Sábado, 7 Xuño de 2025

As Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo garanten o apoio á prestación dos GES

As Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, A Coruña volveron garantir na reunión da comisión de seguimento dos GES celebrada este venres o seu apoio á prestación do servizo, así como a súa firme vontade de avanzar no deseño dun novo modelo de funcionamento. Subliñan que non se trata de poñer en cuestión o servizo, senón de mellorar o sistema de prestación.

Os entes provinciais coincidiron en apostar pola substitución do actual modelo por outro que avance na profesionalización dos GES e que modifique o actual marco laboral do persoal. Neste sentido, na reunión propuxéronlle á Xunta de Galicia prorrogar por un ano o convenio actual, en vigor ata finais deste 2021, e durante ese tempo buscar e consensuar, dende a lealdade institucional, un novo modelo que garanta un servizo profesionalizado e que evite a fraude na contratación por parte dos concellos por mor do incumprimento da lexislación laboral, tal e como xa acreditan reiteradas sentenzas xudiciais. Estes ditames demostran que non é posible manter un sistema que leva a perpetuar vicios e irregularidades que se coñecen de antemán.

Polo que respecta ao marco de financiamento, os representantes das Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo lembraron que as administracións provinciais duplicaron as súas contribucións porcentuais no período 2019-2021, polo que reclaman que o modelo non supoña novos incrementos. Neses anos, a contribución provincial pasou de significar o 20% do orzamento dos GES ata chegar a un 40%, mentres a Xunta reducía a súa participación do 60 ó 52%.

Os tres entes provinciais reclamaron á Xunta que acabe cos intentos de imposición e que adopte unha actitude de diálogo porque todo convenio de colaboración leva implícito un acordo entre as partes. Tamén reclaman que o Goberno autonómico teña en conta a opinión e a vontade dos concellos, e que non tome decisións unilaterais.

Neste senso, destacaron que a Xunta non explicou aínda por que o GES que estaba decidido crear en Baleira finalmente non se constituíu e, sen embargo, intenta impoñerllo á Fonsagrada, cando este Concello manifestou que non está en  disposición de acollelo. Do mesmo xeito, piden que se teña en conta a petición dos concellos de Folgoso de Courel e de Quiroga para manterse como sub-bases con 6 efectivos cada unha, así como o desexo de Ribas de Sil de contar con outra sub-sede na localidade.

Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra lembrou o desexo de que o grupo de emerxencias do Grove se incorpore ó sistema GES en igualdade de condicións, como un GES completo de 12 membros.

Continúa a bo ritmo a instalación de internet de banda longa en Mos iniciada a principios do verán

0

A comezos do pasado verán dábase desde o Concello de Mos a boa nova do desbloqueo da problemática na implantación do internet de alta velocidade no municipio. Iniciábase entón o programa de extensión da banda longa en Mos por parte das operadoras R e Telefónica Movistar. Ambas recibiran subvención estatal a tal fin.

No caso de R o total do programa inclúe 2.200 vivendas e 6.000 habitantes. Entre R e Movistar, unha vez acometida a totalidade do programa, serán 50 núcleos poboacionais das 10 parroquias mosenses os que dispoñan de servizo (a maiores dos 7 que xa o tiñan desde o ano 2019).

Tras os núcleos obxecto de instalación durante os meses de xuño, xullo e agosto, nos que puideron conectarse un total de máis de 500 vivendas, hai novos núcleos con fibra de R ou Movistar, xa instalada o acometéndose a pertinente obra nestes momentos; tal e como hoxe informaban a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Novas Tecnoloxías, Leo Costas. Os devanditos núcleos son: Ansar, Barro, Atín, Coto, Arufe, Igrexa (Cela), Roublín, Casal, Casalmorto, Campo de Eiró, A Florida, As Vides, San Rafael, Balteiro, Arrubial, Estivada, Porteliña, Laxe, Pedraucha, Cotiño (Dornelas), Bosende, Gándara (Mos), A Rúa, Sobrado, Zapateira, Espaín, Pantaño e Louriñó.

Ademais os representantes municipais, Arévalo e Costas, avanzaron que haberá 8 núcleos de poboación nos que se rematará a instalación de internet de banda longa pasadas as festas navideñas. Son os lugares de As Vides, Agueiro, en Tameiga Pazo, Rans e Autovía, As Regadas e Rexenxo.

A continuación, durante o primeiro trimestre do vindeiro ano 2022, acabaranse de desenvolver os núcleos de Os Cabaleiros, Pombal, As Angustias, Piñeiro, tramo inicial da Avenida de Sanguiñeda (Senlle) e Inxertado (desde Santiaguiño e parte de Arrufana pasando por As Cortiñas ata a Estrada Nacional 550).

A maiores hai tamén outros 8 núcleos donde a instalación é máis complexa por temas técnicos ou por ser necesarias licenzas previas de Fomento, polo que a acometida será algo máis lenta pero que se desbloqueará previsiblemente a comezos de ano. Son os núcleos de Igrexa (Tameiga), Cotiño (Tameiga), Fraela, Castro (Mos), Ameirolongo, Pedrapinta, Santa Marta e Veigadaña.

“Cando se terminen todas estas zonas, a primeiros de 2022, Mos estará ao 82 por cento de cobertura de fibra” explicaron rexedora local e edil de Novas Tecnoloxías, “mentres que en xuño do 2021, cando se iniciou o despregamento que empezamos nesta fase, estabamos ao 10 por cento”, declararon satisfeitos pese a demora do inicio dos traballos. “Ademais, a maiores, estamos a traballar con Movistar para poder levar o PEBANG 2022 a zonas brancas de Mos como son Arrufana, Herville, Outeiro, Monte e o tramo restante da Avenida de Sanguiñeda”, informaron Nidia Arévalo e Leo Costas, “e se conseguimos realizar estas zonas, rondaremos xa o 90 por cento da instalación de internet de banda longa acometida en Mos, e xa só quedarán zonas pequenas que se conectarán pouco a pouco ou non o farán pola súa dispersión”. Neste senso é importante recalcar o traballo do Concello, axilizando permisos, cambiando postes, facilitando solucións aos problemas cos que se atopan as subcontratas dos operadoras, etc.

Comezan as obras de reforma do Centro Municipal de Piragüismo Quique Míguez de Tui

0

A semana pasada comezaron as obras de reforma do Centro Municipal de Piragüismo Quique Míguez de Tui. Unha actuación que suporá un investimento de case 600 mil euros que serán financiados polo Consello Superior de Deportes.

Durante os 9 meses nos que se realicen as obras o Club Kaiak Tudense, que ten a súa sede neste centro municipal, realizará os seus adestramentos no CETD, Centro Especializado de Tecnificación Deportiva e no Centro Municipal de Remo. 

Co proxecto que agora comeza a executarse o Centro Municipal de Piragüismo, que data de 1987, verase totalmente renovado, adecuando as súas instalación as actuais necesidades e a nova normativa.  O edificio pasará a contar con novas entradas de luz natural e será revestido dunha pel que homoxeneizará  a fachada e o integrará no entorno, redundado tamén na eficiencia enerxética do inmoble.

A planta baixa reformarase completamente e a fachada principal pasará a estar aberta cara ao río, situándose na parte traseira o almacén das piraguas. A entrada lateral dará acceso á sala de espera, aos vestiarios e a ximnasio. Tamén nesta planta baixa se situará un acceso adaptado. O primeiro andar, que aumentará en volume, acollerá a zona administrativa, de fisioterapia, sala de descanso, zona de sauna, hidromasaxe, crioterapia e vestiarios, e manterá a zona de ergómetros.

A veciñanza paraliza Covelo para defender a sanidade pública

0

Máis de cincocentas persoas manifestáronse onte sábado, 4 de decembro, en Covelo para reivindicar unha sanidade pública de calidade, universal e, por extensión, que se garanta un dereito básico a todas as persoas independentemente do nivel de ingresos.

A maior parte da asistencia estaba formada pola propia veciñanza do municipio, aínda que tamén asistiron persoas dos concellos do Condado en solidariedade coa situación de abandono do servizo de saúde en Covelo, onde pasaron de dispor de dúas prazas de medicina de familia e unha pediatra a un médico e ter que desprazarse a Mondariz ou Ponteareas para as consultas de pediatría.

A manifestación foi convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado, atendendo á demanda de veciñas de Covelo, quen se encargaron da difusión da convocatoria a nivel local. Para asistir a manifestación desde os concellos do Condado organizouse unha caravana de coches con saída desde o centro de saúde de Ponteareas e pasando por Mondariz.

Ao final da manifestación o portavoz da plataforma salientou que “con este modelo de sanidade só teñen acceso a unha sanidade de calidade quen a poida pagar. Como consecuencia, a esperanza de vida de moitas persoas é menor só polo feito de ser pobre. Con este modelo só gañan as empresas privadas dedicadas á sanidade.”

Ademais, a plataforma fixo un chamamento para seguir mobilizándose na defensa da sanidade pública, como único camiño para impedir a perda dun dereito  e dun servizo básico, alentando á cidadanía e aos colectivos comprometido co ben común a participar e colaborar nas actividades da plataforma, e animando a asistir as súas asembleas abertas.

O CEP Xosé Neira Vilas de Gondomar, entre os colexios ‘exemplares’ do Revitaliza

0

As actividades escolares do Revitaliza para achegar a compostaxe ás crianzas e mocidade da provincia están xa consolidadas cun grande éxito. Así se demostrou no V Encontro de Educación Ambiental sobre Compostaxe celebrado, onde que se deu a coñecer que dende a posta en marcha da iniciativa escolar da Deputación e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) en 2017 son preto de 48.000 as e os escolares que participaron nos diferentes obradoiros, charlas divulgativas e xogos.

O Encontro realizouse de maneira telemática e tivo como principais protagonistas aos 120 rapaces e rapazas dos centros de ensino CEIP Froebel de Pontevedra, CEP Riomaior de Vilaboa, CEIP Domaio de Moaña e CEP Xosé Neira Vilas de Gondomar, que expuxeron o traballo sobre residuos realizado nos últimos meses, e foron seleccionados seleccionados entre moitos colexios e institutos da provincia por seren “exemplos de boas prácticas” .

Na inauguración da xornada participaron a presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, e o director do CEIDA, Carlos Vales, que de maneira conxunta subliñaron o traballo do Revitaliza e do persoal divulgador que traballa coa cativada. Carmela Silva amosouse agradecida con todas as persoas que fan posible este proxecto “como son Carlos Vales, todo o equipo do Revitaliza e o profesorado que aposta por ensinar en clave sostible”. Neste senso, a presidenta provincial fixo unha mención especial a César Mosquera quen “decidiu que a provincia de Pontevedra se embarcara nun proxecto moi potente, auténtico e diferente. O vicepresidente tíñao moi claro e arriscou porque cando se quere transformar o modelo existente hai que ter moita valentía”.

Carmela Silva destacou tamén que este proxecto está a cambiar os hábitos da sociedade e fixo fincapé na importancia que cobra a educación neste sentido, porque “elas e eles -referíndose ao alumnado que participa no programa- serán as e os próximos dirixentes e terán un compromiso ambiental”. Deste xeito, afirmou a presidenta provincial, “educar é educar integralmente e, dende logo, a educación medioambiental é fundamental”.

Pola súa banda, o vicepresidente provincial indicou á cativada asistente ao congreso que están “a ser todos partícipes dun proxecto punteiro e transcendente”, xa que o Revitaliza é unha iniciativa “novidosa, potente, que está a mirar cara o futuro aplicando as solucións que todo o mundo ten na boca e que hai que aplicar sobre  economía circular, quilómetro cero, devolverlle á terra o que nos dou, ou protexer o planeta de plástica e outras substancias que lle fan dano…”

Mosquera indicou que á hora de falar do medio ambiente é fundamental a sensibilización, a aprendizaxe e a formación dentro da escola, polo que se amosou “sumamente satisfeito” tanto do traballo do CEIDA e da resposta por parte dos colexios, xa que ata o de agora pasaron polas actividades escolares do Revitaliza preto de 48.000 nenas e nenos, “unha cifra elevada e significativa, non unha actuación puntual, senón algo masivo e estendido que demostra que ten continuidade, unhas bases sólidas, e que segue chegando con éxito e receptividade por parte do profesorado e a cativada francamente elevada”.

Pola súa banda, o director do CEIDA Carlos Vales salientou tamén que o Revitaliza está a ser unha realidade consolidada no tempo que a entidade que dirixe está a levar ao sistema educativo “para conseguir que se implante como un modelo de xestión de residuos moi superior”. Subliñou que o traballo que se está a facer por parte da Deputación “está a marcar a historia” xa que está a ser recoñecido no mundo enteiro e a ser nomeado en conferencias de China, Xapón e Europa ás que asisten milleiros de persoas.

Tamén subliñou Vales o seu orgullo pola posta en marcha das iniciativas escolares do Revitaliza, que nun momento de crise económica –dixo-  permiten demostrar a existencia de profesionais de valía na educación ambiental e darlles traballo de maneira digna.  

Os colexios ‘exemplares’

Logo da inauguración tocou a quenda de presentar o programa educativo e resultados do ano 2021 a cargo da representante da equipa Revitaliza do Ceira Susana Soto Fernández, quen amosou unha gráfica comparativa deste ano 2021 cos resultados dos anos anteriores. Subliñou que contando coas previsións ata finais de decembro este exercicio pasarán polas actividades  escolares do Revitaliza máis de 9.100 rapaces e rapazas en 538 actividades, un número de actos que roza o acadado en momentos prepandemia pero que por cuestións de protocolo sanitario obriga a ter a menos asistencia.

Apuntou que no ano 2017 o número de participantes nos centros de ensino. foi de 3.590; 14.013 no 2018; 13.261 no 2019; 7.922 no 2020 e 9.146 neste ano. Tamén salientou que o Revitaliza, ademais de nos centros de ensino, estivo activo para a cativada nos veráns de 2020 e 2021, chegando a 1.680 nenas e nenos nas ludotecas, campamentos municipais e outras iniciativas organizadas polos concellos nos meses de verán, facilitando tamén a conciliación ás familias.

Acto seguido á exposición dos datos chegou o momento de poñer de relevo a visión dos centros educativos sobre o Revitaliza, a compostaxe e os residuos a través de audiovisuais das actividades educativas gravadas nos centros, sumadas a pequenas intervencións en directo.

Participou na xornada o CEIP Froebel (Pontevedra), un centro de pequenas dimensións, enclavado nun edificio histórico en pleno centro da cidade de Pontevedra, carecendo case por completo de espazos ao aire libre, no que o alumnado foi capaz de aproveitar un pequeno curruncho para emprender a súa propia aventura da compostaxe.

Explicaron que o interese e inquedanza pola compostaxe no CEIP Froebel comezou hai anos, en concreto dende a visita a unha factoría de tratamento de residuos,  que deixou ao alumnado e ao profesorado a semente que máis adiante xermolaría coa aplicación do Plan Revitaliza. A día de hoxe, cada xoves, un grupo de alumnos e alumnas de sexto, en rotación semanal, percorre todas as aulas do centro recollendo o lixo orgánico producido nas merendas, sendo a estrela o plátano, todo un clásico dentro das merendas saudables.

No transcorrer do pasado curso obtiveron unha produción dunha saca de compost, repartida logo entre as familias que o solicitaron. Neste curso teñen o reto de conseguir mellorar a calidade do produto, pois teñen máis experiencia e traballan con máis eficacia.

O seguinte centro en expoñer o seu traballo foi o CEP Riomaior (Vilaboa), que leva xa tempo participando n programa do Revitaliza, tendo xa unha grande experiencia nos traballos de horta e na elaboración e aplicación do compost. Cada curso escollen un tema, e este ano o seu lema é “ síntome ben”.

Neste proxecto dedican un día da semana a cada elemento da mellora persoal, á vez que promoven actividades eco-sostibles: os luns coidan o que comen, así que escollen un alimento saudable, procurando que sexa de proximidade (mesmo km 0) e de tempada.; os mércores procuran dar outra vida a restos téxtiles e naturais, creando elementos decorativos persoais e para as súas casas; os xoves saen facer exercicio físico e a pasear pola beira do río e do mar, recollendo de paso o lixo que atopan tirado; e os venres comparten actividades saudables para facer durante a fin de semana pola contorna gozando do seu entorno natural e tamén recomendan receitas sinxelas co produto estrela da semana. A máxima do CEP Plurilingüe é “Coidemos a nosa saúde e a do noso planeta sentíndonos ben”.

Outro dos colexios participantes foi o CEIP Domaio (Moaña). A filosofía dos ‘Tres Erres’ está moi arraigada neste colexio, reducindo en gran medida o lixo que se envía ao vertedoiro: todo tipo de materiais e embalaxes, así coma xornais, son procesados e reutilizados na creación de obras artísticas.

Asemade, teñen moi presente a necesidade de promover unha vida san que comeza polo que comen. Os cultivos na horta, no que participan o alumnado de Infantil e as familias, son parte do proxecto medioambiental permanente do centro.

Este curso escolar pretenden afondar e ampliar dito proxecto, incluíndo un composteiro para concienciar ao alumnado e ás familias na necesidade de sacar máis proveito aos residuos orgánicos que a miúdo van ao lixo e, ao mesmo tempo, reducir o uso de fertilizantes sintéticos en favor doutros máis naturais. Aínda máis, seguindo iniciativas xa postas en práctica en pasados cursos, pretenden continuar con cultivos de tempada iniciando a plantación da semente na clase para que o alumnado continúe o coidado dos brotes na casa.

Finalmente foi protagonista o CEP Xosé Neira Vilas (Gondomar). A nova directora da escola Xosé Neira Vilas atopou no antigo galiñeiro un composteiro algo abandonado, colocouno no patio de arriba e a información referente ao mundo da compostaxe comezou a espallarse entre profesorado e alumnado. Foron creando a súa propia horta grazas á mestra composteira do Concello de Gondomar, e a unha das nais que “resultou toda unha crack niso da permacultura”.

Converteron o antigo galiñeiro nun fermoso e útil invernadoiro onde poden facer as súas sementeiras. Co tempo conseguiron dous composteiros novos, distribuídos en cadanseu patio e ciclo, permitindo a recollida e aproveitamento dos residuos das súas merendas para compost, e para o colector amarelo no caso dos envases.  A formación do profesorado no programa educativo Revitaliza axudou a actualizar e harmonizar contidos nesta materia e aplicalos no centro. 

A música será unha das grandes protagonistas da programación “Tui, o Camiño do Nadal”

0

“Tui, o Camiño do Nadal” volve ser este ano o lema da programación elaborada polo Concello con motivo destas festas, na que a música terá gran protagonismo.

O acendido da iluminación de Nadal e a inauguración do Mercado de Nadal esta tarde marcan o inicio do programa previsto no que de novo o Camiño de Santiago Portugués, do que Tui é a porta de entrada en Galicia, conduce esta oferta de lecer, na que a aposta polo local e pola economía circular volve a estar  moi presente.

A primeira proposta musical chegará o sábado 11, ás 20 h, ao Teatro Municipal de Tui co concerto “A historia da luz” da man de Mistura Vocal, nun espectáculo no que as voces dos integrantes deste grupo, xunto a bailaríns e unha narradora achegará ao público a un fermoso espectáculo.

O xoves 16 de decembro, ás 20 h, tamén no Teatro será o alumnado e profesorado do Conservatorio quen interprete o seu tradicional concerto de Nadal.

O venres 17 ás 19 h chega a Tui “Un conto de Nadal: 100 anos de verbena galega”, un espectáculo que brindará en directo ao público temas clásicos do Nadal xunto ao outros tradicionais nas verbenas. Sobre o escenario estarán La Oca Band xunto a Noelia Solleiro, Blas Piñón de “Paris de Noia”, Lito Garrido de “Panorama”, Jota Santana, Ángel América ou Marta Valiño.

As tres corais de Tui, do Centro Sociocomunitario, Ponte da Febres e San Telmo, ofrecerán un concerto no Teatro Municipal o xoves, 23 de decembro, ás 21.30 h.  Mentres o concerto de Fin de Ano, o xoves 30 ás 21.30 h, correrá a cargo da Banda de Música Popular de Tui.  Para os eventos previstos no teatro a reserva de entrada comezará o próximo martes, 7 de decembro, en www.tui.gal.

Tamén ao longo destas festas haberá pasarrúas a cargo dos grupos folclóricos e bandas de gaitas das asociacións culturais tudenses, na medida en que as condicións meteorolóxicas e sanitarias o permitan.

Os nenos e nenas poderán amais gozar dos obradoiro infantís que van ter lugar na Biblioteca Municipal o mércores 29 e o xoves 30 de decembro, así coma o luns 3 e martes 4 de xaneiro.

Coma novidade incorporase á programación unha San Silvestre Popular que terá lugar o venres 31 ás 12 h cun circuíto urbano non competitivo.  Tamén o día 31 está prevista a vista do Apalpador no Paseo da Corredoira.

A programación pecharase coma é tradicional coa Cabalgata de Reis o mércores 5 de xaneiro, aínda que este ano debido á pandemia non poderá ter carácter internacional.

Toda esta programación desenvolverase seguindo un protocolo anticovid e axustándose as medidas restritivas que estean en vigor en cada momento.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, destaca que esta programación “Tui, o Camiño do Nadal” está elaborada pensando en brindar á poboación tudense e cantas persoas nos visiten nestas datas unha oferta de lecer para estes días tan especiais e para gozar en familia, seguindo as medidas de seguridade derivadas da actual situación de pandemia. Convida a concelleira a achegarse a Tui xa esta fin de semana para gozar da iluminación e da decoración de rúa, así coma do Mercado de Nadal, e posteriormente dos distintos eventos previstos.

A Unidade Móbil de inspección técnica de ciclomotores estará no Rosal en xaneiro

0

A Unidade Móbil de inspección técnica de vehículos desprazarase ata O Rosal o vindeiro mes de xaneiro para a revisión de ciclomotores. Esta unidade estará  situada diante do pavillón municipal o mércores 26 e o servizo prestarase en horario de mañá, de 09.00 a 13.30 horas.

As persoas interesadas xa poden solicitar cita previa:

  • Por teléfono no 902 30 90 00.
  • A través da páxina web sycitv.com, no apartado Cita previa.

Dende a inspección técnica sinalan que a admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentaria.

A Deputación retoma o programa Depotermal

A Deputación de Pontevedra volverá no 2022 co seu programa estrela de termalismo social “Depotermal”. A iniciativa, unha das de maior participación da programación provincial, retoma a súa actividade despois de dous anos de parón pola pandemia e ofrecerá o próximo ano un total de 4.434 prazas tanto en réxime de asistencia diúrna como de pernoita. O goberno ven de aprobar as bases do programa, que contará cun orzamento superior aos 100.000 euros, e que desde 2015 contou coa participación de  12.121 persoas de toda a provincia.

O obxectivo de DepoTermal é fomentar o avellentamento activo e mellorar a calidade de vida das persoas beneficiarias, establecendo novas relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, por medio de movementos de participación e cooperación social que promovan espazos de encontro e intercambio de experiencias co fin de evitar o illamento e as situacións de soidade que poidan levar á vulnerabilidade.  Por outra banda, amais de facilitar o acceso ao turismo de saúde, serve tamén como plan dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, ao desestacionalizar a demanda.

O próximo ano  a Deputación ofertará 1.248 prazas para a opción de asistencia diúrna a balnearios, talasos ou spa durante 5 mañás ou tardes consecutivas. 186 das prazas serán reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social que a Deputación subvencionará con 107,10 euros por praza, mentres que no caso das 1.062 restantes subvencionará un máximo de ata 53,5 euros en función da renda. Doutra banda, o programa termal con pernoita e réxime de pensión completa, de domingo a venres, contará con 3.186 prazas, das que 124 serán reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social. Nese caso a Deputación subvencionará 280,73 euros por praza.

Poderán beneficiarse da iniciativa as persoas empadroadas na provincia e nacidas antes do 1 de xaneiro de 1972, as que teñan a condición de pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65%, que poidan valerse de maneira autónoma para as actividades da vida diaria. Tamén as persoas que non cumprindo estes requisitos precisen dun respiro familiar.

Unha vez adxudicada a contratación a unha empresa especializada, publicarase a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e as persoas interesadas terán un prazo de 15 días para presentar a súa solicitude. Terán a súa disposición un formulario na web da Deputación que terán que cubrir e que poden presentalo electrónicamente ou presencialmente

A Deputación ten tamén un rexistro de concellos adheridos ao plan, que como entidades colaboradoras facilitarán as persoas a realización dos trámites e axudas caso de poder optar a elas. Forman parte dese rexistro 53 concellos: Agolada, Arbo, Barro, Caldas, Cambados, Campo Lameiro. Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Pontevedra, O Porriño,  Portas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces, Vilagarcía e Vilanova.

Ponteareas únese baixo o mesmo paraugas para reivindicar os dereitos das persoas con discapacidade

Ponteareas sumouse á campaña de sensibilización ‘Baixo o mesmo paraugas’ para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade e seguir reivindicando unha inclusión real. Membros de ADAPTA e COGAMI concentráronse diante do Concello xunto á alcaldesa, Cristina Fernández Davila; a membros da Corporación municipal; a presidenta da entidade ADAPTA, Montserrat Cuevas; e ao presidente da Federación COGAMI Pontevedra, Ángel Holguera, durante a lectura do manifesto que servía de arranque a unha programación de actividades coas que visibilizar esta realidade e reclamar medidas que garantan os dereitos das persoas con discapacidade para estar en igualdade de condicións co resto da sociedade.

A reforma e actualización da Constitución no que se refire á protección e promoción das persoas con discapacidade “dota dun novo contido ao artigo 49 con arranxo aos conceptos, valores e propósitos que hoxe configuran un entendemento e práctica apropiados dos dereitos e deberes das persoas con discapacidade,  incluídas mulleres e nenas, ás que nomean expresamente”. Non obstante, como salientou a alcaldesa na lectura do manifesto, é momento de dar un paso máis e traballar “para perfeccionar o texto de partida e apoiar á primeira reforma social da Constitución española, que vén da man das persoas con discapacidade e das súas familias e que non pretende senón facer do noso país un proxecto máis suxestivo e decente de vida en común”.

Coa lectura do manifesto reivindicáronse os dereitos das persoas con discapacidade. Como explicou a presidenta de ADAPTA, “como parte valiosa da familia humana e das comunidades sociais e políticas nas que esta se organiza, as persoas con discapacidade deben ter reflexo nas Constitucións dende un enfoque esixente de dereitos humanos, que garanta a súa inclusión, participación e benestar, sen discriminacións nin relegacións de ningún tipo”.

Esta xornada conmemorativa completouse cunha andaina solidaria dende o Regato da Venda, ao carón das pistas do pavillón municipal Álvaro Pino, ata o Centro Asprodico, onde a Asociación de Persoas con Discapacidade das Comarcas do Condado e Paradanta (ADAPTA) realiza as súas actividades e presta os seus servizos. A andaina, aberta a toda a veciñanza, remata coa plantación dunha árbore nas instalacións de Asprodico como símbolo do proxecto que a entidade está iniciando e que agarda que creza co tempo.

O Goberno local de Redondela inviste na mellora da rede viaria das parroquias

0

O Goberno local de Redondela que preside Digna Rivas, vén de anunciar o investimento de 344.559,71 € en diversas actuacións que buscan a mellora e acondicionamento da rede viaria municipal nas parroquias de cara a facilitar a mobilidade da veciñanza e garantir as condicións de seguridade tanto para a circulación rodada como para a peonil.

O primeiro dos traballos ten como fecha prevista de inicio o vindeiro 9 de decembro e permitirá o acondicionamento e mellora do Camiño de Subido, en Chapela, que contará cun investimento de 17.245,30 euros.

Tres obras máis iniciaranse na segunda semana de xaneiro do 2022 –arredor do día 10– e serían os traballos de acondicionamento e mellora da estrada de San Paio de arriba e contorna, na parroquia de Reboreda, cun orzamento para a súa execución de 67.172,26 euros; pavimentación dos camiños Petadas, Subido, Galo, Castañal e Eido de Bras, nas parroquias de Cesantes e Chapela, cun investimento de 61.093,09 euros e ensanche do Camiño do Albarrén entre o Camiño Fortóns e a liña 810 de Adif en Cedeira, cun orzamento de 121.968,00 euros.

Finalmente, para o 24 de xaneiro está previsto o inicio dos traballos de Mellora do camiño do Piñeiro e Santo Estevo, na parroquia de Santo Estevo de Negros, para o que se destinan 79.081,06 euros.

Digna Rivas subliñou a importancia dos traballos que se van a realizar ao ser obras “longamente demandadas pola veciñanza é as que o Goberno local da agora cumprida resposta”.

“As parroquias son as grandes esquecidas dos anteriores gobernos”, non dubidou en asegurar a alcaldesa de Redondela quen lembrou “que para min e para o Goberno que presido, as parroquias son unha prioridade”. O obxectivo, apuntou Rivas “é mellorar e acondicionar todos os camiños e estradas do rural” porque, dispoñer de boas comunicacións, seguras e cómodas “é un dereito dos veciños e non un favor que lles faga o Concello. É o seu dereito”, afirmou con rotundidade.

A alcaldesa de Redondela lembra que “queda aínda moitísimo traballo por facer porque, repito, as nosas parroquias foron as grandes esquecidas. Estamos na boa liña e nela seguiremos a traballar”.

Arranca a campaña ‘Este Nadal merca en Nigrán’

0

O Concello de Nigrán, xunto coa asociación de empresarios Ovalmi, arrancan hoxe unha nova campaña de promoción do comercio local coa presentación en redes do vídeo #EsteNadalMercaEnNigrán. Ante o éxito nas pasadas festas, o Concello e a entidade repiten esta iniciativa aberta a todos os comerciantes e que inclúe reparto de 8.000 bolsas de papel kraft entre os establecementos, cartalaría, distribución de vinilos para escaparates coa frase #VivoEnNigránComproEnNigrán… Como xa é habitual, os propios tendeiros son os protagonistas de toda a campaña. O Concello de Nigrán continúa así co seu esforzo para promover o comercio de proximidade entre a veciñanza, tal e como leva facendo durante anos con campañas xenéricas ou en determinadas datas como esta, a Pascua, Día da Nai ou do Pai…

“Repetimos a iniciativa porque estamos nunhas datas onde o consumo é o protagonista e queremos apelar a que se faga dun xeito consciente para que vaia en beneficio da nosa vila”, explica o alcalde, Juan González, quen agradece a Ovalmi a súa total disposición a colaborar con esta iniciativa que inclúe difusión publicitaria e en redes, regalo de 8.000 bolsas e carteis entre o pequeno comercio, distribución de vinilos para escaparates…

Este novo vídeo, cunha filosofía diferente aos anteriores elaborados desde o Concello, exemplifica como un billete de 50 euros se ‘multiplica’ en cada intercambio de mans veciñas, neste caso pasando por Prado Surf, Pizzería Capone, Librería Paraísos de Papel, Juguetería Vavi, Peixaría da Praza da Ramallosa e Si Bwana, sumando 600 € intercambiados. Deste xeito, seis dependentes de negocios locais participan xunto a Teatro do Ar (dobraxe e personaxes iniciais) nun vídeo con espíritu educativo e de concienciación que remata coas consabidas frases: Compra local e xera riqueza no teu pobo: porque son os teus veciños, porque dan vida ás rúas, porque axudas aos emprendedores e xeras emprego, porque evita maiores desprazamentos e resulta ecolóxico, porque sempre teñen un sorriso de agradecemento, porque ti lles importas.

Igualmente, toda a cartalaría de #EsteNadalMercaEnNigrán está formada polos protagonistas dos vídeos ao respecto lanzados durante todo o ano sumando aos novos comerciantes que se inscribiron para participar: Chupipostres, 4EcoValMiñor, Asante Sana, Óptica Roris, Florería Cupido, Seguros H2K.

“Coa campaña queremos, en definitiva, motivar ao consumo local e, a maiores, o Concello incluirá actividades de Nadal que dinamicen as rúas e, por suposto, tamén alumeado porque é algo que tamén da vida ao comercio”, finaliza o alcalde.

Galicia necesita incrementar as reservas de sangue dos grupos cero positivo e cero negativo

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), convida a toda a cidadanía a doar sangue nas xornadas da primeira ponte festiva do mes de decembro, en especial ás persoas dos grupos cero negativo e cero positivo.

A vindeira ponte festiva, así como as próximas festas do Nadal, requiren dun esforzo na participación dos cidadáns, pois pode descender o número de doazóns pero non sucede o mesmo coa demanda de compoñentes sanguíneos por parte dos centros hospitalarios. Por tanto, precisamos da xenerosidade e colaboración de todos e todas para conseguir entre 400 e 500 doazóns diarias de sangue que garantan os compoñentes sanguíneos necesarios para que os hospitais galegos desenvolvan o seu labor asistencial.

Doar é moi sinxelo

Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas.

As distintas unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitarán, nestes días,  máis de 40 concellos galegos para conseguir as doazóns precisas que garantan o desenvolvemento do gran labor asistencial dos distintos centros sanitarios de Galicia.

Ademais, tamén se pode doar sangue nos locais de doazón existentes nas sete grandes cidades galegas:

CENTROHORARIO
HOSPITAL CLÍNICO UNIVERSITARIO DE SANTIAGOLuns a venres das 8.00 ás 22.00 horas Sábados das 8.00 ás 15.00 horas
HOSPITAL UNIVERSITARIO DA CORUÑALuns a venres das 8.00 ás 22.00 horas Sábados das 8.00 ás 15.00 horas
HOSPITAL ARQUITECTO MARCIDE DE FERROLLuns das 15.00 ás 22.00 horas Martes, mércores e xoves das 08.00 ás 15.00 horas Venres das 8.00 ás 22.00 horas
HOSPITAL LUCUS AUGUSTI DE LUGOLuns e venres das 15.00 ás 22.00 horas Martes, mércores e xoves das 08.00 ás 15.00 horas
HOSPITAL UNIVERSITARIO DE OURENSELuns e venres das 15:00 ás 22:00 horas Martes, mércores e xoves das 8:00 ás 15:00 horas
HOSPITAL PROVINCIAL DE PONTEVEDRALuns e venres das 08.00 ás 15.00 horas Martes, mércores e xoves das 15:00 ás 22:00 horas
HOSPITAL NICOLÁS PEÑA DE VIGOLuns a venres das 8.00 ás 22.00 horas Sábados das 8.00 ás 15.00 horas

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as páxinas de ADOS en redes sociais, e o teléfono gratuíto de cita previa 900 100 828 para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles. Pode atopar máis información no seguinte código QR:

ADOS Lembra que, aínda que se pode acudir de forma espontánea, é recomendable solicitar cita no teléfono arriba citado.

O Comercio de Chapela involúcrase de cheo nunha campaña solidaria para axudar ás familias da parroquia que máis o precisan

0

Pese a ser un dos sectores máis maltratados pola crise derivada da pandemia da COVID-19, o comercio de Chapela vén de dar un paso ao fronte para axudar ás familias que peor o están pasando na parroquia. Un total de 91 establecementos, de todos os sectores, sumáronse sen dubidalo a unha iniciativa solidaria que permitirá que o Nadal chegue a todos e todas.

Cada establecemento puxo o seu gran de area para facer unha enorme cesta de Nadal –exposta en Mar Confort de Chapela– que veciñas e veciños terán a oportunidade de gañar a través da compra de rifas ao prezo case que simbólico de 50 céntimos.

A recadación que se consiga coa venda destas rifas irá destinada, na súa integridade, a unha asociación sen ánimo de lucro local que distribuirá ese diñeiro en forma en vales compra para alimentos nun supermercado.

A cesta solidaria a gañará a persoa que teña unha rifa co número que coincida coas catro últimas cifras do 1º premio do Sorteo de Nadal do 22 de decembro da Lotería Nacional.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que visitou aos comerciantes de Chapela para agradecerlles o que cualificou de “extraordinaria mostra de solidariedade”, salientou a importancia dunha iniciativa que “axudará as veciñas e veciños máis necesitados e que permitirá que o Nadal tamén chegue as súas casas”. Tivo palabras de agradecemento para Yoli, Andrea, Isa, Yolanda e Esther “empresarias todas elas que foron quen de poñer en marcha unha iniciativa que fala moito da súa forma de ser e da súa calidade humana”.

A rexedora local, fixo fincapé no “exemplo” que da esta iniciativa “que parte dun dos sectores, xunto coa hostalaría, máis duramente golpeados pola crise derivada da pandemia da COVID-19, que tiveron que pechar as portas dos seus establecementos, que precisaron de reinventarse para sobrevivir e agora, lembrándose deses momentos, tenden a man ás familias que máis o necesitan”. “Chapela ten un comercio para estar orgullosos e orgullosas”, concluíu Digna Rivas.

Os nomes da solidariedade

Diamond Lavado, Bar Los Amigos, Floristería Vidal, Talleres Redovigo, Restaurante Pinales, Bar Varayar, Agro Chapela, La Torta Chapela, Peluquería Disoleil, Construcciones Castro, Ana Escudero, Viguesa de Alfombras, Olímpio, Autoestuela Roda, Librería Acuario, Meraki, As Túas Causas, 24 Horas Chapela, Froiz Chapela, Pastelería Pili, Cafetería Enigma, Agencia de Seguros Ases, Peluquería Andrea Alonso, Eiki Cafetería, Chola y Manu, Fisioterapia Natura, Loli Pereiro, Café Bar Perry’s, Zuo Yuang, Centro Estética MJ, Secreto Digital, Sofás Mar Confort, Faro de Vigo, Hostal Bahía de Chapela, Neumáticos Roni, Compra venta de coches Chapela, Reparto Pan Isa, Las Cositas de Rouss, Piscinas de Atlántico, Bar Cruceiro, Bar Lúa, La Pelu de Lara, Bacalaos Iglesias, Ortopedia del Automóvil, Talleres Neda Motor, Rectificados Chapela, Peluquería Alejandra Durán, Bar Piñeiro, Centro Veterinario Rías Baixas, Modas Marisa, Bar Nando, Ferretería Norio, Cafetería Baiuca, Terra Nai, Peluquería Marcos Atrio, Kiosko Chapela, Casa Cándido, Bazar Chapela, D’María, Kima Bay, Fians, Marina Huarte, Asesoría Vigo, Floristería Arealonga, Escarnabois Artesanía, La Nube, Frutería Gómez, Rochas Pan, Bar D’Otero, Cafetería Don Carlos, Eco Numar, Cantina CCR Chapela, Lamparilla de Oro, Mapfre, Viaxes 500 Millas, Frutería Manzano, RTV Álvarez, Droguería Chévere, Panadería Mazaroca, Felipe Alonso, Depesca, La Valeria, Peluquería Nuevas Ondas, Lis, Peluquería Leti’style, Ferretería Chapela, Peluquería Loli Barbará, Repainox, Casa Rei, Restaurante A Chavola, Pescanova.

Gondomar inaugura o tradicional belén artesanal en movemento

0

Hoxe sábado, ás 18.30 horas, abrirá as súas portas na Casa da Cultura o Belén artesanal en movemento de Gondomar, que este ano inclúe algo máis de 150 pezas en movemento e ocupa máis 50 metros. Ao acto de inauguración está prevista a presenza do Bispo da Diocese de Tui-Vigo, Monseñor Luis Quinteiro Fiuza.

Máis de 600 pezas, todas feitas a man, integran este ano o Belén artesanal en movemento de Gondomar, propiedade de Fernando Fernández, responsable da talla das personaxes e edificacións que dan forma ao Belén que nas súas últimas edicións visitaron centos de persoas durante as festas do Nadal no municipio.

Un dos seus atractivos principal é o feito da mobilidade de moitas das súas pezas que cada ano crecen con novas incorporacións que alcanzan xa as 150 porque “sen dúbida son as que máis chaman a atención de quen vén a ver o belén”, afirma Fernando, quen destaca entre
as novidades a incorporación de novas profesións tradicionais nel.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, acompañado polo Bispo da Diocese de Tui-Vigo, Luís Quinteiro Fiuza, inaugurarán oficialmente “esta marabilla que cada ano sorpréndenos máis e que, sen dúbida, podemos dicir convértenos no municipio co belén máis grande da provincia”, afirmou ou alcalde, Paco Ferreira, quen dixo sentirse orgulloso “de abrir as portas a toda a veciñanza desta obra de arte que ata fai cinco anos, cando o concello propuso expoñerlo, só se podía ver na casa do noso veciño”.

Escenas de Exipto, o palacio de Herodes, construcións típicas do momento e centos de figuras distribuídas en tres alturas ao longo de algo máis de 50 metros nos que Fernando Fernández investiu 8 días para a súa montaxe poderán descubrirse estes días na Casa da cultura de Gondomar.

Este veciño de Borreiros explica que a súa afección forma parte dunha tradición familiar que confía teña continuidade nos seus netos “que xa empezan a facer algunhas cosillas e mesmo gañaron algún premio”. Recoñece que é un traballo delicado ao que dedica moitas horas, pero “é moi reconfortante ver ou resultado despois e como gozan do quen ou visita e vos comentarios que fan”.

O Belén artesanal en movemento poderá visitarse ata o próximo día 09 de xaneiro de 2022 en horario de mañá entre as 11.00 e as 13.00 horas, e entre as 17.00 e as 21.00 horas, en horario de tarde, permanecendo pechado as mañás do 25 de decembro e ou 1 e 6 de xaneiro.

O Balonmán Saeplast Cañiza doa alimentos ao almacén municipal

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, agradece a toda a familia do “Clube de Balonmán Saeplast Cañiza” polos alimentos doados esta semana ao almacén municipal.

Unha achega solidaria  que irá destinada a complementar o abastecemento do Almacén de Alimentos do Concello. Un servizo que este ano viuse notablemente incrementado, sobre todo por familias con nenos.

O Alcalde Luis Piña quixo agradecer esta mañá este xesto solidario de todas as mulleres e homes que forman parte deste gran Clube, o Balonmán Saeplast Cañiza, xa que con estas aportacións están contribuindo a paliar e mellorar a calidade de vida de moitas familias e nenos neste Nadal.

O Almacén Municipal de Alimentos da Cañiza nútrese dos produtos comprados directamente polo concello, uns 7.000 kilos anuais e das donacións de Cruz Roja, 10.000 kilos de alimentos ao ano. Esta achega é posible grazas ao Convenio de adhesión suscrito entre o Concello e Cruz Roja para participar no Programa Operativo FEAD 2021 (Fondo de Axuda Europea para os máis Necesitados).

O Rosal inaugurará o ecoparque do Sobreiral o vindeiro 8 de decembro cun magosto

0

O Rosal está a piques de estrear o seu ecoparque do Sobreiral, un espazo verde no centro do municipio que combina natureza, lecer e inclusividade. Situado detrás do aparcamento de Xulio Sesto, no Calvario, o Concello organizará o vindeiro 8 de decembro un magosto en colaboración coa UD Ribera, o Club Ciclista O Rosal, o Acanor Novás Valinox e a Agrupación Musical do Rosal que servirá como acto inaugural.

Será unha xornada de convivencia e lecer aberta a toda a veciñanza que comezará ás 17.00 horas  e na que tamén participarán as canteiras das escolas deportivas e musicais rosaleiras. En caso de choiva, a actividade trasladarase ao sábado 11 de decembro á mesma hora.

O ecoparque do Sobreiral converterase así nun lugar onde os rosaleiros e rosaleiras poderán vivir e sentir a natureza dentro dun conxunto de sobreiras, carballos e pinos de máis de 4.000 metros cadrados no que se integran espazos destinados á primeira infancia con xogos sensoriais e de motricidade, unhas pequenas gradas para o desfrute da veciñanza, xogos tradicionais e xogos que fomentan a creatividade, especialmente de carácter musical vinculados co gran valor patrimonial que a música ten no municipio.

Un espazo “de gran valor a tan só 50 metros da Praza do Calvario que será un pulmón de vitalidade para o centro do Rosal, pero tamén para todo o municipio, xa que non hai ningún espazo similar en toda a comarca”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora quere agradecer aos clubs e á agrupación a súa colaboración e implicación unha vez máis na actividade rosaleira e convida a toda a veciñanza a coñecer este novo espazo.

O vindeiro ano chegará á provincia de Pontevedra o programa de cribado de cancro de cérvix

A directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán Parrondo, anunciou, na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia, que a Consellería de Sanidade ten marcado como obxectivo estender o Programa poboacional de cribado de cancro de cérvix a todas as áreas sanitarias, acadando unha cobertura total da poboación diana. O compromiso da Xunta para o vindeiro ano, subliñou Carmen Durán, é completar o programa piloto de cribado de cancro de cérvix na área sanitaria de Lugo, e estender o mesmo ás áreas sanitarias de Ferrol e Pontevedra. Progresivamente, irase estendendo ao resto das áreas sanitarias.

Tal e como indicou a directora xeral, en base aos resultados do estudo piloto da área de Lugo, decidiuse optar polo método no que a muller pode elixir se desexa acudir á súa matrona ou que se lle envíe ao seu domicilio o dispositivo para realizar a autotoma ou recollida da mostra. Ao respecto remarcou que esta estratexia obtivo un 77,9% de participación no programa piloto, por tanto por riba do 70% que é o valor que se considera adecuado nos estándares deste programa de cribado.

Segundo explicou a directora xeral, a proba de cribado realizarase nas mulleres de 35 a 65 anos e consistirá na detección da infección polo virus do papiloma humano (VPH) no fluído vaxinal ou no colo uterino, utilizando as bases de datos de tarxeta sanitaria para proceder á selección da poboación diana. A tal efecto, enviaráselle ás mulleres unha carta de invitación ao seu domicilio ou unha mensaxe de texto ao seu teléfono móbil, xunto co folleto informativo do programa.

As mulleres de 35 a 60 anos poderán indicar a súa preferencia do método de cribado devolvendo, debidamente cumprimentada, a tarxeta de elección mediante un sobre que se xunta na propia carta, ou ben se a invitación foi realizada mediante unha mensaxe de texto, poderán acceder ao enlace que se enviará e aceptar a invitación na web da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Se non se recibe resposta nun prazo de 3 meses, enviaráselles un recordatorio de invitación.

No caso de que a muller elixa a autotoma, enviaráselle ao seu domicilio o dispositivo de recollida da mostra vaxinal xunto coas instrucións para recollela e as etiquetas identificativas.

A muller deberá recoller a mostra, identificala cunha etiqueta personalizada que se achega xunto co material e introducila na bolsa de recollida que ten os seus datos e un código de barras, que é único para cada participante. Unha vez recollida e identificada a mostra, esta debe ser depositada no seu centro de saúde o antes posible nun contedor habilitado para tal efecto.

A Consellería de Sanidade facilitará a cada centro de saúde un contedor debidamente identificado, destinado á recollida dos test de autotoma sen necesidade de que se xere unha consulta médica ou de enfermería; de forma similar a como xa se está a facer no Programa de detección precoz do cancro colorrectal.

No que respecta ás mulleres de 61 a 65 anos, -proseguiu a directora xeral-, realizaráselles un co-test en atención primaria coa súa matrona, que consiste na recollida de mostra para a detección do VPH e citoloxía simultánea. Se ambas as dúas probas son negativas, sairán do Programa.

As mostras analízanse avaliando a existencia de infección por VPH de alto risco oncoxénico. Se a proba resulta negativa, informarase á muller mediante unha mensaxe de texto ou por carta e invitarase de novo aos cinco anos. Se a proba resulta positiva, contactarase coa muller e xestionarase unha cita para realizar unha citoloxía. Finalmente, se algunha das mostras é insatisfactoria repetirase a toma, sempre por un ou unha profesional sanitaria aos catro meses.

Resultados do programa piloto

Na súa intervención no Parlamento, Carmen Durán detallou que o proxecto piloto deu comezo en decembro do pasado ano na área sanitaria de Lugo, e foi avaliado recentemente cos datos obtidos ata o 1 de setembro deste ano. Foron invitadas un total de 2.600 mulleres, das que participaron 1.550, o que supón unha participación de preto do 60%. As porcentaxes de participación variaron en función das tres estratexias testadas. Así, no grupo de citación directa, participaron o 56,3% das mulleres invitadas; no da autotoma, a participación foi do 51,4% e, por último, cando as mulleres podían elixir, a participación aumentou ata un 77,9%, dato que está por riba dos informes europeos.

Este estudo piloto, -remarcou Carmen Durán-, posibilitou a detección do VPH nun 5,2% das mulleres cribadas e destas mulleres cunha proba positiva, no 15 % detectouse algún tipo de lesión premaligna que foron derivadas á consulta pertinente. Estes datos son coherentes co descrito na bibliografía existente, o que corrobora que a metodoloxía utilizada e o estudo no seu conxunto, desenvolvéronse con éxito, -concluiu a directora xeral-.

O Concello visita ós produtores singulares de Tomiño para animalos a compostar

0

Para acadar outro fito do Revitaliza do Concello e da Deputación de Pontevedra, o mestre e a mestra composteira de Tomiño están visitando a “produtores singulares” do municipio, entendendo estes como entidades produtoras de biorresiduos diferentes a domicilios familiares, o que son centros especializados ou establecementos de hostalería (taperías, bares, restaurantes…) co obxectivo de que poidan xestionar os biorresiduos xerados nas súas cociñas a través de composteiros individuais específicos, cunha capacidade de 830 litros cada un.  Para elo, estase a facer un estudo previo da xeración de residuos de cada produtor, así coma un seguimento do proceso nas primeiras semanas dende a instalación do composteiro.

A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, explica que no Concello “estamos moi contentos cos resultados iniciais desta iniciativa”, e engade que “xa comezaron a xestionar os seus biorresiduos mediante a utilización de composteiro individual no Centro de Día, na Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade, na Asociación Cidadá de Loita Contra a Droga Alborada e nas taperías A Casa das do Correo e A Casa Chaver”. Ademais incide en que se continuarán con estas visitas ata chegar a totalidade de produtores singulares situados no concello de Tomiño. “Isto seralle moi beneficioso a estes produtores, xa que nun futuro próximo, todos estaremos obrigados a separar estes residuos, así como as distintas fraccións do lixo, xa que é o que marca a nova normativa e as directrices europeas, en aras de acadar os obxectivos de desenvolvemento sustentable”. Os Países, Comunidades ou Concellos que non cumpran estes obxectivos, poderíanse enfrontar a sancións, que acabarían repercutindo na cidadanía.

Estes produtores, como o resto da veciñanza, teñen acceso tamén ó servizo de préstamo de biotrituradoras, para poder fabricar o seu propio estruturante a partir de podas.

Biotrituradoras municipais

Dende o pasado mes de xuño, cando o Concello comezou o servizo de préstamo de biotrituradoras, un total de 29 de veciños e veciñas xa utilizaron a maquinaria para xestionar os seus residuos vexetais. A edil quere lembrar que tanto a alta no servizo coma a solicitude de préstamo das biotrituradoras pódese facer en persoa no rexistro do concello como a través da web.

Mos presenta a súa programación de Nadal

0

Tras o acto de acendido do alumeado de Nadal celebrado o pasado domingo 28 de novembro, que contou con mercadillo artesanal, chocolate con rosca e concerto de Broken Peach, continúa a programación navideña organizada polo Concello de Mos.

Mañá sábado, día 4 de decembro, terá lugar a recollida solidaria de alimentos Mos Axuda nos supermercados de Mos. O domingo 5 de decembro ás 18:00 horas celebrarase a inauguración do Belén de Herville no Centro Cultural de Herville.

O 11 de decembro ás 21:00 horas, concerto de Manuele de Felisa no auditorio do Centro Dotacional de Torroso. O 19 decembro ás 18:00 horas o Grupo de Teatro Mulleres en Igualdade do Concello de Mos representará ‘Un Conto de Nadal’ tamén no auditorio de Torroso.

O día 26 ás 16:30 horas chegará o tradicional Certame de Rondallas de Mos á Avenida de Puxeiros, contando coa participación da Rondalla Santa Eulalia de Mos, Rondalla Centro Cultural de Torroso, Rondalla Santiguiño de Guizán e Rondalla Asociación Cultural de Herville.

Xa co comezo do novo, o 5 xaneiro, chegan as Súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente a Mos ás 17:00 horas na Cabalgata de Reis pola Avenida de Sanguiñeda.

O dous grandes Beléns de Mos poderán ser visitados nos seguintes horarios:

O Belén de Herville:  de luns a venres de 15:00 h a 17:00 h e de 19:00 h a 22:30 h. Os sábados: de 15:00 h a 23:00 h. E os domingos: de 11:30 h a 13:30 h e de 15:00 h a 21:30 h.

O Belén do Pazo de Mos: de luns a venres, de 17:00 h a 20:00 h, sábados e domingos, de 10:00 h a 13:00 h e de 17:00 h a 20:00 h.

Mos Axuda no Nadal

A campaña Mos Axuda de Nadal 2021 é unha campaña especial, debido á situación que viven moitas familias pola crise derivada da COVID-19.

Os voluntari@s de Mos Axuda xa están a traballar nunha gran recollida de alimentos na que poden colaborar todas as empresas e veciñanza, facendo unha doazón de alimentos antes do 20 de decembro. Os voluntari@s trasladaranse ata as empresas colaboradoras, no día e hora que elas indiquen, a recoller as doazóns.

Tamén poden ser entregadas no almacén de Mos Axuda, situado na Estrada Puxeiros a Peinador, chamando anteriormente ó número de telefono: 627 133 828.

Por outro lado dentro da campaña Mos Axuda no Nadal trabállase no proxecto ‘Ningún nenx sen agasallo’. Esta iniciativa solidaria está promovida polo Concello de Mos en colaboración coa Asociación de Empresarios de Mos, para que ningún desexo dun neno/a este Nadal quede sen facerse realidade.

O listado de nenos/as é facilitado polo departamento dos servizos sociais de Mos e por suposto, os datos son totalmente confidenciais, polo que para mercar o regalo os colaboradores participantes recibirán unha carta escrita polo neno/a beneficiario pero sen asinar, só identificada cun número de referencia. E o agasallo que pide na devandita carta deberá ser depositado nas oficinas da Axencia de Colocación de Mos antes do 30 de decembro, indicando no paquete o número da carta asignada.

As persoas interesadas en recibir unha destas carta dun neno de Mos, pode solicitala a través do seguinte enderezo: [email protected].

Tamén se pode realizar unha doazón económica para a compra de alimentos e agasallos: facendo un ingreso solidario no numero de conta de MosAxuda: ES98 2100 5656 0501 0024 5307

Campamento Infantil de Nadal

O día 9 de decembro abrirase o prazo de inscrición no campamento infantil navideño do Concello de Mos, que se realizará durante os días 22, 23, 27, 28, 29 e 30 decembro e 3,4 e 5 de xaneiro en horario: 9.00 a 14.30 horas na Axencia de Colocación de Mos. 

Os interesados en solicitar Aula Madruga de 8.30 horas a 9 horas poderán facelo sempre e cando haxa un mínimo de 10 nenos/as.

Esta iniciativa vai dirixida a nenos/as con idades comprendidas entre 3 e 12 anos. A admisión será por rigorosa orde de entrada no Rexistro do Concello. Os obradoiros se realizarán sempre e cando se acade un mínimo de 15 participantes.

A inscrición poderá formalizarse do 9 ao 16 decembro, a través do Rexistro Xeral do Concello de Mos ou da Sede Electrónica. O prezo por participante é de 72 € o campamento completo e  días soltos 12 €.

Ponteareas aproba a súa ordenanza de mobilidade e utilización do espazo público

O Concello de Ponteareas aprobou no pleno a nova Ordenanza de Mobilidade Amábel e Utilización do Espazo Público. A nova norma foi aprobada con tan só 4 votos en contra (ACIP), a abstención do PP e o voto favorábel do goberno (BNG-PSOE). A aprobación da ordenanza estivo precedida dun proceso participativo no que se facilitou o borrador de ordenanza a colectivos sociais e no que se celebrou un encontro con todos eles. Ademais os grupos municipais dispuxeron de case un ano para facer propostas e suxestións, aínda que non se achegou ningunha. Tamén se expuxo ao público o borrador de ordenanza para que a veciñanza puidera achegar as súas opinións.

A nova ordenanza supera a normativa actual, que databa do ano 2003, baseada nun concepto de mobilidade obsoleto, no que toda a mobilidade se centraba e supeditaba ao vehículo a motor. A Ordenanza de Mobilidade Amábel configúrase como a ferramenta xurídica necesaria para implementar o Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS) e o Plan de Accesibilidade, así como todo o proceso de reforma urbana posto en marcha polo goberno municipal, dirixido a recuperar o espazo público para a mobilidade e estancia das persoas, fomentar os desprazamentos saudábeis e sustentábeis a pé e en bicicleta, e reducir o tráfico a motor e, polo tanto, a contaminación e a inseguridade viaria.

A nova normativa aborda a regulación da utilización do espazo público atendendo a todas as actividades e usos, garantindo o dereito das persoas a gozar destes espazos. Nesta liña apóstase polo uso plural e compartido do espazo público con prioridades claras a favor das persoas, concibíndose coma lugares non só de paso senón tamén de estancia e convivencia.

A utilización do vehículo a motor, especialmente nas áreas concibidas para os peóns, supedítase ao concepto do tráfico de necesidade, que engloba o acceso de residentes con ou sen garaxe, a carga e descarga de profesionais, as persoas con mobilidade reducida ou o acceso de comerciantes e clientes para recoller ou deixar mercadorías non transportabeis a pé, así como os servizos públicos e de emerxencias.

A nova ordenanza regula as zonas de preferencia peonil, os supostos de necesidade nos que o tráfico a motor e paradas se permiten nestes lugares e as condicións de seguridade nas que debe realizarse e contémplase que os pasos de peóns deberán ser sempre elevados coa mesma rasante que as beirarrúas, que á súa vez deberán ter unha anchura mínima de 2,50 metros. Onde non sexa posíbel acadar esas dimensións a vía deberá ser de plataforma única con preferencia peonil. A ordenanza regula tamén a mobilidade das bicicletas e vehículos de mobilidade persoal coma os patíns eléctricos, así como a tonelaxe dos vehículos que poden circular por zonas urbanas.

O Nadal arranca en Ponteareas este sábado 4 co acendido da iluminación e animación nas rúas

Ponteareas dá a benvida ao Nadal esta fin de semana. O Goberno municipal convida a toda a veciñanza a participar no acendido das luces de Nadal este sábado 4 de decembro, co que arrancará tamén a programación prevista para estas datas. A actividade comezará ás 17.30 horas con animación nas rúas do centro urbano a cargo de personaxes propias destas datas, que farán gozar ao público familiar dun animado espectáculo para unha tarde de ledicia.

Xa ás 18.00 horas procederase ao acendido do alumeado de Nadal cun acto que se celebrará na Praza Fernández Vega. Arredor de 300 elementos colocados en máis de 30 rúas e prazas ambientarán o centro urbano cun alumeado singular, innovador e atractivo, baseado na sustentabilidade a través do uso de novas tecnoloxías máis eficientes e sostibles como o LED. A iluminación de Nadal do Concello chegará tamén ás 24 parroquias, continuando así a iniciativa posta en marcha nos últimos anos para facer partícipe das festas a todo o municipio.

Con este acto comezará a programación das festas de Nadal, na que non faltarán os obradoiros infantís, contacontos, actividades deportivas, citas dirixida á mocidade ou as actuacións musicais. O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, destaca “a importancia de ofrecer actividades aptas para todos os públicos e nos que poida participar toda a familia, ademais de promover as tradicións propias da nosa vila”.

Pola súa banda a concelleira de Promoción económica, Eva Gil, salienta a importancia deste alumeado que “contribuirá a dinamizar a actividade económica do comercio local e da hostalaría en plena campaña de Nadal, unha das máis destacadas do ano”.

Redondela e a Asociación Érguete organizan unha charla sobre a pegada das novas tecnoloxías na mocidade

0

Imaxe de arquivo dunha xuntaza da Asociación Érguete cos representantes do Concello de Redondela

A Asociación Érguete e o Concello de Redondela organizan, o vindeiro martes 14 ás 18.30 horas no auditorio do Multiúsos da Xunqueira, unha charla sobre A pegada das novas tecnoloxías na mocidade, impartida polo profesor titular da área de metodoloxía das ciencias do comportamento da USC, Antonio Rial Boubeta, e con entrada de balde ata completar aforo. As inscricións realizaranse a través do cuestionario online https://forms.gle/hNRbmEPdEnN7Ypx16.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, anima á veciñanza a asistir a esta conferencia “para poder entender mellor a maneira na que os nosos fillos e fillas utilizan e se relacionan coas novas tecnoloxías”. A importancia que o Goberno local redondelán dalle a todo o que teña que ver coa mocidade e as novas tecnoloxías quedou reflectido nas charlas que, con motivo do 25N, desenvolveu nos institutos do municipio baixo o lema Non deixes que te enREDen, e que alertaba sobre o acoso, control e violencia psicolóxica que se pode exercer sobre as mozas a través de internet ou programas de mensaxería instantánea.

A coordinadora de prevención da Asociación Érguete, Laura Durán, destaca que esta actividade “é moi necesaria”, xa que diversos estudos destacan que as chamadas Tecnoloxías das Relacións, a Información e a Comunicación (TRIC) teñen “un impacto realmente importante na vida das e dos adolescentes, ben a nivel de saúde mental, de estilo de vida e de saúde en xeral, de convivencia familiar, ou mesmo dando lugar a novas formas de adicción recoñecidas xa pola OMS, como no caso dos videoxogos ou das apostas en liña”.

O profesor Boubeta, unha das grandes referencias a nivel estatal sobre a relación entre novas tecnoloxías e mocidade, tamén fai unha mención especial a que o uso de redes sociais como Tik Tok ou Instagram dende idades temperás “pode levar da man importantes problemas emocionais e estar na base do aumento das taxas de depresión infanto-xuvenil ou de ciberacoso”. Para o estudoso “adoptar unha actitude alarmista diante desta nova problemática resulta igual de contraproducente que mirar cara outro lado”.

Para máis información, interesadas e interesados poden dirixirse ao enderezo de correo electrónico [email protected] ou ao teléfono 986 250 240.

Tanto a Asociación Érguete coma o Concello de Redondela agradeceron a colaboración de Caixabank para a realización desta charla.

“Sigue o teu instinto” coróase como a mellor película turística do mundo

O audiovisual ‘Sigue o teu instinto’, a campaña turística da Deputación de Pontevedra en 2020, vén de acadar por segundo ano consecutivo o premio á Mellor Película Turística do Mundo na categoría de Produto Turístico no circuíto de premios audiovisuais turísticos CIFFT. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asistiu esta mañá telematicamente ao fallo que deu a coñecer o director do circuíto, Alexander V. Kammel, durante a 33ª gala de entrega dos World’s Best Tourism Film Awards (coñecidos como os Óscar do Turismo), retransmitida en directo desde lugares emblemáticos da cidade de Valencia.

“Sigue o Teu Instinto”, producido por Esmerarte e coa actriz Celia Freijeiro como protagonista, xa levaba 9 premios internacionais e con este galardón rubrica outro ano excepcional que referenda a aposta da Deputación polo audiovisual vinculado ao turismo. O audiovisual competía nunha gala con máis de 3300 vídeos procedentes de destinos turísticos de máis de 90 países que participaron nos 13 festivais internacionais do CIFFT, entidade apoiada por organismos internacionais como a OMT (Organización Mundial do Turismo), a ETC (Comisión Europea de Viaxes), a CTO (Organización de Turismo do Caribe) ou a CATA (Asociación de Promoción Turística de Centroamérica).

Unha emocionada Carmela Silva expresou a súa alegría. “Estamos inmensamente felices. É o segundo ano que acadamos o primeiro premio ao mellor vídeo do mundo nesta categoría: o único de España en acadar un primeiro premio, o cal amosa a súa valía e importancia. De feito, o único outro vídeo do Estado que gañou –unha candidatura de Madrid– obtivo un terceiro premio”. Carmela Silva felicitou a Esmerarte pola súa “capacidade creativa, sensibilidade e calidade. Somos unha provincia cun sector audiovisual moi potente e un gran talento, o cal se amosa neste primeiro premio. A nosa provincia é maxia e un paraíso”. A noticia, “que supón unha enorme alegría xa non para esta Deputación senón para toda a provincia”, supón a consolidación da promoción turística da provincia no panorama internacional.

Pola súa banda Laura Fontán, de Esmerarte, asegurou que “estamos en estado de shock e moi honradas e honrados con este premio, que nunca pensabamos que iamos poder repetir despois de acadalo o ano pasado. Celia Freijeiro foi unha grande inspiración como embaixadora das Rías Baixas”.

A Deputación de Pontevedra recibe o galardón á Mellor Película Turística do Mundo na categoría de Vídeo Promocional de Produto Turístico despois de acadar 9 premios internacionais: FITUR Travel Video Competition, The Golden City Gate (Berlín, Alemaña), International Tourism Film Festival, (Capadocia, Turquía), International Tourism Film Festival Africa (Cidade do Cabo), Silafest 2021, the 13th International Festival of Tourism and Environmental Films (Serbia), ART&TUR – International Tourism Film Festival (Aveiro, Portugal), 16th FilmAT Festival (Varsovia), Terres Travel Festival (Tortosa, Catalunya) e o 12th Amorgos Tourism Film Festival (Grecia). Polo diante, “Sigue o teu instinto” foi o que vídeo que liderou a clasificación desta categoría ao sumar os recoñecementos conseguidos por todos os vídeos que competiron nos 13 festivais que integran o CIFFT.

A Cañiza da comezo ao Nadal mañá co acendido das luces

0

Na tarde noite de mañá sábado 4 de decembro, o Concello da Cañiza acenderá as luces deste Nadal 2021. Igual que estes dous anos pasados, o encargado de iluminar as rúas, espazos públicos e lugares do municipio será Iluminaciones Ximénez, empresa adxudicataria do procedemento de contratación para este servizo que engalanará o Nadal durante dous anos máis. As luces estarán encendidas ata despois de Reis.

Despois do acendido do alumeado que terá lugar, ás 19:00 horas da tarde e se o tempo o permite, o Concello servirá na Praza Maior unha «chocolatada cañicense» coa que se inaugurarán as festas navideñas.

Nos vindeiros días o Concello difundirá tamén o Programación de Nadal que este ano retoma parte das actuacións e actividades que se viñan desenvolvendo ata o pasado ano , marcado polas medidas derivadas da Pandemia da COVID-19. Con todo o Concello terá en conta en todo momento as medidas sanitarias e protocolos COVID.

Traballo en equipo e diversidade cultural, claves no intercambio en Croacia no que participaron 8 mozos de Ponteareas

Grande experiencia a dos oito mozos do Servizo de Voluntariado do Concello de Ponteareas que estiveron na localidade croata de Malino participando no proxecto de intercambio xuvenil ‘Actúa localmente, pensa globalmente’ con rapaces de de 18 a 29 anos procedentes de organizacións locais de Turquía, Romanía, Grecia, Croacia e a República de Macedonia. Oito días de convivencia no que ademais de mellorar a súa competencia lingüística, fomentaron o traballo en equipo e o coñecemento da diversidade cultural.

Acompañados pola técnica da oficina de voluntariado municipal, Rocío Márquez, en colaboración coa Asociación Sociocultural Aporía, socia do proxecto, estes oito rapaces e rapazas aproveitaron esta estancia para intercambiaron experiencias e coñecer como é a mocidade en cada país, as necesidades que detectan, como funcionan os programas de intercambio con outros países e desenvolver propostas de participación xuvenil que se poidan aplicar en cada unha das localidades de residencia, creando sinerxías para proxectos futuros.

Durante a súa estancia, os mozos e mozas ponteareás mergulláronse nunha metodoloxía baseada na educación non formal, fomentando o diálogo intercultural, aprendendo de forma creativa e impulsando a reflexión persoal, sempre nunha contorna natural e ambientalmente sostible. Unha das actividades nas que participaron foi un taller de escultura, talla e gravación nos que os e as participantes achegaron o seu gran de area para crear un proxecto diverso e multicultural.

O concelleiro de Voluntariado, Miguel Bouzó, felicitou aos mozos e mozas por aproveitar ao máximo a experiencia, “unha oportunidade moi interesante para todas e todos eles”, e agradeceu o seu labor participando nas actividades que o Concello organiza ao longo de todo o ano.

O proxecto ‘Actúa localmente, pensa globalmente’ trátase dunha iniciativa financiada polo programa de mobilidade Erasmus+, que ten por obxectivo sensibilizar á mocidade participante sobre a importancia da diversidade cultural dentro das comunidades e os seus beneficios, potenciando iniciativas dirixidas a fomentar a tolerancia, a solidariedade e unha verdadeira inclusión social.

Mercadiño de Libros Solidarios na Biblioteca Municipal de Tui

0

A Biblioteca Pública Municipal de Tui organiza entre o sábado 4 e o xoves 23 de decembro un Mercadiño Solidario de Libros, en colaboración co departamento de Servizos Sociais do Concello de Tui.

Nestas xornadas a Biblioteca Municipal, repite este mercadiño tras a exitosa experiencia do pasado ano, e ofrece os libros destinados ao expurgo, procedentes dos seus propios fondos ou de doazóns de veciños, para que aqueles lectores interesados poidan recoller aquelas obras que resulten do seu interese. A condición para acceder a este mercadiño é a entrega dun lote de produtos de Nadal que estarán destinados ás familias atendidas polos Servizos Sociais municipais.

Os libros ofertados son de temática moi ampla e variada, dende novelas, libros infantís e xuvenís, libros de coñecementos, de non ficción, incluso algunhas obras de consulta.

O mercadiño estará aberto no horario de atención ao público da Biblioteca Municipal de luns a venres de 8.30 a 13.30 h e de 15.30 a 20.30 h e os sábados de 9 a 13 h.

Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, con esta actividade a Biblioteca Municipal oferta un amplo abano de libros a todos os afeccionados á lectura a cambio da entrega de produtos do Nadal cunha finalidade solidaria. Neste ano 2021 triplícaase a oferta deste mercadiño solidario, tanto en espazo coma en exemplares. É unha ocasión de achegarse para atopar algunha publicación, xa fora do mercado ou descatalogada, que deste xeito aproveita ao lector interesado e tamén á familia que recibirá os produtos de Nadal.

A Deputación anima á cidadanía a visitar nesta ponte o Castelo de Soutomaior

O Castelo de Soutomaior constitúe, desde o xoves, o epicentro do Nadal na provincia. Trala inauguración do acendido e a esperada apertura do mercadiño, a Deputación de Pontevedra anima a familias, adultos e mozos a achegarse a este emblema turístico para gozar dunha programación moi variada na que, amais de poder adquirir produtos de proximidade, ten dispoñible unha interesante oferta de lecer que abrangue visitas teatralizadas, contacontos, obradoiros, unha “caixa de correo de soños” e as visitas ao recuperado “Muiño das Afreitas”.

O mercadiño do Castelo de Soutomaior é o grande protagonista, ideal para os regalos de nadal, que estará aberto ao público entre as 16 e as 20 horas os días 4,5,7 e 8 de 11 a 14 horas e de 16 a 20 horas. Os seus/as visitantes poderán adquirir nel produtos da provincia, sostibles e de proximidade, á vez que colaboran con unha vintena de produtores/as das diferentes comarcas. Nos postos poderán atopar queixos, ovos, mel, licores, marmeladas, melindres, bicas e artesanía; produtos do mar como afumados e conservas; produtos a carón do Miño como chocolates, conservas de lamprea, mirabeles ou grelos; produtos relacionados coa camelia a través de artesanía, cosméticos, marmeladas e venda de árbores; e de quilómetro cero con viños de Soutomaior, do viño Pedro Madruga e de espumosos. Amais, hai unha zona de degustación na que se poderá probar os produtos.

Nestas datas, o castelo “encherase de maxia” cunha interesante programación que inclúe visitas teatralizadas baixo o título “A luz do Nadal”, a cargo de Troula, con 270 prazas que se esgotaron en 24 horas. Tamén quedan moi poucas prazas para as sesións de contacontos e obradoiros baseados na obra “Un conto de Nadal” de Charles Dickens. Serán oito sesións os días 4, 5,11, 12, 18, 19, 26 de decembro e 2 de xaneiro ás 17 horas, dirixidas a crianzas de entre 4 e 9 anos. O día 4 terá lugar un contacontos protagonizado por Pedro Madruga; o 5 un obradoiro de arquitectura no que a cativada construirá e decorará un poboado de Nadal e o 11 un  contacontos sobre as tradicións do Nadal no mundo e un obradoiro con tintas para crear felicitacións, que tamén se repetirá o día 12.  Pola súa banda o día 18 haberá contacontos e un obradoiro para crear farois ecolóxicos con desexos; o 19 un experimento científico para fabricar neve e descubrir o que se atopa no interior dun iceberg; o 26 contacontos para descubrir os recunchos do castelo e un obradoiro para decorar a árbore de Nadal con materiais recollidos no percorrido; e xa o 2 de xaneiro realizarase unha ruta de sendeirismo polos xardíns do Castelo, onde nenas e nenos coñecerán os animais e plantas que habitan neles e rematarán decorando casiñas para paxaros. Amais, este Nadal tamén por vez primeira está en funcionamento o “Muíño das Afreitas”, unha vez restaurada a súa maquinaria. As nenas e nenos, ao igual que o ano pasado, poderán deixar os seus desexos na “caixa de correo de soños” no Patio de Armas.

Finalmente e como complemento a este inicio do nadal, a Deputación reafirma e mantén a súa aposta polas artes escénicas co programa “Tornar as táboas”, que está a levar polos municipios da provincia e o Centro Príncipe Felipe un total de 35 espectáculos a cargo de 35 compañías diferentes. Esta fin de semana contará con tres novas funcións. O sábado 4, ás 19.00, Culturactiva Producións interpretará “Saaabor!” no auditorio municipal de Arbo e, ás 20.00, Olivas Negras estará no edificio multiusos de Moraña con “12 uvas, 2 mulleres e 1 oliva”. Pola súa banda, o domingo 5, ás 12.00, será a quenda de “Bambolina” a cargo de Barafunda Teatro, que se celebrará no auditorio Lois Tobío de Gondomar.

O PP do Porriño critica o “apagón navideño” imposto polo bipartito

O grupo municipal do Partido Popular do Porriño expresou onte as súas críticas polo “apagón navideño” imposto polo bipartito PSOE-BNG.

Mentres que nos municipios da contorna as luces de Nadal xa iluminan as rúas, no Porriño non comenzaron nin a instalarse. “O retraso na montaxe da iluminación navideña é inadmisible e unha mostra máis do desprezo insititucional que padecemos os porriñeses e porriñesas por parte dun goberno que cada día demostra ser totalmente incapaz de cumprir coas súas obrigas”, denunciou o voceiro dos populares, Alejandro Lorenzo.

“Non se pode xustificar de ningún modo que a 1 de decembro nin se instalara o alumeado, cando o contrato está licitado e adxudicado hai tempo, conta con partida orzamentaria asignada e a obriga de estar en funcionamento dende o 1 de decembro ata o 6 de xaneiro”, explicou Lorenzo, “Se o motivo é que os cartos se gastaron noutras cousas, deberían asumir a súa responsabilidade”.

Os populares concluíron, urxindo ao Goberno Municipal a pensar na cidadanía e nos grandes perxudicados pola súa desidia, o comercio e hostalería local. “O apagón que impoñen non só deixa a escuras as nosas rúas e prazas, tamén apaga a ilusión dos pequenos e pequenas do Porriño, de todos os que queren vivir a súa vila e a posibilidade de remontar dos nosos comerciantes e hostaleiros neste momento tan díficil que atravesan”, lamentou Lorenzo invitando ao Goberno Municipal a recapacitar “e cumprir a súa obriga, máis alá de intereses partidistas e pugnas internas, teñen o deber de promover o comercio local e dinamizar á hostalería. Non facelo non é un unha opción, os porriñeses e porriñesas pagámoslle para que o fagan”.

Aberta a inscrición para participar na Feira de Artesanía de Nadal no Concello de Redondela

0

Imaxe de arquivo da presentación da programación de Nadal

O Concello de Redondela vén de anunciar a apertura do prazo de inscrición para participar na tradicional Feira de Artesanía do Nadal, que se desenvolverá na contorna da Alameda Castelao (rúa Ribeira) os días 17, 18 e 19 de decembro.

As persoas físicas presentarán as solicitudes no Rexistro de entrada do Concello de Redondela e as persoas físicas, obrigatoriamente, deberán facelo a través da administración electrónica, debendo proceder á sinatura da solicitude a través dos mecanismos admitidos na sede electrónica (https://redondela.sedeelectronica.gal). En ámbolos dous casos, o prazo de presentación de solicitudes remata o día 9 de decembro.

As bases, polo miúdo, poden ser consultadas na páxina web do Concello de Redondela onde se detalla a documentación precisa e demais datos de interese para as artesás e artesáns que queiran participar.

“Tentamos, cada ano, potenciar esta cita coa artesanía”, afirma a alcaldesa Digna Rivas, quen lembra que esta cita “cumpre un dobre obxectivo”. Por unha banda, explica “ofrece as nosas artesás e artesáns un escaparate idóneo para amosar o seu bo facer e o porqué a marca Artesanía de Galicia ten cada día máis aceptación”, por outra, continúa a rexedora local “contribúe á animación das rúas co que iso leva de dinamización do comercio local e o sector da hostalaría, sobre todo nestas datas de Nadal”.

O Museo designa co nome de Castelao o maior edificio da institución

A Deputación de Pontevedra puxo en valor a figura de Castelao como unha das figuras máis importantes da historia de Galiza e do Museo de Pontevedra en particular. E fíxoo oficializando o nome de ‘Edificio Castelao’ co descubrimento dun rótulo na fachada do inmoble máis grande e relevante dos que posúe a institución museística na cidade. Segundo dixeron tanto a presidenta Carmela Silva como o vicepresidente César Mosquera deste xeito “dáselle a Castelao a relevancia que merece” e “corríxese unha inxustiza histórica” coa figura do autor rianxeiro.

O acto institucional, centrado na descuberta do deseño do novo nome no exterior do inmoble, completouse logo no interior coa apertura ao público da exposición ‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921’ e a entrega ao público asistente dunha edición especial do ‘Álbum Nós’. Esta foi impulsada pola Deputación e a editorial Galaxia para conmemorar a adquisición do orixinal desta obra por parte do Museo a principios deste ano, dende cando está en exposición permanente.

 “Hoxe estamos a vivir un día histórico” afirmou a presidenta da Deputación de Pontevedra. “É de xustiza, un acto de memoria e de lóxica que este edificio do Museo de Pontevedra leve o nome de Castelao porque non poderiamos entender o Museo sen a súa obra ao igual que tampouco a Castelao sen este Museo”. Referiuse así Carmela Silva a quen foi un dos fundadores do Museo e membro do seu Padroado e no que, con 2.000 pezas orixinais, atópase a maior colección sobre “este xenial caricaturista, debuxante, pintor, gravador, ilustrador, escenógrafo, novelista, etnógrafo, autor teatral, ensaísta e político”.

Tamén puxo o aceno a presidenta en que “non podía haber mellor forma de poñer o nome Castelao a este edificio que facelo inaugurando a mostra “Castelao en Europa. A Viaxe de 1921”, que serve de conmemoración do centenario da viaxe polo continente do autor  e detalla  “as experiencias que viviu e que tan fonda pegada deixaron nel”. Ademais Carmela Silva quixo aproveitar a ocasión para enxalzar o “compromiso, esforzo, bo facer e profesionalidade” da comisaria, Ángeles Tilve, que “seleccionou con agarimo e como non podía facer ningunha outra persoa todas as pezas que integran esta mostra”.

O vicepresidente César Mosquera destacou que a denominación do ‘Edificio Castelao’ “dá forma á reparación dunha inxustiza histórica” e “dálle a relevancia que merece” ao escritor rianxeiro, figura chave na historia de Galiza e do Museo de Pontevedra. O nacionalista sinalou, nunha intervención moi reivindicativa, que podía ter sido entendible que durante o franquismo non se recoñecera o papel merecido de Castelao, mais subliñou que “agardar ata 2021 para darlle o seu nome a un inmoble do Museo foi un erro que quitou potencia tanto ao Museo como á figura do propio Castelao”.

“Esta nova simbiose entre Pontevedra-Castelao-Museo é beneficiosa e aumentará a proxección de todas as partes”, abondou, criticando antigas resistencias, titubeos e voltas dende a inauguración do inmoble en 2013 á hora de apostar por poñer en valor unha figura tan singular e referente. Lembrou que incluso a propia Xunta de Galicia outorgou sen problemas nin oposición o nome de Castelao ás medallas que cada ano distinguen ás persoas máis salientables do país.

Pola súa banda, o director Xosé Manuel Rey salientou na súa intervención que pechar o ano expositivo do Museo de Pontevedra coa mostra ‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921’ “é un motivo de ledicia e satisfacción. E que a súa programación coincida coa instalación da rotulación que oficializa o nome de Edificio Castelao para o último dos edificios do Museo faino aínda máis emotivo e especial. Sen dúbida permite recoñecer a enorme transcendencia que Castelao tivo na conformación da nosa identidade como país e a súa relevancia para este museo, que custodia a maior parte do seu excelso legado”.

Exposición ‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921’

A comisaria da exposición ‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921’ Ángeles Tilve explicou que a mostra xorde para poñer en valor aínda máis a figura do artista e conmemorar o centenario da viaxe formativa que, pensionado pola Junta para la Ampliación de Estudios,  fixo Castelao de xaneiro a outubro de 1921 por Francia, Bélxica e Alemaña. Poderase contemplar desde hoxe 2 de decembro de 2021 ata o 23 de xaneiro de 2022.

A exposición estrutúrase en tres grandes bloques, un por cada unha das etapas do percorrido seguindo o desenvolvemento do Diario de viaxe do autor, un extraordinario caderno manuscrito ilustrado, cuxo orixinal se conserva no Museo. Nel, explicou Tilve, Castelao anotou detalladamente as súas impresións, comentarios e reflexións persoais sobre a arte e os artistas que viu nos museos europeos, nas numerosas exposicións que visitou e nas actividades culturais de todo tipo ás que asistiu durante eses nove meses; tamén as súas vivencias e as súas cavilacións éticas, relixiosas e políticas.

Na mostra exhíbense máis de 250 pezas entre as que, ademais do orixinal do Diario e as reproducións ampliadas dos máis de un cento de debuxos, fotografías, tarxetas postais, recortes e impresos diversos que o artista intercalou no texto, se atopan tamén outros materiais complementarios como os documentos relacionados coa tramitación administrativa da pensión, correspondencia persoal neses meses, numerosos libros e catálogos que adquiriu nas diferentes cidades que visitou e unha selección de fotografías de algunhas obras de diversos autores que aparecen amplamente comentadas no Diario.

Igualmente móstranse diversos debuxos, apuntamentos e estudos orixinais realizados por Castelao durante este período, algúns deles inéditos, e outras obras moi significativas da súa produción posterior que, conservadas no Museo de Pontevedra e noutras institucións e coleccións particulares, revelan o grande impacto desta transcendental viaxe que permitiu ao artista analizar de forma directa tanto a tradición artística como as vangardas europeas contemporáneas e que propiciaría cambios significativos na súa evolución artística e literaria, na conformación da estética nacionalista e na súa consolidación como guía e inspirador de iniciativas esenciais para o avance da arte e a cultura galegas.

Certame de Microbeléns en Sabarís

0

A Concellería de Cultura do Concello de Baiona, xunto coa asociación de empresarios de Sabarís, Coemsa, organizan un certame de Microbeléns.

A finalidade deste certame é potenciar as artes plásticas e as manualidades, incentivar a creatividade, así como conservar as nosas tradicións e fomentar as actividades en familia.

O tamaño do belén non poderá exceder de 30×60 centímetros, e todos os traballos presentados a concurso estarán expostos do 17 de decembro de 2021 ao 9 de xaneiro de 2022 no edificio multiusos Mercado de Sabarís.

Establécense as seguintes categorías; microbelén máis orixinal, microbelén máis laborioso, e microbelén máis popular. Este certame compleméntase coa categoría Belén familiar en domicilio particular,o cal terá un tamaño libre, estando prevista unha visita guiada aos beléns máis destacados.

A inscrición para participar,  realizarase na  Oficina  de  Rexistro  do  Concello ou a través da Sede Electrónica e o prazo de inscrición estará aberto ata o 10 de decembro de 2021, cubrindo o correspondente formulario xunto co DNI.

Máis información na Concellería de Cultura do Concello de Baiona, no teléfono 986385921, ou na asociaciónde empresarios Coemsa.

O pavillón municipal de Cabeiro acolle, este sábado, o IV Torneo de Esgrima Histórica ‘Vila de Redondela’

0

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Deportes que xestiona Nacho González e a Sala Viguesa de Escrima Antigua (SVEA), presentaron na mañá de onte na Casa do Concello o que será o IV Torneo de Esgrima Histórica ‘Vila de Redondela’, actividade que, dende o seu inicio, conta cada día con maior aceptación por parte do público ao tratarse dun espectáculo moi visual, dinámico e entretido.

O torneo, que ten a entrada libre e gratuíta, desenvolverase entre as 11 horas e as 20:30 horas e, ao longo dese tempo, espectadoras e espectadores poderán ser testemuñas de combates medievais e renacentistas e exhibicións de artes marciais históricas europeas, un estilo de loita que nada ten que envexar ás artes marciais orientais como o kung fu, karate, muay thai ou judo.

A alcaldesa de Redondela, quen na presentación estaba acompañada polo concelleiro de Deportes, Nacho González e o presidente da Sala Viguesa de Esgrima Antigua, Damián Troncoso Saavedra, agracedeu a “implicación e compromiso” da SVEA con Redondela ao converter ao municipio “nunha cita obrigada para os amantes desta espectacular disciplina deportiva”.

Digna Rivas animou á veciñanza a achegarse ao pavillón de Cabeiro “onde, os que xa coñecen este torneo gozarán co mesmo e aquelas persoas que nunca o presenciaron, a bo seguro que levarán unha sorpresa máis que agradable e ‘engancharanse’ á esgrima histórica”.

As obras na estrada de Puxeiros en Mos darán comezo cando o Concello asine o convenio

0

A Deputación de Pontevedra xa está en disposición de asinar o convenio co Concello de Mos para a licitación das obras do primeiro dos catro tramos para reformar a estrada provincial EP-2601 Mos-Puxeiros, de acordo co pactado cos responsables municipais e respondendo así  a unha demanda histórica dos veciños e veciñas da zona. O convenio xa foi remitido ao concello mosense e a Deputación queda á espera de que o goberno municipal certifique a aprobación do mesmo para proceder a súa sinatura. A Deputación invita ao Concello de Mos a comunicar á veciñanza que a institución provincial xa ten entregado o documento no consistorio co que agora só depende da axilidade na tramitación municipal para que se poidan empezar as obras.

O proxecto técnico para este primeiro tramo ten un orzamento de 446.545 euros, dos que a Deputación farase cargo dun 70% (312.582 euros) e o Concello do 30% restante (133.963 euros). Esta primeira fase abrangue dende o comezo da vía (PQ o+020) ata o PQ 0+600, coincidindo coa afectación do Camiño de Santiago. Na marxe dereita deste tramo atópase o acceso ao paseo fluvial e ao parque infantil e na marxe dereita está a igrexa de Santa Eulalia, a entrada ao albergue para as persoas que peregrinan e o aparcamento e parque do pazo de Mos. Trátase, por tanto, dunha zona cunha forte presión peonil á que dará resposta esta actuación enmarcada no modelo de mobilidade integral, sostible, segura e coas persoas como prioridade que ven aplicando a Deputación na súa rede provincial de estradas.

As obras reforzarán a prioridade de paso para os viandantes coa execución dunha senda de 2,5 metros de ancho mínimo dende a intersección do Camiño de Santiago resolvendo tódalas conexións cos equipamentos públicos. Ordenaranse, por tanto, tódolos espazos e renovaranse os pavimentos. A circulación rodada suavizarase coa colocación de redutores de velocidade e tres pasos de peóns sobreelevados para garantir a permeabilidade peonil.

A Deputación, que abordará a transformación total deste trazado de 5.678 metros en catro fases ante a súa envergadura, espera contar coa lealdade institucional e coa colaboración do Concello de Mos en base ás condicións acordadas. De feito, a institución tamén remitiu a Mos a planimetría do segundo tramo, na parroquia de Dornelas, para que o goberno municipal inicie canto antes a tramitación da necesaria cesión de terreos. A Deputación xa ten practicamente rematado o proxecto desta segunda fase, polo que agora só se está pendente da disponibilidade deses terreos para elaborar o segundo convenio. Os dous tramos seguintes desenvolveríanse ao paso da estrada polos núcleos de Torroso e Tameiga, seguindo o cronograma acordado e sempre que o Concello acompañe no cumprimento das xestións de competencia municipal.

Nos últimos seis anos, a institución provincial xa realizou obras de mellora da sinalización, instalación de pavimento de alta adherencia e pasos de peóns elevados na EP-2061, todas elas enmarcadas dentro do plan provincial Móvese. O resultado é que a sinistralidade nesta vía reduciuse ata un 65% con respecto ao período anterior.

A singularidade dos montes veciñais de Ponteareas, protagonista do traballo de Damián Copena gañador do VIII Premio Fermín Bouza Brey

“As comunidades de montes de Ponteareas están vivas e activas a pesar dos riscos e dificultades e dunha traxectoria histórica complicada. Son axentes fundamentais dentro da dinamización das parroquias e cumpren unhas funcións únicas dende o punto de vista social, ambiental e económico”. Así salientaba a singularidade dos montes veciñais da vila o ponteareán Damián Copena, profesor de Economía na Universidade de Oviedo e gañador do VIII Premio Fermín Bouza Brey durante a presentación no salón de plenos do Concello do seu traballo ‘Manexo comunitario dos recursos naturais: pasado, presente e futuro dos montes veciñais en man común de Ponteareas’.

Copena fixo fincapé ante un numeroso público na singularidade dos montes veciñais de Ponteareas, recollida no seu traballo, realizado cunha metodoloxía ampla e transversal e analizando este sector desde distintos campos, como o económico, o social ou o ambiental. O autor fixo un percorrido pola historia dos montes ponteareáns e a súa relevancia, sobre todo como un elemento importante na agricultura tradicional galega.

“Os nosos montes son recursos de uso común xestionados mediante acción colectiva moi importantes tanto territorial como superficialmente, con grandes cambios no últimos anos cun proceso de recuperación no que continuaron camiñando cara a adiante desenvolvendo novos aproveitamentos”, recalcou. O investigador destacou que “temos por diante un futuro complexo e incerto para o que temos que estar preparados dende as comunidades locais para ter maior resiliencia e que as comunidades de montes poidan manterse ao longo do tempo e sobrevivir aos problemas que poidan vir a curto e medio prazo”.

O obxectivo de Damián Copena é realizar unha publicación científica nunha revista de interese internacional no que se poñan as comunidades de montes veciñais en man común de Ponteareas como un caso de estudo de relevancia a ter en conta “fóra das nosas fronteiras”.

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, foi a encargada de presentar ao gañador deste premio de investigación e destacou o labor de Copena como “un grande especialista nos montes veciñais”. “Para a nosa vila ten moitísima importancia este traballo tan espectacular e rigoroso,  unha investigación cun gran mérito, xa que se trata dun tema pouco estudado”, salientou. A rexedora quixo ter unhas palabras tamén para o labor do anterior alcalde, Xosé Represas, que “sempre amosou un grande interese polos montes de Ponteareas”.

Durante o acto, o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, fixo referencia á importancia do premio Fermín Bouza Brey para coñecer a historia de Ponteareas. Ademais destacou a notable dotación económica do galardón, 3.000 euros, e fixo un breve percorrido polas oito edicións deste premio, que permite “visibilizar traballos e estudos relevantes con base científica, rigorosos e aplicábeis á mellora do noso día a día”. O edil quixo tamén agradecer a participación de todos os membros do xurado.

A Xunta colabora con Crecente e Arbo para corrixir impactos paisaxísticos

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, está a colaborar coa posta en valor de elementos patrimoniais de titularidade municipal nos concellos de Arbo e Crecente ao abeiro da nova orde de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos.

Deste xeito, o Concello de Arbo beneficiouse dunha achega de 9.030 euros para a posta en valor do lavadoiro de Barcela, no Cruceiro, mentres que Crecente dispón dunha axuda de 7.000 euros para a restauración da fonte-lavadoiro de Pereiro de Fernández, emprazada na parroquia da capital municipal. De xeito global, a Xunta concedeu máis de 16.000 euros a estes concellos da bisbarra da Paradanta, unha contía que supón o 70% do custo de cada investimento.

Ambas actuacións teñen que estar rematadas, segundo as bases desta nova convocatoria, impulsada polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), antes do vindeiro 31 de decembro, polo que os traballos foron supervisados na xornada de hoxe polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polos alcaldes de Crecente e Arbo, Julio César García-Luengo e Horacio Gil, e do xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González.

Lavadoiro en Arbo

“A Xunta segue a colaborar de xeito global e transversal cos concellos en todas as súas necesidades e competencias, especialmente con aqueles de ata 20.000 habitantes, que teñen menos posibilidades económicas, e por iso impulsamos esta nova liña, que pretende corrixir impactos paisaxísticos negativos, mellorar a imaxe da comunidade e apostar polo ‘fermosismo’ para seguir construíndo a Galicia do futuro”, detallou o representante autonómico.

Esta nova liña de axudas, estreada o pasado mes de setembro, esgotou o seu orzamento de 800.000 euros e está a beneficiar a 64 municipios de toda a rexión, dos que 13 pertencen á provincia de Pontevedra cunha achega global de 133.000 euros. Así, ademais de Arbo e Crecente, tamén recibirán axudas desta convocatoria os municipios da Lama, Agolada, Oia, Rodeiro, Cambados, Valga, Moraña, Tui, Dozón, Fornelos de Montes e Salvaterra do Miño.

Gondomar logra a colaboración da Xunta na limpeza de leiras delimitadas no plan municipal de prevención de incendios

0

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, reuniuse co director xeral de defensa do monte da Xunta, Manuel Rodríguez, e o director da empresa pública SEAGA, Pablo Arbones, para concretar os prazos e medios que se empregarán na limpeza de parcelas incluídas dentro das faixas secundarias de xestión de biomasa dos núcleos definidos no Plan municipal de prevención y defensa contra incendios forestais de Gondomar.

Estes traballos enmárcanse dentro do convenio ao que está adscrito o concello de Gondomar, asinado pola Xunta de Galicia, SEAGA e FEGAMP, polo que a administración autonómica, tras o acordo alcanzado, executa de forma subsidiaria a limpeza daquelas parcelas que, finalizado o prazo legal, non procederon á limpeza dos terreos na data estipulada por la Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Paco Ferreira congratulouse ante a resposta do goberno galego facendo fincapé “na importancia que a colaboración entre administracións á hora de atender as necesidades ou demandas da poboación e o territorio” e nese senso agradeceu o interese amosado pola Xunta ante a demanda do goberno local.

Lembrou que estes traballos que, previsiblemente comenzarán nas vindeiras semanas “son fundamentais para previr os incendios e, sobre todo, os danos naturais, materiais ou mesmo humanos que puidesen orixinar” e engadiu “que por iso toda implicación e axuda sempre son fundamentais”.

Traballos de limpeza

Na reunión, á que tamén asistiu o concelleiro de Medio Ambiente, Brais Misa, o director xeral de defensa do monte explicou que se actuará sobre un total de 300 hectáreas -algo máis de 3000 parcelas-, que suporá unha inversión de preto de 900.000 euros. Expuxo que serán firmes na execución subsidiaria da limpeza de terreos sirva para concienciar á veciñanza e lograr a súa colaboración para que asuman a importancia de cumprir a lei e manter as faixas secundarias de biomasa limpas.

O Concello de Tui edita unha guía de apoio e consulta con recursos e contactos dirixida ás mulleres

0

“Mulleres. Coñecendo o seus dereitos e recursos” é o título da guía presentada onte á tarde na Sala de Exposicións Municipal, no edificio  Francisco Sánchez – Área Panorámica, dentro das actividades organizadas polo Concello de Tui en torno ao 25N. Foi financiada pola Deputación de Pontevedra dentro do programa Maruxa Mallo.

A concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, e a autora e coordinadora da guía, Laura Seara, foron as encargadas da presentación desta publicación que está xa accesible en formato impreso, así coma en dixital accesible na web municipal www.tui.gal.

A Guía foi elaborada co propósito de difundir os dereitos das mulleres así como recursos, programas específicos e servizos de información e de asistencia ás mulleres. Co mesma dase amais resposta á demanda de información detectada na elaboración do III Plan Municipal de Igualdade. Este publicación é unha ferramenta de apoio e consulta para as mulleres, sendo amais un material de apoio para as persoas que traballan no eido municipal ou da saúde, os servizos sociais, a educación, a seguridade ou ao emprego. A información da Guía é  útil para toda a cidadanía, aínda que as principais destinatarias sexan as mulleres.

A concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, sinalou na presentación que “cando as mulleres dispoñen da información precisa sobre os seus dereitos, programas, plans e servizos, abren unha porta ao empoderamento e á liberdade. Destacou amais a importancia deste material de cara a acadar a igualdade entre homes e mullere indicando que “aínda podemos atopar diversas formas de discriminación que afectan maioritariamente as mulleres polo simple feito de selo e que se manifestan en forma de fendas económicas, sociais, culturais, dixitais e a través da máis brutal das desigualdades, a violencia de xénero”. Nesse senso afirmaba que “a información é o camiño á igualdade”.

Laura Seara afirmaba na presentación que “o obxectivo da guía é saber a onde dirixirnos” engadindo que “é un recurso para que a muller estea informada”.

Ao longo de 85 páxinas e 5 capítulos “Mulleres. Coñecendo o seus dereitos e recursos” recolle os obxectivos do III Plan Municipal de Igualdade, e afonda nos dereitos laborais e de conciliación, os recursos e programas de emprendemento, e os enderezos e datos de interese.  

Nigrán arranca a programación cultural de Nadal este sábado

0

O Concello de Nigrán, despois do acendido deste venres ás 20:00 horas con Tony Lomba e Manuel Manquiña, arranca esta fin de semana coa programación especial de Nadal coa obra de sombras chinescas ‘Carolina Ultrasónica’ da Asociación Teatral Paso de Valverde (Arteixo) o sábado 4 ás 20:00 no Auditorio Municipal (público familiar). Ao día seguinte, domingo 5 ás 19:00 horas, o actor Avelino González ofrece o monólogo ‘Contos de contrabando’ (+ 12 anos).

‘Carolina Ultrasónica’ é unha peza de teatro que fusiona as videoproxeccións coas sombras chinesas nunha clave cómica e basada na ciencia ficción. Galicia, ano 2421. Carolina e o seu amigo alieníxena Pin viaxan xuntos polo espazo tendo mil aventuras. Nesta ocasión a sua misión será recuperar a fonte de enerxía vital para a Terra que o malvado interespacial Rodas Tolas roubou en Nova Compostela. Para iso viaxará por distintos planetas para atopar as pistas que aos levarán ata o famoso criminal. Será capaz Carolina de recuperar a pedra máxica? Ou escachará o seu vello cohete no camiño?

Pola súa banda, o domingo o actor, narrador, traductor e director de teatro Avelino González ofrece un monólogo a base de contos e anécdotas de Nigrán, fantásticos e reais. “Nigrán é un lugar fantástico. O que temos máis perto é o que menos nos chama a atención. Normal, pásanos a todos. En Nigrán hai unha cidade asolagada, hai un dragón e unha serea. As sereas, por certo, son bailadoras. Bailar é bonito porque alegra o corpo. Se o corpo está alegre alégrase o corazón. E co aniño que levamos, ben vén botar un baile, aínda que sexa por vía oral… Mentres non poidamos botarlle un agarrado!. É que pasan máis cousas en Nigrán que en toda Nova Iorque (proporcionalmente!)”, sinala Avelino.

O Rosal, sen sanidade

0

A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal, en colaboración co Concello, convocan para o vindeiro mércores 8 de decembro ás 12.00 horas unha concentración para denunciar a actual e precaria situación da atención primaria no municipio, que foi quedando sen servizos cos que prestar unha asistencia sanitaria digna e de calidade a toda a veciñanza.

Nestes intres a falta de persoal e de cobertura de baixas e vacacións deixou ao centro de saúde do Rosal sen ningún médico de atención primaria, polo que non están abertas as axendas e non se pode solicitar ningunha cita médica. Esta realidade fai que no centro de saúde soamente se atendan urxencias con médicos de garda que van cambiando cada xornada. “Xa non estamos a falar dunha demora nas citas dunha media de 20 días, como viñamos tendo, senón que agora os rosaleiros e rosaleiras xa non teñen atención primaria, porque non poden pedir unha consulta”, destaca a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís.

Outra das carencias do servizo sanitario está na falta de matrona e de pediatra, que se desprazou á Guarda de forma temporal pola crise sanitaria e que aínda non se recuperou. O mesmo ocorre co consultorio de San Miguel de Tabagón, pechado pola Consellería de Sanidade dende comezos da pandemia sen perspectiva de que se lle dote do persoal e do material necesarios para reactivar a súa actividade.

“O Rosal está sen persoal sanitario, sen citas médicas en atención primaria, sen pediatra, sen matrona, sen San Miguel… estamos sen sanidade. É unha situación inaceptable, porque este deterioro grave do servizo está a poñer en grave perigo a saúde da veciñanza”, salienta a rexedora.

Nigrán acenderá o alumeado de Nadal mañá venres

0

O inconfundible dúo de artistas Manuel Manquiña e Tony Lomba protagonizarán este venres 3 de decembro o acendido do alumeado de Nadal ás 20:00 horas na Praza do Concello de Nigrán. Despois de que representantes de ‘Un Nigrán para todos’ e do Consello de Participación Cidadá preman o interruptor das luces cantarán e farán cantar para que sexa unha velada inesquecible: “porque cando eles se xuntan…o escenario sorrí”. Ademais, durante o concerto as mochilas vibratorias estarán a disposición das persoas xordas que queran empregalas.

O evento marca o inicio da programación cultural e de ocio do Concello ata o día de Reis, con máis de 50 actividades diferentes prácticamente a diario prestando especialmente atención ao público familiar. A maiores, e como cada ano, desenvolverase a ludoteca durante as vacacións escolares no CEIP Humberto Juanes para permitir a conciliación familiar e a un prezo simbólico de 10 € (a inscrición permanece aberta ata o día 9).

“O venres no propio acendido presentaremos a programación polo miúdo pero basicamente tratamos de chegar a todos os gustos e todos os públicos”, indica o alcalde, Juan González (será pendurada nas redes sociais e na web municipal).

Así, este mesmo sábado 4 ás 20:00 horas terá lugar a obra de sombras chinescas ‘Ultrasónica’ da compañía Paso de Valverde (Arteixo) no Auditorio; mentras que o domingo 5 ás 19:00 será o monólogo de Avelino González ‘Contos de contrabando’, o luns 6 a proxección do documental Negro Púrpura (20:00 h) e o martes 7 a proxección da curtometraxe de Aaron Siebert ‘Elas’ (20:00 horas). E así practicamente cada día.

En resumen, haberá teatro afeccionado os fins de semana dentro do convenio con Fegatea, roteiros guiados polo municipio cada semana, carteiro real e paxe real que percorrerán todas as parroquias ou tradicionais probas deportivas como a carreira popular San Silvestre o 31 de decembro ou a dos Arroases do Val Miñor o día 26 de decembro (a maiores estrearase un ciclocross o 12 den Porto do Molle). Como novidade, ofreceranse obradoiros de cociña para a infancia e de lettering ou papiroflexia. A música tamén será protagonista este Nadal co Space Ensamble adicado a filmes en colaboración coa Escola de Rock Paredes de Coura e a de Nigrán Gain Over o 12 de decembro ou o concerto de piano de Mayaka Nakawama o día 23 dentro do I Ciclo de Xóvenes Intérpretes, ademais do habitual baile para maiores o día 19.

A tradición galega máis popular nas Rías Baixas non faltará un ano máis o día 24 co desfile polo municipio a cargo de Santiago de Parada e cunha xuntaza de toda a comarca o 26 na Ramallosa. O personaxe de Nadal máis galego tamén virá a Nigrán: o Apalpador estará á tarde do día 25 na Asociación Cultural A Camoesa.

Ademais, a Biblioteca Municipal voltará a ser o escenario dunha exposición con ‘Kartoffel’, dos irmáns Trigo, desde o 10 de decembro, e no Auditorio Municipal, desde o día 17, estará a mostra de fotografías do IEM ‘Natureza no Val de Miñor’. Paralelamente, na Praza Rosalía de Castro desenvolverase un mercado invernal os días 17, 18 e 19.

“En resumen, ofrecemos unha ampla oferta de posibilidades para todos os públicos pero prestando especial atención ás familias porque o Nadal é unha época moi memorable para a infancia que, ademais, está de vacacións escolares”, incide o alcalde, Juan González.