A ludoteca municipal abre as súas portas a todos os nenos e nenas de Ponteareas e da comarca. Os vindeiros 18, 19 e 20 de outubro as instalacións organizarán unhas xornadas de portas abertas con actividades para que os nenos de 6 a 12 anos coñezan de primeira man o traballo que se está a desenvolver neste servizo. “Con estas xornadas facilitamos que rapazas, rapaces e as súas familias coñezan mellor este espazo de lecer e descubran todo o que ofrece aos máis pequenos e pequenas durante todo o ano”, explica a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera.
A primeira xornada será o martes 18 de outubro e estará dedicada a nenos e nenas de 10 a 12 anos. Mentres, o mércores 19 o grupo estará centrado nos cativos e cativas de 9 e 10 anos e o xoves 20 de outubro nos de 6 a 8 anos. As xornadas serán todos os días de 17.00 a 19.00 horas, totalmente de balde e sen límite de asistentes, aínda que non se admitirán nenos ou nenas que non correspondan ao grupo de idade previsto para esa xornada.
A ludoteca municipal xa ten lista a súa programación para o curso 2022-2023, cunha morea de actividades que ofrecer a rapaces e rapazas tardes de lecer lúdico, divertido e educativo para aprender xogando. Saídas, talleres de cociña, manualidades, xogos ou celebracións de festas tradicionais… son un exemplo do moito que pode desfrutar a rapazada.
Ata o vindeiro mes de xuño a ludoteca abrirá as súas portas dúas horas á semana en horario de tarde con actividades destinadas a nenos e nenas de 6 a 12 anos e unha cota de 14,64 euros ao mes. As familias interesadas poden solicitar máis información ou inscribir a cativos e cativas enviando un correo electrónico a [email protected] ou a través do teléfono 673 794 760.