10.8 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeA ParadantaCoveloA primeira cita micolóxica de Covelo reúne a persoas de toda a...

    A primeira cita micolóxica de Covelo reúne a persoas de toda a área metropolitana

    “Desfrutar dunha ruta a pé arrodeado de carballos, fauna e flora autóctona na boa compaña de todos e todas as asistentes con guias expertos, con exposición enriquecida polos coñecementos  de Manuel Garea e Alfonso Rey da asociación Micolóxica A Zarrota fai que un sábado de outono sexa irrepetible e que nos animemos a seguir organizando novas xornadas”, así o resume a asociación Covelo Natural que este sábado tivo que deixar a persoas en listaxe de espera.

    Aos dous días de abrir o prazo de inscrición as prazas dispoñibles xa estaban reservadas xa que son moitos e moitas as que, cada ano, agardan a celebración desta actividade. Persoas de toda a área metropolitana achegáronse a Covelo, de Vigo, Baiona, Nigrán, Redondela, Salvaterra, Salceda de Caselas, As Neves, A Caniza e así ata completar o grupo.

    Ofrecer unha xornada que contemple todos os aspectos precisos para introducirse no mundo da micoloxía é un dos obxectivos e por este motivo primeiro realizan unha identificación das variedades máis frecuentes na comarca para logo saír ao campo, nesta ocasión a Piñoi, ao regreso expor os cogumelos atopados e xa como colofón final, cociñalas e degustalas no bar Buraco.

    Primeira vez en Covelo

    Este ano as persoas participantes tiveron a oportunidade de escoitar aos expertos Manuel Garea Castro e Alfonso Rey Pazos da asociación micolóxica A Zarrota que por vez primeira visitaban o noso concello e estudosos dos cogumelos dende hai máis de trinta anos. Con eles as persoas participantes aprenderon a valorar e conversaron arredor das especies atopadas, entre outras moitas máis comúns nesta comarca. Dende velenosas como a amanita phalloides ou a muscaria (seta dos enanitos ou brincabois) ata comestibles como cantharellus tubaeformes (angula de monte) foron observadas e estudadas no auditorio municipal de Covelo.

    O alcalde, Pablo Castillo, valora moi positivamente este tipo de iniciativas que axudan a enriquecer non só ás persoas participantes, tamén a veciñanza en xeral que pode interactuar cos e coas visitantes. “Estas actividades ofrecen coñecementos, amosan a nosa paisaxe, a poñen en valor a nosa riqueza natural e dan vida aos negocios locais polo que o concello valora moito o traballo tanto de Covelo Natural como o de todas aquelas asociacións e colectivos que contribúen a dinamizar o noso día a día”.

    A asociación Covelo Natural oferta unha nova xornada, en colaboración co Concello de Covelo, o vindeiro sábado día 3 de decembro con saída guiada, exposición das variedades atopadas, proxección dun documental sobre o papel ecolóxico dos fungos, debate e, para pechar o día, obradoiro de micograstronomía con degustación e música en vivo no restaurante Lemos da Ermida, Covelo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.