A asemblea xeral do Monte Veciñal de Santiago de Covelo (concello de Covelo) acordou por
unanimidade rexeitar a instalación na súa propiedade do parque eólico da Telleira, promovido polo grupo empresarial Adelanta.
Así denuncian o intento de espolio ambiental, paisaxístico, económico e cultural, non só deste monte, senón en toda Galicia.
O monte veciñal de Covelo non se opón ao desenvolvemento da enerxía eólica no país,
necesario para a descarbonización e a electrificación da enerxía consumida, mais entende que a actual planificación dual da Xunta e do Estado posúe 3 trazos que a fan indesexable:
É socialmente inxusta
Porque os prexuízos e os impactos son para a xente do rural, por mor da construción de novas vías de acceso aos montes, de multitude de liñas de alta tensión, do ruído, a reclasificación e cambios dos usos do solo, a perda de valor das propiedades, o impacto paisaxístico… mentres que os beneficios son para uns poucos debido á centralización e ao oligopolio eléctrico.
Economicamente é un roubo
Porque apenas o 1% da facturación anual dos PPEE recae nos propietarios dos montes onde están situados segundo datos do OEG (Observatorio Eólico de Galicia) e as empresas poden expropiar os terreos.
É ambientalmente insustentable
Porque o actual Plan Sectorial Eólico carece de avaliación ambiental estratéxica e os espazos
protexidos en Galicia son moi reducidos pois a ampliación da rede Natura 2000 foi paralizada.
O Monte Veciñal de Santiago de Covelo forma parte dende 2018 do rexistro ICCA, elaborado polo Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente. É a primeira área da península Ibérica (xunto á CMVMC de Froxán) e a terceira de Europa en acadar este recoñecemento.
Esta listaxe recoñece os mellores exemplos da xestión comunal do territorio por parte dos seus habitantes.
As liñas mestras de ICCA, nome baixo o que se recoñecen todos aqueles territorios xestionados polas comunidades locais, xiran en torno a tres puntos principais: unha comunidade ben definida e vencellada ao territorio (a veciñanza); un sistema propio de gobernanza e toma de decisións que teña en conta a participación da mencionada comunidade (a asemblea); e un compromiso de conservación e uso sustentábel do hábitat para evitar danos ou deterioro medioambiental (o monte).