11.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorBaionaBaiona acollerá a II edición do Blue Atlantic Forum

    Baiona acollerá a II edición do Blue Atlantic Forum

    A segunda edición do FORO ATLÁNTICO AZUL, organizado polo Concello de Baiona, celebrarase no Parador de Baiona os vindeiros 19-20-21 de outubro; tres días de reflexión e análise centrados en tres sectores de vital importancia na economía azul e claves para o desenvolvemento sostible de Galicia: a pesca e a acuicultura, a biotecnoloxía mariña e o turismo costeiro.

    “Se hai unha cor que identifica a Baiona, ademais do verde é o azul. Os seus kilómetros de costa que miran ao Atlántico marcan a estreita relación desta vila co mar. Unha vila que sempre foi mariñeira. Neste momento onde a situación económica obriga a reinventarse, o Concello aposta por novos conceptos como a economía azul, que pode convertirse nun dos principais impulsores do crecemento de Europa no futuro”, segundo sinala o alcalde,  Carlos Gómez Prado.

    Grazas á organización desta segunda edición, financiada polo Galp Ría de Vigo-A Guarda, o Concello de Baiona reforza a súa posición como destino azul por excelencia dentro do panorama autonómico e nacional, tanto pola súa situación xeográfica como pola súa importancia económica das empresas dos sectores consolidados e emerxentes da economía azul na súa contorna.

    Tras o éxito da primeira edición, celebrada en novembro do ano pasado, Baiona volverá reunir a ducias de profesionais e expertos de toda Galicia e tamén doutras comunidades e mesmo doutros países como Portugal ou Chile nun foro de debate e posta en común sobre as oportunidades arredor da economía azul desde unha perspectiva atlántico-europea.

    Todo o mundo sabe que Galicia é unha potencia mundial na pesca e na acuicultura. Na primeira xornada do foro analizarase a sustentabilidade e o futuro do sector, con especial atención á pesca artesanal. A certificación do peixe para reforzar a súa calidade e tamén as posibilidades de financiamento de proxectos pesqueiros neste marco tamén se tratará o próximo 19 de outubro no inicio deste encontro no que participarán produtores e representantes de organizacións do sector.

    A segunda xornada estará dedicada á biotecnoloxía mariña, un sector emerxente e con grandes oportunidades para a economía galega. Debaterase do potencial das rías galegas coa presenza de numerosos exemplos de innovación no sector, tanto locais como doutros lugares.

    O turismo de costa, do que Galicia é un referente azul grazas á súa peculiar hidrografía e espectaculares paisaxes, é o protagonista da clausura do foro. Varios expertos aportarán a súa visión para facer máis atractivos os destinos costeiros, innovando mantendo a sustentabilidade e debatendo se a sobreexplotación dalgúns destinos xa é un fenómeno irremediable.

    O foro está aberto e a inscrición para seguilo tanto presencialmente como online é gratuíta para os interesados, que poden inscribirse a través de Ataquilla, xa que as prazas para acudir ao Parador son limitadas. Toda a información sobre o contido e o programa do foro pódese atopar na páxina web https://blueatlanticforum.org/.

    *Pódese asistir de forma física (prazas limitadas) e online dende o enlace de Ataquilla.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.