8.9 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaAs Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo garanten o apoio á...

    As Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo garanten o apoio á prestación dos GES

    Piden á Xunta que se prorrogue por un ano o actual convenio e durante ese tempo consensuar, dende a lealdade institucional, un novo modelo para conseguir un servizo profesionalizado e cun sistema de contratación que se adapte á lexislación vixente

    As Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, A Coruña volveron garantir na reunión da comisión de seguimento dos GES celebrada este venres o seu apoio á prestación do servizo, así como a súa firme vontade de avanzar no deseño dun novo modelo de funcionamento. Subliñan que non se trata de poñer en cuestión o servizo, senón de mellorar o sistema de prestación.

    Os entes provinciais coincidiron en apostar pola substitución do actual modelo por outro que avance na profesionalización dos GES e que modifique o actual marco laboral do persoal. Neste sentido, na reunión propuxéronlle á Xunta de Galicia prorrogar por un ano o convenio actual, en vigor ata finais deste 2021, e durante ese tempo buscar e consensuar, dende a lealdade institucional, un novo modelo que garanta un servizo profesionalizado e que evite a fraude na contratación por parte dos concellos por mor do incumprimento da lexislación laboral, tal e como xa acreditan reiteradas sentenzas xudiciais. Estes ditames demostran que non é posible manter un sistema que leva a perpetuar vicios e irregularidades que se coñecen de antemán.

    Polo que respecta ao marco de financiamento, os representantes das Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo lembraron que as administracións provinciais duplicaron as súas contribucións porcentuais no período 2019-2021, polo que reclaman que o modelo non supoña novos incrementos. Neses anos, a contribución provincial pasou de significar o 20% do orzamento dos GES ata chegar a un 40%, mentres a Xunta reducía a súa participación do 60 ó 52%.

    Os tres entes provinciais reclamaron á Xunta que acabe cos intentos de imposición e que adopte unha actitude de diálogo porque todo convenio de colaboración leva implícito un acordo entre as partes. Tamén reclaman que o Goberno autonómico teña en conta a opinión e a vontade dos concellos, e que non tome decisións unilaterais.

    Neste senso, destacaron que a Xunta non explicou aínda por que o GES que estaba decidido crear en Baleira finalmente non se constituíu e, sen embargo, intenta impoñerllo á Fonsagrada, cando este Concello manifestou que non está en  disposición de acollelo. Do mesmo xeito, piden que se teña en conta a petición dos concellos de Folgoso de Courel e de Quiroga para manterse como sub-bases con 6 efectivos cada unha, así como o desexo de Ribas de Sil de contar con outra sub-sede na localidade.

    Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra lembrou o desexo de que o grupo de emerxencias do Grove se incorpore ó sistema GES en igualdade de condicións, como un GES completo de 12 membros.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.