15.2 C
Pontevedra
Xoves, 7 de Decembro de 2023
Máis
    HomeLouriñaSalceda de CaselasMovemento Salceda lembra os incendios de outubro de 2017

    Movemento Salceda lembra os incendios de outubro de 2017

    A formación local organiza unha andaina familiar cinco anos despois daquela terrible noite

    Movemento Salceda ven de anunciar a denominada “Andaina da esperanza”, que lembrará os terribes incendios do 15 e 16 de outubro de 2017 cinco anos despois. A cita será o vindeiro sábado 22 de outubro con saída ás 10 da mañá dende o Centro Cultural O Coto de Budiño, e conta coa colaboración das diferentes comunidades de montes veciñais en man común do Concello de Salceda. O percorrido, duns 6 km de lonxitude, acollerá tamén unha pequena plantación de árbores autóctonas, como símbolo desa esperanza cinco anos despois dunha noite que ninguén quixese lembrar. Para participar na actividade é preciso inscribirse a través de whatssapp nos números 699606562 e 608271716, ou a través de correo electrónico en movementosalceda@gmail.com.

    Salceda foi un dos Concellos nos que os lumes de 2017 tiveron unha grande repercusión, con 910 hectáreas queimadas, 567 de monte comunal, o que supuxo o 25,52 % da superficie total do Concello, e con comunidades de montes veciñais como a da parroquia da Picoña que perdeu máis do 90% da súa masa forestal. Seis das sete comunidades de montes foron afectadas polos lumes, salvándose unicamente os montes da parroquia de Entenza. O movemento veciñal foi fundamental tanto para conseguir dar por extinguidos os lumes como posteriormente nas tarefas de recuperación do monte, para o que máis de 80 persoas voluntarias deitaron 15 toneladas de palla nas superficies queimadas.

    Movemento Salceda quere lembrar o acontecido cinco anos despois, recoñecendo unha vez máis o traballo impagable de cantas persoas saíron a botar unha man na noite do 15 de outubro de 2017, así como a actuación de Protección Civil, Policía Local, Garda Civil e demais forzas e corpos de seguridade que se volcaron para que os danos fosen os menores posibles.

    Loli Castiñeira, voceira de Movemento Salceda, indicou que “non podemos esquecer o que pasou aquela noite tan difícil no noso Concello. Con este acto queremos quedarnos co positivo, coa esperanza de que non volten producirse este tipo de incidentes, coa esperanza de que aos nosos montes lles agarda un futuro prometedor e coa esperanza de que a veciñanza de Salceda seguirá a ser exemplo de solidariedade e de que sempre está onde se lle precisa. Será un día alegre, un día de convivencia no que están convidadas tódalas persoas que desexen asistir a pasar esta fermosa mañá de convivencia e natureza”.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.