Máis de cincocentas persoas manifestáronse onte sábado, 4 de decembro, en Covelo para reivindicar unha sanidade pública de calidade, universal e, por extensión, que se garanta un dereito básico a todas as persoas independentemente do nivel de ingresos.
A maior parte da asistencia estaba formada pola propia veciñanza do municipio, aínda que tamén asistiron persoas dos concellos do Condado en solidariedade coa situación de abandono do servizo de saúde en Covelo, onde pasaron de dispor de dúas prazas de medicina de familia e unha pediatra a un médico e ter que desprazarse a Mondariz ou Ponteareas para as consultas de pediatría.
A manifestación foi convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado, atendendo á demanda de veciñas de Covelo, quen se encargaron da difusión da convocatoria a nivel local. Para asistir a manifestación desde os concellos do Condado organizouse unha caravana de coches con saída desde o centro de saúde de Ponteareas e pasando por Mondariz.
Ao final da manifestación o portavoz da plataforma salientou que “con este modelo de sanidade só teñen acceso a unha sanidade de calidade quen a poida pagar. Como consecuencia, a esperanza de vida de moitas persoas é menor só polo feito de ser pobre. Con este modelo só gañan as empresas privadas dedicadas á sanidade.”
Ademais, a plataforma fixo un chamamento para seguir mobilizándose na defensa da sanidade pública, como único camiño para impedir a perda dun dereito e dun servizo básico, alentando á cidadanía e aos colectivos comprometido co ben común a participar e colaborar nas actividades da plataforma, e animando a asistir as súas asembleas abertas.