Mércores, 11 Decembro de 2024

Ponteareas presenta este mércores o calendario que difunde o seu patrimonio cultural e natural

O acto será ás 20.00 horas no salón de plenos da Casa do Concello

Ponteareas presentará este mércores ás 20.00 horas o seu Calendario Galego 2022 no salón de plenos da Casa do Concello. O seu deseño está baseado nos aspectos máis relevantes do patrimonio cultural e natural da vila do Tea e, en palabras da alcaldesa, Cristina Fernández Davila “será un calendario que poña en valor as grandes singularidades que fan de Ponteareas un lugar único e do que poder presumir”. O acto de presentación estará aberto a toda a veciñanza ata completar aforo.

O concelleiro de Lingua, Fernando Groba, destaca que o calendario deste ano conta con viñetas de Ignacio Vidales Tomé, o xornalista e caricaturista ponteareán que debutou como debuxante en 1917 na revista Vida Gallega, despois colaborou en El Tea, Don Quijote, El Galleiro, Faro de Vigo e El Pueblo Gallego, e que cos seus debuxos e un estilo sutil e irónico retratou os aspectos negativos dunha Galicia caracterizada pola fame, a pobreza, a emigración e a falla de igualdade social. O edil quere destacar “o gran traballo de Miguel Novoa Iglesias para difundir e poñen en valor a figura de Vidales Tomé”, e afirma que “grazas a súa colaboración podemos contar coas súas viñetas neste calendario”.

O legado de Vidales Tomé está ben continuado pola boa factura de debuxantes que hai en Ponteareas, como Pablo Prado e Anémona de Río, que publicaron recentemente dous álbums con Galaxia e Xerais: “O derradeiro libro de Emma Olsen”, adaptación da novela de Berta Dávila, e a “A proba da auga”, e tamén Sergio de Arcos. Os tres foron gañadores do premio de banda deseñada de O Garaxe Hermético.

A partir do xoves todos os veciños que o desexen poderán adquirir o seu calendario de maneira gratuíta na Casa do Concello e na Biblioteca Municipal. “Dende o Concello queremos deixar este agasallo de Nadal a toda a veciñanza”, conclúe o edil.