Venres, 22 Agosto de 2025

O Concello da Cañiza denuncia un cuarto sabotaxe na rede de abastecemento de auga

0

O Concello denunciou esta mañá ante o Cuartel da Garda Civil da Cañiza o cuarto atentado e sabotaxe á rede de abastecemento de augas de consumo do casco urbano. Unha denuncia que se suma á presentada o pasado 10 de setembro de 2020 e tamén o 7 de outubro de 2021. Datas nas que os empregados do servizo de Augas Municipal atoparon saboteados os sistemas eléctricos desta instalación, cando realizaban as inspeccións diarias nos depósitos de cabeceira.

Estas tres denuncias se suman aos feitos acontecidos o pasado 18 de marzo deste ano,  pola tarde, cando se declaraba un incendio nunha pequena parcela do monte que sube ao Pedroso, situada a escasos metros do Campo de Fútbol de Augas Férreas, calcinando completamente o sistema eléctrico da caseta nº 8 da rede municipal.

Así, prodúcese novamente un dano intencionado no sistema eléctrico dunha das instalacións que da servizo ao depósito de cabeceira de Portoaugavella (un dos dous tanques que forman parte da Rede de Abastecemento da Cañiza) desaparecendo tamén máis de 80 metros de cable trifásico.

Feitos que provocaron a parada do motor do pozo, repercutindo nos aportes de auga a este depósito e que a pesar da súa gravidade, tivo pouca incidencia no servizo xa que o tanque puido recuperarse rápidamente,  grazas tamén a todos os traballos que nos últimos anos o Concello está desenvolvendo para aumentar os aportes de auga.

Esta caseta é unha das instalacións máis importantes do sistema hidráulico municipal porque nela confluen a metade dos nacientes e aportes de auga aos tanques de cabeceira. O Concello aínda que non tiña probas de que fose intencionado, presentou tamén unha denuncia no Cuartel da Garda Civil por si poidera existir algunha conexión coas dúas denuncias anteriores de intento de sabotaxe ao servizo municipal de abastecemento de augas.

O alcalde da vila, Luis Piña, volveu a recordar esta mañá que o dano ás conduccións de aguas, a distracción do curso das augas e ao desabastecemento deste ben como produto de primeira necesidade está tipificado no código penal, xa que pode por en risco o subministro de auga potable ás vivendas do núcleo.

Comedia, autoficción e danza este sábado en Tomiño

0

O Concello de Tomiño continúa cunha oferta cultural de calidade deseñada para o desfrute do público adulto os sábados e para público familiar e infantil os domingo. Esta fin de semana chegan novas propostas, unha delas ‘Baila agora’, a primeira peza escénica da bailarina Marta Alonso Tejada, unha orixinal combinación de comedia, autoficción e danza gañadora do premio Espectáculo Revelación en Galicia no ano 2021 e de numerosos galardóns como o María Casares nos que se destaca a orixinalidade da linguaxe, da interpretación e da iluminación.

Alonso subirá ao escenario do auditorio municipal de Goián para facer gozar ao público desta sorte de imperativo cara ao posicionamento no presente social e persoal a través da danza. Un impulso que leva a todas as persoas asistentes a situarse no tempo actual, no afecto e na emoción do que están a compartir aquí e agora bailando. A danza, o humor e a proximidade co público xeran unha atmosfera particular do cotiá, do natural, do común e do esperanzador que se comparte na escena.

Dirixido a público maior de 16 anos, ‘Bailar agora’ é unha historia dunha bailarina que nace e medra nas décadas dos 80 e 90 e que amosa cunha orixinal linguaxe escénica os sacrificios que implican ter unha traxectoria profesional nunha arte tan esixente no físico como a danza, xa que nada é suficiente para eludir o declive prematuro dos e das profesionais desta disciplina.

“Con actuacións como esta damos cabida na nosa programación cultural á danza, que para nós é unha arte escénica importante, e creamos espazos nos que o público pode achegarse dun xeito sinxelo e cómodo a esta e outras disciplinas”, como salienta a alcaldesa, Sandra González.

A obra comezará ás 21.00 horas e a entrada terá un prezo de 5 euros.

A auga e o seu aproveitamento, a debate este xoves no Rosal

0

A auga é un recurso imprescindible para a vida, para as actividades humanas e para o desenvolvemento da agricultura e gandaría. A auga doce e potable convértese hoxe en día nun ben moi prezado e limitado que debe coidarse con especial agarimo dada a crecente demanda e a súa escasez nun contexto cada vez máis claro de cambio climático.

Para abordar estas e outras cuestións, a técnica da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil Marta Arribas visitará este xoves 20 de outubro no Rosal para impartir a súa charla ‘A auga, un recurso imprescindible’, no que informará sobre a legalización de aproveitamento de auga para rego e consumo humano.

A charla, que forma parte do programa de actividades culturais postas en marcha polo Concello do Rosal para este outono, terá lugar a partir das 17.00 horas no Centro Social Polivalente. Todas as persoas interesadas en participar poderán acceder á charla de balde con entrada libre ata completar aforo.

“Sempre é positivo difundir entre a veciñanza conceptos básicos para un uso responsable da auga e orientalos ademais, como é nesta ocasión, cara ao seu aproveitamento tanto para o seu uso nos nosos fogares para consumo como para outras actividades como pode ser o rego. Queremos conseguir un uso eficiente deste recurso”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, que convida a todas e todos os rosaleiros a participar neste encontro.

COGAMI recibe un donativo da oficina de CaixaBank de Mos

0

O presidente da Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade da provincia de Pontevedra (COGAMI Pontevedra), Ángel Holguera, recibiu un donativo da man do director de CaixaBank de Mos, Francisco Javier Escáneo, para investir no proxecto de Atención Integral a Persoas con Discapacidade na provincia de Pontevedra.

Cun importe de 5.000 euros, este orzamento vai ser investido en servizos de rehabilitación da linguaxe, onde se realizan intervencións individualizadas presenciais en entidades e domicilios de persoas usuarias e tamén intervencións online a través de conexións de videochamadas con persoas usuarias do servizo.

Outros servizos que presta a Federación COGAMI Pontevedra a través do proxecto de Atención Integral son o de informar e asesorar a persoas con discapacidade e familias,  realizar sensibilización social e intervención individualizada, así como ofrecer apoio para a xestión e acceso a subvencións públicas que posibiliten a súa autonomía a aquelas entidades membro con poucos recursos e sen persoal especializado.

A Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade Física de Pontevedra constitúese legalmente o 3 de marzo de 1989. Actualmente está conformada por 17 asociacións membro de persoas con discapacidade e conta con 3.200 persoas beneficiarias dos servizos que presta este movemento asociativo en toda a provincia.

Este venres chega a Tui o espectáculo ‘Papagena’

0

Este venres 21 de outubro, ás 21.30 h, no Teatro Municipal de Tui haberá cita de ópera contemporánea da man de Butacazero. A compañía representará o espectáculo ‘Papagena’, unha ópera electrónica a partir da figura de Papagena da Frauta Máxica de Mozart. A obra analiza e fai unha re-lectura dende unha mirada actual dese personaxe.

O compositor da ópera, Iago Hermo, quixo tamén basear a súa obra nun dos maiores procesos de avance político-social dos últimos tempos: a loita contra o sexismo. Así, unha soprano, Esperanza Mara; un barítono, Jacobo Rubianes Castelo; e un músico en escena, Iago Hermo; serán os piares desta peza, que está cantada en galego.

A sinopse está baseada na figura de Papageno, quen na peza clásica anda sempre á procura dunha “paxariña” que lle dea moitos fillos e fillas. Nesta re-lectura electrónica, Hermo explora non só as relacións tóxicas de parella senón tamén os clixés operísticos tradicionais, poñendo no centro da peza á personaxe de Papagena.

Cunha duración de 50 minutos, está recomendada para maiores de 12 anos. As entradas son gratuítas pero é necesaria a súa reserva en tui.gal até media hora antes do inicio da función.

Toda a información deste outono de teatro en Tui pódese consultar na web tui.gal e nas redes sociais do Concello.

As parroquias de Baiona participan no programa “Cultiva a Mente”

0

Imaxe de arquivo do programa “Cultiva a Mente” en Gondomar

O Concello de Baiona leva as parroquias do municipio o programa de prevención ao deterioro “Cultiva a Mente”.

A actividade está dirixida a persoas maiores de 55 anos sen deterioro cognitivo, interesadas na prevención do deterioro cognitivo e o coñecemento do envellecemento activo.

O obxectivo é o fomento de hábitos saudables dende un enfoque activo e positivo en áreas cognitivas, emocionais, funcionais e sociais como precursor dun axeitado mantemento de vida independente nas persoas adultas maiores participantes.

A metodoloxía é activa e dinámica, sempre cunha explicación e capacitación da funcionalidade e obxectivo de cada serie de exercicios e propostas.

Itinerario das sesións:

  • Acollida
  • Información e formación teórica sobre hábitos e capacidades
  • Desenvolvemento de actividades e exercicios de base cognitiva
  • Desenvolvemento de actividades e exercicios de base funcional e motriz
  • Desenvolvemento de actividades emocionais e sociais
  • Peche: planificación da próxima sesión e proposta de actividades a domicilio

As sesións desenvolveranse entre Outubro 2022 e Xuño 2023, realizaranse unha vez por semana e teñen unha duración de unha hora e media, serán impartidas polo equipo técnico de AFAGA.

A actividade de “CULTIVA A MENTE” está próxima a comezar nas parroquias, tralo éxito do desenrolo da actividade en Baiona no edificio multiusos Ángel Bedriñana, r/ Carabela La Pinta. Nas parroquias se levará a cabo nos seguintes lugares e co seguinte horario: Baredo, Centro Cultural. Xoves 18:30-20:00. Belesar, Centro Cultural. Xoves 11:00-12:30. Sabarís, Multiusos. Martes 11:00-12:30. Baíña, Centro Cultural. Martes 18:30-20:00.

Requisito necesario: persoas empadroadas no Concello de Baiona.

As persoas interesadas en participar poderán recoller os impresos da súa solicitude no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Baiona, de luns a venres en horario de 9 a 14 horas. Deberán rexistrar dita solicitude por rexistro de entrada do Concello de Baiona, horario de atención ao público, de 9 a 14 horas. Máis información chamando ao teléfono 986 38 59 26.

Na folla de inscrición se recollen os seguintes datos: nome e apelidos, enderezo, n.º DNI, data de nacemento, teléfono de contacto.

Estas actividades xa veñen realizando no Multiúsos Anxo Bedriñana l na rúa Carabela A Pinta.
Xa son moitos os veciños do municipio que se beneficiaron destas actividades, nunha experiencia que cualifican moi enriquecedora para todos eles. Coa firma deste convenio reforzaranse as accións.
O Concello de Baiona e a asociación Afaga Alzhéimer, asinaron por primeira vez o pasadp mes de xuño un convenio para desenvolver accións conxuntas en beneficio das persoas con demencia e dos seus familiares.

Trátase da primeira vez que se rubricou este tipo de convenio no consistorio baionés e a asociación. A colaboración entre ambas as entidades ten por obxecto impulsar actividades conxuntas que melloren a calidade de vida das persoas con demencia e/o os seus familiares.
O alcalde, Carlos Gómez, e a concelleira de servizos sociais, Conchy Vara, “queren agradecer a AFAGA o seu traballo pola saúde dos e as maiores” e lembran que no Concello “sempre camiñaremos da man das asociacións que traballan para mellorar o benestar da veciñanza”.

O rexedor finaliza destacando “o compromiso do Concello en proporcionar recursos á nosa poboación e dar continuidade aos programas, sendo unha resposta dos dereitos que a cidadanía demanda”.

Comeza a funcionar a Aula UNED do Porriño

A Aula UNED do Porriño abre a inscrición nos seus dous primeiros cursos de extensión universitaria.

A primeiro deles, o  “Programa de reforzo educativo para a obtención do título de ESO para adultos” que se desenvolverá do 25 de outubro de 2022 ao 31 de maio de 2023 de maneira presencial. As clases impartiranse de martes a venres de 18 h a 21 h e os sábados de 10h a 13h e prepararanse as materias incluídas nos tres eidos  dos que consta a proba (científico-tecnolóxico, comunicación e social).  Está dirixidas a maiores de 18 anos que non dispoñan desta titulación.

A matrícula ordinaria é de 40€ e gratuíta para os alumnos e alumnas empadroados no Porriño.

A segunda, o curso de “Comunicación Empresarial en Inglés” dirixido a todas as persoas interesadas cun nivel de inglés xeral de partida preferiblemente igual ou superior a B1.  O alumno adquirirá os coñecementos necesarios para efectuar con éxito comunicacións verbais e non verbais en lingua inglesa que lles permitirán desenvolverse socioprofesionalmente no eido internacional.

O curso desenvolverase do 28 de outubro do 2022 ao 17 de febreiro de 2023 (en horario de tarde) podendo elexir a asistencia presencial ou a online en directo ou en diferido. Componse de 40 horas lectivas, 2 créditos ECTS.

A matrícula é de 80 €.

O CB Nigrán homenaxea a “Tino” na súa presentación de temporada

0

O Club Baloncesto Nigrán viviu onte a festa de presentación dos seus 10 equipos para esta nova tempada 2022/2023, que terminou cunha homenaxe emotivo a “Tino”, traballados do pavillón, recentemente falecido.

O acto comezou co desfile dos dez equipos que competirán esta tempada, e que fixeron a súa aparición en pista ao son dunha banda específica para cada un deles.

O primeiro equipo en aparecer en pista foi o equipo senior masculino, a continuación fixeron o mesmo o equipo junior masculino, seguidos do equipo cadete masculino vermello e o  equipo cadete masculino negro. De seguido, apareceron en pista o equipo cadete feminino, o equipo infantil feminino e o equipo infantil masculino. Os últimos en saír e desfilar foron o equipo mini mixto, o premini mixto e, pechando o desfile, os máis pequenos do club, o equipo baby.

Cos equipos desfilaron os seus respectivos adestradores que, baixo a dirección deportiva do Club, levarán a cabo o traballo coas diferentes categorías ao longo de toda aa tempada. José Valeiras será o técnico do senior Masculino, Adrián Ramonde do junior masculino, Álex Holguin do cadete vermello e Héctor López do cadete negro. Xavier Barra dirixirá ás cadetes, Nuria Gómez será a responsable dos equipos infantiles, tanto masculino como feminino, ademais do mini mixto. Por último, Alex Iglesias será o adestrador do equipo premini mixto e Antón Fernández do equipo Baby.    

Ao acto asistiron o deputado provincial Gorka Gómez, o alcalde de Nigrán, Juan González e varios membros da corporación, así como o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín, ao que a presidenta do club entregou unha placa agradecendo o seu apoio dende os inicios do club.   

Xunto a eles estaban tamén os familiares de Florentino Martínez Pereira, ao que todos coñecían como Tino, traballador do pavillón nos últimos anos ao que todos os xogadores e adestradores do Club nigraniense rindieron un sentido homenaxe coa frase “Gracias Tino, nunca te olvidaremos” mentres un patinador do Club Patinaxe Nigrán representaba en pista unha coreografía especial coa canción de fondo “Héroe”, de Antonio Orozco.

A esta homenaxe sumouse o Concello de Nigrán. O alcalde, Juan González, descubriu unha placa que dá nombre a unha das salas de fitness e que, a partir de agora, levará o nome de Florentino Martínez Pereira “Tino”.

A presidenta do CB Nigrán, Nuria Gómez Domínguez, moi emocionada, fixo entrega á muller, hermana e fillos de Tino, dunha placa agradecendo toda a axuda e o compromiso que sempre demostrou hacia o Club e sus componentes, algo que realizou sempre cun gran sorriso e amabilidade, facéndose así co cariño e o respeto de toda a familia do CB Nigrán.

El acto rematou coa foto de familia de todo o club na grada e coa ilusión de que esta nova tempada 22/23 traiga grandes momentos deportivos para todos.

A mellora da EP-4006 ente As Neves e Ponteareas xa é unha realidade

0

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar o convenio de colaboración co Concello das Neves para a mellora da mobilidade peonil na EP-4006, que conecta a este municipio con Ponteareas. As obras teñen un orzamento de 258.395 euros que serán financiados pola institución provincial de xeito integro, xa que mediante este convenio a Deputación asume o 80% do orzamento mentres que o outro 20 % será sufragado polas Neves a través do Plan Concellos. Deste xeito, a Deputación continúa a espallar o seu modelo de mobilidade amable, sostible e segura por toda a provincia.

Máis polo miúdo, as actuacións levaranse a cabo nun tramo de 480 metros situados no Concello das Neves e comprendido entre a rotonda que comunica a EP-4006 coa EP-4002 e o IES Pazo da Mercé. Ademais da execución dunha senda peonil de 2,5 metros de ancho, as obras comprenden o incremento do espazo ocupado polas beirarrúas, a ordenación do tráfico rodado e o calmado da velocidade mediante un novo paso de peóns sobreelevado. Así mesmo, incrementarase o ancho da beirarrúa da marxe esquerda e mellorarase a seguridade viaria mediante unha reordenación dos carrís e das zonas de estacionamento. A maiores o proxecto contempla a execución dunha nova rede de pluviais, a canalización de alumeado público, a mellora do mobiliario urbano e a plantación de 30 árbores de sombra. As obras comprenden tamén a sinalización completa no tramo de actuación.

O Plan Concellos da depuración mellorará o saneamento de Vilaza, en Gondomar

0

A veciñanza da Rochela, na parroquia de Vilaza de Gondomar, verá cumprida a súa demanda de contar cun sistema de saneamento en todo o núcleo. Farao trala aprobación por parte da Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra dunha achega de 111.176 euros do Plan Concellos. Os fondos provinciais empregaranse ademais para a pavimentación da zona.

O proxecto consiste na ampliación do servizo de saneamento de augas residuais neste núcleo mediante a instalación dun colector de recollida cos correspondentes pozos de rexistro, o que mellorará as condicións medioambientais tanto da veciñanza como da contorna. Ademais, tamén se formula a mellora da capa de rodadura dos viarios.

Dous policías feridos nunha complicada detención nun local de ocio nocturno de Redondela

0

Un Policía Nacional unha axente da Policía Local de Redondela tiveron que ser atendidos de diversas lesións como consecuencia dunha complicada detención acontecida na mañanciña do domingo. Os feitos, aconteceron pasadas as 04:00 horas cando se recibiron numerosas chamadas informando de que un varón atopábase causando destrozos nun local situado na Avenida Mendiño.

Persoada a patrulla da Policía Local disponible co apoio urxente da Policía Nacional, procederon a detención deste varón coñecido polas forzas e corpos de seguridade pola súa actitude violenta.

Pouco despoís, cara ás 5 da mañá e na Avenida de Vigo, en Chapela, os axentes da Policía Local tiveron que intervir novamente logo de recibir un aviso da veciñanza alertando dunha muller que, con presuntas intencións suicidas, estaba atrincherada no seu domicilio e causaando molestias ao vecindario.

Finalmente, non foi preciso derrubar a porta xa que accedeu a abrir para que puideran entrar os servizos médidos.

Estas intervencións mantiveron a patrulla da policia local ocupada durante 7 horas.

SmartPeme comeza hoxe os novos obradoiros da semana

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana cinco novas accións formativas mixtas impartidas de xeito online e presencial, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán temas como a ciberseguridade, a creación de blogs, a iniciación ao SEO, Social Media Listening e a programación con Arduino.

Este luns 17 de outubro, Manuel Freire, experto universitario en Robótica, programación e impresión 3D, será o encargado de impartir o obradoiro “Ciberseguridade, como facer un contrasinal seguro”. Este curso ten como obxectivo facer ver ao usuario a importancia de ter un contrasinal ben definido e distinto para cada servizo.

O martes 18, na quenda da mañá ás 11.00 horas, Patricia Cabaleiro, postgraduada en Turismo pola Universidade de Santiago de Compostela, será quen conduza o taller “Como crear o teu blog turístico”. Esta acción pretende amosar esta ferramenta de capitación de clientes, os seus beneficios e dar ideas de sobre que escribir. Na quenda da tarde, a partir das 18.00 horas a través de Zoom, terá lugar a acción “Iniciación ao SEO I: Conceptos, palabras clave e primeiros pasos”, neste primeiro taller as e os participantes achegaranse aos conceptos básicos que o compoñen e verán o proceso de transformación dun sitio web para mellorar o posicionamento nos principais buscadores. O titor deste obradoiro será Adrián Fernández, comunicador con ampla experiencia e traxectoria profesional asesorando a empresas de diversos sectores no ámbito da comunicación dixital e o márketing dixital.

A xornada do mércores 19 de outubro estará guiada por José Luis Taboada, enxeñeiro informático con máis de 20 anos de experiencia, coa acción “Social Media Listening, descobre que di de ti nas redes sociais”, unha ferramenta que permite crear contido  e compromiso coa túa marca, aspectos clave da mesma e casos de éxito.

O derradeiro dos obradoiros será o xoves 20 ás 11.oo horas. “Programación con Arduino I. Teorico II” o obxectivo é o de iniciarse adquirir certa soltura cunha das linguaxes de programación máis populares actualmente. Consistirá nunha formación mixta, que combinará 3 talleres teóricos en liña de dúas horas de duración cada un e 1 taller práctico presencial de catro horas. Este curso será impartido, tamén, polo experto Manuel Freire. 

A Policía Local de Redondela pide a colaboración cidadá para atopar ao dono dunha cadela abandonada

0

Os axentes, foron requeridos na tarde do sábado ao atopar á veciñanza unha cadela presuntamente abandonada preto da farmacia de Reboreda atrapada entre uns matorrais e silvas, sendo rescatado por un axente da Policía Local coa axuda dun veciño. O animal levaba un cartel atado ao seu pescozo coa lenda “Me llamo Estrella. Cúidame. Gracias”.

Unha vez rescatada, oa axentes procederon a trasladala á clínica Santa Mariña quen, como sempre, estivo disposta á colaborar algo que agradece a Policía Local redondelá.

A persoa que poida coñecer ao propietario ou propietaria da cadela poden poñerse en contacto coa Policía Local de Redondela que lembra que a conduta de abandono dun animal, está recollida e penada no Código Penal.

Por sorte, dende a clínica deron conta que conseguiron darlle unha casa de acollida ao animal.

O alcalde de Tui fai unha visita á base da BRILAT

0

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, acompañado das concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, e de Igualdade, Ana Núñez, realizou esta semana unha visita ás instalacións da BRILAT en Pontevedra respondendo ao convite feito polo xeneral xefe  da Brigada de Infantería Lixeira “Galicia” VI,  Luís Cortés.

Na visita realizaron un percorrido polas instalacións da Base “General Morillo” en Pontevedra e o alcalde asinou no libro de honra.

Enrique Cabaleiro explica que con esta visita “recoñécese a especial relación de colaboración entre o Concello de Tui e a BRILAT, que xa ven de lonxe”.  Cómpre lembrar que a BRILAT é confrade de honra de San Telmo, participando cada ano na procesión do patrón da cidade, e dende Tui sae anualmente o concurso de Patrullas que organiza esta unidade do exército polo Camiño de Santiago entre Tui e Compostela.

Movemento Salceda lembra os incendios de outubro de 2017

Movemento Salceda ven de anunciar a denominada “Andaina da esperanza”, que lembrará os terribes incendios do 15 e 16 de outubro de 2017 cinco anos despois. A cita será o vindeiro sábado 22 de outubro con saída ás 10 da mañá dende o Centro Cultural O Coto de Budiño, e conta coa colaboración das diferentes comunidades de montes veciñais en man común do Concello de Salceda. O percorrido, duns 6 km de lonxitude, acollerá tamén unha pequena plantación de árbores autóctonas, como símbolo desa esperanza cinco anos despois dunha noite que ninguén quixese lembrar. Para participar na actividade é preciso inscribirse a través de whatssapp nos números 699606562 e 608271716, ou a través de correo electrónico en [email protected].

Salceda foi un dos Concellos nos que os lumes de 2017 tiveron unha grande repercusión, con 910 hectáreas queimadas, 567 de monte comunal, o que supuxo o 25,52 % da superficie total do Concello, e con comunidades de montes veciñais como a da parroquia da Picoña que perdeu máis do 90% da súa masa forestal. Seis das sete comunidades de montes foron afectadas polos lumes, salvándose unicamente os montes da parroquia de Entenza. O movemento veciñal foi fundamental tanto para conseguir dar por extinguidos os lumes como posteriormente nas tarefas de recuperación do monte, para o que máis de 80 persoas voluntarias deitaron 15 toneladas de palla nas superficies queimadas.

Movemento Salceda quere lembrar o acontecido cinco anos despois, recoñecendo unha vez máis o traballo impagable de cantas persoas saíron a botar unha man na noite do 15 de outubro de 2017, así como a actuación de Protección Civil, Policía Local, Garda Civil e demais forzas e corpos de seguridade que se volcaron para que os danos fosen os menores posibles.

Loli Castiñeira, voceira de Movemento Salceda, indicou que “non podemos esquecer o que pasou aquela noite tan difícil no noso Concello. Con este acto queremos quedarnos co positivo, coa esperanza de que non volten producirse este tipo de incidentes, coa esperanza de que aos nosos montes lles agarda un futuro prometedor e coa esperanza de que a veciñanza de Salceda seguirá a ser exemplo de solidariedade e de que sempre está onde se lle precisa. Será un día alegre, un día de convivencia no que están convidadas tódalas persoas que desexen asistir a pasar esta fermosa mañá de convivencia e natureza”.

Nigrán porá en valor un gran petroglifo en Camos

0

O maior petróglifo de círculos concéntricos de Nigrán será desvelado para o gran público nas vindeiras semanas. O municipio ven de sumar ao seu de por si rico patrimonio arqueolóxico un novo achado: un gran gravado no monte de Verdiños (Barrio da Rotea), na parroquia de Camos, que estaba sen catalogar e do que  non se tiña constancia. O petrogifo foi descuberto este ano polo presidente da Comunidades de Montes de Camos, Gerardo Ferreira, e analizado polo Instituto de Estudos Miñoranos e Árbore Arqueloxía. Agora será posto en valor polo Concello de Nigrán ao incluírse no proxecto para  limpar, restaurar, desbrozar, obter calcos dixitais 3D e sinalizar xunto a outros 7 si coñecidos de Chandebrito, Priegue, Panxón e Parada. Aí será cando o descubra o gran público.

O gran valor deste gravado é que consitúe xa o de maior tamaño de circunferencia en todo o municipio, con 1 metro de diámetro (o habitual son 30 ou 40 cm), superando así ao do Currelo (Priegue), o maior ata este novo achado. A maiores, contén un motivo aparentemente antropomórfico que se estudiará polo míudo para tratar de identificar. Ambos elementos datan da Idade de Bronce (2.500 a.C.). Ademais, consta tamén de dous gravados cruciformes habituais da época medieval, cando deste xeito se trata de ‘cristianizar’ todo o que resulte aparentemente pagán, como sucedeu con moitos petroglifos ou castros. Actualmente a pedra de soporte atópase cuberta de piñeiros e vexetación, toxos, fentos e gramíneas que impiden delimitar as laxes con precisión, ademais está parcialmente cuberto de terra, liques, musgos e briofitas.

“Foi unha sorpresa moi grande este achado e, loxicamente, queremos preservalo e sinalizalo para que forme parte da riqueza patrimonial de Camos e, por ende, de todo o municipio, por iso arrancamos xa co proceso de catalogación oficial”, indica o alcalde, Juan González. “Despois da época medieval debeu ir quedando a poboación da zona sen testemuña do mesmo e non se atopou ata agora pola gran inclinación da rocha e a posición do mesmo”, razoan desde Árbore.

O Concello porá en valor este de Verdiños/Rotea (único non catalogado) o de Chan de Rapadouro e Rabete (Chandebrito); Monte Eiró (Parada); Penisas Pequenas e do Duque (Panxón); Currelo e Outeiro Grande ou Requeixadas (Priegue). Todos eles están sen sinalizar (agás o do Monte Eiró, pero o panel se atopa en mol mai estado) e precisan da súa limpeza e restauración.

“Queremos amosar a riqueza arqueolóxica que ten Nigrán ao tempo que preservamos os xacementos. Ademais, os 8 sumaranse as rutas de sendeirismo que establecemos no 2018 ampliando así as posibilidades turísticas do municipio e dándolle un pulo non estacional”, sinala o alcalde.

Concretamente, o proxecto consistirá na limpeza e acondicionamento destes elementos (a día de hoxe cubertos de vexetación e os soportes con bastantes liques e musgo), rexistro fotogramétrico dos mesmos e calco dixital 3D e, finalmente, sinalización específica que os integre a todos dentro dun mesmo percorrido a través dun código QR de localización, con sinalización adicional de frechas direccionais desde as estradas máis próximas. “Obviamente, nos paneis informativos aproveitaremos para divulgar outros elementos patrimoniais de interese próximos, como podería ser a mámoa das Requeixas en Priegue”, subliña o rexedor.

Gondomar ofrece asesoramento gratuíto ao comercio para a revisión das facturas eléctricas

0

O Concello de Gondomar a través dun convenio asinado coa Federación Provincial de Comercio Turismo e Mercados de Pontevedra, ofrecerá un servizo de asesorameto gratuíto en materia de consumo eléctrico, para calquera comercio ou empresa ubicada en Gondomar.

A través de este convenio de colaboración asinado entre o alcalde Paco Ferreira e o Secretario Xeral da Federación, Enrique Nuñez, os comerciantes de Gondomar disporán dende o 17 de outubro e por un período de un mes, dun servizo de asesoramento en materia enerxética.

Deste xeito os comerciantes que o desexen poderán dirixirse á Federación Provincial, e especialistas na materia analizarán os seus contratos e facturas e lles facilitarán asesoramento, analizando as distintas opcións existentes no mercado, para facilitarlles a oferta que mellor se adapte ao seu negocio.

Para beneficiarse deste servizo so deberán remitir ás súas facturas por correo electrónico a: [email protected] para que os técnicos da Federación Provincial realicen un estudo individualizado  dos consumos do establecemento, buscando erros na facturación e plantexando a alternativa que poida ser máis vantaxosa.

No acto de sinatura deste convenio o alcalde Paco Ferreira, destacou que “o Concello de Gondomar ten unha aposta clara polo comercio de proximidade, e poremos a súa disposición todas as ferementas posibles para que poidan seguir a desenvolver a súa actividade nas mellores condicións. “Somos conscientes de que actualmente o comercio está a atravesar un periodo de dificultade provocado pola crise enerxética e estamos seguros de que este servizo que poñemos agora en marcha, servirá de axuda en moitos casos para a reducción do gasto en materia enerxética o que beneficiará á competitividade do comercio da nosa vila”.

Marmurios entre sombras, un percorrido florístico e sensorial polas fragas do río Xabriña

0

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Paraños presenta o sábado día 22 o libro “Marmurios entre sombras, Un percorrido florístico e sensorial polas fragas do río Xabriña” editado en colaboración co Concello de Covelo.

Esta publicación, que espertará os nosos sentidos, supón unha viaxe a través dos debuxos e grafías da comuneira e mestra de Paraños, Karina Mouriño, e dos textos de Marcelo Rodríguez da Faia Educación Ambiental. As fotografías do presidente da Comunidade de Montes de Paraños, Xosé Manuel Sendín completan o percorrido por este libro deseñado polas profesionais de Magenta.

“Marmurios entre sombras” forma parte do proxecto da nova creación de dúas novas rutas de sendeirismo do río Xabriña e achegará aos lectores coñecementos pero tamén sensacións e emocións.

A Deputación edita unha novela gráfica titulada ‘As 9 cruces’

0

O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, na súa teima de achegar a memoria á xente moza, presentou en Baiona a segunda entrega da súa colección de bandas deseñadas sobre historias de represión franquista e resistencia na provincia de Pontevedra. E fíxoo dando a coñecer a novela gráfica titulada ‘As 9 cruces’, unha homenaxe aos 9 miñoráns asasinados na Bombardeira un día como o de hoxe en 1936.

A efeméride deste sábado serviu como motivo para a presentación realizada no Multiúsos de Sabarís, que contou coa presenza da deputada de Memoria Histórica María Ortega, Xosé Lois Vilar en representación do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), o coordinador da BD e responsable da escola O Garaxe Hermético Kiko Da Silva, e Fernando Llor, guionista da peza.

Ortega subliñou que a Deputación  quere traballar sempre con novos formatos (dixitais e non físicos) para achegarse á xente moza, motivo polo que a BD darase a coñecer por entregas nas redes sociais provinciais e de O Garaxe Hermético, así como en arquivos.depo.gal. Tamén destacou que haberá unha publicación recompilatoria que reunirá os 9 capítulos, que se editará a finais de ano, e se entregará en centros de ensino e bibliotecas municipais.

Segundo apuntou a deputada na presentación “había querenza” por difundir a historia da Volta dos 9 porque non só reflicte a traxedia da represión, se non tamén a resistencia que mantivo o pobo negándose a esquecer as afrentas pintando as nove cruces en memoria das persoas asasinadas sobre o chan de Baredo durante todo o franquismo.

“Este aceno non foi un aceno menor: ese claro compromiso coa memoria das vítimas, no tempo de terror, podía supoñer un grave risco para quen o realizaba. E por iso, logo, na democracia, converteuse nun dos símbolos de memoria máis potentes de Galiza. Con este novo traballo para divulgala o que queremos é volver a deixar patente, unha vez máis, o noso propio compromiso coa memoria”, dixo a nacionalista.

Ortega salientou tamén o esforzo realizado por colectivos como o IEM, co que colabora permanentemente a Deputación,  para darlle tamén visibilidade ás vítimas da Volta menos recoñecidas: as viúvas e as descendencias que ficaron orfas. “Desde o departamento sempre primamos a memoria con perspectiva de país, clase e xénero e esa é a senda que segue tamén o IEM. Coincidimos tamén na necesidade de non falar só do drama, se non tamén das ideas, da sociedade que querían construír persoas como os Ineses”, insistiu.

Recuperar os feitos e as consecuencias

A presentación deste venres 14 contou co acompañamento musical de Sheila Patricia, que interpretou varios temas relacionados coa memoria histórica, como ‘Manolo mío’, peza que interpreta no disco documental ‘Acorda’ da Deputación de Pontevedra.

Na xornada tamén tomou a palabra o coordinador da BD Kiko Da Silva en nome das e dos ilustradores que participaron no traballo colaborativo: Fonso Barreiro, Zaida Novoa, Pablo Prado, Damián Gómez Figueiras, Andrés Chinchilla, Antonio Recuna, Miguel Rojo, Mara Méndez, Daniel Corrada, Jorge Fernández, Álex Rozazos e Miriam Iglesias.

Da Silva subliñou o escaso tempo no que se fixo un traballo de grande calidade e salientou a importancia da aposta da Deputación pola banda deseñada para contar historias como as da memoria de maneira eficaz. Destacou que existe un público máis conectado ás redes sociais que á realidade e indicou que ese feito obriga a cambiar as formas de difusión.

Tamén apuntou que o feito de levar a memoria histórica de Galiza ás redes ocupará un espazo que non se toca acotío no mundo dixital, polo que haberá xente que descubra os feitos que sucederon na Bombardeira por vez primeira. “Probablemente vexan a escultura que está en Baredo pero non investigan, non saben máis. Nas redes atoparan a realidade”, dixo.

Pola súa banda o guionista Fernando Llor salientou a necesidade de recuperar historias como a da Volta dos 9 e de darse conta “do agochado” que hai detrás, as consecuencias que sufriron as familias tras os asasinatos. Subliñou que á hora de enfrontarse á escrita a dureza de reflexar os feitos foi especialmente difícil, “sobre todo pola crueldade total da Garda Civil na actuación”. Asegurou que fixo o traballo dende unha perspectiva persoal xa que, apuntou, o seu avó foi chamado a filas e posteriormente levado a un campo de concentración en Mallorca.

Xosé Lois Vilar (IEM), pola súa banda, fixo unha contextualización histórica dos feitos. Lembrou que ‘As 9 cruces’ conta a historia do acontecido un día como o 15 de outubro do 36 cando un cabo da Garda Civil e un grupo de falanxistas fusilaron a sete mariñeiros, un labrego e un ferreiro (José Rodríguez González, O Pelonio; Manuel Aballe Domínguez, CHolo; Modesto Fernández Rodríguez, O Rei Chiquito; Elías Alejandro Gonda Alonso, O Ghonda; Manuel Barbosa Durán, o ferreiro do Burgo; Fidel Leyenda Rodríguez, o tío Félix; Francisco Manuel Lijó Pérez, O Lijó; Felicísimo Antonio Pérez Pérez; e Generoso Valverde, ao que chamaban Largo Caballero).

Todos eles, dixo, eran grandes defensores da República e foron abatidos por estaren sindicados para mellorar os seus dereitos, igual que uns días antes foran asasinados ‘Os Ineses’ pola súa vinculación coa Sociedade Obreira de Sabarís.

Arbo prepara un gran outono cultural

0

A programación de outono de Arbo da comezo o día 23 de outubro coa DepoRuta organizada pola Deputación de Pontevedra coa colaboración do Concello. As inscripción realizaranse na páxina web da Deputación de Pontevedra.

 O día 30 de outubro a partir das 17:00 horas temos o noso tradicional magosto popular na Praza do Concello donde haberá castañas, chourizos asado,  música e xogos.

Entre a programación do outono cultural, reservanse os días 31 de outubro, 19 de novembro e 10 de decembro para as actividades infantiles dirixidas aos máis cativos.

O 31 de outubro:  a  FESTA DE SAMAÍN no Auditorio do Centro Multiusos de Arbo será a actividade terrorífica do outono:  pola maña de 10:00horas a 13:00horas: Obradoiros, xincana e conta contos terroríficos  e de 17:00horas a 20:00horas: Concurso de Disfraces, Animación Musical, Larpeiradas de Samaín, Baile, Xogos e Festa. As incripcións para participar nos obradoiros da maña se farán nas oficinas municipais do Concello de Arbo. O 19 de novembro o auditorio do Centro Multiusos acolle ás 18:00 horas “OS BOLECHAS” e no marco do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2022 da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a Rede de Dinamización Lingüística (RDL), No marco do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2022 da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a Rede de Dinamización Lingüística (RDL),  o 10 de decembro ás 18:00 horas  teremos a obra de  TEATRO: “AÍ FALACHES, CASTELAO”, no Auditorio do Centro Multiúsos de Arbo.

O 13 de novembro a Coral Polifónica esta de aniversario e o celebrará a partires das  18:00 horas  cun corcerto acompañados pola Banda de Música de Arbo. O 26 de novembro a partir das20:00 horas volver o  “CONCERTO DE SANTA CECILIA”, organizado pola Banda de Música de Arbo coa colaboración do Concello.

A  “I CARREIRA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO”, terá lugar o  27 de novembro. A  saída e a meta será dende a  Praza Consistorio. A inscrición esta aberta a toda a poboación, establecéndose categorías e itinerarios en función da idade.

A biblioteca de Tui acolle o espectáculo “Xogando coas Palabras”

0

O próximo martes, 18 de outubro, ás 18 horas, a biblioteca municipal de Tui acolle unha nova actividade, do programa do Mes da Biblioteca, dirixida aos rapaces co espectáculo titulado “Xogando coas palabras” a cargo do mago Xavier Muro.

En “Xogando coas palabras” as palabras, os números e as letras escollidas ao azar, van creando o espectáculo. Ao longo dos 50 minutos que dura a función o público será o que faga a maxia, porque sen saber como, realizará o espectáculo e con resultados sorprendentes.

Actividade pertencente ao programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, convida a todos os nenos e nenas a participar nesta actividade de balde, que se inxire nos obxectivos de animación e de promoción da lectura como unha ferramenta de formación e coñecemento pero tamén como unha oferta de lecer para todas as idades. Para ambos obxectivos a Biblioteca Municipal traballa para mellorar cada día a súa oferta bibliográfica e de servizos.

Mos coas primeiras Vivendas Protexidas en San Eleuterio

0

Técnicos do Concello de Mos e do Instituto Galego de Vivenda e Solo, IGVS, reuníronse onte, venres 14 de outubro, en Santiago de Compostela para tratar a posta a disposición da parcela municipal de 2.000 metros cadrados ao IGVS, e que este poida ir iniciando o procedemento de contratación da redacción do proxecto.

Durante a xuntanza concretáronse tamén as condicións e parámetros urbanísticos da parcela.

Esta parcela de 2.000 metros cadrados forma parte dun terreo de 6.000 metros cadrados, de titularidade e propiedade municipal na súa integridade. É por elo que cómpre parcelar a parte que se lle vai a ceder ao IGVS.

Para elo o Concello de Mos aprobará en Xunta de Goberno Local o acordo de posta a disposición da parcela, para logo aprobar o acordo de cesión da mesma en Pleno. Prevese que a cesión da parcela ao IGVS sexa levada ao Pleno antes do remate do presente ano 2022.

A listaxe municipal de demandantes de Vivenda Protexida, que se abriu o pasado 1 de xuño para a inscrición dos interesados neste tipo de vivenda en Mos, e que durante a primeira semana recollía 60 solicitudes, consta xa, a data de hoxe, de 378 persoas inscritas.

A listaxe municipal de demandantes de Vivenda Protexida continúa activa para que todos os interesados poidan anotarse. O Concello tramita as solicitudes no rexistro oficial autonómico de Vivenda Protexida de Galicia para que a Xunta inicie os trámites pertinentes, xa que para acceder a unha vivenda protexida é imprescindible estar inscrito no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia.

O Plan de Vivenda Protexida en Mos concreta San Eleuterio como a zona na que desenvolver de xeito máis inminente o Parque de Vivenda Protexida no municipio. Para elo prevese actuar de xeito inmediato nun solar de 2.000 metros cadrados de propiedade municipal, que se lle cede á Xunta de Galicia a tal fin; e no que se levará a cabo o remate da FASE 2 de San Eleuterio.

Neste solar de 2.000 metros cadrados construiranse as primeiras vivendas, unha vez sexa efectiva a posta a disposición da parcela á administración autonómica por parte do Concello de Mos. A Xunta, unha vez que dispoña da parcela, encargará a redacción do proxecto de construción.

Este Plan de Vivenda Protexida en Mos verase complementado polo proxecto de remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio en Tameiga, coa que se transformará totalmente esta zona e que será financiada pola consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.

Polo tanto o plan de actuación abarca un total de 25.000 metros cadrados entre as actuacións de Vivenda Protexida en San Eleuterio e a remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio.

Aínda que a zona de actuación máis inminente para establecer o novo Parque de Vivenda Protexida en Mos é San Eleuterio, na parroquia de Tameiga, Concello e Xunta informan de que seguirán a traballar e explorar outras zonas de cara ao futuro, tendo en conta o crecemento poboacional e a demanda existente na localidade mosense.

Este Plan de Vivenda Protexida en Mos supón unha gran oportunidade residencial no municipio. O desenvolvemento de solo residencial no municipio é una das prioridades e apostas fortes do goberno local e da súa alcaldesa, Nidia Arévalo.

Redondela prepárase para recibir o Samaín

0

A programación para o Samaín, deseñada polas Concellerías de Cultura e Turismo do Concello de Redondela, ofrece unha programación cultural extensa para todos os públicos que destaca pola visita teatralizada aos lugares históricos da vila, onde os participantes poderán coñecer as lendas, supersticións e crenzas de Redondela, así como disfrutar da historia do premiado Cemiterio dos Eidos.

“Queremos que o Samaín, a festa que simboliza o fin do verán, sexa un encontro popular que dea vida ás rúas e comercios de Redondela. As actividades están pensadas para todos os públicos con moito agarimo e traballo para converter o municipio nun escenario de terror por un día”, conta a alcaldesa Digna Rivas.

A Visita guiada na Noite de Defuntos é gratuita, pero ten un un máximo de 50 participantes polo que é necesario a inscripción previa de forma presencial na Oficina de Turismo de Redondela. O prazo de inscripción abre a partir do día 24 deste mes e estará aberto hata esgotar boletos.

A actividade é unha colaboración do Concello con Barafunda Animación que serán os encargados da creación dos personaxes e a caracterización. Entre as figuras que aparecerán durante a visita e que interactuarán cos participantes están a Bruxa Benita e a Santa Compaña, ademais de moitas máis sorpresas.

O percorrido da visita inicia ás 22 horas na Casa da Torre e transcurre polo Centro da Vila para rematar ás 23 horas e media na praza de Santiago, pasando polo Cemiterio dos Eidos. Este camposanto é o máis antigo de Redondela e conta co premio de “Cemiterio máis bonito de España”, concedido pola revista Adiós Cultural en 2022.

ACTIVIDADES PARA OS MÁIS PEQUENOS

A partir das 17 horas da tarde comezan as actividades para nenos e nenas con obradoiros de maquillaxe, tatuaxes e cabazas de samaín no Multiusos de Redondela e no de Chapela de forma simultánea.

“Como de costume, o goberno actual pon puntos de interés tamén nas parroquias. Os nenos e nenas de Redondela teñen que ter o maior acceso posible ás actividades, por iso levamos a celebración ao Multiusos de Redondela e o de Chapela”, explica Digna Rivas.

En colaboración coa Asociación de Comerciantes as tendas contarán toda a tarde con caramelos para o ‘truco ou trato’, cortesía do Concello. Para os máis valentes, na Alameda de Castelao de 18:30 horas a 20:30 horas estará instalado un túnel do terror para nenos e nenas a partir de 12 anos ou menores acompañados dun adulto.

O Concello de Redondela quere lembrar que “todas as festas programadas teñen como intención poñer en valor o patrimonio do municipio. Por este motivo o Samaín terá un compoñente educativo e histórico moi importante nas súas actividades, destacando a Visita Teatralizada”, conclúe Rivas.

Baiona acollerá a II edición do Blue Atlantic Forum

0

A segunda edición do FORO ATLÁNTICO AZUL, organizado polo Concello de Baiona, celebrarase no Parador de Baiona os vindeiros 19-20-21 de outubro; tres días de reflexión e análise centrados en tres sectores de vital importancia na economía azul e claves para o desenvolvemento sostible de Galicia: a pesca e a acuicultura, a biotecnoloxía mariña e o turismo costeiro.

“Se hai unha cor que identifica a Baiona, ademais do verde é o azul. Os seus kilómetros de costa que miran ao Atlántico marcan a estreita relación desta vila co mar. Unha vila que sempre foi mariñeira. Neste momento onde a situación económica obriga a reinventarse, o Concello aposta por novos conceptos como a economía azul, que pode convertirse nun dos principais impulsores do crecemento de Europa no futuro”, segundo sinala o alcalde,  Carlos Gómez Prado.

Grazas á organización desta segunda edición, financiada polo Galp Ría de Vigo-A Guarda, o Concello de Baiona reforza a súa posición como destino azul por excelencia dentro do panorama autonómico e nacional, tanto pola súa situación xeográfica como pola súa importancia económica das empresas dos sectores consolidados e emerxentes da economía azul na súa contorna.

Tras o éxito da primeira edición, celebrada en novembro do ano pasado, Baiona volverá reunir a ducias de profesionais e expertos de toda Galicia e tamén doutras comunidades e mesmo doutros países como Portugal ou Chile nun foro de debate e posta en común sobre as oportunidades arredor da economía azul desde unha perspectiva atlántico-europea.

Todo o mundo sabe que Galicia é unha potencia mundial na pesca e na acuicultura. Na primeira xornada do foro analizarase a sustentabilidade e o futuro do sector, con especial atención á pesca artesanal. A certificación do peixe para reforzar a súa calidade e tamén as posibilidades de financiamento de proxectos pesqueiros neste marco tamén se tratará o próximo 19 de outubro no inicio deste encontro no que participarán produtores e representantes de organizacións do sector.

A segunda xornada estará dedicada á biotecnoloxía mariña, un sector emerxente e con grandes oportunidades para a economía galega. Debaterase do potencial das rías galegas coa presenza de numerosos exemplos de innovación no sector, tanto locais como doutros lugares.

O turismo de costa, do que Galicia é un referente azul grazas á súa peculiar hidrografía e espectaculares paisaxes, é o protagonista da clausura do foro. Varios expertos aportarán a súa visión para facer máis atractivos os destinos costeiros, innovando mantendo a sustentabilidade e debatendo se a sobreexplotación dalgúns destinos xa é un fenómeno irremediable.

O foro está aberto e a inscrición para seguilo tanto presencialmente como online é gratuíta para os interesados, que poden inscribirse a través de Ataquilla, xa que as prazas para acudir ao Parador son limitadas. Toda a información sobre o contido e o programa do foro pódese atopar na páxina web https://blueatlanticforum.org/.

*Pódese asistir de forma física (prazas limitadas) e online dende o enlace de Ataquilla.

Ponteareas renovará dous vieiros no parque forestal da Picaraña

O Concello de Ponteareas mantén a súa aposta por mellorar a rede municipal de estradas e vieiros en toda a vila. Nese camiño, a Concellaría de Vías e Obras vai comezar a renovación de dous vieiros no parque forestal da Picaraña, onde se realizará a pavimentación nas dúas pistas de acceso dende o barrio de Canedo e As Cachadas ata a confluencia co acceso dende a parroquia de Arcos. “A súa proximidade ao parque da Picaraña e ao centro urbano fai que estas sexan unhas pistas moi transitadas tanto a pé como en vehículo, polo que é fundamental acometer a súa renovación”, explica a concelleira, Chus Garrote.

Xa coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio, as obras comezarán coa limpeza de marxes e apertura de cunetas ao longo de case 2,4 km para despois pavimentar ambos os case 11.000 metros cadrados de superficie de ambos os dous camiños.

O Concello de Ponteareas vén de sacar estes traballos de mellora a licitación por máis de 118.000 euros, que serán financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra. As empresas e persoas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 28 de outubro ás 14.00 horas.

Estas obras de mellora forman parte do proxecto do Goberno local para renovar o gran número de estradas coas que conta Ponteareas, dada a gran superficie da vila. “Manter en perfecto estado ese elevado numero de vieiros é complicado, polo que son necesarios levar a cabo todos estes traballos de reparación que nos permitan rexeneralos e mellorar as nosas infraestruturas e o servizo ofrecido á veciñanza”, salienta Garrote.

Aberto o prazo de solicitude de composteiros en Salceda

A Concellería de Medio Ambiente de Salceda, que dirixe Rubén González vén de poñer en marcha o procedemento de entrega de composteiros individuais e cubos de 10 litros a través das subvencións para o financiamento de actuacións, en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Esta entrega de composteiros individuais e cubos teñen como finalidade estender as prácticas de compostaxe comunitaria ás diferentes vivendas unifamiliares e vivendas do centro urbano do municipio para acadar unha xestión máis sostible dos refugallos orgánicos.

O concelleiro de Medio Ambiente e Medio Rural, Rubén González Coto, indicou “esta entrega de composteiros individualizados e cubos supón dar un paso moi importante para estandarizar no noso concello a compostaxe comunitaria, como fórmula para o tratamento sostible dos refugallos orgánicos”.

As persoas interesadas na obtención dalgún dos composteiros ou dos cubos deberán realizar a solicitude dos mesmos a través da sede electrónica ou dunha instancia xeral no Rexistro do Concello, aportando o DNI e un recibo do lixo. O prazo para solicitar os composteiros e cubos rematará o día 31 de outubro.

Os composteiros serán entregados por rigorosa orde de entrada no rexistro de cada unha das solicitudes. As persoas que se queden sen o seu composteiro ou cubo nesta convocatoria serán incluídas nunha lista de agarda para outras posibles entregas que se poidan realizar polo concello.

Verónica Tourón Domínguez finalizou enfatizando que “non so é importante concienciar a veciñanza do noso concello de que o reciclaxe é necesario para poder tratar a gran cantidade de refugallos que xeramos diariamente, senón que dende a administración pública, temos que proporcionar información e por a disposición da cidadanía ferramentas para que a leven a cabo da maneira máis sostible posible”.

Arbo ponse en marcha para minimizar as perdas de auga do concello

0

O 11 de xaneiro de 2020 entrou en vigor a Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca e en situacións de risco sanitario. Esta lei ten entre os seus obxectivos garantir a prestación adecuada dos servizos de abastecemento de auga cando exista un episodio de seca, tendo en conta os recursos hídricos dispoñibles, e establecer as normas e as medidas para o aproveitamento dos recursos hídricos nos períodos en que exista un episodio de seca, co fin de reducir a vulnerabilidade fronte a este evento, buscando unha garantía no abastecemento á poboación en equilibrio co medio natural e tendo en conta os posibles efectos do cambio climático.

A Lei 9/2019 establece na disposición adicional segunda que, no prazo máximo de dous anos, contado desde a entrada en vigor desta lei, todas as administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación deberán levar a cabo unha auditoría co obxecto de cuantificaren as perdas de auga nas súas instalacións de abastecemento en alta e de subministración en baixa.

O Concello de Arbo, para  cumprir co establecido na Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca e en situacións de risco sanitario contrata unha  AUDITORÍA MUNICIPAL DE ABASTECEMENTO E PLAN DE ACTUACIÓN PARA MINIMIZAR AS PERDAS DE AUGA DO CONCELLO DE ARBO por importe de 9.375,00 €.- (IVE 21% incluído), dos cales 7.500,00 €.- son subvencionados por Augas de Galicia da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dacordo a resolución de data 17.08.2022  e corresponden o 80% do importe da actuación e sendo o 20 % do importe restante, que ascende a 1.875,00 €.- con cargo a fondos propios do Concello de Arbo.

 Traballos a realizar na auditoría

a) Unha descrición detallada do sistema de abastecemento do concello, contendo, como mínimo:

  • Unha explicación do funcionamento do sistema de abastecemento.
  • Un inventario dos elementos singulares (puntos de captación de auga e a súa tipoloxía, equipos de medición existentes en captación, transporte, distribución e usuario final, estacións de bombeo de auga, depósitos de almacenamento, estacións de tratamento de auga potable), coas súas principais características, emprazamento e fotografías.
  • Información sobre as redes de abastecemento (condución e distribución), lonxitude da rede de distribución, o estado de conservación e antigüidade das instalacións de abastecemento existentes.
  • Inventario estimado do parque de contadores, características e antigüidade.
  • Os núcleos de poboación e zonas aos que se subministra auga.

b) Documentación gráfica, planos en formato dixital (CAD ou SIX), do sistema de abastecemento do concello, contendo como mínimo: puntos de captación de auga, equipos de medición existentes dende a captación aos puntos de consumo, estacións de bombeo de auga, depósitos de almacenamento, estacións de tratamento de auga potable e as zonas e núcleos aos que se subministra auga.

c) Datos sobre o volume medio de auga captada e subministrada á rede de abastecemento, o número de usuarios conectados diferenciados por tipoloxía (domiciliarios, grandes consumidores, etc.), e a tipoloxía de consumos de auga rexistrados e non rexistrados e facturados e non facturados.

d) Un balance hídrico de todo o sistema de abastecemento, tendo en conta a auga captada, a auga rexistrada e a auga non rexistrada.

 e) Un plan de actuacións aprobado no pleno municipal do concello para minimizar as perdas de auga dos sistemas de abastecemento á poboación nos seguintes catro anos, contendo, como mínimo:

  • Medidas e actuacións para a redución dos consumos autorizados non rexistrados.
  • Medidas e actuacións para a redución das perdas aparentes (erros de medición, erros de lectura, consumos non autorizados).
  • Medidas e actuacións para a redución das perdas reais

O Circuito de Teatro Amador chega a Baiona esta fin de semana

0

Baiona poderá gozar durante esta fin de semana de varias funcións teatrais da man do Circuito Gallego de Teatro Amador. Esta actividade está enmarcada dentro da programación de outono realizada pola Concellería de Cultura.

A primeira das actividades terá lugar hoxe, 14 de outubro, no auditorio municipal V Centenario ás 20:00h. Trátase de un espectáculo de microteatro que contará coa interpretación de Hipócrita Teatro (Mitoloxía para Ignorantes), de Porta Aberta Teatro (A Dous Cadaleitos de Ti) e Lohengrín Teatro (Terra).

O xoves 15 de outubro o mesmo escenario acollerá ás 20:00 horas “Clowncertazo” de Falcatrueiros Monterroso.

O domingo, 16 de outubro ás 12:00 horas o Auditorio volverá acoller una nova función baixo o título “D’FUNCIÓN” do Teatro Antas de Ulla. E pola tarde ás 19:00 horas Fauna 113 interpretará “Os veciños do lado”.

O Circuíto Galego de Teatro Amador da FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado) consiste nunha programación de catro funcións teatrais por sede. Este catro espectáculos son repartidos por toda Galicia. Desta forma, preténdese que as compañías actúen fora do seu círculo xeográfico. Ademais, esta iniciativa promove a mobilidade xeográfica dos grupos de teatro.

Outono cargado de cultura no Rosal

0

O outono chega ao Rosal cargado de cultura. O Concello xa puxo en marcha para os meses de outubro e novembro unha ampla programación na que as actividades infantís e a música compartirán escenario coa literatura, as charlas medioambientais, o teatro ou o patrimonio histórico e cultural. “Despois duns intensos días nos que volvemos desfrutar da nos Feira do Viño do Rosal e da nosa Festa do Outono do Pilar con total normalidade e nun espazo único, continuamos traballando para que a veciñanza goce nos dous vindeiros meses dunha morea de actividades para todos os públicos e para todos os gustos”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A programación de outono non dará tregua e traerá ao Rosal cada semana diferentes actuacións e actividades para diferentes públicos. Así, a axenda de outono continúa este 15 de outubro cunha tarde de lecer para toda a familia con Cristina Collazo e a famosa bandoleira Pepa a Loba, un contacontos interactivo onde a danza e a música fúndense coa natureza, poñendo en valor a amizade e a perspectiva de xénero.

A partir das 12.00 horas no auditorio municipal, o público poderá desfrutar desta aventura na que a protagonista chega ata un refuxio onde poder acubillarse: a taberna da que tanto lle falara a súa nai. Decide poñela de novo en funcionamento coa axuda da súa inseparable gavela, ata que alguén lle fala dun cobizado tesouro que mergullará a Pepa a Loba e a todo o público nunha aventura cargada de música, monicreques e intrigantes historia. A entrada será de balde e libre ata completar aforo.

A vindeira semana haberá sesión tripla. O xoves 20 de outubro Marta Arribas chegará ao Centro Social Polivalente a partir das 17.00 h coa súa charla ‘A auga, un recurso imprescindible’. Ao día seguinte, 21 de outubro, ese mesmo escenario acollerá á doutora Olalla Otero (20.00 h) na presentación do seu libro ‘El revolucionario mundo de los probióticos’. O sábado 22 volverá a ser a quenda dos máis pequenos e pequenas da casa, que poderán desfrutar dos ‘Contos para caghar patatillas’ de Brais Hortas a partir das 12.00 horas no auditorio municipal.

Outubro pecharase o domingo 30 co Concerto de Outono e 18 aniversario da coral da Agrupación Musical do Rosal. Será unha actuación de balde aberta a todos os públicos a partir das 17.30 horas no auditorio municipal.

En novembro volverán as charlas, a literatura, as risas e a música. O venres 4 a biblioteca municipal acollerá ás 19.00 horas a presentación do libro ‘EMOVERE’, con poemas de Andrea Suárez e César Fernández e coa colaboración da Agrupación Musical do Rosal. Ao día seguinte, 5 de novembro, Fulano, Citano e Mengano chegan ao auditorio municipal ás 21.00 horas para entreter e facer rir ao público coas súas historias case incribles.

O xoves 10 de novembro o técnico de medio ambiente Óscar Martínez impartirá no Centro Social Polivalente a partir das 20.00 horas unha charla sobre ‘O cambio climático chama á túa porta. Falemos de reciclaxe’. O sábado 19 de novembro chega o tradicional Concerto de Santa Icía, organizado pola Agrupación Musical do Rosal no auditorio municipal ás 19.30 horas.

A programación de outono complétase ademais botando unha ollada ao pasado coas II Xornadas de Patrimonio, unha serie de actividades para todos os públicos nas que se porá en valor o patrimonio material e inmaterial rosaleiro. Tras as dúas primeiras sesións durante as Festas do Outono do Pilar, a vindeira cita será o 5 de novembro cunha charla do arqueólogo Benito Vilas sobre as novas intervencións no castro do Pico da Bandeira ás 11.00 h no Centro Social Polivalente para ás 12.00 h facer unha visita ao propio castro. O 12 de novembro o xeólogo Óscar Pazos transportará ao público á historia da mina galaico romana de ouro das Bornas, en Tabagón, nunha actividade que comezará cunha charla ás 11.00 horas no Centro Social Polivalente e rematará ás 12.00 h cunha visita á propia mina. 

Ponteareas e Eixo Atlántico mellorarán os servizos para a veciñanza

O Concello de Ponteareas e o Eixo Atlántico continúan traballando man a man para seguir mellorando non só o municipio, senón a comarca do Condado-Paradanta. Dende a súa integración no Eixo Atlántico a vila do Tea amosouse como un municipio moi dinámico, chegando a converterse a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, na presidenta do Grupo de Sustentabilidade Urbana da entidade transfronteiriza. A rexedora mantivo un encontro co Secretario Xeral, Xoán Vázquez Mao, e parte da directiva para iniciar unha nova liña de traballo na que se estudarán os posíbeis déficits existentes en diferentes áreas para mellorar os servizos á veciñanza.

O obxectivo é analizar a situación na que se atopan servizos como o saneamento, a mobilidade, o acceso a outras administración, a educación ou a sanidade para establecer medidas que permitan solucionar as eivas atopadas. En función dos resultados acadados con esta análise, Concello e Eixo Atlántico estudarán tamén a mobilidade interna ou a conexión con outras cidades de referencia de Galicia e Portugal.

Este traballo é o primeiro dunha liña que se abre e que, nos vindeiros anos, aplicarase no resto dos servizos aos que ten acceso a veciñanza en Galicia, aproveitando a experiencia e o coñecemento de Portugal, país no que todas estas cuestións están moi ben resoltas a través da participación das Comunidades Intermunicipais.

Tui acolle esta semana á Selección Española de balonmán xuvenil

0

A Selección Española de balonmán xuvenil escolleu Tui para continuar a súa preparación de cara ao Campionato do Mundo do próximo ano. O verán de adestramentos, partidos e torneos foi intenso para os rapaces liderados por Javier Fernández que veñen de acadar o Europeo de balonmán en Montenegro.

Deste xeito, o combinado xuvenil adestra dende o pasado domingo no pavillón Gustavo Rodríguez e concéntrase nun hotel tudense. O segundo dos dous encontros que xogarán estes días na comarca do Baixo Miño será este sábado ás 20.15h no mesmo pavillón tudense fronte ao Académico de Braga. Trátase dun encontro de gran nivel ante o terceiro club máis laureado do balonmán portugués e servirá de peche desta mini xira do combinado nacional.

Aproveitando a súa estancia na cidade, hoxe foron recibidos na Casa do Concello polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez. O rexedor agradeceu que escolleran a cidade para a súa posta a punto e tendeu a man do concello para seguir acollendo equipos e encontros de balonmán de primeiro nivel. Asemade, fixo entrega ao seleccionador nacional do libro da Eurocidade Tui-Valença como recordo da súa visita.

Logo da visita á casa consistorial, e antes de volver aos adestramentos e aos estudos que compaxinan co balonmán, os xogadores aproveitaron para pasear polo centro histórico de Tui, coñecer a Catedral de Santa María e o seu claustro e gozar da vista sobre o río Miño e a vella Ponte Internacional.

Nigrán ofrecerá un filme o domingo con motivo do ‘Mes da Memoria’

0

O  Concello de Nigrán continúa coa programación especial polo ‘Mes da Memoria’ este domingo 16 de outubro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal coa proxección de ‘Mientras dure la guerra’ (2019), película de Alejandro Amenabar que reflexa a postura do célebre escritor Miguel de Unamuno (Karra Elejalde) que pasa de apoiar públicamente a rebelión militar do 36 a cuestionala e rechazala ante a deriva sanguiñolenta da mesma. A proxección realízase a través do cineclub Val Miñor Alice Guy e contará co coloquio posterior do profesor Alfonso Castaño.  A entrada é de balde ata completar aforo.

A programación especial continúa o domingo 23 ás 19:00 coa presentación do libro de José Antonio Uris e Víctor Manuel Santidrián ‘A porta do inferno. O campo de concentración de Camposancos’, que se acompañará da proxección do documental de Antonio Caeiro ‘Aillados. A memoria dos presos de 1936 na illa de San Simón’. A seguinte presentación dun libro será o mércores 26 ás 20:00 horascon  ‘Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951)’ de Xosé Álvarez Castro, en colaboración co IEM.

Un dos actos estrela será a proxección o xoves 20 de ‘La carcel de curas’, documental vasco de 2021 de  Oier Aranzabal, Ritxi Lizartza e David Pallarés que narra a historia da viaxe real ao que foron sometidos 53 relixiosos de Madrid, Galicia, Cataluña e País Vasco no seu traslado forzoso ao devandito penal de Zamora, que foi o único cárcere de curas do mundo. Á proxección acudirán os seus directores e algún dos relixiosos represaliados co fin de establecer un coloquio posterior.

A ludoteca municipal abre as súas portas a todos os nenos de Ponteareas e comarca

A ludoteca municipal abre as súas portas a todos os nenos e nenas de Ponteareas e da comarca. Os vindeiros 18, 19 e 20 de outubro as instalacións organizarán unhas xornadas de portas abertas con actividades para que os nenos de 6 a 12 anos coñezan de primeira man o traballo que se está a desenvolver neste servizo. “Con estas xornadas facilitamos que rapazas, rapaces e as súas familias coñezan mellor este espazo de lecer e descubran todo o que ofrece aos máis pequenos e pequenas durante todo o ano”, explica a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera.

A primeira xornada será o martes 18 de outubro e estará dedicada a nenos e nenas de 10 a 12 anos. Mentres, o mércores 19 o grupo estará centrado nos cativos e cativas de 9 e 10 anos e o xoves 20 de outubro nos de 6 a 8 anos. As xornadas serán todos os días de 17.00 a 19.00 horas, totalmente de balde e sen límite de asistentes, aínda que non se admitirán nenos ou nenas que non correspondan ao grupo de idade previsto para esa xornada.

A ludoteca municipal xa ten lista a súa programación para o curso 2022-2023, cunha morea de actividades que ofrecer a rapaces e rapazas tardes de lecer lúdico, divertido e educativo para aprender xogando. Saídas, talleres de cociña, manualidades, xogos ou celebracións de festas tradicionais… son un exemplo do moito que pode desfrutar a rapazada.

Ata o vindeiro mes de xuño a ludoteca abrirá as súas portas dúas horas á semana en horario de tarde con actividades destinadas a nenos e nenas de 6 a 12 anos e unha cota de 14,64 euros ao mes. As familias interesadas poden solicitar máis información ou inscribir a cativos e cativas enviando un correo electrónico a [email protected] ou a través do teléfono 673 794 760.

Continúa a axenda de outubro na Guarda

0

O Concello da Guarda continúa coas actividades programadas para este mes de outubro, con accións medioambientais, obras de teatro, actuacións musicais, eventos deportivos, obradoiros, exposicións e moito máis.

Nesta fin de semana o sábado día 15 de outubro ás 11:00h da mañá terá lugar a Limpeza Simultánea de Praias organizada por ADEGA, que desta volta acada a súa XI edición, esta xornada de voluntariado ambiental ten o propósito de concienciar a sociedade na loita contra a contaminación mariña. Este ano o Concello da Guarda adheriuse a esta limpeza e acollerá este evento na xornada do sábado día 15 de outubro a partires das 11:00h na Praia do Codesal. Podes realizar a túa inscrición chamando ao Concello da Guarda ao 986 61 0000.

Tamén na xornada deste sábado día 15 de outubro o Centro Cultural acolle ás 20:30h a representación teatral “Smoke on the water” de Ibuprofeno teatro. Unha historia de sexo, drogas e rock&roll que nos traslada á unha posible recreación da vida de Janis Joplin na súa madurez. Esta peza é a última produción de Ibuprofeno Teatro, quen xa estivo na Guarda con propostas como O Furancho, Raclette, A filla de Woody Allen…Nesta ocasión cambia radicalmente o ton e a temática para trasladarnos a unha historia de curte mais sórdido dentro dun enredo amoroso-financieiro con final sorprendente, como é habitual no corte da compañía. É de destacar a calidade do elenco e a música en directo, especialmente para os amantes do rock.

Para o sábado 22 de outubro o Centro Cultural da Guarda acolle ás 20:00h o Concerto “Reserva 15 anos” de Coiro Vello.

O Domingo día 23 de outubro é a quenda do deporte coa novena edición da  xa tradicional 15K del Atlántico Banco Mediolanum, unha das probas de referencia no calendario do atletismo galego. A proba deportiva referente do running galego que reunirá este ano ao redor de 600 corredores na 15k categoría e 200 na categoría de andaina,  empregando parte do percorrido do Camiño Portugués da Costa que conduce a Santiago. A proba conta cunha parte solidaria, onde doarase un euro de cada inscrito a DOWN VIGO, así como a apertura dunha fila 0 en MI GRANO DE ARENA, para intentar recadar unha maior cantidade de recursos para dita asociación. As inscricións seguen abertas ata o 19 de outubro na web oficial do evento https://bancomediolanum15kseries.com/

O martes 25 de outubro terá lugar o Obradoiros para a creación de filtros de realidade aumentada, Social Pilgrims II, unha actividade orientada a un público xeral a partir dos 12 anos e que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.  O taller levarase a cabo nunha aula municipal no Concello da Guarda o vindeiro día 25 de Outubro, ás 19:30 horas. A actividade, que é de balde, se pode inscribir calquera persoa interesada no mail de OMIX A Guarda [email protected].

O sábado día 29 de outubro terá lugar a primeira representación teatral para público familiar da man da Compañía Pedras de Cartón coa obra “O Quixote” ás 18:00h no Centro Cultural, non é precisa inscrición previa.

Ata o 21 de outubro continúa nos baixos do Concello a Exposición “Galiza profunda. interpretacións do rural galego mediante ilustración e fotografía contemporáneas”. GALIZA PROFUNDA quere facernos reflexionar sobre a dicotomía entre a fermosura do rural xunto coa potencia e riqueza do mesmo e as causas para o seu difícil desenvolvemento. Como, a pesares de termos todo a prol nosa, o contexto social e político logrou que non avanzaramos nestes séculos todo o que mereciamos.

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller, programa para outubro e novembro a iniciativa “Historias de mulleres guardesas”, unha alternativa de ocio cultural e saudable na que o eixo principal son as historias de mulleres da vila que destacaron nas súas diferentes épocas por diversas razóns. 

Nos roteiros, que terán lugar o 14 e 28 de outubro en horario de 20:00h a 21:00h e que sairán dende a Praza do Reló, falarase  dunha serie de mulleres, todas veciñas da Guarda, que dun xeito ou doutro forman parte do imaxinario colectivo e da historia da vila, cunha breve achega biográfica para lembrar como foi ou como é a vida destas mulleres e poñerlle cara amosando fotografías para que todos/as os/as participantes as recoñezan. O broche destes roteiros poraos o artista Tino Baz cunha intervención musical. As inscricións están xa abertas na recepción do Concello, chamando ao 986610000 ou no enderezo electrónico [email protected]. As actividades son gratuítas e as prazas limitadas.

Redondela únese á Fundación Salma nunha exhibición de papaventos pola Saúde Mental

0

Coincidindo coa celebración do Día da Saúde Mental, o Concello de Redondela únese á iniciativa da Fundación Salma para dar visibilidade á importancia de coidar o benestar físico e mental. O domingo 16 de outubro ás 12 horas na Praia de Cesantes e na de Arealonga poderase ver unha exhibición de papaventos.

O evento terá lugar o mesmo día e á mesma hora en todos os Concellos de Galicia que quixeran participar coa Fundación Salma. “A idea é crear unha rede para dar visibilidade, pero sobre todo crear unha conexión para arroupar a todas aquelas persoas que estén sufrindo. Por iso, invitamos a todas e todos os veciños de Redondela a participar como espectadores ou voando o seu papaventos”, explica a alcaldesa, Digna Rivas. Calquera persoa interesada en participar pode facelo de forma libre.

Sabendo que nestes momentos as enfermedades mentais están no día a día dos escolares, o Concello de Redondela en colaboración cos departamentos de Servicios Sociais e Medio Ambiente difundiron a actividade conseguindo que participaran escolas do municipio e asociacións como ANDAINA (asociación sen ánimo de lucro creada por nais e pais de nenos e nenas con diversidade funcional en Redondela).

Mondariz participa no certame Vilas en Flor por segundo ano consecutivo

0

O Concello de Mondariz, por iniciativa da alcaldía, está participando por segundo ano consecutivo no certame Vilas en Flor Galicia, organizado pola Fundación Juana de Vega, Asvinor (Asociación de Viveiristas do Noroeste) e Agaexar (Asociación de Empresas de Xardinería de Galicia) para promover a protección, mellora e valorización dos espazos verdes nos concellos galegos e contribuír deste xeito a mellorar a calidade de vida dos habitantes e a súa cohesión social, entre outros obxectivos. Así pois, é un dos 38 concellos galegos (14 na provincia de Pontevedra e tan só 2 na comarca do Condado-Paradanta) que compiten nesta edición por Floras de Honra en recoñecemento das súas políticas municipais de promoción do patrimonio natural e paisaxístico, respecto do medio ambiente e da sostibilidade, e actividade turística relacionada con estes valores.

O xurado do certame Vilas en Flor 2022 visitou o Concello de Mondariz a finais de setembro e, ao igual que o ano pasado, mostrou especial interese en proxectos estratéxicos de economía circular como a recuperación da cestería tradicional da localidade. “O ano pasado, cando recibimos a visita do xurado, estabamos rematando a exhibición itinerante do documental Notas sobre os cesteiros de Mondariz por varios concellos galegos atravesados polo Camiño de Santiago; este ano visitaron a localidade días despois de que finalizase o curso de recuperación da cestería de Mondariz”, explica o alcalde, Xosé Emilio Barros. “Puideron ver avances claros neste proxecto estratéxico para o desenvolvemento económico de Mondariz”.

Na edición de 2021, o xurado de Vilas en Flor Galicia valorou a alta sensibilidade do Concello de Mondariz cara ao medio ambiente, especialmente en canto á participación veciñal. Tamén destacou que o Goberno municipal estaba desenvolvemento iniciativas para involucrar á veciñanza en actividades de humanización dos espazos públicos, e que tiña grandes ideas e proxectos para avanzar rapidamente no desenvolvemento de zonas máis coidadas e humanizadas, como se publicou no propio sitio web do certame.

“Decidimos participar no certame Vilas en Flor Galicia porque coincidimos nos obxectivos e nas liñas de acción que promove. Non buscamos gañar porque somos conscientes de que estamos comezando a traballar, mais as valoracións que recibimos son positivas para avaliar as nosas estratexias de desenvolvemento e corroborar que camiñamos pola senda correcta”, afirma Barros.

Este ano, na memoria enviada ao certame antes da visita do xurado, o Concello de Mondariz presentou proxectos xa avanzados como a recuperación do Campo da Minada coa construción dun centro de ocio e deporte urbano, que se enmarca dentro da estratexia de conectar o río Tea e afluentes como o río Xabriña co centro urbano e garda relación con outros proxectos en desenvolvemento como a ampliación e mellora da senda fluvial peonil de Laredo/Coviña entre os barrios da Pedreira e do Escobeiro e a futura construción dun albergue turístico na parcela municipal da Cela, próxima ao curso fluvial.

Tamén se incluíu a redacción dun proxecto de humanización do centro urbano de Mondariz, no marco do Plan Ágora da Deputación de Pontevedra, que contribúe a sentar as bases da necesaria modernización das instalacións urbanas do concello (electricidade, alumeado público, telecomunicacións, auga, saneamento…) e presenta cálculos e deseños de novas redes e sistemas máis eficientes para a conservación e mantemento desas instalacións. “Recentemente convocamos á veciñanza a unha reunión para informar, aclarar dúbidas e escoitar opinións sobre este proxecto de humanización; a participación veciñal é constante”, destaca o alcalde. Esta promoción da participación veciñal na definición de políticas municipais orientadas á mellora da sostibilidade ambiental e da calidade de vida foi un aspecto especialmente valorado polo xurado de Vilas en Flor Galicia o ano pasado, e de seguro que tamén o será este ano.

Tomiño aborda as dificultades na mobilidade transfronteiriza de menores na EU Regions Week

0

A Eurocidade Cerveira-Tomiño comparte a súa experiencia transfronteiriza con rexións e cidades europeas. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, participou este xoves na European Week of Regions 2022 (EU Regions Week), o maior encontro anual dedicado a cohesión política que durante tres días reuniu de forma presencial e telemática a autoridades e técnicos de toda Europa.

A rexedora foi unha das relatoras invitadas ao taller dedicado á iniciativa B-Solutions, coa que a Comisión Europea e a Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE) apoian aos axentes locais para identificar e aplicar solucións viables para superar os numerosos obstáculos que dificultan e fan máis complexa a vida diaria nas rexións transfronteirizas. González foi convidada a este evento para expoñer a súa experiencia como participante no programa B-Solutions a raíz dun informe elaborado polas valedoras da cidadanía transfronteiriza da Eurocidade Cerveira-Tomiño co obxectivo de dar visibilidade a toda a problemática que rodea a mobilidade de menores entre ambos municipios para realizar intercambios educativos, deportivos ou culturais cando non van acompañados dos seus pais, nais ou titores e titoras legais.

Para Sandra González “a iniciativa B-Solutions foi un instrumento rápido e útil para concretar a situación legal deste obstáculos e as súas posibles vías de solución”, aínda que cre que “a resposta dos estados continúa sendo demasiado lenta”. O asunto foi trasladado xa no ano 2019 a un cumio dos gobernos español e portugués, pero dende entón non houbo ningunha novidade nin pasos adiante neste ámbito.

Un taller con achegas de toda Europa

Este taller internacional celebrouse ao abeiro da XX Semana Europea das Rexións e Cidades, que nesta edición centrou o debate en catro temas principais: a transición verde, o empoderamento da mocidade, a cohesión territorial e a transición dixital. Tras unha introdución por parte da experta e moderadora Caitriona Mullan, a alcaldesa tomiñesa compartiu a súa visión sobre as dificultades existentes na rexión transfronteiriza formada por Tomiño e Cerveira e sobre como a iniciativa B-Solutions pode ser unha ferramenta relevante para afrontalas.

Tras González, Ricardo Ferreira, do Punto Focal de Fronteiras en DG REGIO da Comisión Europea, presentou o contexto político que rodea o programa B-Solutions e os seus resultados e deu paso a Martín Guillermo, secretario xeral da ARFE, que presentou os efectos prácticos da iniciativa e a convocatoria de proposta aberta nestes intres. A directora de proxectos da AECT GO, de Nova Gorica, en Eslovenia, Lara Devetak, achegou exemplos concretos doutros casos B-Solutions implementados. Para rematar, Jan Molzberger, asistente científico da Universidade de ciencias Aplicadas de Kehl, puxo a todo o público asistente ao día sobre a aplicación deste programa nunha solución europea para o control da contaminación atmosférica entre Francia e Alemaña.

Mos sustitúe a depuradora de Petelos por unha conexión directa á rede xeral de saneamento

0

Debido a que a EDAR de PETELOS ten unha serie de deficiencias que impiden un tratamento adecuado e que os gastos enerxéticos e de mantemento non están xustificados polo grao de depuración realizado, o Consorcio de Augas do Louro, licitou recentemente a obra para anulala e executar un pozo de bombeo para que, mediante un tubo de impulsión de PEAD de 180 mm de diámetro e 685 metros de lonxitude, permita enviar a auga residual que actualmente chega á depuradora, á rede de saneamento existente.

O pozo de bombeo realízase en formigón armado de dimensións interiores en planta 3,70 m por 4,00 m e 4,0 m de profundidade. O espesor das paredes é de 0,40 m. As dimensións interiores da cámara de chaves anexa son de 1,9 m por 2,3 m e 2,75 m de altura interior. Dentro do pozo de bombeo disporanse dúas bombas capaces de elevar, individualmente, un caudal de 22,3 l/s a unha altura de 6 m.c.a. O sistema de funcionamento será mediante 2 bombas (1+1) e a regulación da velocidade das bombas con variadores de frecuencia para que o réxime de impulsión sexa o máis regular e laminar posible. Contará cun cestón de grosos e un aliviador con válvula antirretorno.

O prazo estimado das obras son 6 meses e o orzamento con IVE incluído ascende a 140.405,00 €.

Este sábado arranca na Guarda o Outono Teatral

0

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Cultura, organiza este ano o Outono Teatral 2022, no que se representarán na Guarda un total de 6 obras teatrais, 3 para público adulto e 3 para público familiar.

Para Antonio Lomba, “é de salientar a calidade das representacións teatrais que se realizan na Guarda e a complicidade que ten o público guardés coas funcións teatrais, mostra de elo é a gran acollida que teñen as obras de teatro que se realizan na vila, onde cada ano se esgotan as entradas da meirande parte dos eventos que se realizan, gozando case sempre dun aforo completo.”

Para Montserrat Magallanes, Concelleira de Cultura, “esta programación é unha programación pensada para todos os públicos, con obras destinadas a público adulto e outras destinadas a público familiar, que permitirán desfrutar do teatro a moitos veciños e veciñas da Guarda, unha aposta pola cultura que ano a ano trae á Guarda a algunhas das mellores compañías de teatro de Galicia, como pode ser Ibuprofeno teatro, A Panadaría ou Caramuxo Teatro.”

O vindeiro sábado 15 de outubro arranca o ciclo de teatro para os meses de outono no Centro Cultural, unha programación que está a consolidarse grazas á grande expectación e afluencia que esta disciplina artística esperta entre o público guardés que destaca por un alto nivel de fidelidade ás propostas. 

Para este ano 2022 fíxose unha aposta decidida por manter o nivel das compañías profesionais escollidas, así como por achegar unha variedade nos temas tratados e na perspectiva e técnicas teatrais empregadas, procurando xerar unha diversidade e ofertar propostas novidosas que sigan atraendo ao público guardés.

Fíxose tamén un importante esforzo para que a oferta de programación non quedara só no público adulto, xa consolidado, senón por atraer a públicos mais novos, dende a mocidade que pode atopar unhas atraentes temáticas novidosa, como as meniñas e meniños e familias para as que se fixo unha coidada selección de historias sen olvidar o toque de humor, buscando así crear o hábito ao teatro desde as idades mais tempranas.

Un total de 6 representacións que a razón de dúas sesións cada mes (unha para público adulto e outra para público familiar) queren consolidar esta oferta cultural e de ocio que tan boa aceptación ten sempre no noso auditorio.

PÚBLICO ADULTO E XUVENIL

O Ciclo comezará o vindeiro sábado 15 de outubro coa obra “SMOKE ON THE WATER, unha historia de sexo, drogas e rock&roll que nos traslada á unha posible recreación da vida de Janis Joplin na súa madurez. Esta peza é a última produción de Ibuprofeno Teatro, quen xa estivo na Guarda con propostas como O Furancho, Raclette, A filla de Woody Allen…Nesta ocasión cambia radicalmente o ton e a temática para trasladarnos a unha historia de curte mais sórdido dentro dun enredo amoroso-financieiro con final sorprendente, como é habitual no corte da compañía. É de destacar a calidade do elenco e a música en directo, especialmente para os amantes do rock.

A proposta do mes de novembro, será a función “As que Limpan” o 24 de novembro da exitosa compañía A Panadería, que xa coñecemos polas obras “PAN! PAN!” e “Elisa e Marcela”. As artistas porriñesas escollen novamente a temática de xénero para denunciar as condicións de precariedade laboral das empregadas da limpeza nas grandes cadeas hoteleiras dentro dun sistema de desenrolo baseado no turismo. A súa programación na Guarda vai aparellada cos eventos relacionados co Día internacional contra a violencia machista e conta cunha. Así mesmo esta función forma parte da programación Tornar As Táboas que organiza a Deputación de Pontevedra por toda a provincia para recuperar o pulso teatral despois da pandemia.

Por último, o 10 de decembro continúa a temática de muller cunha proposta totalmente novidosa de Diana Sieira, unha actriz con longo percorrido no mundo do teatro e do circo, pero que chega por primeira vez ata a Guarda con The Witch, unha novidosa proposta chea de forza, na que estando ela sola sobre o escenario entabla unha proposta participativa establecendo un diálogo/xogo co público para recuperar o debate sobre a persecucións as mulleres menciñeiras na Idade Media.

Para asistir a calquera destas funcións é preciso reservar entrada previa cunha semana de antelación a través do lugar web www.eventbrite.es (https://www.eventbrite.es/o/concello-da-guarda-35370803503) . En caso de dúbida ou dificultades coa plataforma o público pode achegarse ata as oficinas do Concello en horario de 9 a 14h.

PÚBLICO INFANTIL E FAMILIAR

Para acudir ás representacións pensadas para as crianzas non será preciso reservar con antelación previa, estando eso si a entrada condicionada ao límite de aforo sentado

Nesta ocasión seguíuse a mesma premisa que para público adulto de programar unha función cada mes e achegar unha diversidade de historias que van dende a tradición de O Quixote da Compañía Pedras de Cartón (29 de outubro),  a ternura da tradicional historia das Fabas Máxicas da compañía Caramuxo Teatro (12 de novembro) e o humor e desenfado de Fran Rei con Superheróe (4 de decembro).

Todas as representacións realizaranse no Centro Cultural respetando o mesmo horario de 20:00h. Nas opcións de público adulto e 18:00h. No Público familiar

A programación de Outono Teatral é subvencionada pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2022.

A Deputación presenta o orzamento 2023

A Deputación de Pontevedra aprobará no pleno extraordinario do próximo día 21 o orzamento de 2023 que aumenta nun 6,55 % con respecto a 2022 e que supón poñer a disposición da provincia un total de 187,35 millóns de euros ao sumar aos 181,63 millóns do presuposto os 5,72 millóns de remanentes deste ano. Trátase do orzamento máis ambicioso de toda a historia da institución co obxectivo de acometer unha potente inxección económica no territorio para enfrontar a crise, “un orzamento, en palabras da presidenta Carmela Silva, pensado, elaborado e moi traballado para dar respostas aos concellos e á cidadanía nun contexto tan complexo como o que nos atopamos”. Pola súa banda, o vicepresidente, César Mosquera, definiu as contas como “ambiciosas, expansivas e prudentes”, e subliñou que o capítulo que máis medra é o dos investimentos, (de 12 a 17 millóns de euros -un 33,11 %-)  e que, como nos anos anteriores, segue sen haber fondos de libre disposición para a presidenta e máis el.

O orzamento de 2023 é claramente progresista e, como dixo Carmela Silva, “dá resposta a promover e garantir dereitos e servizos vivas onde vivas, un orzamento que se asenta na Axenda 2030, na Axenda Urbana e na dinamización económica, cultural e social da provincia”. Conta cun Plan Concellos que aumenta ata os 44 millóns de euros en transferencias directas, amais doutras accións, que suman 24,85 millóns, que revalidan á Deputación como a institución provincial que máis recursos transfire ao territorio: “un 33,7 % cando a media do Estado está no 17 % e en Ourense non chega ao 0,5 %”. O orzamento presenta unha poderosa aposta polas políticas sociais “porque este é o momento de estar coa xente e as persoas teñen que estar no centro”, sube ata os 19 millóns de euros, un 4% máis que no 2022. Tamén revalida a súa aposta pola recuperación sostible e está envorcado á consecución dos fondos europeos. De feito, co traballo realizado, no 2023 se espera conseguir de Europa o equivalente a un orzamento adicional para a provincia.

Carmela Silva sinalou que “éun gran orzamento, o máis grande da historia, ao que aínda imos sumar moitos recursos da Unión Europea e que ten no corazón á provincia, o seu desenvolvemento, cun modelo claro de progreso ideado para garantir a súa transformación, modernizar todas as súas estruturas e mellorar a vida das veciñas e veciños”. A presidenta provincial subliñou que “é o octavo orzamento do goberno, en tempo e forma, que cada ano levamos antes ao pleno seguindo o modelo claro que temos para a provincia, baseado no respecto absoluto dos dous grupos de goberno e tamén en que estamos abertas e abertos a escoitar as boas ideas para poñer en marcha e mellorar a vida da xente, dinamizando esta provincia e transformándoa a través de proxectos con visión global”. Carmela Silva detallou todas as “potentísimas” cifras e incrementos por áreas de goberno do orzamento e subliñou os recursos destinados aos concellos, con 327 millóns dende o 2016, recordando que “a Xunta dedica cada ano 112 millóns de euros aos concellos de toda Galicia, polo que o esforzo que temos feito é incrible, é extraordinario, nin o soñaban os concellos no 2015”.

César Mosquera salientou que os orzamentos provinciais de 2023 atenden ao que necesita a provincia, os concellos e a propia Deputación “sen gastar enerxías en cuestións secundarias”, e  destacou tamén que os orzamentos vanse aprobar máis rápido ca nunca grazas a que a Deputación está a funcionar politicamente de maneira pacífica e sen problemas, consecuencia da experiencia e de que o goberno bipartito está asentado en bases sólidas acordadas en 2015.

Así mesmo, subliñou que as contas están feitas practicamente a petición dos servizos provinciais tendo en conta as necesidades reais, sen inflar solicitudes e coa certeza de que non se fan recortes como acontecía antigamente. “Xa non se fan contas aos Reis Magos, se cada servizo precisa recursos teraos en tempo e forma”, asegurou, subliñando que o organismo está a funcionar de maneira axustada, coma unha “balsa de aceite”.

O orzamento en números

Para o 2023 o orzamento da Deputación ascende aos 181,63 millóns de euros, sendo o consolidado de 185,39 millóns de euros cos importes correspondentes á Escola de Enfermería, Consorcio Provincial Contra Incendios e o Consorcio do Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Trátase do maior orzamento da historia da Deputación que crece un 26,22% máis que no 2015, para seguir avanzando na construción dunha provincia xusta e igualitaria. As contas permitirán dotar, entre outras cuestións, dun 200% máis de recursos aos convenios para impulsar infraestruturas sostibles e amables por todo o territorio, incrementar un 18,07% o orzamento en igualdade e nun 16% os recursos destinados a actividades deportivas e culturais na provincia. Tamén se reforza a aposta polo medio natural e a sostibilidade, a eficiencia e innovación, o reequilibrio sostible do territorio, o reforzo dos sectores estratéxicos, a formación, innovación e dixitalización e a reactivación cultural, turística e deportiva.

O Plan Concellos crece ata os 44 millóns de euros, un millón máis que no 2022 destinado especificamente aos municipios de menos de 20.000 habitantes. Un plan que ata 2022 permitiu aos concellos impulsar 2.913 obras, realizar 1.440 pagos e crear 7.007 postos de traballo. Esta eficaz ferramenta xunto a plans impulsados pola Deputación como o ReacPon (26,33 millóns de €), DepoRemse (11 millóns de €) e o de Reequilibrio (19,75 millóns) supón a distribución ata agora de 327 millóns de € nos concellos da provincia. Tamén se destinarán 24,85 millóns de € para outras accións cos municipios cun incremento do 10,93%. Mediante estes recursos vanse impulsar convenios e incrementar as axudas sociais, culturais, deportivas, de igualdade, de novas tecnoloxías, de medio ambiente, formación, dinamización da lingua e en turismo.

O compromiso da Deputación coa Inclusión Social superará os 18,90 millóns de € no 2023 para impulsar programas sociais inclusivos, axudas de emerxencia a concellos, a teleasistencia domiciliaria, rehabilitar o Centro Príncipe Felipe, colaborar con ONGs e espallar iniciativas destinadas á mocidade.

Distribuiranse 41,32 millóns de €, cun incremento do 6,5 %, para Políticas de Recuperación Sostible e fronte ao Reto Demográfico coa posta en marcha de máis infraestruturas sostibles, amables e seguras; novos plans de seguridade viaria; iniciativas de promoción de emprego; o plan Revitaliza; o apoio ao sector primario e á economía verde ou, entre outras iniciativas, o fomento do emprendemento na escola.

Outros 23,03 millóns de €, cun crecemento do 5,65 %, irán destinados ao Fortalecemento da Cultura, o Deporte e o Turismo con iniciativas de apoio á creatividade e á creación cultural, o impulso de actividades culturais como reclamo turístico, a dinamización da lingua, o Museo de Pontevedra e a nova dotación de Santa Clara, a aposta por grandes eventos deportivos como dinamizadores turísticos, bolsas para deportistas de elite, os festivais de cinema e de música e melloras nos castelos de Soutomaior e Sobroso.

Para Patrimonio e Memoria Histórica a Deputación destinará 2,62 millóns de € no 2023, o que supón un incremento do 2,08 % e permitirá desenvolver actividades, o proxecto “O pasado por vir”, recuperar o patrimonio histórico e o marítimo e colaborar con actuacións cos concellos.

A Igualdade no centro da acción política. Conta cun orzamento de 2,13 millóns de €, cun crecemento do 18,07 % con respecto ao 2022, aínda que se destinan moitos máis recursos que forman parte de todas as áreas de goberno para seguir convertendo á Deputación nunha referencia no Estado. Continuaranse promovendo proxectos, accións para a corresponsabilidade fronte á conciliación, iniciativas de formación na Escola María Vinyals, campañas de concienciación e visibilización, colaboración coa universidade para a creación do coñecemento e a investigación, iniciativas para visibilizar ás mulleres en diferentes eidos, loitar contra a violencia de xénero, dar cumprimento á axenda feminista e da axenda da paridade e colaborar co tecido social neste ámbito.

Ademais destinaranse 30,5 millóns á creación dunha Administración Eficiente e Innovadora, cun incremento do 1,67 % para continuar modernizando á administración e apostar polo teletraballo, crear un modelo de xestión de persoal eficaz e transparente, impulsar ofertas de emprego para unha maior cualificación do persoal, crear unha administración 100% electrónica, apostar polo mantemento e modernización das instalacións e impulsar a ciberseguridade.

Como outro dos eixos prioritarios, a Deputación envorca tamén o orzamento á consecución dos Fondos Europeos e contempla acadar no 2023 o equivalente a un orzamento adicional para a provincia, con 60 proxectos en marcha e 25 millóns de € en estudo para impulsar iniciativas centradas na transición verde e dixital como retos principais. Dende o 2016 téñense mobilizado de Europa ata 110 millóns de € e, coa creación da oficina de Proxectos Europeos, tense dado un pulo á captación de recursos para apoiar aos concellos na xestión destes fondos, executar o plan estratéxico de fondos e desenvolver e implantar a Axenda 2030 e Axenda Urbana.