barrantes, que se conectará cunha nova liña aérea á liña xa existente Gondomar-O Rosal, e un edificio de control situado fronte á subestación Barrantes, de 600 metros cadrados.

A consulta da documentación tamén pode facerse a través do seguinte enlace da web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación: https://ceei.xunta.gal/transparencia/documentos-sometidos-a-informacion-publica, no epígrafe de instalacións de xeración. 

Baiona aposta pola ‘economía azul’ como impulsora do crecemento do futuro

0

O Concello de Baiona vén, nun momento no que a economía trata de reinventarse, vén de apostar por novos conceptos como a economía azul. O blue growth ou crecemento azul é un concepto creado recentemente pola Comisión Europea dentro da súa estratexia atlántica, que aposta pola economía marítima como un dos principais impulsores do crecemento do futuro de Europa. O certo é que hai dúas cores que definen baiona, o verde dos seus montes e o azul dos seus quilómetros de costa que dan ao Atlántico e que son a mosta da estreita relación do municipio co mar.

Por iso, o Parador de Baiona acollerá do 24 ao 26 de novembro de 2021, tres xornadas dedicadas a tres sectores da economía azul de vital importancia para o desenvolvemento sostible de Galicia en xeral e de Baiona, en particular.

Desde o Concello de Baiona quíxose crear un espazo de cooperación, discusión, formación e difusión sobre a economía azul desde unha perspectiva atlántico-europea: Blue Atlantic Forum, un marco no que se tratarán diversas temáticas transversais aos tres sectores representados: Turismo marítimo e de Costa, Pesca e Acuicultura e Biotecnoloxía Mariña, tales como a formación, o financiamento, o emprendemento, o cambio climático ou as oportunidades que ofrecen as rías galegas na economía azul.

O desenvolvemento económico debe de ser sostible. Por iso, desde Baiona darase especial destaque aos obxectivos de desenvolvemento sostible. Cada unha das partes do programa está dedicado a un destes obxectivos.

Para o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, “Baiona ten que superar a fase de vivir de costas ao mar. Agora tamén faremos que a economía mire cara ao Atlántico, cunha nova estratexia de economía azul con que potenciaremos a creación de empresas e postos de traballo de calidade en diversos sectores”.

Para o rexedor local, esta nova medida permitirá do Goberno local “abrirá un mar de oportunidades, sumando competitividade económica e sustentabilidade ambiental. Somos conscientes de que o mar é un motor económico e un activo de valor para Baiona, que implica unha vantaxe competitiva respecto a outras localidades e que debemos aproveitar para diversificar o noso modelo económico para lograr un crecemento económico máis innovador e sostible”.

A economía azul é un sector que inclúe actividades como a pesca; a industria; o deporte (lecer, saúde, cultura),a gastronomía, así como a enerxía, a ciencia e a tecnoloxía vinculada ao mar e os océanos “desde a sustentabilidade”.

Baiona conta catorce quilómetros de costa que quere presentar como “gran atractivo” para o seu desenvolvemento económico para actividades como a pesca, a náutica, o turismo azul, a investigación e a formación e educación mariña.

“O proxecto en se, á fin e ao cabo, é un compromiso cos veciños e veciñas e con Europa. Temos unha responsabilidade á hora de xestionar toda a nosa contorna natural. Empezaremos a sentar as bases da sustentabilidade do Concello de Baiona. Trátase dun proxecto inédito xa que ata o de agora non houbo preocupación dos anteriores gobernos por este tema”, finaliza o rexedor.

A AJE traslada os seus premios a Baiona para “reforzar o seu copromiso co sur de Galicia”

0

A Asociación de Jovenes Empresarios de Vigo, AJE Vigo, celebrará a gala de entrega dos seus premios Joven Empresario e Empresaria e Iniciativa Emprendedora o próximo 18 de novembro. Por primeira vez, este evento anual trasládase fóra de Vigo e terá lugar no Parador de Baiona.

Así o anunciou hoxe o presidente de AJE Vigo, Iván Suárez, no acto de presentación dos galardóns, no que estivo acompañado do alcalde de Baiona, Carlos Gómez. O rexedor local afirmou que era un orgullo acoller estes premios e subliñou que en Baiona “estamos abertos a que calquera asociación empresarial achéguese a nós para compartir tempo, proxectos e ideas e máis se, como neste caso, trátase de mozos que son o futuro e non podemos darlle as costas”.

Iván Suárez, presidente de AJE Vigo, destacou que “para a asociación é moi importante achegarse a todo o que é o seu ámbito de actuación, que é o sur da provincia, e que este ano nos achegamos ao Val Miñor pola disposición deste municipio e o enclave que simboliza o Parador de Baiona”. Animou a todos os novos empresarios a que se presenten xa que “son uns premios moi importantes do emprendemento en Galicia”.

Ata o 10 de novembro

Iván Suárez lembrou que os galardóns que AJE convoca cada ano, desde fai decieséis anos, divídense en Premio Novo Empresario e Empresaria e Iniciativa Emprendedora. Ademais, entregaranse dous accésits a proxectos que destaquen pola súa innovación ou pola súa implicación en RSC (Responsabilidade Social Empresarial). O prazo de presentación para estes galardóns, abertos a toda a sociedade e non só a asociados, tanto empresas como autónomos da provincia de Pontevedra, finaliza o próximo 10 de novembro.

Cualificados como os mellores galardóns en canto a dotación, segundo AJE Vigo, o Premio Novo Empresario/a recibirá unha formación en IESIDE por valor de máis de 8.000 euros e unha estancia gratuíta en oficina ou nave nun polígono de Zona Franca durante un ano. Os candidatos que opten a este galardón deberán ser, como é habitual, menores de 41 anos, propietario maioritario da sociedade ou ter unha participación superior ao 20 por cento da empresa e que a súa sociedade estea constituída antes do 1 de xaneiro de 2020.

O Premio Iniciativa Emprendedora está dotado cun premio en formación en IESIDE tamén por valor de 8.000 euros e un aloxamento gratuíto dun ano nun viveiro da Deputación Provincial. Poderán optar os candidatos que non superen os 41 anos, cunha empresa con sede social na provincia de Pontevedra, constituída despois do 1 de xaneiro de 2020.

Os accésits tamén recibirán un bono equivalente a un plan de formación por cortesía de IESIDE.

En todas as categorías, todos os premiados recibirán un acceso ao Ardán e unha afiliación a AJE Vigo gratuítos. As bases e os formularios para presentarse pódense descargar en www.ajevigo.es.

O Museo pecha as exposición deste ano con ‘Origami, de papel a obra de arte’

O éxito da exposición ‘Origami, de papel a obra de arte’ “está asegurado de antemán” e “converterase nunha interesante opción para pechar o ano e comezar o 2022” no Museo de Pontevedra “sen deixar a ninguén indiferente”. Así o manifestou hoxe o director do Museo Xosé Manuel Rei na apertura ao público da colección chegada da Escola Museo de Origami de Zaragoza (EMOZ) facendo unha chamada para visitar a mostra dende hoxe ata o 23 de xaneiro.

A exposición pretende facer un percorrido pola historia do pregado do papel a través da obra orixinal dalgúns das mellores persoas creadoras a nivel mundial. As pezas seleccionadas van máis alá das pequenas paxariñas ou barquiños de papel: “van moito máis aló. Son auténticas esculturas cheas de complexidade e expresividade, que provocarán o asombro das persoas que as contemplen, se temos en conta ademais que foron realizadas cun só papel, sen ningún tipo de cortes e unións e sen pegamentos”, apuntou Rei.

[su_image_carousel source=”media: 48208,48209,48207″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Na sala de exposición poderán contemplarse 150 modelos feitos por 50 autoras e autores de 17 países diferentes que amosan distintas técnicas para crear dende obras moi sinxelas a verdadeiras obras de arte e enxeños de papel de carácter hiperrealista, escultórico ou xeométrico. A mostra estará dividida en varias zonas, unha primeira de ‘Introdución’ e outras denominadas ‘Origami elemental’ , ‘Origami esencial’, ‘Origami orgánico’, ‘Origami hiperrealista’, ‘Origami escultórico’, ‘Origami xeométrico’, ‘Origami teselado’ e finalmente ‘Non origami’ ou metaorigami.

O director da Escola Museo Origami Zaragoza (EMOZ), Jorge Pardo, asegurou que a mostra no Museo de Pontevedra é a máis importante das que a entidade zaragozana leva feitas en todo o Estado tanto pola cantidade de pezas amosadas como pola súa calidade. Explicou que por cuestións de mantemento todas as obras que son expostas deben pasar despois un ano retiradas da vista ao público para garantir a súa estabilidade polo que subliñou a excepcionalidade do evento.

Pardo explicou que a EMOZ naceu hai oito anos despois de que no 1944 se crease Grupo Zaragozano de Papiroflexia, o primeiro grupo de persoas que se reúnen arredor do pregado do papel no mundo e que aínda segue activo. Manifestou a súa esperanza de que a mostra de Pontevedra, que xurde da selección de máis de 5.000 pezas que hai en Zaragoza, guste ao público para que este “se enganche” ao origami, incluso creando un grupo propio en Pontevedra, e se potencien as visitas á cidade maña.

Obradoiros completos

Para completar a exposición, o Museo organizou obradoiros de papiroflexia para público de 5 a 90 anos que se esgotaron en apenas un día dende o anuncio da súa realización. Debido ao grande éxito, a organización está a traballar para habilitar novas datas para que poidan ser realizados e gozados por máis persoas.

Os días nos que vai haber obradoiro (e para os que hai unha longa lista de agarda) serán os sábados 6 e 20 de novembro, e o 11 de decembro, mentres que no Nadal haberá sesións os días 28, 29 e 30 de decembro. As novas datas anunciaranse tan pronto sexa posible.

A Oficina Municipal de Turismo atendeu case 4.800 visitantes en outubro

0

A Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui atendeu no pasado mes de outubro case catro mil oitocentos visitantes que solicitaron basicamente información para a súa visita á cidade. En concreto foron 4.796 visitantes os que se achegaron ata a Oficina Municipal de Turismo na praza de San Fernando. Deste total 2.643 eran turistas e 2.153 peregrinos e peregrinas.

Das 2.153 que estaban a realizar o Camiño de Santiago 1.465 eran peregrinos e peregrinas internacionais de até 40 nacionalidades distintas, e 688 eran españois procedentes de até 43 provinciais.

Nos peregrinos e peregrinas procedentes doutros países, o maior número procedía de Portugal con 663 persoas, seguidos de Alemaña con 193 peregrinos (13%), Estados Unidos con 81 (5,5%), Italia con 72 peregrinos, Bélxica con 56, Reino Unido con 54, Brasil con 40, México con 38, Países Baixos con 35 ou República Checa con 28.

En canto aos 688 peregrinos e peregrinas nacionais 127 procedían de Madrid, 90 da provincia de Pontevedra, 43 de Tenerife, 42 de Málaga, 40 de Barcelona, e 26 de Cádiz.

Dos 2.643 turistas 2.392 procedían de España e 251 doutros países. No turismo nacional destacan o 366 procedentes de Madrid, 191 da propia provincia de Pontevedra, 165 de Toledo, 110 de Xaén, 73 de Salamanca, … Nos turistas internacionais rexistráronse 167 consultas de turistas portugueses, seguidos de 24 de Francia ou 8 de Estados Unidos.

Cómpre lembrar que estes datos corresponden aos peregrinos e turistas atendidos na oficina municipal de Turismo e que por tanto son unicamente unha estimación sobre a positiva dinámica que o sector turístico está experimentando nos últimos meses.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinala que a revitalización progresiva do número de visitantes á nosa cidade é un dato de gran relevancia ao testemuñar a revitalización que rexistra este ámbito tan importante para a economía da nosa cidade, como é o turismo, logo dos duros tempos da pandemia. Enrique Cabaleiro sinala que o Concello segue traballando no ámbito das súas competencias para apoiar ao sector e moi especialmente a aqueles afectados polas consecuencias da pandemia a través dos diversos programas de axuda como Reactiva 2.

Desbloqueada a ampliación do paseo do Louro ata Queirón en Louredo

0

A alcaldesa do Concello de Mos, Nidia Arévalo, informou de que por fin queda desbloqueada a ampliación do paseo do Louro ata Queirón, parroquia de Louredo, ao concluír a vía xudicial dos recursos presentados contra o proxecto de expropiación en favor da administración local mosense. Deste xeito chega xa o momento de iniciar o procedemento de contratación da obra polo que Arévalo, rexedora municipal, anunciou que solicitará neste senso unha vindeira xuntanza con José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, para retomar o proxecto, pois será financiado ao 50% por Confederación Hidrográfica e a administración local mosense e licitado directamente pola Confederación, en base a un convenio de colaboración asinado en xaneiro de 2018.

Desde entón o Concello foi solicitando a correspondente prórroga da adenda do convenio e leva os tres últimos anos resevando a partida correspondente para esta obra no orzamento municipal.

Nidia Arévalo avanzou tamén que, ademáis de reunirse co presidente da Confederación, ten programada unha reunión cos propietarios dos terreos.

A denominación exacta do proxecto que por fin ten luz verde é “Nova senda fluvial do río Louro, ata o Camiño de Lagoal na parroquia de Louredo, no termo municipal de Mos”.

Os terreos expropiados pasan a ser titularidade do Concello para poder acometer as obras de ampliación do Paseo do Louro. Obras cuxo procedemento de licitación xa se pode iniciar por fin. O procedemento de licitación da obra realizarao directamente a Confederación Hidrográfica.

O 15 de xaneiro de 2018 asinábase un convenio de colaboración entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello de Mos para o financiamento e execución do devandito proxecto de nova senda fluvial no río Louro, entre o Camiño de Noveleda e o Camiño de Lagoal, parroquia de Louredo.

O obxectivo do proxecto é definir as actuacións necesarias para a ampliación e mellora da ruta fluvial do río Louro, con criterios ambientais e de accesibilidade, valorizando o patrimonio natural e cultural da zona para o goce de veciños/as e visitantes.

En concreto, e dentro das actuacións programadas, proxéctanse dous novos tramos de senda, os cales estarán conectados entre si por itinerarios naturais. O primeiro tramo, de 622 m de lonxitude, parte do Camiño de Lagoal e finaliza onde discorre un sendeiro existente. Este primeiro tramo sitúase fóra do DPH e mellora o acceso ao Muíño Novo e ao Muiño do Lagoal. A uns 150 m deste primeiro tramo, debido á gran pendente do terreo, deseñouse unha adecuación ambiental do carreiro existente, mediante a execución de banzos con materiais naturais, como rollizos de madeira e xabre estabilizado, así como elementos de apoio consistentes en postes de madeira e cordas de agarre. Como alternativa a este tramo máis difícil, proxectouse un ramal de unión cun camiño existente, máis afastado do río, que é máis accesible para as persoas de mobilidade reducida. O segundo tramo, de 150 m, parte do sendeiro existente e permitirá pasear preto do río e chegar á contorna do Muíño Branco, onde a servidume próxima ao río permite o tránsito ao Camiño de Noveleda. O proxecto prevé, ademais, a execución de plantacións de especies vexetais compatibles cos valores naturais da contorna. Os traballos tamén incluirán o desbroce e limpeza do só do entorno respectando o bosque de ribera e especies locais e eliminando especies invasoras, mellorando o contorno. Acometeranse así mesmo solucións de drenaxe para resolver a saída das augas e mellora da sinalización e posta en valor dos elementos patrimoniais abandonados.

No deseño das actuacións tivéronse en conta as directrices do PXOM mosense.

O investimento previsto é de 210.000 euros, que será sufragado ao 50% entre ambas Administracións, e o prazo de execución estímase en 4 meses.

As obras levan un procedemento de licitación do que se encarga directamente a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Organismo que, en base aos seus propios criterios técnicos, ambientais e xurídicos, aprobou o proxecto de ampliación do sendeiro presentado polo Concello e redactado en base aos devanditos criterios.

Os obxectivos da actuación son dar continuidade á senda fluvial actual de 3 km, entre o Camiño da Gata e o Camiño de Noveleda. O novo tramo de senda fluvial facilita a accesibilidade peonil dende o Camiño de Noveleda ata o Camiño Lagoal nunha lonxitude dun 1 km.

As condicións da actuación marcadas pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil esixiron deseñar unha senda fluvial fóra do Dominio Público Hidráulico.

O Museo acolle o ‘X Encontro de conservación e restauración’ centrado nas emerxencias naturais

O Museo de Pontevedra vai acoller a finais de mes o ‘X Encontro de conservación e restauración’ que este ano se centrará na ‘Xestión de riscos e emerxencias no Patrimonio Cultural’ e analizará, a través de persoas expertas de diferentes entidades de todo o Estado, catástrofes como a erupción do volcán de La Palma, o incendio de Nôtre Dame ou o terremoto de Lorca. Sobre a mesa estarán temas como a utilización da intelixencia artificial aplicada aos plans de protección ou as actuacións básicas para rescatar bens de interese cultural.

Segundo explica a organización do certame, o 18 de marzo de 2015 foi referendado o ‘Marco para a Redución do Risco de Desastres 2015-2030’ no seo da terceira Conferencia Mundial de Nacións Unidas celebrada en  Sendai (Xapón), que España subscribiu. Este documento, coñecido como ‘Marco de  Sendai’, é extraordinariamente relevante para a xestión do patrimonio cultural porque é a primeira vez que este se identifica como un dos elementos para protexer do risco de desastres. Destácase, ademais, a necesidade de avaliar as perdas e o seu impacto sobre o patrimonio cultural, e exponse o investimento na súa protección como unha das claves para aumentar a  resiliencia social.

Exemplos próximos como o terremoto de Lorca en 2011, o incendio de  Nôtre Dame en 2019, ou a recente erupción  volcánica na illa da Palma reforzaron a percepción de que o Patrimonio Cultural se enfronta, con máis frecuencia da desexada, a situacións de emerxencias xa sexan estas provocadas por fenómenos de orixe natural (terremotos, inundacións, furacáns…) ou antrópico (guerras, terrorismo, accidentes…). A estas débense engadir as situacións xeradas polo cambio climático e o despoboamento de zonas rurais co consecuente abandono do seu patrimonio cultural.

Ao longo das intervencións do encontro, en liña cunha mirada globalizadora, exporase cal é o estado da cuestión en relación coa xestión de riscos e emerxencias que poden afectar o patrimonio cultural e a que escenarios hai que enfrontarse. Ademais, presentaranse algúns proxectos e solucións trazadas desde diferentes institucións que están a ser pioneiras na implementación dos seus plans de protección ante emerxencias.

20 persoas desempregadas de Ponteareas e As Neves formaranse no obradoiro “Coidar de Nós IV”

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, activou na xornada de hoxe a formación laboral de vinte persoas desempregadas dos municipios de Ponteareas e As Neves coa posta en marcha do obradoiro de emprego de formato dual Coidar de Nós IV, que conta cun investimento de 347.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado da alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, e do rexedor das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, presidíu esta mañá o acto de inauguración desta iniciativa laboral no Centro de Desenvolvemento Local, emprazado na parroquia de Ribadetea.

“O emprego, xunto coa sanidade e a educación, son os tres grandes eixos da acción de goberno da Xunta e por iso seguimos apostando por este modelo formativo, que mellora moito a empregabilidae e favorece a inserción laboral dos participantes na bisbarra do Condado”, explicou o representante autonómico, que lembrou que a provincia de Pontevedra está arrancando nestas semanas unha vintena de obradoiros, que formarán a 400 persoas cun investimento de 6,6 millóns de euros.

Luis López agradeceu aos participantes “a súa implicación e gañas de aprender un oficio mellorando os seus coñecementos para outorgarse máis oportunidades no mercado” e amosouse convencido de que “aproveitarán estes nove meses ao máximo para adquirir coñecementos que poden ser fundamentais para o seu futuro”. Neste senso, recalcou o “compromiso” da Xunta coa creación de emprego e a xeración de riqueza na comarca do Condado, “algo que demostramos con feitos, tal e como se confirma coa constante concesión de obradoiros e doutras iniciativas, como os 23 cursos AFD de formación para desempregados que estamos a despregar no sur da provincia”.

O obradoiro de emprego Coidar de Nós IV, compartido por Ponteareas e As Neves, contará cos módulos de Atención Sociosanitaria, que centrará as súas prácticas no coidado de persoas dependentes en domicilio, e o de Actividades Auxiliares e Conservación e Mellora de Montes, que actuará no parque da Picaraña de Ponteareas e na Chan de Vide, pertencente ás Neves. A formación prolongarase durante nove meses e, ademais das ensinanzas teórico-prácticas, ofertarase a posibilidade de realizar prácticas en empresas da contorna ao seu remate grazas ao seu formato dual.

“Damos cumprida resposta ao que pide a cidadanía e ofertamos un programa de formación moderno, dual, orientado a xente sen traballo para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais van recibir unha remuneración durante nove meses e que contribuirán ao beneficio de todas e todos con obras públicas e atencións sociais”, concluíu o delegado territorial.

AporM rexeita a obrigatoriedade de colaborar co Concello daquelas asociacións que reciban subvencións municipais

0

Alternativa por Mondariz (AporM) vén de pedir ao Goberno local BNG-PSOE a retirada dun dos artigos das bases que regulan a concesión de subvencións municipais polo que se obriga ás asociacións que reciban subvencións municipais “a colaborar nos actos que organice o Concello” e insta a recuperar o modelo de subvencións nominativas “con criterios obxectivos”, sinala o seu portavoz, Xoán Carlos Montes Bugarín.

O Boletín Oficial da Provincia (05.10.2021) publicaba as “Bases reguladoras para a convocatoria de subvencións ás asociacións do ámbito veciñal, paraactividades socio-culturaisrealizadas durante oano 2021” e, no seu artigo 9, establecen claramente que “as entidades subvencionadas ao amparo destas basesquedarán obrigadas a colaborar co Concello naquelas actividades que este organice cando llesexa requirido”, o que supón unha obriga impropia, xa que as asociacións “non poden ser obrigadas a colaborar coa administración nas actividades que esta organice. Outra cousa é que, de forma voluntaria, queiran facelo, pero non por imperativo legal”, sostén Montes Bugarín.

Subvencións nominativas

O portavoz do grupo máis votado nas eleccións municipais pasadas –e con maior representación na corporación–, insta ao Goberno municipal a retomar o sistema de subvencións nominativas “para evitar a burocratización na xestión das axudas”, un sistema que estivo vixente no mandato anterior, cando era alcalde Montes Bugarín.

“Este sistema era áxil, ao tempo que obxectivo, e proba diso é que non provocou queixas por parte de ningunha asociación veciñalou cultural” apunta o portavoz de AporM que conclúe chamando a atención sobre o feito de que o asociacionismo mondarizán “non ten persoal administrativo, polo que o sistema que quere instaurar o Concello non se corresponde coa nosa realidade social”.

Recorte de axudas

Calis fai un chamamento ao goberno para recuperar as subvencións nominativas que percibían as asociacións culturais e deportivas de Mondariz, que sufriron unha imporante baixa coa

chegada á alcaldía de BNG e PSOE. “Amododeexemplo,aBandadeMúsicapasouderecibir

11.000 € anuais no mandato anterior a 9.900 €, o que supón un obstáculo máis para adirectiva, que traballa arreo por manter a actividade da banda en Mondariz”, destacou o portavoz de AporM.