11.6 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación retoma o programa Depotermal

    A Deputación retoma o programa Depotermal

    Despois de dous anos de ausencia pola pandemia, o programa volve con forza para fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas beneficiarias

    A Deputación de Pontevedra volverá no 2022 co seu programa estrela de termalismo social “Depotermal”. A iniciativa, unha das de maior participación da programación provincial, retoma a súa actividade despois de dous anos de parón pola pandemia e ofrecerá o próximo ano un total de 4.434 prazas tanto en réxime de asistencia diúrna como de pernoita. O goberno ven de aprobar as bases do programa, que contará cun orzamento superior aos 100.000 euros, e que desde 2015 contou coa participación de  12.121 persoas de toda a provincia.

    O obxectivo de DepoTermal é fomentar o avellentamento activo e mellorar a calidade de vida das persoas beneficiarias, establecendo novas relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, por medio de movementos de participación e cooperación social que promovan espazos de encontro e intercambio de experiencias co fin de evitar o illamento e as situacións de soidade que poidan levar á vulnerabilidade.  Por outra banda, amais de facilitar o acceso ao turismo de saúde, serve tamén como plan dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, ao desestacionalizar a demanda.

    O próximo ano  a Deputación ofertará 1.248 prazas para a opción de asistencia diúrna a balnearios, talasos ou spa durante 5 mañás ou tardes consecutivas. 186 das prazas serán reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social que a Deputación subvencionará con 107,10 euros por praza, mentres que no caso das 1.062 restantes subvencionará un máximo de ata 53,5 euros en función da renda. Doutra banda, o programa termal con pernoita e réxime de pensión completa, de domingo a venres, contará con 3.186 prazas, das que 124 serán reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social. Nese caso a Deputación subvencionará 280,73 euros por praza.

    Poderán beneficiarse da iniciativa as persoas empadroadas na provincia e nacidas antes do 1 de xaneiro de 1972, as que teñan a condición de pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65%, que poidan valerse de maneira autónoma para as actividades da vida diaria. Tamén as persoas que non cumprindo estes requisitos precisen dun respiro familiar.

    Unha vez adxudicada a contratación a unha empresa especializada, publicarase a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e as persoas interesadas terán un prazo de 15 días para presentar a súa solicitude. Terán a súa disposición un formulario na web da Deputación que terán que cubrir e que poden presentalo electrónicamente ou presencialmente

    A Deputación ten tamén un rexistro de concellos adheridos ao plan, que como entidades colaboradoras facilitarán as persoas a realización dos trámites e axudas caso de poder optar a elas. Forman parte dese rexistro 53 concellos: Agolada, Arbo, Barro, Caldas, Cambados, Campo Lameiro. Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Pontevedra, O Porriño,  Portas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces, Vilagarcía e Vilanova.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.