Luns, 10 Febreiro de 2025

O alcalde da Guarda reúnese coa Asociación de Parkinson Baixo Miño

Representantes da nova directiva da Asociación de Parkinson Baixo Miño mantiveron unha xuntanza co alcalde da Guarda, Antonio Lomba, para dar a coñecer os servizos que presta a asociación e solicitar a colaboración do concello da Guarda para difundir a súa labor na localidade.

A asociación, con sede en Tui, ten o seu ámbito de acción territorial en todo o Baixo Miño. As responsables da directiva trasladáronlle ao alcalde a conveniencia de que todas aquelas familias que poidan necesitar apoio saiban da existencia da asociación. Antonio Lomba comprometeuse a dar difusión a súa labor, ofreceu os medios municipais para organizar unha xornada informativa e puxo en contacto as representantes da directiva cos médicos do Centro de Saúde para abrir unha canle de colaboración entre ambos que beneficie a posibles persoas usuarias e as súas familias.

A Asociación de Parkinson Baixo Miño ofrece terapias as persoas afectadas para mellorar a súa calidade de vida e atrasar a evolución da enfermidade: logopedia, terapia ocupacional, atención psicolóxica, estimulación cognitiva, entre outras. Así mesmo ofrecen apoio aos familiares e persoas coidadoras a través de talleres.

O alcalde, que a súa vez mantén as responsabilidades da concellería de Servizos Sociais, comprometeuse a continuar colaborando coa asociación para que poida seguir atendendo as familias da localidade e da comarca.