Descubrimos a Ana Cabaleiro cun libro de relatos tan interesante como «Sapos e sereas». Logo viría a novela «Las Ramonas» e agora chega cunha terceira proposta que, tal e como eu o vexo, navega entre ambos os dous mundos, o do relato curto e a novela tradicional, sen acabar de mergullarse en ningún deles. Claro que tal afirmación ben merece unha explicación detallada.
«Deixádenos remar», finalista do Premio Xerais de narratriva do ano pasado, é unha novela no sentido de que nos enfronta a unha historia, a un relato que ten como pano de fondo as difíciles relacións entre os habitantes dun barrio periférico de Compostela, xente humilde e con certa conciencia grupal, e os novos veciños que pasarán a ocupar unha moderna urbanización de chalets acaroados recén construída. Mais o relato está integrado por pequenos fragmentos que son os que, perfectamente ensamblados, lle dan forma. A maioría deses fragmentos-capítulo podería ser interpretado por separado, coma se fose un relato curto independente, pois todos eles teñen entidade de abondo como para seren considerados como tales. É o transfondo o que lle dá unidade a este xogo literario.
No relato non só asistimos ás hostilidades xeradas pola chegada dos novos veciños, senón que tamén formaremos parte da vida diaria do barrio entrando nas distintas casas para sermos testemuñas das pequenas intrahistorias dos seus habitantes. Principalmente nas do barrio tradicional, pois estes son, no fondo, os verdadeiros protagonistas desta novela coral. O clasismo, a precariedade laboral, a dificultade das relacións, a convivencia ou as arelas máis íntimas dos veciños, forman parte do relato debuxando un xeito de vida que confronta o mundo rural e o urbano.
Para darlle forma a todo isto, Ana Cabaleiro desprega unha amplísima gama de recursos narrativos que axudan a que cada unha desas pequenas historias adquira a súa propia entidade, como dicimos, a pesar de formar parte dun destino común. Chama a atención a sobrepresenza de personaxes femininos, o que xa é un dos sinais identificativos da escrita da autora. Non se trata de argallar un discurso de reivindicación feminista mais, dalgún xeito, tal premisa fica abaneándose diante dos nosos ollos durante a lectura ao opoñer o papel das mulleres á masculinidade máis rancia e tradicional.
Unha linguaxe sinxela, por momentos coloquial, aderezada con pingas de humor retranqueiro, fan da lectura destes relatos-novela unha experiencia inmersiva. Mais non pensedes que só as persoas toman a palabra nesta trama, pois atopamos fragmentos nas que os propios muros, coas súas pintadas (como a que lle dá título á novela), son quen de engadirlle certa compoñente máxica á trama. Coido que non podemos chegar a considerar esta proposta narrativa como «realismo máxico» pero, dalgún xeito, bordea tal consideración.
Ana Cabaleiro
Deixádenos remar
Xerais
152 páxinas