11.8 C
Pontevedra
Mércores, 1 de Maio de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaExpertos subliñan a agrocompostaxe como unha das mellores ferramentas contra o cambio...

    Expertos subliñan a agrocompostaxe como unha das mellores ferramentas contra o cambio climático

    Persoas investigadoras das universidades Miguel Hernández de Alacant e da Universidade Pública de Navarra puxeron hoxe de relevo nas ‘Xornadas Revitaliza sobre agrocompostaxe’ a utilidade dos compost para mellorar a produtividade da terra e axudar a mitigar o cambio climático. Sobre esa base, salientaron a necesaria colaboración entre os concellos e o sector agrogandeiro a través da agrocompostaxe –unha iniciativa que pretende potenciar na provincia a Deputación a través do Revitaliza- xa que as dúas partes obteñen beneficios mutuos: uns dan un uso útil aos residuos urbanos que hoxe mandan a queimar e outros obteñen abonos e emendas orgánicas de calidade -moi escasas na actualidade- para os solos nos que queren producir.

    O profesor Inazio Irigoien, da Universidade de Navarra, fixo fincapé en que a Terra está a perder fertilidade e incluso desertizándose a pasos axigantados porque perde materia orgánica no solo, en concreto nas terras agrarias porque se utilizan de maneira maioritaria abonos químicos. Subliñou que o mellor método para protexer e rexenerar terreos que baixan en fertilidade é introducir de maneira periódica abonos orgánicos, con efectos positivos tanto a curto como a longo prazo.

    De maneira máis global, explicou outro beneficio de introducir materia orgánica na terra: o secuestro de CO2 da atmosfera. Puxo varios estudos sobre a mesa comparando a aplicación de abonos químicos e orgánicos e indicou que dado que as emendas orgánicas son as que máis carbono acumulan no solo, a aplicación de compost non só mellora a fertilidade, senón tamén o balance neto de emisión de gases de efecto invernadoiro.

    Como conclusión, Irigoien subliñou que a agricultura e a aplicación de materia orgánica ao solo “é das poucas ferramentas que existen para mitigar o cambio climático”. Lembrou que incluso a FAO destaca que o carbono que achegan os biorresiduos ao solo “é un tesouro”, polo que instou a desenvolver proxectos colaborativos e de simbiose entre as administracións e os axentes agrogandeiros para a xestión de biorresiduos urbanos.

    Na mesma liña se explicou a representante da Universidade Miguel Hernández de Alacant, Ana García Ráncez, que indicou que a “agrocompostaxe pode ser a forza motriz na mellora da xestión da biomasa non produtiva”. Formulou no debate incluso que reintegrar á terra os biorresiduos urbanos e municipais eliminaría da atmosfera máis CO2 que pasar todos os coches de combustión a eléctricos. “Serían medidas complementarias, mais aí vese a importancia de recuperar os biorresiduos”, apuntou.

    Tamén o especialista en residuos Ramón Plana subliñou que a día de hoxe existe unha “oportunidade” para desenvolver a agrocompostaxe e salientou varios aspectos chave para construír un modelo de compostaxe agrícola como o que pretende a Deputación: ter unha normativa clara para o modelo (como parece vai desenvolver en breve o Estado), formación técnica axeitada, supervisión e apoio técnico externo ás plantas, e garantías do servizo temporais e económicas.

    Pola súa banda, o asesor de residuos provincial Carlos Pérez abondou máis no anuncio que onte realizou o vicepresidente Mosquera de abrir unha liña de axudas provinciais para proxectos de agrocompostaxe na provincia. Indicou que haberá apoios tanto aos concellos que realicen unha boa recollida de biorresiduos, para que lle resulte máis barata a recollida selectiva que levar a incinerar, e por outra parte apoios ao sector agrogandeiro que se involucre na recepción e tratamento dos biorresiduos urbanos para xerar abonos orgánicos que despois poderán ser usados para fertilizar os seus campos.

    O resto das intervencións das Xornadas Revitaliza estiveron centradas en casos prácticos sobre agrocompostaxe sobre os que beberá o proxecto provincial, como o do Priorat en Barcelona, e tamén sobre a normativa que se está a aplicar noutros territorios, como en Navarra, onde está en marcha unha nova lexislación que fomenta a compostaxe a escala, aplica un Fondo de Residuos no que se grava mediante un imposto o verquido de residuos, e se fomenta unha tramitación sinxela e cuns requerimentos técnicos máis simples e fáciles de cara a utilizar o compost que se xera nas plantas de compostaxe no territorio próximo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.