9.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaMaría Vinyals 'convoca' ás escritoras da provincia a unha noite meiga e...

    María Vinyals ‘convoca’ ás escritoras da provincia a unha noite meiga e reivindicativa no Castelo de Soutomaior

    A propietaria do Castelo retorna á vida ao fío do Día Mundial das Escritoras para organizar un inimaxinable faladoiro literario entre insignes autoras xa desaparecidas e creadoras actuais como as súas herdeiras, convidando a todas elas a pasar xuntas a noite

    Os centenarios muros do Castelo de Soutomaior serán escenario este luns, ao abeiro do Día Mundial das Escritoras, dun encontro inédito que dificilmente poderá volver a celebrarse. A histórica propietaria do Castelo, María Vinyals, a pioneira activista feminista e muller adiantada ao tempo que viviu nos finais do XIX e principios do XX, decidiu volver das penumbras das murallas onde habita, como contan as lendas, e convocar un sorprendente cumio para un faladoiro literario no que reunirá a escritoras históricas galegas xa desaparecidas do mundo das vivas, e creadoras actuais, amais de nenas e mulleres do pobo de Soutomaior.

    A celebración de este insólito encontro, que presidirá a propia María Vinyals xunto á presidenta da Deputación, Carmela Silva, terá lugar ás 19.00 horas deste luns no Salón do Castelo, ao que asistirán escritoras contemporáneas de María como Juana de Vega (A Coruña, 1805), Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851), Concepción Arenal (Ferrol, 1820), Filomena Dato (Ourense, 1856), Rosalía de Castro (Santiago, 1837) e Sofía Casanova (A Coruña, 1861), amais de tres escritoras nadas xa no século XX como Pura Vázquez (Ourense, 1918), Concha Castroviejo (Santiago, 1910) e Xela Arias (Lugo, 1962).

    Xunto a elas, participarán no faladoiro literario autoras actuais que, a día de hoxe, representan boa parte do panorama literario e feminista galego, e que poden considerarse herdeiras das primeiras, como Isabel Blanco, Silvia Penas, Inma López Silva, Edurne Baines, Silvia Cernadas, Ana Figueiredo, Elvira Ribeiro, Ledicia Costas, Regina Vega, Arantza Portabales, Mercedes Corbillón e Mariana Carballal.

    Será un encontro histórico de mulleres creadoras que nunca coincidiron e con ningunha probabilidade de que poidan volver a facelo, nunha tarde e noite máxicas nas que tamén participarán nenas e mulleres do pobo de Soutomaior, veciñas de María Vinyals, para as que a chamada “Marquesa Roxa” exixiu sempre a mesma educación e instrución que a que recibían os homes. O acto contará tamén con música porque María Vinyals convidou ao encontro á soprano Esperanza Mara, en homenaxe e lembranza da súa amiga a tiple-contralto Lucrecia Arana, que tantas veces visitou o Castelo de Soutomaior xunto o escultor Mariano Benlliure.

    A celebración, amais de máxica, tamén será reivindicativa e sorprendente. Todas elas, as escritoras que volven das sombras nas que moran para esta inimaxinable reunión, xunto as creadoras actuais e a presidenta da Deputación, pasarán a noite no Castelo. Aínda que antes de durmir haberá tempo para o debate e a reflexión que rematará, á hora bruxa da medianoite, coa sinatura dun documento que se presentará o próximo martes.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.