Mércores, 4 Xuño de 2025

Un ano máis Mos Axuda no Nadal para que ningunha familia nin cativo mosenses perdan a ilusión navideña

0

Onte pola mañá tivo lugar na Axencia de Colocación ás 09.30 horas o acto de entrega por parte do empresariado mosense e demais entidades colaboradoras da súa colaboración na campaña solidaria municipal Mos Axuda no Nadal.

No acto estiveron presentes Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, representantes da directiva de AEMOS, representantes das empresas colaboradoras coa campaña, Sara Cebreiro, concelleira de Política Social e Igualdade, Julia Loureiro, concelleira de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego e voluntarios/as de Mos Axuda.

Arévalo, rexedora local mosense, aproveitou o encontro para agradecer encarecidamente o enorme apoio nesta campaña de AFAMSA, (doazón de lotes de alimentos), AVI (tarxetas para compra de alimento fresco en supermercados) DISGOBE (alimentos non perecedoiros e xoguetes), NORIBERICA (producto conxelado), NEXOTED (doazón económica) INDUSTRIAS AFINES (doazón económica para alimentos), AUTOS RIVADA (doazón económica para compra de agasallos) SERBAFER BATERÍAS (doazón económica para alimentos), MECOXI (doazón económica), IES DE MOS, (recollida de alimentos), ESCOLA INFANTIL TRASTES (recollida de alimentos e compra de xoguetes), TESIS GALICIA (lotes de productos para bebés e lotes de productos de navidad e alimentos non perecedoiros), PESCADERIA LUZ DE PEINADOR (subministro de peixe durante todo o ano), AEMOS (colaboración con xoguetes), PAZO DE MOS (entrega de alimentos no perecedoiros do Belén Solidario), PEÑA CELTISTA DE MOS, (compra de alimentos). Tamén se recolleron alimentos nos colexios públicos de Mos Ceip Atín, Ceip Mestre Martínez Alonso, Ceip Mestre Valverde Mayo, e Ceip Petelos. Ademais inscribíronse na campaña de compra de xoguetes algúns particulares.

Os produtos comestibles comezarán a repartirse esta mesma tarde grazas ao traballo dos/as voluntarios.

A campaña Mos Axuda de Nadal 2021 é unha campaña especial, debido á situación que viven moitas familias pola crise derivada da COVID-19.

A gran recollida de alimentos rematou o 20 de decembro. Dentro da campaña Mos Axuda no Nadal trabállase tamén desde fai anos no proxecto ‘Ningún nenx sen agasallo’. Esta iniciativa solidaria está promovida polo Concello de Mos en colaboración coa Asociación de Empresarios de Mos, para que ningún desexo dun neno/a este Nadal quede sen facerse realidade.

O listado de nenos/as é facilitado polo departamento dos servizos sociais de Mos e por suposto, os datos son totalmente confidenciais, polo que para mercar o regalo os colaboradores participantes reciben unha carta escrita polo neno/a beneficiario pero sen asinar, só identificada cun número de referencia. E o agasallo que pide na devandita carta debe ser depositado nas oficinas da Axencia de Colocación de Mos antes do 30 de decembro, indicando no paquete o número da carta asignada.

As corais tudenses San Telmo, Ponte das Febres e do Centro Sociocomunitario ofrecen hoxe o concerto de Nadal

0

As tres corais tudenses ofrecerán hoxe xoves,23 de decembro, ás 21.30 h o Concerto de Nadal no Teatro Municipal de Tui. As protagonistas deste evento musical serán a Coral San Telmo,  a Coral Ponte das Febres e a Coral do Centrosociocomunitario, que interpretarán cada unha delas cinco temas. Este evento forma parte da programación “Tui, o Camiño do Nadal”.

O evento contará con protocolo anticovid e para acceder ao patio de butacas será preciso certificado covid de contar coa pauta completa de vacinación, proba diagnóstica negativa,  ou de ter superado a enfermidade segundo a nova normativa que entrou en vigor o pasado sábado.

A Coral San Telmo baixo a dirección Celso Diego Martínez será a encargada de abrir o concerto. Comenzarán interpretando “Piensa la mula” de Carmen Martorel, continuando co tema popular venezolano “Mi burrito sabanero”, “Cativiño” de José Luis Reza, “Nadal en Luintra” con arranxos de Celso Diego, e rematarán con “Catro galegos a Belén” José Luis Reza.

Baixo a dirección de Rafael Pérez Dopeso a Coral Ponte das Febres abrirá a súa actuación con “Corre lixeira” de Angel Viro, para interpretar de seguido “Ave María” de  Giulio Caccini, o tema popular andaluz “Olé Olé”, “O neno dormía” de Antonio Paz Valverde e pechando co tema popular de Venezuela “Mi burrito sabanero”.

Por último a Coral do Centro Sociocomunitario de Tui, dirixida por David González Sobrino, interpretará en primeiro lugar “La Despedida – Habanera” de José Pagan, para continuar con “Seguindo unha estrela” de Javier Domínguez, xunto aos temas popular  “Noche de Paz” e “Despacito no hagáis ruido”. Rematarán coa panxoliña tradicional “O pelo roxiño”.

A entradas para este Concerto de Nadal pódense reservar gratuitamente en www.tui.gal até 10 minutos antes do comezo do concerto.

Programa do concerto

1º Coral San Telmo

  • Piensa la mula                        Carmen Martorel
  • Mi burrito sabanero              Popular Venezuela
  • Cativiño                                    José Luis Reza
  • Nadal en Luintra                     Arreglos: Celso Diego
  • Catro galegos a Belén            José Luis Reza

2º Coral Ponte das Febres

  • Corre lixeira                            Angel Viro
  • Ave María                               Giulio Caccini
  • Olé Olé                                    Popular Andalucía
  • O neno dormía                       Antonio Paz Valverde
  • MI burrito sabanero              Popular Venezuela

3º Coral Centro Sociocomunitario

  • La Despedida – Habanera        José Pagan
  • Seguindo unha estrela             Javier Domínguez
  • Noche de Paz                             Popular alemá
  • Despacito no hagáis ruido       Popular andaluza
  • O pelo roxiño                             Panxoliña tradicional

Ponteareas convoca por primeira vez subvencións para as entidades que realizan eventos deportivos na localidade

Ponteareas acolleu durante os últimos anos varios eventos deportivos de envergadura, que a colocan como unha das capitais do deporte galego. O Concello, consciente da importancia de fomentar o deporte en todas as súas disciplinas, así como da súa importancia para o municipio como impulso económico e promocional da vila, acaba de lanzar por vez primeira unha subvención de 15.000 euros para apoiar ás entidades e clubs deportivos sen ánimo de lucro que realizan eventos deportivos na localidade.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, destaca que con estas axudas “queremos colaborar con todos os clubs deportivos que desenvolveron un gran traballo organizando actividades deportivas seguras en plena pandemia, e tamén polo seu labor de fomento e difusión do deporte en Ponteareas”, así como polo seu compromiso coa vila organizando iniciativas que “dinamizan a economía local e traen moitos e moitas visitantes”.

Bouzó destacou que coa convocatoria desta nova liña de subvencións “establecemos un sistema obxectivo e transparente para garantir unha colaboración equitativa con todos os eventos deportivos. O edil sinalou que “na convocatoria deste ano puntuarán tamén os eventos realizados no 2020, que foron mínimos debido ao confinamento no inicio dese ano”.

A concesión desta subvención será en réxime de concorrencia competitiva e teranse en conta varios factores como o carácter e ámbito do evento, o número de deportistas que participaron, o historial deportivo ou o interese público da actividade. A documentación para solicitala está dispoñible na web do Concello e o prazo de solicitudes é de 10 días naturais.

Redondela vén de repoñer a sinalización dos xacementos prehistóricos de Monte Penide

0

A Concellería de Patrimonio do Concello de Redondela, que xestiona María Castro, deu por rematados os traballos de reposición da cartelería e sinalización dun dos seus grandes bens patrimoniais e culturais: os xacementos prehistóricos de Monte Penide/Mirallo.

Na actualidade, a cartelería existente atópase en moi mal estado debido aos oito anos que leva exposta a intemperie e ás accións da luz solar, nuns casos, e as actuacións incívicas noutros. A estes danos engádese a desaparición de todos os postes de dirección colocados nos camiños.

As actuacións, tal e como sinala María Castro, “permitirán a reposición dos vinilos en mal estado que permitan poñer en valor este ben cultural e a colocación dos postes indicadores desaparecidos, que axuden ás e aos visitantes, a localizar estes emprazamentos do xeito máis doado”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, lembrou que os terreos coñecidos como ‘Monte Penide’ “teñen unha extraordinaria riqueza arqueolóxica que é preciso conservar e poñer en valor”. De feito, na zona atópase a necrópole megalítica Chan da Cruz/Chan das Formigas, a máis grande de Galicia en canto a número de mámoas e a segunda logo da de Castro Leboreiro (entre Ourense e Portugal). Amais nese mesmo enclave está situado o conxunto de arte rupestre Petroglifos de Monte Penide e o Castro dos Negros.

Baiona suspende a programación do Nadal no Auditorio Municipal e no Multiusos Mercado de Sabarís

0

O Concello de Baiona decidiu suspender os actos organizados no Auditorio Municipal V Centenario e o Multiusos Mercado de Sabarís. Esta decisión tomouse ao supoñer estas aglomeracións de persoas en sitios pechados unha posible ameaza para a saúde pública.

Neste sentido, prevese tan só a celebración das actividades e eventos que se celebren ao aire libre, ata novo aviso. Unha decisión que se acordou motivada pola alta incidencia da Covid-19 na poboación.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, comenta que “é momento de actuar con responsabilidade e ante a actual situación, na que se rexistra un incremento considerable de contaxios no noso municipio, consideramos que é contraproducente celebrar eventos e actos que comporten congregación de xente en espazos pechados. Non foi unha decisión fácil pero nestes días debe prevalecer a saúde pública e actuar con prudencia segundo as recomendacións feitas polas autoridades sanitarias”.

A Deputación concede subvencións para retirar simboloxía franquista

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Patrimonio e do departamento de Memoria Histórica, axudará a seis concellos da provincia (Baiona, A Guarda, As Neves, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas e Salceda de Caselas) a retirar simboloxía franquista de diferentes construción no seu espazo público.

A deputada de Memoria Histórica María Ortega amosouse satisfeita do resultado da nova liña de axudas. Quixo subliñar a valentía dos concellos solicitantes para cumprir coa Lei de Memoria vixente, e salientou que abrirán camiño para que en vindeiras edicións sexan máis os municipios da provincia que se interesen en erradicar as conmemoracións ou lembranzas do franquismo que aínda se conservan. Destacou a nacionalista que a importancia das actuacións non está no seu custe económico, senón na simboloxía e no interese amosado desde os gobernos locais por retirar elementos que están vencellados coa ditadura e por cumprir os principios de ‘verdade, xustiza e reparación’.

As subvencións da Deputación podían destinarse a o obras de retirada de escudos, insignias e placas das rúas con nomes relacionados co franquismo; retirada de estatuas, mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva ou de calquera pegada de eloxio; ou a rehabilitacións e restauracións dos elementos dos bens inmobles de titularidade municipal directamente afectados coa retirada da simboloxía franquista.

Na meirande parte dos casos, as retiradas de simboloxía corresponden a elementos relacionados coa Falanxe (FET y de las Jons), o partido único do réxime franquista que deu paso posteriormente ao Movemento Nacional, e que foi parte da estrutura do réxime e da represión exercida sobre a poboación durante a ditadura. Tamén hai elemento das Xuntas de Acción Municipal (JAM), que foron grupos dependentes da Falanxe formados en barrios ou pequenas poboacións co obxecto de levar adiante accións sobre o terreo e promover e exaltar o ideario falanxista e franquista entre a veciñanza.

Un dos concellos beneficiarios das axudas foi Ponte Caldelas, que recibirá 9.9918,37 euros para a supresión da simboloxía franquista e a rehabilitación da fonte lavadoiro Maceira na zona de Silvoso, unha construción de titularidade municipal que ten na súa fronte unha pedra gravada co xugo e as frechas da Falanxe. Ademais, demolerase a estrutura existente, piares e cuberta para substituílas por unhas novas, e acondicionarase mediante chorreado ademais de forrar de pedra as paredes de formigón.

O concello de Vilagarcía retirará a cruz acaroada á fachada da igrexa parroquial de Santa Baia de Arealonga, para o que recibirá 5.916,95 euros. Segundo se explica na memoria do proxecto de retirada, a cruz é un elemento engadido durante a época franquista “que carece de autoría e interese artístico”.

Os traballos realizaranse co asesoramento e colaboración da restauradora Iria López Baltar. Primeiramente farase unha prospección da fachada de pedra. A fase de restitución da superficie dependerá do resultado da fase de retirada, en función dos elementos que estean fondamente incrustados á fachada, traballando con buxardas, e valorando a posibilidade dun encaixe para a eliminación das letras no caso de ser necesario.

O Concello de Baiona aproveitará a axuda de 2.032,63 euros para eliminar simboloxía de tres fontes de titularidade municipal ubicadas en diferentes parroquias: a fonte de Alférez Barreiro, a de Subida da Roca e a de San Antón.  A fonte do Alférez Barreiro ten unha estrutura de pedra que na parte superior ten unha ornamentación clásica que inclúe gravado o escudo falanxista do xugo e as frechas e a inscrición ‘Restaurada por JAM’ 1950, referente á inclusión do símbolo por parte das Xuntas de Acción Municipal no devandito ano. Actualmente o escudo falanxista atópase riscado cun esprai negro.

A fonte da Subida da Roca ten un gravado falanxista na lousa que forma o corpo central, xunto á inscrición JAM 1952, referente á restauración da fonte e á inclusión poar parte das xuntas, estando tamén o escudo tapado por esprai vermello. Finalmente, a fonte de San Antón, é unha fonte tradicional dentro dunha estrutura de nova construción (década do 2000) en semellanza dunha torre medieval. A pesares da renovación sobre a estrutura orixinal da fonte atópase unha pedra co escudo falanxista e a inscrición ‘JAM 1949’, tamén tapado con esprai vermello.

En todas estas construcións faranse traballos de desbastado da pedra ata alcanzar a superficie lisa e farase un abuxardado da superficie. Instalarase un escudo do Concello de Baiona en bronce no primeiro dos casos.  

Simboloxía franquista, Baiona
Simboloxía franquista, A Guarda

No Concello de A Guarda eliminarase a simboloxía franquista da Praza de Abastos e da fonte –lavadoiro da Silveira grazas aos 1.762,20 euros de subvención. Na Praza de Abastos será retirada a placa conmemorativa de mármore branco con ‘ribete’ en negro con cravos de bronce que inclúe o xugo e as frechas da Falanxe ademais da inscrición ‘Deputación Provincial-Cooperación e os anos 1956-1957 e 1958-1959. Tamén se retirará a placa da fonte da Silveira ou da Piollosa, de material indefinido e repintado en varias ocasións no que destaca na parte central o xugo e frechas da Falanxe.

No Concello de Salceda de Caselas, cunha subvención de 1.573 euros retiraranse os escudos falanxistas de xugo e frechas da Fonte de Mil, no barrio da Revolta na parroquia de Parderrubias, e da Fonte de Liñares, no barrio de Barreiro da parroquia de Santa María de Salceda. Para a eliminación farase un picado manual e posteriormente unha limpeza con auga a presión para igualar a textura da zona picada co resto da fonte, retocando tamén o encintado.

Simboloxía franquista, Salceda de Caselas

O Concello de As Neves recibirá unha axuda de 1.028,5 euros para a eliminación de simboloxía do réxime franquista en dous espazos: a Fonte de San Ignacio, na que se fará un piqueteado da pedra baixo a figura de San Ignacio onde se sitúa un xugo e unhas frechas; e o portalón de acceso ao centro de saúde onde hai un símbolo de falanxe consistente nun xugo e unhas frechas.

O goberno local explica que como en multitude de concellos galegos a fonda pegada do franquismo segue presente nos espazos públicos das Neves dentro do núcleo urbano, a igrexa parroquial das Neves, a fonte de San Ignacio e o actual centro de saúde, polo que é preciso actuar para actuar insistindo na correcta interpretación histórica dos feitos acontecidos na guerra civil e ditadura para fornecer unha sociedade máis democrática.

Finalmente, o Concellos de Pazos de Borbén recibirá 943 euros para retirar o símbolo da Falanxe dun lugar especialmente simbólico: o balcón da fachada principal da antiga Casa do Concello. Os traballos consistirán no abuxardado da pedra para deixala ao mesmo nivel que o resto da lousa.

Máis de 400 maiores de Tomiño recibirán unha postal de Nadal personalizada chea de bos desexos

0

Máis de 400 persoas maiores de Tomiño recibirán por correo unha postal personalizada de Nadal e Aninovo, remitida por un dos alumnos ou alumnas dos coles de Primaria e do Instituto de Secundaria da vila.

O Consello da Infancia e Adolescencia Voces Novas de Tomiño, organizou a escritura e recollida das misivas, así como o envío a través de correo postal. Un traballo enorme que non sería posible sen a participación e colaboración de moitas persoas.

Trátase dunha práctica que naceu o ano pasado por mor da pandemia e o confinamento, e neste Nadal volve saír ás rúas con máis forza e implicación, tanto do Consello da Infancia e Adolescencia, como dos centros educativos. A concelleira de Eurocidade, Mocidade e Participación infantil, Fátima Rodríguez, agradece a participación dos centros de ensino de Primaria e Secundaria do concello (CEP Pedro Caselles Beltrán, CEIP Pintor Antonio Fernández, CEIP de Sobrada, CEIP de Tebra, CEIP de Barrantes e  IES Antón Alonso Ríos), que crearon a través do seu alumnado máis de 400 tarxetas de Nadal pintadas, decoradas con diferentes técnicas e nas que se incluíron ademais, mensaxes personalizadas para cada unha das persoas que viven nas residencias ou maiores que residen nas súas vivendas de Tomiño.

As tarxetas están sendo ensobradas esta semana pola propia concelleira e pola coordinadora do consello. Os sobres, con logo do Concello de Tomiño e de Voces Novas portan ademais das tarxetas, unha carta da alcaldesa Sandra González, explicando a iniciativa. “A mensaxe que vostede ten nas mans foi feita con agarimo e ilusión por un neno ou nena do noso concello, e sabemos que a eles haberá de gustarlles recibir resposta”, comenta a rexedora, animando ás persoas maiores a respostar.

Tomiño é unha das 10 Cidades Amigas de Infancia recoñecidas en Galicia por UNICEF. Un dos requisitos para conseguir esta distinción foi xustamente, ter un Consello da infancia e adolescencia, comprometido co pobo e cos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) das Nacións Unidas, que inclúen desde a eliminación da pobreza até a loita en contra do cambio climático.

O Concello felicita á veciñanza que encheu espazos do Rosal de decoración de Nadal

0

O Concello do Rosal quere felicitar a todos os veciños e veciñas que están a traballar para decorar distintos espazos do municipio polo Nadal. A alcaldesa, Ánxela Fernández, agradece a toda a veciñanza “o seu traballo e a súa ilusión por facer un Nadal especial en tempos tan difíciles”, ao tempo que destaca que estas accións tamén “poñen en valor espazos tan importantes do noso patrimonio material e inmaterial”.

Unha das atraccións máis importantes do Nadal do Rosal é o belén xigante que os veciños da parroquia de Caselas crearon nun lavadoiro. O antigo depósito de auga e as lousas para lavar a roupa son agora a base sobre a que se erixe un nacemento moi ben caracterizado, mentres que, na súa entrada, un gran Papa Noel co seu reno recibirá a todas as persoas que queiran desfrutar deste gran traballo.

Ánxela Fernández anima a todos os veciños e veciñas do Rosal a visitar o lavadoiro de Caselas, así como o nacemento que tamén crearon na igrexa de Santa Mariña, na praza do Calvario, que se fixo coa colaboración do padre Vidal da Guarda e que integra ós muíños do Folón e do Picón, e a árbore de decoración de Nadal que crearon os veciños e veciñas do Picón.

A rexedora tamén quere lembrar que na praza de Fornelos hai tres grandes Reis Magos, que o ano pasado estaban na praza do Calvario, e que cada Nadal irán percorrendo os difrentes barrios do Rosal.

Os alumnos de carpintería do IES Salvaterra de Miño decoran a rúa Miño

Hoxe pola mañá procedeuse á colocación da decoración de Nadal elaborada polo alumnado de Carpintería do IES Salvaterra de Miño.

Dende hai anos o IES Salvaterra, a través do departamento de carpintería, leva colaborando e participando activamente na decoración de Nadal do Concello de Salvaterra de Miño.  Un dos moitos proxectos de colaboración que existen  entre o Concello e os diferentes centros educativos do municipio e que ano a ano pretende ir incrementando a decoración que se ofrece, sobre todo aos máis cativos.

Empezouse con pequenas casas, coas figuras das Súas Maxestades os Reis de Oriente, co trineo e os renos de Papá Noel e agora estas figuras que decoran a entrada do municipio.

Dende o Concello queren agradecer o traballo feito ao departamento de Carpintería e a todos os alumnos que participaron neste proxecto de Nadal.

A Deputación remata a posta a punto dos semáforos das estradas provinciais ao seu paso por Mos

0

A Deputación de Pontevedra ven de rematar as obras de posta a punto dos semáforos instalados nas estradas provinciais ao seu paso por Mos que, desde a pasada fin de semana, xa están de novo en funcionamento para manter a funcionalidade e seguridade viaria nas estradas, facilitando o seu uso nas mellores condicións de seguridade e comodidade.

Trátase as instalacións semafóricas  situadas en zona urbana das estradas EP-2602 Peinador – Louredo, PQ 1+650; EP-2601 Mos – Puxeiros , PQ 1+800, e na EP-2603 Puxeiros – Peinador, PK 0+020, que regulan a incorporación do tráfico dende vías municipais ao tratarse de interseccións en cruz. Tamén en tramo urbano, no PK 0+020 da EP-2603 existe un paso de peóns regulado con semáforos.

As obras de posta a punto, realizada pola empresa Setga cun coste de 6.282 euros, desenvolvéronse no marco do convenio asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Mos, que xa establece que a partir de agora será o Concello o responsable do mantemento dos elementos de regulación do tráfico, mediante a vixilancia periódica da funcionalidade dos semáforos, continuando a ser titular do subministro eléctrico dos mesmos e sendo do seu cargo a conservación

De feito, a institución provincial, ao través do Servizo de Infraestruturas e Vías Provinciais, remitirá esta semana ao Consistorio a acta de recepción da actuación para rematar así a tramitación administrativa.

Arbo realiza un novo reparto de alimentos a máis de 35 familias

0

O concello de Arbo, en virtude da precaria situación que viven moitas familias derivada da crise sanitaria, distribuíu, a semana pasada, alimentos entre as familias máis necesitadas do municipio de maneira extraordinaria co motivo do Nadal.

A distribución de alimentos, que podría chegar a máis de  35 familias, comezou a semana pasada, e ademais de alimentos cotiáns, realizáronse paquetes con produtos de Nadal, roupa e xoguetes para os máis cativos.

Como administración máis próxima á cidadanía, “é a que en primeira instancia debe atender aos seus habitantes, posibilitando a mellora das súas condicións de vida”, informou o alcalde do Concello de Arbo, Horacio Gil.

Alimentos non perecedoiros, produtos de limpeza e hixiene e produtos de primeira necesidade foron repartidos con cargo a fodos propios dende o Concello, así como roupa e xoguetes para os cativos e cativas de Arbo.

O Concello de Arbo, destina aproximadamente 12.000 euros a emerxencia social, ademáis de que dispón dun banco de roupa e xoguetes, e o reparto de alimentos e outros productos realizanse en varias quendas o longo do ano.  

Estes alimentos están destinado ás familias máis necesitadas do municipio e en risco de exclusión social, que acceden ádemais a outras axudas a través de servizos sociais municipais.

“Os casos de familias que se atopan nunha situación de exclusión social, agravada pola crise sanitaria e as súas consecuencias económicas, fan que sexa urxente proporcionarlles comidas saudables, productos de primeira necesidade e hixiene, así como produtos de Nadal”, remata informando o rexedor.

A mellor Canción do Nadal de Galicia ten alma mosense e titúlase “Un Bo Nadal”

0

Esta mañá tivo lugar no Concello de Mos a recepción aos nenos do grupo musical KingKids da Escola de Música MaiSon para homenaxealos e felicitalos polo 1º premio no Concurso “A Canción do Nadal” da CRTVG que veñen de acadar co tema titulado “Un Bo Nadal”.

Ademais da banda KingKids estiveron presentes na recepción Nidia Arévalo, Alcaldesa de Mos, Irena e Lucía, As Maimiñas, responsables da Escola de Música MaiSon e nais de 3 dos nenos de KingKids e algunha das demais nais dos nenos/as homenaxeados/as; Sara Cebreiro, concelleira de Cultura e Turismo, Participación Cidadá, Política Social e Igualdade e demais membros da Corporación Municipal. A rexedora local mosense anuncioulles que o Concello de Mos quere contar con eles para que toquen en directo o día 5 de xaneiro, na Cabalgata de Reis; nova que recibiron emocionados/as.

Os KingKids xa participaron o ano pasado no concurso “A Canción do Nadal” acadando o 5º posto.

Levan 2 anos tocando xuntos como grupo e desde os 6 anos na escola de música.

Son unha banda de pop-rock que fai versións musicais e tamén compoñen algúns temas propios (cos que participaron no concurso son propios).

O grupo está formado por 8 nenos/as de 11 a 14 anos. 3 de Mos, 3 de Porriño, 1 de Salceda e 1 de Tomiño e son: Marco González, batería. Mateo González, guitarra. Saúl Lorezo, guitarra. Álvaro Muíños, baixo. Juan Muíños, cantante e guitarra. Sergio Pallares, cantante e guitarra. Nina Méndez, cantante. E Candela Carballas, cantante.

As cancións premiadas o ano pasado e este na TVG son composicións propias con canción orixinal de Íker Rodríguez (de Mos), arreglos musicais dos KingKids e produción da gravación de Raúl Ben. Os estilismos do grupo corren tamén a cargo doutra mosense, Antía Caride, de Girl’s Gang. Estes rapaces e rapazas non paran pese a súa curta idade e atópanse volcados na súa paixón musical. Mostra delo é que ao rematar a recepción saíron voando cara a Ferrol os 8 compoñentes do grupo coas súas nais, para gravar un programa especial da Televisión de Galicia para o Día de Reis.

A biblioteca do Arquivo da Deputación, incluída no mapa estatal de bibliotecas especializadas

A biblioteca do Arquivo da Deputación, dependente do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, vén de ser incluída no mapa estatal de bibliotecas especializadas do Consello de Cooperación Bibliotecaria (CBB) do Estado. A través da nova ferramenta, que supón un recoñecemento ao labor experto do servizo, permítese o acceso á páxina web do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico e ao ATOPO.

Segundo explica o persoal da Biblioteca provincial, o Mapa que a Comisión Técnica de Cooperación de Bibliotecas Especializadas ven de incorporar ao xa existente Portal de Bibliotecas Especializadas, permite dende agora localizar unha biblioteca especializada española de maneira moito máis sinxela. Avánzase así no Plan de Visibilidade das Bibliotecas Especializadas e no compromiso das bibliotecas coa Axenda 2030 para non deixar a ninguén atrás, ofrecendo todo tipo de información sobre as bibliotecas e incorporando agora unha ferramenta que posibilita a sinxela localización das mesmas empregando un mapa interactivo.

A nova ferramenta permite localizar as bibliotecas navegando polo mapa ou utilizando os parámetros de procura, sós ou combinados: nome da biblioteca, tipoloxía, titularidade, comunidade autónoma e provincia. De cada biblioteca elaborouse unha ficha informativa que permite, á súa vez, un mellor posicionamento web da biblioteca nos buscadores de internet.

A biblioteca da Deputación, en tanto en canto biblioteca especializada de acceso público, figura no mapa coa súa correspondente información de carácter xeral, xeoposicionamento e acceso tanto á páxina web como ao catálogo AtoPO. Con máis de 21.000 monografías e 800 títulos de revistas, a biblioteca (integrada no Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico) centra as súas actuacións en dous ámbitos específicos: reunir, conservar e difundir unha colección bibliográfica o máis ampla e representativa posible sobre a provincia de Pontevedra e todos os seus concellos, así como servir de complemento bibliográfico á inxente cantidade de documentación conservada no Arquivo da Deputación de Pontevedra.

O apalpador visitará Ponteareas hoxe ás 17:30 horas

O apalpador baixará das montañas para coñecer a todos os nenos de Ponteareas hoxe mércores ás 17.30 horas. O xigante carboeiro sairá da Casa do Concello e percorrerá as rúas da vila do Tea acompañado do grupo de música tradicional de Areas. O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, anima ás familias a desfrutar deste persoeiro do Nadal galego “cun pasarrúas moi divertidos para os pequenos e pequenas”.

“Coa visita do Apalpador queremos por en valor a nosa tradición entre a nosa infancia”, explica o edil, “ao tempo que damos un espazo para que unha agrupación de tanto valor para nós, como é o grupo de música de Areas, mostre o seu traballo”.

A Banda de Música Xuvenil de Xinzo pechará o día

Ponteareas dirá ata logo a Papa Noel ata Noiteboa coa música da Banda de Música Xuvenil de Xinzo, que ofrecerá un concerto na sala multiúsos do Auditorio Municipal ás 20.30 horas. A entrada é de balde ata completar aforo.

Concedidas 85 axudas a autónomos e pequenas empresas ao abeiro do programa Reactiva II de Tui

0

O Concello de Tui vén de conceder 85 axudas a autónomos e pequenas empresas ao abeiro do programa Reactiva II  para facer fronte aos efectos da Covid-19.

A comezos de mes  a Xunta de Goberno Local aprobou un paquete de 85 axudas correspondentes á segunda convocatoria de axudas para traballadores por conta propia e autónomos societarios cuxa actividade sufrira unha caída na facturación superior ao 30 % durante a pandemia. O importe total destas achegas ascende a 90.710,11 euros.

Esta é a segunda convocatoria do programa Reactiva á que se presentaron un total de 109 solicutudes. En 2020 na primeira convocatoria de Reactiva I presentáranse 254 solicitudes. Daquela concedéronse 114 axudas directas por un importe de 95.628,93 euros, na súa maior maior parte a comercio, hostelería e servizos.

Deste xeito o concello de Tui ten destinado de 186.339,04 euros ao programa Reactiva, dos que 95.628,93 euros corresponden á primeira convocatoria e 90.710,11 euros á segunda. Dos máis de 186 mil euros concedidos nestas axudas 48.868,86 euros foron aportados pola Deputación de Pontevedra.

O Múltiúsos da Xunqueira acolle a exposición ‘O valor da diferenza’ organizada pola fundación Filomena Rivero Alonso

0

A Fundación Filomena Rivero Alonso, con sede en Redondela e cuxo Padroado preside Gracia Regojo Bacardí, vén de inaugurar no Multiúsos da Xunqueira a exposición O valor dá diferenza. O acto inaugural contou coa presenza da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; a concelleira de Cultura, Iria Vilaboa e Telmo Crespo Tojeiro e Agustín Sobral Crespo, membros do Padroado da entidade.

A mostra forma parte dun proxecto xenuíno da Fundación que avoga pola posta en valor da diferenza como punto de partida para a construción dunha sociedade tolerante na que a convivencia e o respecto polo próximo primen sobre o resto. A mostra estará exposta ata o mes de marzo de 2022.

A alcaldesa de Redondela agradeceu á Fundación esta iniciativa “que coincide na súa totalidade co traballo que desenvolve o Goberno local a prol da integración e da tolerancia, piares sen os que non se pode construír unha sociedade igualitaria e xusta”.

Fundación Filomena Rivero Alonso

A Fundación Filomena Rivero Alonso ten por obxecto a axuda á formación e educación integral de persoas de Redondela, así como do resto de localidades e provincias españolas; obras asistenciais para os mesmos, e a axuda ás persoas máis necesitadas do terceiro mundo.

O Padroado terá plena liberdade para determinar as actividades da Fundación, tendentes á consecución daqueles obxectivos concretos que, a xuízo daquel e dentro do cumprimento dos seus fins, sexan os máis adecuados ou convenientes en cada momento.

Expertos subliñan a agrocompostaxe como unha das mellores ferramentas contra o cambio climático

Persoas investigadoras das universidades Miguel Hernández de Alacant e da Universidade Pública de Navarra puxeron hoxe de relevo nas ‘Xornadas Revitaliza sobre agrocompostaxe’ a utilidade dos compost para mellorar a produtividade da terra e axudar a mitigar o cambio climático. Sobre esa base, salientaron a necesaria colaboración entre os concellos e o sector agrogandeiro a través da agrocompostaxe –unha iniciativa que pretende potenciar na provincia a Deputación a través do Revitaliza- xa que as dúas partes obteñen beneficios mutuos: uns dan un uso útil aos residuos urbanos que hoxe mandan a queimar e outros obteñen abonos e emendas orgánicas de calidade -moi escasas na actualidade- para os solos nos que queren producir.

O profesor Inazio Irigoien, da Universidade de Navarra, fixo fincapé en que a Terra está a perder fertilidade e incluso desertizándose a pasos axigantados porque perde materia orgánica no solo, en concreto nas terras agrarias porque se utilizan de maneira maioritaria abonos químicos. Subliñou que o mellor método para protexer e rexenerar terreos que baixan en fertilidade é introducir de maneira periódica abonos orgánicos, con efectos positivos tanto a curto como a longo prazo.

De maneira máis global, explicou outro beneficio de introducir materia orgánica na terra: o secuestro de CO2 da atmosfera. Puxo varios estudos sobre a mesa comparando a aplicación de abonos químicos e orgánicos e indicou que dado que as emendas orgánicas son as que máis carbono acumulan no solo, a aplicación de compost non só mellora a fertilidade, senón tamén o balance neto de emisión de gases de efecto invernadoiro.

Como conclusión, Irigoien subliñou que a agricultura e a aplicación de materia orgánica ao solo “é das poucas ferramentas que existen para mitigar o cambio climático”. Lembrou que incluso a FAO destaca que o carbono que achegan os biorresiduos ao solo “é un tesouro”, polo que instou a desenvolver proxectos colaborativos e de simbiose entre as administracións e os axentes agrogandeiros para a xestión de biorresiduos urbanos.

Na mesma liña se explicou a representante da Universidade Miguel Hernández de Alacant, Ana García Ráncez, que indicou que a “agrocompostaxe pode ser a forza motriz na mellora da xestión da biomasa non produtiva”. Formulou no debate incluso que reintegrar á terra os biorresiduos urbanos e municipais eliminaría da atmosfera máis CO2 que pasar todos os coches de combustión a eléctricos. “Serían medidas complementarias, mais aí vese a importancia de recuperar os biorresiduos”, apuntou.

Tamén o especialista en residuos Ramón Plana subliñou que a día de hoxe existe unha “oportunidade” para desenvolver a agrocompostaxe e salientou varios aspectos chave para construír un modelo de compostaxe agrícola como o que pretende a Deputación: ter unha normativa clara para o modelo (como parece vai desenvolver en breve o Estado), formación técnica axeitada, supervisión e apoio técnico externo ás plantas, e garantías do servizo temporais e económicas.

Pola súa banda, o asesor de residuos provincial Carlos Pérez abondou máis no anuncio que onte realizou o vicepresidente Mosquera de abrir unha liña de axudas provinciais para proxectos de agrocompostaxe na provincia. Indicou que haberá apoios tanto aos concellos que realicen unha boa recollida de biorresiduos, para que lle resulte máis barata a recollida selectiva que levar a incinerar, e por outra parte apoios ao sector agrogandeiro que se involucre na recepción e tratamento dos biorresiduos urbanos para xerar abonos orgánicos que despois poderán ser usados para fertilizar os seus campos.

O resto das intervencións das Xornadas Revitaliza estiveron centradas en casos prácticos sobre agrocompostaxe sobre os que beberá o proxecto provincial, como o do Priorat en Barcelona, e tamén sobre a normativa que se está a aplicar noutros territorios, como en Navarra, onde está en marcha unha nova lexislación que fomenta a compostaxe a escala, aplica un Fondo de Residuos no que se grava mediante un imposto o verquido de residuos, e se fomenta unha tramitación sinxela e cuns requerimentos técnicos máis simples e fáciles de cara a utilizar o compost que se xera nas plantas de compostaxe no territorio próximo.

O alcalde da Cañiza visita as obras da cuberta do pavillón de Valeixe

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, visitas as obras de reforma de toda a cuberta do pavillón municipal de Valeixe, cunha inversión de 116.236,41 euros, financiada ao 100 % polo Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

Con máis de 30 anos de antigüedade, o pavillón de Valeixe presentaba graves deficiencias estructurais polo mal estado de conservación, sobre todo na cubrición, que requerían cada ano de numerosas reparacións e pequenas intervencións sen que se conseguira dar unha solución definitiva.

Filtracións de auga polos paneis do tellado, condensacións, goteos ao interior, musgos e acumulacións de suciedade nas fachadas por defectos no traslado das augas pluviais, falta de aislamento na envolvente térmica, incumprimento na normativa contra incendios,  son algúns dos problemas que presentaba esta instalación municipal polo que unha das prioridades do Goberno do alcalde, Luis Piña, foi a de incluir esta obra no seu 1º Plan Concellos da Deputación.

Para subsanar todas estas deficiencias, o Concello conta coa aprobación dunha subvención ao 100 % da Deputación Provincial por importe de 116.236,41 € que inclúe a sustitución de todo o tellado do pavillón, a instalación de novos canalones e baixantes de chapa de aceiro, aplicación de pintura protectora nas vigas e pilares metálicos e o revestimento interior baixo a cuberta.

A reforma integral da cuberta permitirá eliminar os custes que ata o momento viña soportando o Concello en pequenas reparacións, en consonancia coa política de austeridade autoimposta pola Alcaldía.

A Concellería de Cultura organiza Obradoiros de Nadal para nenos en Redondela e Chapela

0

Rapaces de Redondela terán a oportunidade de participar, durante este Nadal, nos obradoiros que a Concellería de Cultura que xestiona Iria Vilaboa organiza no Multiúsos da Xunqueira de Redondela e no Multiúsos do Piñeiral do Crego de Chapela onde, interesados e interesadas, poderán inscribirse xa.

Os obradoiros se desenvolverán os días 27, 28, 29 e 30 de decembro de 2021 amais do 3 e 4 de xaneiro do 2022 de 18 horas a 20 horas e neles, nenos e nenas terán actividades de creación de manualidades amais de xogos, música e moita diversión.

A iniciativa busca, tal e como explica a alcaldesa Digna Rivas, un dobre obxectivo. “Por unha banda que as nenas e nenos conten con máis alternativas de ocio neste tempo de vacacións e poidan relacionarse con outros rapaces e rapazas e gocen da creación. Por outra, nais e pais dispoñerán de tempo para facer as súas compras de Nadal con tranquilidade, sabendo que os seus fillos e fillas están ao coidado de persoas cualificadas e en actividades divertidas”.

A alcaldesa lembrou que, como todas as actividades que desenvolve o Concello “e máis as que teñen como destinatarios aos máis pequenos e pequenas” os Obradoiros de Nadal celebraranse baixo estritas medidas de seguridade sanitaria.

O Rosal queda sen sanidade

0

Novo capítulo de precariedade na atención sanitaria do Rosal. Hoxe o centro de saúde quedou sen ningún médico para consulta nin para urxencias deixando aos máis de 6.000 habitantes do Rosal sen o servizo mínimo recollido por lei. A alcaldesa, Ánxela Fernández, denuncia que  “os veciños e veciñas do Rosal xa estamos fartos de por en risco a nosa saúde pola constante precarización da Xunta”, e “esiximos unha solución o antes posible”.

A rexedora tamén denuncia que o abandono xa vén de lonxe. Dende o mes pasado o centro de saúde está sen médicos para consulta, despois de dúas baixas, unha de longa duración, ás que a Xunta non substitúe e un posto que aínda non se cubriu con ningún profesional. Todo isto provoca que a veciñanza teña as axendas pechadas e non exista un seguimento dos pacientes “cos riscos que implica”.

O Concello e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal levan tempo denunciando a precariedade do sistema sanitario no municipio, xa que os problemas que existían antes da pandemia acentuáronse coa eliminación do servizo de pediatría, pechando a consulta de San Miguel, xunto a unha atención baseada, ata hai pouco, en primar consultas telefónicas sobre as presenciais e con restricións de acceso ao Centro de Saúde.

Ánxela Fernández anima aos veciños e veciñas a sumarse á manifestación de hoxe ás 19.30 horas na Guarda que convocan todas as plataformas pola defensa da sanidade do Baixo Miño.

O IES de Mos leva os valores do deporte inclusivo ás aulas

0

O IES de Mos lidera o proxecto “Ou Deporte Inclue- T na Escola” que permite aos 108 alumnos de 3º da ESO experimentar os valores do deporte inclusivo da man de grandes referentes como os paralímpicos galegos Susana Rodríguez Gacio ou Chano Rodríguez. Este proxecto pioneiro inclúe deporte, integración, valores e emprendemento xuvenil. Grandes deportistas de elite, destacados adestradores e profesores de educación física de toda Galicia, foron os relatores de luxo cos que contaron os Talleres en Valores que se viñeron impartindo a alumnos e profesores do IES de Mos durante as últimas semanas. Entre eles, destacan o bicampión do mundo de fisioculturismo Arturo Castañeda Cid, Luís Piña (adestrador de Susana Rodríguez Gacio,ouro en tríatlon adaptado en Tokio 2020) e Chano Rodríguez (o nadador paralímpico español con máis medallas de ouro) Eles transmitiron de primeira man valores imprescindibles na práctica dos deportes de elite, e tamén desexables para todos os ámbitos da vida: compromiso, ilusión, esforzo, resiliencia, constancia, autoestima, perseveranza, inclusión, diversidade… Eses valores do deporte, as experiencias e evolución dos deportistas, as actitudes imprescindibles para alcanzar os obxectivos propostos, así como a necesidade de atención á diversidade no deporte, foron algunhas das temáticas tratadas nas charlas e coloquios altamente inspiracional.

O programa culmina coa posta en práctica destes valores a través dun proxecto de emprendemento cuxo obxectivo é recadar fondos para financiar a súa excursión de fin de curso e destinar a metade do recadado ás Exclavas da Virxe Dolorosa (centro residencial e educacional para nenas con deficiencia ntelectual de Mos). Os alumnos participan activamente no proxecto de xestión semiempresarial, onde se implicaron no deseño, promoción e venda un produto personalizado por eles mesmos. Para iso impartíronse uns Talleres de Creatividade onde deseñadores profesionais ensinaron aos estudantes técnicas de ilustración e exemplos gráficos de modelos practicando deportes paralímpicos. Cada alumno fixo un debuxo propio que, combinado co dos seus compañeiros, serviu para personalizar uns calcetíns de deporte que puxeron á venda. O concello de Mos se ha sumados a esta incitativa para implicar tamén aos comerciantes do municipio. Para a alcaldesa, Nidia Arévalo, “este é un proxecto que encaixa perfectamente nos valores que desde o concello queremos transmitir aos nosos mozos. A impulsora deste proxecto, a profesora de educación física do IES de Mos, Esther González, destacou que este contrato programa subvencionado pola Xunta de Galicia serviu para que os alumnos valorasen máis que nunca o que con perseverencia e esforzo póidanse romper todas as barreiras que se queiran. É moi importante destacar a diversidade de alumnos que temos, desde nenos cegos pasando por tdh ou autistas. Ás veces, unha actividade deportiva úneos como unha piña aceptando as diferenzas que os separan.

Habilidades transversais

Do mesmo xeito que en calquera aventura empresarial, os estudantes ten que utilizar habilidades relacionadas co márketing, a comunicación, relacións públicas ou a comercialización para conseguir o seu obxectivo. O proxecto implica a colaboración de profesores e alumnos, permitindo poñer en práctica os ensinos teóricos das aulas, e facéndolles ver aos mozos a súa aplicación e valor na vida real. Ademais tocaron de forma transversal moitas das disciplinas educativas como plástica, educación física, lingua castelá, galega e inglés, matemáticas, historia, orientación, etc. O programa “Ou Deporte Inclue- T na Escola”, liderado polo IES de Mos e que se divulgará entre outros institutos de España, conta cunha subvención da Xunta de Galicia, o apoio do concello de Mos a través dos comerciantes locais e a colaboración de MrBroc Business unha empresa galega de servizos de márketing experiencial dixital a empresas cunha tecnoloxía propia de personalización de produtos con ilustracións do usuario. Os calcetíns solidarios personalizados polos alumnos do IES de Mos xa se poden encargar en mrbroc.com/fundraising.

Aberta a inscrición no programa Coidando-Me dirixido a coidadores familiares de persoas dependentes

0

Está aberto o prazo de inscrición para o programa psicoeducativo “Coidando-Me” dirixido a coidadores familiares de persoas dependentes que comezará proximamente. Organizado polo Concello de Tui e impartido por AFAGA ten por obxectivo informar e formar sobre diferentes patoloxías que xeran dependencia e estratexias prácticas para o coidado, ao tempo que busca fomentar e propor aspectos de autocoidado e orientar aos participantes sobre recursos sociais e de apoio para as situacións de dependencia.

Ao longo de 12 sesións, que se impartirán os xoves de 10.30 h a 12 h, os participantes terán acceso a formación e información da man dunha psicóloga, unha enfermeira, un fisioterapeuta, unha traballadora social e un avogado.  Trátase de “coidar aos que están coidando” aportándolles ferramentas  ou técnicas de mobilización, que coñezan os recursos ao seu dispor, brindándolles pautas de control de estrés ou de como enfrontarse a unha demencia. 

O Concello de Tui realizou xa este programa en 2019, pero en 2020 debido á pandemia non se puido levar a cabo. Retoma agora a súa celebración nun momento “de maior necesidade polas consecuencias nos coidadores familiares da actual situación pandemia” segundo explica o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz.  Un programa que cualificaba de “moi interesante para guialos, apoialos e coidalos coma di o nome desta actividade”.

Ofértanse quince prazas. A inscrición está aberta no departamento de Servizos Sociais do Concello de Tui no 986 60 36 25 ext 54 ou no 607 194 175. O impreso de solicitude pode descargarse da web municipal www.tui.gal.

Ponteareas presenta este mércores o calendario que difunde o seu patrimonio cultural e natural

Ponteareas presentará este mércores ás 20.00 horas o seu Calendario Galego 2022 no salón de plenos da Casa do Concello. O seu deseño está baseado nos aspectos máis relevantes do patrimonio cultural e natural da vila do Tea e, en palabras da alcaldesa, Cristina Fernández Davila “será un calendario que poña en valor as grandes singularidades que fan de Ponteareas un lugar único e do que poder presumir”. O acto de presentación estará aberto a toda a veciñanza ata completar aforo.

O concelleiro de Lingua, Fernando Groba, destaca que o calendario deste ano conta con viñetas de Ignacio Vidales Tomé, o xornalista e caricaturista ponteareán que debutou como debuxante en 1917 na revista Vida Gallega, despois colaborou en El Tea, Don Quijote, El Galleiro, Faro de Vigo e El Pueblo Gallego, e que cos seus debuxos e un estilo sutil e irónico retratou os aspectos negativos dunha Galicia caracterizada pola fame, a pobreza, a emigración e a falla de igualdade social. O edil quere destacar “o gran traballo de Miguel Novoa Iglesias para difundir e poñen en valor a figura de Vidales Tomé”, e afirma que “grazas a súa colaboración podemos contar coas súas viñetas neste calendario”.

O legado de Vidales Tomé está ben continuado pola boa factura de debuxantes que hai en Ponteareas, como Pablo Prado e Anémona de Río, que publicaron recentemente dous álbums con Galaxia e Xerais: “O derradeiro libro de Emma Olsen”, adaptación da novela de Berta Dávila, e a “A proba da auga”, e tamén Sergio de Arcos. Os tres foron gañadores do premio de banda deseñada de O Garaxe Hermético.

A partir do xoves todos os veciños que o desexen poderán adquirir o seu calendario de maneira gratuíta na Casa do Concello e na Biblioteca Municipal. “Dende o Concello queremos deixar este agasallo de Nadal a toda a veciñanza”, conclúe o edil.

Redondela recuperará o Peto de Ánimas de Santo André e o cruceiro de Juan de Joubea cunha subvención da Deputación

0

O Concello de Redondela recuperará, cunha subvención da Deputación de Pontevedra, dous destacados elementos patrimoniais, o Peto de Ánimas de Santo André e o cruceiro de Juan de Joubea, na parroquia de Cedeira, actuación que da continuidade á posta en valor da contorna da Fonte da Raíña rehabilitada no pasado ano 2020.

Os tres elementos están situados preto do Camiño Portugués pola Costa, ruta xacobea que nos últimos anos experimentou un espectacular crecemento, polo que a súa posta en valor “supón un magnífico escaparate do potencial que Redondela posúe en patrimonio e cultura” afirmou a alcaldesa Digna Rivas.

No peto de ánimas e no cruceiro de Juan de Joubea observáronse unha serie de patoloxías que afectan ao material principal de construción (pedra natural de tipo silvestre) e aos elementos metálicos que a compoñen. Ambos elementos teñen patoloxías similares como a presenza de liques e outros outros organismos vexetais que deterioran o conxunto.

As actuacións previstas inclúen, en primeiro lugar, a limpeza de todos os elementos de pedra que compoñen os dous elementos segundo as instrucións da peritaxe previa. Posteriormente se encintarán as xuntas entre pezas con morteiros de restauración hidráulicos, naturais e con base de cal, de ton mimético ao da pedra natural da zona de orixe, mediante adición de pigmentos naturais inorgánicos. Os encintados existentes de morteiro de cemento retiraranse para substituílos por dito morteiro tradicional de cal.

Doutra banda, procederase á restauración das pezas de pedra que se atopan rotas ou con fragmentos desprendidos de ser o caso, empregando morteiros de resinas específicos con carga mineral ou morteiros de cal hidráulic.

Unha vez limpa e restaurada a pedra, aplicarase un tratamento superficial co fin de minimizar a colonización de microorganismos durante uns anos. Tanto este coma outros tratamentos posibles avaliaranse co informe do perito experto en pedra natural. Todos os traballos realizaranse por persoal especializado baixo supervisión de restaurador/conservador titulado.

A protección e posta en valor do patrimonio artístico e cultural de Redondela foi, dende á chegada ao Concello do actual Goberno, unha das prioridades en materia cultural e, nesa liña, sitúanse os traballos realizados pola Concellería de Patrimonio que dirixe María Castro, na recuperación do cemierio dos Eidos ou a antedita rehabilitación da Fonte da Raíña.

“E tempo de Nadal” en Gondomar

0

Baixo o lema “É tempo de Nadal” desenvolverase o programa que a concellaría de cultura preparou para estas festas, e que, tras a inauguración da iluminación navideña ten nesta fin de semana citas especiais e ineludibles para os máis novos e novas das familias.

“Queremos que sexan os protagonistas, porque neles vive a ilusión do Nadal e porque a transmiten como ninguén ás súas familias e a todos nós”, afirma o alcalde de Gondomar Paco Ferreira, quen convida a gozar destes días á veciñanza “pero por suposto con todo o sentidiño e precaución que a realidade non está a marcar”.

Esta fin de semana en Gondomar cruzaranse o señor e a señora Nöel, o Apalpador e personaxes do mundo Disney aos que se poderá saudar na carpa da Praza Paradela e entregar as cartas nas que se piden os agasallos.

A primeira en chegar será “Mamá Nöel” que o día 22 a partir das 16,30 horas para atender as peticións de última hora. Será o día 23 cando en Gondomar recíbirase a Papa Nöel que sentará na Carpa da Praza Paradela a partir das 16.30 h. e, sabendo o requirido que está nestes días, volverá a Gondomar o 24 de decembro, desde as 16,30 horas, xornada na que estará acompañado pola Rondalla de Chaín.

Non faltará a cita tradicional coa Agrupación Musical de Vincios que o xoves 23 de decembro ofrecerá o seu tradicional concerto de Nadal, coa actuación das súas bandas que interpretarán un variado repertorio no que non faltarán as panxoliñas e outros temas ben coñecidos, a partir das 16.30 horas.

A tradición tamén estará presente no tempo de Nadal de Gondomar coa visita do Apalpador que, acompañado polo seu compañeiro Servando Barreiro e o seu burricán Río Lor, chegará a Gondomar ás 12.00 horas do mesmo día de Nadal, nunha actividade promovida pola Deputación Provincial de Pontevedra.

Esta fin de semana festiva pecharase cunha sesión vermú que amenizará o domingo 26, a partir das 12.00 h. a Praza Paradela, coa actuación de Juan Cura, coa colaboración da Asociación de Artistas Vocálitis.

Nigrán aproba un orzamento de 15,5 millóns de euros para o 2022

0

O goberno de Nigrán aprobou onte en sesión plenaria, e sen ningún voto en contra, o orzamento para o ano 2022, un documento con gran similitude ao aprobado no 2020 e que estaba prorrogado. Así, as contas ascenden a 15.583.996 € tendo en conta que nesta cifra están os investimentos de 1.818.754 € do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra que inclúen desde un plan de asfaltados (702.800 €) ao saneamento de Carreiro e Carousa (141.631 €), a restauración de 7 lavadoiros (128.959 €) ou a mellora do paseo marítimo de Panxón (122.332 €). Os investimentos con fondos propios suman 327.000 € e estarán destinados a abastecemento e saneamento, accesibilidade, beirarrúas, seguridade viaria, parques infantís, zonas verdes…

“Trátase dun documento vivo que iremos modificando ao longo do ano se hai necesidade, pero o importante é que a situación económica de Nigrán é envidiable, con débeda 0, sen ningún crédito e sen necesidade de subir impostos para atender á veciñanza”, subliña o alcalde, Juan González, quen destaca entre as novas partidas un plan de formación por 80.000 €, 10.000 € para as comunidades de augas, 70.000 € para a desinfección extra dos colexios ante a Covid-19, un programa de terapia canina no CEE Juan María por 12.000 € ou tamén como novidade ‘Ledicia Cativa’ nos convenios de colaboración que se veñen realizando con entidades como Fundación Menela, CEE Juan María ou Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. “Polo demais é un documento moi similar, que mantén as mesmas partidas porque no 2020 funcionaron ben, pero que está suxeito a cambios ao longo do ano para responder de verdade ás necesidades da veciñanza, máximo neste contexto de incertidume sanitaria”, incide o rexedor, quen destaca o aumento do capítulo destinado a ‘Persoal’ do Concello ao ter aumentado en 30 persoas o número de traballadores municipais en departamentos como Urbanismo, Vías e Obras, Servizos Sociais, Deportes ou Tesourería, ademais de terse aprobado a histórica Relación de Postos de Traballo que permite mellorar os salarios dos máis prexudicados ata agora.

Novamente, o gasto social é o sinal de identidade do documento asignándose 540.000 € a Axuda no Fogar, 30.000 € para o programa municipal de estimulación cognitiva para as persoas con demencia, 25.000 € a emerxencia social, 35.000 € para gastos diversos en Servizos Sociais…

“En resumen, a súa aplicación permitirá seguir mantendo os servizos municipais, con especial atención a aqueles destinados a sectores da poboación con menos recursos e tamén os vinculados co aporte e fomento de actividades que creen emprego ou beneficien á economía local”, resume o alcalde.

Tomiño axuda a un centenar de familias a pasar un mellor Nadal

0

O goberno de Tomiño vén de aprobar varias medidas destinadas a axudar a pasar as festas de Nadal en mellores condicións ás familiasque o precisan.

Por unha parte, repartiranse “Paquetes de Nadal” a 32 familias (88 persoas) cun investimento total de 3560 euros. Con estes paquetes, cada familia poderá realizar as súas compras de Nadal en comercios locais, de xeito de apoiar ao mesmo tempo ás casas comerciais da vila.

Por outra banda, repartiranse axudas para adquirir “Agasallos de Nadal”, das que se beneficiarán 30 familias (50 persoas). A partida total para estes 30 paquetes ascende a 1600 euros.

 “Deste xeito, tentamos contribuír a que as familias de Tomiño con menos recursos, poidan gozar tamén dunhas festas de Nadal dignas, nas que non falten nin a comida nin os agasallos, sobre todo, para os nenas e nenos, que son os que máis as desfrutan”, explica a concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez.

Por outra banda, aprobáronse tamén axudas para a compra de material escolar, das que se beneficiarán tamén 30 familias (47 escolares concretamente), cunha partida total de 3000 euros.

O Espazo de Autoarranxo do Concello convertérase este Nadal nun taller de reciclaxe

0

O Rosal é un Concello comprometido coa sostibilidade para crear un mundo mellor. Nun novo paso cara este obxectivo organiza no Espazo Autoarranxo Municipal catro obradoiros de reciclaxe e reutilización de obxectos cotiás.

A alcaldesa, Ánxela Fernández, anima a todos os veciños e veciñas a asistir a estes talleres e lembra que “a inscrición é a través da web do Concello e terán un custo de 2 euros”.

Todos os obradoiros serán polas mañás, de 11.00 a 13.30 horas. O primeiro deles será o día 27 e estará adicado a reutilización de cestas e cadernos de papel, o do 28 consistirá na creación de monecos a partir da calcetín, o 29 haberá un de creación de adornos a partir de latas e vidro e, finalmente, o 3 de xaneiro os rosaleiros e rosaleiras que queiras renovas as súas camisetas vellas poderán aprender da man de expertos e expertas no Espazo de Autoarranxo.

Mos regula o réxime de teletraballo do persoal municipal

0

No Concello de Mos aprobou onte a “Instrución para a prestación de servizos en réxime de teletraballo”, que foi aprobada na Mesa de Negociación, o pasado 10 de decembro, co voto a favor de todos os sindicatos presentes, e será remitida ao Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra para a súa publicación.

A entrada en vigor da citada Instrución producirase aos 15 días a partir da publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

A instrucción do teletraballo será de aplicación aos empregados/as municipais que presten servizos no Concello de Mos, e ocupen un posto de traballo susceptible de ser desempeñado na modalidade de teletraballo.

O teletraballo ten como finalidade conseguir un mellor e mais moderno desempeño do posto de traballo a través do fomento do uso de novas tecnoloxías e a xestión por obxectivos, así como contribuír á conciliación da vida, persoal, familiar e laboral ou outras circunstancias persoais ou organizativas que así o aconsellen, sempre con un carácter voluntario e reversible.

Nesta modalidade de prestación de teletraballo, garantiranse as condicións esixidas en materia de prevención de riscos laboráis, da seguridade social, da privacidade, de protección e confidencialidade dos datos.

A partir da súa entrada en vigor os traballadores do Concello de Mos poderán presentar as súas solicitudes por Rexistro de entrada, preferentemente de xeito electrónico, con indicación das xornadas que pretenden ser desempeñadas en réxime de teletraballo, que se distribuirán como máximo en dos días de forma non presencial mediante teletraballo, e o tempo restante en xornada presencial.

Así mesmo recóllense casos excepcionais en caso de que as circunstancias sanitarias ou outras circunstancias de carácter excepcional, así o aconsellen.

A Guarda saca a licitación obras de mellora na Piscina Municipal e no entorno da Igrexa

0

O Concello da Guarda ven de sacar a licitación as obras para a revisión e actualización das instalacións da Piscina Municipal da Guarda, unhas obras que contan cun prazo de execución de 2 meses e que teñen un orzamento de 84.638,52€ IVE incluído.

Por outra banda, o Concello da Guarda tamén ven de sacar a licitación o subministro de mobiliario para a humanización do entorno da Igrexa de Santa María da Guarda, que cun prazo de 1 mes, contan cun orzamento total de 54.883,88€ IVE incluído.

O prazo de presentación de ofertas para estas dúas licitacións por parte das empresas interesadas está aberto ata o vindeiro día 30 de decembro e os pregos de contratación están a disposición no perfil do contratante do Concello da Guarda e na Plataforma de Contratación do Sector Público.

Arbo pon en marcha o concurso de carteis para a LXII Festa da Lamprea

0

O Concello de Arbo convoca, un ano máis, o concurso de carteis con motivo da celebración da  LXII  Festa da Lamprea que se atopa prevista para os días 22, 23 e 24 de abril do ano 2022, sen prexuízo das posibles variacións derivadas das limitacións ou medidas derivadas da pandemia e decretadas polas autoridades competentes.

Este concurso ten como obxectivo deseñar o cartel para a  LXII Festa da Lamprea, promovendo así a principal festa gastronómica do Municipio. Poderán participar no concurso todo aquel que queira facelo. O prazo para presentar as propostas finalizará o día 17 de xaneiro do 2022.

As propostas serán entregadas en soporte físico (papel, tea, cartón…) nun tamaño mínimo A3, así como en soporte dixital a máxima resolución. Cada participante poderá presentar como máximo dous carteis por participante.

Como cada ano, nos carteis, deberán incluírse de maneira correcta as datas da festa, as letras e a edición da festa, correspondentes ao ano 2022:  LXII  Festa dá Lamprea (22, 23 e 24 de 2022). Un erro nalgúns destes aspectos determinará a exclusión do cartel. Os materiais son de libre elección, poderán ser lapis de cores, ceras, acuarelas,  témperas ou mesmo en colaxe. Iso si, deberán enviarse ben protexidas para protexer a súa conservación.

Establécense interesantes premios para os gañadores: un primeiro premio de 800 euros para o vencedor, 400 euros para o segundo e 200 euros para os terceiros premios. Continuando coa tradición, os premios serán entregados na Gala da Lamprea, que terá lugar durante a celebración da festa do próximo ano. É condición indispensable que os gañadores estean presentes no acto para recoller o premio.

Segundo manifesta o alcalde de Arbo, Horacio Gil, con este concurso preténdese “promocionar e promover a nosa  Festa dá Lamprea, por algo se nos coñece como a Capital da Lamprea, e por que, desde hai 62 anos, celebramos esta festa culinaria, a máis antiga de Galicia”- a evidencia é que no ano 2021 o cartel anunciador foi dun artista navarro que se impuxo ante máis de trinta propostas de provenientes de toda España. O segundo premio foise para Sevilla.

“En edicións anteriores deste certame recibimos propostas provenientes desde toda a xeografía española. É un certame que ano tras ano se converteu nun referente do mesmo xeito que a nosa festa”, finalizou o alcalde.

A Deputación lanzará unha liña de axudas para potenciar a agrocompostaxe ao abeiro do Plan Revitaliza

A Deputación de Pontevedra vai lanzar unha liña de axudas para botar a andar e potenciar experiencias de agrocompostaxe na provincia ao abeiro do Plan Revitaliza. Así o anunciou hoxe o vicepresidente César Mosquera na inauguración das Xornadas Revitaliza sobre ‘Biorresiduos municipais retornando ao agro’, onde subliñou que a co –compostaxe de residuos urbanos con residuos producidos na agricultura ou na gandeiría é unha solución “de sentido común” para resolver a xestión dos biorresiduos nas vilas e cidades e ao mesmo tempo achegar fertilizantes á terra.

Mosquera indicou que o Revitaliza ten as bases para estas axudas preparadas dende a primavera pasada á espera da nova normativa sobre residuos estatal, que se aprobará nesta mesma semana, e que aclarará a posibilidade de que os residuos municipais separados en orixe se poidan mesturar cos xerados no agro e na gandería. Insistiu en que a convocatoria non se puido botar a andar antes para evitar fracasos: “Queremos dar pasos con solvencia incluso a risco de ir máis lentos”, explicou.

Segundo o vicepresidente, a co-compostaxe dos biorresiduos urbanos e do agro –o que se chama modelo austríaco- supón unha solución “de sentido común” para resolver a xestión do lixo urbano porque xestionará unha fracción que supón o 50% dos residuos xerais, pero tamén para achegar fertilizantes naturais á terra, moi necesarios nun momento como o actual no que é preciso evitar compoñentes artificiais, cumprindo de maneira perfecta a economía circular.

Mosuquera subliñou que o obxectivo das axudas provinciais será achegar fondos para poñer en marcha proxectos conxuntos e de colaboración entre concellos e empresas agrogandeiras, un obxectivo polo que nestes momentos tamén está a apostar a Unión Europea.  O nacionalista explicou que a viabilidade dos proxectos de agrocompostaxe virá dada pola calidade do compost resultante, traballando na correcta separación en orixe dos biorresiduos municipais e agrogandeiros, ademais de facendo un control continuo e correcto do proceso de compostaxe para evitar tanto contaminacións químicas como bacteriolóxicas.

Xornadas Revitaliza

O vicepresidente Mosquera realizou o anuncio das axudas para proxectos de agrocompostaxe no marco das Xornadas Revitaliza coorganizadas xunto ao CEIDA. Na inauguración o director do centro, Carlos Vales, subliñou que nos dous días que durarán os relatorios exporanse as experiencias máis relevantes do estado español ao falar da co-compostaxe urbana e agrícola, tanto dende a perspectiva pública, privada, de normativa e de investigación.

Vales indicou que o tema que centra as xornadas, o retorno dos nutrintes dos residuos urbanos e agrogandeiros á terra, é fundamental. Lembrou que nos informes internacionais sobre medio ambiente se pon de relevancia a necesidade de producir alimentos e de dar fertilidade á terra. “Temos que devolver á terra o que sacamos dela ou as futuras xeracións terán que facer fronte a insustentabilidade”, afirmou.

Logo da inauguración da xornada expuxéronse diversos casos puntuais de compostaxe tanto a pequena como a gran escala. Un dos proxectos máis singulares foi o que explicou a representante da planta de compostaxe ‘La Prosperidad’ en La Palma, Ana Belén Yuste López, que indicou que na planta se tratan os residuos dun empaquetado de plátanos, entre 1.000 e 1.500 toneladas de residuos agrarios ao ano e que ten como reto de futuro incorporar os residuos municipais, agardando a que a lexislación o permita de maneira clara.

Yuste lembrou que hai dous anos estiveran a visitar Pontevedra e o Revitaliza, trasladando a compostaxe doméstica e comunitaria á illa. Indicou que a pesares de que nestes momentos La Palma está centrada no acontecido co volcán, nas zonas non directamente máis afectadas por este, estase a facer fincapé en que os residuos non desaparecen polo que é preciso reciclar levando adiante o programa ‘La Palma orgánica’. “É fundamental haxa o que haxa que se faga a reciclaxe dos residuos orgánicos. Iso aprendémolo de Carlos Pérez –asesor do Revitaliza-, que non é unha flor, e que temos que apostar por isto”, subliñou.

Ademais do caso de La Palma tamén se puxeron sobre a mesa iniciativas como a de ‘Millo e Landras’, de agricultura e ganderíaecolóxica (Vilasantar – A Coruña) explicada por Victor M. Boga Vázquez, que salientou a circularidade dos refugallos da hostalería da zona como alimento para o gando ou como abono para a terra; o proxecto de Gurpide Elkartea e o Concello deLarrabetzu (Bizkaia) ; o da Asociación Agroecolóxica para ainclusión social Albalá (Madrid); o de Garden Hotels (Mallorca); o do Concello de Usurbil (Gipuzkoa); o da planta de compostaxe  Josenea Bio S.L. (Navarra); ou a iniciativa da Asociación de Economías Biorregionales de Madrid.

Mañá será a quenda das voces profesionais na aplicación industrial, na comercialización e no uso agronómicamente correcto dos diferentes compost, ademais de avanzar nas iniciativas mais prometedoras que se están a xestar no estado, e de achegar visións investigadoras e administrativas.

O Concello de Nigrán recibe 139 kg en produtos de limpeza e alimentos non perecedoiros grazas á doazón da ED Val Miñor Nigrán e Ureca

0

O Concello de Nigrán recibíu esta fin de semana 139 kg en alimentos non perecedoiros e de limpeza grazas á campaña solidaria de Nadal da ED Val Miñor Nigrán e Ureca. Todo o recadado pasará a formar parte do Banco Municipal para distribuír entre as familias en situación de vulnerabilidade.

Os 139 kg forman parte da iniciativa ‘Goles e Sets solidarios’ mediante a cal a escola de fútbol tranformou os goles a favor ou en contra da fin de semana en doazóns de 1 kg e a sección de tenis e padel de Ureca os sets gañados. A maiores, os deportistas de ambas entidades foron depositando desde o 16 de decembro doazóns particulares de alimentos, xoguetes, produtos de limpeza ou hixiene…

Adicionalmente, o Club Baloncesto Nigrán Nigrán, ante a alta inicidencia de Covid-19, suspende o torneo solidario ‘Encesta un alimento’ pero mantén a recollida de alimentos non perecedoiros, produtos de hixiene e limpeza os días 22 e 23 no Pavillón de Panxón de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas. Cada persoa que faga unha doazón será agasallada cun pequeno detalle e unha rifa (poderá recibir máis se encesta algunha canasta) cuxo sorteo se realizará o día 23 ás 20:00 no propio pavillón.

“Estamos moi agradecidos a estes clubes, estas iniciativas reflexan o gran compromiso social das nosas entidades deportivas e os seus valores, polo que estamos especialmente orgullosos”, subliña o alcalde, Juan González. 

A Xunta achega a máxima cooperación para garantir un desenvolvemento eólico ordenado e sustentable

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, mantivo hoxe un encontro informativo en Pontevedra con alcaldes e representantes de municipios da provincia sobre os parques eólicos en tramitación. Na xuntanza, na que participou tamén o delegado territorial da Xunta, Luis López, Paula Uría trasladoulles a necesidade da cooperación institucional entre a Administración autonómica e os concellos para lograr un desenvolvemento da enerxía eólica ordenado e sustentable.

Así,  tal e como lembrou a directora xeral, o obxectivo da Administración autonómica é unha planificación ordenada que permita achegar a máxima seguridade xurídica aos proxectos eólicos e respectar o medio natural. Para iso, e entre outras actuacións, a Xunta, a través da lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos do 2022, establecerá a partir do próximo mes de xaneiro unha moratoria de 18 meses para poder tramitar coas máximas garantías os expedientes que ten a Xunta nestes momentos enriba da mesa.

A lei de medidas tamén acorda unha nova limitación na distancia dos aeroxeradores con respecto aos núcleos de poboación, pasando dos 500 metros actuais a unha distancia que se calculará multiplicando por cinco a altura do aparello, logrando así un menor impacto visual.

Paula Uría recordou que, dentro do obxectivo de levar a cabo un desenvolvemento eólico ordenado, a Xunta está a impulsar tamén ferramentas de transparencia, colaboración institucional e información destinadas aos concellos, á cidadanía e ao resto de entidades interesadas.

Un exemplo destas iniciativas é a rede de información provincial de proxectos eólicos, que permite que antes de proceder á exposición pública dos proxectos, se poida dar información de primeira man aos concellos nos que se teñan previsto implantar.

Ademais, o Goberno galego preparou unha guía divulgativa da tramitación dun proxecto eólico que se pode atopar na web da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, co ánimo de mellorar a información aos cidadáns sobre o proceso de tramitación dos parques eólicos.

Neste sentido, púxose en marcha unha oficina de información a propietarios de terreos para facilitarlles a información precisa sobre o método e os criterios de valoración dos terreos afectados, así como a normativa aplicable para a clasificación e cualificación do solo –pódese contactar con este servizo a través do teléfono 881 122 908 ou no correo [email protected]-.

O Porriño compra parcelas no Paseo do Louro

A Concellería de Urbanismo e Patrimonio do Porriño, dirixida por Pedro Pereira, informa da sinatura en notaría das escrituras de compra de varias parcelas situadas na contorna do río Louro. Até o momento formalizouse o pago de fincas que suman unha superficie de 8.105,80 m2. Esta semana asinaranse novas escrituras coas que xa hai acordo de compra. En total a nova zona verde para uso público sumará un total de 20.285´55 m2. O importe da compra ascende a 364.131,01 €.

Pedro Pereira, actual alcalde en funcións, agradeceu en nome do Concello do Porriño a boa predisposición das anteriores propietarias que desde o primeiro momento ao ser contactadas mostraron a súa colaboración para que o Concello conte con este espazo de desfrute para veciños do Porriño.

“Hai que apostar por abrir o entorno do río ás persoas. A contorna do Louro é o pulmón verde que o centro urbano precisa e esta compra é un primeiro paso necesario para transformar este espazo”, apuntou Pedro Pereira.

O alcalde en funcións afirmou que a recuperación integral do lugar non será completa “mentres o matadoiro permaneza na súa localización actual e o tren siga a cruzar polo medio a vila do Porriño.  O concelleiro de Infraestruturas chamou a “traballar desde a institución municipal para acadar  un soterramento ambicioso da vía e negociar un traslado do matadoiro, dous obxectivos cruciais para o futuro do Porriño”, concluíu.

A Deputación entrega os Premios Otero Pedrayo a Mechu Lamas e Rosario Álvarez

A cultura, as artes e a lingua vestíronse de longo na Deputación de Pontevedra coa solemne gala de entrega dos Premios Otero Pedrayo 2021, que este ano organizou a institución e que recoñeceu ex aequo a dúas grandes mulleres: a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e a artista plástica, Menchu Lamas. Un Pazo engalanado para tan relevante ocasión, cunha longa alfombra vermella que se despregou desde a explanada de Montero Ríos e as escalinatas centrais e se estendeu ata o Salón de Plenos, acolleu a cerimonia que presidiu a presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada polas representacións das  deputacións galegas, das universidades, da Xunta, dos presidentes da Real Academia Galega, Victor Freixanes, e da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López, e de moitos nomes do tecido cultural e das artes de Galicia. O solemne acto foi conducido pola escritora María Canosa, quen o definiu “como un acto de amor”, e contou coa actuación de Alejo Amoedo ao piano e Lucía Comesaña coa zanfona. Á cerimonia asistiu tamén a escultora Soledad Penalta, autora da peza artística dos Premios.

Unha recepción ás dúas premiadas pola presidenta da Deputación foi o primeiro dos actos da maña na Sala de Xuntas, onde Rosario Álvarez e Menchu Lamas asinaron no Libro de Honra da institución. Despois celebrouse a recepción oficial ao pe da escalinata exterior do Pazo tras a que a comitiva accedeu ao Salón de Plenos, escenario da Gala de entrega dos Premios. Tras a proxección dun vídeo sobre a figura de Otero Pedrayo e os Premios que levan o seu nome, procedeuse á lectura da acta  do xurado polo presidente da Fundación, Eduardo López, quen oficializou os galardóns a Menchu Lamas, a artista galega de maior proxección internacional, e Rosario Álvarez, a primeira muller en presidir o Consello da Cultura Galega. Ambas as dúas tamén foron homenaxeadas coas tradicionais loas que realizaron Rosario Sarmiento, xestora cultural e comisaria artística no caso de Menchu Lamas, que puxo en valor que “con ela se recoñeza por primeira vez nos Premios o traballo dunha artista plástica galega”, e a escritora Fina Casalderrey para glosar a figura de Rosario Álvarez, da que destacou o feito de ser tantas veces pioneira na proxección da lingua “a María Moliner galega e moito máis, e referente imprescindible no estudo e investigación científica da lingua”. Ambas premiadas se converten amais na cuarta e na quinta muller galardoadas nos 44 anos de historia dos Premios Otero Pedrayo. As dúas recolleron a peza artística do galardón de mans da presidenta da Deputación de Pontevedra acompañada das institucións que integran os Premios.

Na súa intervención, a pintora Menchu Lamas mostrou a súa emoción por lograr “un premio que leva o nome de quen representa a modernidade da paisaxe e fíxonos mirar doutra maneira o que é Galicia, a súa paisaxe cultural”. A artista recreou a complexidade do seu percorrido pola cor, “eu compoño coas cores”, e puxo en valor o traballo da creación: “As creadoras e creadores somos o traballo colectivo do noso tempo, representantes do espírito que nos move no tempo que estamos vivindo. Cando se valora a pintura ou a creación contemporánea, dixo Lamas, se está a valorar o que é o futuro dun país, e dunha sociedade máis libre”. A artista tamén se referiu á escaseza de mulleres premiadas. “A invisibilidade da nosa presenza, da mirada distinta das mulleres, cando estivemos creando desde que nacemos pero non se miraba”. Menchu Lamas rematou cun canto á arte. “Cando eu fago un traballo non so é para min senón para todo o mundo que o mire e se a alguén lle queda unha pegada do que eu fago non hai maior declaración de amor”.

Pola súa banda, a lingüista Rosario Álvarez dedicou a súa intervención ao propio “Don Ramón, polo que sentía fascinación”, á docencia, a súa nai e á cidade de Pontevedra. A premiada recordou “aquel 30 de xaneiro do 73 cando con 21 anos asistiu, “sentada no chan”, á conferencia en Fonseca de Otero Pedraio “e fíxome oteriana ante a súa oratoria, a súa sintaxe, o seu don da palabra”. Álvarez, que definiu como unha honra recibir este premio xunto a Lamas, “levamos vidas paralelas, tanto que nunca nos tocamos”, fixo todo un canto á docencia. “Sempre digo que son profesora, porque esa vocación ven da miña confianza no poder da educación e do coñecemento, os trazos da miña vida. Fíxeme investigadora para saber máis e poder transmitilo, a educación deume satisfaccións impagables.”. A premiada lembrou a súa nai, “unha verdadeira mestra, a quen debo a miña curiosidade cultural”, e a todas e todos mestras e mestres “porque sempre aprendín das e dos mellores”. Tamén á cidade de Pontevedra “porque as miñas raíces e a súa pegada deixaron en min todo o que fixen ata o día de hoxe”. Álvarez rematou cunha loa ao patrimonio lingüístico “como creación colectiva de homes e mulleres. Concibo a cultura en 360 graos e Galicia é o meu universo”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, como entidade anfitrioa da entrega dos Premios deste ano, foi a encargada de pechar a cerimonia. Carmela Silva enxalzou ás dúas premiadas “dúas mulleres que lle poñen altura cultural e intelectual a Galicia”. “Hoxe, dixo a presidenta provincial, Otero Pedrayo estaría feliz e diría que acertamos. Naceron dúas mulleres que traballan para que non perdamos a nosa lingua, a nosa cultura, e naceran outras que seguiran traballando para seguir construíndo”. “Hoxe, subliñou Carmela Silva, é un día fermoso porque recoñecemos a dúas mulleres que rachan coas silveiras para que poidamos atravesalas e que fan aquelo que fai que o mundo sexa mellor, a cultura. Sigamos camiñando entre silveiras, apartándoas para facer un camiño no que Menchu e Rosario van de primeiras e detrás delas tantas mulleres e tantos homes para construír a nosa cultura. Menchu enche de cor a nosa vida e Rosario dende a investigación e a palabra segue a estudiar con rigor e innovación unha lingua que é imprescindible manter viva”.

A presidenta da Deputación, que citou a Victor Freixanes, Xesús Alonso Montero, ou José Manuel Rey entre as moitas das personalidades da cultura, das letras e das artes presentes no Salón de Plenos, apelou ao orgullo “da nosa cultura creativa, da nosa arte en todas as disciplinas, un pobo cunha historia política e unha sociedade que foi deixando pegada e cunha lingua propia que é o noso pensamento, a que nos constrúe”. Carmela Silva rematou sinalando que “hoxe celebramos todo iso e homenaxeamos ás persoas que constrúen cultura”, sen esquecer “tanto tempo sen que os nomes das mulleres foron recoñecidos aínda que sempre estiveron. Por iso, resaltou, este Premio Otero Pedraio é moi especial, porque homenaxea a dúas mulleres que tanto nos dan, ás que tanto debemos e ás que próximas xeracións tanto lles deberán”.

Finalizadas as obras de mellora no Club de Remo Robaleira

0

Un convenio entre o Concello da Guarda e a Secretaría Xeral para o Deporte fixo posible o financiamento dunhas obras no club de remo Robaleira que non podían demorarse por máis tempo. O deterioro da cuberta do edificio estaba provocando estragos que se viñan agravando nos últimos anos.

O Concello, na súa política de mellora das instalacións deportivas da localidade, trasladou ao Secretario Xeral para o Deporte, Xosé Ramón Lete, a urxencia desta obra, motivada pola chegada do inverno. O alcalde, Antonio Lomba, agradece públicamente a rápida implicación do Secretario no financiamento desta actuación.

Estas obras contaron cun orzamento total de 29.383,49 €, dos cales 23.506,80 € os achegou a Secretaría Xeral para o Deporte e 5.876,69 € foron achega municipal.

Dende o club tamén trasladaron ao alcalde, Antonio Lomba e a concelleira de deportes, Montse Magallanes, o seu agradecemento pola implicación do concello na mellora das instalacións. Agora a directiva está facendo xestións para decorar con pinturas murais as paredes exteriores do edificio. O Concello tamén está disposto a ser participe desta iniciativa.

Tanto o Concello como a Secretaría Xeral para o Deporte participan neste proxecto co obxectivo de potenciar o deporte base, sendo conscientes da importancia da colaboración económica de todas as administracións para afrontar obras que beneficien ao conxunto dos cidadáns para a práctica deportiva.

Por segundo ano, Redondela mercará xoguetes para os nenos das familias usuarias dos servizos sociais

0

“O Nadal ten que ser para todos os nenos, senón non sería Nadal”, afirmou a alcaldesa Digna Rivas ao presentar, acompañada da concelleira de Servizos Sociais, Iria Vilaboa, a campaña ‘Redondela xoga en igualdade’, iniciativa pola que o Concello mercará xoguetes para, posteriormente, ser distribuídos entre as familias usuarias dos Servizos Sociais municipais.

‘Redondela xoga en igualdade’, posta en marcha o pasado ano por iniciativa da propia alcaldesa, daquela concelleira de Igualdade, será costeada nesta segunda edición por fondos propios do Concello. Non se trata dunha campaña de recollida de xoguetes, senón de mercar xoguetes novos para logo ser distribuídos. “Estamos a falar de solidariedade e non de caridade”, afirmou Rivas.

A alcaldesa agradeceu a colaboración das xogueterías Mandamamá, Don Dino e Celestadas “que cando se lles presentou a idea non dubidaron nin un só instante en sumarse á mesma e tentar a situación económica das familias, non repercuta na ilusión coa que as e os máis pequenos viven estas datas”, explica a alcaldesa redondela.

Os xoguetes que se mercarán serán, ao igual que na primeira edición da campaña, igualitarios e non sexistas porque, a través do xogo pódense inculcar valores como a igualdade, imprescindibles no camiño cara a unha sociedade máis xusta.

‘Redondela xoga en igualdade’ busca polo tanto case que un triplo obxectivo. Por unha banda que as nenas e nenos das familias máis desfavorecidas poidan desfrutar das datas do Nadal e toda a carga de ilusión que iso supón. Cúmprese, ademais, o principio de transversalidade que, en materia de igualdade, busca o Goberno local en todas e cada unha das súas actuación como ferramenta de concienciación social.

Por último ‘Redondela xoga en igualdade’ acada un terceiro obxectivo que é contribuír á dinamización dun comercio local duramente golpeado pola crise da Covid.

A Igrexa Parroquial da Guarda acolleu o tradicional concerto de Panxoliñas

0

A programación do Nadal 2021 continúa na Guarda con diferentes propostas para todos os públicos que conta con actuacións infantís, obradoiros e concertos.

Na xornada do pasado domingo a Igrexa Parroquial acolleu o tradicional Concerto de Panxoliñas, un evento musical organizado pola Coral Polifónica Guardesa en colaboración co Concello da Guarda e no que actuarán, ademais da citada coral, a Coral da Terceira Idade, o Grupo Antorcha e o Coro Cantábile.

Interpretaron temas propios destas datas de nadal ante un público entregado e moi animado.

AXENDA DE NADAL

Do 22 ao 24 de decembro

  • ELFOS DE NADAL polas rúas da Guarda
  • Horario: 22 e 23 de 17:00h a 20:00h e o 24, de 11:30h A 14:30h

Xoves 23 de decembro

  • De 16:00h a 19:00h Praza de Avelino Vicente: “GADALKA” a cargo do Mago Dani
  • Espectáculo de maxia individualizada por familias

Martes 28 de decembro

  • 18:00h Centro Cultural: “Little neno descobre a… Os Beatles”, de A Reixa Produccións
  • Reserva de entradas en eventbrite.es

Mércores 29 de decembro

  • 20:30h Centro Cultural: “Ventos de Nadal”, grupos seccionais da Agrupación Musical da Guarda

Xoves 30 de decembro

  • 18:00h Centro Cultural: TITIRICIRCUS, con Tanxarina Títeres
  • Reserva de entradas en eventbrite.es

Do 3 ao 5 de xaneiro

  • CARTEIROS DO NADAL polas rúas da Guarda
  • Horario: 3 e 4 de 17:00 h a 20:00 h e o 5, de 11:30 h a 14:30 h

Martes 4 de xaneiro

  • 17:30h Alameda: CIRCO RASNOVARAK, con Troula Animación
  • Espectáculo de rúa con animais xigantes

Mércores 5 de xaneiro

O Club Bádminton Tui celebra un existoso VI Torneo de Nadal

0

Onte domingo cerrouse a Tempada 2021 lo Club Bádminton Tui co seu “VI Torneo de Nadal”. Coa actual situación sanitaria que estase a vivir con esta nova onda de contaxios, o torneo foi moi limitado este ano, pero apesares diso puideron disfrutar dunha xornada moi divertida cos deportistas do Club Bádminton Tui e mais os do Club Bádminton Tomiño.

Como pode apreciarse nas fotos houbo un bo número de xogadores tanto na xornada matinal cos máis pequenos como pola tarde cos maiores.

Un día dos que lle gusta ao club, onde se representa deporte, amizade, compañeirismo, e que tamén houbo agasallos para participantes… #disfutandodelbádminton.

Dende o club queren agradecer ás firmas que, un ano máis, colaboraron: Gyfax, Maisqueideas-publicidade, Florería La Flor, Gadis, Froiz, Cafetería Santa Columba, Deportes Carlos Miguel, Lito Sport, Cafetería El Pilar. Ao Concello de Tui e IES San Paio por cedern as instalacións e á Deputación de Pontevedra.