11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaRedondela prepárase para recibir o Samaín

    Redondela prepárase para recibir o Samaín

    A programación para o Samaín, deseñada polas Concellerías de Cultura e Turismo do Concello de Redondela, ofrece unha programación cultural extensa para todos os públicos que destaca pola visita teatralizada aos lugares históricos da vila, onde os participantes poderán coñecer as lendas, supersticións e crenzas de Redondela, así como disfrutar da historia do premiado Cemiterio dos Eidos.

    “Queremos que o Samaín, a festa que simboliza o fin do verán, sexa un encontro popular que dea vida ás rúas e comercios de Redondela. As actividades están pensadas para todos os públicos con moito agarimo e traballo para converter o municipio nun escenario de terror por un día”, conta a alcaldesa Digna Rivas.

    A Visita guiada na Noite de Defuntos é gratuita, pero ten un un máximo de 50 participantes polo que é necesario a inscripción previa de forma presencial na Oficina de Turismo de Redondela. O prazo de inscripción abre a partir do día 24 deste mes e estará aberto hata esgotar boletos.

    A actividade é unha colaboración do Concello con Barafunda Animación que serán os encargados da creación dos personaxes e a caracterización. Entre as figuras que aparecerán durante a visita e que interactuarán cos participantes están a Bruxa Benita e a Santa Compaña, ademais de moitas máis sorpresas.

    O percorrido da visita inicia ás 22 horas na Casa da Torre e transcurre polo Centro da Vila para rematar ás 23 horas e media na praza de Santiago, pasando polo Cemiterio dos Eidos. Este camposanto é o máis antigo de Redondela e conta co premio de “Cemiterio máis bonito de España”, concedido pola revista Adiós Cultural en 2022.

    ACTIVIDADES PARA OS MÁIS PEQUENOS

    A partir das 17 horas da tarde comezan as actividades para nenos e nenas con obradoiros de maquillaxe, tatuaxes e cabazas de samaín no Multiusos de Redondela e no de Chapela de forma simultánea.

    “Como de costume, o goberno actual pon puntos de interés tamén nas parroquias. Os nenos e nenas de Redondela teñen que ter o maior acceso posible ás actividades, por iso levamos a celebración ao Multiusos de Redondela e o de Chapela”, explica Digna Rivas.

    En colaboración coa Asociación de Comerciantes as tendas contarán toda a tarde con caramelos para o ‘truco ou trato’, cortesía do Concello. Para os máis valentes, na Alameda de Castelao de 18:30 horas a 20:30 horas estará instalado un túnel do terror para nenos e nenas a partir de 12 anos ou menores acompañados dun adulto.

    O Concello de Redondela quere lembrar que “todas as festas programadas teñen como intención poñer en valor o patrimonio do municipio. Por este motivo o Samaín terá un compoñente educativo e histórico moi importante nas súas actividades, destacando a Visita Teatralizada”, conclúe Rivas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.