Luns, 17 Marzo de 2025

A mellora da EP-4006 ente As Neves e Ponteareas xa é unha realidade

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar o convenio de colaboración co Concello das Neves para a mellora da mobilidade peonil na EP-4006, que conecta a este municipio con Ponteareas. As obras teñen un orzamento de 258.395 euros que serán financiados pola institución provincial de xeito integro, xa que mediante este convenio a Deputación asume o 80% do orzamento mentres que o outro 20 % será sufragado polas Neves a través do Plan Concellos. Deste xeito, a Deputación continúa a espallar o seu modelo de mobilidade amable, sostible e segura por toda a provincia.

Máis polo miúdo, as actuacións levaranse a cabo nun tramo de 480 metros situados no Concello das Neves e comprendido entre a rotonda que comunica a EP-4006 coa EP-4002 e o IES Pazo da Mercé. Ademais da execución dunha senda peonil de 2,5 metros de ancho, as obras comprenden o incremento do espazo ocupado polas beirarrúas, a ordenación do tráfico rodado e o calmado da velocidade mediante un novo paso de peóns sobreelevado. Así mesmo, incrementarase o ancho da beirarrúa da marxe esquerda e mellorarase a seguridade viaria mediante unha reordenación dos carrís e das zonas de estacionamento. A maiores o proxecto contempla a execución dunha nova rede de pluviais, a canalización de alumeado público, a mellora do mobiliario urbano e a plantación de 30 árbores de sombra. As obras comprenden tamén a sinalización completa no tramo de actuación.