Domingo, 16 Novembro de 2025

Salvaterra saca a concurso os postos para o mercado de abastos

O Concello de Salvaterra de Miño informa que acaba de saír publicada no Boletín Oficial da Provincia a licitación dos postos e Bancadas do Mercado Municipal de Abastos de Salvaterra de Miño.

O prazo para presentar as ofertas ábrese a partir de mañá durante 30 días naturais, as proposicións deberán ser entregadas no Rexistro de Licitacións do Concello.

Con esta nova licitación o Concello pretende dinamizar e darlle vida a praza de abastos, que se implementa coas obras de semipeatonalización que se están realizando nestes intres na zona e que permitirán darlle unha nova imaxe e vida a contorna da praza de abastos.

Pescaderías, conxelados, asados e comida elaborada, panadería/pastelería, charcutería, frutería, productos de alimentación ecolóxicos / delicatessen, carnicería e postos libres son as ofertas que ofrece o concello para todos aqueles que queiran emprender ou ampliar o seu negocio, coa concesión de domicio público por 20 anos, prorrogables por un periodo máximo de 5 anos, con un prezos moi asequibles co fin de facilitar a concesión dos postos. Para máis información consultar a sede electrónica do Concello de Salvaterra ou no perfil do Contratante do Concello de Salvaterra de Miño integrado na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

Os nenos do Porriño lideran a conmemoración do 25N

A Concellería de Igualdade do Concello do Porriño, que dirixe Carolina González, no marco da campaña polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra a Muller, propón unha serie de actividades que chaman á reflexión contra este tipo de violencia abertas á participación de todo o tecido social do municipio.

Os actos comezarán hoxe con “Golpes”, un monólogo teatral contra a violencia machista producido pola compañía galega aAntena, interpretado pola actriz Estíbaliz Veiga. A peza, que pretende que o espectador e espectadora identifique todos e cada un dos comportamentos ou actitudes machistas propios e alleos  e sexa consciente de canto traballo hai por facer aínda para chegar a conseguir un mundo igualitario, escenificarase na Praza Arquitecto Antonio Palacios a partir das 19 h.

A xornada de mañá, 25 de novembro, acollerá o groso da programación. Dende as 12 h ata as 20 h, o Punto Violeta instalado na praza Arquitecto Palacios levará a cabo unha campaña de difusión e sensibilización para a eliminación da violencia contra a muller.

Xapola tarde, a partir das 19 h comezarán os actos centrais aos pés do Concello. Este ano os nenos e nenas serán os encargados de abanderar a loita. Tomando como referencia esta xornada, que se converteu nun día de reflexión e concienciación para expresar o máis profundo rexeitamento a todos os tipos de violencia contra as mulleres, os coles do Porriño presentarán os seus lemas contra a violencia de xénero, estandarte no seu centro durante todo o curso escolar.

De seguido, procederase á lectura homenaxe ás vítimas de violencia machista da que poderá participar toda a cidadanía.

Último contacontos para ás crianzas este domingo no Multiúsos Mercado de Sabarís

0

O Multiúsos Mercado de Sabarís acolle este domingo, 26 de novembro, ás 12:00 h o  contacontos “Travesias. Aventuras de Libros” de Raquel Queizas.

Todos aqueles nenos que se acheguen ata o recinto municipal pasarán unha mañá divertida. A entrada é gratuíta e libre ata completar aforo.

Trátase da última actividade que forma parte da programación “Novembro Lila” organizada pola Concellería de Igualdade, ao fronte de Yasmina Moreira Costas, co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que trouxo consigo todo un mes dedicado a actividades para sensibilizar e educar contra a violencia á muller no Concello de Baiona.

Ponteareas continúa resolvendo problemas da rede de saneamento

O Concello de Ponteareas continúa acometendo traballos extraordinarios de renovación de canalizacións e conducións de saneamento no centro urbano que afloran periodicamente mediante afundimentos en diferentes vieiros públicos. Nos últimos anos, o Concello afrontou importantes investimentos de centos de miles de euros para resolver estes problemas. Entre as actuacións realizadas destacan a executada no cruce entre a Avenida de Galicia e o Paseo Matutino, onde era habitual a saída de auga s fecais á superficie; na rúa Braña no cruce con Magnolio, onde se anegaban con augas residuais os garaxes e baixos desta rúa, ou no cruce de San Roque coa Avenida de Castelao, onde tamén se producían asolagamentos de garaxes.

O Goberno municipal lamenta ter que destinar recursos económicos a actuacións que se poderían ter evitado se a rede de saneamento se tivera realizado no seu día correctamente. O executivo local afirma que “estes problemas son consecuencia dunha nefasta planificación urbanística e dun desenvolvemento caótico da construción no centro urbano especialmente na década dos 90 e do 2000, sen que a administración municipal controlase a execución das conexións de saneamento dos novos edificios coa rede xeral, cun deixamento total das súas responsabilidades”.

“Cada vez que se abre o subsolo en calquera obra de humanización, descóbrense situacións incríbeis, con canalizacións paralelas; outras con orixe, destino ou finalidade descoñecidos; conexións mal feitas con enormes filtracións que van socavando o subsolo…”, afirman dende o goberno municipal. A realización de obras de reforma urbana como a de San Roque, a Praza Dr. Fernández Vega, Bugallal, Rúa Redondela ou agora Trobador Xoán García de Guillade están permitindo solucionar estes problemas mediante a renovación de todas as canalizacións. As obras de Trobador Xoán García permitiron comprobar que nesa rúa se atopaba o problema que provoca afundimentos na Avenida de Galicia, dende ese cruce até a rotonda con Rosalía de Castro. A pasada semana, produciuse un novo afundimento no cruce da rúa Castañal coa rúa Orotava que obrigou a cortar ese acceso e renovar as canalizacións, actuación que rematará nestes días.

O Concello agradece a comprensión veciñal ante problemas que causan trastornos e que son consecuencia dunha situación herdada que se está resolvendo para que no futuro non se volva repetir.

O Arealonga FS de Chapela prepárase para o seu vixésimo anisersario

0

“Se ofreces xogar no noso club, poderás conseguir xogadores e xogadoras. Se ofreces proxectos e traballo en equipo terás xogadores e xogadoras apaixonados”. Esta cita reflexa claramente o espírito do Arealonga FS de Chapela e, tal e como o propio club salienta “as nosas gañas de formar equipo e de que a nosa “pequena fortaleza” creza. Que día a día, todos e todas se sintan parte dun proxecto apaixoante e inspirador”.

O club Arealonga FS Chapela, foi fundado no ano 2003 da man de Iván J. Vázquez, actual presidente do mesmo, nacendo no CEIP de Laredo, na Praia de Arealonga en Chapela de aí o seu nome.

“A entidade, destaca polo seu traballo, a súa humildade e o seu compañeirismo, adxectivos que fan posible que funcionemos como unha gran familia, sendo esta a base do noso éxito”, explica a vicepresidenta Leticia Nigueira.

“Facemos unha clara aposta por tódolos cativos e cativas que desexen practicar esta modalidade deportiva no barrio, e de xeito especial, polo fútbol sala feminino, pois grazas a elas, fíxose posible algo tan fermoso”, engade.

En breve, o club estará de aniversario, cumprindo 20 anos de historia e o celebrará dun xeito moi especial. Por iso, se queres formar parte desta aventura, inda estás a tempo de facelo informándote a través do 662 111 339 ou no Pavillón Municipal de Chapela “Manuel González Soto” os martes e venres en horario de 17:00 a 19:00 horas.

Imponente segunda charla sobre a casa das clarisas

“En Santa Clara consérvase moito do convento medieval. Máis do que pensabamos e iso non é habitual en Galicia”. Esa foi unha das principais conclusións que expuxo o especialista Victoriano Nodar, responsable da arqueoloxía da arquitectura no estudo feito sobre o convento de Santa Clara, nunha das charlas organizadas pola Deputación e o Concello de Pontevedra para conmemorar o aniversario da súa compra.

O doutor comezou explicando que a arqueoloxía da arquitectura foi a que permitiu ler e analizar nos muros das edificacións de Santa Clara as evolucións das construcións ao longo do tempo, utilizando para iso diferentes formas de datación: os elementos estilísticos, os tipos de construción de muros, o cruce con datos documentais e históricos, e tamén as análises técnicas con termoluminiscencia ou carbono 14, que nestes momentos se están a utilizar nos morteiros dos muros.

Posteriormente, e en base aos achados, Nodar presentou unha hipótese da evolución das diferentes etapas no convento. Segundo dixo, xa dende o primeiro momento, cunha simple ollada, a impresión da equipa investigadora foi que “había un mosteiro cun proxecto ambicioso, moi austero como eran as clarisas e feito con moitas fases, pouco a pouco”. A parte medieval, destacou, é quizais a de maior interese e moi singular porque se dá en poucos lugares: a maior parte dos mosteiros e conventos do país renovaron completamente os seus edificios conventuais nos séculos XVI, XVII e XVIII.

“Temos poucas testemuñas de edificacións medievais de claustro en Galicia. Aquí si temos. Moitas das igrexas que hai no rural galego orixinariamente eran de mosteiros,  mais os mosteiros non están porque se desamortizaron ou porque os monxes marcharon, porque estaban feitos de cachotería e ao mellor se arruinaron e so quedou a igrexa, ou non se conservan ou se conservan pouco, ou están moi modificados ou espoliados. Aquí tiñamos un convento bastante potente. Por iso estamos a estudar as subfases dentro do medieval, os séculos XIV e XV”, destacou.

Nodar explicou que na primeira subfase do medievo no convento había un núcleo, no que se dubida de que ata existise a igrexa actual -que se fixo a continuación-, xunto cun primeiro claustro que non é o que se mantén, e outros edificios que se seguiron completando. Do mosteiro medieval púidose recoñecer a zona de refectorio, a porta de arco apuntado -por onde se entra agora como portería- como a sala capitular das monxas, e incluso se identificou algunha capela na mesma panda, probablemente funeraria.

Posteriormente, no XVI o que fixeron as monxas, dixo Nodar, foi un ‘aggiornamento’, un acondicionamento ou actualización porque cambiara o estilo, modificando esteticamente as estancias, pero aproveitando os mesmos pavillóns medievais dándolle un “aire máis moderno”, con fiestras máis anchas, arcos máis grandes e incluso pinturas. No XVII, subliñou, as monxas fixeron algunhas intervencións no conxunto do convento, mais xa hai constancia de que desapareceron parte dos edificios medievais, reparándose o que quedaba.

O XVIII é outro gran momento: constrúese o edificio grande da parte oeste onde están as actuais celas. O investigador subliñou que non se trata dunha ampliación, porque se trata dun proxecto buscado nun momento no que a comunidade non estaba medrando, de feito diminuíra o número de vocacións.

Os motivos da obra foron outros: que se dispoñía dunha economía saneada e que estaban na Ilustración. “O que se busca son novas condicións de habitabilidade e hixiene que antes non eran tan importantes. Non tiran os pavillóns medievais –que ameazaban ruína-, reutilízanos como cortes ou adega, e elas van vivir ao novo edificio, que ten uns bos muros. Todas as celas teñen o seu lavadoiro para asearse, con ventilación cos batentes das ventás para evitar as pandemias…”, dixo Nodar, destacando que estas obras para mellorar as condicións de vida da comunidade volveron sen embargo quedar sen rematar porque ou ben non precisaban máis mellora ou rematou o momento da ‘economía saneada’.

Finalmente, sobre as construcións feitas no século XX destacou que “foron un pouco desastre e agora hai que poñerlle remedio na restauración”.

A semana próxima seguirá o ciclo de  charlas en Santa Clara. O 29 de novembro será a quenda de ‘Compoñendo puzzles’, unha charla a cargo da responsable dos traballos de conservación e restauración, Aldara Rico, que fará un percorrido, entre outras cousas, polos milleiros de pezas de cerámica e outro tipo de obxectos singulares atopados nas diferentes catas.

O xoves 1 de decembro será a quenda para falar dende o punto de vista antropolóxico. Baixo o título ‘A vida a través da morte. Aproximación ao estudo das individuais recuperadas no convento de Santa Clara’, a doutora Olalla López e Clara Veiga falarán sobre as inhumacións realizadas e as características dos restos óseos atopados en diferentes puntos do convento.

Arantxa Treus presenta a II Gala Sesé Mateo de Xornalismo Ético do Concello de Redondela

0

A xornalista Cristina García (O Grove) foi a galardoada co ‘II Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético’ no tratamento da Violencia Machista convocado polo Concello de Redondela e co que se quere recoñecer publicamente a ética á hora de tratar informacións tan sensibles como as relacionadas coa violencia machista, fuxindo de sensacionalismos e coidando a intimidade das vítimas e as persoas sobreviventes máis vulnerables.

Cristina García López recibirá o galardón polo capítulo ‘Mentres dormes’, do seu podcast ‘Superando a ficción’, que afonda nas violacións por submisión química. A través da historia persoal da directora británica Michaela Coel, García López explica os antecedentes deste tipo de violencia, da que comezamos a escoitar falar hai relativamente pouco tempo.

A gala de entrega do premio está aberta ao público e terá lugar no auditorio do multiúsos da Xunqueira de Redondela este vindeiro venres, 25 de novembro, ás 20 horas nun acto presentado pola actriz Arantxa Treus e que contará intervención da escritora Eva Mejuto e a actuación musical de Su Garrido Pombo. “Esta iniciativa é a nosa aportación no día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller”, explica  a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

Ademáis contará coa lectura poética de Nuria Vil “As túas uñas gastadas: diálogo poético”, unha lectura na que se pon en diálogo a poesía de Sesé coa doutras autoras que coinciden no tempo e que centran o punto de conexión cos poemas que se inclúen no libro póstumo de Sesé Mateo ‘No camiño do vento’.

A resposta á convocatoria desta segunda edición do Premio Sesé Mateo de Ética Xornalística, foi cualificada pola alcaldesa como “todo un éxito” presentándose un total de 15 traballos xornalísticos chegados de todas partes de España.Da boa acollida deste premio “que nace con vocación de continuidade”, afirma a rexidora “fala o feito de que este ano aumentou o número de particiación e a diversidade de orixe dos traballos presentados que abranguen os tres medios de prensa: escrita, radio e televisión”.

Tamén quixo salientar “a dificultade que tivo o xurado” á hora de puntuar os traballos xa que todos eles “trataban a violencia machista fuxindo de matices sensacionalistas que, por desgraza, son buscados por algúns medios co único afán de incrementar os índices de audiencia o número de lectores”.O xurado estivo composto por Alfredo Estévez, xornalista e membro durante moitos anos do xornal dixital ‘Comarcas na Rede’; Patricia Costa, xornalista de Radio Nacional de España (RNE) e gañadora do ‘I Premio Sesé Mateo’; Eva Mejuto, escritora literaria e xornalista; e Paula Montes, xornalista de Radio Vigo Cadena SER e TeleVigo.

Redondela, lembrou a alcaldesa, “está sendo nos últimos anos un referente en igualdade e na loita contra a violencia machista, a continuidade destes premios en memoria a Sesé Mateo, son outro paso máis na loita diaria para acadar unha igualdade real entre homes e mulleres”.

“Quero agradecer o traballo de Joshua Mateo, pilar importante para a creación, producción e continuidade destes premios”, conclúe Rivas.

Sesé Mateo

Sesé Mateo (Chapela, Redondela 1965-2017) foi unha muller feminista e militante na defensa das liberdades básicas para os seres humanos, de calquera raza e condición. Foi asasinada en 2017 pola súa exparella, nun crime que deixou, ademais, sen fogar á súa familia durante meses.

A loita do Grupo de Apoio á Familia Mateo (colectivo creado polas súas amizades que organizou actividades para a recadación de fondos para a rehabilitación da súa vivenda) e, posteriormente, doutro grupo de mulleres activistas culturais que colaboraron co seu fillo, Joshua Alonso Mateo, na edición do libro póstumo dos seus poemas No camiño do vento, fixo que este crime machista non fose un mero número máis, se non que movese algúns marcos sociais inxustos e indecentes. O seu proxecto No camiño do vento xerou fondos económicos que foron integramente doados ao Fondo de Becas para as orfas e orfos de violencia machista da Fundación Mujeres. Coa creación deste premio queremos seguir abrindo camiños no ámbito dos medios de comunicación. Entendemos que estas noticias deben formar parte da axenda mediática, pero deben lograr un tratamento correcto da violencia de xénero e vicaria para que a difusión de valores contra a violencia sexan clave na prevención a través da sensibilización.

A figura de Sesé Mateo inspira esta convocatoria por ser o seu caso un dos máis mediáticos de Galicia. Así consta no estudo asinado pola xornalista Belén Puñal Rama que aparece ao final do libro No camiño do vento. Queda moito por mellorar aínda no ámbito do xornalismo con respecto ao tratamento da violencia en xeral e da violencia contra as mulleres e as súas crianzas en particular.

A saúde mental protagoniza o pleno infantil co que Tomiño conmemora o Día Universal da Infancia

0

A Organización Mundial da Saúde xa o alertou: un de cada sete mozos de 10 a 19 anos padece algún trastorno mental. Unha situación agravada trala pandemia da COVID, que permitiu sacar á palestra unha problemática case tabú e que este martes rapaces de todos os centros educativos de Tomiño abordaron no pleno infantil celebrado en conmemoración do Día Universal dos Dereitos da Infancia.

O auditorio de Goián foi o escenario escollido para celebrar este encontro que foi presidido pola alcaldesa, Sandra González, e que contou tamén coa presenza da concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez, así como do edil de Obras e Acción Rural Alexandre Pérez; do de Participación Veciñal e Lecer, Agustín González; a concelleira do PP Isabel Díaz e a concelleira do PSOE Mirta Misa de concelleiros e concelleiras da corporación municipal. A rexedora quixo destacar a implicación de todos os nenos, nenas, mozos e mozas participantes “porque nos permite coñecer de primeira man a vosa visión, escoitar as vosas opinións e empaparnos coas vosas propostas sobre unhas doenzas difíciles de detectar e que poden facer á nosa infancia e mocidade máis vulnerable”.

Como sinalaron os representantes CEIP Plurilingüe de Tebra, Aitana e Iván, “a época que nos tocou vivir deixou na rapazada como nós moitos medos e inquedanzas, e sentirse seguros e seguras é fundamental par a aprendizaxe e para a nosa saúde mental”. Unha saúde mental que “está máis presente nas nosas vidas do que pensabamos”, como explicaron Fernanda e Yaisa, do CEIP de Sobrada. “Hai moitas causas na nosa contorna que nos afectan máis do que cremos. As redes sociais son prexudiciais se non sabemos empregalas, cheas de influencers que semellan ter vidas perfectas que fai que podamos sentirnos inferiores; as notas, cada vez con máis responsabilidades e carga de traballo que non sabemos xestionar a nivel emocional… E tememos que a situación empeore nos próximos anos”, sinalaron.

Por iso, aínda que gabaron os servizos e actividades municipais que actualmente xa teñen á súa disposición, todas e todos os participantes no pleno infantil coincidiron na necesidade de rachar tabús, promover a educación emocional nas aulas e poñer en marcha novos recursos. Dende talleres e actividades que fomenten o benestar social, como reclamaban Luca e Antía do CEIP de Barrantes ata unha maior presenza de psicólogas e psicólogos nos hospitais, nos centros de saúde e nos colexios proposta polas e polos representantes do CEIP de Tebra ou máis actividades dirixidas á infancia e mocidade, un sitio onde poder falar, máis médicos especializados, obradoiros e charlas divertidas coas que axudarlles a mellorar o comportamento e xestionar emocións ou un centro de xogos e actividades de balde que reclamaron Paula e Gorka, do CEP Pedro Caselles. “Pedimos que teñades en conta que a nosa saúde mental é moi importante e valiosa, que non pensedes que é algo que xa se tratará cando sexamos maiores. Axudádenos a coidala, a cultivala e a crecer cun bo benestar mental e deixádenos decidir sobre cousas que poidamos afrontar, axudádenos a potenciar a nosa creatividade, falade con nós e, sobre todo, dade exemplo. Porque debedes lembrar que nós seremos os adultos e adultas do mañá”, recalcaron Paula e Gorka.

Durante o encontro tamén interviron Laura e Javier en representación do IES Antón Alonso Ríos, e os nenos e nenas do CEIP Pintor Antonio Fernández repartiron pegatinas que fixeron para todas e todos os participantes. As encargadas de dar voz ao centro foron Ana e Hajar. Ademais, Carmen Pousa acudiu en representación de Voces Novas para contar a experiencia do consello da infancia e adolescencia de Tomiño no X Foro de Participación no Parlamento Galego.

Aberto o prazo de inscrición na ludoteca de Nadal de Nigrán

0

O Concello de Nigrán, a través do Centro de Información ás Mulleres, organiza un ano máis a “Ludoteca de Nadal 2022” co obxectivo de favorecer a conciliación da vida laboral, persoal e familiar. Está destinada a nenos e nenas empadroados en Nigrán con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos, e desenvolverase dende o día 23 de decembro ata o día 5 de xaneiro de luns a venres no CEIP Humberto Juanes de Nigrán. En total, ofértanse 60 prazas e custe é de 10 €.

O período de inscrición comeza o día 24 de novembro e finaliza o día 2 de decembro. Os formularios de inscrición poderán recollerse no Centro de Información ás Mulleres, na Oficina de Atención Cidadá ou descargarse na páxina web www.nigran.es/Taboleiro de Anuncios/Anuncios.

Para máis información as persoas interesadas poden dirixirse ao Centro de Información ás Mulleres na antiga estación do tranvía de Panxón, Estrada pola vía, nº65, Panxón, Nigrán. Tlf: 986 383081, correo electrónico: [email protected]..

Máis de 200 obras de Castelao para ver a evolución deste artista referente na ilustración gráfica no século XX

A evolución da obra artística de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao chega a Ponteareas. O museo municipal acolle dende o vindeiro 25 de novembro ata o 30 de decembro a exposición ‘Castelao. Grafista’, unha mostra que reúne unha rigorosa selección de máis de 200 obras do artista rianxeiro que amosan o seu progresivo compromiso ético, social e político, pero tamén a evolución estilística e teórica que o levaron a converterse en referencia na historia da ilustración gráfica da primeira metade do século XX.

“É un orgullo ter en Ponteareas unha exposición coa obra “dun dos máis importantes intelectuais galegos da nosa historia, un verdadeiro humanista, un referente de loita, amor e traballo polo noso país en cada unha das súas facetas: como caricaturista, debuxante, ilustrador, columnista, escritor, pintor, escenógrafo, ensaísta, historiador, etnógrafo e mesmo político”, destaca o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

A mostra reúne 19 facsímiles da Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum ‘Cousas da vida’ de Castelao, ademais de tres retratos fotográficos, catro caricaturas e 17 debuxos e portadas de revistas. O público poderá tamén gozar na exposición do texto orixinal do álbum ‘Nós’ e contemplar dous manuscritos do escritor, 18 portadas das primeiras edicións dos seus libros, tres páxinas interiores, 14 portadas de libros ilustradas por Castelao e tres debuxos.

O Concello de Ponteareas colabora con este proxecto expositivo organizado pola Afundación Obras Social ABANCA, a Fundación Gonzalo Torrente Ballester, a Real Academia Galega de Belas Artes e Turismo de Galicia, unha ambiciosa mostra itinerante que busca dar a coñecer e difundir a obra e o pensamento de Castelao nos cinco continentes.

A exposición forma parte de ‘Cultura por alimentos’, unha iniciativa de Afundación a favor da Federación Española de Bancos de Alimentos. Por este motivo, o acceso ao público será a cambio da entrega dalgún alimento non perecedoiro que irá destinado ao banco de alimentos. A mostra poderá visitarse de luns a venres de 09.00 a 21.00 horas e sábados de 10.30 a 13.30 horas. A inauguración será o propio venres 25 de novembro ás 09.30 h.

Groba convida a toda a veciñanza a achegarse ata o museo municipal “para mergullarse nesta coidada mostra artística que recolle as diferentes técnicas e linguaxes empregadas por Castelao nos máis diversos formatos que o artista rianxeiro empregou durante toda a súa vida”.

O Obradoiro dá a coñecer o marisqueo a pé na entrega de premios do certame de fotografía

0

A sesión de entrega de premios reuniu a todos os galardonados e a un gran número de participantes, que estiveron no Centro Cultural de Cesantes. No acto pasouse un pequeno documental no que cinco mariscadoras xa xubiladas ensinaban o oficio de marisqueo a pé a un grupo do programa de voluntariado de 2022, que realizaban a actividade na Illa de San Simón. As traballadoras recibiron unha homenaxe por participar nesta actividade. O grupo estaba formado por Pastora Darroza Martínez, Josefa Zabaleta Darroza, Narcisa Crespo Darroza, Agustina Martínez Martínez e Encarnación Sotelino Dacosta.

A alcaldesa da localidade, Digna Rivas, estivo no evento e deu un pequeno discurso ó igual que os gañadores das diferentes categorías. En 2022, o certame de fotografía incrementou a participación con ata 217 instantáneas e repartiu seis premios de diferente cuantía económica. Ademais, quedou inaugurada a exposición con todas as fotos recibidas. A mostra pasará os vindeiros meses polos distintos centros culturais de Redondela.

Cadro de galardóns:

Premio a mellor á fotografía: Óscar Alonso Cabaleiro. Título: “O pescador”

  • 1º Premio Categoría Adultos: Juan Fernandez Varela. Título: “Galos”
  • 2º Premio Categoría Adultos: Lucia Otero Pazos. Título: “María Álvarez Lamas”
  • 3º Premio Categoría Adultos: Jose Andrés Lago. Título: “Soria”
  • 1º Premio Categoría Xuvenís: Uxía García Cal. Título: “O Lazo Roxo”
  • 2º Premio Categoría Xuvenís: Xoel Casal Blanco. Título: “O parque das follas”

Salceda, exemplo de loita contra a violencia machista o 25N e todo o ano

O Concello de Salceda de Caselas vén de presentar a programación elaborada co gallo do 25 de novembro, día da eliminación da violencia contra a muller, a través da concellaría de igualdade dirixida pola tenenta de alcaldesa Loli Castiñeira.

Enmarcado dentro do programa Diana, por segundo ano consecutivo e logo da boa acollida da primeira edición, púxose en marcha o II concurso de fotografía  “Salceda contra a violencia de xénero”, que manterá o prazo aberto para recibir as fotografías participantes ata o xoves 24 de novembro. Estas imaxes servirán para a realización dunha exposición que percorrerá as parroquias do concello, facendo deste xeito partícipe ao rural unha vez máis nas accións de igualdade.

O propio 25N, na Praza do Concello,  o alumnado do CEP Altamira gardará un minuto de silenzo en recordo e homenaxe ás vítimas de violencia de xénero, dando lectura a continuación a un manifesto. A rapazada será tamén a protagonista da performance “Derrubamos os muros”,  rematando os actos coa entrega dos agasallos as gañadoras do concurso organizado polo CEP Altamira con motivo do 25N.

Xa pola tarde, ás 20:30h  no local  social  O Matadoiro, coa colaboración da asociación 13-14, realizarase a presentación do libro #taméneu coa autora María Xosé Porteiro.

A Concellaría de igualdade presentou deste xeito unha programación na que se fixo partícipe a outras entidades, neste caso colexio e asociación 13 14, nunha nova mostra de colaboración que en causas como a da violencia de xénero resultan fundamentais, fomentando a concienciación dende os primeiros anos da rapazada e cunha participación importante da xuventude.

No que a igualdade se refire, o Concello mantén unha programación continuada ó longo de todo o ano, con iniciativas como a que fai uns meses chegou a todo o territorio municipal baixo o nome  “As nosas Parroquias en Igualdade”, cun curso de primeiros auxilios con moi boa acollida, ou o curso de autodefensa para mulleres organizado coa colaboración da Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia.

Ademais, dentro do Programa Diana financiado pola Deputación de Pontevedra, realízanse diferentes actividades para favorecer a  visibilización, prevención e toma de conciencia sobre un problema social grave; a violencia machista. Así, por exemplo, o 23 de setembro, día internacional contra a explotación sexual e o tráfico de mulleres nenas e nenos, a Concellería de igualdade levou adiante unha campaña pioneira en Galicia baixo o lema “Sen clientes non hai explotación”, que contou coa colaboración de ACISA para a súa difusión.

Loli Castiñeira, Concelleira de Igualdade: “ A violencia machista exercida sobre as mulleres segue a ser unha lacra na nosa sociedade. A nosa obriga como representantes da poboación é sumar esforzos e traballar coordinadamente na loita contra esta situación, e facelo dun xeito claro, chamándolle ás cousas polo seu nome e sen tratar de desviar a atención con discursos que seguen a esconder un fondo machista e que en nada axudan a poñer fin a un dos maiores problemas da nosa sociedade”.

Verónica Tourón: “A nosa obriga dende os poderes públicos municipais e loitar contra a violencia de xénero coa súa identificación, coa súa denuncia e coa súa erradicación amosando o noso apoio e compromiso coas vítimas.

Fundação Bienal de Arte de Cerveira representa Portugal na feira galega “Culturgal”

A Fundação Bienal de Arte de Cerveira (FBAC) é novamente a instituição convidada para representar Portugal no “Espazo Arte” da “Culturgal”, uma feira que se realizará em Pontevedra entre esta quinta-feira e domingo. “WE MUST TAKE ACTION_Pedro Figueiredo e uma luta infinita pelo futuro” será o tema da participação.

A “Culturgal” é um evento que decorre anualmente no Pazo da Cultura de Pontevedra com o objetivo de mostrar o que de novo se faz nas mais diversas áreas da criação cultural. No total, marcarão presença mais de uma centena de expositores, tanto no recinto de feiras, como no “Espazo de Arte” onde a FBAC participará, a par de instituições como o Centro Galego de Arte Contemporânea (CGAC Santiago).

“WE MUST TAKE ACTION_Pedro Figueiredo e uma luta infinita pelo futuro” é o tema da presença da FBAC no evento, que integra a programação da XXII Bienal Internacional de Arte de Cerveira. Segundo a diretora artística, Helena Mendes Pereira: “Esta é já a quinta vez que participamos neste evento que é, provavelmente, o mais importante do setor da cultura da Galiza, que tem de facto contribuído para a afirmação e consolidação da FBAC junto do público galego”.

Para além de uma mostra de quatro trabalhos, ao longo dos dias de feira o artista irá desenvolver ao vivo uma escultura em gesso direto. “Pedro Figueiredo é escultor e a sua produção, de natureza figurativa, poderia enquadrar-se numa tendência neossurrealista, da semiótica do sonho e da imaginação. Foi por isso que, em reta final desta edição da bienal mais antiga da Península Ibérica, o convidámos para construir futuro connosco, aproximar a criação dos públicos, e a arte da ação”, explica a diretora artística.

Nesta edição, são mais de 90 as atividades agendadas entre sexta-feira e domingo em torno de cinco eixos: Espazo Libro, Música+Teatro, Programa Cine, Programa Infantil e Espazo Arte.

De referir que esta ação integra a candidatura “Fundação Bienal de Arte de Cerveira: a Arte Contemporânea integrada na sociedade e no mundo” (2020 – 2021 – Apoio Sustentado – Artes Visuais), que conta com o apoio da República Portuguesa – Cultura / Direção-Geral das Artes.

Horário (hora local)

  • 24 de novembro (quinta-feira, apenas profissionais): 11h00h às 21h00
  • 25 de novembro (sexta-feira): 11h00 às 21h00
  • 26 de novembro (sábado): 11h00 às 21h00
  • 27 de novembro (domingo): 11h00 às 20h00

Nigrán ofrece a obra de teatro ‘Golpes’ polo 25-N

0

O Concello de Nigrán sumarase como cada ano á conmemoración do ‘Día Internacional Contra A Violencia de Xénero’ o propio venres 25 de novembro coa posta en escea da obra ‘Golpes’ ás 19:00 horas no Auditorio Municipal. A entrada é de balde ata completar aforo. Esta peza, que antes estivo nos dous institutos do municipio, está dirixida por Xosé Leis e interpretada pola actriz Estíbaliz Veiga.

“Golpes” denuncia, dun xeito directo e sen ambaxes, a violencia machista a través da voz de Pamela, unha muller que namorou baixo os postulados do amor romántico e rematou sendo vítima de violencia. Pamela recibiu moitos ‘Golpes’ , pero o mais grande foi verse a sí mesma transformada noutra persoa, por iso quere compartir as súas experiencias vitais, para que ningunha outra muller pase polo mesmo.

Dentro dos actos do propio 25-N, o Concello invita a participar a toda a veciñanza á lectura do manifesto ás 11:00 horas na Praza do Concello (fronte ao Auditorio).

Finalizado con éxito o simulacro de activación do Plan de Emerxencia Exterior de Syngenta

O alcalde, Alejandro Lorenzo, participou esta mañá no simulacro de activación do Plan de Emerxencia Exterior (PEE) de Syngenta España SA.

Na  simulación, que ten obxectivo de avaliar a resposta coordinada da industria e institucións ante un accidente a través da activación e movilización dos distintos grupos de intervención, participaron tamén o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villlanueva, o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, xa que a Xunta de Galicia é a encargada da coordinación. 

Con estes exercizos búscase verificar a coordinación entre o PEE e o Plan de Emerxencia Interior desta empresa destinada á fabricación e envasado de produtos agroquímicos, ademais do adestramento do persoal pertencente aos distintos grupos operativos e centros de coordinación, mando e control, así como no uso dos sistemas de comunicacións.

Comezou ás 10:30 h e baseouse nun accidente por rotura dun bidón de 200 litros de pesticida que derivou nunha nube tóxica por un escape de 20 litros de cianuro de hidróxeno a través do sistema de aspiración. Como consecuencia do sinistro resultaron dúas persoas feridas por mareas. As afeccións refírense ao interior do establecemento industrial e ao exterior.

No simulacro actuou persoal e medios de seguridade da empresa Syngenta, xunto coa mobilización de Garda Civil, Policía Autonómica, Policía Local do Porriño e Mos, voluntarios de Protección Civil do Porriño e emerxencias de Mos e servizos de prevención de incendios e salvamento destes dous concellos. Tamén interviu o Grupo de Apoio Loxístico (Gali) da Axega, o 061 e a Cruz Vermella.

O director xeral de Emerxencias e Interior asumiu a dirección do Centro de Coordinación Operativa (CECOP)  e o xerente da Axega a coordinación do Posto de Mando Avanzado (PMA). Unha vez recibida a información do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, activouse o plan e as sereas de aviso á poboación durante as accións levadas a cabo para controlar a nube tóxica.

“Estes exercicios teñen unha gran importancia, tanto para testar as medidas de protección a aplicar na poboación en caso dun incidente deste tipo como para conseguir unha coordinación efectiva entre a empresa e as administracións implicadas para garantizar a seguridade na zona”, valorou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Deste modo podemos asegurar a resposta frente a estes accidentes e que a industria segura segura”.

O Concello do Rosal aproba este xoves os orzamentos máis altos da súa historia

0

O Concello do Rosal será un dos primeiros municipios galegos e o primeiro da comarca do Baixo Miño en aprobar as súas contas para o vindeiro ano, que con case 6,4 millóns de euros supoñen os orzamentos máis altos da historia do municipio. “Levamos case catro anos camiñando nunha liña ascendente, pero agora demos un paso moi importante porque crecemos nun 33% con respecto ao 2021 grazas á capacidade de xestión do Goberno municipal na captación de fondos europeos que posibilitan novos e moi necesarios investimentos no noso concello”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O pleno ratificará este xoves 24 de novembro (20.30 horas, salón de plenos) uns orzamentos para 2023 no que terán gran peso a renovación do alumeado público e a mellora progresiva das escolas unitarias, “accións coas que camiñamos cara a sostibilidade e a redución do consumo froito da auditoría enerxética realizada en 2019, un estudo que non só nos permitirá chegar a un aforro enerxético e acabar coa obsolescencia das instalacións municipais, senón co que imos mellorando a realidade de xeito transversal, algo de vital importancia nun panorama de crise enerxética como o actual”.

Deste xeito, chegouse a un investimento de 1,2 millóns de euros na renovación de toda a rede do alumeado público financiados a través dos fondos Next Generation. Tamén a través de fondos europeos, neste caso ao abeiro do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) financiarase a reforma integral da escola unitaria de Tabagón, preto de 600.000 euros cos que “continuar apostando pola educación de proximidade e a reforma e mantemento de edificacións cun gran valor patrimonial”. Tras a reforma e o acordo coa comunidade educativa, esta escola converterase na sede do CRA.

Son uns orzamentos moi próximos á realidade que recollen as necesidades actuais, cun aumento de gasto corrente tanto en termos de enerxía como de materiais e que incorpora as achegas do Plan Concellos da Deputación, cos que continuar a mellora estratéxica e progresiva dos camiños do municipio. O Goberno municipal segue apostando ademais con estes orzamentos pola actividade cultural nos barrios, con novas partidas destinadas a darlle un maior peso ao Rosal Cámara Fest e á Feira de produtos, que celebrou este ano a súa primeira edición.

Por outro lado, incorpórase nas contas un incremento no apartado de servizo de axuda no fogar para mellorar o servizo para o que xa se está a traballar na licitación que sairá en breve e mantense o apoio ao tecido asociativo, tanto no ámbito cultural, social e deportivo como no relativo ás traídas de augas, coas que se colabora cada ano.

A escritora Isabel Blanco presenta en primicia en Ponteareas o seu novo traballo, ‘Bambú’

Ser a granada que explote nas conciencias, golpeando e removendo. Ese é o obxectivo co que Isabel Blanco deu vida ao seu último libro, ‘Bambú’, unha obra saída recentemente do forno e que a escritora presentará por primeira vez ao público esta semana en Ponteareas. “Para nós é un orgullo que a nosa vila sexa o escenario escollido por esta recoñecida autora para ensinar ao público o seu último traballo, unha obra que continúa afondando na visibilización dunha temática que tan ben recolle noutros dos seus libros”, destaca a concelleira de Igualdade, Verónica Carrera.

Como explica a propia Isabel Blanco, con ‘Bambú’ quixo crear un artefacto co que visibilizar e denunciar a violencia patriarcal no ámbito familiar e xerar unha explosión que faga espertar conciencias entre os lectores e lectoras. A presentación será na sala multiúsos do auditorio municipal este xoves 24 de novembro ás 19.30 horas, con entrada libre ata completar localidades.

Avogada especializada en dereito matrimonial e de familia, violencia de xénero e menores, Isabel Blanco publicou o seu primeiro libro en castelán en 2012 logo de gañar numerosos certames literarios. Tras ‘Historia de almas inquietas’ non tardou en chegar ‘Los mundos ajenos’ e o poemario en galego ‘Verbas cum’. Dende entón emprega o galego como lingua habitual. É autora tamén dunha triloxía dedicada ao público infantil en colaboración coa ilustradora Luz Beloso; do libro ‘Galegas na ciencia’, con textos seus e retratos de María Lapido que recolle as biografías de 20 científicas galegas que abriron as portas da ciencia a milleiros de mulleres; e do recentemente publicado ‘Galegas nas artes’, un percorrido polas rutas biográficas de 21 mulleres galegas do mundo das artes plásticas e visuais que se internaron no eido das artes coa forza do seu talento e o seu espírito de liberdade.

A primeira cita micolóxica de Covelo reúne a persoas de toda a área metropolitana

0

“Desfrutar dunha ruta a pé arrodeado de carballos, fauna e flora autóctona na boa compaña de todos e todas as asistentes con guias expertos, con exposición enriquecida polos coñecementos  de Manuel Garea e Alfonso Rey da asociación Micolóxica A Zarrota fai que un sábado de outono sexa irrepetible e que nos animemos a seguir organizando novas xornadas”, así o resume a asociación Covelo Natural que este sábado tivo que deixar a persoas en listaxe de espera.

Aos dous días de abrir o prazo de inscrición as prazas dispoñibles xa estaban reservadas xa que son moitos e moitas as que, cada ano, agardan a celebración desta actividade. Persoas de toda a área metropolitana achegáronse a Covelo, de Vigo, Baiona, Nigrán, Redondela, Salvaterra, Salceda de Caselas, As Neves, A Caniza e así ata completar o grupo.

Ofrecer unha xornada que contemple todos os aspectos precisos para introducirse no mundo da micoloxía é un dos obxectivos e por este motivo primeiro realizan unha identificación das variedades máis frecuentes na comarca para logo saír ao campo, nesta ocasión a Piñoi, ao regreso expor os cogumelos atopados e xa como colofón final, cociñalas e degustalas no bar Buraco.

Primeira vez en Covelo

Este ano as persoas participantes tiveron a oportunidade de escoitar aos expertos Manuel Garea Castro e Alfonso Rey Pazos da asociación micolóxica A Zarrota que por vez primeira visitaban o noso concello e estudosos dos cogumelos dende hai máis de trinta anos. Con eles as persoas participantes aprenderon a valorar e conversaron arredor das especies atopadas, entre outras moitas máis comúns nesta comarca. Dende velenosas como a amanita phalloides ou a muscaria (seta dos enanitos ou brincabois) ata comestibles como cantharellus tubaeformes (angula de monte) foron observadas e estudadas no auditorio municipal de Covelo.

O alcalde, Pablo Castillo, valora moi positivamente este tipo de iniciativas que axudan a enriquecer non só ás persoas participantes, tamén a veciñanza en xeral que pode interactuar cos e coas visitantes. “Estas actividades ofrecen coñecementos, amosan a nosa paisaxe, a poñen en valor a nosa riqueza natural e dan vida aos negocios locais polo que o concello valora moito o traballo tanto de Covelo Natural como o de todas aquelas asociacións e colectivos que contribúen a dinamizar o noso día a día”.

A asociación Covelo Natural oferta unha nova xornada, en colaboración co Concello de Covelo, o vindeiro sábado día 3 de decembro con saída guiada, exposición das variedades atopadas, proxección dun documental sobre o papel ecolóxico dos fungos, debate e, para pechar o día, obradoiro de micograstronomía con degustación e música en vivo no restaurante Lemos da Ermida, Covelo.

Comeza a campaña solidaria de recollida de xoguetes en Arbo

0

O Concello de Arbo pon en marcha, o vindeiro 1 de decembro e ata o 16 de decembro, a Campaña do Nadal de Recollida de Xoguetes.

Esta Campaña é unha acción na que se convida a todos os cidadáns á solidariedade nestas festas do Nadal, compartindo xoguetes novos ou en bo estado cos nenos das familias con menos recursos do municipio.

Os xoguetes poderán entregarse no Concello de Arbo de luns a venres en horario de 8:00 a 15:00 horas ou o 10 e 11 de decembro en “ArboNadal Mercadillo Solidario” e distribuiranse a través  ás familias con menos recursos  de Arbo.

 Os xoguetes poden consistir en xogos de mesa, bonecas, coches, libros…….  deben estar en perfectas condicións e apropiados para nenos/as de entre 0 a 15 anos de idade.

O Concello agradece, un ano máis, a gran solidariedade mostrada por veciños e veciñas cada Nadal, pois co seu xesto fan posible que todas as familias cumpran os soños dos máis pequenos da casa. Por iso, calquera achega por pequena que sexa converteranse nun gran sorriso este Nadal.

Tomiño aposta pola educación e visibilización da igualdade para conmemorar o 25N

0

Educar en igualdade é un dos piares fundamentais para previr as violencias e crear unha sociedade máis xusta. Por este motivo, este ano o Concello de Tomiño súmase á conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres este 25 de novembro cunha ampla programación cultural na que a educación e a visibilización desa igualdade real serán os eixos centrais.

“Un ano máis volveremos amosar o noso máis rotundo rexeitamento ás violencias machistas, unha cuestión debemos de poñer en relevo e que debe figurar como unha prioridade na axenda de problemas públicos de toda a cidadanía. Dende o Concello seguimos traballando para facer de Tomiño un concello libre de violencias machistas, apostando pola concienciación e pola formación, especialmente das xeracións vindeiras”, destaca a alcaldesa, Sandra González.

Dentro deste camiño de formación e sensibilización á mocidade tomiñesa, durante todo o mes de novembro o Concello está a realizar diferentes obradoiros de igualdade nos centros educativos da vila. Así, o alumnado de 1º da ESO do IES Antón Alonso Ríos está a participar nun obradoiro titulado ‘Unfollow’ a través do que afondan no machismo e no acceso a espazos virtuais libres e iguais. Mentres, a rapazada de 5º e 6º de primaria dos colexios tomiñeses están traballando nunha iniciativa coa que fomentar o bo trato, que busca previr a violencia de xénero entre a mocidade.

A programación para este 25N conta tamén cun acto de declaración institucional coa lectura dun manifesto e cunha concentración cidadá que se celebrará o propio venres 25 de novembro ás 12.00 horas na Praza do Seixo ou no mercado municipal no caso de choiva.

Para rematar este sábado 26 de novembro, o auditorio municipal de Goián acollerá a obra ‘#2Pilgrims’, de Redrum Teatro, un espectáculo de comedia con grandes doses de humor absurdo coas que achegar ao público adulto en xeral e adolescente en particular a unha reflexión sobre a igualdade e as novas masculinidades. Será ás 21.00 horas e terá un prezo de 3 euros.

Nigrán promove un Nadal cheo de ‘Agasallos con historia’

0

Este Nadal o Concello de Nigrán propón regalar agasallos con historia. Con este obxectivo arrancou esta mañá unha iniciativa novidosa proposta desde ‘El telefonillo’ que pretende unir ás persoas mediante unha segunda vida (e relato) para os seus obxectos máis queridos. Con este fin, en cada unha das 7 parroquias quedou instalada unha caixa na que os interesados en participar deberán depositar algo persoal xunto cun escrito que resuma a súa particular vinculación co obxecto. O 7 de Xaneiro será o momento de xuntar e expor todo o recolectado nunha festa especial na que os asistentes poderán escoller o agasallo ao que desexan darlle unha nova vida. Paralelamente, e vinculado a este idea, durante todo o mes se desenvolverán obradoiros e faladoiros interxeneracionais entre crianzas e avós.

“Trátase de poñer o foco do Nadal no que realmente importa: as relacións interpersoais, o cariño, a empatía e a compañía”, explicou o alcalde, Juan González, na presentación da iniciativa esta mañá no centro social de maiores de Vilameán. O propio rexedor depositou unha antiga bandexa promocional de Coca-Cola ilustrada con fotografías de toda a historia do Real Club Celta. “Para min é un obxecto querido e evocador porque aparecen os meus ídolos da mocidade e nunha está o cancerbeiro Hortas no partido que o Celta lle gañou ao Barcelona”, relatou no escrito que acompañou á bandexa. Xunto ao alcalde, a edil de Maiores María Mayán depositou un libro que representa o seu amor pola lectura desde a primeira infancia. O buzón de Vilameán xa contén, entre outras cousas, unha bufanda traída dunha viaxe ao estranxeiro por Auri Brion, que sempre as usa no inverno; un cofre que recibíu Pepita de mans do seu fillo cando este estaba a facer a mili, un vello mapa de carreteras de Europa fundamental para Jovita cando non existía o GPS, ou unha sorpresa “para chegar de corazón a corazón” entregada por José Cabral.

“O único requerimento é que sexan obxectos que teñan unha historia detrás que contar. É unha iniciativa para que participe xente de todas as idades, pero é certo que a xente maior, por cuestión simplemente de idade, acumula máis vivencias e, polo tanto, máis historias”, explica a edil Maria Mayán.

As ‘caixas do vaivén’ estarán instaladas en Parada no CEE Juan María, en Priegue no Centro Cultural ‘O Torreiro’, en San Pedro no Centro da Terceira Idade de A Ramallosa, en Panxón no Pavillón de Deportes, en Camos no Centro Cultural ‘A Camoesa’, en Nigrán na Casa Consistorial, e en Chandebrito no bar da rúa Igrexa.

Alumnado do CEIP Mestre Martínez Alonso solicita á alcaldesa decretar un día de apagón tecnolóxico

0

Mos celebra o seu xa tradicional Pleno Infantil conmemorativo do Día da Infancia. A iniciativa forma parte do programa municipal de actividades cos centros educativos en horario lectivo. Onte pola mañá celebrouse, no Pazo de Mos, un pleno infantil co motivo do Día da Infancia que se celebrou o pasado domingo, 20 de novembro.

Dende a Alcaldía e a Concellería de Educación propúxose, como conmemoración da Convención dos Dereitos do Neno, que ten lugar o 20 de novembro, a realización dun Pleno Infantil, onde darlle voz a infancia como axentes participativos da nosa sociedade.

Durante a sesión plenaria o alumnado do CEIP Mestre Martínez Alonso solicitou á alcaldesa decretar un día de apagón tecnolóxico para fomentar as relación interpersoais.

A cativada prouxo o 23 de decembro, primeiro día das vacacións de Nadal, como a data elixida para apagar móbiles, tablets, ordenadores, televisores e consolas e dedicarlle máis tempo aos xogos e conversas con familia e amigos.

Os obxectivos desta iniciativa son dar a coñecer ao alumnado mosense as dependencias e o funcionamento das sesións plenarias do Concello de Mos, a celebración do Día da Infancia e a conmemoración do aniversario da adopción da Declaración Universal dos Dereitos do Neno, dar voz á infancia como axentes participativos da nosa sociedade., que os participantes podan aprender de forma diferente, potenciando a argumentación e o razoamento, ademáis de observar e coñecer aspectos básicos de conversación e razoamento: diálogo, debate, organización dos puntos a tratar no Pleno, así como a traballar cooperativamente co alumnado doutros centros educativos do Concello de Mos, fortalecer o pensamento lóxico e motivar aos alumnos a través dunha experiencia real e práctica.

Participou neste Pleno alumnado de 5º de educación primaria dos centros educativos do Concello de Mos: CEIPs de Petelos, Mestre Martínez Alonso e Atín-Cela. Os CEIP de Pena de Francia e Mestre Valverde Mayo participaron con 6º de Primaria.

Cada centro educativo elixiu a 2 representantes que actuaron como voceiros do seu centro.

O tema debatido no Pleno foi o Día da Infancia: Dereitos dos/as nenos/as e A Convención sobre os dereitos do nenos é un tratado internacional que foi aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de Novembro de 1989, e ratificado por España o 30 de Novembro de 1990, tras a entrada en vigor do tratado o 2 de setembro de 1990.

O 20 de novembro celébrase, en conmemoración da aprobación do tratado, o Día Mundial da infancia, co obxectivo de recordarlle a cidadanía que os nenos e as nenas son suxeitos activos na sociedade, con dereitos de pleno como os adultos.

Os docentes dos 5 centros educativos traballaron previamente o tema co alumnado nas respectivas aulas, antes da sesión plenaria.

Primeira charla de conmemoración no convento de Santa Clara

O convento de Santa Clara dá para falar moito. Esa foi a primeira conclusión á que chegaron onte as primeiras persoas relatoras do ciclo de charlas organizadas pola Deputación de Pontevedra para conmemorar a compra do recinto relixioso, os arqueólogos responsables das escavacións e do estudo histórico artístico, Rafael Rodríguez e Israel Picón. Ambos deron unha visión xeral da escavación e destacaron que foi necesario ampliar substancialmente o proxecto de intervención inicial dada a cantidade de material atopado e que achegaba información sobre a vida no convento durante os 700 anos que estivo pechado ao público.

Segundo apuntou Picón, nun primeiro momento, os traballos estaban planteados para abrir 616 metros cadrados de catas, mais foi preciso ampliar ata os 780 metros, repartidos en diferentes sondaxes nos distintos sectores nos que se parcelou a finca. Foi o arqueólogo director dos traballos, Rafael Rodríguez, o que afondou máis e fixo un resumo a nivel arqueolóxico e da evolución das edificacións a partir da arquitectura, e tamén grazas ás cerámicas e metais achados (arredor de 8.000), segundo destacou, “os elementos máis representativos”, que permitiron incluso datar algunhas das construcións.

Houbo catro sectores de escavación –dixo Rodríguez- que achegaron información moi valiosa sobre o convento. O primeiro e máis destacado foi o sector 10, preto do pozo, onde apareceron o pavimento de laxes de granito, tumbas por baixo dunha canalización de auga, e unha gavia de cimentación dun edificio que aportou datos dunha construción que hoxe non existe. Segundo apuntou, a estrutura arqueolóxica do lousado supoñía unha incógnita para a equipa de traballo, mais ao complementar o achado coa documentación, finalmente descubriuse que formaba parte dun patio interior dun edificio de orixe medieval que despois foi reformulado en época moderna.

Neste sector, preto do pozo,  tamén se constatou a existencia de tumbas fóra do que naquel entón era o recinto conventual. Atopáronse cinco e escaváronse tres: unha tiña os cravos do cadaleito, outra un fémur e a outra estaba baleira. As outras dúas non se escavaron. “Posiblemente se trate de –restos de- xente que pasaba por alí e morría ás portas do convento, ou traballadoras e traballadores. Algo que tampouco se tiña documentado”, explicou o investigador, que recoñeceu que na equipa de traballo “non contabamos con elo”. “Seguramente é algo que se reproduza noutros sitios pero nós neste caso non contabamos con atopar con algo que tivera que ver con fóra da clausura. Sabemos que son anteriores ao século XVIII, pero de momento non podemos ir máis atrás. Saberemos máis cando fagamos a datación radiocarbónica”, subliñou.

Outro dos catro sectores máis interesantes para as persoas estudosas de Santa Clara foi o da zona sur. Púidose constatar a existencia dun edificio que pecharía o espazo conventual e facer unha aproximación cronolóxica (século XV e XVI). Descoñécese aínda a que estaba dedicada esa construción (hoxe derruída), máis si se supón que non era un edificio nobre, máis ben un lugar onde gardar os apeiros de labranza ou o gando.

O terceiro dos lugares máis importantes da escavación situouse na zona oeste do claustro, onde se descubriu a existencia dunha terceira panda ou ala que foi derruída, onde había un banco corrido. Por último, o cuarto dos sectores nos que máis información se conseguiu é o coñecido como da zona das ‘tullas’, onde se atoparon estruturas da antiga edificación conventual de época medieval, do mesmo arranque do convento, do seu núcleo orixinal, ou de época xusto inmediata. Vanse facer análises dos morteiros dos muros atopados para poder facer unha “datación absoluta”.

Finalmente, o máis destacable en xeral dos achados en Santa Clara, segundo subliñou o arqueólogo director, é a cantidade de producións cerámicas que apareceron, de toda a Península Ibérica, de países europeos como Alemaña, Italia, Inglaterra ou Francia, entre outros, e porcelana chinesa.

“É salientable esa diversidade que se documenta. Non é algo excepcional porque tamén aparece cerámica no porto de Baiona ou na zona da ponte do Burgo en Pontevedra, pero por exemplo o volume de porcelanas chinesas que hai en Santa Clara non aparece no Burgo, aínda sendo un porto… o que resulta algo  indicativo”, subliña Rodríguez, que destaca que amosaba a existencia de monxas  de familias con alto poder adquisitivo. Rodríguez tamén falou neste apartado das xícaras que as clarisas utilizaban para tomar chocolate, algo que parecía ser un costume bastante asentado.

As charlas sobre Santa Clara continuarán hoxe mércores 23 baixo o título ‘Cando as paredes falan’, a cargo do doutor Victoriano Nodar. Este falará sobre a lectura de alzados e paramentos interiores e exteriores dos edificios, é dicir, das diferentes construcións e muros e os momentos nos que foron edificadas.

O cemiterio dos Eidos galardoado como o máis bonito de España

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, en representación do concello, vén de recoller o VII premio ao ‘cemiterio máis bonito de España’ convocado pola revista Adiós Cultural dentro do seu certame anual. Con este galardón preténdese recoñecer públicamente o valor histórico, social, ambiental, artístico e patrimonial dos cemiterios de España.

“O cemiterio dos Eidos non só é o máis bonito de España, senón que está recoñecido como cemiterio histórico e forma parte do noso patrimonio. Esta é unha gran oportunidade para ensinarlle ao resto do mundo a nosa cultura e a nosa historia”, explicaba Rivas.

A gala de entrega do premio ten lugar en Casa America na plaza de Cibeles Madrid este martes, 22 de novembro, ás 12 horas nun acto que contará coa presenza de Jesús Pozo, periodista e presidente da revista Adiós cultural; a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e concelleira de Turismo María castro; así como os representantes municipais do resto de galardoados entre os que se atopa Valencia ou Bilbao. A xornalista e presentadora de Televisión Española Ana Blanco será a encargada de presentar a gala que contará, amais, coa presenza do director de Funespaña, Ramón Llaona.

Compre lembrar que o Goberno presidido por Digna Rivas rehabilitou por completo o Cemiterio dos Eidos, un espazo totalmente degradado, obxecto do máis absoluto dos abandonos por parte dos anteriores gobernos, “devolvéndolle o seu esplendor e poñendo en valor a importancia que, dende o punto de vista histórico e patrimonial, ten este cemiterio, considerado como Cemiterio Histórico pola Deputación de Pontevedra e que aspira a entrar na lista de Cemeterios Singulares de Europa”, conclúe a rexedora local.

Outros galardoados: Cementerio General de Valencia. Mellor cemiterio; Cemiterio Municipal de Bilbao. Mellor iniciativa ambiental; Cemiterio Municipal A Carriona de Avilés. Mellor monumento; Cemiterio de Balea de Castro Urdiales. Mellor actividade pública realizada no cemiterio.

Cemiterio de Os Eidos de Redondela

Recentemente rehabilitado, está considerado hoxe en día cemiterio histórico pola Deputación de Pontevedra e aspira a entrar na lista de cemiterios singulares de Europa. Este camposanto conta con 724 sepulturas repartidas en 147 parcelas. 126 desas tumbas atópanse no chan. A máis antiga é de 1860 e a máis moderna de 1988. Actualmente, este cemiterio xa non ten capacidade para acoller a máis defuntos. Vos Eidos conta con numerosos panteóns e mausoleos que foron construídos no século XIX, nunha época de esplendor para Redondela polo comercio internacional. As tumbas eran unha mostra de poder e os arquitectos da época deseñaban propostas únicas para cada familia. Os panteóns foron elaborados por canteiros da zona e teñen un gran valor artístico e histórico.

Desde a primeira edición do concurso, en 2014, este Concurso de Cemiterios de España converteuse nun dos eventos culturais máis importantes do sector funerario e nun referente para os concellos, que levan anos priorizando o coidado dos seus cemiterios e promovéndoos como espazos integrados na cidade que merecen ser visitados. A iniciativa busca recoñecer o interese histórico, social, artístico e patrimonial dos cemiterios españois. Nesta edición, a entrega de premios realizarase en Madrid o día 22 de Novembro no marco incomparable do Palacio de Linares (Casa América).

Pola súa banda, a revísta “Adiós cultural”, editada polo Grupo Funespaña desde 1996, realizou un importante labor de concienciación á cidadanía sobre a importancia patrimonial que albergan os recintos. Como resultado da enorme repercusión mediática das anteriores convocatorias, conseguiu fomentar os cemiterios como recursos turísticos nos pobos participantes, para reivindicalos como lugares cheos de vida e do recordo da xente que os habitou.

A alcaldesa de Ponteareas reúnese coa Xunta para solicitar investimentos nas instalacións educativas

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, reuniuse nos pasados días co xefe territorial de Educación da Xunta de Galicia en Pontevedra, César Pérez Ares, para abordar a situación na que se atopan os centros educativos de infantil e primaria da vila, unhas instalacións sobre as que ten competencia a Xunta e nas que a administración galega non realizou ningún investimento de relevancia na última década.

“Dende o Goberno municipal levamos case oito anos facendo importantes investimentos no mantemento dos centros escolares, unhas melloras que non se aprecian porque dende a Xunta non se encargan de acometer os importantes arranxos de base que necesitan, xa que moitas das instalación son moi antigas”, sinalou a rexedora. Cristina Fernández afondou nesta reunión con Pérez Ares nas necesidades dos colexios de Ponteareas, tendo en conta que o Concello só ten competencia en pequenas reparacións de mantemento nos centros de educación infantil e primaria.

O Concello destinou o ano pasado máis de 700.000 euros nos centros escolares da vila entre persoal, limpeza, mantemento e reparacións, “un investimento moi salientable tendo en conta que a Xunta, a administración que ten a competencia plena, apenas realizou obras de mellora nestas instalacións”.

Fernández Davila lamentou que “a Xunta marxine á comunidade educativa de Ponteareas mentres noutros municipios inviste millóns de euros en reformas integrais para a eficiencia enerxética”. Como exemplo disto, a alcaldesa sinalou que “en Ponteareas temos que ver colexios como o Nosa Sra dos Remedios, construído hai máis de 50 anos, no que a Xunta só abordou a cuberta do patio en vez de acometer unha actuación completa en toda a instalación”. 

É precisamente a eficiencia enerxética unha das principais reclamacións da alcaldesa, “xa que as actuacións levadas a cabo ata o de agora tanto no Bouza Brey como no  Nosa Señora dos Remedios son insuficientes. É urxente acometer obras de reforma integral e de mellora da eficiencia enerxética en todos aqueles centros ponteareáns que teñen máis de 50 anos, que son todos agás o CEIP Plurilingüe Mestre Ramiro Sabell e o IES do Barral, xa que isto suporá unha mellora da instalación, un aumento do benestar de usuarios e docentes e un importante aforro no consumo do edificio”. A pesar do compromiso acadado durante o encontro por parte de Educación de facer fronte a estas necesidades, a rexedora lamenta “que non se propoñan levar a cabo ningunha actuación nestes colexios ata que no 2024 rematen as que teñen agora en marcha noutros municipios”.

Cristina Fernández achegou unha vez máis ao xefe territorial as principais demandas dos centros escolares da vila, facendo especial fincapé na situación na que se atopan as escolas unitarias do Colexio Rural Agrupado A Picaraña, con importantes deficiencias nos tellados. Cabe lembrar que Concello conseguiu 200.000 euros de fondos externos para asumir o 75% da mellora da eficiencia enerxética das escolas de Pías, Areas, Ribadetea, Xinzo-Parada e Moreira que non se puideron executar por culpa da Xunta, xa que nin permitiu que puidera levalas a cabo o Concello nin quixo cofinancialas aportando o 25% restante, o que supoñía un custo de menos de 70.000 euros

O xefe provincial comprometeuse a que un equipo técnico visitará estas unitarias para valorar o estado dos tellados e asumir o cambio de calefacción eléctrica á de pellets. Ademais, a alcaldesa exhortou a Educación a que analice a posibilidade técnica de construír unha instalación que funcione como ximnasio e doutras necesidades nunha parcela anexa ao CEIP de Guláns, para que así o Concello poida levar adiante canto antes a segregación da parcela para a súa posta a disposición da Xunta.

Como expuxo Fernández Davila, tamén se precisan reformas, entre outros, nos colexios de Santiago de Oliveira ou Feliciano Barrera, que non teñen ximnasio, comedor escolar nin salón de actos, ou a demanda da cuberta para o patio no aulario de infantil do Mestre Ramiro Sabell. Por outra banda, tras o encontro o Concello conseguiu o compromiso de Educación para solucionar a situación na que se atopa o Fermín Bouza Brey no relativo ao alumnado con Trastorno do Espectro Autista, con nove matriculados e matriculadas e cun informe favorable que permitiría á Xunta reforzar o persoal do departamento de Orientación deste centro.

O Concello de Salceda clausura o seu Programa Integrado de emprego

Onte rematou, no CDL de O Torrón o Programa Integrado de Emprego de Salceda de Caselas, nun acto que contou coa presenza da alcaldesa e concelleira de emprego Verónica Tourón e a directora do PIE Olga Carril Rial. No transcurso do mesmo o poñente Pedro Rodríguez impartiu unha charla titulada “Motivación e Habilidades para Buscar Trabajo hoy”, na que se tratou de motivar e transmitir as claves para que as persoas asistentes se afronten a situación do desemprego e finalizar con éxito a súa procura de emprego dentro do mercado laboral.

O Programa Integrado de Emprego de Salceda impartiu un total de 1.025 horas de formación ás persoas que participaron nos diferentes itinerarios e acción formativas postos á súa disposición, Formación en diferentes eidos como o sociosanitario, o alimentario, ou relacionada co sector da automoción e coa xestión de almacén e stocks.

Igualmente todas as persoas recibiron unha formación de tipo transversal dirixida a mellorar as súas habilidades sociolaborais de cara a desenvolverse dunha forma máis axeitada durante o seu proceso de procura de emprego e en materia de fomento e sensibilización da igualdade entre mulleres e homes.

As persoas participantes no programa realizaron prácticas profesionais non laborais en empresas de sectores como o Loxístico, Metalúrxico, Alimentario, e de Servizos(atención sociosanitaria, atención ao público, informático, textil, ferreterías e gasolineiras).

No tocante ao ámbito de actuación territorial relacionado coa prospección laboral realizada polo equipo técnico do Programa, se desenvolveron actividades de intermediación laboral na contorna das áreas industriais do concello de Salceda de Caselas como os polígonos da Granxa, As Gándaras, A Veigadaña, o polígono de Tui ou a área industrial local do Cerquido, así como no concello de Salvaterra de Miño e os concellos portugueses próximos de Monçao, Vilanova de Cerveira e Valença. O datos destas accións de intermediación se traducen no contacto co 162 empresas e a tramitación de 47 ofertas de emprego as que se enviaron as persoas candidatas para que puideran optar a diferentes postos de traballo. Dende a Concellería de Emprego quixose agradecer de forma especial á constante colaboración e implicación das empresas do tecido empresarial local e comarcal en relación co desenvolvemento do Programa integrado do concello.

Verónica Tourón alcaldesa e concelleira de emprego: “Resaltar que o PIE supón unha ferramenta excelente para o concello de Salceda porque mellorou a capacidade de inserción das persoas participantes. En primeiro lugar porque se lles orientou e dirixiu a través de itinerarios formativos para que puideran especializarse profesionalmente, e en segundo lugar porque se puxo á súa disposición a oportunidade de facer prácticas en empresas o que sen dúbida algunha abriulles moitas portas directas para que tiveran a oportunidade de ser contratados nas mesmas ou melloraran o seu curriculum e experiencia laboral”.

Cultura contra a violencia machista en Ponteareas

O Concello de Ponteareas conmemora un ano máis o 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, con moita cultura e accións de sensibilización e visibilización. A programación arranca este mesmo venres 25 de novembro ás 12.00 horas diante da Casa do Concello cun acto institucional no que se levará a cabo a lectura dun manifesto por parte de todas as forzas políticas da Corporación municipal.

Unha acción que dará o pistoletazo de saída a unha axenda de lecer coa que “queremos reivindicar e denunciar a violencia machista coa voz da cultura e visibilizar e concienciar á veciñanza, e en especial as novas xeracións, sobre esta problemática e a importancia de non normalizar certas situacións”, explica a concelleira de Igualdade, Verónica Carrera.

O domingo 27 de novembro chega á sala multiúsos do auditorio municipal ‘Se pechas os ollos’, unha obra de Trémola Teatro dirixida a público adulto que emprega danza, música e teatro para achegar ao público a realidade da violencia de xénero a través da historia dun amor de mocidade que vai evolucionando cara a unha relación de violencia e control. O pano levantarase ás 19.00 horas e o acceso será con entrada de balde e libre ata completar aforo.

Xa o venres 2 de decembro a protagonista será ‘Valente e rebelde’, coa que a mesma compañía teatral buscará achegar ao público infantil á igualdade de xénero. A través dos debuxos dos seus personaxes favoritos, de xogos, disfraces e moitas aventuras, a protagonista, Anita, demostra a todos os nenos e nenas que ser valente e rebelde son dúas boas cualidades. A representación será ás 17.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal, con entrada libre ata completar aforo.

A concelleira anima a toda a veciñanza a sumarse a estes actos e actividades coas que “dende o Concello continuamos loitando contra a violencia de xénero e contra a discriminación por sexo ou identidade sexual, un traballo que afrontamos os 365 días do ano”.

O Rosal inicia as obras de mellora do camiño dende a Estrada da Rotea ata o Alto de Parada

0

O Concello do Rosal continúa co seu programa de intervencións e mellora dos camiños rurais, co que se procura aumentar a comodidade dos usuarios e usuarias e a seguridade viaria nas distintas parroquias do municipio. Neste sentido, o Goberno municipal acaba de adxudicar os traballos de mellora do camiño dende a Estrada da Rotea ata o Alto de Parada, un vieiro que presenta zonas con importantes desperfectos que poden afectar á seguridade da circulación e que se inclúen dentro das parcelas agrícolas.

“Este proxecto forma parte do plantexamento estratéxico posto en marcha dende o Concello para poder ofrecer á nosa veciñanza unhas infraestruturas axeitadas que permitan mellorar a mobilidade”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Tras a reunión coa veciñanza na Rotea, onde se afondou tamén neste proxecto, en breve comezarán estas obras que terán un período de execución dun mes e coas que se levará a cabo a restauración das características superficiais do pavimento, corrixindo as irregularidades que presenta a estrada e executando traballos complementarios como o de bacheado, recrecido de pozos e rexas, corte de pavimento ou desbroce e limpeza das marxes.

As melloras deste camiño entre a Estrada da Rotea e o Alto de Parada suporán un investimento de máis de 50.000 euros, dos que case 42.000€ serán cofinanciados a través de fondos propios e do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da Xunta de Galicia.

O Encontro de Conservación e Restauración do Museo reunirá preto de 200 persoas

O Museo de Pontevedra reunirá esta semana a preto de 200 profesionais e estudantes dos ámbitos da museoloxía e a conservación de bens patrimoniais no XI Encontro de Conservación e Restauración. Será os días 24 e 25 de novembro no Edificio Castelao, centrado este ano na conservación preventiva, co lema ‘Deseño e xestión das salas de reserva. Onde comeza a conservación’.

O encontro consolídase como unha cita de referencia no ámbito peninsular, ao que asistirán profesionais de museos, entidades públicas e empresas de conservación e restauración, ademais de estudantes en formación, chegadas de diferentes puntos de España e Portugal. O evento está organizado polo Museo e a Deputación de Pontevedra en colaboración coa Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.

Nos últimos anos os museos están a prestar unha atención crecente ás reservas da colección, que están a ocupar unha posición central nas inquietudes das e dos profesionais da museoloxía. A necesidade de contar con espazos de almacenamento mellor dotados e organizados está relacionada coa procura dunha xestión más eficiente, sostible e responsable dos museos, pero tamén cunha vontade de dar visibilidade á maior parte da colección.

Nesta dinámica, emerxeron iniciativas pioneiras que marcan o camiño sobre cuestións como o deseño ex novo de salas de reserva, a reorganización funcional das existentes, a creación de reservas visitables ou a emerxencia de centros de depósito de coleccións patrimoniais que dan servizo a varias institucións. Estes son aspectos e propostas que se coñecerán a fondo e se debaterán en Pontevedra, coa presenza de representantes de institucións de referencia nos ámbitos estatal e internacional que falarán de experiencias desenvolvidas nos últimos anos nesas entidades.

As conferencias de Bart Ankersmit da Axencia do Patrimonio Cultural dos Países Baixos e de Hélène Anton, do Centro de Conservación e estudo de Lorraine (Francia) ofrecerán a perspectiva de iniciativas destacadas en Europa. As persoas que asistan ao encontro tamén poderán coñecer como xestionan os seus fondos museos de referencia en España, como o Reina Sofía, o Museo Arqueológico de Alicante, o Museu d’Història de Barcelona e o Museo de Málaga.

A estratexia de sostibilidade posta en marcha en Gipuzkoa coa creación do centro Gordailua tamén será obxecto dunha conferencia. A representante do Centro de Restauració de Béns Mobles de Catalunya presentará as  características do sistema de xestión de salas de reserva RE ORG. E empresas do sector como Albayalde conservatio e EUN Group exporán claves sobre o deseño e xestión dos espazos de almacenamento de fondos museísticos.

Ademais, o público asistente terá a oportunidade de coñecer mellor o Museo con dúas visitas: á colección permanente no Edificio Castelao e ao convento de Santa Clara, que se converterá en breve no sétimo edificio do Museo.

PROGRAMA

Xoves 24 de novembro

Mañá

9:00h                   Acreditación e acto de inauguración

9:30 h                  De almacén a Centro de Coleccións: un exemplo

Lidia Font Pagès. Responsable de Conservación preventiva e restauración. MUHBA Museu d’Història de Barcelona

10:15 h                Estratexias de sostibilidade: Gordailua, centro de coleccións patrimoniais de Gipuzkoa

Irene Cárdaba López. Técnica de Conservación e Restauración. Gordailua

11:00 h                Descanso

11:30 h                Estudos e consideracións previas á creación e deseño dunha Área de almacenaxe de bens culturais

Maite Barrio. Directora. Albayalde conservatio

12:15 h                Encontrando o almacenamento óptimo do museo. Que podemos aprender dunha avaliación nos Países Baixos

Bart Ankersmit. Investigador senior. Rijksdienst voor het Cultureel Erfgoed (Axencia do Patrimonio Cultural dos Países Baixos)

13:00 h Coloquio

Tarde

16.00 h               Xestión de coleccións en salas de reserva: metodoloxía de traballo en Rexistro e Conservación preventiva

Pureza Villaescuerna Ilazarra. Xefa de almacén de obras de arte Dep. Registro. Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (MNCARS)

16:45 h               Non hai escusa: RE ORG, unha opción sostible para as nosas reservas

Mª Jose Gracia Tarragona. Coordinadora de Conservación Preventiva. Centre de Restauració de Béns Mobles de Catalunya (CRBMC)

17:30 h Coloquio

18:15 h Visita ao Museo  

Venres 25 de novembro

Mañá

9:30 h                  Optimización dos espazos para gardar e xestionar contidos eficientemente

Alberto Lorenzo Mitxelena. Director xeral. EUN Group

10:15 h                O almacén como espazo público, unha novidade consolidada. O caso do Museo de Málaga

José Ángel Palomares Samper. Xefe do Departamento de Conservación e Investigación. Museo de Málaga

11:00 h                Descanso

11:30 h                Centre de conservation et d’étude de Lorraine (Metz). Historia, desenvolvemento e xestión das coleccións arqueolóxicas.

Hélène Anton. Conservadora de patrimonio a cargo das coleccións arqueolóxicas do CCEL. DRAC Grand Est – Service Régional de l’Archéologie

12.15 h                Salas de reserva e conservación preventiva no MARQ Museo Arqueológico de Alicante

Manuel Olcina Domenech. Director. MARQ Museo Arqueológico de Alicante

13:00 h Coloquio

13:45 h Clausura e entrega de diplomas

Tarde

16:00 h               Visita guiada ao complexo conventual de Santa Clara, nova sede do Museo de Pontevedra

Cambio de horario no servizo municipal de recollida de papel e cartón comercial

A Concellería de Limpeza, que dirixe José Carlos González, informa dun cambio de horario no servizo de recollida de papel e cartón comercial.

A partir do xoves 1 de decembro, os establecementos que estean adheridos a este servizo gratuíto deberán cambiar o horario no que deixaban os residuos na porta do local, xa que se recollerá ás 14 h dos martes e xoves.

Os comercios que aínda non estean inscritos e desexen utilizar este servizo poden anotarse no 665571555 ou enviando un email a [email protected] para poder engadilos á ruta de recollida.

Teléfono de recollida de entullos: 665 571 555

Dende a Concellería de Limpeza recordan que depositar entullos na vía pública está prohibido e é obxecto de sanción.

O Concello do Porriño dispón dun servizo de recollida de voluminosos que require de cita previa.  Todos aqueles que queiran desfacerse de voluminosos deberán chamar ao 655 571 555 e o servizo de limpeza municipal indicaralles onde e cando deben depositar estes enseres.

Tamén poden acudir directamente ao Punto Limpo, sito no Polígono A Granxa (Rúa Cíes 187) de luns a venres en horario de 10 a 14 h (os luns tamén de 16 a 20 h).

A Banda de Música Xuvenil de Xinzo e a Coral Cantares únense para celebrar Santa Icía

Este sábado 26 de novembro, a Banda de Música Xuvenil de Xinzo celebra o seu habitual concerto anual en homenaxe a Santa Icía, patroa da música. Este ano o acto será aínda máis especial, posto que a Banda estará acompañada por primeira vez pola Coral Cantares de Xinzo.

A diferenza do ano pasado, nesta ocasión o concerto de Santa Icía celebrarase no auditorio do Centro Cultural de Xinzo ás 19:00h. Como é habitual, nesta data presentaranse aos integrantes da banda. Ademais, leste será o primeiro concerto de Santa Icía dirixido polo novo director da agrupación musical, Rodrigo Iglesias. “Para min é unha honra traballar con estes músicos e todos afrontamos este concerto con moita ilusión e motivación para presentar todo o traballo destes meses”, asegura o director da banda sobre un concerto que “sen dúbida, é un dos máis especiais do ano”.

Pola súa parte, Beatriz Gómez Fandiño, a directora da coral Cantares, móstrase agradecida pola oportunidade de participar no concerto: “Desde a Coral estamos moi contentos e emocionados de poder compartir coa banda a celebración dun día tan importante para os músicos como Santa Icía. Pasar a formar parte desta tradición é toda unha honra”.

O concerto dividirase en dúas partes. Na primeira, actuará a Coral, cuxo repertorio se compón de cancións tan emblemáticas como a versión cantada do poema de Álvaro Cunqueiro Quen poidera namorala, musicalizado por Luis Emilio Batallán, ou a canción de Mecano Hijo de la Luna. E na segunda parte será a quenda da Banda de Música, que interpretará pezas de Reveriano Soutullo, Jacob de Haan e Fernando Boente.

Ao termo do concerto, terá lugar a tradicional cea de Santa Icía no Hotel Balneario de Mondariz tanto para os músicos como para os coristas e aquelas persoas que se inscribiran para acudir.

Loli Castiñeira será a candidata á alcaldía de Movemento Salceda

A actual tenenta de alcaldesa e voceira municipal de Movemento Salceda, Loli Castiñeira, foi ratificada por unanimidade pola Asemblea de Movemento Salceda como candidata á alcaldía para as vindeiras eleccións do 28 de maio. Por vez primeira unha muller liderará a candidatura de MS a unhas eleccións municipais.

Loli Castiñeira, converteuse no 2019 na primeira muller en ser a rexedora do Concello, recollendo así o relevo de Marcos Besada na alcaldía de Salceda de Caselas,  que tralas eleccións renunciou a recoller a súa acta para facilitar un pacto que permitise a MS seguir gobernando. Castiñeira asume agora o liderado da formación local cun obxectivo claro: acadar a maioría absoluta nas vindeiras eleccións municipais. A de Loli Castiñeira foi a única candidatura que se presentou no proceso interno aberto por Movemento Salceda, candidatura que agora ven de ser ratificada pola Asemblea.

A candidata ten unha gran experiencia en xestión municipal despois de tres mandatos como concelleira, tenente de alcalde, alcaldesa e tenente de alcaldesa. No Concello de Salceda pasou por diversas concellarías demostrando unha gran vocación polo servizo público en tódalas áreas polas que pasou. A pesares de ser alcaldesa nos dous primeiros anos do presente mandato, nunca se presentara como cabeza de cartel nunhas eleccións.

Durante estes anos, acumulou experiencia na xestión municipal levando a responsabilidade de diferentes áreas, como Emprego, Persoal, Facenda, Réxime Interno, Parques e Xardíns, Vías e Obras, Comercio, Xuventude, Igualdade,  entre outras. Na lexislatura do 2015 ao 2019, foi nomeada primeira Tenente de Alcalde, ocupando a alcaldía accidental en diversas ocasións.

Esta extensa experiencia en xestión demostrouse durante a súa alcaldía, do 15 de xuño de 2019 ao 15 de xuño de 2021, onde liderou un equipo formado por dous partidos, pero que na práctica traballou unido e leal como un.

Loli Castiñeira foi quen de darlle o seu toque persoal continuando o proxecto de cambio e transformación de Salceda de Caselas iniciado en 2007, rematando nos primeiros meses de mandato actuacións tan importantes como as humanizacións das rúas Gándara e Compostela e a transformación da Praza da Devesa, cunha visión clara de aposta polo social creando gabinetes como o de psicoloxía, ou o servizo de atención temperá, ademais do centro de enfermidades neurodexenerativas .

Pero si algo marcou a alcaldía de Loli Castiñeira foi a pandemia da COVID19 que dende marzo de 2020 golpeu ao mundo. Así, baixo o seu liderado o goberno municipal puxo toda a capacidade e adicación para minimizar as consecuencias da peor crise sanitaria, económica e social en anos para a veciñanza.

Loli Castiñeira, candidata á alcaldía: “É un orgullo e un privilexio liderar a candidatura de Movemento Salceda. Traballarei arreo para alcanzar o obxetivo: a maioría absoluta que permita que Salceda siga sumando”.

Covelo mellora o firme e a sinalización do camiño municipal de Redondo a Vilanova, Barcia de Mera

0

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, informa do remate das obras de mellora do camiño de Redondo a Vilanova, na parroquia de Barcia de Mera.

Para a mellora das condicións de viabilidade nesta pista de titularidade municipal renovouse a rodadura e a drenaxe xa que se atopaba en mal estado con moitos baches e danos provocados polas raíces das árbores, ademais de estar obstruídas as cunetas.

Para executar estes traballos procedeuse ao saneo do firme a través da retirada de raíces e posterior recheo e asfaltado con mestura bituminosa en quente. Tamén se colocou sinalización vertical e se pintaron tres stops nos puntos necesarios e garantir así maior seguridade vial.

As obras tiveron un custe total de 50.774,65€ con cargo ao Plan de Mellora de Camiños Municipais 22-23 de AGADER.

O goberno do Concello de Covelo continúa na súa aposta por servizos e infraestruturas públicas de calidade que faciliteno día a día da veciñanza.

En Tomiño as compras de Nadal teñen premio

0

O Concello de Tomiño continúa coa súa aposta por dinamizar o comercio local, especialmente cando se achega unha das épocas máis importantes do ano a nivel de vendas. O Goberno municipal acaba de lanzar unha nova edición de ‘Nadal + Nadal. As túas compras de Nadal en Tomiño valen dobre’, unha campaña coa que se busca premiar tanto aos establecementos tomiñeses como a todas aquelas persoas que realizan as súas compras no propio municipio.

“Queremos apoiar ás nosas e nosos comerciantes, pero tamén a toda a veciñanza. O grande éxito das dúas edicións anteriores demostra que iniciativas coma esta son un grande aliciente que nos permite dar pulo ao noso comercio e fomentar as compras nos locais que temos ao lado da casa”, explica a alcaldesa, Sandra González, que salienta que a campaña “permite dar continuidade ás accións de apoio á economía local que desenvolve o Concello ao longo de todo o ano”.

Os comercios interesados en participar na campaña poden xa inscribirse dende hoxe mesmo ata o vindeiro 30 de novembro a través da sede electrónica da web do Concello. Como recollen as bases, poderán participar todos os establecementos locais agás aqueles que desenvolvan a súa actividade nos mercados municipais e comercios de primeira necesidade como panaderías, carnicerías, peixarías, farmacias ou supermercados pertencentes a grandes cadeas, aínda que si poderán formar parte da campaña pequenas tendas de alimentación de ámbito local.

Pola súa banda, dende o 9 ao 27 de decembro os usuarios e usuarias disporán dunha urna en cada un destes locais onde depositar tíckets de compra por un valor de entre 20 e 100 euros xunto cos seus datos persoais. Será o propio 27 de decembro cando se abran as urnas no salón de plenos do Concello ás 20.30 horas e se proceda ao sorteo de vales de compra polo dobre do valor de cada un dos recibos gañadores. Extraeranse os tíckets necesarios ata que a suma de todos eles sexa igual ou inferior a 1.500 euros, polo que durante esta campaña entregarase aos gañadores ou gañadoras vales de compra por un valor total de ata 3.000 euros.

Por outro lado, coa intención de fomentar a creación dun ambiente agradable e atractivo este Nadal en todos os establecementos tomiñeses, ao participar nesta campaña do 9 de decembro ata o 6 de xaneiro os comercios deberán decorar os seus escaparates ou locais con elementos naturais e reciclados de base acompañados da decoración de Nadal. Deste xeito pasarán a formar parte do concurso ‘Ruta Nadal + Nadal’, unha iniciativa que premiará a decoración más orixinal nas modalidade de mellor escaparate e mellor local, que suporá un premio en metálico de 500 euros a aqueles comercios que acaden o primeiro posto e 250€ ao segundo.

Dende o Concello, conscientes de que son moitos os establecementos participantes nesta campaña que están a facer un grande esforzo por mellorar as súas decoracións ano a ano, estableceuse que nesta edición non se premiarán aqueles locais ou escaparates que lograron algún galardón nas edicións de 2020 e 2021. Os gañadores serán escollidos por un xurado composto por dous representantes do comercio local, un representante do Concello de Tomiño e tres artistas locais. O veredicto coñecerase o 27 de decembro ás 21.30 h.

Nigrán e a Fundación Carlos Casares convocan certames de relato curto e fotografía

0

O Concello de Nigrán e a Fundación Carlos Casares volven a camiñar da man para convocar un certame de relato curto entre todo o alumnado dos centros educativos públicos e concertados do municipio (Primaria, Secundaria e ESO) e amplían a iniciativa ao eido fotográfico. O obxectivo é, un ano máis, homenaxear a un dos veciños máis ilustres de Nigrán, Carlos Casares, e promover ao autor entre a mocidade. Nesta ocasión o concurso de escrita leva por título ‘Toribio: unha aventura en Nigrán’ e o de fotografía ‘Paulino apreta o botón’ e o prazo de presentación de propostas será do 1 de xaneiro ao 11 de marzo. O fallo se dará a coñecer o 22 de Abril e os premios se entregarán nunha gran gala cultural o 29 de Abril no Auditorio Municipal bautizada como ‘Carlos Casares: no Camiño das Artes’. As bases con toda a información están penduradas na web www.nigran.es e www.fundacioncarloscasares.org.

“O ano pasado xa realizamos un primeiro certame de relato curto e agora damos un paso máis e ampliamos ao eido fotográfico. O obxectivo é honrar a memoria dun dos nosos veciños  máis ilustres e queridos. Para Nigrán é un orgullo que Carlos e Cristina elixisen vivir en Vilariño e que aquí virán medrar aos seus fillos, as súas ilusións, os seus libros e os seus proxectos”, sinala o rexedor, Juan González, quen aposta por manter estes certames de xeito anual.

No caso de ‘Paulino apreto o botón’ os participantes deberán presentar fotos feitas no municipio que sirvan como reclamo publicitario dalgúns dos seus aspectos turísticos, patrimoniais, gastronómicos, etc. A profesión de Paulino é a de axente de publicidade e, polo tanto, deben seguir os seus pasos para acadar unha imaxe que o xurado determinará como merecedora de ser premiada, a cal deberá aunar calidade, vistosidade e aporte publicitario. Neste certame haberá unha primeira categoría de (1º, 2º, 3º de Primaria), segunda (4º, 5º e 5º de Primaria) e ESO.

No caso de ‘Toribio: unha aventura en Nigrán’, os participantes deberán presentar un relato curto no que o neno Toribio (outra personaxe creada na ficción por Carlos Casares), viva unha das súas apaixonantes aventuras nalgún lugar do Concello de Nigrán. Neste caso, o certame ten dúas categorías: unha para alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria e outra para ESO.

“Pretendemos perpetuar máis se cabe o seu legado, facendo entre outras cousas caso dunha das moitas reflexións que nos deixou cando dixo aquelo de que “as cousas da mente, comezando pola lectura, hai que cultivalas para que non enferruxen”. Non debemos esquecer que os valores e hábitos relacionados coa cultura deben ocupar un relevante espazo nos inicios e etapas medias do período formativo dos alumnados (primaria e ESO), posto que co desenrolo dos mesmos o seu crecemento educacional resultará favorecido”, sinalan pola súa banda desde a Fundación Carlos Casares.

A problemática da saúde mental, protagonista no pleno infantil de Ponteareas

Ponteareas volve encherse da voz da súa infancia e mocidade. Ao abeiro do Día Universal dos Dereitos da Infancia, celebrado este 20 de novembro, o salón de plenos do Concello acolleu unha nova sesión do pleno infantil presidido pola alcaldesa, Cristina Fernández Davila, acompañada polo concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, e na que participaron representantes de todos os centros educativos de infantil, primaria e secundaria da vila, así como concelleiros e concelleiras.

Un pleno que tivo como protagonista principal a saúde mental, unha problemática cada vez máis visíbel e con doenzas que, como sinalou a rexedora, “calquera das persoas que coñecemos e que nos rodean e nós mesmos podemos padecer. A pandemia á que nos enfrontamos coa COVID-19 fixo que este tipo de enfermidades difícil de detectar e de tratar foran máis habituais do debido e que emerxeran dunha forma rápida e drástica entre a poboación máis nova”. “Celebrar este pleno permítenos escoitar a vosa voz, as vosas opinións e achegarnos ao voso punto de vista da realidade, por iso lle damos a mesma importancia que a calquera outro pleno que celebremos no Concello”, explicou a rexedora.

Para abordar esta temática dun xeito o máis integral posíbel, o pleno infantil contou tamén coa intervención de representantes da Asociación Avelaíña, que dende hai anos traballa na comarca para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por enfermidades mentais e das súas familias e que este mesmo ano abriu un centro de atención de día en Ponteareas. “Quero darlle os parabéns polo seu magnífico traballo e por ter feito posíbel que dende que asinamos o primeiro convenio de colaboración as prestacións e atención aos usuarios e usuarias foron medrando ano a ano”, destacou Fernández Davila.

Por outro lado, por primeira vez o pleno contou coa presenza de representantes do Consello da Infancia e da Adolescencia de Ponteareas, ‘Mentes Novas’, ao que a alcaldesa quixo agradecer “o intenso traballo que estades a desenvolver para facernos chegar a vosa opinión, a vosa visión, e poder mellorar o voso día a día e favorecer a igualdade e a inclusión de todos os nenos, nenas e adolescentes. Moitos parabéns, sabedes que contades con todos os recursos ao noso alcance. E moitas grazas por dar voz propia a Ponteareas nos foros autonómicos e estatais, achegando a nosa visión e experiencias”.

I Carreira pola Igualdade en Arbo

0

O Concello de Arbo organizará o domingo 27 de novembro, a partir das 10:00 horas da mañá, na Praza do Concello, a I Carreira Contra a Violencia de Xénero “KM pola Igualdade”.

Esta proba entra dentro da laboura e compromiso social do Concello de Arbo na loita pola igualdade e prevención da violencia de xénero a través da práctica do exercicio físico saudable.

A proba estará controlada polo Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.

PARTICIPANTES: Neste evento poderán tomar parte participantes federados e NON Federados. A idade mínima para poder participar será de 11 anos.

LUGAR DE SAÍDA e META: A saída e meta das probas estará situada na Praza do Concello de Arbo (Aquí)

PERCORRIDO: Seguirá unha ruta de 3,42 km nos arredores do Concello de Arbo (Casa Consistorial)

INSCRICIÓNS: Ata o 25 de novembro ás 14:00h

PREMIOS: Medalla ou trofeo aos tres primeiros clasificados da carreira , sexa cal sexa a súa categoría.

Trofeo ao colectivo, clube ou asociación que aporte mais participantes á proba.

AVITUALLAMENTO: Haberá servizo de avituallamento líquido na zona de meta a disposición dos participantes. 

RECOLLIDA DE DORSAIS: Realizarase na zona de saída / meta (Praza do Concello) desde ás 09:30 horas e ata 30’ antes do comenzo da proba.

Inscrición na seguinte ligazón 

https://carreirasgalegas.com/carreira/i-carreira-pola-igualdade-contra-a-violencia-de-x-nero-arbo/d83b521b-13f7-d25a-72a7-3a0768cabe31.

A compañía Contraproduccións chega ao Teatro Municipal de Tui con Cigarreiras

0

Contraproduccións pecha este venres día 25 ,ás 21.30 h, no Teatro Municipal de Tui, a extensa programación de outono que se celebrou durante o pasado mes de outubro e este mes de novembro.

Contraproduccións representará ‘Cigarreiras’, un drama baseado en “La Tribuna” de Emilia Pardo Bazán. Nesta proposta dramatúrxica, con sete actrices en escena, conxuga o ton propio dun drama individual e colectivo, con outros máis frescos e lixeiros, incluso cómicos por momentos, característicos da narrativa de Pardo Bazán.

A obra, que se basea significativamente na citada novela, constitúe un produto literario-dramático derivado pero independente, nun texto que aborda unhas situacións e referencias históricas de interese cultural. Nelas, unha relación imposible entre unha proletaria e un burgués que transcorre nunha época confusa e convulsa levou á proclamación da I República.

Amais, trata temas vivos hoxe en día como a memoria colectiva, perspectiva de xénero, dialéctica de modelos sociais e políticos, etc.

Baixo a dirección de Cándido Pazó dirixe o elenco formado por Tamara Canosa, Susana Dans, Merce Castro, Isabel Naveira, Covadonga Berdiñas, Ana Santos e Ledicia Sola.

A obra recibiu os Premios María Casares 2022 á Escenografía, Dirección e Mellor espectáculo e amais foi galardoada co Premio do Público 2021 no Festival Internacional de outono de Carballo.

As entradas están dispoñibles en www.tui.gal aos prezos de 8 e 6 euros, este último coa tarifa reducida presentando o documento acreditativo de o carné xove,  carné de estudante, da Biblioteca de Tui, familia numerosa, carné de discapacidade, desemprego ou xubilación e menores de 12 anos.

Nigrán abre o prazo de participación no programa ‘Xuntos polo Nadal’

0

Os Servizos Sociais do Concello de Nigrán informan que a Consellería de Política Social convoca o programa “Xuntos polo Nadal” destinado a persoas de 60 anos ou máis que se sirvan por si mesmas e que por distintas circunstancias se atopen soas na época do Nadal. Trátase dunha estancia gratuíta de 8 días con aloxamento e pensión completa na residencia de tempo libre de Panxón, para os solicitantes da provincia de Pontevedra.

A estancia poderá ser entre o 23 e o 30 de decembro do 2022; ou ben, na segunda quenda, entre o 31 de decembro e o 7 de xaneiro de 2023.

O prazo para solicitalo finaliza o luns 28 de novembro. Os interesados poderán dirixirse aos Servizos Sociais do Concello (cita previa – 986 365 000) para a inscrición.

Finalizadas as obras de Ponte Cordeiro en Salvaterra de Miño

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, finalizou as obras de protección da cimentación das pilas e reparación de alzados de Ponte Cordeiro. T.M. de Salvaterra de Miño (Pontevedra).

Proxecto

No primeiro semestre do ano 2022, o Concello de Salvaterra de Miño trasladou á CHMS os problemas que presentaba a estrutura da ponte do Cordeiro, sobre o río Tea; as incidencias consistían, principalmente, no descalce do encepado das pilas, situadas no leito do río, así como algunhas fisuras e o desprendemento superficial das armaduras do taboleiro da ponte.

En aras da colaboración institucional que presta a CHMS ás entidades locais, o organismo de conca redactou o proxecto de protección da cimentación das pilas e reparación de alzados de Ponte Cordeiro, formalizando o contrato de obras o 4 de outubro de 2022 coa empresa Obras Gallaecia, S.L. por un importe de 70.119,50 €, finalizándose os traballos con data 10 de novembro de 2022.