22.2 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO plan REACPON da Deputación acometerá grandes proxectos en 47 concellos da...

    O plan REACPON da Deputación acometerá grandes proxectos en 47 concellos da provincia

    Unha resposta contundente para achegar recursos aos concellos e á xente para impulsar  a economía da provincia, xerar actividade e crear ou manter o emprego despois da pandemia. Con este obxectivo, o REACPON, o plan de investimento público más ambicioso da historia da Deputación, mobilizará 39,1 millóns de euros para acometer grandes actuacións nos concellos da provincia e transformar o territorio. O programa contará cun investimento provincial de 26,33 millóns de euros e chegará a todas as comarcas con proxectos en 47 concellos de menos de 50.000 habitantes, “o 85,45% dos municipios que se presentaron”. A presidenta, Carmela Silva, e o vicepresidente César Mosquera, detallaron hoxe as actuacións que tamén se presentarán aos fondos europeos, e coincidiron en subliñar o “enorme esforzo” e a aposta do goberno por converter neste momento á Deputación nun instrumento para a transformación da provincia con políticas anticíclicas, de expansión do gasto e aliñadas coa axenda 2030 e cos Next Generation.

    Dos 47 proxectos, 25 serán actuacións de mobilidade amable e segura cun investimento total de 19,17 millóns de euros, e 22 obras en equipamentos municipais (19,93 millóns). Neste segundo caso 5 serán de rehabilitacións de casas consistoriais (3,95 millóns), 5 de reforma de espazos culturais (4,51 millóns de euros), 8 de obras en infraestruturas deportivas (6,5 millóns), 3 actuacións en bibliotecas (3,17 millóns), e 1 de obras en cemiterios (1,8 millóns de euros).  Todos os proxectos cumpriron coas bases desta convocatoria alcanzando a puntuación mínima e presentando proxectos maduros e de calidade que contribúan a unha economía descarbonizada e á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030 e nos fondos europeos. De feito, o goberno provincial incrementou ata os 26,3 millóns o orzamento previsto no Plan para non deixar fora a ningunha das actuacións que chegaron aos 50 puntos ante a calidade e ambición dos mesmos. Como sempre, a convocatoria fíxose con criterios obxectivos.

    A presidenta da Deputación, Carmela Silva, cualificou de “exitazo” a convocatoria do ReacPon Concellos que “vai permitir transformar por completo esta provincia”. Tal foi o volume de proxectos presentados, “de grande nivel, e moi potentes”, que decidimos aumentar a asignación orzamentaria pasando dos 20 millóns de € iniciais aos 26,33 millóns de € finais. “Non queríamos que ninguén quedase fora” manifestou a presidenta da Deputación quen tamén subliñou que “este é o momento de apostar, de ser valentes, de facer un forte investimento público”. Así, tal e como explicou Carmela Silva, “se sumamos os 26,33 millóns de € que achega a Deputación e os recursos que poñen os concellos o total ascende a 39,10 millóns de €, un investimento moi próximo ao Plan Concellos que era ata o de agora o investimento máis potente que unha administración fai na provincia”.

    Para a presidenta “nunca aconteceu algo igual. Que alguén me conte onde, noutra deputación, se está a facer un esforzo inversor que vaia chegar nin máis nin menos que ao 85,45% dos proxectos que se presentaron”. Ao respecto, Carmela Silva detallou que de 59 concellos de menos de 50.000 habitantes que ten a provincia e podían optar ao ReacPon presentáronse 55 dos que 5 non acadaron a puntuación mínima esixida (50 puntos) e 3 incumprían as bases.

    Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera subliñou o esforzo inversor “sen parangón” da Deputación para poñer en marcha o REACPON e axudar aos concellos a executar obras e solventar  as dificultades económicas xurdidas trala crise da COVID. Destacou que o investimento será máis elevado do previsto inicialmente e xustificouno pola grande resposta dos concellos á convocatoria, xa que presentaron moitos proxectos, de calidade e cumprindo as bases. “Foi unha grata sorpresa. Hai proxectos francamente interesantes que cando se executen serán exemplos de boas prácticas”. De cara a futuro, indicou que existe a esperanza de que parte do REACPON se financie con fondos europeos, obxectivo que de acadarse permitiría unha maior inxección aos gobernos locais porque os cartos que chegasen de Europa sumaríanse aos provinciais. “Notaríase de maneira moi forte. E iso reforzaría a situación de que a maior parte das obras dos concellos son financiadas pola Deputación”, indicou, subliñando que se hai moitos “carteis de obras” da Deputación na provincia é porque responden á realidade.

    Como contrapunto ao esforzo económico que fai a Deputación tanto co REACPON como as transferencias do Plan Concellos e outros investimentos destinados aos municipios da provincia, Mosquera lembrou que o orzamento provincial supón o 1,51% do da Xunta, polo que para que o goberno de Feijóo fixese un esforzo equivalente ao provincial tería que poñer en marcha un ‘Plan Concellos’ autonómico de 600 millóns de euros só para os concellos pontevedreses. “Daríalles a risa ‘floxa’ de ter que facelo”, comentou. Finalmente, o vicepresidente puxo en valor que máis da metade dos proxectos que se presentaron ao REACPON e case a metade dos cartos estarán destinados a obras de recuperación de espazo público e á creación de centros de convivencia para as persoas.

    Proxectos que chegan a todo o territorio

    O Plan REACPON mobilizará na Comarca de Vigo un total de 6,51 millóns de € dos cales 4,23 € serán financiados pola Deputación. Así, Gondomar investirá 833.544,36 € para a adecuación urbano-sostible na praza Rosalía de Castro e o seu contorno que recibirá da institución provincial 666.835,49 €; Fornelos destinará 330.900,48 € á rehabilitación do pavillón municipal de deportes para mellorar a súa eficiencia enerxética dos que 281.265,40 € serán achegados pola Deputación; Nigrán con 1.592.114,67 € realizará a humanización da rúa Otero Pedraio e recibirá 905.214,42 € da institución provincial; Mos investirá 481.375,53 € para a reforma integral da biblioteca municipal e dos xulgados na Porteliña dos cales 361.031,65 € serán financiados pola Deputación; Redondela destinará 993.834,47 € para a humanización da rúa Picota, da praza da Fonte do Mouro e da contorna da capela de Santa Mariña que recibirá da institución provincial 461.859,85 €; Salceda de Caselas cun orzamento de 673.674,12 € realizará o proxecto básico e executivo de reforma integral para un centro cívico para o que a Deputación achegará 538.939,30 €; e Baiona investirá 1.744.006,88 € para a remodelación da contorna do paseo Pinzón á que a institución provincial destinará 837.119,63 €.

    Pola súa banda, nas Comarcas da Paradanta e do Condado mobilizará un total de 3,9 millóns de € dos cales 3,25 serán financiados pola Deputación de Pontevedra. Así, Covelo investirá 415.000 € en obras de recuperación e mellora do espazo público do núcleo rural de Paraños que recibirán da institución provincial 373.500 €; A Cañiza destinará 689.048,95 € á execución da rehabilitación enerxética da piscina municipal para a que a Deputación achegará 551.239,16 €; Crecente con 409.008,14 € realizará a humanización da praza Ana Pastor dos cales 359.770,45 € serán financiados pola institución provincial; Mondariz destinará 435.643,71 € á construción da área de deporte urbano do concello dos que 392.079,34 € serán achegados pola Deputación; Ponteareas cun orzamento de 963.527,36 € acometerá o camiño escolar seguro ao CEIP Ramiro Sabell e recibirá 722.645,52 € da institución provincial; Salvaterra destinará 586.867,68 € á humanización da rúa Marqués de Viana para a que a Deputación achegará 498.000 €; e As Neves  acometerá a humanización da travesía Eira Da Liñaza na que investirá 399.776,62€ dos que 359.798,96€ serán financiados pola institución.

    Na Comarca do Baixo Miño o programa mobilizará un total de 6,10 millóns de € dos que a Deputación financiará 3,19 millóns. Así, Tomiño investirá 1.740.586,11 € para o proxecto “Espazo Isaura Gómez” que recibirá da institución provincial 1.108.423,05 €; O Rosal destinará 1.518.474,44 € á remodelación da praza do Calvario que recibirá da institución provincial 517.938,05 €; Tui con 897.252,63 € realizará a humanización das rúas Antero Rubín e Canónigo Valiño para as que a Deputación achegará 717.802,10 €; Oia destinará 267.867,45 € ao acondicionamento da praza do Campo de Burgueira dos que 241.080,71 € serán financiados pola institución provincial; e A Guarda executará a reforma e ampliación do pavillón polideportivo da Sangriña no que investirá 1.674.023,95 € dos que 609.672,74 € serán financiados pola Deputación de Pontevedra.

    Na Comarca de Pontevedra mobilizará un total de 3,38 millóns de € dos cales 2,44 serán financiados pola Deputación. Así, Vilaboa investirá 993.834,47 € para a ampliación da casa do concello dos cales 461.859,85 € serán financiados pola Deputación; con 493.966,62 € Ponte Caldelas reordenará a praza Frei Antonio Orge para a que a institución provincial achegará 419.871,63 €; Cerdedo-Cotobade destinará 489.989,51 € para a reforma integral da casa do concello na que a Deputación investirá 391.991,61 €; Poio con 942.000 € realizará o proxecto básico e de execución para unha actuación de mobilidade sostible no ámbito das rúas Saíñas e Puntadas para as que a institución destinará 753.600 €; e A Lama investirá 457.815,16 € na mellora da seguridade viaria na rúa Miguel Carbajal e na estrada da Fraga ás que a Deputación achegará 412.033,64 €.

    Nas comarcas de Deza e Terra de Montes REACPON mobilizará un total de 7,18 millóns de euros dos cales a Deputación de vai financiar 4,68 millóns. Así, Dozón investirá 405.381,92 € para a rehabilitación da casa consistorial do concello que recibirá da institución provincial 333.339,11 €; Rodeiro destinará 449.671,32 € para a humanización e mellora peonil da rúa Aviador Gumersindo Areán dos cales 404.704,18 € serán achegados pola Deputación; Lalín con 1.806.359,09 € ampliará o cemiterio da Romea “Fraga do Alén, Donramiro, e recibirá 1.354.769,32 € da institución provincial; Vila de Cruces investirá 892.360,54 € para a mellora da rúa Vázquez desde o entronque coa rúa Sergio Iglesias Pazos ata o entronque coa travesía Vázquez 2 dos cales 596.681,13 € serán financiados pola Deputación; Silleda destinará 1.802.893,51 € para o proxecto básico e de execución para a nova casa consistorial de Silleda, fase I, “Naturalmente noso” que recibirá da institución provincial 713.249,55 €; Forcarei cun orzamento de 487.048,45 € realizará a reforma da casa da xuventude para usos múltiples para o que a Deputación achegará 413.991,18 €; e A Estrada investirá 1.320.000 € na construción de pistas de atletismo ás que a institución provincial destinará 858.000 €.

    No caso da Comarca do Morrazo mobilizará un total de 2,81 millóns de € dos que 2,11 serán achegados pola Deputación de Pontevedra. Así, Bueu investirá 916.559,80 € para a reforma e ampliación da biblioteca municipal Torrente Ballester que recibirá da institución provincial 687.419,95 €; Marín destinará 730.744,52 € á humanización da contorna do mercado municipal de Seixo á que a Deputación achegará 548.058,39 €; e Moaña investirá 1.160.815,50 € na rehabilitación do edificio do concello vello cunha financiación de 870.611,62 € da institución provincial.

    No que respecta á Comarca de Caldas mobilizaranse 2,67 millóns de € dos cales 2,30 millóns serán financiados pola Deputación de Pontevedra. Así, Caldas investirá 579.793,58 € na mellora da área do río Bermaña que recibirá 492.824,54 € da institución provincial; Cuntis destinará 578.417,76 € para a reurbanización das rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús González dos que 496.933,38 € serán achegados pola Deputación; Moraña con 196.109,12 € humanizará un tramo da rúa 6 e o camiño ao núcleo rural de Mos para os que recibirá 176.498,21 € da institución provincial; Catoira investirá 449.248,80 € na rehabilitación da antiga Casa Consistorial como Casa das Artes que recibirá da Deputación 381.861,48 €; Pontecesures destinará 366.779,86 € á obra de reconexión peonil, segura e amable do seu núcleo urbano dos que 330.101,87 € serán achegados pola institución provincial; Valga con 500.915,47 € construirá unha senda peonil e ciclable na contorna da Gándara de Campaña e rehabilitará ambientalmente a zona para o que recibirá 425.778,15 € da Deputación.

    Finalmente, na comarca do Salnés REACPON mobilizará 6,55 millóns de € dos cales 4,13 € serán financiados pola Deputación de Pontevedra. Así Vilagarcía investirá 1.768.042,71 € para a reforma de local na rúa Castela para biblioteca municipal dos cales 1.237.629,90 € serán financiados pola Deputación; A Illa cun orzamento de 1.500.114,90 € recuperará a praza do Regueiro como espazo público de encontro e cohesión social da súa veciñanza para a que a institución provincial achegará 384.631,74 €; O Grove investirá 999.388,07 € na humanización da rúa Alexandre Bóveda á que a Deputación destinará 722.864,95 €; Meis destinará 507.715,49 € á rehabilitación dun centro deportivo para a mellora da eficiencia enerxética e condicións de salubridade que será financiado con 431.558,17 € da institución provincial; Vilanova de Arousa con 254.485,72 € acondicionará un baixo para arquivo municipal para o que recibirá 190.864,29 € da Deputación; Meaño investirá 450.400,72 € na mellora da eficiencia enerxética e acondicionamento de pavillón de deportes para a que a institución provincial achegará 360.320,58 €; e Sanxenxo con 1.071.431,75 € reformará o pavillón polideportivo de Baltar en Portonovo para o que a Deputación destinará 803.573,81 €.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.