Xoves, 23 Xaneiro de 2025

O Comercio de Chapela involúcrase de cheo nunha campaña solidaria para axudar ás familias da parroquia que máis o precisan

O recadado coa venda de rifas destinarase a unha ONG local que repartirá, entre as persoas máis necesitadas, vales compra de alimentos nun supermercado

Pese a ser un dos sectores máis maltratados pola crise derivada da pandemia da COVID-19, o comercio de Chapela vén de dar un paso ao fronte para axudar ás familias que peor o están pasando na parroquia. Un total de 91 establecementos, de todos os sectores, sumáronse sen dubidalo a unha iniciativa solidaria que permitirá que o Nadal chegue a todos e todas.

Cada establecemento puxo o seu gran de area para facer unha enorme cesta de Nadal –exposta en Mar Confort de Chapela– que veciñas e veciños terán a oportunidade de gañar a través da compra de rifas ao prezo case que simbólico de 50 céntimos.

A recadación que se consiga coa venda destas rifas irá destinada, na súa integridade, a unha asociación sen ánimo de lucro local que distribuirá ese diñeiro en forma en vales compra para alimentos nun supermercado.

A cesta solidaria a gañará a persoa que teña unha rifa co número que coincida coas catro últimas cifras do 1º premio do Sorteo de Nadal do 22 de decembro da Lotería Nacional.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que visitou aos comerciantes de Chapela para agradecerlles o que cualificou de “extraordinaria mostra de solidariedade”, salientou a importancia dunha iniciativa que “axudará as veciñas e veciños máis necesitados e que permitirá que o Nadal tamén chegue as súas casas”. Tivo palabras de agradecemento para Yoli, Andrea, Isa, Yolanda e Esther “empresarias todas elas que foron quen de poñer en marcha unha iniciativa que fala moito da súa forma de ser e da súa calidade humana”.

A rexedora local, fixo fincapé no “exemplo” que da esta iniciativa “que parte dun dos sectores, xunto coa hostalaría, máis duramente golpeados pola crise derivada da pandemia da COVID-19, que tiveron que pechar as portas dos seus establecementos, que precisaron de reinventarse para sobrevivir e agora, lembrándose deses momentos, tenden a man ás familias que máis o necesitan”. “Chapela ten un comercio para estar orgullosos e orgullosas”, concluíu Digna Rivas.

Os nomes da solidariedade

Diamond Lavado, Bar Los Amigos, Floristería Vidal, Talleres Redovigo, Restaurante Pinales, Bar Varayar, Agro Chapela, La Torta Chapela, Peluquería Disoleil, Construcciones Castro, Ana Escudero, Viguesa de Alfombras, Olímpio, Autoestuela Roda, Librería Acuario, Meraki, As Túas Causas, 24 Horas Chapela, Froiz Chapela, Pastelería Pili, Cafetería Enigma, Agencia de Seguros Ases, Peluquería Andrea Alonso, Eiki Cafetería, Chola y Manu, Fisioterapia Natura, Loli Pereiro, Café Bar Perry’s, Zuo Yuang, Centro Estética MJ, Secreto Digital, Sofás Mar Confort, Faro de Vigo, Hostal Bahía de Chapela, Neumáticos Roni, Compra venta de coches Chapela, Reparto Pan Isa, Las Cositas de Rouss, Piscinas de Atlántico, Bar Cruceiro, Bar Lúa, La Pelu de Lara, Bacalaos Iglesias, Ortopedia del Automóvil, Talleres Neda Motor, Rectificados Chapela, Peluquería Alejandra Durán, Bar Piñeiro, Centro Veterinario Rías Baixas, Modas Marisa, Bar Nando, Ferretería Norio, Cafetería Baiuca, Terra Nai, Peluquería Marcos Atrio, Kiosko Chapela, Casa Cándido, Bazar Chapela, D’María, Kima Bay, Fians, Marina Huarte, Asesoría Vigo, Floristería Arealonga, Escarnabois Artesanía, La Nube, Frutería Gómez, Rochas Pan, Bar D’Otero, Cafetería Don Carlos, Eco Numar, Cantina CCR Chapela, Lamparilla de Oro, Mapfre, Viaxes 500 Millas, Frutería Manzano, RTV Álvarez, Droguería Chévere, Panadería Mazaroca, Felipe Alonso, Depesca, La Valeria, Peluquería Nuevas Ondas, Lis, Peluquería Leti’style, Ferretería Chapela, Peluquería Loli Barbará, Repainox, Casa Rei, Restaurante A Chavola, Pescanova.