12.4 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA 'Gala da Memoria' da Deputación reivindica a memoria histórica con música...

    A ‘Gala da Memoria’ da Deputación reivindica a memoria histórica con música comprometida

    Uxía, Sheila Patricia, Su Garrido Pombo, Eladio Santos, Wöyza, García MC e Lois Pérez protagonizaron un espectáculo de case dúas horas

    A ‘Gala da Memoria’ organizada polo departamento provincial de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra amosouse como un evento “nada convencional” onde a música revindicou que “queda moito por facer pola memoria histórica”. Sobre o escenario, con duetos, en grupo ou de maneira individual durante preto de dúas horas, artistas como Uxía, Sheila Patricia, Su Garrido Pombo, Eladio Santos, Wöyza, García MC e Lois Pérez amosáronse “unidos á causa” de pedir ‘verdade, xustiza e reparación” para as vítimas da ditadura e a represión franquista.

    O acto, presentado por Lucía Aldao e María Lado (Aldaolao), comezou coas intervencións institucionais da presidenta Carmela Silva e a deputada de Memoria María Ortega. Silva subliñou o esforzo e o traballo da Deputación de Pontevedra, unha das poucas administracións que fai memoria a día de hoxe, e insistiu na necesidade de traballar pola “decencia política” e por unha sociedade na que se repare ás vítimas e se demostre o posicionamento contra o que aconteceu no golpe de Estado e os 40 anos seguintes.

    María Ortega, pola súa banda, puxo en valor o traballo das entidades memorialistas que levan anos traballando na recuperación da memoria e comprometeuse a que a Deputación camiñará sempre do seu lado e polas vítimas. A nacionalista insistiu en que a xente nova ten dereito a coñecer o seu pasado para reivindicar o seu futuro. Defendeu que a utilización de novos formatos –como a gala- é necesaria para chegar a novos públicos, sumando iniciativas que completan o traballo de investigación e de loita cotra a impunidade que tamén está a realizar o departamento provincial de Memoria Histórica.

    Na parte artística, a directora da gala, Uxía, cualificou o evento como un espectáculo moi especial e non convencional que pretende sumar enerxías para “remar a favor da memoria”. Destacou que non só se conseguiu un repertorio en homenaxe ás persoas represaliadas durante o golpe e a ditadura, senón que “moito máis que iso”, xa que as e os artistas uníronse á causa e cadaquén expresou os seus sentimentos de repulsa e esperanza na reparación e a xustiza. “A música sempre conmove, pero sobre todo con temas así”, dixo, en referencia a todas as actuacións mais en concreto sobre a peza ‘Los olvidados’ de Pedro Pastor, cunha temática clara e directa sobre a represión e a reivindicación do papel das mulleres silenciadas.

    As condutoras do acto tamén “tumbaron lugares comúns” sobre a memoria, cun guión irreverente co que deixaron claro que “parece que todo esta resolto e se pode pasar páxina, pero non é así”. Juanma Lodo tamén achegou a súa parte de compromiso a través da orixinal videocreación que se foi proxectando en cada unha das intervencións musicais.

    A ‘Gala da memoria’ celebrouse este venres 5 de novembro no Pazo da Cultura coincidindo co chamado ‘Mes da Memoria’, cando se cumplen 85 anos dos asasinatos da Caeira, lugar onde tamén mataron a Alexandre Bóveda, e onde fusilaron a mártires defensores da República e da liberdade, entre eles dúas persoas que presidiron a Deputación provincial, Amancio Caamaño Cimadevila e José Adrio Barreiro, xunto a Ramiro Paz, Victor Casas,Telmo Bernárdez, Luis Poza, Paulo Novás, Germán Adrio, Benigno Rey e Juan Rico.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.