19.3 C
Pontevedra
Xoves, 8 de Xuño de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaO Museo designa co nome de Castelao o maior edificio da institución

    O Museo designa co nome de Castelao o maior edificio da institución

    A presidenta Carmela Silva e o vicepresidente Mosquera descubriron o novo rótulo da fachada do ‘Edificio Castelao’ na rúa Pai Amoedo

    A Deputación de Pontevedra puxo en valor a figura de Castelao como unha das figuras máis importantes da historia de Galiza e do Museo de Pontevedra en particular. E fíxoo oficializando o nome de ‘Edificio Castelao’ co descubrimento dun rótulo na fachada do inmoble máis grande e relevante dos que posúe a institución museística na cidade. Segundo dixeron tanto a presidenta Carmela Silva como o vicepresidente César Mosquera deste xeito “dáselle a Castelao a relevancia que merece” e “corríxese unha inxustiza histórica” coa figura do autor rianxeiro.

    O acto institucional, centrado na descuberta do deseño do novo nome no exterior do inmoble, completouse logo no interior coa apertura ao público da exposición ‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921’ e a entrega ao público asistente dunha edición especial do ‘Álbum Nós’. Esta foi impulsada pola Deputación e a editorial Galaxia para conmemorar a adquisición do orixinal desta obra por parte do Museo a principios deste ano, dende cando está en exposición permanente.

     “Hoxe estamos a vivir un día histórico” afirmou a presidenta da Deputación de Pontevedra. “É de xustiza, un acto de memoria e de lóxica que este edificio do Museo de Pontevedra leve o nome de Castelao porque non poderiamos entender o Museo sen a súa obra ao igual que tampouco a Castelao sen este Museo”. Referiuse así Carmela Silva a quen foi un dos fundadores do Museo e membro do seu Padroado e no que, con 2.000 pezas orixinais, atópase a maior colección sobre “este xenial caricaturista, debuxante, pintor, gravador, ilustrador, escenógrafo, novelista, etnógrafo, autor teatral, ensaísta e político”.

    Tamén puxo o aceno a presidenta en que “non podía haber mellor forma de poñer o nome Castelao a este edificio que facelo inaugurando a mostra “Castelao en Europa. A Viaxe de 1921”, que serve de conmemoración do centenario da viaxe polo continente do autor  e detalla  “as experiencias que viviu e que tan fonda pegada deixaron nel”. Ademais Carmela Silva quixo aproveitar a ocasión para enxalzar o “compromiso, esforzo, bo facer e profesionalidade” da comisaria, Ángeles Tilve, que “seleccionou con agarimo e como non podía facer ningunha outra persoa todas as pezas que integran esta mostra”.

    O vicepresidente César Mosquera destacou que a denominación do ‘Edificio Castelao’ “dá forma á reparación dunha inxustiza histórica” e “dálle a relevancia que merece” ao escritor rianxeiro, figura chave na historia de Galiza e do Museo de Pontevedra. O nacionalista sinalou, nunha intervención moi reivindicativa, que podía ter sido entendible que durante o franquismo non se recoñecera o papel merecido de Castelao, mais subliñou que “agardar ata 2021 para darlle o seu nome a un inmoble do Museo foi un erro que quitou potencia tanto ao Museo como á figura do propio Castelao”.

    “Esta nova simbiose entre Pontevedra-Castelao-Museo é beneficiosa e aumentará a proxección de todas as partes”, abondou, criticando antigas resistencias, titubeos e voltas dende a inauguración do inmoble en 2013 á hora de apostar por poñer en valor unha figura tan singular e referente. Lembrou que incluso a propia Xunta de Galicia outorgou sen problemas nin oposición o nome de Castelao ás medallas que cada ano distinguen ás persoas máis salientables do país.

    Pola súa banda, o director Xosé Manuel Rey salientou na súa intervención que pechar o ano expositivo do Museo de Pontevedra coa mostra ‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921’ “é un motivo de ledicia e satisfacción. E que a súa programación coincida coa instalación da rotulación que oficializa o nome de Edificio Castelao para o último dos edificios do Museo faino aínda máis emotivo e especial. Sen dúbida permite recoñecer a enorme transcendencia que Castelao tivo na conformación da nosa identidade como país e a súa relevancia para este museo, que custodia a maior parte do seu excelso legado”.

    Exposición ‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921’

    A comisaria da exposición ‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921’ Ángeles Tilve explicou que a mostra xorde para poñer en valor aínda máis a figura do artista e conmemorar o centenario da viaxe formativa que, pensionado pola Junta para la Ampliación de Estudios,  fixo Castelao de xaneiro a outubro de 1921 por Francia, Bélxica e Alemaña. Poderase contemplar desde hoxe 2 de decembro de 2021 ata o 23 de xaneiro de 2022.

    A exposición estrutúrase en tres grandes bloques, un por cada unha das etapas do percorrido seguindo o desenvolvemento do Diario de viaxe do autor, un extraordinario caderno manuscrito ilustrado, cuxo orixinal se conserva no Museo. Nel, explicou Tilve, Castelao anotou detalladamente as súas impresións, comentarios e reflexións persoais sobre a arte e os artistas que viu nos museos europeos, nas numerosas exposicións que visitou e nas actividades culturais de todo tipo ás que asistiu durante eses nove meses; tamén as súas vivencias e as súas cavilacións éticas, relixiosas e políticas.

    Na mostra exhíbense máis de 250 pezas entre as que, ademais do orixinal do Diario e as reproducións ampliadas dos máis de un cento de debuxos, fotografías, tarxetas postais, recortes e impresos diversos que o artista intercalou no texto, se atopan tamén outros materiais complementarios como os documentos relacionados coa tramitación administrativa da pensión, correspondencia persoal neses meses, numerosos libros e catálogos que adquiriu nas diferentes cidades que visitou e unha selección de fotografías de algunhas obras de diversos autores que aparecen amplamente comentadas no Diario.

    Igualmente móstranse diversos debuxos, apuntamentos e estudos orixinais realizados por Castelao durante este período, algúns deles inéditos, e outras obras moi significativas da súa produción posterior que, conservadas no Museo de Pontevedra e noutras institucións e coleccións particulares, revelan o grande impacto desta transcendental viaxe que permitiu ao artista analizar de forma directa tanto a tradición artística como as vangardas europeas contemporáneas e que propiciaría cambios significativos na súa evolución artística e literaria, na conformación da estética nacionalista e na súa consolidación como guía e inspirador de iniciativas esenciais para o avance da arte e a cultura galegas.

    COLABORACIÓNS

    Pilar Pallarés, «Unha boa gatucada!»

    A primeira incursión de Pilar Pallarés na literatura infantil e xuvenil resultou ser unha grata sorpresa, unha colección de poemas (en realidade un longo poema narrativo fragmentado), que ten como protagonistas un grupo de gatos que conviven cunha humana.

    Aperitivos de hojaldre sin gluten

    Mayo es el mes de las personas celíacas. El día 16 se celebró el Día Internacional de la Enfermedad Celíaca y hasta este año, el 27 de mayo se celebraba en España el Día Nacional (este año nos unimos al resto de los países y lo celebramos el día 16).

    Ponteareas diante das eleccións (II): a Xeración do cambio, un recordo para que a Historia non se repita

    “De onde vimos? quen somos? onde imos?”. O título do cadro de Paul Gauguin e a letra da coñecida canción de Siniestro Total son interrogantes filosóficos que, aplicados ao mundano proceso electoral no que estamos inmersos, serven para lembrarnos que os procesos histórico-políticos son dinámicos e, polo tanto, teñen unha xénese no pasado que explica un presente que, á súa vez, condicionará o futuro decorrer dos acontecementos. A recente historia de Ponteareas non é unha excepción e, a poucos días das eleccións municipais, convén lembrala para non estar condenados a repetila.

    Ponteareas diante das eleccións (I): David contra Goliat e a utopía feita realidade

    Botando unha ollada atrás un non pode deixar de sorprenderse da rapidez coa que transcorre o tempo e a vida. Unha velocidade vertixinosa que tamén acompaña aos acontecementos e procesos sociais e políticos e que explica a facilidade coa que a sociedade pode esquecer tan axiña o seu pasado e, sobre todo, en política, ignorar de onde vimos, onde estamos e cara onde nos diriximos. Esquecemento dos que viviron eses procesos, mais tamén descoñecemento comprensíbel por razóns biolóxicas e xeracionais dos que daquela non naceran ou eran uns cativos.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    20 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    14 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    84 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    42 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    8 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS